Historias de terror para gozar. Crítica de Carmen Ferreira sobre «Relatos de terror», de H. P. Lovecraft

18 Abril 2012

Críticas,Xabaril,Xuvenil

Carmen Ferreira Boo publicou en El Correo Gallego unha recensión crítica sobre os Relatos de terror, de H. P. Lovecraft.

 

O terror ao inexplicable

Edicións Xerais de Galicia ofrece ao lector mozo ‘Relatos de terror’, de H. P. Lovecraft na renovada colección Xabaril

 Neste inicio de ano, coa intención de actualizar e ofrecer ao lectorado mozo obras de fronteira, Edicións Xerais de Galicia reedita na renovada colección Xabaril un conxunto de relatos de Howard Phillips Lovecraft (Providence, Rhode Island, 1890-1937) baixo o título Relatos de terror, traducido por Anxo Romero Louro.

Nesta ocasión, malia que se mantén a disposición dos relatos, prescíndese do iluminativo e necesario prólogo que Agustín Fernández Paz realizara para a edición do ano 1999 na colección Xabarín e no que trazaba a traxectoria vital e literaria de Lovecraft á vez que confesaba a súa admiración por este renovador da literatura de terror.

O volume ofrece sete relatos de extensión moi similar: “A tumba”, “Do máis alá”, “O can”, “A ceremonia”, “El”, “A besta da cova” e “O alquimista”, xunto ao relato en capítulos “Herbert West, reanimador”, que fora orixinariamente publicado por entregas en 1922.

Con eles achégase o lector a este mestre do denominado “terror cósmico materialista”, unha corrente que se afasta da temática tradicional do terror sobrenatural (satanismo, pantasmas, etc.) e que incorpora elementos da ficción científica (razas alieníxenas, viaxes no tempo, existencia doutras dimensións…).

É de salientar o relato “Herbert West, reanimador”, fonte de inspiración de varios filmes, no que se narran os resultados das investigacións do doutor Herbert West ao redor da morte e da reanimación dos corpos, desde que era estudante na ficticia Universidade Miskatonic ata pouco despois da Primera Guerra Mundial. E tamén dous relatos de xuventude, “A besta da cova” e “O alquimista”, uns exercicios literarios que imitan o conto gótico de Joseph Thomas Sheridan Le Fanu e Matthew Gregory Lewis.

En xeral os relatos, narrados en primeira persoa, ofrecen explicacións seudocientíficas para moitos dos sucesos estraños que acontecen nas súas historias e caracterízanse por reflectir o simbolismo do inconsciente colectivo, coa intención de espertar os terrores ancestrais que xacen na parte máis fonda do cerebro humano, dominada polos instintos e emocións, de xeito que o lectorado se embebe da presión psicolóxica á que están sometidos os protagonistas masculinos.

Para conseguir isto, Lovecraft bota man do medo ao descoñecido, que toma a forma de ignotas civilizacións aparentemente extinguidas, estrañas etnias, outras dimensións, vinganzas seculares, antigas estirpes, libros portadores de saberes máxicos…, e recorre ao tópico do manuscrito achado, á toponimia e onomástica exóticas, á incerteza sobre se os feitos extraordinarios narrados acontecen realmente ou só no maxín dos protagonistas, ás maldicións milenarias e ás criaturas fantásticas e habitualmente hostís.

Apaixonantes historias de terror que farán gozar o atrevido e intrépido lector.

Carmen Ferreira Boo

 

Noites insomnes cos «Relatos de terror» de Lovecraft. Artigo de Jaureguizar

26 Marzo 2012

Artigos literarios,Xabaril,Xuvenil

Jaureguizar publicou en El Progreso un artigo de opinión sobre os Relatos de terror, de H. P. Lovecraft

 

O regresista Lovecraft

Foron noites de terror insomne, de botar horas deitado agardando a que un deus extraterrestre esvarase por baixo da cama e se presentase no medio da habitación. Daquela, na adolescencia contra a fin dos 70 ler a Lovecraft era unha necesidade para calquera candidato a ser o máis moderno da vila. Eu mercara ‘Los mitos de Cthulhu’ (Alianza) e non me perdoei unha noite sen visitar os desertos e os mares dos que, a volta de calquera páxina, xurdía un enxendro que rachaba con calquera mínima norma estética occidental. O que me restaba era o espanto de ollos abertos. Canda esa sensación anuladora, nacíame o acougo de sentirme conectado con alguén que vivira medio século antes ca min en Providence.

No fondo, eu era un pailán de Ribadeo identificándose cun pailán de Estados Unidos, que aturara en Nova York durante dous anos e reparara, coma Paco Martínez Soria, en que a cidade non era para el. Curiosamente, o máis avanzado dos autores, a lectura máis elitista para os rapaces de clases medias en economía e cultura era un regresista a conciencia, alguén que combatía o progreso con criaturas imaxinarias e terribles. O resto da súa existencia pasouna no seu ámbito de orixe entregado a recrear as historias de horror gótico que lle contaba o entrañable do seu avó. Durante os seus anos, Lovecraf non deu máis ca publicado contos nalgunhas revistas profesionais, sendo Xerais a que recupera agora algúns deles en ‘Relatos de terror’.

Andados os anos, os amigos lograron convertilo nun pailaroco autor do máis famoso dos libros que nunca se escribiron: O Necronomicón. O soño de calquera autor, evidentemente; un‘adelgace sen privarse de nada’ literario.

Jaureguizar

Hoxe cúmprense 200 anos do nacemento de Dickens. Xerais publicou en 1985 «Un conto de Nadal»

7 Febreiro 2012

Noticias,Xabaril,Xuvenil

Hai case trinta anos, en 1985, Xerais publicaba na súa emblemática colección Xabarín Un conto de Nadal, de Charles Dickens, coa vocación de chegar ao público xuveni. Hoxe, 7 de febreiro de 2012, cúmprense 200 anos do nacemento do autor inglés.

A tradución e introdución de Un conto de Nadal era de Alfonso Prada e o deseño da cuberta de Xosé Díaz. O libro tivo dúas edicións (1985 e 2003) e na actualidade está descatalogado. Charles Dickens, que sufriu unha infancia e adolescencia chea de precariedades e dificultades, situouse sempre ao lado dos desherdados do mundo. Desde Xerais, tamén lle queremos render homenaxe.

Este é o texto de contracuberta de Un conto de Nadal, probablemente redactado, en 1985, por Xela Arias:

Fillo de familia humilde, xa na súa infancia coñeceu a vida do cárcere, onde viviu algún tempo despois de cumpri-los doce anos por mor de estar seu pai encadeado por débedas e existir no entón unha lei que lle permitía á familia vivir cos presos. O fillo Dickens traballaba nunha fábrica de betún e pasaba o fin de semana en familia, no cárcere. Anos difíciles que lle ofreceron tema inagotable para a súa obra futura e nos que só o salvaba a súa pasión polos libros. Moito despois logo de facer crónicas parlamentarias e conseguir un certo recoñecemento, animouse a se adentrar na novela, publicando folletíns e logo novelas por entregas, case todas cun certo ton autobiográfico, novelas que se habían facer inesquecibles como As aventuras de Oliver Twist (1838), David Copperfield (1849) ou Tempos dificiles (1854), só por citar algunhas. Escritas de xeito rápido e cun realismo cheo de calor e tenrura co que Dickens nos amosa o seu profundo coñecemento da vida dos débiles e dos desherdados; en clave de humor que soubo conmover a toda unha xeración e que fai que aínda hoxe siga sendo un dos novelistas que gozan do máis amplo favor dos lectores.

Os «Relatos de terror», de H. P: Lovecraft, un novo libro na colección Xabaril

24 Xaneiro 2012

Novidades,Xabaril,Xuvenil

A colección Xabaril acolle a reedición dun novo título, actualizado, entre as novidades de Xerais do mes de xaneiro: Relatos de terror, de H. P. Lovecraft.

Relatos de terror reúne oito contos de Lovecraft (“A tumba”, “Do máis alá”, “Herbert West, reanimador”, “O can”, “A ceremonia”, “El”, “A besta da cova” e “O alquimista”) que amosan como este xenial autor foi o inventor dun novo xénero, o conto materialista de terror, no que utiliza os símbolos que se manteñen no inconsciente das persoas para espertar eses terrores ancestrais que xacen dentro do noso cerebro. Trátase desa literatura de terror «cósmico» que se dirixe á parte máis fonda do cerebro, dominada polos instintos e emocións que están na orixe do xénero humano.

«A illa do tesouro», de Stevenson, novidade do mes de xaneiro en Xabaril

23 Xaneiro 2012

Novidades,Xabaril,Xuvenil

A colección Xabaril acolle a reedición dun novo título, actualizado, entre as novidades de Xerais do mes de xaneiro: A illa do tesouro, de Stevenson.

Un mociño inglés do século XVIII vive e conta neste libro, clásico no seu xénero, unha aventura extraordinaria. Mesturados el e mais os seus amigos cunha grea de bucaneiros disfrazados de xente de ben, e norteados polo mapa que tirara o rapaz do cofre dun pirata finado na cativa pensión familiar, bótanse ao mar tras o engado do fabuloso tesouro soterrado por unha banda dos autodenominados cabaleiros de fortuna naquela afastada illa descrita no mapa. As peripecias de Jim Hawkins, do capitán Smollet, de John Silver o Longo e do resto dos tripulantes da Hispaniola significaron para varias xeracións non só a cristalización dos soños de mocidade de aventuras, senón tamén a realización literaria da ansia de escapismo que aniña en todo ser humano. Se ben a complexidade psicolóxica dalgúns personaxes, especialmente John Silver, amosa a característica preocupación de Robert Louis Stevenson pola ambigüidade moral das persoas, A Illa do Tesouro representa en estado puro a novela de aventuras na cal a procura mítica dun obxecto prezado actúa como móbil para a fuxida cara a escenarios exóticos onde a liberdade é posible.

«A pantasma de Canterville»: regresa Oscar Wilde, sensibilidade e talento

27 Xullo 2011

Críticas,Xabaril,Xuvenil

Carmen Ferreira Boo publicou onte en El Correo Gallego unha reportaxe sobre A pantasma de Canterville, de Óscar Wilde, publicada por Xerais.

Regresa a pantasma de Oscar Wilde: sensibilidade e talento

A mocidade galega pode gozar grazas á renovada colección Xabaril da obra ‘A pantasma de Canterville’ e outros contos

O escritor irlandés Oscar Wilde (Dublín, 1854-París, 1900), recoñecido pola súa sensibilidade, o seu extraordinario talento para a narración curta e pola defensa da “arte pola arte” é un deses autores clásicos universais que continúa engaiolando a todo tipo de lectorado, desde os novos aos vellos, como se demostra coas numerosas reedicións das súas obras.

Neste ano 2011 a renovada colección “Xabaril” de Edicións Xerais de Galicia volve sacar do prelo o conxunto de seis relatos A pantasma de Canterville e outros contos, no que se prescinde das ilustracións interiores e da introdución contextualizadora de edicións anteriores, mais sen renunciar ás notas a rodapé. Desde que aparecera esta obra por primeira vez no ano 1983 na colección “Xabarín” con introdución, tradución e notas de Gustavo Luca de Tena e ilustracións de M. Fragoso, foron moi numerosas as súas reedicións. É de salientar que tamén foi incluída na colección “Xabarín de Ouro” no ano 2003, cun cambio nos peritextos das ilustracións a cargo de Federico Fernández Alonso.

O volume iníciase co conto que lle dá o seu título “A pantasma de Canterville”, unha historia fantástica sobre pantasmas, escrita en 1887, na que se amosan as reaccións da familia norteamericana do embaixador Hiram B. Otis ante a aparición do espectro de Sir Simon de Canterville, condenado a vagar polo pazo inglés dende o ano 1584 por asasinar á súa muller, Lady Eleonore de Canterville. Lonxe de se atemorizar, a familia, caracterizada polo seu pragmatismo e materialismo burgués, búrlase e mófase de todas as acción da pantasma que, aínda que emprega todos os disfraces e recursos que lle outorgaran un grande éxito noutros tempos, non é quen de amedrentrar aos destemidos señor e señora Otis e aos seus fillos Washington, Miss Virxinia e os pequenos xemelgos. A pantasma réndese e, axudada por Miss Virxinia, consegue o descanso eterno.

Wilde reescribe por medio da parodia e o humor os dous motivos principais do conto gótico de pantasmas, a aparición da pantasma e a casa encantada, tan do gusto do lectorado mozo, configurados desde a literatura latina no relato epistolar de Plinio o Mozo, para amosar as diferenzas e enfrontamentos entre a nova e moderna sociedade americana e a tradicional sociedade victoriana británica.

Os demais contos que completan o volume salientan polo seu lirismo, as descricións detalladas e os valores implícitos que amosan. Así, nos contos “O Rei novo”, “O rousiñol e a rosa”, “O xigante egoísta” e “O príncipe feliz” destaca a mensaxe de esperanza e solidariedade, mentres que en “O crime de Lord Arthur Saville” se amosa o poder que teñen as predicións quirománticas, pois Lord Arthur, deixándose levar polas indicacións do Sr. Podgers, comete un asasinato para así realizar o seu destino.

Carmen Ferreira Boo

«A chamada da selva», de Jack London: a loita por sobrevivir. Recensión de Mar Fernández Vázquez

28 Xuño 2011

Críticas,Xabaril,Xuvenil

El Correo Gallego publica unha recensión de Mar Fernández Vázquez sobre A chamada da selva, de Jack London, da colección Xabaril.

Buck, a loita por sobrevivir

A violencia, crueldade e irracionalidade que Jack London retratou en ‘A chamada da selva’ aínda perviven no século XXI

A tradución de obras canónicas da literatura universal acostuma ser unha estratexia das distintas literaturas á hora de se configuraren e asentaren como sistema literario, e a Literatura Infantil e Xuvenil galega non ía ser menos. Como fomos apuntando nesta páxina semanal, o transvasamento ao galego de autores clásicos non se fixo de forma planificada, senón máis ben de forma improvisada como se pode seguir pola análise das traducións das décadas dos 60 e dos 70 que describimos no apartado “Para coñecela +”.

No ano 1982 Edicións Xerais de Galicia publicou A chamada da selva na súa colección “Xabarín” e desde ese momento fóronse sucedendo, case anualmente, ata o ano 2000, as reedicións desta obra canónica. O seu tradutor e responsable así mesmo das notas e introdución que esclarecen o texto foi Gonzalo Navaza.

As reedicións desta obra no século XXI respectaron a normativa vixente do galego no momento da publicación e as mudanzas desta colección, de aí que a reedición de 2002 vise a luz na nova colección que a substitúe, “Xabarín de ouro”, e esta de 2011 é a primeira da renovada colección denominada “Xabaril”.

Esta obra encádrase na tipoloxía das novelas de aventuras, a aventura individual de evolución do personaxe principal, como As aventuras de Tom Sawyer, de Mark Twain. O narrador omnisciente equipara a Buck, o can protagonista, co home cando xustifica as súas actitudes violentas ou cando lle atribúe cualidades e reflexións propias do ser humano.

Buck capta a atención do lectorado desde a cuberta de Javi Montes quen o deseña sorrinte sobre a neve e reflectido na auga como o novo can ouveando á luz da lúa no que Buck se acaba convertendo.

É mágoa que esta reedición non conte coa introdución de Gonzalo Navaza que precedeu as anteriores, xa que grazas a ela o lectorado xuvenil coñecía o contexto socio-político-económico de Norteamérica nos inicios do século XX cando Jack London (John Griffith Chaney, San Francisco, 1876-California, 1916) a publicou en 1903, e entendía a vida deste autor, o porqué dos temas da súa produción, a significación desta obra e a gran popularidade que lle reportou.

A aventura e evolución de Buck comezan ao ser vendido sen sabelo o xuíz Miller, e vai pasando, como Lázaro de Tormes, por outros donos que, a golpe de vergallo, lle provocan que esperte o seu primitivo instinto de animal salvaxe. Buck convértese no eixo da zorra de cans que levan á Alaska buscadores de ouro cando aprende a actuar ante a violencia, crueldade e irracionalidade doutros cans e dos amos, agás John Thornton, a quen o une unha fidelidade mutua.

Edicións Xerais tamén publicou en 1997 Cairo branco, complemento desta novela ao presentar a aventura inversa e transmitir asimesmo o amor á natureza e á vida salvaxe, a loita ben/mal e a amizade.

Mar Fernández Vázquez

Colección Xabaril Clásicos, de Literatura Xuvenil, en A Escola do Faro

Infantil,Xabaril,Xuvenil

O suplemento a Escola do Faro, de Faro de Vigo, recomenda hoxe a colección Xabaril.

Edicións Xerais creaba en el año1983 la colección Xabarín, con la intención de acercar los libros clásicos de la Literatura juvenil a los jóvenes gallegos en su lengua.  Títulos como “A pantasma de Canterville” o “A chamada da selva” se convirtieron en lectura de miles de jóvenes que gozaban de estas obras contraducciones realizadas por expertos y reconocidos autores, que lograron importantes alabanzas a su trabajo. Durante las pasadas décadas, la colección fue ampliando su catálogo hasta llegar a los más de sesenta títulos y alcanzar los 400.000 ejemplares vendidos. Con  esta renovada colección Xabaril, Edicións Xerais continúa la senda abierta hace casi treinta años y ofrece la mejor literatura clásica en lengua gallega. Entre los títulos  figuran “O escaravello de ouro e outros contos”, de Edgar Allan Poe; “O can dos Baskerville”, de Arthur Conan Doyle; “Venres ou a vida salvaxe”, de Michel Tournier; “Viaxe ao centro da terra”, de JulesVerne; “Bertleby, o escribente”, de Herman Melville; “Avolta ao mundo en 80 días”, de Jules Verne, ou “O bosque animado”, de Wenceslao Fernández Flórez. Las traducciones corren a cargo de reconocidos autores como Gustavo Luca de Tena, Xela Arias, Valentín Arias, Alberto Avendaño, Eva Díaz Rodríguez, Marisa Méndez Anta o Gonzalo Navaza. Una colección recomendable como lectura para este verano.

«A chamada da selva», de Jack London na sección Un libro para cada día de ANT

26 Maio 2011

Xabaril,Xuvenil

A chamada da selva, de Jack London, na sección Un libro para cada día, de A Nosa Terra

Aínda non sabes quen é o cadelo Buck?

Redacción. Xerais reedita o clásico xuvenil de Jack London ‘A chamada da selva’, que conta a historia dos buscadores de ouro en Alaska a finais do século XIX. Aventuras contadas desde o punto de vista do can Buck.

A colección ‘Xabaril’ segue a reeditar os clásicos universais xuvenís que Xerais xa publicara hai 30 anos. A chamada da selva, de Jack London, gaña unha nova edición pero mantén a versión de Gonzalo Navaza do 1982.

O libro conta a historia dos homes que no convulso final do século XIX deixaban familia e facenda para aventurarse na inhóspita Alaska na busca do ouro. Este engado era unha loita pola supervivencia e un enfrontamento diario e violento contra unha natureza que se resiste a ser domeada.

A historia cóntaa London desde o punto de vista do can Buck, un cadelo que vivía placidamente nunha granxa dunha familia acomodada até que é roubado e remata perto do lobo, ese seu medio irmán que é no libro metáfora do espello entre a civilización e a natureza bravía.

A colección Xabaril: os clásicos en plena forma. As aventuras de Jack London e o humor de Óscar Wilde

3 Febreiro 2011

Noticias,Novidades,Xabaril

«Se a colección Xabarín foi fundamental para a normalización da nosa cultura a primeiros da década do 1980, Xerais leva recuperando desde hai uns anos títulos fundamentais das letras universais que seguen en plena forma para os lectores do século XXI». Así comeza a información que A Nosa Terra publica sobre a colección Xabaril, unha das coleccións emblemáticas de Xerais desde as súas orixes e da que, este mes de xaneiro, publicamos a reedición actualizada de dous novos títulos: A pantasma de Canterville e outros contos, de Óscar Wilde, e A chamdada da selva, de Jack London, un dos libros máis vendidos da historia de Xerais.

Partindo de traducións moi coidadas (neste dous casos, da autoría de Gustavo Luca de Tena e Gonzalo Navaza) e cun deseño novo e atractivo, a nova colección Xabaril, como informa A Nosa Terra, «segue a provocar o interese dos lectores mozos por libros que ofrecen aventura, reflexión e mestría narrativa a partes iguais. A colección chegou a ter 60 títulos, dos que se reeditaron nos últimos tempos nove e a cifra de vendas atinxiu os 400.000 exemplares». Reproducimos parte da información de A Nosa Terra:

O libro de Wilde é ocasión perfecta para coñecer o sentido irónico da literatura do autor irlandés e tamén ocasión para revisitar uns contos, caso de “O Príncipe Feliz” ou “O xigante egoísta”, nos que o lirismo do escritor alcanza o grao sumo.

A novela de London é un clásico da narrativa de aventuras e leva engaiolando adultos e adolescentes desde o 1903, ano no que se publicou por primeira vez. A fascinación polo ouro, a conquista do deserto de neve de Alaska e a fortaleza de espírito dos animais volven brillar en lingua galega.

Ler a información completa en A Nosa Terra.

«A pantasma de Canterville e outros contos», de Oscar Wilde, novidade do mes de xaneiro

19 Xaneiro 2011

Narrativa,Reedicións,Xabaril,Xuvenil

A pantasma de Canterville e outros contos, un dos referentes clásicos da literatura universal, de Oscar Wilde, publícase como novidade neste mes de xaneiro, reeditado na colección Xabaril. O libro está traducido por Gustavo Luca de Tena.

Cando o embaixador norteamericano Hiram B. Otis resolveu comprar o pazo de Canterville, todos lle foron co conto de que cometía un grande erro porque a casa estaba enmeigada. O propio Lord Canterville sentiuse na obriga de avisalo de que aquela pantasma lles aparecera aos seus familiares, que pasaban noites enteiras sen durmir por mor dos ruídos que se sentían no corredor da biblioteca. Isto non amedrentou ao embaixador, que consideraba que a pantasma e os mobles non eran máis ca unha parte do lote que quería mercar. «A pantasma de Canterville», conto que lle dá título a este volume de narracións de Oscar Wilde, é, ademais dunha historia de pantasmas, un intelixente estudo de carácter dos membros dunha familia norteamericana e das súas reaccións ante as aparicións nocturnas do espectro de Sir Simon de Canterville. Os outros contos, «O rei novo», «O xigante egoísta», «O rousinol e a rosa», «O Príncipe Feliz» e «O crime de Lord Arthur Saville», están tinguidos dun fondo lirismo do que agroma unha promesa de esperanza e de solidariedade entre os seres humanos.

«A chamada da selva», de Jack London, novidade do mes de xaneiro

Narrativa,Reedicións,Xabaril,Xuvenil

Un dos clásicos da literatura universal, A chamada da Selva, de Jack London, que se desenvolve nas rexións xeadas de Alaska e constitúe un dos libros máis vendidos da historia de Xerais, publícase agora en Xabaril, nunha fermosa e renovada edición, traducido por Gonzalo Navaza.

Jack London nacera en San Francisco no ano 1876 e morreu en Hawai en 1916. Esta curta vida, que produciu máis de cincuenta libros, pódese resumir no que el mesmo dixera poucos anos antes de morrer: «prefiro ser un espléndido meteoro, cada un dos meus átomos brillando con escintilante fulgor, ca un planeta permanente e durmido».

No outono de 1894 o descubrimento de ouro en Klondike levou ata as rexións xeadas de Alaska a homes de todas as partes do mundo. A chamada da selva é a historia destes homes, desta epopea vivida no espello da aventura dun can, Buck, que tras catro anos de cómodo vagar na granxa do xuíz Miller, preto de San Francisco, ten que comezar unha vida rexida pola lei do vergallo e da loita pola existencia para, ao cabo, sentir a chamada do atávico, o achegamento ao lobo, o seu irmán salvaxe, que ha cantar co seu ouveo a canción do mundo primitivo.

«Alicia no país das marabillas», un libro a revisitar

16 Abril 2010

Cine,Clásicos,Traducións,Xabaril

Hoxe que se estrea en España a película de Tim Burton, é unha boa oportunidade para revisitar a edición en galego de Alicia no país das marabillas, o libro fulcral de Lewis Carroll. Nesta fermosa edición ilustrada  na colección «Xabarín de ouro»,  Xerais reuníu dous premios nacionais, o que obtiveron por esta tradución en 1985 Teresa Barro e o recentemente falecido Fernando Pérez Barreiro-Nolla, e o de ilustración de Federico Fernández Alonso. Unha obra que recomendamos moi vivamente.

A nena Alicia, caendo polo tobo dun coello vai dar a unha sala soterraña onde medra e encolle segundo consome beberaxes e doces máxicos, nada entremedias de animais extravagantes nunha pucharca formada coas súas propias bágoas, entra nun xardín encantado no que estraños personaxes manteñen con ela absurdos razoamentos envolveitos na máis rigorosa lóxica aparente, e logo esperta.

Faleceu Fernando Pérez-Barreiro Nolla

6 Xaneiro 2010

Autores,Homenaxes,Noticias,Traducións,Xabaril

A dirección e o cadro de persoal de Xerais expresa o seu pesar polo falecemento o pasado día 3 de Fernando Pérez-Barreiro Nolla, tradutor e colaborador de Xerais dende a súa fundación. Nacido en Ferrol en 1931, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago, residía en Londres dende 1963, onde traballou nos programas dos servizos exteriores da BBC para España e como xefe de tradución da Organización Internacional do Café. En 2005 recibiu o Pedrón de Honra polo seu labor de difusión da cultura galega no exterior e en 2009 a medalla Castelao.

Pioneiro tradutor para a nosa lingua, en 1972 publicou a primeira tradución dunha obra de Shakespeare o galego, Macbeth (Galaxia). En 1982 comezou a colaborar con Xerais publicando Flores e leña. Narración chinesas contemporáneas (colección Montes e Fontes), as primeiras traducións directas do chinés para o galego. En 1985 obtivo o Premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís do Ministerio de Cultura pola súa tradución ao galego, xunto coa súa compañeira Teresa Barro, de Alicia no País das Maravillas, de Lewis Carroll (Xerais, 1984), a que seguiría a de  Alicia do outro lado do espello (Xerais, colección Xabarín, 1985).

«O bosque animado», nova edición en Xabaril

31 Agosto 2009

Noticias,Reedicións,Traducións,Xabaril

Xunto a Bartleby, o escribente aparece na renovada colección Xabaril unha nova edición d’ O bosque animado, a novela de Wenceslao Fernández Flórez traducida por Xela Arias.

XG00154001O bosque animado é o grande libro da Fraga de Cecebre, situada no concello de Cambre, preto da Coruña. Nestas páxinas vibrantes, Fernández Flórez narra as historias pequenas dos habitantes da fraga: Fendetestas, Xeraldo, Hermelinda, Pilara, Marica etc… Mais tamén dos aparecidos ou fantasmas que pasean polo bosque: a alma en pena de Fiz Cotobelo e por suposto de Hu-Hu e as súas moscas, do clan dos gatos ceibes, ou das árbores que cren que un poste de telégrafos é unha compañeira delas.

Nesta novela fantástica latexa, algueirante e punxente, o buligar vital, polo común da xente, da multitude de animais e plantas que constitúen o mundo insospeitado da fraga de Cecebre, xunto coa tensa andaina humana duns seres conformados indubidablemente pola cultura galega. Esta tradución galega dunhas das novelas principais de Fernández Flórez, preparada por Xela Arias e agora completamente actulizada e revisada, constitúe unha invitación afervoada a descubrirmos o ricaz mundo de noso.

«Bartleby, o escribente»

27 Agosto 2009

Noticias,Traducións,Xabaril

Na primeira semana do vindeiro mes de setembro, abrindo a tempada de outono, chegará as librarías Bartleby, o escribente, a tradución galega do relato clásico de Herman Melville. A tradución foi preparada por Eva Díaz Rodríguez para a colección Xabaril, que na súa nova etapa acada os sete títulos.

XG00153901Bartleby é un escribente excelente que despacha unha cantidade extraordinaria de documentos na oficina de Wall Srett onde traballa ás ordes dun avogado. Porén, un bo día, cando o seu xefe lle pide que examine con el un documento, Bartleby se nega con total serenidade dicindo: «Preferiría non facelo». Dende entón, diante de calquera requerimento do abogado, o narrador do relato de nome descoñecido, contesta coa mesma frase: «Preferiría non facelo». O avogado descubre que Bartleby quedou vivir na oficina e, como se nega a obedecerlle e despois a escribir máis, o despide. Porén, este curioso personaxe se nega a marchar e continúa vivindo na oficina. O xefe que é incapaz de botalo, decide mudar a sede do escritorio. Cando chegan novos inquilinos, Bartleby segue alí, prefire non facer nada que altere a súa situación.

Herman Melville (Nova York, 1819-1891) é unha das principais figuras da literatura norteamericana. De mozo traballou de mariño na liña Nova York-Liverpool, experiencia que o marcará na súa actividade posterior como escritor. É autor de novelas extraordinarias como Moby Dick (1851), Benito Cereno (1856) ou a póstuma Billy Budd (publicada en galego por Xerais en 1983). Bartleby, o escribente, publicada en 1853, é unha das narracións máis orixinais e conmovedoras da historia da literatura universal, sendo considerada como unha das súas maiores alfaias.

Poe, 200 aniversario

19 Xaneiro 2009

Autores,Traducións,Xabaril

90286813Hoxe, 19 de xaneiro, celébrase o 200 aniversario do nacemento ne Boston de Edgar Allan Poe. Mestre do relato curto, sobre todo de terror e misterio, tamén foi iniciador da novela policíaca e de misterio. Traballou como xornalista en varias publicacións de Filadelfia e Nova York. A súa querenza foi ser poeta, mais as necesidades económicas obrigárono a abordar o xénero da prosa. En 1847 morreu a súa dona e el mesmo caeu enfermo; a súa adicción ao alcohol e a súa suposta adicción ás drogas, testemuñada polos seus contemporáneos, puido contribuír a súa morte aínda novo en Baltimore, o 7 de outubro de 1849. Poe, loubado por escritores como Baudelaire, foi un amante da beleza e da perfección, e fixo da súa vida un reflexo da súa obra. Xerais ten no seu catálogo dúas das súas obras máis coñecidas, traducidas ambas as dúas para o galego por Alberto AvendañoO escaravello de ouro e outros contos, quizais os seus sete relatos de terror e misterio máis coñecidos e a novela As aventuras de Arthur Gordon Pym (tradución premiada polo Ministerio de Cultura e merecedora de entrar na Lista de Honra do IBBY en 200).

Traducións de Xerais 2008

30 Setembro 2008

Ensaio,Infantil,Narrativa,Noticias,Sopa de Libros,Traducións,Xabaril,Xuvenil

Hoxe con motivo do Día Internacional de Tradución, Valentín Arias López, un dos tradutores pioneiros na editorial, recibirá unha merecida homenaxe nun acto que se celebrará, ás 19:00 horas, no auditorio do centro sociocultural de Caixanova de Vigo.

Valentín Arias López naceu en Sarria en 1934. En 1969 comezou a traballar coa editorial Galaxia e posteriormente, a partir de 1980, con Edicións Xerais de Galicia, como autor dos primeiros libros educativos e tradutor dos títulos das primeiras coleccións xuvenís da editorial, especialmente de «Xabarín». Foi membro fundador en 1984 da Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente. Traduce fundamentalmente do francés, do portugués e do español. En 1989 recibiu o premio Ramón Cabanillas de Tradución, e o Premio de Tradución Xuvenil do Ministerio de Cultura. Entre as súas moitas traducións atópanse as obras de Jules Verne A volta ao mundo en oitenta días, Viaxe ao centro da terra e Da Terra á Lúa, Voo de noite de Antoine de Saint-Exupéry, O estranxeiro de Albert Camus e A fractura do miocardio de Jacques Fansten. Tamén traballou no equipo que traduciu O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha. Ademais publicou numerosos artigos sobre a tradución e a función do tradutor, en especial en países con linguas minorizadas.

Facemos un repaso das vinte e nove traducións publicadas por Xerais ao longo do ano 2008.

  • A idade da auga, James Salter, «Xerais Narrativa», relatos, inglés. Traducións de Gonzalo Navaza, María Reimóndez,  Dolores Martínez Torres e Ana Hermida Ruibal.
  • O segundo sexo Tomo I. Os feitos e os mitos, Simone de Beauvoir, «Xerais Ensaio», ensaio, francés. Tradución de Marga Rodríguez Marcuño.
  • Un barquiño coma min, Thomas Docherty, «Xerais Sopa de contos», álbum ilustrado, inglés. Tradución de Dolores Martínez Torres.
  • Negros e brancos, David Mckee, «Xerais Sopa de contos», álbum ilustrado, inglés. Tradución de Montserrat Paz.
  • A cidade e os días. Calendario Histórico de Vigo,  Xosé María Álvarez Blázquez, «Xerais GO»,  historia, español. Tradución de Manuel Bragado e Pablo Sánchez Mato.
  • Venres ou a vida salvaxe, Michel Tournier, «Xabaril», francés, novela. Tradución de Gustavo Luca de Tena.
  • Viaxe ao centro da da Terra, Jules Verne, «Xabaril», francés, novela. Traducion de Valentín Arias López.
  • A volta ao mundo en oitenta días, Jules Verne, «Xabaril», francés, novela. Tradución de Velntín Arias López.
  • A noite que Wendy aprendeu a voar, Jaume Martín, «Fóra de Xogo», catalán, novela. Tradución de Ignacio Chao Castro.
  • Os negocios do señor don Gato, Gianni Rodari, «Sopa de libros», italiano, relatos. Tradución de Silvia Gaspar.
  • A vida encaixa, Eugène, «Sopa de Libros», francés, novela. Tradución de Emma Lázare.
  • O pequeno señor Paul, Martin Baltscheit, «Xerais Xuvenil ilustrada», alemán, novela. Tradución de Patricia Buján Otero.
  • Poderosa. Diario dunha rapaza que tiña o mundo na man, Sèrgio Klein, «Fóra de Xogo», portugués. novela. Tradución de Mercedes Pacheco Vázquez.
  • A porta de Mayo, Gonzalo Moure e Tina Blanco, «Xerais Narrativa», español, novela. Tradución de Jaureguizar.
  • Se comes un limón sen facer xestos, Sèrgi Pamies, «Xerais Narrativa», catalán, relatos. Tradución de Antón Dobao.
  • Mil cretinos, Quim Monzó, «Xerais Narrativa», catalán, relatos. Tradución Helena González.
  • Mal de escola, Daniel Pennac, «Xerais Narrativa», francés, ensaio. Tradución de Xavier Senín Fernández e Isabel Soto López.
  • No labirinto do vento, Marina Colasanti, «Xerais Infantil e Xuvenil ilustrada», relatos, portugúes. Tradución de Mercedes Pacheco Vázquez. Edición: novembro 2008.
  • A clase (Entre les murs), F. Begaudeau, «Xerais Narrativa», novela, francés. Tradución de Xavier Senín Fernández e Isabel Soto López. Edición: decembro 2008. A novela inspirou a película A clase de Laurent Cantet, Premio de Ouro de Cannes e candidata francesa aos Óscar 2009.
  • O meu cole, Jordi Sierra i Fabra, «O meu mundo», conto ilustrado, catalán. Edición: outubro 2008.
  • Katiuscas amarelas, Xabier Mendiguren, «O meu mundo», conto ilustrado, euskera Edición: outubro 2008.
  • ¡Que paisaxe!, Teresa Durán, «O meu mundo», conto ilustrado, catalán. Edición: outubro 2008.
  • A granxa de Simón, Enric Lluch, «O meu mundo», conto ilustrado, catalán. Edición: outubro 2008.
  • Pepe e o seu hámster, Teresa Soler, «O meu mundo», conto ilustrado, catalán. Edición: outubro 2008.
  • Munia dorme baixo a cama, Juan Cruz Igerabide, «O meu mundo», conto ilustrado, euskera. Edición: outubro 2008.
  • Dame a man, Seve Calleja, «O meu mundo», conto ilustrado, castelán. Edición: outubro 2008.
  • O álbum de Jumbo, Care Santos, «O meu mundo», conto ilustrado, catalán. Edición: outubro 2008.
  • Vítor ponse a remollo, Pasqual Alapont, «O meu mundo», conto ilustrado, catalán. Edición: outubro 2008.
  • Iván, o cabaleiro valente, Carmen Gil, «O meu mundo», conto ilustrado, español. Edición: outubro 2008.

Este ano 2008, foi, ademais, particularmente vizoso no número de traducións de textos literarios publicados, orixinalmente en galego, por Xerais a outras linguas. Sinalamos os seguintes:

Tres novos títulos de Xabaril

20 Maio 2008

Reedicións,Traducións,Xabaril,Xuvenil

Recibimos tres novas reedicións da renovada colección Xabaril de clásicos da literatura xuvenil: Viaxe ao centro da Terra e A volta ao mundo en 80 días de Jules Verne e Venres ou a vida salvaxe de Michel Tournier.