Jonathan Dunne, conferencia en Vigo

11 Outubro 2010

Antoloxía,Autores,Conferencia,Traducións,Xerais nos blogs

O mércores 13 de outubro, ás 20:00 h., no Centro Social Caixanova de Vigo, Jonathan Dunne, autor da Anthology of  Galician Literature, dará unha conferencia sobre a tradución, titulada O ADN da lingua inglesa, nun acto organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) e a Asociación de Tradutores Galegos (ATG). Haberá música do grupo Kibitka.

Fonte: Axenda AELG.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica sobre «Anthology of galician literature / Antoloxía da literatura galega 1196-1981», que se presenta mañá na Feira de Frankfurt

7 Outubro 2010

Antoloxía,Críticas,Feiras_do_libro,Presentacións

O Faro da Cultura publica hoxe unha recensión crítica de Marga Romero sobre o libro Anthology of galician literature / Antoloxía da literatura galega 1196-1981 publicado por Xerais en coedición coa editorial Galaxia e a Consellería de Cultura. Precisamente mañá, ás 13 horas, este libro será presentado na Feira de Frankfurt. A antoloxía é responsabilidade do tradutor, antólogo e editor británico Jonathan Dunne. A xuízo de Marga Romero trátase dun «rigoroso traballo de coordinación do filólogo e tradutor Jonathan Dunne que conseguiu entusiasmar a 55 antólog@s e 22 tradutores e tradutoras dos textos». O texto completo pode lerse aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Jonathan Dunne, entrevista no «Diario Cultural» da Radio Galega

19 Xullo 2010

Autores,Entrevistas,Radio,Traducións,Xerais_nos_medios

Aquí se pode escoitar a entrevista que Ana Romaní realizou a Jonathan Dunne con motivo da publicación da Anthology of Galician Literature.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Anthology of Galician Literature» de Jonathan Dunne por Xulio Valcárcel

12 Xullo 2010

Antoloxía,Críticas,Xerais_nos_medios

ESCRITORES ALEMÁNS E GALEGOS

Sábese da verdadeira dimensión dunha obra cando viaxa e se somete a criterios externos e imparciais, alleos a influencias afectivas e a oportunismos coxunturais.

Proxectada en doble dimensión: unha particular, dentro das propias lindes; outra universal, trasladada a outras linguas. A literatura galega padeceu sometemento e incomprensión, de aí ese complexo de inferioridade que ás veces a atenaza, minoritaria e minorizada, descoñecida e pouco valorada. Porén, esa concepción paternalista ou indulxente, é equivocada: en verdade o que importan son os textos, independentemente do idioma no que estean escritos. Hoxe non temos dúbida dos valores que moitos dos nosos autores representan, e non deixa de ser sorprendente que ese descubrimento e esa estima viñesen, en non poucas ocasións de fóra, por parte de estudosos que os ponderaron e acolleron, cando na propia terra eran ignorados.

Aí está o caso senlleiro de Emilio Coco, en Italia; de Helena Zernova en Rusia; ou de Jonathan Dunnne que remata de publicar Anthology of Galician Literature (Xunta de Galicia, Xerais, Editorial Galaxia), unha selección que vai de 1196 a 1981, isto é, desde as orixes na Idade Media, coa célebre cantiga de Mendiño, que abre o libro, até o advenimento da actual Autonomía, pechando o volume Méndez Ferrín, como “o máis famoso escritor galego da súa xeración na actualidade”.

O traballo de Dunne, que traduciu tamén a Manuel Rivas ao inglés e ven prestando atención continuada á nosa literatura, pretende divulgar a creación literaria en lingua galega por universidades, lectorados, centros de estudos e feiras internacionais, nunha dimensión académica que tampouco exclúe a comercial.

A achega de Jonathan Dunne non é aillada. O pasado día 1, en Kiel, Alemania, no curso dun congreso sobre Torrente Ballester e outros escritores (Álvaro Cunqueiro, Domingo Villar, Manuel Rivas, Inma López Silva…) nacidos en Galicia, o Centro de Estudos Galegos daquela Universidade, capitaneado polo profesor Javier Gómez Montero, presentou dous novos libros: unha antoloxía de poesía galega en edición bilingüe, “Ein Rosenfeuer, das uns verstort: 4 ditcher aus galicien/ 4 poetas galegos” (Miguel A. Fernán Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Rivas e este cronista que o conta), e unha selección de textos sobre temas xacobeos “Alá no Noroeste… Unha cartografia literaria do Camiño en León”, no que se recolle un espazo imaxinario e simbólico, con relatos píos e menos píos, farsas chocalleiras e milagres de varia pelaxe.

Citamos a Gómez Montero como impulsor destas publicacións pero non podemos esquecer o outro artífice, o profesor Luciano Rodríguez, co mesmo grao de autoría e responsabilidade. Tanto Gómez Montero como Luciano Rodríguez alentaron en todo momento a publicación dos volumes; o primeiro leva por título un verso de Avilés de Taramancos referido a Rosalía de Castro, “Un incendio de rosas que nos perturba”, e foi realizado polo Taller de Tradución Literaria da Universidade de Kiel, baixo a dirección de Victor Andrés Ferretti, Frank Nagel e Petra Strien-Bourmer. No que respecta a “Alá no noroeste…” é unha escolma de textos poéticos e narrativos, relatos de viaxe que mesturan a ficción e a vivencia persoal, publicado o ano pasado en español e que agora sae en galego e alemán sob a batuta de Luciano Rodríguez. Non quixeramos pechar estas liñas sen referirmos outro proxecto en marcha e pronto a saír, unha selección de textos literarios, documentais e históricos que pretende achegar a nosa realidade ao mundo anglosaxón. Encárgase da tarefa o profesor Antonio Raúl de Toro.

Texto de Xulio Valcárcel publicado na páxina literaria de El Ideal Gallego, Diario de Arousa e Diario de Ferrol o domingo 11 de xullo de 2010. O texto en pdf pode lerse aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Anthology of Galician Literature« de Jonathan Dunne por Sandra Faginas

Antoloxía,Críticas,Xerais_nos_medios

OITOCENTOS ANOS DE LITERATURA GALEGA TRADUCIDOS AO INGLÉS

Se abrir un libro é un precipicio de intensidade, abrir unha antoloxía é somerxerse nunha irrefreable desembocadura de voces, títulos, gustos, matices e impresións. Así que coordinar todo ese traballo é un tempo vital que pode medirse en anos, como vén de subliñar Jonathan Dunne, autor de Anthology of Galician Literature (1196-1981), quen desde o ano 1997 teimou neste faraónico proxecto que vén de saír do prelo. Abrir esta antoloxía é ademais abrir Galicia ao mundo, e en especial ao mundo anglosaxón, obxectivo que conseguiu con este volume Dunne, tradutor e responsable entre outras moitas tarefas de que Manuel Rivas sexa coñecido internacionalmente a través da  súa tradución ao inglés.

A relevancia desta obra é tal que as dúas grandes editoriais galegas, Xerais e Galaxia, puxéronse de acordo para afortalar conxuntamente este fito de esparexer a nosa literatura alí onde non chega o noso idioma. Elaborar esta antoloxía, como explica o seu autor no prólogo, foi unha tarefa de coordinación entre escritores, tradutores, antólogos… quen aloumiñaron unha escolma que abrangue os grandes xéneros, os grandes autores, e os grandes textos, pois seis deles son anónimos. Desde eses primeiros balbucidos escritos do idioma, en 1196, ata 1981, ano da fi rma do Estatuto de Autonomía, a antoloxía ofrece un repaso, xa non polo mellor, senón polo imprescindible das letras galegas nunha excelente e coidadísima edición, que permite ler simultaneamente (páxina en galego, páxina en inglés) este percorrido literario.

As cantigas, os romances, coplas e refráns, Rosalía, Curros, Pondal, Cabanillas, Castelao, Dieste, Fole, Cunqueiro, Piñeiro, Fernández de la Vega, Ferrín ou Lorca, cos seus poemas galegos, entre outros, conforman este primeiro volume do que xa se pretende unha continuidade para ofrecer a autores contemporáneos. Un labor que só se compensa co pracer de lelo en calquera dos dous idiomas: «Farewell, rivers and springs [Adiós ríos, adiós fontes]». Sandra Faginas

Texto de Sandra Faginas publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o sábado 10 de xullo de 2010. Pode lerse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Antoloxía da Literatura Galega» por Miguel Anxo Fernán Vello

8 Xullo 2010

Antoloxía,Críticas,Xerais_nos_medios

Edicións Xerais e Galaxia uníronse para, coa colaboración da Consellería de Cultura, levar a cabo un proxecto ben fermoso, construtivo e necesario: dar a coñecer a mellor literatura galega fóra das nosas fronteiras. A idea deste proxecto –supoño eu– partiu de Jonathan Dunne, excelente tradutor e responsábel da recentemente editada Anthology of Galician Literature. (1196-1981), unha obra que, en edición bilingüe inglés-galego, presenta textos de 40 autores, dende Mendiño a Novoneyra, traducidos por 22 especialistas e escolmados por críticos literarios e profesores de dentro e fóra de Galicia. A literatura galega no seu conxunto, dende a época medieval até finais do século XX, constitúe, na miña opinión, unha das máis grandes achegas que o noso país lle fixo e lle fai ao mundo, utilizando para iso un idioma labrado na historia e no tempo; un auténtico tesouro de creación artística, en definitiva, que nos identifica e nos fai recoñecíbeis en todo o planeta. Na Antoloxía de Jonathan Dunne contémplanse 8 séculos de expresión literaria galega en todos os xéneros, incluídos o ensaio e o teatro, o que dá idea dese gran río literario que a nosa palabra foi quen de fixar século tras século, xeración tras xeración, aínda coa historia en contra e padecendo todo tipo de atrancos. Ao parecer, esta Anthology of Galician Literature –así o temos lido nalgunhas informacións de prensa– vai ser enviada a centros de estudos galegos, lusos e hispánicos, así como a axentes literarios e editoriais de todo o mundo. Perfecto. É un paso máis. O mellor da literatura galega, as súas obras e os seus autores máis senlleiros, debe ser visibilizado polo mundo adiante. A este paso deben seguir outros. Ben definidos e xestionados. Velaí o traballo, por exemplo, realizado polo profesor Javier Gómez-Montero na Universidade de Kiel, através do Taller de Traducción Literaria creado por el mesmo nesa universidade alemá. Acaban de editar un novo título: Ein rosenfeuer, das uns verstört. 4 dichter aus galicien. Que conste. Miguel Anxo Fernán Vello

Texto de Miguel Anxo Fernán Vello publicado en Galicia hoxe o 8 de xullo de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Anthology of Galician Literature» de Jonathan Dunne

25 Xuño 2010

Antoloxía,Autores,Críticas,Xerais_nos_medios

UNHA ANTOLOXÍA CON VOCACIÓN TOTALIZADORA E CANONIZADORA

A magna Anthology of Galicia Literatura/Antoloxía da Literatura Galega preparada por Jonathan Dunne sinala, na miña opinión, un dos camiños polo que o noso sistema literario se debe encarreirar na loita pola súa supervivencia: o da colaboración entre empresas (aquí Xerais e Galaxia), neste caso abenzoada co apoio da Xunta, cuxa ausencia resultaría incomprensible nun proxecto coma este, un proxecto de equipo, que reúne entre antologadores e traductores máis de cento vinte persoas, e que por iso mesmo refuga a vocación totalizadora e canonizadora que adoita subxacer a todo desafío antolóxico. O que resoa aquí é nunha polifonía de voces, o eco actual da nosa historia literaria. A excepcional calidade das traducións ao inglés fai deste libro unha aposta de futuro. Dolores Vilavedra

Fragmento do artigo publicado por Dolores Vilavedra nas páxinas de «Luces» de El País Galicia de 25 de xuño de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Un fito histórico para a visibilidade da literatura galega no mundo»

6 Xuño 2010

Antoloxía,Noticias,Presentacións,Traducións,Xerais_nos_medios

A maior parte dos medios recolleron hoxe a noticia da presentación da Anthology of Galician Literature realizada onte en Compostela na que interviron os responsables de Xerais e Galaxia, coeditores da obra, e Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo, entidade que apoiou esta edición. A obra, preparada por Jonathan Dunne recolle en edición bilingüe obras que van dende o século XII ata o ano 1981, datas para nada casuais pois abarcan dende o primeiro documento en galego que se conserva ata o Estatuto de Autonomía. Neste acto de presentación Manuel Bragado leu unha carta de Dunne, que non puido participar no acto por atoparse nestes momentos fóra de Galicia e, a súa vez, Víctor Freixanes, director da editorial Galaxia, a carta redactada polos editores que acompañará ao envío que da antoloxía se realizará a centros de estudos galegos, lusos e hispánicos, así como a axentes literarios e editoriais de todo o mundo.

Velaí como foi recollida a noticia:

Documentación de referencia:

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Anthology of Galician Literature» presentación aos medios de comunicación

3 Xuño 2010

Antoloxía,Noticias,Presentacións,Traducións

Coeditada por Xerais e Galaxia, co apoio da Consellaría de Cultura e Turismo, na primeira quincena de xuño, chegará ás librerías o volume Anthology of Galician Literature 1196-1981, preparada por Jonathan Dunne e que recolle en edición bilingüe obras que van dende o século XII ata o ano 1981, datas para nada casuais pois abarcan dende o primeiro documento en galego que se conserva ata o Estatuto de Autonomía.

O libro será presentado en roda de prensa o vindeiro sábado, día 5, ás 12:00 horas na Sala de Xuntas da Consellería de Cultura en Santiago. No acto participarán Roberto Varela (Conselleiro de Cultura e Turismo), Víctor F. Freixanes (Director Xeral de Galaxia) e Manuel Bragado (Director Xeral de Xerais).

Literatura de tradición oral, literatura dramática, ensaio, poesía e narrativa de ficción son os xéneros neste volume recollidos e que servirá de carta de presentación da literatura de nós diante do mundo anglosaxón. Un fito para a edición galego.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Antoloxía da Literatura Galega» en inglés de Jonathan Dunne

27 Maio 2010

Antoloxía,Noticias,Presentacións,Traducións

Coeditada por Xerais e Galaxia, co apoio da Consellaría de Cultura e Turismo, na primeira quincena de xuño, chegará ás librerías o volume Anthology of Galician Literature 1196-1981, preparada por Jonathan Dunne e que recolle en edición bilingüe obras que van dende o século XII ata o ano 1981, datas para nada casuais pois abarcan dende o primeiro documento en galego que se conserva ata o Estatuto de Autonomía. O libro será presentado o vindeiro día 5 pola Consellería de Cultura e os editores do libro.
Literatura de tradición oral, literatura dramática, ensaio, poesía e narrativa de ficción son os xéneros neste volume recollido e que servirá de carta de presentación da literatura de nós diante do mundo anglosaxón. Un fito para a edición galego do que falaremos devagariño os vindeiros días.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp