«Xoa», de Antonio Yáñez Casal, e «A filla do ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa, Premios Frei Martín Sarmiento

8 Maio 2012

Infantil,Merlín,Premios

Logo de que Dragal, de Elena Gallego resultase gañadora do Premio VIII Premio Frei Martín Sarmiento nas categorías de 1º e 2º da ESO, dous novos libros de Xerais acaban de ser distinguidos co premio.

Xoa, de Antonio Yáñez Casal, fíxose co galardón na categoría de 3º e 4º de Primaria, e A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, fíxose co galardón  na categoría de 5º e 6º e Primaria. Ambos os dous premios foron entregados esta pasada fin de semana no Museo da Cidade da Cultura coa presenza do Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Xoa conta a historia dunha xoaniña. Cando Xoa naceu, houbo festa rachada. Ninguén acordaba outra igual no campeiro. Os seus habitantes bailaron e bailaron ata non poder máis, contentos coma carricantas. E é que había tempo que naquel lugar non viña ao mundo unha xoaniña. Os veciños foron un por un darlle os parabéns á nai, que acoleiraba a Xoa con dozura. Todos coincidiron en que nunca unha xoaniña tan feita e tan garbosa adornara o campeiro, e iso celebrárono rillando nuns pulgóns moi sabedeiros escollidos para a ocasión.

A filla do ladrón de bicicletas conta a historia de Serafina, que é filla dun ladrón de bicicletas e vive coa súa tía, dona Perfecta, nunha vila mariñeira. A súa máxima aspiración é ser equilibrista nun circo con Celerífera, a bicicleta coa que consegue abraiar, e cara a iso van enfocados todos os seus esforzos, aos que non serán alleos nin a axuda do vello Elías nin as dificultades que lle ocasionan a panda de Martiño o Bravo. O xurado da XXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil outorgou o seu recoñecemento a esta primeira novela de Teresa Gonzalez Costa salientando “a perfecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia o desenvolvemento da historia”. A filla do ladrón de bicicletas foi ilustrada por Jacobo Fernández Serrano e recomendada para lectores de 11 anos en diante.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Finalistas de Xerais na VIII edición do Premio Frei Martín Sarmiento

26 Setembro 2011

Infantil,Noticias,Premios,Xuvenil

Publicamos o listado de libros de Xerais que resultaron finalistas en distintas categorías da VIII edición do Premio Frei Martín Sarmiento. Trátase dun premio que é outorgado a través da votación dos propios estudantes galegos.

2ª CATEGORÍA (3º e 4º de EP):

3ª CATEGORÍA (5º e 6º de EP):

4ª CATEGORÍA (1º e 2º de ESO):

5ª CATEGORÍA (3º e 4º de ESO e Bacharelato):

6ª CATEGORÍA ( adultos):

Artigo de David Balsa sobre a escritora Teresa González Costa

21 Xuño 2011

Artigos literarios,Autores

David Balsa dedícalle un artigo de opinión a Teresa González Costa. Pode lerse aquí. Reproducimos un fragmento:

Pero hai unha obra especialmente significativa, e tamén vencellada o ámbito do Circo, na escrita da autora grovense da que xa tiven ocasion de falar brevemente e recomendar ardorosamente aos nosos leitores. Estou a falar, coma non, de A filla do ladrón de bicicletas (Xerais, 2010) que se alzou co XXV Premio Merlín de Literatura Infantil e na cal Serafina, unha nena inqueda e soñadora, e a sua bicicleta Celerifera pasan por múltiples e engaiolantes aventuras a pesares da sua tía Dona Perfecta, a antítese dos valores da meniña Serafina. Nesta ocasión, outro xurado destacou “a perfecta combinacion de tenrura e humor” do libro.

Crítica de Vicente Araguas sobre «A filla do ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa

28 Febreiro 2011

Críticas,Infantil,Merlín,Premios_Xerais

O crítico Vicente Araguas publicou recentemenete unha recensión crítica sobre A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, o libro gañador do Premio Merlín 2010. A recensión viu a luz no Diaro de Ferrol e e en El Ideal Gallego. Reproducímola integramente:

Entro con curiosidade no Premio Merlín (de literatua infantil), “A filla do ladrón de bicicletas” (Edicións Xerais, Vigo, 2010), de Teresa González Costa, por ver que aires alenta territorio tan esvaradizo. E é que a literatura infantil, miñaxoia, ten sido percorrida, cando non tripada, por moito caralavada.
A literatura ou a canción. E aquí volverei poñer o “exemplo” de Bárbara Rey cantando, con voz augardentosa, “El cocherito leré” nun circo ao que acodín con Andrea, cando esta era pequena. (Sigo indo aos circos, evitando aqueles que toman aos nenos por parvos). Tampouco é mal exemplo o de Teresa Rabal, deixando a canción para adultos unha vez que foi deixada por ela, para adentrarse no proceloso mar do sonsonete infantil (ou infanticida). ¿E que dicir de Gloria Fuertes cos seus ripiois tan letais para o concepto poético que a paritr dela apañaron unhas cantas xeracións? ¿E que do nachiño que exercía na nosa literatura de espello e exemplo para os cativos mentres mantiña un blog moi agresivo agachado nun seudónimo tomado de Salinger?
Por estas e outras Por estas e outras razón, eu que me destetara lendo aos Grimm, Perrault, Bertoldo, Bertoldino e Cacaseno, Elena Fortún, Richmal Crompton ou Enid Blyton, quixen entrar no libro de Teresa González Costa (O Grove, 1975) con curiosidade, xa se dixo, non exenta dun certo morbo. Tamén dunha coiraza antipringue, non fose ser o demo. E atopei, mira por onde, un libro moi ben escrito, artellado con intelixencia e con argumento que é puro material sensible. Á parte, por suposto, as moi boas ilustracións de Jacobo Fernández Serrano, que dan razón estética a un libro cheo de ética. Pero non da barateira, desa que expenden os colexios “comme il faut” a tanto o quilo (de libro de texto). A mensaxe que ceiba Teresa
González Costa é dunha ecoloxía altísima, tanto como os vóos de Serafina subida na súa Celerífera de piñón fixo. E é que argumentar a prol da bicicleta, neste mundo do auto canto máis agresivo, mellor, xa resulta moito. Pero é que ademais Serafina é un personaxe nada repelente, e nin sequera o seu contrapunto, a malvada “ma non troppo” tía Perfecta, consigue rebaixar un chisco o seu instinto poético. Arraiano no delirio, que iso é a boa literatura infantil, un salto louco no espazo surreal. Así que esta historia, da filla dun (polo demais invisible) ladrón de bicicletas, acaba en demencia aérea, con dislocacións que farán a delicia dos rapaces cunha fiestra ao Norte (como é a súa obriga). Un libro moi divertido, desde o instinto lírico que aparella, que lin encantado, sen necesidade dun baño posterior para desfacerme de pringues ou mentiras. Senón as que a propia literatura, a boa, trae consigo. A bici de Serafina vai a piñón fixo. A de González Costa, a piñón libre. E eu feliz de dar unha volta nela.

Vicente Araguas

Unha nena que soña con ser equilibrista: comentario sobre «A filla do ladrón de bicicletas» en A Nosa Terra

23 Febreiro 2011

Infantil,Merlín,Premios_Xerais

A Nosa Terra publica un comentario sobre A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, na sección Un libro para cada día. Reproducímolo a continuación:

Premio Merlín 2010, ‘A filla do ladrón de bicicletas’ (Xerais), de Teresa González Costa conta a historia da nena Serafina e a súa bici Celerífera.

Unha nena que soña con ser equilibrista; unha bicicleta mítica; unha tía que considera que andar sobre dúas rodas non é para cativas; un inventor que tamén é mecánico de velocípedos… Con estes ingredientes compón Teresa González Costa A filla do ladrón de bicicletas, libro co que gañou o Premio Merlín 2010.

Unha historia de ilusión e esforzo cunha rapaza como protagonista que non se resigna a facer a función que os demais queren que faga. Un soño feito realidade grazas aos amigos e un éxito por riba de calquera éxito: vencer o ciclista que todo o mundo consideraba invencíbel.

As ilustracións son de Xacobe Fernández Serrano.

Crítica de Isabel Soto sobre «A filla do ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa

2 Febreiro 2011

Infantil,Merlín,Premios_Xerais

LG3, o portal de Literatura do Consello da Cultura Galega, publica unha recensión crítica de Isabel Soto sobre A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, último Premio Merlín de Literatura Infantil. Reproducimos o primeiro parágrafo:


Obra gañadora do XXV Premio Merlín de Literatura Infantil no ano 2010 coa que a autora debuta como narradora. Por dura que poida parecer a trama, o relato desdramatiza todos os elementos negativos utilizando o humor nos contrastes continuos e, sobre todo, nas escenas que poñen en práctica gran cantidade de técnicas de filiación teatral. O humor situacional artella moitos dos momentos máis gratificantes desta historia.

Ler máis.

Crítica de María Navarro sobre «A filla do ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa

23 Decembro 2010

Infantil,Merlín,Premios_Xerais

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, inclúe hoxe unha recensión crítica de María Navarro do último Premio Merlín de Literatura Infantil, a A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa. Reproducímola integramente:

Valores e contravalores
Substanciosa interpretación

O pasado doce de xuño fallábase na illa de San Simón o Premio Merlín. Era esta unha edición especial,a vixésimo quinta, e como xurado uns membros de excepción.Cinco gañadores en anos anteriores outorgaban por maioría o premio á obra titulada A filla do ladrón de bicicletas, cuxa autora,Teresa González Costa, xa coñecida por pezas teatrais como Sempre quixen bailar un tango, Alén das Brumas ou Pingueiras e tarteiras, deita unha ollada tenra e máxica sobre un vehículo que semella marcou algunha vivencia infantil.
Da mesma forma que nunha bicicleta a forza producida polas pernas se transforma en movemento, así funciona o resorte da imaxinación impulsado polo burbullar de ideas, imaxes e palabras que dispostas maxistralmente producen un texto que irradia enerxía e ilusión e no que a autora, adoitando unha postura de prudente neutralidade, fai falar aos seus personaxes para que sexan eles mesmos os que acaden a complicidade ou reprobación do público. Os receptores, atentos aos movementos de cada un, agardan expectantes o decorrer dos acontecementos histriónicos nalgúns momentos, docemente cotiás noutrose simpáticos as máis das veces.
Considerando que coa tía Perfecta vai estar ben e levar unha vida como merece, o pai, famoso ladrón de bicicletas, deixa á súa filla Serafina nunha casa diriamos que pouco cómoda, polo que ten de exclusiva, pola etiqueta de intocables que colga en cada unha das pezas, polo carácter exótico que lle imprime a procedencia das cousas e pola insistencia da dona do fogar en que teña claro e ben claro que nada do que ve será nunca seu.
Neste ambiente de tal exquisitez non ten cabida a bicicleta Celerífera, a das raias verdes e laranxas, e que se converte para a rapaza na súa paixón. Chegar a ser equilibrista e traballar nun circo é o único obxectivo de Serafina que non dubida e practicar e practicar, pese á oposición da tía Perfecta.
Outros personaxes como o vello Elías, Milo ou a súa nai Beliña adozan a historia e actúan como contrapunto ás excentricidades da tía Perfecta, unha cantante de ópera xa maior que se nega a aceptar a súa propia realidade e que se fai rodear de bens materiais e de persoas ás que lles une unha falsa amizade para lucimento persoal.
Aparecen deste modo na estrutura profunda do texto valores e contravalores que posibilitan unha substanciosa interpretación acerca da caída dosmitos, da idoneidade de acumular bens, da fachenda como modo de vida ou de cal é o modelo de felicidade que perseguimos.
A concepción da novela goza dun extraordinario rigor plástico que fai que o lector perciba o texto como un decorrer de esceas nas que se suceden os acontecementos e que en conxunto semellan actores do espectáculo que é a vida mesma.

María Navarro

Presentouse «A filla do ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa

21 Decembro 2010

Infantil,Premios,Presentacións

A edición de Arousa do Faro de Vigo deu conta da  presentación do último Premio Merlín de Literatura Infantil, a A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, organizada polo Concello do Grove e por Xerais.

No acto participaron Quico Cadaval, Manuel Bragado e Teresa González Costa e celebrouse na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rei. A información pode descargarse en pdf.

Os libros do Club da Ciencia, no suplemento «A Escola»

14 Decembro 2010

Ciencia,Ciencias da Natureza,Infantil,Natureza

O suplemento A Escola, de Faro de Vigo, publica hoxe nas súas páxinas centrais unha ampla reportaxe na que presta especial atención aos libros do Club da Ciencia, unha colección destinada á aprendizaxe, desde a ficción, de xeito ameno e didáctico, de todos aqueles aspectos importantes ligados ao coñecemento científico que hoxe son esenciais para a educación na infancia e adolescencia.

A maiores, a reportaxe inclúe tamén o último Premio Merlín de Literatura infantil 2010, a A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa.

Presentación no Grove o próximo venres de «A filla do ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa

Infantil,Premios_Xerais,Presentacións

O vindeiro venres 17 de decembro terá lugar a presentación do último Premio Merlín de Literatura Infantil, a A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, organizada polo Concello do Grove e por Xerais.

O acto, que contará coa participación de Quico Cadaval, Manuel Bragado e Teresa González Costa, terá lugar ás 20,00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rei (Monte da Vila, s/n, O Grove).

Trafegando ronseis recomenda «A filla do ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa

24 Novembro 2010

Blogs,Críticas,Infantil,Premios_Xerais

O blog Trafegando ronseis recomenda nun post o Premio Merlín de Literatura Infantil 2010, A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa. Reproducímolo integramente:

Teresa González Costa gañou o Premio Merlín de Literatura infantil con este libro, A filla do ladrón de bicicletas, ilustrado magnificamente por Jacobo Fernández Serrano e publicado por Xerais. Un libro moi axeitado que creo gustará ao noso alumnado máis novo. A verdade é que teño moitas ganas de llelo recomendar para saber a súa opinión, sempre máis axeitada por seren eles o mellor xurado para este tipo de libros. A autora acada o dominio das características específicas deste tipo de lectura: amor, aventuras, a personaxe maligna, a bondadosa, a entrañable, os ladróns trangalleiros, o final feliz, a comicidade un pouco demasiado ás veces conseguida moi arquetipicamente…

Gústame ese pouso de reflexión que xira arredor de certas condutas e de certos hábitos sociais moi extendidos nas nosas vilas máis pequenas coma o ruxe-ruxe provocador que chega a ser crido e aumentado) e que engaden normalmente neste tipo de literatura para que a mocidade non só lea senón que tamén reflexione, cuestión importante na formación dun lector cómplice.

A ver que opinan os nosos lectores máis novos!

«A filla do ladrón de bicicletas», para pícaros

23 Novembro 2010

Infantil,Premios_Xerais

O xornal El Progreso publicou unha páxina no suplemento «Pícaros» dedicada ao libro gañador do Premio Merlín 2010, A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa.

Crítica de Ramón Nicolás sobre «A filla do ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa

22 Novembro 2010

Críticas,Infantil,Narrativa

O crítico Ramón Nicolás publicou no suplemento Culturas de La Voz de Galicia do pasado sábado unha recensión crítica sobre A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa. A recensión, titulada «O soño de ser funambulista», está recollida tamén no seu blog. Reproducímola integramente:

O soño de ser funambulista

Velaquí un novo premio Merlín que articula unha historia canónica de protagonismo infantil e que conta con todos os ingredientes que se agardan dun libro destas características. Nel, Teresa González Costa, coñecida por ser gañadora dos premios teatrais “Cunqueiro” e “Manuel María” con Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras, e malia se tratar da súa primeira incursión neste xénero –cando menos a primeira publicada-, asume os condicionantes específicos do xénero e, sen dúbida, sabe conducirse por eles con indiscutible habilidade e solvencia.

A historia que recrea é sinxela: Serafina, filla dun ladrón de bicicletas un tanto enigmático, ten que vivir coa súa tía, dona Perfecta, unha ex soprano envaidecida e totalmente fóra de mundo, talvez un chisco prototípica e configurada de xeito natural como a antagonista da proposta; este é un personaxe fortemente marcado tanto polas pingas de crueldade e egoísmo que caracterizan o seu proceder como pola ridiculización que exhibe a través da súa propia conduta, xerando así situacións marcadas por certa comicidade para os lectores aos que esta proposta se dirixe. Ao seu carón cómpre referirse a Celerífera, nome da bicicleta que a nena considera como esencial no seu universo e á volta deles orbitan personaxes que axudan a deseñar a atmosfera como, entre outros, o vello Elías –un entrañable inventor e conselleiro da nena-, o seu amigo Milo e a panda de Martiño o Bravo, o tamén inevitable inimigo de Serafina.

Sen esquecer as acaídas doses de xinea aventureira, a vida da protagonista, que discorre baixo a premisa de manter aceso o soño vocacional de ser equilibrista sobre a súa bicicleta, descansa en boa parte no futuro de Celerífera, obxecto case máxico ao que talvez se lle podería tirar máis partido aínda que quebrase a verosimilitude da historia, que por outra parte xa cede un espazo significativo aos ámbitos do fantástico. Con todo, ao meu ver, talvez o maior interese da proposta repouse en amosar problemas de índole social que Serafina, dalgún xeito estigmatizada pola súa orixe, debe cargar ás súas costas, como son os infundios que a converten nunha meiga e nunha ladroa. As mentiras tendenciosas e unha inesperada vinganza chegan a desconcertala, de xeito que é palmaria a loita, coas súas escasas armas, que debe comezar contra a hipocrisía social.  A carón disto resulta tamén un acerto tanto o ritmo dinámico derivado de certo carácter parateatral da peza -non en van nalgunha pasaxe fálase de estar asistindo a unha representación dramática e a inspiración do libro parece agromar desde aí- como a presenza do universo circense, alén das referencias de corte literario e musical, mois abondosas na obra.

Un feliz comezo, así pois, para unha nova autora que comeza a transitar, con fortuna, polo xénero da literatura infantil.

Ramón Nicolás

«A filla do ladrón de bicicletas» e «Todo é silencio», na Galipedia

18 Novembro 2010

Galipedia,Narrativa,Noticias

A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, converteuse nun dos primeiros libros infantís galegos recentes con entrada na Galipedia, logo de obter o Premio Merlín de Literatura Infantil 2010.

Outro dos libros de recente aparición que tamén ten xa entrada na Galicipedia é Todo é silencio, de Manuel Rivas.  Dese xeito, a literatura galega está cada vez máis presente na principal canle de consulta documental da rede.

«A filla do ladrón de bicicletas», «Xoa» e a «Guía ilustrada da Galicia invisible»: as novidades infantís de Xerais

15 Novembro 2010

Artigos literarios,Infantil

Romina Bal publicou onte no suplemento Lecer do Galicia Hoxe un artigo literario sobre tres das últimas novidades de Xerais destinadas especialmente aos lectores infantís: o Premio Merlín 2010, gañado por Teresa González Costa con A filla do ladrón de bicicletas, Xoa, de Antonio Yañez Casal e a Guía ilustrada da Galicia invisible, de Antonio Reigosa.

Reproducimos o texto do artigo:

Non irás en bicicleta costa abaixo se te deixas aconsellar polas propostas desta senlleira editorial galega, máis ben terás que pórlle freos á túa imaxinación. Son insondables lecturas que te levarán a unha terra fértil e a un mundo máxico irrepetible. Bota man do lapis e anota porque chega A filla do ladrón de bicicletas, Xoa e Guía ilustrada da Galicia invisible.

Hoxe presentamos as novidades de Xerais que inclúen o agardado Premio Merlín de literatura infantil creado alá polo 1986 coa intención de fomentar a creación literaria destinada especificamente ao público infantil. Entre as vinte e cinco obras presentadas a aquela primeira edición resultou gañadora a presentada pola escritora Úrsula Heinze baixo o título A casa abandonada.

Esta edición foi parar á escritora nada no Grove Teresa González Costa coa obra A filla do ladrón de bicicletas ilustrada por Jacobo Fernández Socorro. Esta noveliña conta a historia de Serafina, que é filla dun ladrón de bicicletas e que vive coa súa tía, dona Perfecta, nunha vila mariñeira. A súa máxima aspiración é ser equilibrista nun circo con Celerífera, a bicicleta coa que consegue abraiar, e cara a iso van enfocados todos os seus esforzos, aos que non serán alleos nin a axuda do vello Elías nin as dificultades que lle ocasionan a panda de Martiño o Bravo. O xurado da XXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil outorgou o seu recoñecemento a esta primeira novela de Teresa González Costa salientando “a perfecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia o desenvolvemento da historia”. A filla do ladrón de bicicletas está recomendado para lectores de 11 anos en diante.

A segunda proposta que nos presenta esta senlleira das editoriais galegas é Xoa, de Antonio Yáñez Casal que conta coas impresionantes ilustracións cheas de vida de Rodrigo Chao e que conseguiu ser finalista do Merlín do 2009. Unha noveliña para lectores de 7 anos en diante que conta a historia de Xoa. Cando Xoa naceu, houbo festa rachada. Ninguén acordaba outra igual no campeiro. Os seus habitantes bailaron e bailaron ata non poder máis, contentos coma carricantas. E é que había tempo que naquel lugar non viña ao mundo unha xoaniña. Os veciños foron un por un darlle os parabéns á nai, que acoleiraba a Xoa con duzura. Todos coincidiron en que nunca unha xoaniña tan feita e tan garbosa adornara o campeiro, e iso celebrárono rillando nuns pulgóns moi saborosos.Todo un mundo que explorar para esta pequena bechiña que terá que completar sete probas sorteando atrancos que a levarán á madurez.
Por último temos que falar dunha xoia, unha edición que contén tradición e agarimo, trátase da

Guía Ilustrada da Galicia Invisible, que agocha no seu interior reinos, cidades, vilas, illas, covas, camiños, montes e outros moitos lugares onde disque fan vida xentes anfibias e outros seres capaces de circular entrambos os mundos, o tanxible e o intanxible, o que vemos e o que temos que imaxinar.

Neste libro, unha guía práctica para viaxar por un cento destes lugares, ábrense as galerías, franquéanse e ilumínanse os pasos soterrados para chegar a eses mundos escuros, sepultados baixo a terra ou a area, navégase polas canles que conducen aos lugares mergullados baixo as arrebatadas augas dun pozo ou dunha lagoa, do mar ou do ceo, e o autor Antonio Reigosa guíanos polos carreiros que agabean ou descenden ata os segredos do misterio.
Unha guía que fai visible o invisible.
Así podemos ler sobre Antioquía e como os paxaros da Limia berraban Que se funde! ou sobre o camiño soterrado que vai a Santo André de Teixido, ou de como medrou o mar cando todos durmían na cidade que había en Louro..

Algo máxico para ter na casa para grandes e para pequenos, ilustrada por Noemí López desde a súa singular perspectiva que todo o enche, que nos axudará a conservar ou a recuperar o noso, o noso fantástico herdado e moitas veces esquecido imaxinario popular galego.

Romina Bal

A maxia de «A filla do ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa

11 Novembro 2010

Críticas,Infantil,Premios_Xerais

Atlántico Diario publicou unha recensión sobre A filla do ladrón de bicicletas, a novela de Teresa González Costa que foi merecente do Premio Merlín de Literatura Infantil 2010. Entre outras cousas, na recensión dinse cousas coma esta:

É sinxelamente máxica e engalioladora a literatura para máis alá das palabras, que con agarimo e sabedoría narrativa constrúe Teresa. Ao xuízo e sentimento de quen escribe estas liñas de presentación, a lectura deste bonito volume é un inmenso pracer para calquera idade, e dígolles que eu gocei infinito desta travesía, que volverei ler nos próximos días deste outono.

A recensión completa pode lerse aquí.

Cartel dos Premios Xerais 2010

5 Novembro 2010

Carteis,Infantil,Narrativa,Premios

Xa se está a distribuír polas librarías o cartel dos Premios Xerais 2010 coas obras gañadoras: Periferia, de Iolanda Zuñiga (Premio Xerais de Novela) e A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa (Premio Merlín de Literatura Infantil).

O cartel pode ser baixado en pdf por quen desexe dispoñer del.

«O ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa, Premio Merlín 2010, é o soño do equilibrista

2 Novembro 2010

Infantil,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais

Baixo o título de «O soño do equilibrista», o Xornal de Galicia publicaba o pasado sábado unha información de O ladrón de bicicletas, Premio Merlín 2010, de Teresa González Costa. Na información dase conta da historia de Serafina, a filla dun labrón de bicicletas, e recollénse as valoracións do xurado, que salienta «a pefecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia o desenvolvemento da historia». Pode lerse completa aquí.

Teresa González Costa, entevista en «Galicia hoxe»

5 Xullo 2010

Autores,Entrevistas,Merlín,Premios_Xerais,Teatro,Xerais_nos_medios

Manuel Vidal Villaverde entrevista a Teresa González Costa, gañadora do Premio Merlín 2010 pola novela A filla do ladrón de bicicletas, dentro da súa serie de «Conversas contemporáneas« que publica cada luns Galicia hoxe.

Teresa González Costa: «O segredo de Celerífera», entrevista en «Galicia hoxe»

16 Xuño 2010

Autores,Entrevistas,Merlín,Xerais_nos_medios

Teresa González Costa: «O importante logo de gañar un premio é non durmirte, non te podes deixar estar senón seguir traballando»

Vanesa Oliveira A filla do ladrón de bicicletas, a última obra que se fixo co Merlín de literatura infantil, supón un paso adiante para unha autora que hai dous anos irrompeu no panorama literario galego gañando, na mesma edición e por partida dobre, os premios Cunqueiro e Manuel María con dúas obras de teatro, Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras.

Custoulle sobrepoñerse daquel primeiro impacto á grobense Teresa González Costa, pero a medida que volveu coller o lapis foise sentindo mellor. “O importante é non durmirse”, di. E tanto que non o fixo a autora, á que tranquilizan a seguridade de poder publicar o libro nunha editorial con repercusión como Xerais e tamén a contía económica do galardón, dotado con 10.000 euros. “Eu son unha persoa cunha vida moi sinxela e ter este apoio é tranquilizador, axúdache a seguir traballando”, comenta a escritora.

Recoller o premio en San Simón foi especial para González Costa. “Foi precioso pola sorpresa que supuxo gañalo, e polo que significa o premio na historia da literatura infantil galega, ademais de cumprirse o 25 aniversario do galardón, e cun xurado de xente que tamén escribe”, explica.

Se nas súas anteriores obras abordaba temas como a incomunicación, en A filla do ladrón de bicicletas centra a súa ollada na dobre moral e na hipocrisía social, na competitividade e no materialismo.

“Os meniños entenden a vida dunha forma intuitiva”

“Como adultos, cando lemos nun libro os equilibrismos sobre unha corda, entendemos tamén os equilibrismos na vida. Os meniños senten o mesmo, pero dunha forma diferente, máis intuitiva. A infancia é un mundo moi sensible, no que os nenos sofren diferentes situacións que hai ao seu redor. A protagonista do libro, sofre o autoritarismo da súa tía Perfecta e outras cousas relacionadas co pasado de seu pai, que roubaba bicicletas. Pero o que procurei foi contar a historia con moito humor”, explica.

As bicicletas teñen para Teresa un significado especial. “Sempre significou para min a liberdade de subirse nelas, de viaxar moito non só de cativa pola miña aldea senón tamén en Xenebra -cidade onde viviu algo máis de dous anos anos-. Na obra, a bicicleta é unha figura tutelar, unha compañeira que nunca marcha. Por iso que a rouben é traumático. Un día, en Xenebra, roubáronlle a bicicleta a unha amiga, que ademais non era dela, así que imaxínate…”

Gañar un galardón é “bonito pero condiciónate”. Despois de facerse co Cunqueiro e co Manuel María, pasou uns meses sen saber como reorientar a súa escrita. “O importante é non durmirte, non te podes deixar estar. Eu sentinme mellor traballando en novas obras”, comenta. Ademais, González Costa valora a “seguridade” de que o libro o vaia publicar unha editorial como Xerais que, ao seu ver, “ten moita repercusión” pero destaca tamén a contía económica do premio. “Eu son unha persoa cunha vida sinxela e o económico é tranquilizador porque che axuda a seguir traballando”, engade.

A XERACIÓN DO 75

“Se hai renovación literaria, será o tempo e o público quen o decida”

A autora, que vive no Grove, cre “sintomática” a proliferación de escritoras da súa xeración que ademais se fan cos premios literarios máis valorados de Galicia. “A renovación faise en xeral. É normal que os nacidos en 1975 se dean a coñecer, é un relevo xeracional que se pode ver reflectido nun premio pero que tampouco ten por que. No sentido do xénero, creo que é algo que xa se está normalizando. Se se trata dunha renovación máis profunda iso será o tempo e o público quen o decida”, apunta.

Na historia, a nena Serafina quere ser equilibrista nun circo coa súa bicicleta, Celerífera. O xurado valorou a autenticidade e sinxeleza dos sentimentos que guían os personaxes así como os seus diálogos ocorrentes e áxiles, próximos ao teatro. “Á hora de comezar a escribila tiven que pensar se quería facer un espectáculo de teatro para circo ou unha obra en prosa. Pero finalmente, a obra pedíame outra forma polo tema, xa que había máis descricións”. O ditame do galardón valora tamén as situacións extraordinarias, até histriónicas que recrea a autora. “Adoito deixar voar a imaxinación, intento que os personaxes sexan extraordinarios, igual que cando escribo teatro”, afirma.

Texto publicado en Galicia hoxe o 16 de xuño de 2010.

XXV Premios Merlín

13 Xuño 2010

Autores,Merlín,Premios_Xerais

Foto conmemorativa da XXVª edición do Premio Merlín. Illa de san Simón, 12 de xuño de 2010. Algúns dos autores e autoras que obtiveron o Premio Merlín. Atrás, de esquerda a dereita: Jacobo Fernández Serrano (Mil cousas poden pasar, 2009), Helena Pérez (secretaria do xurado), Gloria Sánchez (Fafarraios, 1990), An Alfaia (¡Sireno, Sireno!, 1997), Marilar Aleixandre (A expedición do Pacífico, 1994), Antonio García Teijeiro (Na fogueira dos versos, 1996), Mar Guerra (Xenaro e o misterio da mochila verde, 2008), Fina Casalderrey (Dúas báboas por Máquina, 1991), Ramón Caride (Perigo vexetal, 1995). Sentados, de esquerda a dereita: Carlos López (Minimaladas, 2007), Palmira González Boullosa (A princesa Lúa e o enigma de Kián, 1987), Agustín Fernández Paz (As flores radioactivas, 1989) e Teresa González Costa (A filla do ladrón de bicicletas, 2010).

Foto de Pilar Ponte.

Teresa González Costa fala sobre «A filla do ladrón de bicicletas», novela gañadora do Premio Merlin 2010

Autores,Entrevistas,Merlín,Premios_Xerais,Vídeos

Teresa González Costa, primeiras entrevistas

Autores,Entrevistas,Merlín,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Teresa González Costa, gañadora do Premio Merlín de Literatura infantil por A filla do ladrón de bicicletas, foi entrevistada por diversos medios. Recollemos estas primeiras entrevistas:

Premios Xerais 2010 nos medios

Entrevistas,Merlín,Narrativa,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Foto de © Paula Gómez del Valle.

«Numerosas son as referencias publicadas na prensa galega, tanto impresa como dixital, arredor do fallo dos Premios Xerais 2010.

«A filla do ladrón de bicicletas» de Teresa González Costa, premio Merlín 2010

Merlín,Noticias,Premios_Xerais,Vídeos

O xurado da 25ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros e formado por An Alfaya (Premio Merlín, 1997), Jacobo Fernández Serrano (Premio Merlín, 2009), Antonio García Teijeiro (Premio Merlín, 1996), Mar Guerra (Premio Merlín, 2008), Gloria Sánchez (Premio Merlín, 1990), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas obras participantes, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Celerífera», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Teresa González Costa e corresponde ao título A filla do ladrón de bicicletas.

A filla do ladrón de bicicletas conta a historia dunha nena, Serafina, que é filla dun ladrón de bicicletas e que por diversas circunstancias vive coa súa tía, dona Perfecta. A súa máxima aspiración é ser equilibrista nun circo con Celerífera, a bicicleta, e cara a iso van enfocados todos os seus esforzos, aos que non serán alleos nin a axuda do vello Elías nin as dificultades que lle ocasionan a panda de Martiño o Bravo.

Na xustificación do seu ditame, os membros do xurado salientaron como algúns dos  moitos valores que posúe A filla dos ladrón de bicicletas os seguintes:

«Primeiro: a perfecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia o desenvolvemento da historia. Uns personaxes ben trazados, coidadosamente perfilados e moi próximos a nós, aos que podemos recoñecer con rexouba e gozar dos seus actos. Destacan estes personaxes, ademais, pola súa autenticidade, a sinxeleza dos sentimentos que os guían, en contraposición coa dobre moral e a hipocrisía social.

Segundo: contén esta historia un certo histrionismo calculado nas situacións que se producen. Estas son extraordinarias, ou sexa, fóra do ordinario e divirten e mesmo provocan o lector ou lectora que non quedan impasibles endexamais. A obra está chea de diálogos moi ben construídos, áxiles, ocorrentes, frescos, divertidos que están moi próximos ao teatro e dótana dun dinamismo evidente. Desprende, tamén, esta historia una frescura que nunca esquece a delicadeza no xeito de presentar cada situación e acada un achegamento real ao lector que o permite gozar plenamente do que nela se conta.

Terceiro: malia certas pinceladas cultas que aparecen, esta historia está escrita  na procura dun entretemento intelixente baseado nuns aspectos lúdicos, tenros e conmovedores. Non existe un carácter moralizante no que se relata e amosa, dun xeito natural, o tema da vocación artística, fuxindo da competitividade e mais do materialismo, e reflexionando con naturalidade sobre esa vocación artística, dende un punto de vista positivo (actitudes do pai ou da filla) ou negativo, egoísta e ríxido como pode ser o comportamento da tía Perfecta.»

Teresa González Costa declarou cando soubo da concesión do premio que «as bicicletas sempre foron moi importantes na miña vida, nesta obra co personaxe de Celerífera quixen facerlle unha homenaxe as bicicletas». Proseguiu expresando que á súa protagonista, Serafina, «o que máis lle gusta é pasar o tempo subida en Celerífera. A tía Perfecta, en cambio, asegura que andar en bicicleta carece de elegancia.  Cada un dos personaxes da historia ten a súa palabra acerca dese artefacto fascinante que xa fora ideado por Leonardo da Vinci. A simplicidade de Celerífera contrasta co entramado de sentimentos que Serafina esperta na vila, alimentados pola sombra de todas as bicicletas que unha noite desapareceron.» «Na súa carreira pola corda frouxa Serafina non tardará en aprender que un rumor pode ser máis terrible que unha tormenta electromagnética…», rematou a escritora do Grove.

Teresa González Costa e Iolanda Zúñiga, Premios Xerais 2010

Merlín,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais

O xurado da 27ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros e formado por Comba Campoy (actriz), Manuel Ángel Candelas Colodrón (profesor da Universidade de Vigo e blogueiro), Roberto Pérez Pardo (profesional do libro), Belén Regueira (xornalista), Antón Sobral (pintor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e oito participantes acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Fría e negra», «Hovercraft» e «O avesso do avesso». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «O avesso do avesso» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Iolanda Zúñiga e corresponde ao título Periferia.

Pola súa banda, o xurado da 25ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros e formado por An Alfaya (Premio Merlín, 1997), Jacobo Fernández Serrano (Premio Merlín, 2009), Antonio García Teijeiro (Premio Merlín, 1996), Mar Guerra (Premio Merlín, 2008), Gloria Sánchez (Premio Merlín, 1990), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: «Canis lupus», «Celerífera», «Cincocentros trinta e tres» e «Sete pétalos». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Celerífera», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Teresa González Costa e corresponde ao título A filla do ladrón de bicicletas.