1991, VIIIº Premio Xerais

5 Abril 2008

Lugo, 9 novembro 1991

No fermosísimo salón rexio do Círculo das Artes de Lugo reuníronse 375 persoas para asistir a oitava edición do fallo dos premios. A editorial introduciu nas bases a posibilidade de deixar desertos os premios, co obxecto de “apostar pola calidade, dada a inflacción de premios que vive Galicia”.

Ao premio de novela concorreron 29 orixinais, a cifra máis elevada ata entón. O xurado acordou conceder o premio a obra presentada baixo o lema “Agosto do 36″, presentada polo veterano novelista da xeración “Brais Pinto”, Xosé Fernández Ferreiro. Agosto do 36 –en palabras do seu autor– “unha novela tensa e violenta”, narra un “paseo” protagonizado por catro falanxistas e do que foron vítimas, nos primeiros días da Guerra Civil, unha parella de mestres rurais. É unha crónica dunha morte anunciada na que o autor escolle a voz colectiva dos veciños para contar os verdadeiros móbiles e antecedentes dun crime que tiña máis de vinganza persoal premeditada e liquidación de vellas xenreiras entre familias que de asunto político. Agosto do 36 foi traducido ao castelán e acadando (ata 2008) once edicións.

Xurado VIIIº Premio Xerais de Novela: Xosé de Cora, Alberto Fernández campo, Alberto Fresco, Amparo Gantes, Dolores Torres París e X. Luís Méndez Ferrín (secretario sen voto).

O premio Merlín, na súa sexta edición, aumentou a súa dotación ata 500.000 pesetas. De entre os 24 orixinais presentados, o xurado escolleu o titulado Dúas bágoas por Máquina, da que resultou ser autora a mestra pontevedresa Fina Casalderrey Fraga. Dúas bágoas por máquina narra a relación e afectos entre unha nena, Xusta, e o seu can, Máquina, subliñando o gratificante que pode ser para as persoas a relación cos animais. A crítica subliñou que a autora soubo “montar o seu libro con técnica literaria intelixente, baseada na utilización de flash-backs, planos contrapostos e anáforas, empregando, á vez, unha linguaxe fresca e crible”. Dúas bágoas por Máquina gozou, dende a súa aparición, do apoio entusiasta dos lectores, sendo reeditada constantemente (en trece ocasións, ata 2008) e traducida ao castelán.

Xurado VIº Premio Merlín de Literatura para Nenos: Agustín Fernández Paz, Cristina López Couto, Eva Martínez Orosa, Daniel Puente Vello, Belén Regueiro Burgo e Helena Pérez (secretaria sen voto).

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.