Mudámonos! Xerais actualiza a súa identidade dixital mudando o blog, a web e actualizando as redes sociais

4 Xuño 2012

Biblioteca_Dixital_Xerais,Blogs,E-books,Noticias

A partir de hoxe, o blog de Xerais terá novo enderezo. Estaremos aquí, cun anovado deseño no que estivemos a traballar intensamente ao longo dos últimos meses e do que é responsable a empresa Pumpúm Dixital, que coordinan Chiu Longina e Berio Molina. Xerais actualiza a súa identidade dixital mudando e redeseñando o blog, a web corporativa e actualizando as redes sociais (teremos presenza en google+), así como creando novas ferramentas dixitais, como a Axenda, o Catálogo, que amplían a nosa visibilidade e a dos nosos autores e autoras. Tamén o apartado de TV ofrece unha amplísima documentación en imaxes, á altura das demandas dos nosos lectores e lectoras. Ademais, Xerais Educación terá tamén un espazo diferenciado, dirixido a todos os docentes, con especial relevancia para o Libro en rede, unha esixencia pedagóxica da nova sociedade dixital.

O libro dixital vai ter tamén un espazo propio na nova web, moi especialmente a través da Biblioteca Dixital Xerais, que ofrece un amplo catálogo de libros de lectura gratuíta en rede para a que unicamente é necesario rexitrarse na web e dispoñer dun contrasinal. Nestes momentos pode accederse xa a 16 títulos das coleccións Ferros, Biblioteca das Letras Galegas, Materiais e Universitaria, títulos que se irán ampliando significativamente.