«TSC Diario da noite» de Alfonso Armada, crítica de Ramón Nicolás

30 Novembro 2009

Críticas,Poesía,Xerais_nos_medios

Calquera crítica non deixa de ser, por parte de quen a asina, un comentario subxectivo, de   pousos, de sedimentos… Lin TSC. Diario da noite hai xa un par de meses e estes días volvín a el e aquelas sensacións iniciais retornaron,  se couber, con máis intensidade. Alfonso Armada, que xa ofrecera na nosa lingua libros como Escuma dos dentros, Pita velenosa, porta dos azares ou Haikús da Costa da Morte, ofrece arestora un libro singular, compacto, nesa rara forma, por pouco habitual, de diario poético. Antes como agora, TSC provocou que quedase no padal un certo aquel melancólico polo que se foi e xa non volverá; polo que se cadra se quere de novo apreixar cando se sabe, de certo, que xa non pode ser. Esta é unha das lecturas, abofé, mais esa acedume pola distancia, da que non sei se é o autor foi consciente de ir debullando, que traduce en palabras e transloce por veces en silencios, con todo, non deixo de xulgala como un inestimable valor xunto coa afouteza ou convicción de Armada no seu propio quefacer lírico ao dar a coñecer un diario poético máis de vinte anos despois desde a súa redacción, co que o libro gaña tamén no ámbito testemuñal, malia perdérense referentes contextuais, por outro lado de doada reconstrución.

Deste xeito, penso que TSC Diario da noite é un exercicio catárquico que, alén de iluminar unha zona moi concreta do pasado –os anos oitenta- e uns espazos tamén singulares –Compostela, Sevilla, Tánxer, Madrid, mais sobre todo a cidade de Vigo-, deita unha ollada ás claves daquel tempo cunha visión máis globalizadora, sen esquecer que se trata a súa dunha escrita persoal, única, un tanto illada do que se facía naquel momento e que transloce un universo de obsesións particulares. A opción de incorporar un corpo salientable de material iconográfico –fotografías, reproducións pictóricas, material visual de toda índole: etiquetas, billetes, follas de árbores, selos ou tíckets- contribúe a fixar o libro como experiencia persoal e íntima, alén de outorgarlle un aire de revisión visual dunha época e do que nela aconteceu, sen obviar que este libro é  un testemuño que apunta á colectividade, onde agroma unha ollada, sen dúbida, xornalística, crítica, en ocasións informativa, coma se o lector se dispuxese á lectura dun artigo de opinión. A iniciativa experimental do diario poético, deste xeito, cobra aquí cabal sentido formando parte dunha espiral onde en cada verso renace a idea do movemento, de nunca ficar quedo, de tránsito recorrente cara a algures.

Dialoga tamén o autor, como non podía ser doutra maneira, cos seus tótems, coas súas pantasmas persoais  aquí e acolá, coas palabras de Joyce e Kafka, de Gide e Raimbaud, de Borges e Mann que o precederon no tempo…, dese diálogo nace unha esculca que afonda no tempo, na memoria e na escrita. Malia a acedume, tamén hai que consignalo, ao lonxe albíscase tamén  unha luzada de esperanza, aínda que sexa só para contalo. Ramón Nicolás

Texto publicado o sábado 28 de novembro de 2009 por Ramón Nicolás no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"TSC. Diario da noite", crítica en "Faro da Cultura"

28 Maio 2009

Críticas,Poesía,Xerais_nos_medios

farodaculturaLaura Caveiro publica hoxe en “Faro da Cultura” unha crítica de TSC.Diario da noite, o poemario de Alfonso Armada.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista a Alfonso Armada

21 Abril 2009

Entrevistas,Poesía,Presentacións,Xerais_nos_medios

alfonso_armada_presentacion

O Faro de Vigo publica unha breve entrevista con Alfonso Armada, que onte, día 20 presentou o seu poemario TSC. Diario da noite. No acto, que se celebrou na Libraría Librouro de Vigo, o autor estivo acompañado polo editor Fran Alonso e polo arquitecto César Portela. Hoxe, 21 de abril, ás 20:00h presentarase a obra na Galería Sargadelos da Coruña, e contará coa participación de Pilar García Negro, Yolanda Castaño, Fran Alonso e mais o autor.

Recollemos un fragmento testemuñal desta entrevista:

–Recuperar ahora, más de 25 años después, su memoria en forma de poesía ¿qué sensación le provoca?

–Me resulta inquietante, pero decidí ser fiel al libro y no corregirlo con la mirada de hoy. Reconozco que mis reflexiones sobre algunos temas políticos o sexuales no me agradan ahora, pero sería una traición cambiarlo.

–Obligarse a escribir un poema cada día, ¿no resulta antipoético?

–Completamente; es una aberración. Pero era un experimento que quería hacer y ni siquiera sabía cómo iba a terminar. El resultado, al final, tiene mucho de periódico porque, como éste, es diario e intenta ordenar el mundo, aunque poéticamente.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«TSC. Diario da noite», presentacións

15 Abril 2009

Noticias,Poesía,Presentacións

xg00151701A vindeira semana realizaranse dúas presentacións de TSC. Diario da noite o poemario de Alfonso Armada.

A primeira, terá lugar o luns, 20 de abril, ás 20:00 horas na Libraría Librouro de Vigo, contando coa participación de César Portela, Fran Alonso e o autor.

A segunda, realizarase o martes, 21 de abril, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos da Coruña, contando coa participación de Pilar García Negro, Yolanda Castaño, Fran Alonso e o autor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«TSC. Diario da noite», Alfonso Armada

27 Marzo 2009

Noticias,Poesía

Está chegando ás librarías TSC.Diario da noite, un voluminoso poemario de máis de seiscentas páxinas de Alfonso Armada.

xg00151701TSC. Diario da noite de Alfonso Armada é un experimento, o intento destemido dun poeta de 24 anos que, seguindo o alento de escritores como Gide ou Joyce, desexaba a literatura como unha sorte de vida e devecía por rexistrar o paso do tempo e todos os seus estragos escribindo un poema cada día do ano de 1982. As obsesións íntimas, os medos, os anhelos e as mitoloxías da época están case todas neste diario poético que é tamén un canto de amor e desapego á cidade de Vigo, onde o poeta naceu, e ás que comezaban a facer parte da súa existencia: Compostela, Madrid, Sevilla ou Tánxer. Estes Trescentos Sesenta e Cinco días son, para o poeta, un intento de dar conta de si.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais 2009: trinta aniversario, 3.000 títulos

10 Xaneiro 2009

Noticias,Xerais_nos_medios

O plan editorial 2009 de Xerais estará marcado polo trinta aniversario de creación do noso proxecto e por superar, a inicios da vindeira primavera, os tres mil títulos editados. Prevemos publicar unhas cento vinte de novidades, cifra moi semellante a dos últimos anos, no abano diversificado das nosas coleccións que abranguen, entre outras, a literatura, a lexicografía, a edición infantil e xuvenil, a edición de libro de texto e materiais curriculares, as guías de viaxe e os libros de agasallo.
Dentro das novidades literarias atenderemos con especial dedicación as tres efemérides de 2009: o «Ano Cabanillas», con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza (9 de novembro); o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (10 de xuño), coa edición d’ O po dos días, un estudo de Luciano Rodríguez sobre a peripecia biográfica e a obra do poeta de Seivane; e o día das letras galegas dedicado a Ramón Piñeiro.
Na colección Narrativa, continuaremos coa nosa aposta por autores propios e por traducións da maior actualidade. Así, ademais da novela de François Bégaudeau,  A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico. No mes de marzo publicaremos o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009. A seguinte entrega, xa avanzada a primavera, será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.  Publicaremos, ademais, as novas novelas de Rosa Aneiros, María Reimóndez e Suso de Toro. Durante o segundo semestre, ademais da publicación do Premio Xerais de Novela 2009, que será fallado  o 6 de xuño, editaremos outras dúas traducións. Na colección de Poesía, as primeiras novidades serán TSC. Diario da noite de Alfonso Armada e o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa. Na Biblioteca Dramática Galega, que coeditamos con AGADIC, publicaremos Sempre quixen bailar un tango, Premio Álvaro Cunqueiro 2008 e Pingueiras e carteiras, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2008, as dúas pezas da autoría de Teresa González Costa. Na colección de Ensaio, comezaremos en xaneiro con Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín Rei, para continuar en marzo coa edición do segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir e do Tractatus Logico-Philosophicus de L. Wittgenstein. Xa no segundo semestre e tamén dentro desta colección publicarase a primeira das obras de Georges Steiner comprometidas, Georges Steiner no The New Yorker. Os dous primeiros títulos da colección Crónica serán Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland e Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
A edición no mes de outubro do Gran Dicionario Xerais da Lingua, obra de cen mil entradas, será a novidade máis importante do ano, á que se engadirán dúas primicias na nosa lingua: un Dicionario de Arte e un Dicionario galego-francés / français-galicienne.
Na edición  infantil, no primeiro trimestre destacarán O sombreiro chichiriteiro, o primeiro libro para nenos de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao; así como dous libros de Agustín Fernández Paz, recente premio Nacional de Literatura Infantil, a novela  Lúa de Senegal e o álbum A dama da luz, ilustrado por Pablo Magutis.
Na primeira metade do ano tamén aparecerán, fóra de colección,  tres importantes obras: Cabalos de vento, curros de pedra do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, Pedras de Compostela de Aldonza das Pratarías e A semente da nación soñada, o libro de homenaxe a Xosé L. Méndez Ferrín, coeditado con Sotelo Blanco.

(*) Artigo de Manuel Bragado publicado no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia do 10 de xaneiro de 2009, dedicado ás novidades do sector editorial galego para o ano 2009.

Chuzame! A Facebook A Twitter