2006, XXIIIº Premio Xerais

20 Abril 2008

Illa de San Simón, 10 de xuño

Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 10 de xuño, ditamináronse a XXIIIª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros, a XXIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 7.500 euros, e a Iª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 7.500 euros.

Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Edificio Multiusos da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Á velada asistiron máis de trescentas cincuenta persoas dos diversos ámbitos da sociedade galega, entre os que se atopaba a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; distintos representantes da corporación do Concello de Redondela; o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xaime Corral; representantes do mundo da política, Mª Xosé Porteiro, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira… e un importante número de escritores, editores, libreiros e colaboradores da editorial.

No acto, presentado por Celia Torres, coordinadora dos premios, participaron os grupos de música tradicional Treixadura Gaiteiros e o Orfeón Treixadura.

Manuel Rivas actuou como Mantedor Literario do acto: “A esfera na illa”

Deseguido, o escritor Manuel Rivas, mantedor literario do acto, pronunciou o seu discurso, titulado “A esfera na illa”, no que recordou que “algunhas testemuñas tradicionais nos falan duns tipos humanos que tiñan a condición de corpos abertos. Corpos co don de aloxar e expresar diferentes voces. A illa é un corpo aberto. Ás veces, San Simón non se deixa ver. Envólvese en brétema, na mellor seda ou tule de Galicia, pero sempre se sente. Aquí, a forma máis acabada dos verbos estar, ver ou oír é a de sentir. A historia en San Simón non é un depósito, un xac unha capa superficial e pasaxeira, senón que ten a condición dun presente recordado”.

“O tesouro da lagoa de Reid’s” de Agustín Agra, Premio Merlín de Literatura Infantil, 2006

O xurado da 21 ª edición do Premio Merlín de literatura infantil formado por María del Carmen Casal (mestra de ensino primario, Colexio Compañía de María, Vigo), José María Chao González (mestre de ensino primario, Colexio Público Doutor Fleming, Vigo), Xosé Manuel Freire Caamaño (crítico de literatura infantil, “A Nosa Terra”), Ánxeles Rodríguez Ferrer (ilustradora), Liliana Valado (tradutora, profesora Universidade de Vigo) e Helena Pérez Fernández (editora), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou, entre as trinta e seis obras presentadas, declarar finalistas as presentadas baixo os lemas: “Acuarelas e días”, “O tesouro da lagoa de Reid ‘Is” e “Simbad non falaba polo móbil”.

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “O tesouro da lagoa de Reid’s” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Agustín Agra Barreiro e corresponde ó título O tesouro da lagoa de Reid’s.

Texto de literatura fantástica cunha forte pegada realista, a novela contén a narración que un avó desenvolve, diante dos seus netos Paulo e Aldara, nunhas vacacións de verán na casa familiar de Outeiro, sobre a historia do tesouro da Lagoa de Reid ‘Is. A recreación de lendas tradicionais galegas sobre un fondo de materia artúrica, a recuperación da oralidade, a creación toponímica sobre estruturas galegas (Cidadepedra, país de Alenmar…), o emprego dun léxico rico, inzado de referencias literarias e mitolóxicas, a reinvención de personaxes como o Gaiteiro Manfred (que toca muiñeiras de auga para que lle leven a tristura) foron algúns dos elementos máis salientables da obra sinalados polo xurado.

Agustín Agra declarou, cando coñeceu a noticia, estar moi sorprendido por recibir o premio Merlín. “Pouco hai que contar de min. Son como o Balbino de Neira Vilas: ninguén. O relato que enviei ao Merlín é a miña primeira aproximación á literatura infantil e mantívome ocupado seis meses deste inverno; escribino para facerlle un agasallo polo seu aniversario a un meu sobriño de dez anos e que aínda non leu, espero darllo en libro na vez de nuns folios grampados tirados da impresora. Utilicei lendas tradicionais galegas e algo, pouco, de materia artúrica. Varios familiares entrañábeis para min subxacen nos personaxes que aparecen na obra. Que máis podo dicir que repetir as grazas?”

“A Cova da Vacas Mortas” de Santiago Jaureguizar, Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2006

O xurado da 1ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil formado por Concha Costas (profesora de ensino secundario en Gondomar), Álvaro Álvarez Gómez (bibliotecario, Biblioteca Nova 33, Santiago), Constanza Garabatos Funes (estudante de 4º de ESO, IES Os Rosais, Vigo), Alba Carrero González (estudante de 1º de Bacharelato, IES Os Rosais, Vigo), Jennifer Pousa da Rocha (estudante de 1º de Bacharelato, IES Auga da Laxe, Gondomar) e Xosé Manuel Moó Pedrosa (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou, entre as vinte e sete obras presentadas, declarar finalistas as presentadas baixo os lemas: “Os infortunios do Bacharel Sansón Troleyro”, “A morriña das balas” e “A Cova das Vacas Mortas”.

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “A Cova das Vacas Mortas” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Santiago Jaureguizar e corresponde ó título A Cova das Vacas Mortas.

Xoel é un mozo de Negueira de Muñiz que vive coa súa nai, de orixe alemá, nunha comuna na aldea de Foxo, lugar que tivera que ser abandonado polos seus habitantes debido á construción do encoro de Salime. Farto da vida que leva soña con poder marchar de alí e embarcar nun petroleiro. A vida de Xoel cambia o día en que o seu avó, viúvo e enfermo de alzheimer, chega a Foxo dende Berlín para reencontrarse coa filla. Entre a equipaxe, trae unha maleta chea de fitas de cine e mais unha cámara super 8. O vello cóntalle que foi colaborador da polémica e xenial directora de cine alemá Leni Riefenstahl, acusada de simpatizar co réxime nazi. Neses días Xoel coñece tamén a Iria, filla dun dos antigos propietarios das casas de Foxo, os cales comezaron a reclamar as súas vivendas ocupadas cando se construíu unha pista que fixo accesible o lugar. Entre eles nacerá unha historia de amor enfrontado. Iria, defende o dereito dos antigos propietarios de Foxo a recuperaren as súas propiedades e ademais representa a crítica ao nazismo e a calquera tipo de colaboración con ese réxime, mesmo a que mantiña o avó de Xoel ao axudar na filmación de escenas nazis.

O xurado considerou merecente deste galardón a A Cova das Vacas Mortas, en primeiro lugar pola súa riqueza temática e pola capacidade de construción dun protagonista adolescente que afronta con valentía os problemas derivados do contorno en que lle tocou vivir. Ademais, destaca a lectura áxil da novela, grazas aos abundantes e ben construídos diálogos e a unha lograda ambientación espacial que, sen exceso de descricións, consegue transportarnos afectivamente ao lugar onde se desenvolven os acontecementos. Unha novela atractiva, interesante, que utiliza elementos fantásticos e de misterio sen deixar de ser crible, cun final intenso, que nun momento en que semella que a trama está resolta abre unha nova incógnita que convida á reflexión.

Jaureguizar comentou que Xoel, o protagonista da súa novela, “deberá enfrontarse coa crueza da vida, a fascinación do amor e, nomeadamente, coas consecuencias de comprometerse participando ou sendo espectador cando agroma a barbarie colectiva. A cova das vacas mortas é unha novela sobre a asunción de responsabilidades, propias e colectivas”.

“Tres segundos de memoria” de Diego Ameixeiras, Premio Xerais de Novela 2006

A súa vez, O xurado da 23ª edición do Premio Xerais de Novela formado por Beatriz Núñez Martínez (profesora de ensino secundario no Rosal), Camilo Franco (xornalista de La Voz de Galicia), Xaime Nogueira Meixe (libreiro, libraría Andel Virtual, Vigo), Rafael Ojea Pérez (funcionario do concello de Vigo), Lucía Novas (poeta, Bueu) e Francisco Alonso Villaverde (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou, entre as trinta obras presentadas, declarar finalistas as presentadas baixo os lemas: “A venus de cristal”, “Tres segundos de memoria” e “Escurios, ferruchos e calmotas”.

Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Tres segundos de memoria” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Diego Ameixeiras e corresponde ó título Tres segundos de memoria.

Un mozo de 30 anos, parado e á espera de que lle chegue á próxima oferta de precariedade laboral, deambula pola vida contándonos o seu día a día sen especiais proxectos de futuro e sen contas que saldar co pasado. O protagonista desta novela á que o xurado acordou concederlle o Premio Xerais de Novela 2006 é unha persoa sociable e ocorrente, que pasea polo seu relato en primeira persoa o que el denomina o post-fracaso, unha actitude con fortes doses de cinismo ante a vida. O único fío condutor de toda a narración é a interacción dese personaxe cos seus amigos e amigas sen moitos máis obxectivos visibles que o disfrute do sexo.

Tres segundos de memoria podería ser entendida tamén como unha obra que retrata, desde o punto de vista masculino, toda unha xeración, a das persoas que naceron a finais de década dos 70, dando pé, con frecuencia, á aparición dos idearios e as referencias culturais desa xeración. Os que habitan Tres segundos de memoria son personaxes mozos, fracasados, maiormente cultos e con estudos pero desenganados e intencionadamente afastados dunha cultura que só os levou a engrosar as filas do paro e, se cadra, a prolongar traumaticamente unha adolescencia que xa non lles corrrespondía.

O politicamente incorrecto non é aquí unha pose senón algo que abrolla de xeito natural, espontaneo, da propia relación do protagonista coa cidade, co ambiente que frecuenta, e da súa propia percepción da vida. Tres segundos de memoria, que fala abertamente do sexo, igual que trata sen tabús temas como a homosexualidade, é unha novela que fai un retrato dun sector moi urbano e moi damnificado da sociedade galega. Se cadra, por ese motivo o texto se alimenta dunha forte vocación de malditismo e de certa marxinalidade, sen que iso constitúa un inconveniente para que se configure como unha novela expresiva, escrita cun estilo fresco e directo e tremendamente cargada de humor.

Nas súas primeiras declaracións tras coñecer a noticia do premio Xerais, Diego Ameixeiras manifestou que “o protagonista de Tres segundos de memoria pretende ser un cínico consumado e un castigador de manual adicto ás películas de Clint Eastwood, pero só consegue ser un anónimo sentimental ao que todo lle sucede coa música alta e cunha cervexa quente na man. Dende que fixo trinta anos e a súa ex-moza anda cun idiota de fenomenal autoestima, o seu universo interior expándese de tal xeito que só consegue calmar tanta introspección escoitando os consellos que lle dedican os amigos de toda a vida, sempre dispostos a consolidar as súas inseguridades con argumentacións certeiras, pero moi pouco efectivas para respirar en calma e durmir ao quente.” “O protagonista desta historia odia os domingos pola tarde, detesta á xente que tenta explicarse con metáforas e nunha ocasión tentou introducir un vaso de tubo na boca do novo mozo da súa ex, pero non por iso deixa de ser un tipo insultantemente normal. Contan que en certa ocasión foi sorprendido nunha librería na sección de poesía contemporánea, pero considera que a nostalxia é un sentimento tremendamente reaccionario, propio de xente con ganas de complicarnos a vida. Evidentemente, falamos deses homes carentes de brúxula, e aos que lles gustaría ter nacido muller e, por suposto, lesbiana.”

Intervención de Manuel Bragado

Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Consellaría de Cultura, o Concello de Redondela, a Fundación Caixa Galicia, entidades que apoiaron a celebración dos premios.

2006 Ano da Memoria

Edicións Xerais de Galicia agasallou a todos os invitados cun opúsculo de 48 páxinas titulado “O penal das illas de San Simón”, preparado por Gonzalo Amoedo, autor xunto con Roberto Gil Moure de Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. As illas de San Simón que logo publicou a editorial dentro da colección Crónica. Con este presente Xerais quixo sumarse aos actos de celebración do 2006 Ano da Memoria.

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.