UN PAÍS CONTRA OS INVASORES
Cunha prosa rigorosa e xusta no relato dos feitos, pero accesíbel a todos os leitores, o catedrático e presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, acaba de publicar na editorial Xerais o libro Historia social da Guerra da Independencia en Galicia (2009). Cando xa se cumpriu o bicentenario da invasión de Galicia por parte das tropas napoleónicas, o profesor emérito da Universidade de Santiago traza, neste documentado traballo -cinco capítulos e un amplo apéndice documental- os trazos que singularizan a resposta da masa social galega, un país contra o seu invasor.
No limiar do seu estudo, Barreiro alude aos tópicos que definiron, case desde o inicio, o tratamento historiográfico da Guerra da Independencia. En primeiro lugar, a abordaxe dos acontecementos como unha “historia preferentemente militar e localista” e, en segundo lugar, a interpretación do sucedido desde un punto de vista marcadamente ideolóxico: a Guerra da Independencia vista como “un pronunciamento popular a favor do absolutismo”.
Esta Historia Social propón, afastándose das leituras máis tradicionais, -e cunha especial atención ao xornalismo da época como mecanismo xerador de opinión pública- unha tese central, xa desde o limiar do libro. “Que a guerra de liberación do noso territorio contra os franceses foi executada polo pobo galego organizado en alarmas e baixo o caudillado de cregos e fidalgos”. Secundariza Barreiro o papel do exército “acantoado durante catro dos seis meses de ocupación en Oímbra e Puebla de Sanabria” e sinala que foi, precisamente, a presenza das tropas na Batalla de Sampaio a que propiciou a constitución dese combate como símbolo da resistencia galega, “cando -apunta o presidente da RAG- o verdadeiro símbolo foi a liberación da cidade de Vigo protagonizada pola paisanaxe galega”.
O volume, que supera as 300 páxinas, achega ademais argumentos sobranceiros para a reflexión arredor desta Guerra de liberación como xermolo da especificidade política e nacional de Galicia. Lembra por exemplo Barreiro a constitución, o 5 de xuño de 1808 na Coruña, da Xunta do Reino de Galicia e como esa Xunta apelou desde a principio á soberanía, asumindo o goberno do país ante a ausencia dun poder central. Aí fica, en palabras do historiador, o seu elemento revolucionario: en “que a Xunta do Reino agora toma decisións e lexisla e non é simplemente consultiva como sucedía coa Xunta do Reino do Antigo Réxime”.
Outra circunstancia é avanzada por Barreiro a xeito de estimulante suxestión. Os guerrilleiros galegos, un pobo erguido en armas contra o invasor, expulsou as tropas napoleónicas das fronteiras físicas de Galicia. Loitaron, di Barreiro, “pola liberdade e pola liberación do seu territorio”. A guerra continuaba máis alá de Pedrafita, pero, aínda que as guerrillas galegas foron requiridas para seguiren a combater o invasor, a que se libraba en España, xa non era a súa guerra. Fran P. Lorenzo
Artigo publicado en Galicia hoxe e El Correo Gallego.