Uxío Novoneyra, homenaxe do Club Faro de Vigo

11 Maio 2010

Autores,Debates,Noticias,Poesía

Magnífico foi o nivel literario da homenaxe que onte o Club Faro de Vigo rendeu ao poeta Uxío Novoneyra diante dun salón ateigado.

Comezou Branca Novoneyra sinalando a dedicación obsesiva do seu pai á poesía e súa alta palabra, subliñando que foi a intención da súa familia conseguir que fosen reeditados todas as súas obras nas condicións que o poeta definira.

Logo, Carme Blanco fixo unha memorable intervención arredor da poesía de Novoneyra, a quen definiu como «cantor total de profundo lirismo e perfección formal» e como «poeta resistente da leila da terra e da loira da lingua», sinalando os ámbitos míticos e do contato no contextos dos ciclos da súa obra. Detívose con particular vagar en analizar Os Eidos, «unha obra que leva todos os tempos, as cousas, as xentes do Courel». Rematou a autora de Alba de mulleres expresando que lle «conmovía a sensibilidade de Novoneyra coas vítimas do poder, máis alá de que coincidise coa súa ideoloxía.»

Rematou as intervencións o presidente Ferrín que comezou precisando que Novoneyra «é un anti-Pessoa, o poeta aquí non é un finxidor, Novoneyra era o poeta mesmo, a poesía foi a súa forma de estar no mundo, Novoneyra producíase en forma poética». Logo sinalou que Uxío foi gran home pensante e actuante: «Novoneyra é o poeta cidadán, que paseaba as rúas, era un poeta de metro, incansable paseante das beirarrúas urbanas, que ollaba con mirada profunda aos traballadores de Madrid. Novoneyra non foi un poeta rural. Novoneyra é múltiple, ambiguo, clásico, un autor no que hai mensaxes cifradas para as máis variadas mentalidades». Para Ferrín o do Courel foi «poeta felizmente ateo, profundamente materialista. Poeta colosal, persoa extraordinaria, única. Estivo no combate antifascista como os mellores poetas do século XX, como Paul Eluard.» A continuación precisou que «sendo popular, non foi nunca coloquial. Novoneyra foi o máis radical dos poetas galegos, facendo folga xeral contra a historia», enfantizando que «nunca foi nin telúrico nin panteísta como interpretan agora algúns». Momento extraordinario da velada foi cando o presidente Ferrín recitou catro poemas de Uxío para logo comentalos con entusiasmo didáctico: «Novoneyra posuía o don onomástico, sabía darlle nome aos lugares e ás persoas proporcionándolles unha vida nova, luía os topónimos enigmáticos, unha forma de dicir que había que salvar a patria». Rematou Ferrín dicindo que «toda a obra de Novoneyra foi unha espiral, esa imaxe do cosmos en proceso de autoxeración permanente, a imaxe, tamén, da construción da patria. Viva Novoneyra!»

Chuzame! A Facebook A Twitter

2010, Ano Novoneyra

30 Outubro 2009

Autores,BLG,Crónica,Homenaxes,Infantil,Merlín,Noticias,Reedicións

Como ben recorda Galicia hoxe, tal día coma hoxe de hai dez anos morreu Uxío Novoneyra, o grande poeta ao que renderemos homenaxe ao vindeiro 17 de maio.  Con este motivo Xerais traballa nestes meses en diversos proxectos editoriais arredor da obra e da súa figura, dos que anunciamos os de próxima aparición:

Dentro da colección XERAIS CLÁSICOS publicarase unha nova edición d’ Os eidos, baixo os criterios da preparada por Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco en vida do poeta.

Na serie ESTUDOS LITERARIOS, Xosé Lois García agarda a publicación de Uxío Novoneyra revisitado, colección de ensaios arredor da peripecia biográfica e literaria do poeta do Courel.

Carmen Blanco prepara para a colección LETRAS GALEGAS Uxío Novoneyra. Vida e obra.

Na colección MERLÍN e dirixida ao público máis novo, Fran Alonso ultima Uxío Novoneyra. Biografía e antoloxía.

Mario Regueira traballa para XERAIS CRÓNICA no libro Novoneyra e o seu tempo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Miscelánea de textos breves

4 Setembro 2008

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Xosé Manuel Eyré publica no diario electrónico A Nosa Terra unha crítica de Atracción total, o libro de Carmen Blanco publicado en Xerais Narrativa. Recollemos un dos parágrafos máis significativos do texto:

O uso da primeira persoa (hai protagonista) permite que moitos textos poidan ser considerados como microcontos, aínda que o lategazo final climático se dirixe á esfera emocional do lector, algo típico da poesía. Mais polo común son microrrelatos. A filiación poética, malia estaren escritos en prosa, é, en moitísimos casos, máis que evidente; en si, xa no nacemento eran poesía, outra cousa é como se manifesten, alén de que se bote man de recursos poéticos, sobre todo de repetición (onde o segundo membro, ademais de funcionar como intensificador debe evocar contraste). Polo demais hai textos que ben poden ser considerados microhistoria (salientamos aqueles que reivindican os nomes e figuras das mulleres dos represaliados, as historias oficiais adoitan pasar por riba deles moi inxustamente), noutros casos están moi próximos ao microensaio, a un microensaio no que á súa vez conflúen poesía e filosofía, de aí que os achemos como poéticos ou filosóficos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Atracción total", crítica en lg3

2 Setembro 2008

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Montse Pena Presas publica en lg3 unha crítica sobre Atracción total, o máis recente libro de narrativa de Carmen Blanco. Recollemos o primeiro e o derradeiro parágrafos do texto:

Unha sorte de caixa de Pandora da que non deixan de saír historias da xénese máis diversa para quen goce coas tramas que se perden e se reencontran, para quen ature o caos e, moi especialmente, para quen saiba remexer, paciente, nun baúl de palabras, ata quedar coas que debe gardar. Carmen Blanco tece a súas redes con dúas premisas: a defensa da liberdade e o feminismo activo.

Este non é un libro para aqueles lectores e lectoras que procuren unha ficción convencional ao uso, tampouco para os que esperen atopar tras estas páxinas liñas e liñas que subliñar., nin tan sequera para os amantes do relato brevísimo. Atracción total é para quen goce coas tramas que se perden e se reencontran, para quen ature o caos e, moi especialmente, para quen saiba remexer, paciente, nun baúl de palabras, ata quedar coas que debe gardar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro da Coruña

22 Xullo 2008

Presentacións

Xerais participará nos seguintes actos da Feira do Libro da Coruña, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Carmen Blanco, entrevista en «Galicia Hoxe»

13 Xuño 2008

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

O xornal Galicia Hoxe publica unha entrevista con Carmen Blanco a raíz da súa publicación de Atracción total na nosa colección de Narrativa. Transcribimos un fragmento:

Esta obra “caleidoscópica e fragmentaria” é para Carmen Blanco unha “aposta pola vida no sentido máis profundo, entendida como pracer e exercicio das liberdades individuais e colectivas e que implica a aceptación dos desexos dos demais e dos propios”.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Atracción total", adianto da crítica de X.M. Eyré

4 Xuño 2008

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

O crítico X. M. Eyré adianta hoxe no seu blog as primeiras impresión críticas de Atracción total, o libro de narrativa de Carmen Blanco. Recollemos uns fragmentos do seu texto:

“Xa adiantei que me parece un libro atrevido, equilibrio sen rede entre o literario e o non literario. Entre os lectores espertará admiradores apaixonados e detractores convencidos, aventuramos.

O que se di, para o crítico, un libro “polémico”. Moi polémico.

Porque explora as fronteiras do feito literario, non é un tópico. Porén esa exploración pode non ser percibida, pode causar desagrado e mesmo pode ser considerada un “exceso”, un “capricho” consentido.

Porque a tal exploración, non se produce nos lindes difusos mais definidos do feito literario clásico. Desde os ollos do feito literario clásico os textos (ou textículos, ao Cortázar, que cadra ben coa temática erótico-amorosa, imprescindíbel aquí), eses textos seguramente serán vistos como xenialidades ou algo polo estilo.

É mais, teño a impresión de que así foi concebido pola autora, Carmen Blanco.

Do que non teño dúbida é de que tamén foi concebido como un caderno de sensibilidades e de emocións. E como unha homenaxe cuádrupla: ao amante, ao amor, á liberdade, á Terra. Sei que é moito resumir, pero non penso que erre.”

Chuzame! A Facebook A Twitter