James Salter, entrevista en "Xornal de Galicia"

5 Maio 2009

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

James Salter, o autor d’ A idade da auga, é entrevistado hoxe en Xornal de Galicia. O escritor escocés que publicou o seu primeiro libro de relatos en galego anuncia que está traballando sobre unha novela longa, titulada A zona boyajian, a partir dun argumento que preparou para o conxunto de relatos do seu primeiro libro. “É outra historia de Vigo, mais de 400 páxinas salienta”.salter_xornal

James Salter, entrevista en «Galiza hoxe»

1 Outubro 2008

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Tras a súa exitosa conferencia en Stirling, o escritor escocés James Salter, autor dos relatos d’ A idade de auga, é entrevistado en Galicia hoxe. Recollemos tres parágrafos do texto:

James Salter naceu en Glasgow pero entre 1972 e 1977 viviu en Suráfrica, na granxa de piñas dos seus avós. Alí aprendeu a falar o khosa, a lingua natal daquela república. «En Suráfrica, os meus primos son bilingües en inglés e afrikáans, nun país no que existen como 20 linguas», conta. Pero para o escocés «se es dun lugar, tes que atopar as palabras para describir o que sentes senón serías un exiliado dentro do teu propio país». Por iso coida que, lonxe de polémicas, «o galego é a lingua de Galicia por unha cuestión moi simple: hai palabras que definen experiencias que teñen unha palabra específica nese idioma».

«Intento que sexa un proceso no que a fantasía irrompe dentro da realidade» nunha cidade marcada polo mar. «A parte da tradición de Vigo como porto, para min, a cidade está ancorada no mar, como se estivesemos flotando. É impresionante porque, á vez, cando miras o mar de Vigo, tamén estás mirando as Américas, a terra prometida para os emigrantes», apunta o escritor.

Despois de publicar A idade da auga, James Salter xa ten ren rematados dous borradores dunha novela nova de 400 páxinas que tamén ten que ver cun porto de mar. «O protagonista xoga ao tenis, algo que non ten moito que ver con Galicia porque non hai moitos campos de tenis…. por iso trasladei a historia á costa francesa. E tamén introducín recordos de Vigo, de cando os turistas baixaban dos barcos e se lanzaban a mercar cousas en avalancha…», conta. Para o autor, non resulta «incongruente» trasladar unha historia do Atlántico ó Mediterráneo. «Ó cabo, Vigo non é como Ferrol, que se parece máis a Escocia», apunta. Porén, a obra non está escrita en galego senón en inglés. «E aínda falta buscar unha editorial así que o levo con calma.»

James Salter, conferencia en Stirling

26 Setembro 2008

Narrativa,Noticias,Traducións

O vindeiro luns, 29 de setembro, no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Stirling (Escocia), o escritor escocés James Salter, autor d’ A idade da auga,  impartirá unha conferencia que leva por título «Porque escribiu un escocés un libro en galego?». A idade da auga é o primeiro libro do escritor escoces, afincado en terras miñotas, sendo esta edición en galego, tamén, a primeira dunha obra escrita orixinalmente en inglés, lingua na que polo momento permanece inédita.

"A idade da auga", por Gonzalo Navaza

4 Xullo 2008

Narrativa,Presentacións

O escritor Gonzalo Navaza presentou A idade da auga, o libro de relatos do escocés James R. Salter, escritos en inglés, publicados orixinalmente en galego e ambientados na cidade de Vigo. Navaza comezou a súa intervención salientando o feito de que estes oito relatos ambientados nun Vigo inundado de mar e de subxectividade, tiñan o valor engadido especial para os lectores galegos de tratarse dunha visión foránea que foxe do costumismo. Mais sendo isto importante, continuou Navaza, “o atractivo do libro de Salter está na cuestión técnica, na prodixiosa forma de contar, nunha subxectividade que se vai deformando sobre a paisaxe dunha cidade que ten algo de proteico, mais tamén de hostil. Esa caracterización da cidade viguesa, a grande protagonista do libro, aparece no texto de Salter ata os límites do pesadelo”. “A idade da auga é un libro fantástico na medida que deforma outra realidade que non é nada realista (nin tampouco nada costumista), pero que está chea de detalles, que conforman a propia realidade. Cidade deformada pola hipérbole, pola subxectividade dos personaxes, de xeito que o lector acaba mergullado nunha cidade monstruosa. A paixón do individuo acaba deformando unha realidade que se vai transformando en fantástica”.