Carlos Reigosa: En «Tras da corda» está reflectida unha identidade do rural galego. Conta de onde vimos. Entrevista de Camilo Franco

5 Marzo 2012

Entrevistas,Narrativa

La Voz de Galicia publica unha entrevista de Camilo Franco con Carlos G. Reigosa sobre Tras da Corda.

 

«O libro conta a Galicia de onde vimos»

Pasaron trinta anos e os dous libros (Homes de tras da Corda e As pucharcas da lembranza) de relatos que escribiu Carlos G. Reigosa con paisaxe en Tras da Corda volven convertido nun, acentuando ese carácter de espazo literario pero tamén antropolóxico en Tras da Corda (Xerais).

—Trinta anos despois, ¿que cambiou?

—En primeiro lugar cambiou a normativa e os libros precisaban a actualización porque nalgúns casos se me queixou xente de que non respondía á normativa actual. Tamén cambiou o mundo e ese territorio particular que eu conto no libro xa non existe. Desapareceu coa chegada do progreso. Para min, ademais, volver a eses contos provócame unha evocación constante dos anos oitenta e das circunstancias que rodearon á saída dos libros.

—En trinta anos un escritor e un lector cambian moito. ¿Cal é a lectura que fai agora dos dous libros reunidos?

—Fóra dos cambios ortográficos, os dous están como estaban. Eu disfrutei volvendo aos libros. Pero tamén sufrín. Sufrín porque cando escribín quizais non fun tan consciente como agora dalgunhas das crueldades deses relatos, dos seus personaxes. Eu sabía que a sociedade daquela era machista, pero quizais entón non fun tan consciente do machista que era. Quizais agora son máis sensible como lector, pero creo que é máis que a sociedade cambiou moito e había máis dureza. Pero entón estaba asumida. Algúns dos relatos doéronme agora como non doeron daquela.

—¿Que atopou nos seus contos na nova lectura?

—O que atopei foi algo que xa estaba pero do que agora son moito máis consciente e que, se o podo dicir eu, mantén o valor que poida ter o libro. O libro conta de onde vimos. Porque Galicia chega do rural e, mesmo ata non hai tanto tempo, as cidades galegas asumían a súa orixe rural e con ela os comportamentos e as actitudes propias. Agora iso desapareceu e houbo cambio. Eu entendo que nesas historias de Tras da Corda queda reflectida unha identidade que se correspondía co rural galego. Agora habería que preguntarse cal é a identidade da Galicia de agora.

—¿Tivo tentacións de cambiar o xeito de contar?

—Podía ter feito cambios, pero preferín que os relatos quedasen tal cal. Hai trinta anos era novidoso nas letras galegas unha escrita descarnada, concisa, directa. Máis periodística se o queres dicir así. Preferín que seguise así porque creo que é a que casa mellor coas cousas que conto. Tamén porque esas historias proceden da imaxinación dun espazo máis que da miña imaxinación. Logo tamén porque sempre quixen situarme o máis lonxe posible do ruralismo.

Camilo Franco

Chuzame! A Facebook A Twitter

Agustín Fernández Paz: «Fantasmas de luz», coa historia dun home que traballa toda a vida nun cine e queda no paro, quere ser unha crítica do sistema

20 Decembro 2011

Autores,Entrevistas,Infantil

La Voz de Galicia publica unha entrevista de Camilo Franco con Agustín Fernández Paz sobre o seu novo libro, Fantasmas de luz.

 

Agustín Fernández Paz: «Os parados son a materia escura»

A nova novela de Paz aproveita o cine para falar da invisibilidade

O personaxe principal de Fantasmas de luz, a novela de Agustín Fernández Paz, tivo no cine a súa universidade. Foi proxeccionista ata que calquera das formas máis inmediatas do neoliberalismo acabaron co seu posto de traballo. Nesa universidade aprendeu unha máxima: «Nunca poderán con nós, somos o pobo». Foi na clase As uvas da ira, impartida por John Ford.

-No libro hai dúas argumentacións para a mesma historia.

-Quería escribir sobre a desfeita que está cometendo o capitalismo desde a caída do muro de Berlín. Pero non quería escribir un ensaio, quería utilizar as ferramentas da ficción e para iso tiña que darlle corpo a unha historia con personaxes e cunha trama. Por un lado quería facer unha crítica dura do sistema, pero por outro quería explicar o moito que importan os soños e a necesidade de que nos conten historias. No cruce desas dúas intencións está a historia dun home que traballa case toda a súa vida nun cine e queda sen traballo.

-No seu libro toma corpo esa idea de que ir ao paro é un xeito de desaparecer.

-Mesturo un contexto realista cun elemento fantástico. Neste caso é que o matrimonio protagonista, tras quedar os dous no paro, comezan a volverse transparentes. Están aí pero o mundo non os ve. Ese é un dos grandes perigos desta crises, que hai xente que desaparece.

-¿Considera que a sociedade é demasiado pasiva diante da dureza dos cambios?

-A impresión que eu teño é que os cambios que veñan, que van vir, non chegarán só a nivel local, senón que serán cambios globais, como global é o capitalismo agora e tamén é global o deterioro da natureza. O que non chego a albiscar agora, pero que pode estar sucedendo, é que, como dicía Marx, hai varias toupas furando na actualidade e non o sabemos, e quizais esteamos só intuíndo o que está sucedendo realmente. O que si quero crer é que esa consigna de que somos o 99 % segue sendo auténtica e debe impoñerse, e que esta forma de capitalismo está condenada a desaparecer polos seus métodos.

-Fala no libro da invisibilidade e da exclusión que provoca quedarse sen traballo. ¿Cre que é un mal difícil de combater?

-Eu creo que hai moita pasividade e que iso afecta a un certo espellismo porque en moitas partes a crise non se nota coa dureza que está tendo. De feito, eu vou por Vigo, onde se di que o 30 % da xente non ten xa ingresos regulares, e vexo as terrazas cheas como se non houbese crise. O que sucede é que a xente que non ten ingresos desaparece. Vas pola cidade e non se ven: os parados son a materia escura. Así que hai una aparente normalidade que produce a inclusión dunha parte da poboación que, por outra parte, é cada día máis grande.

-Na súa historia, ¿a onde conduce a situación de exclusión?

-A novela conta a historia dunha xente que pasa dunha situación a outra, conta o proceso de como se vai volvendo transparente, que se pode entender como unha metáfora do que sucede na actualidade. Eles son conscientes do proceso que están padecendo. Pero a historia ten un final que non podo desvelar porque rebentaría a historia, un final que garda moita relación coa resolución da película As uvas da ira, de Ford, que me parece unha historia de moita actualidade agora mesmo, e no que se apunta un xeito de enfrontarse á esta situación á que nos trouxo o capitalismo no que vai de século.

Camilo Franco

Chuzame! A Facebook A Twitter

An Alfaya: «Quixen ser escritora e lectora». Entrevista de Camilo Franco coa autora de «Vía secundaria»

7 Novembro 2011

Entrevistas,Narrativa,Premios

Camilo Franco publicou en La Voz de Galicia unha entrevista con An Alfaya, autora Vía secundaria, Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia 2010.

«Quixen ser escritora e lectora»

A novela Vía secundaria acaba de cumprir outra etapa. Primeiro, foi gañadora do Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia 2010 e publicada nas páxinas deste periódico e, desde hoxe, está nas librerías en formato libro. A novela de An Alfaya foi presentada onte en Librouro, en Vigo.

—Para un autor, ¿que diferenza hai entre presentar unha obra diariamente nun xornal e facelo nun libro?

—A diferenza é na escrita. Nunha novela para un xornal hai unha esixencia de espazo. Hai que conter a linguaxe, non podes esmerarte nin recrearte nas descricións. Hai que utilizar máis substantivos e menos adxectivos. Cada capítulo ten que pecharse estimulando no lector a continuación para o día seguinte. Cada capítulo, un co outro, ten que levar ao lector ata ao fi nal.

—No tránsito dun soporte a outro, ¿non tivo a tentación de incorporar cousas que deixou fóra por cuestións de espazo?

—Non tiven a tentación de facelo porque sería outra novela. Os bosquexos estaban perfi lados, os personaxes están aí. Quizais engadir cousas sería abrir outras vertentes e a novela variaría moito. Non gañaría na trama argumental.

—¿Que lle dixeron os lectores despois da publicación no xornal?

—Os lectores non teñen o costume de continuar a lectura. É difícil atopar un lector con seguimento diario, aínda que houbo xente que se enganchou á historia e a seguiu. Outra xente dixo que quería ler a historia continuada, pasando de capítulo a capítulo.

—¿Esa estrutura marcada foi un problema ou un estímulo?

—Foi un estímulo. Quixen ser escritora e lectora. Escribín un capítulo cada día e non avanzaba ata lelo ao día seguinte. Tardei eses mesmos 31 días en escribir, uns días unha hora e outros tres. Pero non avanzaba antes de deixar o capítulo para ler ao día seguinte.

—¿Seguir ese método sírvelle para outros proxectos?

— Non fago ese prantexamento. Mentres estou escribindo procuro disfrutar do que fago. Cando me poño a escribir algo novo, todo é unha aprendizaxe. Son partidaria de que os personaxe me conten a min máis que eu contar aos personaxes. Non quero ser unha narradora que lle dite o camiño aos personaxes porque me produce certo desasosego, mesmo cando leo, que os personaxes non teñan vida propia. Eu prefi ro que pareza que son eles os que escriben.

—¿Ese sistema do que fala obrigoulle a pensar máis no lector que outras veces?

—Eu son bastante egoísta cos lectores. Como escritora non penso moito no lector. Escribo pensando no que quero contar e logo me fago a pregunta de se interesará ou non. Neste caso, ademais, xa fora fi nalista noutra edición e xa tiña certo entrenamento. A primeira vez foi máis traballosa e nesta ocasión xa tiña certo entrenamento.

—Seguindo o refrán, ¿haberá unha terceira vez?

—Non teño pensado presentarme outra vez porque creo que non me debo presentar a un premio que xa gañei. Podería repetir no método de traballo, pero creo que non vai ser porque a vida organizamoitas cousas. Podería traballar cun guión fi xo, cun espazo marcado. Como exercicio non o descarto porque fóra do premio nunca me marquei prazos nin espazos. Pero agora non o vexo.

—Unha das cousas que se salientaron do libro era a ambientación opresiva.

—É unha historia contemporánea. A vía secundaria que dá título fai de eixo, pero os personaxes son xente coma nós, en continua busca e en continua perda. Son perdedores. A ambientación é opresora nese sentido. A historia ten como punto de partida un accidente de circulación que desencadea reaccións diferentes, pero os personaxes son moi do día a día.

Camilo Franco

Chuzame! A Facebook A Twitter

Ramón Nicolás, autor da biografía sobre Celso Emilio Ferreiro que publicará Xerais: «foi famoso pero nunca chegou a vivir da literatura»

Biografía,Entrevistas,Noticias

La Voz de Galicia publica unha entrevista de Camilo Franco con Ramón Nicolás sobre a biografía de Celso Emilio Ferreiro que Xerais editará en 2012.

«Ferreiro foi famoso, pero nunca chegou a vivir da literatura»

A biografía sobre o poeta aproveitará gran parte da súa correspondencia

O ano próximo escoitaranse en máis dunha ocasión as palabras de Celso Emilio Ferreiro (CEF) grazas á declaración realizada polo Parlamento de Galicia. Ramón Nicolás ultima unha biografía sobre o escritor, que, segundo el, creou unha escola poética en Galicia.

-¿Que dificultades ofrece a figura de CEF desde o punto de vista do biógrafo?

-Primeiro fun lector, claro, pero levo case dúas décadas transitando pola obra literaria que Celso Emilio deixou e por algúns capítulos da súa vida ata que se deron unhas circunstancias que propiciaron internarme no seu perfil máis persoal, fundamentalmente porque un dos nosos autores máis relevantes carecía aínda dunha biografía integral que xuntase o periplo vital e a súa proxección literaria e política. As dificultades foron as habituais: recadar información, édita e inédita, interpretar documentos, esculcar nas cartas conservadas ou entrevistar as persoas que tivesen algo substancial que dicir sobre o autor.

-¿Que novidades achega a súa biografía sobre a figura do escritor?

-Creo que o novidoso pode radicar tanto na valoración que as persoas que o trataron tiveron a ben compartir, a través de entrevistas persoais ou a través de textos escritos que me cederon, como na abondosa información de primeira man que procede do seu epistolario e arquivo persoal. Aí están espelladas as liñas de sentido dunha vida en que, por exemplo, as cartas eran un medio fundamental de comunicación, e máis nun tempo difícil no que violaba unha e outra vez a confidencialidade das mesmas, polo que ás veces cómpre ler entre liñas. Malia isto, nestas cartas está case todo: os proxectos levados a cabo e os que se frustraron, as filias e as fobias, os amigos, os inimigos, a política e as polémicas.

-Nun sentido amplo, CEF foi un escritor famoso, valorado no seu tempo. ¿Como afectou iso á interpretación da súa obra?

-Celso Emilio comezou a gañar sona máis alá de Galicia a través das edicións bilingües da súa poesía, e isto ocorre a finais dos sesenta e dura algo máis de dez anos. Aquí era valorado en pequenos círculos, mais con Longa noite de pedra supera todo o previsible e chega a lugares onde nunca ningún poeta galego podería pensar. Por tanto, foi famoso nos seus últimos anos mais isto non o satisfacía moito; se cadra estaba máis contento, e é unha anécdota real, co parecido físico que gardaba con Salvador Allende. Dito isto, o certo é que o número de edicións esgotadas da súa obra en vida non ten semellanza con ningún outro poeta galego. Mais por outro lado nunca puido vivir da literatura e a súa axitada vida así o demostra.

-¿Cre que a lectura de CEF como poeta popular segue pesando hoxe?

-A música e as versións musicadas dos seus poemas fan que, dalgún xeito, a súa poesía siga viva. Foi poeta popular, e para min é positivo, porque as súas composicións se converteron en emblema, en signo dunha época, mais tamén Celso Emilio tiña un oído musical extraordinario.

-¿Que aspectos quedan por divulgar da súa obra?
-Volver proxectar a súa poesía fóra de Galicia. Sigo a ver nel un gran narrador, de obra exigua, pero sorprendente pola modernidade e a rotundidade das pezas narrativas que deu a coñecer. Tamén cumpriría volver a vista ao Celso Emilio de facetas case descoñecidas nel como ser debuxante, crítico literario (non ao uso) e a de responsable da redacción de textos de carácter político. As acusacións de que non exerceu politicamente como antifranquista, que lin hai pouco, son inexactas e moi inxustas.

Camilo Franco

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista de Camilo Franco a Manuel Rivas: «Os contos son animais solitarios»

27 Outubro 2011

Autores,Entrevistas,Narrativa

La Voz de Galicia publica unha entrevista de Camilo Franco con Manuel Rivas sobre a publicación do seu libro O máis estraño.

Manuel Rivas: «Os contos son animais solitarios»

O autor agrupa nun só libro todos os seus relatos breves dende hai 20 anos, «corrixidos, pero non reescritos»

As metáforas non se deteñen nas palabras de Manuel Rivas. O escritor presentou onte O máis estraño (Edicións Xerais de Galicia), a recompilación dos seus contos tal como eran «corrixidos, pero non reescritos». Rivas asegurou que os contos son os que eran porque «eles querían estar na súa liberdade».

—Os contos poden ser os mesmos, pero o autor quizais non. ¿Que impresión tivo dos contos ao volver a enfrontarse a eles?

—Hai sempre unha reacción de que o autor mellora cos anos, como esa falsa idea de que o progreso nunca acaba. Pensei de entrada que os primeiros contos serían peores e mesmo pensei que quizais non debía telos escrito. Despois dinme conta que eran eles os que tiñan que falar e non eu, por iso deixei que fosen. Decateime de que os primeiros non eran peores e tamén que no relato algunhas imperfeccións de fábrica non son necesariamente malas. Hai algo nesas imperfeccións que humaniza o conto.

—Quere dicir que o conto debe ter certa condición poética por riba da narrativa.

—Creo que o conto non debe funcionar só como mecanismo, aínda que os mecanismos existan. Creo que nun conto non se debe ver a caixa de ferramentas. Os contos son animais solitarios e por iso hai que aceptalos, non se deben borrar as súas pegadas porque nos contos hai sempre unha indagación que xustifica a utilidade da literatura.

—¿Cal é a indagación que debe facer hoxe a literatura?

—Debe dicir o que non se pode dicir, debe achegarse aos tesouros e aos terrores. Tamén poden contrarrestar esas cifras que se utilizan para meter medo na xente. Creo que a literatura é agora máis útil que nunca contra o discurso único porque as palabras seguen sendo sensibles ao que xente precisa.

Camilo Franco

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O máis estraño», de Manuel Rivas, reune todos os seus contos nun volume

21 Outubro 2011

Narrativa,Noticias

La Voz de Galicia publica unha información de Camilo Franco sobre O máis entraño, o libro que reune os relatos completos de Manuel Rivas que Xerais enviará ás librerías a finais de vindeira semana.

Manuel Rivas reúne no libro «O máis estraño» relatos coñecidos e outros inéditos

Segundo o autor, os contos incorporados a esta recompilación de textos non están «reescritos», pero si que se presentan aos lectores «cunha revisión estilística»

Manuel Rivas reúne en O máis estraño (Xerais), o seu novo libro, unha colección de contos nos que inclúen algúns dos relatos que acadaron identidade fóra dos libros, como A lingua das bolboretas, e outros textos que aínda non viran a luz dos lectores. Rivas presentou onte en Madrid a tradución ao castelán deste mesmo volume (Lo más extraño, publicado por Alfaguara) e presentará o vindeiro mércores en Santiago a súa edición en galego.

Segundo o autor, os contos incorporados a esta recompilación de textos non están «reescritos», pero si que se presentan aos lectores «cunha revisión estilística» para que vaian cos tempos. En calquera caso, Rivas, segundo explica, non quixo volver escribilos. «Tamén resistín a tentación de deixar de lado aqueles que xa non me gustan como cando os escribín», afirmou o escritor.

Recoñecementos

O relato breve é un dos xéneros que Rivas ten practicado de xeito cotidiano e polo que ten obtido recoñecementos dos lectores con libros como Un millón de vacas ou Que me queres amor. A este novo volume incorpóranse algúns deses textos que foron marcando a traxectoria como narrador de Rivas.
O escritor, nomeado recentemente doctor honoris causa pola Universidade da Coruña, acaba de regresar de Serbia, onde presentou a versión para ese idioma da súa premiada novela O lapis do carpinteiro, sinalou en Madrid que os relatos «son a sombra dos soños e por iso o último dos relatos que inclúe este novo libro leva ese título».

É un dos tres inéditos que ofrece o volume, xunto co O espertar da criada e O misterio de Uz.

Tras a presentación Madrid, o vindeiro mércores en Compostela Rivas presentará na librería Couceiro a edición en galego de O máis estraño, un acto no que estará acompañado polo director de Edicións Xerais, Manuel Bragado.

Rivas sinalou onte en Madrid que a política actual da «unhas cifras tan grandes que parecen irreais», recomendando a quen participa da política activa que se tomen un tempo para ler. O escritor asegura que na lectura literaria «aprenderán máis que seguindo as axencias de calificación».

Camilo Franco

Chuzame! A Facebook A Twitter

Anxo Fariña, Premio Merlín de Literatura Infantil, primeiras entrevistas

13 Xuño 2011

2011,Entrevistas,Merlín,Premios,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Aparecen as primeiras entrevistas a Anxo Fariña, autor d’ A chave da Atlántida, novela gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2011:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premios Xerais 2011 nos medios

12 Xuño 2011

2011,Autores,Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Noticias,Premios,Premios_Xerais,Xerais,Xerais_nos_medios,Xuvenil

Foron numerosas as referencias na prensa galega, tanto impresa como dixital, ao fallo dos Premios Xerais 2011.

  • «Os Xerais distinguen obras de aventuras mariñas e de intriga» (Camilo Franco, La Voz de Galicia).
  • «Xavier Queipo, Héctor Carré y Anxo Fariña se alzan con los Premios Xerais 2011» (E. Ocampo, Faro de Vigo).
  • «Xavier Queipo gaña o Xerais de Novela con “Extramunde”« (Xornal de Galicia).
  • «Queipo gaña o Xerais cunha novela de aventuras ambientada no s. XVI» (Koro Martínez, El Correo Gallego).
  • «O poder omnímodo» (Maré, Galicia hoxe).
  • «Xavier Queipo gana el Xerais con una novela de viajes sobre la conquista de la libertad» (Teresa Cuíñas, El País Galicia).
  • «Xavier Queipo, Héctor Carré y Anxo Fariña se alzan con los Xerais 2011» (E. Ocampo, La Opinión da Coruña).
  • «Xavier Queipo gaña o Xerais de Novela con “Extramunde”» (Diario de Pontevedra).
  • «Xavier Queipo Premio Xerais cunha novela de “viaxe alucinada”» (A Nosa Terra).
  • «Premios Xerais 2011: Galardoados Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña» (Europa Press).
  • «Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña son os gañadores dos Premios Xerais 2011) (Axenda AELG).
  • «Los Premios Xerais 2011 reconocen a Xavier Queipo, Héctor Carré y Anxo Fariña» (El Mundo Galicia).
  • «Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Friña, Premios Xerais 2011» (ABC).
  • «Los Premios Xerais 2011 reconocen a Xavier Queipo, Héctor Carré y Anxo Fariña» (El economista).
  • «O santiagués Xavier Queipo gaña o Xerais coa novela de aventuras Extramunde» (El Progreso).
  • «Xavier Queipo, Anxo Fariña e Héctor Carré, novos Premios Xerais» (Atlántico Diario).
  • «Xavier Queipo gana el Xerais de Novela con Extramunde» (La Región).
  • «Os gañadores do Xerais infantil e xuvenil abren as fronteiras do xénero» (La Voz de Galicia).
  • «Novelas escritas seguindo o guión e que poderían ser de cine» (La Voz de Galicia).
  • «Unha nave de tolos con interpretación metafórica« (La Voz de Galicia).
  • “Uns premios Xerais de mar, volframio e mitos” (Cultura Galega.org).
  • «Tres historias, tres premios literarios» (Atlántico Diario)
Chuzame! A Facebook A Twitter

«Pereiro estaba á marxe do ruído do mundo, pero non da sociedade», asegura Ana Acuña a raíz da publicación da «Poesía completa»

7 Abril 2011

Autores,Clásicos,Entrevistas,Poesía

«Pereiro estaba á marxe do ruído do mundo, pero non da sociedade», asegura a profesora Ana Acuña, responsable da edición da Poesía completa de Lois Pereiro, publicada por Xerais, nunha entrevista de Camilo Franco que sae hoxe en La Voz de Galicia. Reproducímola integramente:

«Pereiro estaba á marxe do ruído do mundo, pero non da sociedade»

Ana Acuña, editora da obra poética completa de Lois Pereiro en Xerais

Edicións Xerais de Galicia acaba de publicar a obra poética completa de Lois Pereiro. Ana Acuña foi a responsable desta edición, que ofrece unha dimensión «máis global».

—Unha vez que se reúne nun volume a poesía de Pereiro, ¿que nova dimensión aparece?

—Penso que a poesía reunida nun único volume dá unha dimensión máis global da vida e da obra de Pereiro. Así, creo que a poesía completa axuda a visualizar a súa evolución poética, a reparar nas características da súa obra (por exemplo, o hibridismo lingüístico en «cinco idiomas traballosamente interpretados», como el escribiu) e a comprobar a súa preocupación pola lingua na procura do mot juste en cada poema. Ademais, o coñecemento da súa poesía permítelle ao lector relacionala coa obra en prosa, decatarse das súas preocupacións sociais e do seu compromiso co galego dende os 17 anos, cando decidiu que esa sería a súa lingua poética.

—Fala na introdución do profundo coñecemento da cultura e da contracultura.

—A obra de Pereiro dá unha idea do coñecemento do que el denominou «afiado terrorismo literario austro-alemán», pero tamén do coñecemento da literatura norteamericana, dos movementos musicais, cinematográficos, do atlantismo? Non esquezamos que el deixou dito que a súa xeración «viviu coas portas abertas a todos os mundos» fronte á realidade mediocre e censurada.

—¿Como situaría a Pereiro en relación coa xente da súa xeración?

—Pereiro andou un camiño senlleiro e independente, a pesar da súa inclusión dentro da xeración dos oitenta. Nunha entrevista a Luís Díaz dicíalle: «Non formo parte de ningún grupo poético, ademais hoxe xa non os hai».

—¿Como cre que pesan as circunstancias vitais de Pereiro na lectura da súa poesía?

—El mesmo declarou ese peso das circunstancias vitais, máis presentes no último libro, «moito máis encarnado no sangue, na vida, nas vivencias que transcorreron nestes últimos anos da miña vida».

Pereiro foi unha figura máis ben a distancia dos academicismos. ¿Como ve en relación con iso a celebración do Día das Letras?

—Estaba á marxe «do ruído que xera nesta época o mundo», pero non do idioma nin da sociedade do seu tempo. A poesía de Pereiro entronca coa vida (en todos os sentidos, bo e malo) e que este ano todos esteamos pendentes del demostra que a disidencia pode ser parte do sistema e que -como escribiu Castelao- «hai sitio para todos».

Camilo Franco

Chuzame! A Facebook A Twitter

Intensa programación de Xerais para o derradeiro día do Culturgal

28 Novembro 2010

Eventos

Hoxe remata o Cultugal en Pontevedra. Amais das intensa programación do evento, que se pode consultar na web ou descargar o en pdf, Xerais ofrece para hoxe domingo un intensto día de encontros con autores. A programación de Xerais para os tres días tamén se pode descargar en pdf.

Domingo 28

Faladoiro no Salón Libro. O xornalista Camilo Franco entrevistará aos autores.
Ao remate firma de exemplares no stand de Xerais.
Actos abertos ao público.

12:30 h. Fina CasalderreyE ti que farías por min? / Un saco de estrelas

13:00 h. Elena GallegoDragal

13:30 h. Teresa González Costa: A filla do ladrón de bicicletas (Premio Merlín 2010)

18:00 h. Manuel Rivas: Todo é silencio

19:00 h. Marcos Calveiro: Settecento / O pintor do sombreiro de malvas

19:30 h. Manuel Portas: Denso recendo a salgado

Chuzame! A Facebook A Twitter

Programación de Xerais no Culturgal

19 Novembro 2010

Autores,Debates,Entrevistas,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Narrativa,Vídeos,Xerais

Os próximos días venres 26, sábado 27 e domingo 28 celébrase en Pontevedra o Culturgal, que se desenvolverá no Pazo de Congresos.

Trátase da III edición do Culturgal, que este ano se celebra na capital do Lérez, unha nova aposta por ofrecer un escaparate do que produce a industria cultural galega.

A programación do Culturgal está chea de actividades que se poden consultar na súa web.

En Xerais, presentamos a nosa programación para os tres días, que tamén se pode baixar en pdf.


Venres 26

Faladoiro no Salón Libro. O xornalista Iago Martínez entrevistará aos autores.
Ao remate firma de exemplares no stand de Xerais.
Actos abertos ao público.

18:00 h. Diego Ameixeiras: Asasinato no Consello Nacional
18:30 h. Iolanda Zúñiga: Periferia (Premio Xerais 2010) / Vidas post-it


Sábado 27

19:30 h.  Presentación no Salón de Actos En castellano no hay problema
de Carlos Callón
Acto organizado en colaboración coa Mesa Pola Normalización Lingüística
Participan: Cris Quinteiro (Responsable da Mocidade pola Normalización Lingüística de Pontevedra), Manuel Bragado, Carlos Callón.

Domingo 28

Faladoiro no Salón Libro. O xornalista Camilo Franco entrevistará aos autores.
Ao remate firma de exemplares no stand de Xerais.
Actos abertos ao público.

12:30 h. Fina CasalderreyE ti que farías por min? / Un saco de estrelas
13:00 h. Elena GallegoDragal
13:30 h. Teresa González Costa: A filla do ladrón de bicicletas (Premio Merlín 2010)
18:00 h. Manuel Rivas: Todo é silencio
19:00 h. Marcos Calveiro: Settecento / O pintor do sombreiro de malvas
19:30 h. Manuel Portas: Denso recendo a salgado

Se é cultura, está en culturgal from Culturgal on Vimeo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Rosa Aneiros e os autores de «Níxer» asinarán o luns, 2 de agosto, na Feira do Libro da Coruña

30 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Crónica,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais,Vídeos

O vindeiro luns, 2 de agosto, comezan os actos que Xerais ten previsto realizar na Feira do Libro da Coruña, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto no paseo dos xardíns de Méndez Núñez.

Ás 19:00 h.: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros de Sol de Inverno, Premio Xerais de Novela 2009,  Ás de bolboreta, Premio Fundación Caixa Galicia 2009 e do resto da súa obra. Ás 19:30 h.: Francisco Fernández Naval, Camilo Franco e o pintor Alfonso Costa, autores do libro Níxer, asinarán exemplares do Libro solidario promovido por Acción Contra a Fame.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro da Coruña

8 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Crónica,Infantil,Merlín,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais,Presentacións

Xerais xa ten pechado o programa dos actos que realizará na Feira do Libro da Coruña, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto no paseo dos xardíns de Méndez Núñez.

Día 2 luns
19:00 h.: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros de Sol de Inverno, Premio Xerais de Novela 2009,  Ás de bolboreta, Premio Fundación Caixa Galicia 2009 e do resto da súa obra.
19:30 h.: Francisco Fernández Naval, Camilo Franco e o pintor Alfonso Costa, autores do libro Níxer, asinarán exemplares do Libro solidario promovido por Acción Contra a Fame.

Día 3 martes
19:00 h.: Ánxel Vázquez de la Cruz asinará exemplares do seu libro Luz de Tebra.
20:00 h.: Presentación do libro Luz de Tebra de Ánxel Vázquez de la Cruz.  Intervirán: Manuel Rivas, Manuel Salorio, Manuel Bragado e o autor.
21:00 h.: Presentación do libro Settecento de Marcos Calveiro.  Intervirán Óscar Sánchez, Manuel Bragado e o autor.

Día 4 mércores
18:30 h.: Xosé Neira Vilas asinará exemplares do seu último libro Presenza galega en Cuba e do resto da súa obra.
19:00 h.: Presentación do libro Xenaro e a hucha do Indiano de Mar Guerra.  Intervirán Manuel Bragado e a autora.
20:00 h.: Presentación do libro Presenza galega en Cuba de Xosé Neira Vilas. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.

Día 5 xoves
19:00 h.: Manuel Rivas asinará exemplares de Todo ben e do resto da súa obra.

Día 6 venres
19:30 h.: Suso de Toro asinará exemplares de Sete palabras e do resto da súa obra.
20:00 h.: Presentación do libro Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Intervirán: Manuel Bragado e Vicente Araguas.

Día 7 sábado
19:30 h.: Presentación do libro de relatos O coitelo en novembro de Marilar Aleixandre.  Intervirán: Xavier Seoane, Manuel Bragado e a autora.

Día 9 luns
20:00 h.: Presentación da novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Teresa Moure e os autores de «Níxer» na Feira do Libro de Vigo

7 Xullo 2010

Crónica,Narrativa,Noticias,Presentacións

Mañá, xoves, 8 de xullo ás 19:30 h na Feira do Libro de Vigo presentarase Níxer, libro solidario promoivodo por Acción contra a Fame e editado por Xerais. No acto intervirán dous dos coautores, Camilo Franco e Francisco Fernández Naval, Isabel Iglesias Santos, rsponsable en Galicia de Acción contr a Fame e o editor Fran Alonso.

O venres, 9 de xullo, tamén ás 19:30 horas, presentarase a novela de Teresa Moure A Intervención. No acto, no que se proxectará unha intervención audiovisual, acompañará á autora o editor Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Feira do Libro de Vigo, programa definitivo de actos para esta semana

5 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Fóra de Xogo,Narrativa,Presentacións,Xuvenil

A inoportuna coincidencia na Praza de Compostela da celebración da Feira do Libro de Vigo e da proxección dos partidos do campionanto mundial de fútbol, obriga a editorial a cancelar a presentación da novela de Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, prevista para o vindeiro mércores. Agardando que non se produzan novas continxencias, o programa defnitivo de actos organizados por Xerais deica remate da Feira será o seguinte:

Día 5, luns, ás 19:00 horas: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros Sol de Inverno , Premio Xerais de Novela 2009 e Ás de bolboreta , Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009 e o resto da súa obra.

Día 5, luns, ás 19:30 horas:
Presentación da novela Dragal de Elena Gallego. Acompaña á autora o editor Manuel Bragado.

Día 6, martes, ás 19:30 horas:
Presentación do libro de relatos Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Acompaña ao autor o editor Manuel Bragado.

Día 7, mércores, ás 19:00 horas: María Reimóndez asinará exemplares do seu libro O monstro das palabras e do resto da súa obra.

Día 8, xoves, ás 19:30 horas:
Presentación do libro Níxer promovido por Acción contra a Fame e Cultura Sociedade Galega. Interveñen tres dos seus autores, Camilo Franco, Francisco X. Fernández Naval e Alfonso Costa, acompañados de Isabel Iglesias Santos, responsable en Galicia de Acción contra a Fame e do editor Fran Alonso.

Día 9, venres, ás 19:30 horas:
Presentación da novela A Intervención de Teresa Moure. Acompañará á autora o editor Manuel Bragado. No acto proxectarase unha vídeointervención creada por Teresa Moure.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro de Vigo

22 Xuño 2010

Asinatura,Autores,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Premios,Presentacións

Xerais adianta a relación das presentacións que ten previsto realizar na Feira do Libro de Vigo, que se celebrará na Praza de Compostela do 2 ao 11 de xullo. A estes actos engadiranse diversas asinaturas de autores e autoras que anunciaremos nos vindeiros días.

Día 2 venres:
Cid Cabido, autor da novela Unha historia que non vou contar, Premio de ao mellor libro de narrativa 2009 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, pronunciará o pregón de apertura ás 20:00 horas.

Día 2, venres, ás 20:30 horas:
Presentación da novela A viaxe do Ser de Manuel Pérez de Lis. Acompaña ao autor a editora Helena Pérez.

Día 3, sábado, ás 19:00 horas: Agustín Fernández Paz asinará exemplares dos seus libros ValadosLúa do Senegal , Premio ao mellor libro Infantil e Xuvenil 2010 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e o resto da súa obra.

Día 3, sábado, ás 20:30 horas:
Presentación da novela de Suso de Toro, Sete palabras, Premio da Crítica de creación literaria 2010. Conversa co autor o editor Manuel Bragado.

Día 5, luns, ás 19:00 horas: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros Sol de Inverno , Premio Xerais de Novela 2009 e Ás de bolboreta , Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009 e o resto da súa obra.

Día 5, luns, ás 19:30 horas:
Presentación da novela Dragal de Elena Gallego. Acompaña á autora o editor Manuel Bragado.

Día 6, martes, ás 19:30 horas:
Presentación do libro de relatos Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Acompaña ao autor o editor Manuel Bragado.

Día 7, mércores, ás 19:00 horas: María Reimóndez asinará exemplares do seu libro O monstro das palabras e do resto da súa obra.

Día 7, mércores, ás 20:30 horas:
Presentación da novela O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, Premio Lazarillo 2009 de Literatura xuvenil. Acompaña ao autor o ilustrador Ramón Trigo e o  editor Manuel Bragado.

Día 8, xoves, ás 19:30 horas:
Presentación do libro Níxer promovido por Acción contra a Fame e Cultura Sociedade Galega. Interveñen tres dos seus autores, Camilo Franco, Francisco X. Fernández Naval e Alfonso Costa, acompañados de Isabel Iglesias Santos, responsable en Galicia de Acción contra a Fame e do editor Fran Alonso.

Día 9, venres, ás 19:30 horas:
Presentación da novela A Intervención de Teresa Moure. Acompañará á autora o editor Manuel Bragado. No acto proxectarase unha vídeointervención creada por Teresa Moure.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Camilo Franco fala dos Premios Xerais 2010

15 Xuño 2010

Autores,Entrevistas,Premios_Xerais,Vídeos
Chuzame! A Facebook A Twitter

«Níxer», crítica de Pilar Ponte en «Faro da Cultura»

3 Xuño 2010

Críticas,Crónica,Xerais_nos_medios

MANTENDO A OLLADA

Níxer: Viaxes á aventura humanitaria

A primeira noticia que tiven do libro foi a través de Emereci, moi boa conselleira, que recollía no seu blog a cita de Fran Alonso «Porque unha vida en Occidente non ten prezo, pero a vida en África non ten valor», a partir de aí xa todo foron boas palabras para Níxer.  O libro é unha iniciativa de Acción Contra a Fame (ACF), unha ONG humanitaria internacional que combate a desnutrición infantil, e Cultura Solidaria Galega (CSG), un colectivo de persoas da cultura galega que apoian voluntaria e desinteresadamente á delegación en Galicia da ACF. Da colaboración entre estas dúas organizacións xorde a viaxe que Francisco X. Fernández Naval (escritor), Camilo Franco (escritor e xornalista), Alfonso Costa (pintor) e Moustapha Bello Marka (escritor nixerino residente en Zinder) realizaron ao país africano e que daría como froito Níxer.

Neste volume de viaxes e aventura humanitaria cada un dos autores recolle de xeito diferente e complementario as súas visións e vivencias dese estado africano, ata hai ben pouco o máis pobre do mundo, para que nós non miremos para outro lado e sigamos mantendo a ollada cara a ese Níxer de estatísticas inhumanas.

A parte de Fernández Naval é a que máis se achega ao libro de viaxes literario nun interesante e ameno relato desde a partida ata o regreso. A parte realizada por Camilo Franco é unha compilación de breves textos que se configuran como unha galería de instantáneas dese país fugaces e potentes. Tripla é a contribución de Alfonso Costa,  con creacións plásticas nas que adiviñamos expresións nas faces insinuadas, e con creacións textuais, primeiro en prosa, e logo en verso. Unhas composicións poéticas nas que fai protagonista a muller africana tanto na súa beleza como na súa traxedia.E remata a obra cun conto infantil de Moustapha Bello Marka traducido do francés por CarlosArias.

Unha chamada de atención ás nosas bibliotecas escolares, non deberían deixar de adquirir esta obra porque ofrece en galego dous dos elementos imprescindibles para a consecución dun “hábito lector sólido”, a diversidade de enfoques e tamén de contido. Níxer convértese tamén dese xeito nun bo recurso educativo interdisciplinar onde atopar historia, antropoloxía, arte, economía, literatura, educación en valores… desde a lectura amena e amable sen deixar de ser fiel á dura realidade que nos transmite.

Níxer non é bo pola humanitaria orixe da iniciativa, nin polos fondos que se recaden, é bo en si mesmo como produto cultural, ameno e interesante. Lean este libro,non se han sentir defraudados, e logo,merquen outros exemplares para agasallar, sexan esa man que lle dá á estrelamar unha segunda oportunidade devolvéndoa ao mar que a deixou esquecida na area porque “non nacen flores na primavera de África”. Pilar Ponte

Crítica de Pilar Ponte publicada no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 3 de xuño de 2010. A páxina completa onde aparece publicada pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Mesteres» de Arcadio López Casanova, tradución ao castelán en Cátedra

31 Maio 2010

Autores,BLG,Entrevistas,Poesía,Traducións,Xerais_nos_medios

Dicir na historia da literatura galega contemporánea Mesteres é iluminar un espazo de creación lírica que é marca absoluta de identidade dun dos grandes poetas galegos do noso tempo. O libro de poemas titulado Mesteres, de Arcadio López-Casanova, viu a luz por primeira vez no ano 1976, en edición bilingüe galego-castelán, na valenciana colección de poesía Lindes, que dirixían os poetas e profesores universitarios Pere Bessó, Ricardo Arias e Ricardo Bellveser. E Mesteres –a poesía é un milagre de comunicación e centro produtor e irradiante de secretas e vizosas influencias– pasou a ser, xunto Con pólvora e magnolias, de Méndez Ferrín, unha obra fundamental na reorientación estética de fondo da poesía galega contemporánea. Esta obra emblemática de López-Casanova vería unha segunda edición no ano 1999, na colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais, baixo unha coidada edición de Román Raña Lama e con supervisión definitiva do propio autor, téndomos así –agora con 35 poemas, fronte aos 19 da primeira edición– a edición definitiva dunha obra que foi no seu día e segue a ser hoxe unha fonte de enerxía lírica amplamente significante entre nós. Pois ben, a “voluptuosidade formal” e a “fondura sentimental” que a mellor crítica viu nos Mesteres de Arcadio López-Casanova témola agora nunha nova e espléndida edición en castelán realizada por Xesús Rábade Paredes, tamén tradutor da obra, que ve a luz na moi prestixiosa colección Letras Hispánicas de Ediciones Cátedra. Eu, como lector, debo dicir que a tradución dos poemas de Arcadio López-Casanova ao castelán realizada por Rábade Paredes –”nunca literal”, confesa o poeta e tradutor chairego– é sinxelamente, digámolo así, unha obra de arte. Unha excelente e perfecta obra de arte. A ritmicidade profunda asociada á linguaxe que latexa, sonoramente viva, no idioma orixinal –marca do poeta– foi levada ao castelán por Rábade Paredes con mestría, creatividade e “divina proporción”. Agora Mesteres é un clásico tamén en castelán. Miguel Anxo Fernán Vello

Artigo publicado en Galicia hoxe o 31 de maio de 2010.

Sobre esta edición recomendamos moi vivamente, tamén, o artigo de José Manuel Estévez Saá, publicado en El Correo Gallego o 5 de maio de 2010.

Outrosí sucede coa entrevista de Camilo Franco ao autor en La Voz de Galicia, publicada o 25 de maio.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Níxer», presentación na Coruña

30 Maio 2010

Crónica,Noticias,Presentacións

O vindeiro martes, 1 de xuño, ás 20:00 horas na Casa Museo Casares Quiroga, rúa Panaderas, 12 da Coruña, presentarase Níxer, o libro publicado por Xerais en colaboración con Acción contra a Fame. No acto participarán tres dos autores, Alfonso Costa, Camilo Franco, Francisco X. Fernández Naval, que estarán acompañados pola responsable en Galicia de Acción contra a Fame, Isabel Iglesias Santos e polo editor Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Níxer», presentación en Ourense

25 Maio 2010

Crónica,Noticias,Presentacións

O 26 de maio, mércores, ás 20:15 preséntase no Liceo de Ourense (Rúa Lamas Carvajal nº 5) Níxer, o libro do que son autores Francisco Xosé Fernández Naval, Camilo Franco, Alfonso Costa e Moustapha Bello Marka, editado por Xerais en colaboración con Acción contra a Fame e Cultura Solidaria Galega. No acto acompañaran aos autores Isabel Iglesias Santos, responsable en Galicia de Acción contra a Fame, e o editor Fran Alonso.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Níxer», crítica de Ramón Nicolás

10 Maio 2010

Críticas,Crónica,Xerais_nos_medios

NÍXER: RADIOGRAFÍA DO ÚLTIMO LUGAR SOBRE A TERRA

NÍXER QUERE CHAMAR A ATENCIÓN SOBRE UN DOS PAÍSES MÁIS POBRES DO MUNDO NUNHA INICIATIVA DE EDICIÓNS XERAIS, ACCIÓN CONTRA A FAME E CULTURA SOLIDARIA GALEGA

É imposible concluír a lectura dun libro deste carácter tal e como se principiou. Talvez poida semellar que a afirmación é esaxerada, pero non teño dúbida de que esta é unha desas achegas que perduran na memoria. Nado ao abeiro dunha iniciativa de Acción contra a Fame e de Cultura Solidaria Galega, ten a súa orixe na proposta que a primeira organización formulou a un grupo de escritores para viaxar e coñecer Níxer co obxectivo de recolleren as súas impresións, vivencias e pensamentos e plasmalas nun libro conxunto cuxos fondos recadados están destinados a actividades solidarias destas institucións. E velaquí, logo duns anos, un estremecedor e documentado resultado final; xa non só no que se refire ao caudal informativo que aquí se desprende senón e tamén pola intensidade e a emoción que dominan estas reflexións.

Un recoñece que pouco sabía de Níxer antes da lectura deste libro, pouco da súa historia como país, da súa miseria e dunhas necesidades tan extremas que raian o inconcibible; pouco dos costumes e hábitos das súas xentes, pouco do sufrimento xeneralizado que padecen os máis desfavorecidos, isto é, os propios nenos e as mulleres. Tras o que aquí se compendia un decátase do logrado exercicio de síntese que aquí se encerra e mais das razóns que explican tanto a presenza de Níxer na marxinalidade informativa como ese sempiterno e recorrente mirar cara a outro lado das sociedades “avanzadas”: non é cómodo falar nin da fame, nin de necesidades básicas nunca cubertas, nin tampouco dos brutais desequilibrios aínda hoxe existentes.

Fernández Naval, en primeiro lugar, constrúe unha crónica, exenta de ficción e con grande afán reflexivo, a través da cal levanta acta das experiencias acumuladas, do que viu e sentiu durante e tras a viaxe. As páxinas non ocultan unha precisa capacidade descritiva, na que opera cun escalpelo efectivo moi no ronsel de Kapuscinsky, sen caer no risco do anecdotario e onde a súa ollada non se detén só para falar dos cooperantes –aqueles que “trasmiten esperanza” nun país que precisa acreditar nela- ou do papel das mulleres e dos nenos –ese rostro da desnutrición, ese “verlle a cara á morte..”–, senón que recala tamén na historia do país, na influencia dos chineses, nas alternativas laborais, no goberno nixerino, na vida cotiá nun medio hostil… Algo máis, pois, que o rexistro aséptico dun universo  que está aí ao lado pois nas súas liñas reflíctense valoracións e  sentimentos tantas veces encontrados: algo inevitable nun contexto no que cómpre convivir con situacións extremas.

Outro tanto se pode afirmar da colaboración que subscribe Camilo Franco. Na súa participación rastréxase, se couber, unha crítica sen ambaxes á sociedade de opulencia que dalgún xeito permite este estado de cousas. A través dun feixe de pequenos textos narrativos, esencialistas e rápidos como lóstregos, deséñase unha panorámica pola que se que continúa pola intención testemuñal, descritiva e reflexiva, e non só do que se ve senón do que se intúe. Unha estratexia que resulta operativa para deitar unha ollada incisiva que pon enriba da mesa moitas das claves que explican a existencia dese “espazo final” en palabras do autor. Un retrato, ao meu ver, tampouco exento da necesaria acedume que se precisa para perfilar a inequívoca esgazadura moral que debe producir esta realidade.

Ao tempo Alfonso Costa inclúe, alén dunhas páxinas valorativas en consonancia coa tonalidade dos anteriores e das imaxes que se inclúen no libro, un monllo de composicións poéticas nas que formula un universo conformado en base ás experiencias da viaxe e ás percepcións alí vividas. Por último, é o escritor nixerino Moustapha Bello Marka, nunha tradución do francés orixinal a cargo de Carlos Airas, quen ofrece un pequeno texto representativo da creación literaria do país africano: un relato claramente simbólico que é fábula ao tempo que parábola, case minimalista, e que pon o ramo a un volume que non debería pasar desapercibido. En todos os casos, se o seu obxectivo era rachar co silencio sobre Níxer e sensibilizar aos lectores coa sorte do país e das súas xentes, este superouse notablemente. Ramón Nicolás

Texto publicado por Ramón Nicolás no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o sábado 8 de maio de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«”Níxer”: crónicas para un país silenciado»

29 Abril 2010

Autores,Crónica,Entrevistas,Presentacións,Xerais_nos_medios

Acción Contra a Fame e Xerais publican Níxer, un libro solidario sobre o país africano

Sobre os países dese Terceiro Mundo tan afastado para as nosas latitudes só se fala cando hai grandes traxedias que conmoven a Occidente coas imaxes dunha explosión de dor. Cando esa explosión se apaga, o silencio cóbreo todo e o sufrimento segue aí. Quizais ese é o caso de Níxer, un país que sae intermitentemente nos xornais cando hai unha desgraza puntual, xa sexa un golpe de estado ou unha seca. Pero os males endémicos, os que permanentemente sacoden un país que morre por inanición, quedan fóra da tinta dos periódicos e dos obxectivos das cámaras. «Xa sabemos que o habitual non é noticia», explica o xornalista Camilo Franco, que onte presentou xunto co pintor Alfonso Costa e o escritor Francisco Fernández Naval a obra Níxer, editada por Xerais e cuxos dereitos de autor das vendas serán cedidos na súa totalidade á Acción Contra a Fame e Cultura Solidaria Galega.

Esta obra que ve agora a luz é o resultado dunha viaxe organizada por Acción Contra a Fame hai catro anos a Níxer. «A viaxe serviu para que cada un de nós fixese crónicas cada día sobre o que acontecía nun país no que, como se lembra no libro, de cada cen nenos catorce non chegan os oito anos. A xente alí morre por pura fame. Esa viaxe era a escusa para poder contar un país», lembra Camilo Franco.

Nese intento de «contar un país», o libro recolle o punto de vista de tres autores diferentes. Por unha banda, están as dúas crónicas elaboradas por Camilo Franco e por Fernández Naval e, pola outra, un traballo máis poético –no que se mesturan imaxes e debuxos– elaborado por Alfonso Costa. Ademais, o libro presentado onte inclúe un texto elaborado polo autor do país africano Moustapha Bello Marka. «Cando viaxamos a Níxer, tivemos un encontro con artistas, entre os que estaba este escritor, que xa colaborou con nós na revista da Cultura Solidaria Galega», sinala Fernández Naval.

A asociación Cultura Solidaria Galega naceu hai xa seis anos despois de que a axencia Acción contra Fame organizase no anterior Ano Santo unha peregrinación con fotógrafos e xornalistas. Aí xurdiu unha asociación que hoxe en día segue a colaborar principalmente con esta ONG.

«TODO EMPEORA»

Daquela viaxe pasaron xa catro anos, pero a realidade do país africano continúa sen mellorar. «A situación non fixo máis que empeorar. Dende a viaxe, hai xa catro anos, até agora a realidade non mellorou. A ONU alertou hai pouco do perigo dunha nova pandemia de fame», lamenta Francisco Fernández Naval. Níxer continúa así a ser un terreo vougo abandonado e no que só as ONG se preocupan de sementar. «Nesa difícil situación, a gran parte da poboación vive con resignación, aínda que non sei se definilo exactamente como resignación. Quizais aceptan a situación como algo que lles toca vivir e aceptan con frialdade a morte. Quizais é unha falta de rebeldía ou, se cadra é que entenden o sentido da vida mellor ca nós», reflexiona Camilo Franco. Sexa como sexa, os autores de Níxer reflicten sen resignación un de tantos países esquizos por Occidente. Alberto Ramos

Texto de Alberto Ramos publicado en Xornal de Galicia o 29 de abril de 2010 con motivo da presentación en Santiago do libro Níxer.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Níxer», presentación en Compostela

26 Abril 2010

Crónica,Narrativa,Noticias,Poesía,Presentacións,Xornalismo

O vindeiro mércores, 28 de abril, ás 20:15  horas nas instalacións do Casino de Santiago de Compostela (Rúa do Vilar) presentarase o libro Níxer do que son autores Francisco X. Fernández Naval, Camilo Franco e Alfonso Costa. Na presentación acompañarán aos autores o editor Manuel Bragado e Isabel Iglesias Santos responsable de Acción Contra a Fame.

Níxer, libro editado por Xerais e promovido dende Galicia por Acción Contra a Fame (ACF) e Cultura Solidaria Galega (CSG), pretende ser apenas un testemuño da traxedia humanitaria que se está vivindo no país máis pobre do planeta. Unha reclamación contra a aceptación resignada dunha circunstancia que non por constante é menos grave.

Acción Contra a Fame (ACF) é unha organización humanitaria internacional e independente que combate a desnutrición infantil ao tempo que garante auga e medios de vida seguros ás poboacións máis vulnerables. Cultura Solidaria Galega (CSG) é un colectivo formado por representantes do mundo da cultura galega, constituído como grupo de apoio voluntario e desinteresado á Delegación en Galicia de ACF, para sensibilizar sobre a problemática da fame no mundo.

Os dereitos de autor das vendas de Níxer foron cedidos polos autores na súa totalidade á Acción contra a Fame e Cultura Solidaria Galega.


Chuzame! A Facebook A Twitter

«A vida do outro», presentación en Compostela

22 Xullo 2009

Autores,Narrativa,Premios,Presentacións,Xerais_nos_medios

2009072200490544199Foto: Tamara de la Fuente.

A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora da XXª edición do Premio Torrente Ballester, foi presentada onte en Compostela. Acompañaron ao autor o escritor Fermín Bouza e o profesor e comentarista político Xosé Luís Barreiro Rivas.

Camilo Franco en La Voz de Galicia cualificou a obra como «unha novela da xeración da Transición». Pola súa banda, Iago Martínez en Xornal de Galicia salienta que «Reigosa novela o relato “aínda por construír” da Transición». Galicia hoxe titula «O periodista dos moitos egos». El Progreso presenta a novela como «biografía dunha xeración». Europa Press titula «Carlos G. Reigosa acerca al lector a la Transición mediante una crónica “humana” y menos generacional de lo que parece». ABC anuncia que «Carlos Reigosa novela la transición con “A vida do outro”».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Que libro de Xerais recomendas para o verán?

30 Xuño 2009

Facebook,Narrativa,Noticias,Opinións_lectores/as

No perfil de Facebook de Xerais estase desenvolvendo un interesante debate sobre os libros do catálogo da editorial que os seareiros e seareiras recomendan para o verán. Ata o momento as propostas son moi diversas:

Eva Carrión del Pozo recomenda Resistencia de Rosa Aneiros. “Eu téñolle un especial apego a este libro porque, coma quen di, fun aprendendo galego con el. Descubriume todo un abano de posibilidades nunha lingua que non era a miña. É un libro que engancha e emociona dende o primeiro momento, a min demostroume unha vez máis como as palabras poden emocionar, facernos rir e mesmo enchernos de xenreira e impotencia. É unha historia que nos achega a crueza da realidade arrolando ao lector nun mar de lirismo e metáforas que non por iso deixan de doer. Unha verdadeira xoia que nos mergulla na historia política dese veciño ás veces tan obviado coma é Portugal. E coma Resistencia lese dunha sentada, podemos seguir con Herba Moura de Teresa Moure, tamén moi interesante. Boa lectura!”

Eva Moreda O barón rampante de Italo Calvino. “Lino hai uns 15 ou 16 anos, cando estaba na colección xuvenil Xabarín (xunto cos seus compañeiros de triloxía, O vizconde demediado e O cabaleiro inexistente) e foi un descubrimento: non era literatura xuvenil, era literatura sen máis que podía ser tamén lida pola mocidade. Non vou enumerar as razóns polas que o recomendo porque a quen non lle interesaría a historia dun rapaz que se enrabecha con seu pai o barón e decide subir a unha árbore para non volver baixar máis?”

Iria Méndez Leocadio, o león de Oli e Teresa Novoa.

Marisa Movila O Globo de Shakespeare de Jaureguizar.  “Neste libro hai un homenaxe ás obras de Shakespeare, unha trama moi intrigante e un sentido do humor que che fai rir en calquera intre. Ten ademáis un trasfondo moito máis serio, xa que mostra abertamente as paixóns humanas e as relacións de amor e rancor cas persoas que máis cerca temos.”

Ana B. Crespo Concubinas de Inma López Silva. “Esta obra conta a historia de tres mulleres dunha mesma familia, pertencentes a distintas xeracións pero que comparten o feito de non ser afortunadas no amor. Esta novela mestura fantasía con realidade, amor con traxedia… é unha obra que chama á lectura, un libro que unha vez aberto non o podes pechar, non antes de rematalo.”

Montse Paz Monte Louro de Luís Rei Núñez.  “Unha magnífica novela da emigración. É a historia dun emigrante a Barcelona, primeiro, e logo a Bos Aires. É a historia dun home acompañado e amado por moitas mulleres… Asegúrovos que en canto vos poñades a ler é difícil de deixar, engancha!”

Paz Raña Educación e Paz III. Literatura e Paz de Xesús R. Jares (coord.).

Marisol Rodríguez A casa dos Lucarios de Teresa Moure.

Martin Pawley Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz.

Ana Cosque Meira A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos.

Rocío Barreiro Rodríguez Resistencia de Rosa Aneiros.

Alexandre Marín Elucidario de Gonzalo Navaza.

Soledad Felloza das novidades Sempre quixen bailar un tango contigo de Teresa González Costa e, un libro máxico, Magog de María Gándara.

Luisa Lis recomenda Resistencia de Rosa Aneiros, Palabras contadas de Camilo Franco; e das novidades Monte Louro de Luís Rei Núñez.

Saúl Rivas Riofero de Xelís de Toro.

Pilar Ponte A profa recomendaría dúas obras de Xosé Fernández Ferreiro, Agosto do 36 e Os últimos fuxidos, e a poder ser lidas nesa orde. Tematicamente clasificaríanse dentro da guerra civil e as súas consecuencias inmediatas mais no primeiro caso o momento histórico é só un pretexto que permite o desenvolvemento dos acontecementos e no segundo sería maís apropiado falar de drama persoal. Son dous volumes, sobre todo no caso do primeiro (publicado en 1991), que soportan moi ben o paso do tempo e para min ese é un indicio de que o texto funciona. Espero que se alguén se anima, non sufra decepción con estas recomendacións e, en caso de que a cousa guste, envíen correo e se lles remitirá o enderezo onde deben enviar a caixa de marisco. Saúdos :-)

reloxoEntre os seareiros e seareiras do perfil que participen nesta discusión cada semana sortéanse tres reloxos “En galego todo o tempo”.  Este reloxo de Xerais foi deseñado polo noso compañeiro Ramón Domínguez e entregado como agasallo aos participantes nacerimonia  de entrega dos Premios Xerais 2009. Animamos a participar nesta xeira. A forza do libro galego está na voz dos seus lectores e lectoras.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Jacobo Fernández Serrano, primeiras entrevistas

8 Xuño 2009

Autores,Entrevistas,Infantil,Merlín,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Jacobo Fernández Serrano, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2009 por Mil cousas poden pasar.Libro I, realizou as primeiras entrevistas. Aquí recollemos as que fomos localizando:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Rosa Aneiros, primeiras entrevistas

Autores,Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Rosa Aneiros, a gañadora tanto do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura Xuvenil 2009 por Ás de bolboreta como do Xerais de Novela 2009 por Sol de Inverno, realizou as primeiras entrevistas para os medios. Recollemos as que fomos localizando.

2009060819450238589

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xosé Fernández Ferreiro entrevistado por "La Voz de Galicia"

20 Maio 2009

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

g20p51f1Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia a entrevista que lle realizou a Xosé Fernández Ferreiro con motivo da publicación de Tempo centeo. Esta novela, centrada no tempo da posguerra, constitúe a décimo sexta do narrador de Espartedo.

[Foto Óscar París.]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Juan Blanco Valdés, entrevista en «La Voz de Galicia»

28 Abril 2009

Entrevistas,Monografías,Xerais_nos_medios

Camilo Franco publica en La Voz de Galicia a entrevista que lle fixo a Juan Blanco Valdés con motivo da presentación de Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica. O editor do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago aborda as características deste primeiro manual de edición textual en galego, ao tempo que salienta as que considera as tendencias da edición do futuro.

g28p51f1–¿Cal é a finalidade de editar un manual de edición?

–Editar un libro supón moitas cousas e os últimos anos cambiaron moito as posibilidades. O mundo do libro cambiou e as maneiras de editalo máis. Facer un manual serve para que todas esas posibilidades estean a man dos interesados. O libro está dirixido primeiramente a profesionais, pero serve para calquera que sinta curiosidade polo proceso editorial ou pola maneira en que se fai un libro. Por outra banda é o primeiro libro destas características que se edita en galego e tamén o primeiro feito en Galicia e polo tanto estabamos orfos deste tipo de publicación. Hai que pensar, ademais que tanto en Galicia como en España hai un nivel de edición excepcional e que nos últimos anos deuse un salto no aspecto dos libros espectacular.

[...]

–¿Cara a onde vai a tendencia na edición?

–Desde o punto de vista técnico creo que o dominio da edición en moi pouco tempo quedará en mans de Adobe e os seus programas de edición. Agora mesmo xa deben quedar poucos restos de Quark e xa logo Adobe será a ferramenta case única. No sentido estilístico o que domina e dominará a edición é o minimalismo. Less is more (menos é máis) será a consigna e aínda que habería moitas cousas das que falar creo que será a maneira dominante no futuro inmediato.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Francisco X. Fernández Naval: entrevista en La Voz

17 Abril 2009

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Francisco X. Fernández Naval, autor de Para seguir bailando, é entrevistado por Camilo Franco en La Voz de Galicia. Recollemos un fragmento desta entrevista:

fernandez_naval-Os relatos que compoñen o libro ofrecen, en conxunto, unha lectura algo desacougante da realidade. ¿Foi buscada de partida ou é unha circunstancia inevitable?

-Os primeiros relatos que escribo e que forman parte del, Noite de pallabarro e A noite de Ith, non tiñan aínda unha pretensión concreta, unha concepción de conxunto. Pero cando escribo Noite de cloroformo e Ovos de serpe, si me dou conta de que podo construír un libro no que ofreza esa perspectiva, que, por outra banda, non é máis que a realidade que vivimos. Para min que é un libro que olla arredor e que repara no que se agocha nos recunchos da sociedade e iso non é acougante. Velaí están a corrupción, o abuso de menores, a violencia de xénero, a fin dunha cultura e o abandono do rural, todo iso está á nosa beira e é desacougante, aínda que ás veces prefiramos non reparar nas cousas. Nese senso quizais sexa algo inevitable pero procurado.

-¿No ton do conxunto dos relatos hai unha intención máis testemuñal que reivindicativa?

-Digamos que a reivindicación vai implícita. A intención é contar a vida e si é certo que hai moito de testemuña. Xa dende o primeiro relato, no que se narra a descuberta por un grupo de adolescentes da violencia criminal da guerra coma un xogo, ata o último no que o azar ten un papel determinante, a intención testemuñal é real. Sucede que cruzado un determinado limiar de idade, un olla para atrás e comproba que hai moita literatura no que levamos vivido, que a literatura, dalgún xeito, podemos ser nós mesmos. Non é só xa a certeza de sempre de que emprestamos cousas nosas ao que escribimos, senón que nós podemos ser o que escribimos e iso sen que todo o que se conta no libro sexa real, pero si hai sempre, como na vida, un territorio difuso entre o real e o imaxinario, un golpe de azar ou de fantasía que fai máis real o real.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista a Ramón Nicolás

16 Abril 2009

Crónica,Entrevistas,Xerais_nos_medios

Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia unha entrevista a Ramón Nicolás con motivo da aparición de Conversas con Celso Emilio Ferreiro. Recollemos algúns parágrafos dunha entrevista moi interesante:

20213913–Celso Emilio Ferreiro é un dos nomes máis coñecidos da literatura galega. ¿Que novidades achega este conxunto de entrevistas?

–Entendín sempre o meu traballo como complemento a anteriores achegas do mesmo carácter que viron a luz hai algúns anos, como as de Porteiro e Perozo ou Freixanes, pero das que aquí prescindo. Trátase de pór de actualidade a súa voz, camiño do seu trinta cabodano, rescatándoa das follas dos xornais e revistas e dispóndoa dun xeito máis efectivo, se se quere, redeseñando o seu perfil. Desde aquelas páxinas que se conservaron fálanos sobre un feixe de asuntos heteroxéneos: desvela datos pouco coñecidos do seu propio perfil biográfico, exprésase con sinceridade sobre o que entende como claves da súa obra ou revela puntos de vista ás veces sorprendentes –pola súa validez, actualidade ou, no seu caso, por seren talvez polémicos– sobre literatura, lingua, política ou Galicia.

[...]

–Como valora a recepción de obra do escritor dende a súa morte?

–Desde o punto de vista da súa obra poética, e tendo en conta que aínda hoxe é un xénero de minorías, entendo que é un poeta «clásico» dos máis lidos, e dos que máis gustan, talvez pola transparencia dos seus contidos, a universalidade dos asuntos tratados e polo ritmo interno que presentan. É evidente que a celebración do Día das Letras no 89 operou como un revulsivo para calibrar a relevancia da súa obra e da súa figura, mais con todo, creo que aínda se poden dar máis pasos para potenciar a súa presenza e valorar con xustiza o seu herdo literario e humano.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xelís de Toro hoxe en «Libro aberto»

5 Abril 2009

Autores,Entrevistas,Narrativa,Teatro,Xerais_nos_medios

mail-libro-aberto-1151Xelís de Toro será entrevistado hoxe no programa «Libro aberto» da TVG con motivo da publicación de Riofero. Ademais, no mesmo programa, Camilo Franco, contaranos diferentes aspectos da obra Historia da chuvia que cae todos os días de Roberto Salgueiro, coa que este autor gañou por cuarta vez o ‘Premio Álvaro Cunqueiro’ para textos teatrais. «Libro aberto» emítese hoxe á noite (1:45), na Televisión de Galicia e na G-2 (TDT) o venres 10 ás 15:30 horas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista de Hixinio Puentes

3 Marzo 2009

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

d12e58011La Voz de Galicia publica hoxe a entrevista que Camilo Franco realizou a Hixinio Puentes con motivo da publicación da novela Monbars o exterminador.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O libro das viaxes imaxinarias», proposta para este milenio

3 Xaneiro 2009

Críticas,Fóra_de_colección,Xerais_nos_medios

Camilo Franco publica hoxe no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia esta crítica sobre O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

librodasvEn literatura contemporánea case todas as viaxes que comezan en Italo Calvino acaban onde teñen que acabar: no lector. Calvino coñecía ese segredo da narrartiva como escudo de Perseo, que serve para ver as cousas sen que causen o dano da realidade.

Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas recoñecen ese segredo neste libro que se desdobra por arte da fábula e do que o lector pode sospeitar algúns dos seus camiños ocultos. Non existe a literatura imaxinaria e por baixo da levidade destas cidades están os pesados límites de cidades que coñecemos. Estas son cidades cifradas cun morse que leva aparellados todos os xéneros, que se explica case igual en épica que en lírica e que leva a visibilidade da ironía como elemento regulador. Estas son as cidades importantes porque están poboadas e este libro escrito a dúo ten a exactitude dos retratos. Incluso a exactitude do retrato en movemento do narrador.

Estas viaxes propoñen o xogo da multiplicidade contra a indolencia social, contra o adormecemento do lector. É un xogo de rapidez que esquiva molestar ao lector co innecesario para que entre no xogo urxente da complicidade. Están colocadas todas as cousas neste libro, coa consistencia de ocupar cada unha o seu lugar, as que teñen que estar á vista están visibles e as outras con discreción, como nas cidades ben construídas. Porque a literatura pode ser «o airiño que rmexe o pon do chan» ou pode ser todas as cousas que no mundo pasan. Camilo Franco.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista aos tres premiados nos Xerais 2008

23 Novembro 2008

Entrevistas,Fóra de Xogo,Infantil,Merlín,Narrativa,Premios_Xerais,Presentacións,Xerais_nos_medios,Xuvenil

g17p30f1

Camilo Franco publica en La Voz de Galicia unha entrevista cos tres premiados nos Xerais 2008, Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil, Marilar Aleixandre do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil e Manuel Lourenzo González do Premio Xerais de novela. Recollemos algúns dos parágrafos do texto:

Os tres consideran que os premios seguen sendo imprescindibles e que a motivación principal é «conseguir que a historia chegue aos lectores», como explica Mar Guerra, autora de Xenaro e ou misterio da mochila verde. Lourenzo apunta na conversa que «hai un efecto de reforzo para o traballo do escritor cando un xurado escolle un libro seu». Para Marilar Alexandre, autora d’ A cabeza de Medusa, «esa escolla significa que alguén gustou do texto, por máis que sabemos que con outro xurado ou resultado podería ser outro».

Os tres son gañadores de premios a libros inéditos, pero preferirían que houbese máis galardóns á obra publicada. Asegura Lourenzo González que «é máis gratificante o premio ao que non preséntache, pero tamén é certo que neste tipo de convocatorias hai vicios de funcionamento que invalidan en parte a súa función». Para Mar Guerra, os premios a libros publicados deberían darse «en condicións de laboratorio para evitar as suspicacias e que a súa referencia sexa válida».

Os tres gañadores dos Premios Xerais 2008 presentarán as súas obras a vindeira semana: Manuel Lourenzo González, o luns 24 en Pontevedra; Mar Guerra, o mércores 26 na Libraría Arenas da Coruña e Marilar Aleixandre, o venres 28 na Fundación Caixa Galicia de Vigo. Todos os actos comezarán as 20:00 horas.

Chuzame! A Facebook A Twitter