2007, XXIVº Premio Xerais

18 Abril 2008

Illa de San Simón, 9 de xuño

Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 9 de xuño, ditamináronse a XXIVª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros, a XXIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 7.500 euros, e a IIª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 7.500 euros.

Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Edificio Multiusos da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Á velada asistiron máis de trescentas persoas dos diversos ámbitos da sociedade galega, entre os que se atopaba a representante da Consellería de Cultura e Deportes, Milagres Lantes; distintos representantes da corporación do Concello de Redondela; o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xaime Corral; representantes do mundo da política e un importante número de escritores, editores, libreiros e colaboradores da editorial.

No acto, presentado por Celia Torres, coordinadora dos premios, participou Xavier Blanco, o gaiteiro de Moaña, que interpretou cos seus instrumentos pobres tres temas: “Mata o porco Pepa” (vasoira e cazo), “Moendo” (gaita de cana) e “A miña roseira” (tubela, táboa de lavar e dedais).

[googlevideo=http://video.google.com/videoplay?docid=91400531004303450&hl=es]

Teresa Moure actuou como Mantedora Literaria do acto: “O carácter revolucionario da escrita e das palabras”

Deseguido, a escritora Teresa Moure, mantedora literaria do acto, pronunciou o seu discurso, titulado “O carácter revolucionario da escrita e das palabras” (agregáse como arquivo adxunto), no que reivindicou a literatura como un espazo para a transgresión e para a recuperación da erótica da lectura (“unha actividade que se practica con fruición). Teresa Moure fixo, tamén, un chamado a que autores e autoras continúen co empeño da escrita e de facer existir as palabras de tanto repetilas. A autora de Herba moura rematou a súas palabras proclamando a súa confianza en que é posible “consagrar todas as nosas forzas resistentes a facer florecer a palabra para edificarmos un novo país, un novo plantea, onde a dor da existencia, infinita, poida aliviarse con outra ética e outra estética”.

[youtube=http://www.youtube.com/watch?v=pfSsud9NK10]

“Minimaladas” de Carlos Lopez Gómez, Premio Merlín de Literatura Infantil, 2007

O xurado da 22 ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 7.500 euros formado por: Ana Amado Reino (profesora de lingua galega no colexio Galaxia de Ribeira), Patricia Buján Otero (tradutora e profesora da Universidade de Vigo), Paula Fernández González (crítica de literatura infantil no Faro da Cultura), Andrés Meixide Gayoso (ilustrador), Mercedes Núñez Fernández (profesora do Colexio Andersen de Vigo) e Helena Pérez Fernández (editora), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou, entre as vinte e oito obras presentadas, declarar finalistas as tres obras presentadas baixo os lemas: “A mala semente” Título: “Carabranca”; “Carbueiro” Título: “Minimaladas” e “Mácara Nácara”.

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimide declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Carbueiro” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Carlos López Gómez e correspondeu ao título Minimaladas.

[googlevideo=http://video.google.com/videoplay?docid=7544091928192767712&hl=es]

A obra galardonada co Premio Merlín 2007 recolle oitenta e catro mini historias protagonizadas por animais, nas que destaca a súa orixinalidade e imaxinación. O xurado nestes textos breves (nalgúns casos apenas catro ou cinco liñas) salienta a súa capacidade para evocar imaxes, valéndose dun emprego lúdico da linguaxe, algunhas interesantes referencias literarias e dun tratamento moi innovador da creación lingüística.

Carlos López Gómez declarou, no momento de recibir o premio Merlín, que baixo o título de Minimaladas reuníu unha gavela de relatos moi breves protagonizados cada un deles por un animal diferente. “Por deformación profesional, dada a miña condición de humorista gráfico en prensa, as narracións comparten o denominador común do humor. Foi divertido escribilas; confío en que sexa divertido lelas”.

“Illa Soidade” de An Alfaya, Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2007

O xurado da 2ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil dotado con 7.500 euros, formado por: Verónica Rego (responsable de publicacións da Fundación Caixagalicia), Óscar Sánchez López (crítico de cine), Erea Fabeiro Rey (estudante de 1º de bacharelato do IES Auga da Laxe de Gondomar), Elena Caride Miana (estudante de 2º de Bacharelato, IES Sánchez Cantón de Pontevedra), José Carrero González (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou, entre as vinte e cinco obras presentadas, declarar finalistas as tres obras presentadas baixo os lemas: “Da Illa”; “Capitán Alberto”, Título: “Illa Soidade” e “Jonathan é un delfín”.

Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Capitán Alberto” que, despois de aberta a plica, resultou ser de An Alfaya e corresponde ó título Illa Soidade.

[googlevideo=http://video.google.com/videoplay?docid=-1838404920395547839&hl=es]

A obra gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2007 relata a historia de Lucía quen, nunha viaxe en tren cando vai iniciar os estudos de xornalismo, vai rememorando a súa relación con Soa, unha esmoleira a que coñeceu cando pretendía deter unha vaga de insolidariedade cos indixentes que se produce no seu barrio.

Para o xurado do Premio Fundación Caixa Galicia “Illa Soidade é unha novela iniciática na que a personalidade da protagonista, Lucía, evoluciona grazas ao contacto con Soa, que nos descobre unha vida marcada pola paixón e a soidade, con reflexións sobre a autonomía persoal e o respecto polo diferente. A obra retrata a indixencia, afastándose de tópicos e concedéndolle voz a persoas que teñen o seu propio espazo nunha sociedade que habitualmente as silencia. Cada unha delas é unha illa chea de historias nas que raras veces somos quen de introducirnos”.

An Alfaya declarou, no momento de recibir o premio Fundación Caixa Galicia, que “Todos somos illas. Quizais as illas máis deshabitadas son aquelas que forman arquipélagos de soidade. O mundo da indixencia, da mendicidade, dos sen teito, dos esmoleiros, dos vagabundos…, vese retratado en Illa Soidade pola ollada de Lucia, que busca na escuridade un pouco de luz”

“Cardume” de Rexina Vega, Premio Xerais de Novela 2007

O xurado da 24ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 15.000 euros e formado por: Xosé Lois Vilar (empresario e arqueólogo), Lara Rozados (xornalista de “Vieiros”), Xurxo Patiño (libreiro, libraría Librouro, Vigo), Abe Rábade (Músico), Belén López (Xornalista de “Diario de Pontevedra”) e Francisco Alonso Villaverde (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou, entre as vinte e catro obras presentadas, declarar finalistas as tres obras presentadas baixo os lemas: “Fanto Fantini” Título: “Cardume”; “A perspectiva desde a porta” e “A. Dositeo Carnero” Título: “Un sábado longo”.

Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Fanto Fantini” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rexina Rodríguez Vega e corresponde ao título Cardume.

[googlevideo=http://video.google.com/videoplay?docid=5680755340542555565&hl=es]

Cardume presenta a historia familiar e persoal dos sobrevivintes a un tempo caótico, doloroso e triste; a un tempo aberto polo eclipse da República e dos seus ideais. A xuízo do xurado do Premio Xerais, faino dunha maneira certeira e sen vitimismo. A novela retrata un Vigo industrial e atlántico, simultaneamente cosmopolita e provinciano, que é crisol de personaxes que evolucionan, que se relacionan e que medran, e que, en definitiva, logran subsistir ás miserias dunha cidade desacougante.

A narradora comeza a relatarnos a historia no espazo murcho e desalentador do cemiterio civil de Pereiró, partindo do presente para evocar a memoria familiar. Dese xeito logra a caracterización dun período de tempo moi longo que retrata boa parte do século XX a través de varias xeracións, soprendéndonos coa recreación de atmosferas políticas, familiares, industriais, culturais, e retratos da emigración daquela época convulsa que deixou unha pegada imborrable nas persoas que a viviron.

O xurado resaltou tamén “a capacidade expresiva da novela a través dunha lingua poética e metafórica que evidencia unha clara vontade estilísitica”. Cardume reivindica a memoria, a insistencia na memoria como conformación da identidade do presente. “Eu só quixera prolongar un pouco máis a permanencia, atrasar o devalo destas vidas menores”, afirma a voz narradora da novela.

Rexina R. Vega declarou, cando recibiu o premio Xerais, que “esta é unha primeira novela, una primeira novela serodia, que chega cando xa vai fóra a mocidade. Este libro está escrito mentres os nenos, os meus nenos, dormían. Desde que teño uso de razón quixen ser escritora e tardei moito, tanto que crin que ese desexo ía apodrecerme dentro.

Quixen probarme por fin na escritura de ficción, liberarme das trabas da eséxe, do saber institucional ao que estaba afeita na escritura da crítica e do ensaio, e deixei, por primeira vez, que a escritura fose algo libre e gozoso, un discurso non vicario”. Con respecto a novela gañadora definiu Cardume, banco de peixes, como “un álbum de recordos novelados, un libro feito de memoria e de reescritura da memoria. Combinando información e invención, a novela pretende establecer unha autobiografía a través da reconstrución de persoaxes aos que só se coñece por medio dos relatos familiares. Trátase da busca de sentido á propia vida a través da recuperación dos fantasmas do pasado; e tamén da historia da transmisión da memoria dos vellos aos novos, da relación desesperada e urxente entre a vellez e a infancia”.

Intervención de Manuel Bragado

Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Consellaría de Cultura, o Concello de Redondela, a Fundación Caixa Galicia, entidades que apoiaron a celebración dos premios e prometeu importantes novidades para a celebración da XXVª edición dos Premios Xerais no ano 2008.

[googlevideo=http://video.google.com/videoplay?docid=8257816176193865916&hl=es]

1 comentario

  1. [...] Xiana Arias Rego publica en Protexta unha crítica de Cardume, a novela de Rexina Vega, merecedora do Premio Xerais de novela 2007. [...]

    Pingback by “Cardume”, crítica « Xerais blog — 14 Xuño 2008 @ 11:17 a.m.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.