Os tempos da longa noite de pedra contados por Xosé Fernández Ferreiro. Crítica de Alfredo Iglesias sobre «De Xente Nova a Brais Pinto»

23 Marzo 2012

Críticas,Crónica,Memorias

Alfredo Iglesias Diéguez publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre o libro de memorias de Xosé Fernández Ferreiro, titulado  De Xente Nova a Brais Pinto, e subtitulado Memorias dun afiador rebelde.

 

Un afiador rebelde

Acaído retrato xeracional

Nos tempos escuros da longa noite de pedra unha pequena presada de homes fixo posible a apertura dun espazo no que, comomsinalou Méndez Ferrín, tiveron cabida diversas “intelixencias e sensibilidades que aspiraban a unha renovación total de Galicia, política, literaria e artística”.

Sobre ese espazo vangardista, do que tanto se ten escrito e que, por dereito propio, está presente en todos os manuais de literatura galega e nas nosas enciclopedias, vén de escribir unha necesaria obra memorialística Xosé Fernández Ferreiro, un dos seus promotores.

Precisamente por causa do abundante coñecemento que temos do grupo Brais Pinto semellaba que xa non había máis que dicir; porén,o autor é quen de relatar nun feixe de páxinas –escritas a partir dunha conferencia pronunciada nun acto de homenaxe que lle tributou o Pen Club en 2009–, numerosas circunstancias de interese: a razón do nome do Grupo; as actividades realizadas polos sete fundadores –Xosé Luís Méndez Ferrín, Reimundo Patiño, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo, Bautista Álvarez, César Arias e o propio autor, Xosé Fernández Ferreiro–: os lugares de xuntanza, os debates, as conversas… e, tamén, por que non nun relato memorialístico, a troula; a incorporación de Herminio Barreiro e Alexandre Cribeiro ás actividades do Grupo; as relacións con outros confrades, como Xavier Costa Clavell ou ‘Foz’; a relación con xentes como Ben–Cho–Sey, Novoneyra ou Piñeiro; as circunstancias que rodearon á publicación de cada un dos libros que editou o Grupo…

Neste sentido, o libro que nos presenta Xosé Fernández Ferreiro, De Xente Nova a Brais Pinto: memorias dun afiador rebelde constitúe un interesante exercicio de memoria que realiza un acaído retrato sociolóxico dun grupo xeracional que loitou por facer agromar, dende o fondo da infamia franquista, a vangarda cultural e política do noso país.

Un relato no que o autor incorpora, ademais, outros episodios da súa traxectoria vital tamén de grande interese histórico, como a andaina do grupo ourensán Xente Nova, a segunda etapa do grupo Brais Pinto da man de César Arias e Reimundo Patiño e numerosas lembranzas que profundan na, ás veces, descoñecida intrahistoria dunha historia coñecida.

Alfredo Iglesias Diéguez

 

Unha figura fundamental da nosa historia. «Luís Soto. A xeira pola unidade galega», de Xurxo Martínez González; crítica de Alfredo Iglesias

19 Xaneiro 2012

Críticas,Crónica

Alfredo Iglesias Diéguez publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Luís Soto. A xeira pola unidade galega, de Xurxo Martínez González.

 

Na xeira Soto

Memoria dun comunista galego

Cando en 1983 sae do prelo Castelao, a UPG e outras memorias (Xerais), o seu autor, Luís Soto (1902-1982), xa non estaba entre nós; porén, quizais o seu falecemento non abonde para explicar que esa obra pasase desapercibida para a maioría da sociedade galega, pois era a obra dun home que dende a súa mocidade loitara a prol da dignificación do pobo galego, tanto no aspecto social como identitario.

Velaí está a súa traxectoria vital:a súa militancia activa no sindicalismo docente da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (ATEO), primeiro, e despois na FETE; o seu compromiso coa II República, que o levou a militar, logo de fuxir das gadoupas de Atila dende a súa Galicia natal cara á zona leal á República, en Solidariedade Galega Antifeixista

e a percorrer durante o ano 1938 os EEUU e Cuba en defensa da causa republicana xunto a Castelao; a fundación de revistas da importancia de Vieiros; a participación en cantas iniciativas se promoveron a prol da defensa da identidade nacional de Galicia,como o Padroado da Cultura Galega…

Que pode explicar, daquela, ese inxusto esquecemento? Quizais a razón habería que buscala na súa militancia política. Efectivamente, dende os seus anos mozos, milita activamente no Partido Comunista de España, que na volta dos anos corenta recoñece o feito diferencial galego ao aceptar a fundación da Comisión Galega,pola que tanto loitara Luís Soto, quen xa en 1940 sostiña que a“solución da cuestión nacional e da cuestión colonial son inseparables da derrota do réxime capitalista”. Unha militancia que abandona para fundar, en 1964,a Unión do Pobo Galego, xunto aos rapaces de Brais Pinto, que malia ser doutra xeración “pensan o mesmo ca min”.

Porén, precisamente esa honestidade intelectual, é a razón que lle fai abandonar a UPG con algúns deses mozos para fundar a UPG-liña proletaria trala crise de 1976. Así,nos últimos anos da súa vida, Luís Soto andaba comprometido co artellamento dunha nova organización comunista: o Partido Galego do Proletariado, o primeiro partido independentista e de clase da Galicia contemporánea, do que Luís Soto foi elixido presidente no seu congreso fundacional celebrado en 1978.

Unha figura fundamental na historia recente do noso pobo que se caracteriza pola busca permanenteda unidade de acción fronte ao inimigo común e a procura dunha síntese entre marxismo e galeguismo que Xurxo Martínez González vén de recuperar nesta súa obra Luís Soto: a xeira pola unidade galega que edita Xerais.

Alfredo Iglesias Diéguez

Unha obra para entender o país no século XXI: «Xeografía de Galicia». Crítica de Alfredo Iglesias

15 Decembro 2011

Críticas,Monografías

Alfredo Iglesias Diéguez publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Xeografía de Galicia, unha obra fundamental, cun enfoque do século XXI, coordinada por Mª José Piñeira e Xosé Manuel Santos

Xeografía de nós

Con perspectiva de hoxe

Nos últimos anos, a sociedade galega mudou visiblemente,  non é preciso agora deterse en dar datos obxectivos que verifiquen ese feito; non obstante, quizais sexa preciso reparar nun feito ás veces esquecido: a profunda mudanza da sociedade galega non se operou no baleiro ou na abstracción, desenvolveuse con grande intensidade sobre o territorio galego.

Efectivamente, cando dende campos tan dispares como a socioloxía, a economía  ou a historiografía  estudamos  esa transformación, o territorio, o espazo, é o gran ausente; non obstante, a transformación do territorio, consecuencia inevitable do desenvolvemento económico e urbano galegos, foi parella da transformación da sociedade.

Neste sentido, era necesaria unha obra que nos devolvese a capacidade de xerar reflexións, dende a teoría xeográfica moderna, sobre o noso territorio; unha obra que nos permitise pensar os conceptos xeográficos fundamentais (paisaxe, ordenación do territorio, urbanismo…), dende unha perspectiva de noso.

Velaí o “espazo” que vén ocupar Xeografía de Galicia, unha obra na que baixo a coordinación de María José Piñeira Mantiñán e Xosé Manuel Santos Solla, se analizan as diferentes realidades que afectan ao territorio galego cunha perspectiva moderna e actualizada.

Alfredo Iglesias Diéguez

Crítica de Alfredo Iglesias Diéguez sobre «Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939)», de Dionisio Pereira

13 Maio 2011

Críticas,Crónica

Alfredo Iglesias Diéguez publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión sobre Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionisio Pereira. Reproducímola intergramente:

Xentes do noso mar
A pedagoxía do terror

Despois do 18 de xullo de 1936, foron moitos os argumentos empregados para xustificar a sublevación militar, a violenta represión posterior e mais a ditadura que se prolongou durante a interminable “longa noite de pedra”; porén, todos eses argumentos, esgrimidos polos vencedores para xustificar os seus actos, son falsos, como demostran os feitos obxectivos.
Efectivamente, se tomamos como exemplo desta última afirmación os tráxicos acontecementos vividos polas xentes do mar da Galiza logo desa data, axiña comprobaremos o seguinte: primeiro, que os sublevados exerceron unha violenta represión sobre as xentes do mar, represión que provocou a morte de centenares dos seus cadros sindicais máis salientables nos meses inmediatamente posteriores á sublevación militar; segundo, que os sublevados exerceron diferentes graos de violencia –dende a morte até a non contratación en postos de traballo relacionados co mar–, sobre millares de traballadores e traballadoras do mar, ás veces polo simple delito de ter militado nunha asociación obreira na República ou cantar a Internacional no posto de traballo; e, terceiro, o inmediato desmantelamento de todo o tecido asociativo que as xentes do mar foran artellando no noso país dende1864 e que á volta dos anos republicanos acadara un gran nivel organizativo, o que fixo posible conquistas sociais e laborais tan elementais como un salario digno –non excesivo, pero si suficiente para garantir uns mínimos vitais–, os descansos establecidos segundo a duración das mareas, a redución das xornadas laborais e os descansos semanais para as traballadoras e os traballadores de terra (conserveiras, peixeiras…), a legalización das organizacións sindicais e das súas actividades, a mellora das condicións laborais…

Eís a realidade: fronte a unha clase traballadora que exercía os seus dereitos democráticos –de asociación, folga…–, para conquistar o dereito a unha vida digna, as clases dominantes –dun xeito case unánime–,acudiron á violencia –á pedagoxía do terror–, non só para reprimir as lexítimas demandas do pobo traballador, senón para evitar que no futuro se puidesen volver a esixir. Velaí unha das moitas leccións que se pode tirar da lectura do último libro de Dionísio Pereira, Loita de clases e represión franquista no mar, que ofrece os datos necesarios para coñecer a organización societaria das xentes do mar galegas e a violenta represión da que foron vítimas.

Afredo Iglesias Diéguez

Crítica de Alfredo Iglesias Diéguez sobre «A agonía do león», de Carlos Reigosa

15 Abril 2011

Críticas,Crónica

No suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, publicouse onte unha recensión de Alfredo Iglesias Diéguez sobre A agonía do león, de Carlos Reigosa. Reproducímola integramente.

Año e león
Fundamental ensaio novelado

En Galiza ou León, territorios nos que os oficiais sublevados o 18 xullo de 1936 se fixeron co control das gornicións militares alí destacadas e, en apenas tres días –os tráxicos “tres días de Xullo, do 18 ao 21, da historiografía galega–, lograron facerse co control absoluto deses territorios, non houbo nin grandes batallas nin apenas frontes de combate –só as barricadas que durante uns poucos días puido levantar o pobo nalgunhas localidades, como en Lavadores–; non obstante, o acontecido eses días: a usurpación do dereito a defensa dun pobo que, a xulgar polos resultados electorais de febreiro de 1936,podía considerarse leal á República, iniciou unha longa guerra civil que se prolongou durante moitos anos (1936-1954), nos que a práctica do terror franquista –execucións extraxudiciais, desaparicións, violacións e torturas das presas e dos presos, depuracións do funcionariado leal á República…–, foi unha constante.

Precisamente nese contexto tan concreto, determinado pola imposibilidade de que aquelas persoas máis ou menos compremetidas coa democracia republicana puidesen defender, non só a legalidade vixente, senón mesmo ás súas propias vidas, foron moitas as persoas –sobre todo homes, pero tamén unhas poucas mulleres– as que se botaron ao monte para salvar as súas vidas: son os fuxidos.Non obstante, a partir dese primeiro grupo, que xurdiu espontaneamente por puro instinto de supervivencia –deslabazado organicamente, diverso ideoloxicamente e disperso xeograficamente–, organizouse,paseniño, un eficaz exército guerrilleiro, dotado dunha eficaz estrutura militar e un mando político unificado, durante os anos corenta, antes de que a dirección do Partido Comunista ordenase a disolución das guerrillas,nos primeiros anos da década dos cincuenta, ao renunciar á loita armada como estratexia política.

A traxectoria vital dun deses fuxidos de primeira hora, o berciano Manuel Girón Bazán, que co tempo foi quen de aglutinar ao seu carón un eficaz grupo guerrilleiro –que contaba entre outros membros con Mario Morán, César Ríos, O Gafas, Zapico ou Quico–, que se movía polas terras de La Cabrera, onde deran en constituír un territorio liberado arredor da utópica Cidade da Selva, é o obxecto que centra a atención de Carlos G. Reigosa, quen co libro A agonía do león (2010),vélvenos regalar un novo ensaio novelado fundamental para recuperar a nosa memoria histórica.

Alfredo Iglesias Diéguez

«Inmunda escoria» de Ricardo Gurriarán

10 Xuño 2010

Críticas,Crónica,Historia,Xerais_nos_medios

MILITANCIA UNIVERSITARIA

Retrato dunha toma de conciencia

Inmunda escoria. Así foi como titulou Daniel Ares Enjamio a crónica dos sucesos de na universidade galega na volta de xaneiro de 1968; non obstante, o título do artigo facía referencia a un editorial do xornal ABC titulado “Para la Universidad queremos paz”, no que cualificaba de “inmunda escoria –da que tiña que ser depurada a Universidade–” o estudantado máis combativo da universidade galega. Eís a versión do franquismo e dos seus instrumentos de dominación –entre outros os medios de comunicación da época afíns ao réxime– dos sucesos na Universidade galega.

Fronte a esa visión, asumindo ese cualificativo como un sinal de identidade, Ricardo Gurriarán titula dese xeito unha investigación sobre A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela (1939-1968), subtítulo da súa recente obra de investigación,  Inmunda escoria (Xerais, 2010).

Ora ben, quen era esa “inmunda escoria”? Cal era a súa procedencia?

A maioría dos mozos e mozas que se mobilizaron na universidade galega nos anos sesenta ou ben estaban vinculados ao Partido Comunista ou ben tiñan simpatías pro-chinesas ou eran cristiáns de base cun fondo compromiso social: eís a militancia do grupo que soubo trasladar ao conxuntodo estudantado composteláns novas inquedanzas políticas; certamente, tamén había nacionalistas, como Sanxuás –quen foi o rostro visible do nacionalismo nas mobilizacións-, pero non tiñan unha presenza significativa no movemento estudantil dos anos sesenta.

As súas estratexias, principalmente a loita cultural, entendida como elemento de axitación (conferencias como a de Aranguren, recitais de música como o de Raimon, mesas redondas, debates no Cineclub…), o “entrismo” nas estruturas de representatividade universitaria e a información, entendida como principal elemento de difusión das súas demandas; así como os persoeiros máis representativas desas mobilizacións, entre os que se atopaban Marisa Melón, Pérez Touriño, Domenech e tantos e tantas máis, son o obxecto de estudo principal desta obra, que malia iniciar o percorrido tras a guerra civil, centra a investigación nas mobilizacións dun estudantado que na década dos sesenta foi perdendo o medo á xerarquía franquista e ao silencio imposto polo franquismo, moi ben transmitido polos seus achegados. Neste sentido, o fío condutor do libro do profesor Gurriarán son as loitas desenvoltas polo estudantado galego para emanciparse mediante a autoorganización democrática, que van aumentando en intensidade até estourar no 68.

En fin, Inmunda escoria axúdanos a comprender que o 68 galego foi un acontecemento fundamental no proceso de toma de conciencia dun país e mais dunhas clases sociais que foran violentamente reprimidas despois dos tráxicos sucesos do 36. Alfredo Iglesias Diéguez

Texto de Alfredo Iglesias Dieguez publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 10 de xuño de 2010. A páxina completa onde aparece pode baixarse en pdf aquí.

«Os Celtas» de Francisco Calo, crítica de Alfredo Iglesias Diéguez «Faro da Cultura»

6 Maio 2010

Críticas,Historia,Xerais_nos_medios

DÚBIDAS CELTAS. UNHA REVISIÓN DE NOSO

Existe dende hai anos un debate, ás veces demasiado acalorado, sobre a presenza celta en Galiza. Non obstante, malia a intensidade do debate, o certo é que poucas veces se puxo enriba da mesa un punto principal: a definición de celta por parte das persoas que participaron nese debate no noso país ,e a procedencia ou non da inclusión da cultura do pobo galaico prerromano no mundo celta europeo. Lembro –permitídeme o excurso persoal–, que a lectura no ano 1982 do libro Los celtas (1981), do profesor Venceslas Kruta, sorprendeume profundamente: levaba toda a vida escoitando falar da presenza celta en Galiza e un especialista universitario no mundo celta non facía ningunha referencia aos celtas de Galiza, aínda máis, se algunha mención había a esa presenza celta entre nós era porque a editorial incorporara un capítulo final dedicado aos «celtas da península Ibérica», da autoría de Guadalupe López Monteagudo, no que había máis mencións a outros territorios peninsulares que a propia Galiza.

Precisamente esa falta de concreción no debate ao longo dos últimos trinta anos, é a que vén encher Francisco Calo Lourido no seu libro Os Celtas: unha (re)visión dende Galicia. Efectivamente, o autor, sobradamente coñecido pola súa contribución ao coñecemento da cultura castrexa –especialmente no ámbito da arte–, preocúpase por estudar a cuestión da lingua celta, a cultura de Hallstatt e La Tène, as fontes clásicas para o estudo dos pobos prerromanos da Gallaecia, o rexistro material en tanto que soporte necesario para falar da sociedade e a relixións dos pobos prerromanos, a materia de Bretaña…, como condición necesaria para saber de que estamos a falar. Así mesmo, o autor realiza tamén, paralelamente a esa tarefa,unha análise da historiografía pasada e presente sobre o celtismo para mostrar –e denunciar, no seu caso–, as metodoloxías empregadas para defender a presenza celta en Galiza.

Finalmente, unha vez realizada esa labor necesaria, chega sereamente a unha serie de conclusión de sumo interese: primeira, en Galiza non houbo campos de urnas nin cultura hallstáttica nin latenaica; segunda, consecuencia do anterior, en Galiza non houbo celtas, cando menos se por tal entendemos unha determinada cultura centroeuroepa; terceira, se por celta entendemos un sistema lingüístico ou unha lingua, en Galiza houbo algúns pobos célticos; cuarta, cantos deses pobos está por determinar, pero aparenetemente non máis de tres ou catro, dun total de corenta pobos; quinta, coas debidas cautelas, eses poucos pobos célticos non tiveron unha presenza moi anterga en Galiza; e,última, eses pobos célticos deixaron moi poucas pegadas no noso país. Dende logo, sobradas razóns para ler o libro. Alfredo Iglesias Diéguez.

Este texto de Alfredo Iglesias Diéguez foi publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 6 de maio de 2010. A páxina completa onde aparece pode baixarse en pdf aquí.