Poetízate, a desenfadada antoloxía da poesía galega creada e ideada por Fran Alonso, e destinada a lectores que non están habituados a ler poesía, constitúe xa un referente inevitable para a edición de libros de poesía e para os centros de ensino galegos, con máis de 9.000 exemplares vendidos, todo un éxito para unha antoloxía poética. Convertida nun instrumento fundamental para a animación á lectura, para navegar pola poesía galega e para a captación de novos lectores e lectoras de poesía nos centros de ensino, a nova edición de Poetízate amplíase e actualízase: incorpora algúns dos autores e autoras recentes, amplía o seu corpus poético, introduce un fermoso prólogo do poeta Carlos Negro e actualiza o seu deseño de cuberta.
Cunha viaxe poética que vai de Rosalía de Castro (1837) a Rosalía Fernández Rial (1988), a poeta máis nova da antoloxía, é dicir, de Rosalía a Rosalía, Poetízate fai un percorrido ameno e divertido pola pola poesía galega co fin de seguir gañando lectores para un xénero tradicionalmente rodeado de tópicos, eses mesmos tópicos que a antoloxía de Fran Alonso se encarga de botar abaixo.
Porque a poesía non morde. E, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, cursi, nin difícil. E a divertida antoloxía poética de Fran Alonso demóstrao.
¿Para que serve a poesía? Para cantar, para berrar, para recitar, para rapear, para susurrar, para vivir intensamente, para musicar, para rebelarse contra o mundo, para falarlle a alguén ao oído suavemente.
Poetízate é un libro pensado para as persoas que non están afeitas a ler poesía. Un libro para sentir, gozar e intuír a poesía. A poesía permíteche recoñecer cousas que non hai outro xeito de expresalas. Ofréceche esa forza rebelde da súa lectura. Así que, xa o sabes: poetízate.
Fran Alonso (Vigo, 1963) escribe poesía e narrativa, practica o xornalismo e traballa como editor. Durante os anos 90 dirixiu a colección de poesía Ablativo Absoluto, de Xerais. Ademais de Poetízate, como poeta publicou O meu gato é un poeta (2011), un libro seu que se prolonga nunha web á que se accede con contrasinal e que tamén leva un CD con poemas recitados pro el e musicados por Xurxo Souto. Outro dos seus poemarios coñecidos é Cidades (1997), que foi Premio Rañolas ao mellor libro infantil e xuvenil do ano, aínda que tamén destacan Persianas, pedramol e outros nervios (1992), Tortillas para os obreiros (1996), Subversións (2001) e Balada solitaria (2004). Na colección Fóra de Xogo tamén publicou Cartas de amor (2006).