O pulo transformador de Teresa Moure

1 Setembro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Baixo o título «O pulo transformador», Montse Dopico publica en Galicia hoxe unha longa entrevista a Teresa Moure a raíz da publicación da súa cuarta novela, A Intervención. A novela relata a preparación da performance artístico-política no Courel, artellada ao xeito do land art. «Nas presentacións do libro poño imaxes de obras de land art. E tamén dunha pequena intervención que fixemos uns amigos e eu. Escribimos a cultura galega limita” -unha polémica frase do conselleiro de Cultura- “nuns muíños en Aríns. Nas presentacións, a xente non queda indiferente, sae conmovida…», lembrou. Na novela, os veciños do Courel tampouco quedan indiferentes ante a acción. A arte é, na novela, «non un dispositivo preciosista para emular realidades, senón un xeito de intervir nelas. Isto está moi conectado coa idea da natureza: temos unha moi mala relación coa natureza. O artista ten a obriga de formular cal é a súa actitude ante a sociedade», defende Moure. O grupo de artistas da novela non permite que a súa arte se institucionalice, malia a vantaxe que isto podería supor, por exemplo para espertar o interese duns medios de comunicación que permanecen indiferentes ata que intervén a xustiza. Porque os protagonistas son como unha célula revolucionaria, de certa inspiración libertaria. «A novela é un pouco ácrata, si», di a autora, que rexeita a definición de utopía como o que non é realizable. Utopía é, para ela, o que está por construír. E o Courel, e o movemento social que nel agromou para defenderse da destrución consentida polo poder, é un exemplo de que «o pobo galego pode liberarse. Podemos redimirnos como pobo. Podemos cumprir calquera proxecto político que nos propoñamos. Só temos que deixar de botar terra enriba de nós, dicindo que somos moi conservadores e iso. A nosa historia demostra que xurdiron rebelións de pequenos grupúsculos». Como os Irmandiños, que están en Unha primavera para Aldara…»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Praza dos Libros de Carballo

24 Agosto 2010

Feiras_do_libro,Noticias,Presentacións

Xerais participará na Praza dos Libros de Carballo que se celebrará do 26 ao 29 de agosto organizada polo concello de Carballo. O completísimo e modélico programa de actividades pode baixarse en pdf aquí. Nesta feira presentaranse dous libros de Xerais: A intervención de Teresa Moure e Lingua de calidade de Xosé Ramón Freixeiro Mato.

O xoves 26 de agosto, ás 20:30 horas, Teresa Moure, acompañada de Antón Pedreira, presentará a súa novela A Intervención e a vídeoinstalación que preparou para ela.

O sábado 28 de agosto, ás 20:30 horas, baixo o título xenérico de «A lingua que queremos» presentarase de forma conxunta tres libros recentes sobre contidos de sociolingüística de Lingua de calidade, Lingua e futuro e Estudos xurídicos sobre o decreto para o plurilingüismo. No acto participarán Xosé Ramón Freixeiro Mato, Goretti Sanmartín, Luís Villares e Silvana Castro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais no Festigal 2010

16 Xullo 2010

Autores,Crónica,Narrativa,Noticias,Presentacións

XERAIS participa no FESTIGAL 2010 coas seguintes presentacións:

DÍA 24 de xullo
18:30 h.: Presentación de Sol de Inverno de Rosa Aneiros con Manuel Bragado e a autora.
19:15 h.: Presentación do libro En castellano no hay problema de Carlos Callón con Alba Nogueira, Caetano Díaz, Manuel Bragado  e o autor.

DÍA 25 de xullo
18:30 h.: Presentación de O coitelo en novembro de Marilar Aleixandre con Dolores Vilavedra, Manuel Bragado e a autora.
20:00 h.: Presentación do libro A Intervención de Teresa Moure con Manuel Bragado e a autora.  No acto proxectarase unha videointervención creada por Teresa Moure.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A Intervención» de Teresa Moure recomendada por Xosé Carlos Caneiro

12 Xullo 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

ALÉGRAME moito a lectura de A Intervención, a nova novela de Teresa Moure. E digo que me alegra porque a autora, pola que sinto declarada predilección, volve a facer literatura de rigor artístico. Velaquí unha novela que entronca co mellor que ten escrito esta intelectual de orixinalísima voz e constante alento artístico. Audaz na forma, empregando o tópico do diario (dos diarios) dende unha perspectiva locuaz e trenzando un argumento inaudito na nosa historia narrativa. Trátase dun grupo artístico que pretende «intervir» sobre a natureza e sensibilizar á cidadanía, tan allea aos designios da beleza e o natural (O natural é político é un brillante ensaio do que é autora Teresa Moure e que resultará imprescindible para entender a evolución do pensamento galego nos inicios do século XXI). Semella un alegato ideolóxico, pero velaquí a grandeza e pericia da autora para desviar o argumentario doutrinal (algo que non soubo facer en Benquerida catástrofe, verbigracia) e atraer ao lector a unha trama que posúe todos os ingredientes da literatura maiúscula que a día de hoxe, mellor ca ninguén, sabe edifi car esta narradora madura e insólita na nosa historia literaria. Reconciliarme coa literatura de Moure retrotráeme unha vez máis a Herba moura, non para reivindicala, como fi xen en numerosas ocasións, senón para certifi car que o paso do tempo non resta  un ápice de rigor literario a esa obra mestra de Nós e da nosa lingua literaria. Xosé Carlos Caneiro

Fragmento do texto de Xosé Carlos Caneiro titulado «Unión» publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o sábado 10 de xullo de 2010. O texto en pdf pode lerse aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Teresa Moure e os autores de «Níxer» na Feira do Libro de Vigo

7 Xullo 2010

Crónica,Narrativa,Noticias,Presentacións

Mañá, xoves, 8 de xullo ás 19:30 h na Feira do Libro de Vigo presentarase Níxer, libro solidario promoivodo por Acción contra a Fame e editado por Xerais. No acto intervirán dous dos coautores, Camilo Franco e Francisco Fernández Naval, Isabel Iglesias Santos, rsponsable en Galicia de Acción contr a Fame e o editor Fran Alonso.

O venres, 9 de xullo, tamén ás 19:30 horas, presentarase a novela de Teresa Moure A Intervención. No acto, no que se proxectará unha intervención audiovisual, acompañará á autora o editor Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Feira do Libro de Vigo, programa definitivo de actos para esta semana

5 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Fóra de Xogo,Narrativa,Presentacións,Xuvenil

A inoportuna coincidencia na Praza de Compostela da celebración da Feira do Libro de Vigo e da proxección dos partidos do campionanto mundial de fútbol, obriga a editorial a cancelar a presentación da novela de Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, prevista para o vindeiro mércores. Agardando que non se produzan novas continxencias, o programa defnitivo de actos organizados por Xerais deica remate da Feira será o seguinte:

Día 5, luns, ás 19:00 horas: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros Sol de Inverno , Premio Xerais de Novela 2009 e Ás de bolboreta , Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009 e o resto da súa obra.

Día 5, luns, ás 19:30 horas:
Presentación da novela Dragal de Elena Gallego. Acompaña á autora o editor Manuel Bragado.

Día 6, martes, ás 19:30 horas:
Presentación do libro de relatos Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Acompaña ao autor o editor Manuel Bragado.

Día 7, mércores, ás 19:00 horas: María Reimóndez asinará exemplares do seu libro O monstro das palabras e do resto da súa obra.

Día 8, xoves, ás 19:30 horas:
Presentación do libro Níxer promovido por Acción contra a Fame e Cultura Sociedade Galega. Interveñen tres dos seus autores, Camilo Franco, Francisco X. Fernández Naval e Alfonso Costa, acompañados de Isabel Iglesias Santos, responsable en Galicia de Acción contra a Fame e do editor Fran Alonso.

Día 9, venres, ás 19:30 horas:
Presentación da novela A Intervención de Teresa Moure. Acompañará á autora o editor Manuel Bragado. No acto proxectarase unha vídeointervención creada por Teresa Moure.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro de Vigo

22 Xuño 2010

Asinatura,Autores,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Premios,Presentacións

Xerais adianta a relación das presentacións que ten previsto realizar na Feira do Libro de Vigo, que se celebrará na Praza de Compostela do 2 ao 11 de xullo. A estes actos engadiranse diversas asinaturas de autores e autoras que anunciaremos nos vindeiros días.

Día 2 venres:
Cid Cabido, autor da novela Unha historia que non vou contar, Premio de ao mellor libro de narrativa 2009 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, pronunciará o pregón de apertura ás 20:00 horas.

Día 2, venres, ás 20:30 horas:
Presentación da novela A viaxe do Ser de Manuel Pérez de Lis. Acompaña ao autor a editora Helena Pérez.

Día 3, sábado, ás 19:00 horas: Agustín Fernández Paz asinará exemplares dos seus libros ValadosLúa do Senegal , Premio ao mellor libro Infantil e Xuvenil 2010 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e o resto da súa obra.

Día 3, sábado, ás 20:30 horas:
Presentación da novela de Suso de Toro, Sete palabras, Premio da Crítica de creación literaria 2010. Conversa co autor o editor Manuel Bragado.

Día 5, luns, ás 19:00 horas: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros Sol de Inverno , Premio Xerais de Novela 2009 e Ás de bolboreta , Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009 e o resto da súa obra.

Día 5, luns, ás 19:30 horas:
Presentación da novela Dragal de Elena Gallego. Acompaña á autora o editor Manuel Bragado.

Día 6, martes, ás 19:30 horas:
Presentación do libro de relatos Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Acompaña ao autor o editor Manuel Bragado.

Día 7, mércores, ás 19:00 horas: María Reimóndez asinará exemplares do seu libro O monstro das palabras e do resto da súa obra.

Día 7, mércores, ás 20:30 horas:
Presentación da novela O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, Premio Lazarillo 2009 de Literatura xuvenil. Acompaña ao autor o ilustrador Ramón Trigo e o  editor Manuel Bragado.

Día 8, xoves, ás 19:30 horas:
Presentación do libro Níxer promovido por Acción contra a Fame e Cultura Sociedade Galega. Interveñen tres dos seus autores, Camilo Franco, Francisco X. Fernández Naval e Alfonso Costa, acompañados de Isabel Iglesias Santos, responsable en Galicia de Acción contra a Fame e do editor Fran Alonso.

Día 9, venres, ás 19:30 horas:
Presentación da novela A Intervención de Teresa Moure. Acompañará á autora o editor Manuel Bragado. No acto proxectarase unha vídeointervención creada por Teresa Moure.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«”A Intervención”: canto polifónico á arte e á natureza», crítica de Ramón Nicolás

16 Xuño 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

TERESA MOURE RETORNA AO PRIMEIRO PLANO DA ACTUALIDADE LITERARIA CUNHA NOVELA CORAL SOBRE AS RELACIÓNS ENTRE ARTE E ESPAZOS NATURAIS

Sigo con crecente interese a traxectoria creativa de Teresa Moure; ao meu ver unha dramaturga, ensaísta e narradora que constitúe, duns anos para acó, unha parte xa substantiva do noso sistema literario. Unha traxectoria, sobre todo no que ten a ver coa narrativa, na que teñen salientado por dereito propio algúns títulos que gozaron dunha unánime aceptación entre lectorado e crítica, mentres que outros ficaron, por diversas razóns, nun plano máis secundario.

Talvez A intervención cumpra situala entre os títulos que se empolicarán entre aqueles máis salientables da autora. Sen dúbida é esta unha novela que polo seu esquema construtivo, sen deixar de esixirlle a quen se achegue ás súas páxinas un papel activo que lle permitirá ir recompondo as pezas dun aparente quebracabezas,  facilita unha lectura fluída mercé á que asistimos ao deseño do universo persoal e grupal duns personaxes diversos, ben pouco convencionais, individualizados en condutas e accións, mais vinculados por un común desideratum artístico: en principio utópico, pero realizable, e que fai deles un conxunto compacto e robustecido por acreditar nun obxectivo común como é a realización desa “intervención” artística. Esta é, á fin e ao cabo,  a que transparenta o compromiso latexante cos espazos naturais de noso, nesta ocasión simbolizado no que se pode facer nunha canteira abandonada do Courel, e tamén a que vehiculiza a exhibición dunha protesta política de mans dadas coa intención estética, sen nunca deixar desatendidos outros obxectivos máis particulares e privativos de cadaquén: enterrar dunha vez o pasado, axustar as propias contas persoais, procurar un sentido último á vida a través desa performance colectiva.

Se algo concreto tivera que salientar desta novela reiteraría o que vén sendo un feliz lugar común na autora, isto é, esa capacidade para crear biografías de  ficción que por veces beirean o inverosímil, pero arredor das que é quen de crear unha atmosfera que transmite convicción e permite esvarar con naturalidade neses mundos que abalan entre o tanxible e o máxico; algo que establece un achegamento a esas vidas que se reviste de evidente empatía, nomeadamente neste caso cos Balseiro: “vehementes, soñadores, atolados e fascinantes”. Todos entretecen unha vida cotiá ganduxada con amores imposibles, golpes, derrubas, desexos, ilusións, demencias e tolemias tensionadas coa ansia creativa, feitos tantas veces conectados… Biografías que, ao meu xuízo e por se fose pouco, respectan a necesaria heteroxeneidade expresiva, amosando cadaquén as súas propias peculiaridades discursivas, nun xogo de espellos coral recollido a través do recurso ao multiperspectivismo e ao diario.

Mesmo non sería bo esquecer a dosificación de certos relampos irónicos, nin a presenza de certo humorismo distanciado,  nin aínda o dominio experimentado que se proxecta en tramas que tamén son operativas para reconstruír, con sutileza, un pasado persoal mais tamén colectivo. Fóra disto, non se abandona o que sospeito un intenso traballo previo á novela que sustenta a vizosidade na enumeración e descrición de plantas, flores, árbores e o mundo natural en xeral…, que tanto nos recorda a Herba moura. Un volume, para finalizar, que alén do dito nos desvela, por se se esquecera, que as grandes mudanzas só dependen en moitas ocasións de pequenos detalles, de pequenas intervencións que constrúen devagar, e arestora, todo este rotundo “artefacto” literario: fresco, contemporáneo e poliédrico. Ramón Nicolás

Texto de Ramón Nicolás publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o pasado sábado 12 de xuño de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Teresa Moure, entrevista en «La Opinión da Coruña»

30 Maio 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Noelía Díaz entrevista en La Opinión da Coruña a Teresa Moure con motivo da publicación d’ A Intervención.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«”A intervención”: una novela ben resolta»

28 Maio 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

A intervención de Teresa Moure: unha proposta para repensar conceptos

A intervención de Teresa Moure é unha novela ben resolta, na que a autora terma con rigor dunha certa tendencia ao exceso estilístico, mais faino sen renunciar á textura da escrita que xa lle é característica. Cun ritmo ben pautado, uns personaxes convincentes na súa vontade por viviren instalados nas estremas do convencional, e unha voz narrativa menos invasiva do que podían resultar as de anteriores entregas da autora, A intervención é unha novela que nos fala de moitas, moitas cousas, e que pide ser relida porque nos obriga a facernos preguntas de non doada resposta. Máis alá dun primeiro nivel de lectura en que se nos anima a cuestionar o canon e a función da arte tal e como adoito a concebimos, a obra é tamén unha proposta para repensar conceptos tan solidamente establecidos que nin maxinamos que poidan entenderse de xeito diferente: a amizade, o amor ou a maternidade. Dolores Vilavedra

Texto extraído do artigo de Dolores Vilavedra «De autores e de editores» publicado no suplemento «Luces» de El País Galicia o 28 de maio de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Teresa Moure e Elena Gallego, o sábado, 1 de xuño, na Feira do Libro de Ourense

Autores,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Presentacións

O sábado, 1 de xuño, coincidindo coa inauguración da Feira do Libro de Ourense (Praza do Bispo Cesáreo), acudirán ao evento as escritoras Teresa Moure e Elena Gallego. Teresa Moure pronunciará o pregón ás 13:00 horas e presentará a súa novela máis recente, A intervención, acompañada do editor Manuel Bragado. Pola súa banda, Elena Gallego ás 19:00 horas asinará exemplares da súa primeira novela, Dragal.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Teresa Moure entrevistada por «A Nosa Terra»

24 Maio 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

César Lorenzo entrevista a Teresa Moure nas páxinas d’ A Nosa Terra con motivo da publicación d’ A Intervención, a quinta novela da monfortina. Recollemos un fragmento das palabras de Teresa, que se poden ler na súa totalidade na edición impresa do semanario:

«Eu quixen poñer en práctica a idea central deste libro. Pero faltoume o apoio dun grupo de amigos con ganas de seguirme. Debo ter pouca forza de convicción. Así que, aproveitándome do poder da literatura, plasmei o meu desexo nunha novela. Penso que hai que buscar xeitos de participación política distintos aos habituais ou tradicionais. Cómpre procurar formas de intervención na sociedade que produzan cambios reais. Velaí a idea dos personaxes da novela e velaí, en parte, a miña visión da literatura. Nese sentido, cada libro pode ser un artefacto que faga abalar certas cousas que non me gustan. Pero opino que isto é extensíbel a outros eidos. Na educación aínda segue a haber un modelo de coñecemento xerárquico e alleo á realidade de fóra das aulas que precisaría unha mudanza absoluta.»

O vindeiro sábado, 29 de maio, ás 13:00 horas, Teresa Moure lerá o pregón da Feira do Libro de Ourense. No serán do mesmo día, ás 20:30 horas, presentará A intervención na carpa da feira ourensá, acompañada do editor Manuel Bragado

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro de Ourense

21 Maio 2010

Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias

Xerais organiza diversos actos na Feira do Libro de Ourense, que se celebrará na Praza do Bispo Cesáreo do 29 de maio ao 6 de xuño.

Día 29 sábado, 13:00 horas
Teresa Moure pronunciará o pregón na Praza do Bispo Cesáreo.

Día 29 sábado, 19:00 horas
Elena Gallego Abad asinará exemplares da súa novela Dragal.

Día 29 sábado, 20:30 horas
Presentación da novela A intervención de Teresa Moure.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Teresa Moure e Marcos Calveiro mañán na Feira do Libro de Lugo

Autores,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Presentacións,Xuvenil


No serán de mañán, sábado 22 de maio, a Feira do Libro de Lugo, que se celebra na Praza Maior, acollerá a participación dos escritores Marcos Calveiro e Teresa Moure.
A partir das 19:30 horas, Marcos Calveiro asinará exemplares das súas novelas Settecento e O pintor do sombreiro de malvas (PREMIO LAZARILLO 2009).
Ás 20:00 horas, Teresa Moure presentará A Intervención, acompañada do editor Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A intervención» de Teresa Moure

20 Maio 2010

Críticas,Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais nos blogs

A lectura da máis recente novela de Teresa Moure, A intervención, suscita interese e polémica nos blogs. Velaí as opinións publicadas estes días en Trafegando ronseis e en Bouvard e Pécuchet.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A intervención» de Teresa Moure, crítica de Montse Pena Presas

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

RENOVADA E COÑECIDA MOURE
Unha máxica combinación de palabras

A quinta entrega de narrativa para o lectorado adulto de Teresa Moure fainos volver á orixe da súa escrita, ás esencias que marcaron dende o comezo a súa traxectoria literaria e cada vez a delimitan máis.Dende a publicación de Herba Moura en 2005, a autora conta cun público fiel que segue tamén a súa produción ensaística con degoiro. Porque entre a ficción e a non ficción mouriana existen fortes vencellos que elaboran un compacto macrotexto. A reivindicación do feminismo e do ecoloxismo son os dous eixos principais do mesmo, ao erixirse case que sempre como temáticas principais . Mais o estilo que o envolve todo, recursos revisitados –coma o multiperspectivismo–, certas temáticas revisitadas –como a impor tancia da memoria individual e social ou a volatilidade das persoas– e personaxes con perfís semellantes son os condimentos dunha obra que se reinventa a si mesma á vez que aumenta as súas fontes.

A intervención nárranos o encontro de catro personaxes singulares que se deciden a levar a cabo unha acción artística para incidir na conciencia social sobre a natureza. Son Leandro, un inquedo mozo estudante de historia da arte; a súa nai Clara, dermatóloga e amante das plantas por tradición familiar; Daniel, un pianista famoso retirado a consecuencia da súa perda de memoria; e Candela, unha profesora de historia, amiga de Leandro. A novela entretécese dende as diferentes perspectivas e tempos que nos achegan os catro diarios que protagonistas escriben. Estes lévannos ao seu pasado, revelando a idea de que a infancia, os acontecementos que foron, márcannos para sempre aínda que non o coñezamos. Entre eles, amor, paixón, amizades e ilusións entrecruzadas, intereses e arelas que chegan ou non a consolidarse, mais que Moure transmite con mestría introducíndonos nun universo en que os sentimentos son o que verdadeiramente importa. Aínda que manquen. Ao par disto, a reflexión sobre o valor e a validez da arte e as consecuencias políticas que esta pode ter na vida cotiá son o marco principal –o xeito de intervir da autora dende o que cómpre interpretar o texto–. No entanto, aparecen moitos dos símbolos xa habituais na escrita mouriana: as flores,as plantas e a natureza como conformadoras da vida (como o facían en Herba Moura); a pel como espello da alma,do que se tenta agochar (ao xeito de Benquerida Catástrofe); a importancia dos pequenos detalles que o trocan todo (á maneira d’A casa dos Lucarios); e a familia como núcleo do que se parte pero do que ás veces cómpre afastarse (pensemos en A xeira das árbores). Se ben nalgunha destas novelas a tese facíase por veces abondo evidente, A intervención trae a mellor escrita de Moure: a que nos envolve e lembra que as mellores historias dependen dunha máxica combinación de palabras. Montse Pena Presas

Texto publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 20 de maio de 2010. A páxina completa onde aparece o texto pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do libro de Lugo

13 Maio 2010

Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Presentacións

Xerais organiza diversos actos na Feira do Libro de Lugo, que se celebrará na Praza Maior do 15 ao 23 de maio.

Día 20 xoves, 19:30 horas
Rosa Aneiros asinará exemplares dos libros: Sol de Inverno (PREMIO XERAIS DE NOVELA 2009) e Ás de bolboreta (PREMIO FUNDACIÓN CAIXA GALICIA 2009)

Día 22 sábado, 19:30 horas
Marcos Calveiro asinará exemplares dos libros: Settecento e O pintor do sombreiro de malvas (PREMIO LAZARILLO 2009)

Día 22 sábado, 20:00 horas
Presentación da novela A intervención de Teresa Moure.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A intervención», nova novela de Teresa Moure, primeiro capítulo

27 Abril 2010

Adiantos_para_ler,Descargas,Narrativa,Presentacións

Tras a aclamadísima Herba moura, pola que obtivera o Premio Xerais de novela 2005, Benquerida catástrofe e Unha primavera para Aldara, volve aos andeis das librarías Teresa Moure con A intervención, unha novela na que aborda as relacións entre as artes e a natureza, cuestión que xa esculcara no seu ensaio máis recente O natural é político. Empregando unha coidadísima técnica de múltiple perspectiva, nesta súa cuarta novela Teresa Moure reúne a cinco persoas para formar un comando artístico que ten como obxectivo argallar unha performance nas montañas do Courel que sensibilice á cidadanía sobre as relacións entre a arte e natureza. Mentres levan a cabo o seu escrupuloso plano, a chegada inesperada dunha nova personaxe, unha psiquiatra vienesa, obrígaos a rexistrar por escrito as súas actividades clandestinas. Desde a múltipla perspectiva que emana dos seus diarios, os membros do grupo van dando as súas respectivas versións, que conforman unha historia colectiva, e que conectan a paixón creativa co pasado remoto de cadaquén, coa súa infancia e cos seus medos máis agochados.

A intervención será presentada o vindeiro 4 de maio, martes, ás 20:00 horas na Feira do Libro de Santiago. No acto acompañarán á autora a académica e catedrática Margarita Ledo e o editor Manuel Bragado.

O primeiro capítulo desta magnífica novela pode baixarse en en pdf aquí. Feliz lectura!

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro de Santiago

22 Abril 2010

Crónica,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Historia,Narrativa,Noticias,Poesía,Xuvenil

Xerais preparou un importante programa de actividades para a Feira do Libro, que se celebrará no Paseo Central da Alameda de Santiago de Compostela, entre o 1 e o 9 do vindeiro mes de maio.

Día 1 sábado

13:00 horas: Pregón a cargo de Marcos Calveiro.
19:30 horas: Ricardo Gurriarán asinará exemplares do seu último libro Inmunda escoria.
20:00 horas: Presentación da novela Settecento de Marcos Calveiro. Intervirán: Martin Pawley, Manuel Bragado e Marcos Calveiro.

Día 3 luns

19:30 horas: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros de Sol de Inverno (PREMIO XERAIS DE NOVELA 2009) e Ás de bolboreta (PREMIO FUNDACIÓN CAIXA GALICIA 2009)

Día 4 martes

20:00 horas: Presentación da novela A intervención de Teresa Moure. Intervirán: Margarita Ledo, Manuel Bragado e Teresa Moure.

Día 5 mércores

19:00 horas: Presentación do poemario (Retro)visor de Antía Otero. Intervirán: Estevo Creus, Fran Alonso e Antía Otero.

Día 6 xoves

20:00 horas: Presentación da novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas. Intervirán: Rosa Aneiros, Xosé A. Sánchez Bugallo, Manuel Bragado e Manuel Portas. Ao remate, a música Clara Pino (Integrante de Cobalblue), tocará coa Harpa Celta o tema “Alalá do viquingo”.

Día 7 venres

20:00 horas: Presentación do libro Os Celtas. Unha (re)visión dende Galicia de Francisco Calo Lourido. Intervirán: Xerardo Pereira-Menaut (Catedrático de Historia Antigua da USC), Manuel Bragado e Francisco Calo Lourido.

Día 8 sábado

19:00 horas: Presentación do libro En castellano no hay problema de Carlos Callón. Intervirán: Caetano Díaz (Director de Galicia Hoxe) e Pilar García Negro. Colaboran a Asociación Cultural O Galo e A Mesa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A intervención» de Teresa Moure

18 Marzo 2010

Narrativa,Noticias

Xa está no prelo A intervención a nova novela de Teresa Moure. O libro chegará ás librarías despois da Semana Santa.

Un pianista retirado, unha dermatóloga, o fillo desta, estudante universitario, e mais unha das súas profesoras na facultade de Historia reúnense para constituíren un comando artístico. O seu obxectivo é levar a cabo unha performance un tanto particular, a medio camiño entre a creación estética e a toma de conciencia política. Instalados ao pé das montañas do Courel, este grupo de rebeldes pretende sensibilizar a cidadanía cunha intervención que enlace arte e natureza. Mentres levan a cabo o seu escrupuloso plano, a chegada inesperada dunha nova personaxe, unha psiquiatra vienesa, obrígaos a rexistrar por escrito as súas actividades clandestinas. Desde a múltipla perspectiva que emana dos seus diarios, os membros do grupo van dando as súas respectivas versións, que conforman unha historia colectiva, e que conectan a paixón creativa co pasado remoto de cadaquén, coa súa infancia e cos seus medos máis agochados. Porque a arte é unha das formas da loucura.

Foto de cuberta: Tono Arias.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais: novidades literarias de xaneiro e febreiro de 2010

4 Xaneiro 2010

BLG,Clásicos,Crónica,Ensaio,Fóra de Xogo,Guías_de_viaxe,Lingua,Narrativa,Noticias,Poesía,Reedicións,Traducións,Universitaria,Xuvenil

Tras os días de descanso de Nadal, o equipo da editorial prepara os primeiros lanzamentos das primeiras novidades literarias de 2010.

Neste mes de xaneiro aparecerán, dentro da colección Biblioteca das Letras Galegas, dous poemarios de Ramón Cabanillas: Samos, en edición de Xosé Carlos López Bernárdez e No Desterro, en edición de Xosé Ramón Pena. Nas mesmas datas aparecerán os dous primeiros títulos de ensaio, A espiral no espello de Anxo Angueira (Xerais Universitaria) e Lingua de calidade de Xosé Freixeiro Mato (Xerais Materiais).

A comezos do mes de febreiro chegarán ás librarías os primeiros títulos do «Ano Uxío Novoneyra»: a nova edición d’ Os Eidos (Xerais Clásicos) e o libro de Xosé Lois García Uxío Novoneyra revisitado (Xerais Estudos Literarios). No mesmo envío incluiranse os dous primeiros títulos de Cronica: Melancolía de sofá de Luisa Castro e Feministas Galegas. Unha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón.

Tamén en febreiro aparecerán as tres primeiras novelas de Narrativa: A intervención de Teresa Moure, Settecento de Marcos Calveiro e Bilbao-New York-Bilbao de Kirmen Uribe, premio Nacional de Narrativa 2009, traducido do éuscaro por Isaac Xubín. No mesmo servizo chegarán ás librarías dous títulos de Xerais Poesía,  Lapidarias de David Rodríguez e (Retro)visor de Antía Otero e dúas novelas de Fóra de Xogo, A paixón de Alexandra de Xulio Ricardo Trigo, traducida do catalán por Eva Lozano, e A viaxe do Ser de Manuel Pérez de Lis.

Na derradeira semana de febreiro publicaranse os dous primeiros títulos de Xerais Ensaio: Georges Steiner no The New Yorker, traducido do inglés por Lara Domínguez, Patricia Buján e Saleta Fernández e o segundo tomo d’ O segundo sexo. II. A experiencia vivida de Simone de Beauvoir, traducida od francés por Marga Rodríguez Marcuño, así como a Guía do Camiño de Santiago de Antón Pombo.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp