NÍXER: RADIOGRAFÍA DO ÚLTIMO LUGAR SOBRE A TERRA
NÍXER QUERE CHAMAR A ATENCIÓN SOBRE UN DOS PAÍSES MÁIS POBRES DO MUNDO NUNHA INICIATIVA DE EDICIÓNS XERAIS, ACCIÓN CONTRA A FAME E CULTURA SOLIDARIA GALEGA
É imposible concluír a lectura dun libro deste carácter tal e como se principiou. Talvez poida semellar que a afirmación é esaxerada, pero non teño dúbida de que esta é unha desas achegas que perduran na memoria. Nado ao abeiro dunha iniciativa de Acción contra a Fame e de Cultura Solidaria Galega, ten a súa orixe na proposta que a primeira organización formulou a un grupo de escritores para viaxar e coñecer Níxer co obxectivo de recolleren as súas impresións, vivencias e pensamentos e plasmalas nun libro conxunto cuxos fondos recadados están destinados a actividades solidarias destas institucións. E velaquí, logo duns anos, un estremecedor e documentado resultado final; xa non só no que se refire ao caudal informativo que aquí se desprende senón e tamén pola intensidade e a emoción que dominan estas reflexións.
Un recoñece que pouco sabía de Níxer antes da lectura deste libro, pouco da súa historia como país, da súa miseria e dunhas necesidades tan extremas que raian o inconcibible; pouco dos costumes e hábitos das súas xentes, pouco do sufrimento xeneralizado que padecen os máis desfavorecidos, isto é, os propios nenos e as mulleres. Tras o que aquí se compendia un decátase do logrado exercicio de síntese que aquí se encerra e mais das razóns que explican tanto a presenza de Níxer na marxinalidade informativa como ese sempiterno e recorrente mirar cara a outro lado das sociedades “avanzadas”: non é cómodo falar nin da fame, nin de necesidades básicas nunca cubertas, nin tampouco dos brutais desequilibrios aínda hoxe existentes.
Fernández Naval, en primeiro lugar, constrúe unha crónica, exenta de ficción e con grande afán reflexivo, a través da cal levanta acta das experiencias acumuladas, do que viu e sentiu durante e tras a viaxe. As páxinas non ocultan unha precisa capacidade descritiva, na que opera cun escalpelo efectivo moi no ronsel de Kapuscinsky, sen caer no risco do anecdotario e onde a súa ollada non se detén só para falar dos cooperantes –aqueles que “trasmiten esperanza” nun país que precisa acreditar nela- ou do papel das mulleres e dos nenos –ese rostro da desnutrición, ese “verlle a cara á morte..”–, senón que recala tamén na historia do país, na influencia dos chineses, nas alternativas laborais, no goberno nixerino, na vida cotiá nun medio hostil… Algo máis, pois, que o rexistro aséptico dun universo que está aí ao lado pois nas súas liñas reflíctense valoracións e sentimentos tantas veces encontrados: algo inevitable nun contexto no que cómpre convivir con situacións extremas.
Outro tanto se pode afirmar da colaboración que subscribe Camilo Franco. Na súa participación rastréxase, se couber, unha crítica sen ambaxes á sociedade de opulencia que dalgún xeito permite este estado de cousas. A través dun feixe de pequenos textos narrativos, esencialistas e rápidos como lóstregos, deséñase unha panorámica pola que se que continúa pola intención testemuñal, descritiva e reflexiva, e non só do que se ve senón do que se intúe. Unha estratexia que resulta operativa para deitar unha ollada incisiva que pon enriba da mesa moitas das claves que explican a existencia dese “espazo final” en palabras do autor. Un retrato, ao meu ver, tampouco exento da necesaria acedume que se precisa para perfilar a inequívoca esgazadura moral que debe producir esta realidade.
Ao tempo Alfonso Costa inclúe, alén dunhas páxinas valorativas en consonancia coa tonalidade dos anteriores e das imaxes que se inclúen no libro, un monllo de composicións poéticas nas que formula un universo conformado en base ás experiencias da viaxe e ás percepcións alí vividas. Por último, é o escritor nixerino Moustapha Bello Marka, nunha tradución do francés orixinal a cargo de Carlos Airas, quen ofrece un pequeno texto representativo da creación literaria do país africano: un relato claramente simbólico que é fábula ao tempo que parábola, case minimalista, e que pon o ramo a un volume que non debería pasar desapercibido. En todos os casos, se o seu obxectivo era rachar co silencio sobre Níxer e sensibilizar aos lectores coa sorte do país e das súas xentes, este superouse notablemente. Ramón Nicolás
Texto publicado por Ramón Nicolás no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o sábado 8 de maio de 2010.