O crítico Xosé Manuel Eyré publicou en A Nosa Terra unha recensión crítica sobre a novela Bilbao-New York-Bilbao, de Kirmen Uribe, novela gañadora do último Premio Nacional de Narrativa 2009, do Premio da Crítica 2008, do Premio da Fundación Ramón Ruibal 2008 e do Premio do Gremio de Libreiros de Euskadi 2009.A maiores, nos últimos días, X. M. Eyré realizou no seu blog algunhas anotacións sobre a lectura da novela. Reproducímos a continuación a recensión de A Nosa Terra:
Uribe, viaxe ao interior da novela
Non paga a pena facer reconto dos máis senlleiros títulos que contan unha historia a base de pequenas historias, a non ser para reivindicar e poñer en valor a importancia do pequeno dentro do grande… desde Homero a hoxe, pasando pola Biblia.
Lendo a Kirmen Uribe non me quedou outra que lembrar a Álvaro Cunqueiro, elegante e sensíbel narrador que desde o ficticio/marabilloso/fantástico reflexiona sobre o real. Non só a el, tamén a Ánxel Fole, máis apegado ao real desde o que potenciaba o misterioso (e, se cadra, marabilloso) de xeito retroalimentador. En definitiva, non pode un deixar de lembrar os grandes narradores de historias pequenas, na súa xusta dimensión, sen esquecer, por suposto o mesmo Bernardo Atxaga (Obabakoak). Nin, tamén por suposto, a última de Marilar Aleixandre: O coitelo en novembro.
Esas historias pequenas permítenlle ao autor unha variedade de rexistros intencionais que volven a obra estupendamente polisémica, e tamén permite tocar a emoción do lector desde múltiplas xeografías temáticas. Sendo, ademais, que esas emocións multiplican o seu valor segundo unhas se van sumando a outras, de xeito e maneira que esta segunda sobredimensión potencia, á súa vez, a primeira… e non queda outro remedio que cualificar o resultado como engaiolante. Sendo, ademais, que Uribe dispón esas múltiplas historias de xeito moi intelixente. Xa no inicio sinala moi ben o propósito: a viaxe Bilbao-Nova York vai ser tamén unha viaxe entre a realidade e a ficción, co seus valores, pasando polo azar, as rupturas con estados anteriores, o sempre presente valor das palabras (da lingua), como somos descoñecedores dos demais, como tantas veces non chegamos nin a imaxinar a razón das cousas, a distancia e o mito, a forza da arte, a lembranza, o misterio ao descoñecido e o medo que adoita inspirarnos, a realidade dos creadores de ficción ou da creación de beleza, a beleza e os mitos da creación (e como froito da paixón e a dedicación), o valor do detalle…
De xeito que cada historia ilumina o anterior, explica no posíbel, nace da súa interpretación, abre o universo semántico da novela, nunca o pecha. Con toda naturalidade. Sen afán pretensioso de culturalismo pedante, o narrador principal é como un atento compañeiro de viaxe.
Engaiolante por que así non mentimos, xa que debaixo dese cualificador en realidade agachamos unha realidade poliédrica sobre a que nos resulta certamente complicado estabelecer priorizacións ou salientar unha cousa sobre outra. Porque toda individualización é mentireira, inxusta.
Unha cousiña, nunha obra así non hai lugar a esmorecementos narradores. Para que funcione hai que evitar que o ánimo do lector decaia, e para iso débese manter sempre o nivel narrativo ou aínda perfeccionalo. Aspecto este moi importante e coidado por Uribe.
Concretamente, o autor, nesta viaxe entre o fantástico (ficticio) e o real parte desde posicións máis próximas ao real, explora desde o real, mentres Cunqueiro partía desde o ficticio, partía da ficción e creaba outra realidade ficcional na tentativa de explicar (se) e entender o real. A viaxe máis económica que o home pode imaxinar, absolutamente de balde. O cinema e adláteres non son máis que sucedáneos do que a nosa mente é capaz de argallar. A viaxe máis económica e tamén a máis produtiva e engaiolante.
Viaxe a onde? É o de menos. Viaxe á novela. Viaxes ás novelas, a todas as novelas en pequeno que se contan no interior, cunha escrita de estilo simple, que a verdadeira complexidade da literatura non é a formal senón o contido.
Viaxe a onde? Viaxar é o imprescindíbel.
Xosé Manuel Eyré
XERAIS
De novo un escritor recorre a autoficción e ao artificio da novela en marcha, e pescuda no seu anecdotario familiar co pretexto de recompilar datos para unha obra futura,unha obra que non aparece explícita no texto e que o espectador-lector debe intuír. Ao tempo que revela os pasos percorridos, as incertidumes e as dúbidas que xorden ao longo do proceso literario, o autor represéntase coma outro personaxe inmerso nesa ficción que é toda memoria, e, así, desde dentro, protagonista el tamén de inopinadas derrotas e sorpresas, reconstrúe, a base de retazos, as vivencias pasadas e presentes de varias xeracións de Uribes: o seu avó, seu pai, o personaxe que leva o seu nome, e mais ese fillo que naceu “con trece anos, así, de súpeto e cunha pizza” e que herdará o pasado ademais do futuro. A historia da súa familia, ligada ás tradicións dos pescadores de Ondárroa, reflicte a evolución do país, do mundo que a arrodea: un xeito de vida cuxa paulatina decadencia discurre paralela á transformación da sociedade rural en vida urbana, e que na actualidade semella abocado a desaparecer.
Kirmen Uribe
O escritor
OS PEIXES e as árbores parécense.
Xornal de Galicia faise eco
Bilbao e Bermeo son dous ámbitos determinantes no meu pasado (alí están soterradas as fontes das que manou o meu ADN) e na miña infancia. Bermeo é unha vila 