Entrevista con Pedro Feijoo sobre «Os fillos do mar» no Diario Cultural da Radio Galega

4 Maio 2012

Audios,Entrevistas,Radio

O Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista de Anxo Quintela con Pedro Feijoo, que falou da súa novela Os fillos do mar. Pedro Feijoo asegura na entrevista que o seu personaxe, Simón Varela, é o resultado de ver moitas películas de Woody Allen, de ler moito a Mendoza, de ver moito cine dos irmáns Marxe e de moitas vivencias persoais.

A entrevista enteira pode escoitarse ou descargarse aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista de Kiko Novoa a Pedro Feijoo sobre «Os fillos do mar» na Radio Galega

26 Abril 2012

Entrevistas,Narrativa,Radio

Onte, Kiko Novoa, no seu programa Galicia por diante, da Radio Galega, entrevistou a Pedro Feijoo, que falou da súa novela Os fillos do mar.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Poema sinestésico para tres voces e un can», de Eva F. Ferreira, galardón do Xurado do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

24 Abril 2012

Premios,Radio

A Radio Galega informou do fallo do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que editará Xerais nas vindeiras semanas. O galardón do xurado foi para «Poema sinestésico para tres voces e un can», de Eva F. Ferreira, e o da audiencia para «Intercom-Baby», de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso.

 

«Poema sinestésico para tres voces e un can», de Eva F. Ferreira, galardón do Xurado do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

A audiencia escolle “Intercom-Baby”, de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, como mellor peza dramática para a radio

A entrega do premio e a presentación do libro-CD, editado por Xerais, coas catro obras finalistas farase o vindeiro 15 de maio nunha gala no Salón Teatro de Santiago

O certame está organizado pola Radio Galega, en colaboración co Centro Dramático Galego e patrocinado pola Agadic

Santiago, 20.04.2012.-   O xurado da sexta edición do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico decidiu por unanimidade outorgar o galardón á obra “Poema sinestésico para tres voces e un can”, escrita por Eva F. Ferreira. O Premio da Audiencia foi para “Intercom-baby”, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso.

O xurado subliñou da obra premiada a “utilización de materiais non convencionais no narrativo, a intensidade dramática de obra a súa intención de levar a quen escoita a unha paisaxe sonora pouco habitual nunha peza radiofónica”. Destaca tamén “o discurso provocador no fondo e na forma, o risco na procura de novos camiños da creación para a radio, a intención lúdica do texto que suscita a curiosidade e o xogo emocional co oínte e o formato da obra cunha feitura que engasta a xeito de collage as diferentes linguaxes artísticas. Poema Sinestésico para tres voces e un can indaga na actitude de quen escoita, e lonxe de asentarse no previsible provoca unha emoción inesperada”.

Os integrantes do xurado foron Evaristo Calvo, actor e director de teatro; Xosé Manuel Pacho Blanco, escritor, gañador da V edición; Camilo Franco, xornalista e crítico de teatro; Roberto Taboada, director artístico do Festival Alt de Vigo; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do “Diario Cultural”.

A autora de “Poema Sinestésico para tres voces e un can”, Eva F. Ferreira, é directora de escena e dramaturga. Formouse na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo, onde realizou estudos de Dirección de escena e dramaturxia. Foi artista en residencia para o CDG co proxecto de investigación Corpo-puta-vaca-berro no ano 2009. Publicou diversas pezas dramáticas en volumes colectivos e publicacións como Casahamlet. Foi finalista do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico noutras edicións coas obras de Como eliminar as manchas de vómito, O xou mas gou on e 1073. Na actualidade dirixe a obra “Edison” que se vai estrear no Teatro Ensalle de Vigo e coa que se presentará a compañía “Demolicións Ferreira e Compañía”.

Santiago Cortegoso e Marián Bañobre son co-autores de “Intercom-baby” a obra gañadora do Premio da Audiencia. Actor, director de escena e dramaturgo, Santiago Cortegoso traballou como actor e director en diversos proxectos escénicos. Autor das obras A  filla de Woody Allen (2010), 0’7% MOLOTOV (premio Rafael Dieste 2009), Os Comicos dell’Auto (2009) ou  Hámster (2009), crea en 2010 a Compañía Santiago Cortegoso. Pola súa parte, Marián Bañobre é actriz, traballou en diversos proxectos teatrais con compañías como Teatro de Ningures, Centro Dramático Galego, Teatro do Morcego e Nove Dous, ademais de formar a súa propia compañía xunto a Isabel Risco en 2009, Maquinaria Pesada, en que debutaron co espectáculo de clown “As vingadoras”.

Publicación dun libro-CD coas obras finalistas

Ademais das dúas obras gañadoras, as tamén finalistas “Ironías”, de Carlos Losada Galiñáns, e “Quendas”, de Zé Paredes, publicaranse nun libro-CD editado por Xerais. A presentación deste libro e a entrega do premio terá lugar o vindeiro 15 de maio nunha nova edición do Espazo Radioescénico no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Os premios da Audiencia e do Xurado están dotados, cada un, con 3.000 euros.

As catro obras finalistas emitíronse en diferentes programas da Radio Galega entre o 26  de marzo e o 13 de abril. Dirixidas por Evaristo Calvo, foron interpretadas por Víctor Mosqueira, Paula Buxán, Marcos Correa, Borja Fernández, Rocío González, Nuria Sanz, Laura Ponte, Pilar Pereira, José L. López Sacha. Iván Nogueira foi o responsable da realización sonora.

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega coa colaboración do Centro Dramático Galego e o patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais, procura fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A loucura como vivencia, como metáfora, centra «Dark butterfly». Entrevista con Rexina Vega no Diario Cultural

8 Marzo 2012

Audios,Entrevistas,Narrativa,Radio

Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevisa con Rexina Vega, sobre a súa última novela, Dark butterfly. «Interésame o feito de que o enfermo mental se agarre á linguaxe para non perderse», asegura Rexina Vega ao longo da entrevista.

A entrevista, en mp3, pode escoitarse ou descargarse aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O Diario Cultural fixo públicos os finalistas do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

1 Marzo 2012

Premios,Radio,Teatro

O Diario Cultural da Radio Galega fixo públicos os textos finalistas do VI Premio Diario Cultural de Teatr VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que publica Xerais.

Pode accederse a esta información a través deste audio do Diario Cultural.

A montaxe das obras finalistas van estar dirixida polo director Evaristo Calvo.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Charo Portela: «A vida de Valentín Paz Andrade é apaixonante». Entrevista no Diario Cultural da Radio Galega

15 Febreiro 2012

Audios,Biografía,Entrevistas,Infantil,Merlín,Radio

O programa Diario Cultural, da Radio Galega, realizou onte unha entrevista de Anxo Quintela con Charo Portela, sobre o libro Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, ilustrado por Jaime Asensi. Publicado na colección Merlín, é a primeira biografía sobre o autor das Letras Galegas 2012, dirixida ao público escolar, que ve a luz.

A entrevista con Charo Portela pode escoitarse aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista con Luís Rei Núñez sobre «Cita en Fisterra» no Diario Cultural

30 Xaneiro 2012

Entrevistas,Narrativa,Radio

O Diario Cultural da Radio Galega realizoulle unha entrevista a Luís Rei Núñez sobre o seu libro Cita en Fisterra.

A entrevista pode escoitarse aquí.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista con María Xosé Queizán sobre «Meu pai vaite matar» en Radiofusión

3 Xaneiro 2012

Audios,Entrevistas,Narrativa,Radio

Radiofusión, a programación das Radios Municipais Galegas, emitiu unha entrevista ccoa escritora María Xosé Queizán, autora da novela Meu pai vaite matar.

A entrevista pode escoitarse en mp3 aquí.

María Xosé Queizán: “Existe desinterese por coñecer a realidade social”

Xerais edita “Meu pai vaite matar”

Impactada trala viaxe que realizou a Ushuaia, María Xosé Queizán decidiu unir na súa nova novela esta cidade do sur de Arxentina e Galicia. En Meu pai vaite matar a autora viguesa intentou trazar unha historia “suxestiva” e “entretida” que, asemade, abordase cuestións como os abusos infantís. Queizán elixiu como personaxe central da súa obra a unha policía, xa que entende que os profesionais deste gremio, ao contrario que a maioría da xente, están en contacto coa realidade social. A escritora detecta “hipocrisía” e “desinterese” na cidadanía. “Sabemos que existen determinados problemas, pero ninguén quere complicarse a vida”.

Cultura • 27/12/2011 • Autor: Redacción

A protagonista da novela é Diana, quen, tras rematar un máster de criminoloxía, ingresa na Brigada da Policía Xudicial, onde coñecerá a Mario, un mozo aleitado no rural, co que axiña ennoivará. Tras descubrir algunhas pistas arredor dun segredo familiar, ela emprende unha viaxe ata a Patagonia na procura do seu tío Moncho.

Desde Edicións Xerais explican que Meu pai vaite matar é unha “novela de intriga, aventura e viaxes na que se abordan as principais preocupacións dunha autora fundamental do pensamento feminista galego”.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista con Agustín Fernández Paz sobre «Fantasmas de luz» en Radiofusión

23 Decembro 2011

Entrevistas,Infantil,Radio,Xuvenil

Radiofusión, a programación das Radios Municipais Galegas, emitiu unha entrevista con Agustín Fernández Paz a raíz da publicación do seu libro Fantasmas de luz.

A entrevista pode escoitarse en mp3 aquí.

 

Homenaxe ao cine e denuncia social conviven na nova novela de Agustín Fernández Paz

Xerais saca á rúa “Fantasmas de luz”

“Nunca poderán acabar con nós nin esmagarnos. Sempre sairemos adiante porque nós somos o pobo”. Do espírito co que John Ford impregnou a adaptación cinematográfica de Las uvas de la ira tira Agustín Fernández Paz na súa nova novela. A este e outros clásicos da sétima arte homenaxea o escritor vilalbés en Fantasmas de luz, unha obra que, ao igual que a devandita película, denuncia as consecuencias do capitalismo na vida dos traballadores. “Nun abrir e pechar de ollos, vanse polo sumidoiro as conquistas sociais e laborais que levaban décadas consolidadas”, reflexionou esta tarde o autor nos micrófonos de Radiofusión

Cultura • 20/12/2011 • Autor: Redacción

Agustín Fernández Paz atópase, ás veces, a si mesmo recitando frases de filmes que lle deixaron fonda pegada. Porén, non chega ao nivel do protagonista da súa nova novela, Damián, quen toma as súas decisións vitais en función do que aprendeu na gran pantalla. A través deste personaxe que tras quedar no paro comeza a volverse transparente, o autor pretende denunciar a invisibilidade que sofre unha parte da sociedade.

Tomando exemplo das edicións en DVD, Fantasmas de luz inclúe “tomas extra”. Fernández Paz engadiu á novela principal seis relatos que, a modo de escenas adicionais, axudan a entender mellor determinados aspectos da historia. O lector conta asemade coa axuda das ilustracións de Miguelanxo Prado, ante cuxo traballo o escritor asegura “quitarse o sombreiro”.

Das clasificacións do cinema tira tamén o autor chairego á hora de referirse aos destinatarios da súa nova obra. “Para todos os públicos” está pensada Fantasmas de luz xa que pode resultar de interese, asegura, tanto “para un adolescente como para unha señora de 80 anos”.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Vigo a 80 revolucións por minuto», de Emilio Alonso, no programa La noche en Vela de RNE

22 Decembro 2011

Crónica,Entrevistas,Música,Radio

O programa La noche en Vela, de Radio Nacional, dedicoulle un programa ao libro Vigo a 80 revolucións por minuto, do xornalista vigués Emilio Alonso.

O programa pode escoitarse neste enlace.

 

La noche en vela – Vigo a ochenta revoluciones por minuto

19 dic 2011

Algunos todavía no se han enterado, pero la famosa movida, la de las lentejuelas, los peinados imposibles y las hombreras tuvo, en realidad, dos capitales. Sobre una de ellas, Madrid, se ha escrito muchísimo, pero sobre la otra, Vigo, hemos tenido que esperar hasta hoy para tener un libro. Se titula Vigo a 80 revolucións por minuto, y como de momento sólo se ha publicado en gallego, hemos contactado con su autor para que nos adelante qué se cocía en su ciudad allá por los maravillosos años ochenta.

Volvemos al presente de la mano de Mario Luna, que después de varios meses impartiéndonos un taller de seducción, nos somete a un examen final para medir nuestras habilidades en terreno amoroso.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Convocado o VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2012. Bases

16 Decembro 2011

Premios,Radio,Teatro

O Diario Cultural da Radio Galega e o Centro Dramático Galego, co patrocinio da AGADIC, convocan o VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que publica Xerais. As bases desta nova convocatoria poden ser descargadas en pdf:

Desde a contemporaneidade e inscrito nunha tradición que fixo da radio canle de expresión artística, o Premio Diario Cultural de Teatro Radifónico pretende promover a creación actual dun corpus dramático no formato do teatro radiofónico.

O Diario Cultural da Radio Galega e o Centro Dramático Galego, co patrocinio da AGADIC, Axencia Galega das Industrias Culturais, organizan a sexta edición dun premio que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico. Non se trata tanto de recuperar as fórmulas convencionais do radioteatro como de estimular a creación de pezas dramáticas contemporáneas e facilitar unha plataforma de creación aberta ás novas linguaxes artísticas na radio.

As obras seleccionadas polo xurado, emitiranse na Radio Galega e editarase un libro-cd cos textos finalistas.

Outorgaranse os Premios do Xurado e da Audiencia, dotados cada un deles con 3.000 euros.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Poñente», de Pere Tobaruela, en Radiofusión: da Pobra do Caramiñal a Mugardos

12 Decembro 2011

Narrativa,Noticias,Radio

A web de Radiofusión publica unha información sobre  Poñente, de Pere Tobaruela.

 

 

Da Pobra do Caramiñal a Mugardos

“Os cataláns mercaron terreos grandes, as mellores propiedades. Aos mariñeiros e aos seus empregados pagábanlles unha miseria, así podían facer negocio. Pouco a pouco foron perfeccionando os métodos de salga. Tamén adquiriron equipos, prensas. Daquela o negocio colleu folgos.

É un fragmento da novela “Poñente” de Pere Tobaruela, na que se aborda a peripecia dos cataláns que se achegaron a Galicia no século XIX. Montaron a industria da salga, fábricas de curtidos e comerciaban con viños,  en localidades como Ares, Mugardos, Maniños e a Pobra do Caramiñal. Aos pescadores pagábanlle poucos cartos, pero era un salario seguro, afirma Tobaruela.

Segundo o libro “Historia de Mugardos”, os fomentadores cataláns comezaron a chegar a Mugardos a finais do século XVIII. Adícanse á explotación e comercialización da sardiña. Introducen novas artes de pesca e construen varias fábricas de salgadura, para comercializar o produto e exportalo ao resto da península. Dende O Seixo ata A Redonda, chegaron a funcionar 9 fábricas de salgadura.

Desas fábricas fala a novela “Poñente”, porque o poñente e a súa luz guían os dous protagonistas: Carme e Josep. Carme é unha muller de hoxe en día mergullada nun fondo proceso de cambio emocional. Para ela a luz do poñente ten un perfil concreto: unha galega chamada Sarela que, entre outras cousas, a obriga a cuestionarse a súa identidade sexual.
Atendendo a coordenadas temporais diferentes, o poñente tamén constitúe o horizonte persoal de Josep Sadurní, un dos pioneiros cataláns do século XIX que emigraron cara a terras galegas e que asentaron aquí para sacar adiante con éxito a industria da salgadura, marcando para sempre o devir da poboación da beiramar deste país. Carme é unha profesora que, motivada por Sarela, comeza unha investigación sobre os industriais cataláns que se dedicaron á salga. Esta pescuda ábrenos unha fiestra ao coñecemento das relacións entre Cataluña e Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xurxo Martínez: «O BNG debe aprender de Luís Soto a antepoñer os intereses teóricos». Entrevista en Radiofusión sobre «Luís Soto. A xeira pola unidade galega»

2 Decembro 2011

Crónica,Entrevistas,Radio

Radiofusión emitiu unha entrevista con Xurxo Martínez González sobre Luís Soto. A xeira pola unidade galega.

X. Martínez: “O BNG debe aprender de Luís Soto a antepoñer os intereses teóricos ao canibalismo interno”

Luís Soto é un descoñecido para moitos, mesmo para os nacionalistas galegos. Unha biografía que Edicións Xerais vén de colocar nos andeis das librarías axúdanos a coñecer a un dos fundadores da UPG, compañeiro de Castelao nas xeiras a prol da República e un dos directores da revista Vieiros. Luís Soto. A xeira pola unidade galega é unha obra escrita por Xurxo Martínez, que reivindica a figura deste histórico político galego, “o primeiro que asentou a teoría do nacionalismo desde unha óptica de esquerdas”, asegura. Segundo Martínez, a saída da UPG de Soto, polo seu apoio a Xosé González (“Pepe de Redondela”) provocou o seu silenciamento e ocultación.

En canto ás leas internas que actualmente se están a dar entre as diferentes correntes do Bloque, Xurxo Martínez asegura que “o BNG debe superar os canibalismos internos e pór por riba os intereses teóricos que coincidan coa práctica”. A experiencia vital, asegura o autor, debería servir ao nacionalismo galego para asumir erros e apostar pola unidade.

A entrevista pode escoitarse aquí en mp3.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Montse Pena Presas recomenda a «Guía ilustrada da Galicia invisible», de Antonio Reigosa

7 Novembro 2011

Críticas,Infantil,Radio

O blog de GALIX publica a recomendación que Montse Pena Presas fixo en Onda Cero Pontevedra do libro Guía ilustrada da Galicia invisible, de Antonio Reigosa.

Cada martes, no programa “Pontevedra na Onda” de Onda Cero Pontevedra, GÁLIX recomenda unha obra infantil e xuvenil por volta das 13.30 h. Como moitos de vós non tendes a oportunidade de seguir en directo as nosas recomendacións, comezaremos a publicar neste espazo os títulos que a crítica Montse Pena Presas suxire aos oíntes do programa. O único que cómpre ter en conta en que estes textos non son reseñas literarias, senón unicamente, recomendacións de títulos que, por diversos motivos, poden ser útiles, interesantes, divertidos ou especiais, para que os leades, para que os compartades con quen queirades e, sobre todo, para que a LIX GALEGA siga estando presente

A recomendación desta semana é Guía ilustrada da Galicia invisible de Antonio Reigosa e Noemí López (publicada por Edicións Xerais), unha obra para un público lector a partir de 10 anos que foi escollida…
-Porque Antonio Reigosa propón unha marabillosa viaxe (ou varias) pola Galicia que non se ve: a que está agochada en covas, cidades asolagadas, illas misteriosas, montes desaparecidos
-Porque a tradición oral e popular galega segue sendo unha gran descoñecida para a maioría dos lectores e lectoras.
-Porque os textos están escritos nun estilo moi acertado e coidado, que adoita potenciar a compoñente humorística.
-Porque é unha lectura dos 10 aos 80 anos.
-Porque as ilustracións de Noemí López son un goce para os sentidos, que axudan a imaxinar, a soñar e a crear unha ambientación singular, a que necesitamos para coñecer e visitar esa outra Galicia, a invisible.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Ramón Nicolás sobre «V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico»

19 Setembro 2011

Críticas,Radio,Teatro

Ramón Nicolás publicou nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, editado por Xerais e a Radio Galega.

Teatro nas ondas

Sigo, case afirmaría que con devoción, as propostas que se van coñecendo nas sucesivas convocatorias do concurso de teatro radiofónico que organiza a Radio Galega anualmente e, xaora, as respectivas publicacións que recollen con puntualidade, da man de Edicións Xerais e desde hai cinco anos, a totalidade dos galardóns outorgados. Por iso é ben tempo que, malia que sexa brevemente, se dea conta desta iniciativa que, outra vez, inclúe un cedé coas gravacións dos textos teatrais e mais o libro que agrupa a proposta dos textos finalistas e daquela que foi galardoada nesta ocasión, concitando os favores tanto da audiencia coma do xurado profesional, composto por Ana Vallés –prologuista tamén do libro-, Vanesa M. Sotelo, Camilo Franco, Ana Rosales, Ana Romaní e Anxo Quintela.

X.M. Pacho Blanco, coñecido ata agora pola suxestiva A choiva do mundo, anovadora proposta coa que gañara o premio Torrente Ballester en 2007, é quen subscribe o dobremente premiado Paraísos, onde formula unha alternativa tematicamente inusual entre nós, alicerzada desde un espírito subversivo que apunta ao cuestionamento da propia realidade. Nela fai uso dun rendible recurso como é o de ofrecer teatro dentro do teatro e impulsar deste xeito o protagonismo da propia radio na peza pois esta aparece articulada a través de cortes de carácter informativo arredor dun accidente sufrido polo rei de España, que se vai enlazando con entrevistas, como a que se ofrece con Roberto Bolaño, e outras historias particulares, ningunha delas exenta dun pouso crítico, mesmo provocador, e desde as que se cuestionan moitas cousas.

Nese ronsel certamente reivindicativo, no que parece un factor común dos textos teatrais galardoados, foron Eva Freixeira Ferreira, Rebeca Montero Martínez e mais Manuel Román quen completan esta entrega erixindo uns textos que suscitan, respectivamente, reflexións sobre asuntos como a bulimia e a tolemia, a práctica dun xornalismo hipócrita e alleo a calquera comportamento ético e, finalmente, a reivindicación dos valores que encerra a liberdade abeirándose á fórmula do teatro do absurdo. Todos eles veñen sumarse con merecemento á nómina de propostas teatrais-radiofónicas ao servizo dos lectores, sexan estes afeccionados ou non a este formato  tan singular desde o que se ofrece un espazo aberto e creativo para a intervención e imaxinación de quen le, mais tamén de quen escoita. Non esquezo, finalmente, que esta iniciativa se trata, ao tempo, dun magnífico recurso para desenvolver algunhas prácticas docentes e fago os meus votos para que este galardón continúe, con tan boa saúde, moitas  convocatorias máis.

Ramón Nicolás

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Lucía Seoane sobre «V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico»

14 Xullo 2011

Críticas,Radio,Teatro

Lucía Seoane publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, editado por Xerais e a Radio Galega:


Ver sen ver

Teatro nas ondas

O pasado 1 de abril, o xurado da V edición do Premio Diario Cultural de Teatro radiofónico acordou concederlle o premio do ano 2011 á obra titulada Paraísos, da autoría de Xosé Manuel Pacheco Blanco. Pacheco –a quen o público galego coñece aínda como novelista, súa é A choiva do mundo– amosa un texto que abana entre a ficción e a realidade, entre ensoñacións das que ao final tan só permanece un lene ronsel, para dar paso á nudez da propia existencia.
E á beira de Paraísos xorden no presente volume outros tres textos finalistas: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira; Carne de canón, de Rebeca Montero e Señora Carme, de Manuel Román. Na brevidade deste espazo pouco podemos relatar acerca de cada un deles; de todos os xeitos, digamos que todos participan dunha vontade combativa, da crenza militante no poder da palabra perante a(s) opresión(s) do poder e, en fin, dando mostra dunha saudable capacidade creativa nas nosas letras.
Desde logo, sería ben de desexar que todas estas pezas tivesen a oportunidade de ser levadas á escena. Non é este o momento nin o lugar acerca de consideracións sobre a pertinencia/non pertinencia do termo “teatro radiofónico”, a posibilidade mesma dese subgénero; porén, sexa como fose, Pacheco, Freixeira, Montero e Román dan fe de que o teatro galego vive!

Lucía Seoane

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico»

11 Xullo 2011

Críticas,Radio,Teatro

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog unha recensión crítica de V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, editado por Xerais e a Radio Galega:

(…)

O libro reúne os autos (entendido o termo auto como peza breve de teatro, tanto relixiosa como profana) gañador e finalistas do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.

A obra premiada, “Paraísos”, de Xosé Manuel Pacho Blanco, emprega o tópico (entendido tópico non de xeito pexorativo, senón como motivo ou recurso literario que se repite ao longo da historia) do teatro dentro do teatro, pois unha obra de teatro radiada vese interrompida pola noticia dun suposto accidente-atentado contra o Rei, que o fere gravemente e que ata causará a súa morte. A obra seguirá desenvolvéndose, mais cada pouco será interrompida sobre as noticias breves acerca da evolución da saúde do Rei.

A obra teatral presenta a vida dunha xornalista que ademais do traballo, asume o coidado dun pai con demencia senil e mais do fillo. Introdúcese unha suposta entrevista co novelista xa falecido Roberto Bolaño, que dá pé para facer unha división dos narradores entre escritores e escribidores, na liña do Vargas Llosa de La tía Julia y el escribidor. A obra remata co boletín que informa sobre a morte do Rei.

(…)

Os outros autos que recolle o libro son os tres finalistas do certame. No primeiro deles (“Como eliminar as manchas de vómito”), Eva Freixeira Ferreira explora o mundo da loucura e dos procesos de bulimia-anorexia, nun marco de claustrofobia e autodestrución. No segundo (“Carne de canón”) a actriz Rebeca Montero pon ao descuberto os procesos de manipulación que realiza certo xornalismo supostamente humanitario, mais que procura o éxito de audiencia por enriba de calquera consideración ética (por certo, nun texto castelán desta obriña aparece un metagrafo incrible: para que deje de hechar mierda…; páx. 60). O terceiro autor (“Señora Carme”), de Manuel Román, entra polos vieiros do teatro do absurdo e é, posiblemente, o que necesite dun maior esforzo por parte do oínte.

(…)

Xa que logo, as catro pezas breves presentan unha gran dignidade e cómpre que estes premios da Radio Galega continúen no futuro. O libro vai acompañado por un CD, coas obriñas. Este teatro para ser escoitado e no que a imaxinación ten que suplir o decorado ou mesmo o físico e caracterización de actores e actrices pode ser de grande utilidade nas clases de lingua, máxime cando vai acompañado polo texto gravado en  CD. Especialmente útiles neste sentido son as pezas “Paraísos” e “Carne de canón”.

(…)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico»

8 Xullo 2011

Críticas,Radio,Teatro

O crítico Francisco Martínez Bouzas publica no seu blog unha recensión crítica sobre o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, editado por Xerais e a Radio Galega Reproducímola integramente:

Teatro ou historias radiadas?

Confesa a dramaturga Ana Vallés que, cando Ana Romaní lle propuxo a dirección da presente edición de teatro radiofónico (V Premio Diario Cultural), o primeiro referente no que pensou, foi a radionovela. E abofé que pensou ben, porque o teatro, considerado desde sempre a arte da palabra, está escrito para ser representado. O texto teatral non esgota por si só o feito teatral, xa que unha obra dramática non é teatro hasta que é representada. A obra teatral soamente adquire plena vixencia na representación que determina ademais o carácter distintivo da escritura dramática, con respecto aos demais xéneros literarios. Xa que logo, falando en puridade, non semella moi apropiado instituír un subxénero de teatro radiofónico. A radio é incapaz de vencellar vista e oído, segundo escribe John Cage, na acaída referencia de Ana Vallés. Historias radiadas, se a palabra radionovela non for do gusto dos  editores e convocantes deste premio, penso que sería un título máis apropiado para amosar  a natureza de textos que representan historias, mais non fronte a unha audiencia e sen esa combinación de discurso, xestos, escenografía, música, son e espectáculo.

Cabe, porén, falar de teatro radiofónico cando a historia non representada, pero si radiada, se converte en libro e, xa que logo, nun xénero literario que comprende as obras concibidas para seren representadas nun escenario. É esta a perspectiva desde a que leo as páxinas deste libro.

O volume recolle os textos do gañador e finalistas do V Premio Teatro na Radio que organizou o programa do mesmo nome da Radio Galega. E chegan ás mans dos lectores acompañados dun CD coas versións radiofónicas que se emitiron no seu día.

O texto gañador, “Paraísos”, é da autoría de Xosé Manuel Pacho Blanco, que volve reivindicarse -xa o fixera pro primeira vez coa súa novela A choiva do mundo- como un innovador que trata de buscar novas fórmulas nos procesos de elaboración creadora. “Paraísos” é un acareo entre ficción e realidade. Cal é o sentido da realidade, de qué maneira podemos influír na mesma? Fóra dos paraísos dos nosos soños, atópase a crúa realidade e eses paraísos non son senón o que nós queremos que sexan. Así podemos imaxinar que morre o rei Juan Carlos, vítima dun accidente ou dun atentado e que, mentres a emisora está á espera dos boletín informativos, emiten unha imaxinaria entrevista con Roberto Bolaño, onde o escritor chileno se amosa realmente como Bolaño, como aquel transhumante que aconsellaba roubar libros, cristalizado máis trade no demiúrgo do que falara Borges. Bolaño marcando fronteiras entre ficción e realidade, entre escritor e escribidor, que gusta de Borrazás, que non coñece suficientemente a literatura galega, pero que tivera noticia de Rafael Dieste e do seu libro Testamento xeométrico, con que dá Amalfitano nunha librería de Santiago, que non é a Librería Couceiro, como pensa a ficticia entrevistadora, senón Follas Novas (Roberto Bolaño, 2666, páxina 241). Unha interesante reflexión sobre o concepto de paraísos, sobre  a necesidade de rebelarnos fronte á realidade, sabendo, porén, que “cando pasa o tempo esa hidra que se enxergaba na nosa realidade cando novos, eses sonos van esmorecendo e fica, núa, a vida”.

Tamén recolle o volume os textos finalistas. “Como eliminar as manchas de vómito” de Eva Freixeira, “Carne de canón” de Rebeca Montero e “Señora Carme” de Manuel Román. Temáticas distintas (a bulimia, a denuncia da marxinación e da precariedade, o valor da capacidade fabuladora), conceptualizacións estéticas así mesmo persoais e privativas, proxeccións realistas ou metafóricas, pero cun leitmotiv que os unifica: o de facernos reflexionar sobre o poder subversivo da palabra, verdadeiro antídoto contra a escravitude do cotián e contra esa manchea de borranchos nos que a miúdo se converte a vida.

Francisco Martínez Bouzas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Armando Requeixo sobre «V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico»

7 Xullo 2011

Radio,Teatro

Armando Requeixo publica no seu blog unha recensión crítica sobre o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, editado por Xerais e a Radio Galega Reproducímola integramente:

Teatro (ir)radiado

Paseniño, como todo o bo que se deixa ir indo, chega á quinta convocatoria publicada o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, organizado dende os micrófonos do programa homónimo da Radio Galega.

Desta volta, o volume que compila os textos do gañador e finalistas do certame —puntualmente tirado do prelo por Edicións Xerais, quen o edita acompañado dun cd coas versións radiofónicas emitidas— recolle catro pezas: “Paraísos” de Xosé Manuel Pacho Blanco, que foi distinguida co Premio do Xurado e mais co Premio da Audiencia a un tempo; “Como eliminar as manchas de vómito”, de Eva Freixeira Ferreira; “Carne de canón”, de Rebeca Montero Martínez e mais “Señora Carme”, de Manuel Román.

Dende experiencias estéticas e temáticas moi diversas, todas catro coinciden no poder subversivo do seu discurso, que alimenta a crítica a un mundo e unha sociedade que nos aliena, nos estupidiza e por veces mesmo nos fai virar tolos.

Por descontado, as modulacións deste plasma común son abondo irisadas e van dende a crítica política e laboral e mais a reflexión metaliteraria dos “Paraísos” de Pacho Blanco ata os universos de loucura e irrealidade dos textos de Freixeira Ferreira ou Manuel Román, pasando pola denuncia da hipocrisía social e a manipulación dos medios que aparece na obra de Montero Martínez.

Estimulantes, incómodas e lucidamente reflexivas, as apostas teatrais (ir)radiadas dende este V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico son a mellor mostra de que a palabra, cando se aveluda aceiradamente, é daga donda que sabe ben ferir. Coidado ao ler, non vaia cortarse, que é moito o gume.

Armando Requeixo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Recensión de Xosé Manuel Eyré en A Nosa Terra sobre «V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico»

28 Xuño 2011

Audios,Críticas,Radio,Teatro

Xosé Manuel Eyré publica en A Nosa Terra unha recensión sobre V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. Reproducímola integramente:

Gran teatro para ler e escoitar

Unha das razón de ser da literatura é a de amosar relacións, cun mesmo, cos demais, co mundo. Desde sempre a agora tamén. O que mudou/está a mudar é a forma de relacionarse o lector coas historias que le. A aquel lector de macrohistorias, de historias prolixas en complexidades, estase a sumar outro que cada día reclama meirande protagonismo: é o lector que foxe das historias nas que só pode ser espectador, é o lector que reclama historias desde as que poida exercitar o seu dereito a pensar/repensar o mundo e as súas complexidades, o lector protagonista.

O volume do que escribimos contén un cd coa versión radiofónica, neste caso dirixida por Ana Vallés, mais é un libro e como tal libro a súa misión non é unicamente a de acompañar o cd; contén valores literarios que se deben xulgar desde unha perspectiva menos restrita que a da crítica/literatura tradicional herdada.

A fórmula é moi semellante á do audiolibro, inclusive pode e debe ser tida como tal. Sempre que entendamos o audiolibro como un libro que se escoite e se le á vez, telo como simplemente algo para oír significa renunciar a parte dos seus valores porque as dúas versións se reforzan mutuamente. Nisto, hai que sinalar que a correspondencia entre texto e versión radifónica, no caso que nos ocupa, non é total, hai distorsións, o texto tende a ser máis completo, máis extenso. Mais iso no invalida a consideración como audiolibro. Pois a incidencia vai destar a necesidade de reler (e se cadra reouvir), dándose o caso de que isto non é traballoso de facer debido ás dimensións da historia; e tal revisión significa meirande tempo de familiarización coa historia, meirande tempo de reflexión sobre a historia.

A primeira historia (Paraísos, de Xosé Manuel Pacho Blanco) presenta a necesidade de subversión, de rebeldía fronte ao mundo, de imaxinar as cousas doutra maneira. Imaxinen que o rei Juan Carlos morre, imaxinen unha entrevista radiofónica a Roberto Bolaño mentres se fai tempo para agardar os sucesivos boletíns informativos sobre a saúde do monarca. Imaxinen a vida mentres todo isto sucede. E noten como a radio é protagonista na radio. E despois lembren o título: Paraísos. Xa teñen suficientes datos para que a súa imaxinación se excite? Haberá quen diga que non, vivimos tempos históricos no que se refire ás formas de lectura, conviven dúas fórmulas lectoras, xa abondo temos falado, e con elas dous tipos de lectores, e ningunha das dúas é rexeitábel, simplemente son diferentes. E aínda un par de cousas máis: ben pode ser que esta iniciativa que xunta versión radiofónica e literaria constitúa unha estimábel ponte que axude os lectores tradicionais; observen a difícil adscrición xenérica, tanto desta como nas que seguen, o importante é a reflexión que suscite e o de menos que se ría ou chore.

A segunda (Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira) igual que a anterior e a última, comeza con palabras introdutorias que obviamente non aparecen na versión radiofónica, textos nunca extensos que serven de marco para enteder as historias ou, como no caso de Señora Carme, convida á intervención lectora. Logo séguese, en secuencias veretixinosas, unha historia que precisa poucos comentarios, unha historia sobre un tema tan actual como a bulimia. Queremos salientar aquí a capacidade descritiva das personaxes, un necesario labor contextualizador que se ve acompañado polo da música e outros sons, o que indica a consciencia autorial da riqueza de recursos potencial da versión radiofónica.

Carne de Canón, a terceira historia, de Rebeca Montero, achéganos as voces das esquecidas, esas voces que á sociedade do benestar tan pouco lle gusta ouvir porque as súas palabras falan de xentes que viven continentes inxentes de marxinación, de precariedade e explotación para facer posíbel que uns poucos privilexiados non sintan carencia de nada no seu confort. Eis unha denuncia da inxustiza, outra máis, a denuncia dun mundo sen fillos, dun mundo sen auga, dun mundo con guerras. Outra denuncia do cinismo da sociedade actual. Unha denuncia coral que nos leva a pensar no distinto status das personaxxes neste tipo de historias teatrais caracterizadas pola brevidade expositiva. Así ten que ser, importan, máis que as personaxes, as historias e o impacto que estas teñan no lector, impacto que é arma contra o esquecemento inmediato pois procura unha intensa reflexión, por parte do lector, tamén contra os lindes das propias historias para que non reduzan nin migalla a extensión do tema tratado na historia..

Manuel Román, en Señora Carme, presenta unha historia con certa parentela no teatro do absurdo. Reclama a necesidade de imaxinación, de fabulación. Unha historia moi metafórica na cal a intervención do lector/ouvinte resulta imprescindíbel, ao que se lle pide que non esqueza o valor da beleza e das palabras como ancoraxes no mundo, que non deixemos a vida pasar sen vivila. Historia que é tamén reivindicación da liberdade e loita contra  a soidade.

Vistas as catro revélanse puntos de contacto entre elas, malia seren tan diferentes. Contigüidades moito más difíciles de descubrir se as obras foran doutra extesión máis convencional.

Xosé Manuel Eyré

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xavier Queipo, Premio Xerais de Novela 2011, primeiras entrevistas

13 Xuño 2011

2011,Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais,Radio,Xerais_nos_medios

Aparecen as primeiras entrevistas a Xavier Queipo, autor de Extramunde, obra gañadora do Premio Xerais de Novela 2011:

  • «A xente que ataca a lingua galega é a que ten medo, e niso consiste en ser de dereitas» (Xornal de Galicia)
  • «A viaxe dunha nave de tolos constitúe a personaxe central da novela» (Atlántico Diario)
  • «O poder esmagador» (Galicia Hoxe).
  • Audioentrevista no programa “O viraventos” (Radiofusión).
  • Vídeoentrevista (Blogaliza)
  • «En el siglo XVI como hoy, la sociedad tiene problemas para aceptar lo diferente» (Faro de Vigo, 16-06-2011)
  • Audioentrevista no Diario Cultural (Radio Galega).
Chuzame! A Facebook A Twitter

«V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico», novidade do mes de maio

9 Maio 2011

Premios,Radio,Teatro

O V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico é unha das novidades do mes de maio, editado por Xerais, a Radio Galega e o Centro Dramático Galego. O gañador deste ano foi Xosé Manuel Pacho Blanco, e os finalistas Eva Freixeira Ferreira, Rebeca Montero Martínez e Manuel Román.

En palabras da directora Ana Vallés, do prólogo do libro: «O teatro radiofónico ocupa un lugar intermedio entre o teatral e o lido: as voces dos seus intérpretes encarnan uns corpos e rostros que en realidade non son os seus, créaos o que escoita. A sensibilidade inestable de cada oínte escollerá –eventualmente– o que máis lle conveña ou interese».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista con Xosé Manuel Pacho Blanco, gañador do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

14 Abril 2011

Autores,Entrevistas,Radio,Teatro

O xornal Galicia Hoxe publica unha entrevista de Marga Tojo con Xosé Manuel Pacho Blanco, gañador do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico con Paraísos, que publicará Xerais a principios de maio. Reproducímola integramente:

Xosé Manuel Pacho Blanco: «Na cultura galega hai moita autocensura»

“Unha aposta a cabalo perdedor” é o Paraíso de Xosé Manuel Pacho Blanco. O Rei de España esganado nun Ferrari Testarossa. Teletipos que sazonan o drama en Hertzs. Abusos de poder dun xerifalte da comunicación. Ningún medio fala do teatro radiofónico de Pacho. “Si se fixese en Cataluña e en catalán isto estaría a dar a volta a España, pero aquí parece que se non fas a pelota non entras”, sospeita. Avogado e profesor na Universidade de Vigo, gañador no 2007 do Premio de Narrativa Torrente Ballester coa súa primeira novela A choiva do mundo, o autor ourensán acaba de gañar o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico nas súas dúas categorías, ao recibir por unanimidade o do xurado e sumar o maior número de votos emitidos polo público, polo que puido pendurar tamén o galardón da audiencia. E por se a alguén lle parece raro o seu dobrete profesional, entre o letrado e as letras, o autor quítao de dúbidas: “Kafka era licenciado en dereito e traballaba nunha aseguradora italiana. Ser avogado non é tan rocambolesco na literatura. Ao mellor ser profesor de español e dedicarte á cultura galega como Ferrín si”.

O recoñecemento, que convoca anualmente a Radio Galega co patrocinio da Agadic e a colaboración do Centro Dramático Galego, seralle entregado o vindeiro 3 de maio dentro do espazo radioescénico que se desenvolverá no Salón Teatro de Santiago. O texto e a dramatización da obra serán editados por Xerais nun libro-cd xunto aos outros tres títulos finalistas, que nesta edición do premio foron: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira; Carne de canón, de Rebeca Montero, e Señora Carme, de Manuel Román.

Agora que a televisión ofrece pouco, parécelle un bo momento de recuperar o formato de serial radiofónico?

Boa pregunta. Creo que todos os formatos son válidos e este é interesante, pero o importante é que as obras teñan un nivel de calidade.

E de que trata a súa obra?

Aínda que pareza mentira chámame a atención a súa pregunta porque para min un dos aspectos máis importantes da obra é a súa temática. O fío argumental vén ser distituntos cortes que comunican un accidente sufrido polo rei de España. Faime graza que non se fale diso que é o aspecto máis relevante.

O rei Juan Carlos I ou un rei equis?

Non, non, Juan Carlos de Borbón, co seu nome, para que non ofreza dúbidas. Empeza a obra e córtase o comezo xusto cun comunicado de que acaba de sufrir un accidente o rei de España. É unha homenaxe a H. G. Wells, a A Guerra dos mundos, o que fixo Orson Welles en Estados Unidos. A obra interrómpese cada certo tempo con cinco teletipos onde se ofrecen datos da situación do monarca até que finalmente, o quinto dá a noticia de que o rei de España faleceu.

É unha provocación, un dese-xo, unha premonición, mera ficción?

É unha provocación absoluta.

E o ton da serie ten cariz thriller ou de humor?

Eu cóntolle a trama e vostede saca as súas conclusións. Despois do teletipo inicial que anuncia o accidente do rei, empeza a obra con dúas mulleres, unha delas xornalista, falando nun bar. Estalle a contar á outra, que é a súa irmá, que o seu xefe é un cabrón, o típico delegado cabrón.

Inspirouse en alguén concreto?

Pois si, e de feito aparece na serie co seu nome.

Dígame, pois.

Case prefiro non dicirllo porque é unha persoa moi coñecida.

Pero xa se emitiu a serie.

Si, pero… Dígollo unha vez que saia a entrevista. Trátase do nome real dun delegado dun xornal galego.

Creo que xa o collo. Parécelle que xogou o tipo?

Si, si, esta é unha aposta a cabalo perdedor. Apostei cun amigo unha botella de whisky a que non tiñan collóns na Radio Galega de poñelo en antena e a verdade e que o puxeron e levou os dous premios.

Tamén no Diario Cultural xogaron o tipo.

Creo que nos tempos que corren tiveron moita valentía e moito mérito en poñelo. Non coñezo ninguén do xurado, chamoume Ana Romaní e penso que se eu fose directo do Diario Cultural me vería nunha situación difícil.

Talvez por iso non se fala do argumento.

Se se fixese en Cataluña e en catalán isto estaría a dar a volta a España. Estou seguro de que nin na Voz, nin no Xornal, nin no Faro se atreverían a publicar un texto así.

Pois, volvendo ao tema argumental, que pasou entón coas dúas mulleres que falaban?

Pois a xornalista está pensando en deixar a profesión. Volven cortar a obra e un teletipo informa de que o rei non sufriu un atentado senón un accidente de coche mentres estaba en Mallorca co seu Ferrari testarossa. Vólvese cortar e aparece unha segunda historia na que un xornalista entrevista a Roberto Bolaño, o escritor chileno. Empeza cun texto que di: “O mundo está cheo de idiotas e neste sentido non hai unha diferenza de xénero. Tanto homes como mulleres comparten a mesma porcentaxe”.

Vostede concorda coa afirmación, supoño.

Absolutamente. Na entrevista, Roberto Bolaño métese coa Academia da Lengua Española, coa Academia da Lingua Galega, coa vaidade dos escritores… A entrevista vólvese cortar cun teletipo que comunica que o rei está moi grave e que Zapatero vai desde Bruxelas directamente ao hospital a Mallorca. Deseguido aparece a seguinte peza coa xornalista que ten que cubrir unhas previsión pola mañá, con problemas e un pai enfermo de Alzheimer, como na vida mesma, e cando chega a casa queda durmida. A obra remata co último teletipo anunciando a morte do rei de España aos 72 anos. Agora ten 71.

Futurista.

Cun pouquiño de sorte non tanto.

E o epílogo?

Todos os feitos e persoas que aparecen nesta peza son inventados froitos da invención do escritor: non existe ningún dos personaxes nin dos narradores; non existe un rei, iso só acontece nos contos, atentaría contra calquera democracia; tampouco existe Ciudad Juarez nin os seus mortos; tampouco Roberto Bolaño; nin a radio; nin a demencia senil; nin a tristeza; nin a felicidade; só a música e as palabras.

Entre tanta moleza e simulacro dará medrado algún día na sociedade galega o espírito punki ou provocador?

Eu creo que se algún sentido ten a creación é cuestionar a realidade e ser subversiva. Ten que enfrontarse ao que non gusta da sociedade e ser crítico. Penso que na cultura galega e na cultura española hai moita autocensura. É normal. Pode soar grandilocuente, pero se te paras a pensar nas editoras, nos medios de comunicación hai bastante covardía. Que un avogado se autocensure podo entendelo, pero que un artista se autocensure non. A cultura galega e a cultura española son moi condescendentes con elas mesmas.

A XUNTA INTERFIRE NO SINAL DE RADIOS LIBRES

Foi no 2006 cando a Radio Galega decidiu recuperar nas súas ondas o teatro, con Ana Romaní e Anxo Quintela á cabeza. Un ano despois, a canle pública creou o premio Diario Cultural, no seo do programa do mesmo nome, para estimular a produción neste ámbito. O vicio do son dramatúrxico transformado en impulsos eléctricos abandonara hai anos os fogares, que antano debecían polas radioseries.

Nas casas dos anos sesenta e setenta, o teatro entraba en prime time a través da radio e do Estudo 1 da televisión única: emitían á hora da cea La visita de la vella dama ou Eloísa está debajo de un almendro. Ademais de adaptacións de comedias, Radio Nacional de España ofrecía por eses anos Historias para no dormir, semanal de Chicho Ibáñez Serrador que acabou saltando a TVE. En canto á cadena SER, alcanzou grande éxito co culebrón Ama Rosa ou con Simplemente María, un modelo lacrimóxeno que pronto racharía co humor de La saga de los Porretas, que estivo doce anos en antena. Tamén nos setenta Manolo Lourenzo e Lino braxe impulsaron algunhas tentativas de consolidar as series de radio-teatro galego.

Radio Obradoiro mantivo durante un ano en antena hai agora sete o delirante serial Las venas del infierno de Xurxo Fernández. Hoxe, só a Radio Galega lle dedica un espazo ao teatro, aínda que é probábel que algunha radio libre lle ofreza en calquera recanto as súas ondas á dramaturxia. Pode que esas radios que hoxe se atopan ameazadas polo novo plan de licenzas da Xunta que interferirán co sinal de proxectos comunitarios como Cuac FM, na Coruña, Radio Kalimera en Santiago e Radio Piratona en Vigo agochen algún tesouro.

Marga Tojo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Fallado o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que Xerais publicará en maio

6 Abril 2011

Premios,Radio,Teatro

As obras gañadoras do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico fállonse onte en Santiago de Compostela e, como en anos anteriores, serán editadas por Xerais e presentadas o día 3 de maio no Salón Teatro de Santiago de Compostela. O escritor Xosé Manuel Pacho Blanco gañou o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico nas súas dúas categorías, a do Xurado e a da Audiencia, coa obra titulada Paraísos.

O xurado estivo composto por Ana Vallés, dramaturga e directora de teatro; Vanesa Martínez Sotelo, dramaturga e gañadora do premio do xurado do IV Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico; Camilo Franco, crítico teatral; Ana Rosales, responsable de comunicación da Agadic; e Ana Romaní e Anxo Quintela, directora e redactor respectivamente do Diario Cultural.

Segundo o xurado, a obra gañandora destaca polo «carácter aberto do texto da obra gañadora, así como a mestura e dominio de rexistros e modalidades, tanto da lingua oral como da escrita, e o intelixente uso da tradición radiofónica de programas dramáticos», así como polo «axeitado aproveitamento dos recursos do medio radiofónico e o uso do fragmento, da cita e a suxestión como elementos dramáticos».

Como en anos anteriores, o texto e a dramatización da obra gañadora editarémolos nun libro CD, acompañdo das tres obras finalistas: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira, Carne de canón, de Rebeca Montero, e Señora Carme, de Manuel Román.

No acto de entrega do vindeiro 3 de maio, convocado pola Radio Galega co patrocinio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), colabora tamén o Centro Dramático Galego (CDG).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Fran Alonso converte a poesía nun xogo: entrevista co autor de «O meu gato é un poeta» en Radiofusión

23 Marzo 2011

Entrevistas,Infantil,Radio

Radiofusión, as Emisoras Municipais Galegas, realizou onte unha entrevista a Fran Alonso con motivo da publicación do seu libro O meu gato é un poeta, entrevista que abre na web da cadea de emisoras baixo o título de «Fran Alonso converte a poesía nun xogo». A entrevista, que pode escoitarse en mp3, aborda a realización do libro, do disco e da web do libro que o autor vigués publicada na colección Sopa de Libros.

A entrevista pode escoitarse en mp3 Picar no enlace mp3

Chuzame! A Facebook A Twitter

Convocado o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

1 Decembro 2010

Premios,Radio,Teatro

O Diario Cultural da Radio Galega e o Centro Dramático  Galego, co patrocinio da AGADIC, organizan a cuarta edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para  a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico. Trátase de estimular a creación de pezas dramáticas contemporáneas e facilitar unha plataforma de creación aberta ás novas linguaxes artísticas na radio. As bases, en pdf, poden ser baixadas aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Antonio Reigosa, entrevistado no Expreso de Medianoite pola súa «Guía ilustrada da Galicia invisible»

2 Novembro 2010

Autores,Entrevistas,Infantil,Radio

Begoña Caamaño, presentadora do programa Expreso de Medianoite, da Radio Galega, entrevistou a Antonio Reigosa polo seu libro Guía ilustrada da Galicia invisible.

A entrevista pode escoitarse completa aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Terra de Soneira», un libro sobre o corazón da Costa da Morte

24 Setembro 2010

Entrevistas,Etnografía,Monografías,Noticias,Radio

Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte é unha das últimas novidades de Xerais que xa está nas librarías. Coordinado e dirixido por Xosé María Lema Suárez, no libro participan tamén como autores, amais do propio coordinador, Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Roberto Mouzo Lavandeira e Xosé María Rei Lema. Trátase dun libro sobre a comarca da Terra de Soneira e a súa especificidade, que está avalada con documentos e cartografía histórica.

No libro recóllense e analízanse todos os temas socioculturais da comarca: a lingua; a xeografía (natureza e paisaxe), onde se diferencia a Soneira interior e unha máis reducida Soneira da beiramar; a historia da comarca; as manifestacións artísticas desde o megalitismo ata a actualidade; o rico patrimonio etnográfico; a arquitectura popular e etnográfica (a casa labrega e mariñeira, os hórreos, os muíños, os batáns etc.); a artesanía (co encaixe de Camariñas como corazón); os persoeiros da comarca; a excelente gastronomía, as festas tradicionais; os eventos socioculturais (o festival folk da Festa da Caballeira de Zas, o Asalto ao Castelo de Vimianzo, as rapas das bestas).

Un apartado especial do libro está constituído polas rutas para coñecer a comarca. Propóñense rutas xerais e rutas específicas como a arqueolóxica ou a dos Penedos de Pasarela, os de Traba, os do Piñeo, os do Penal do Veo e os do Corveiro.

Reproducimos unha longa entrevista feita en Radiofusión (Radios Municipais Galegas) por Eva Ocampo a Xosé María Lema Suárez sobre Terra de Soneira, onde dá conta do libro e das súas características:

Entrevista

Así mesmo, Xosé María Lema será entrevistado en directo mañá sábado 25 ás 10:30 h. por Mª Xosé Rodríguez na Radio Galega.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Jonathan Dunne, entrevista no «Diario Cultural» da Radio Galega

19 Xullo 2010

Autores,Entrevistas,Radio,Traducións,Xerais_nos_medios

Aquí se pode escoitar a entrevista que Ana Romaní realizou a Jonathan Dunne con motivo da publicación da Anthology of Galician Literature.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A música de «Settecento»

1 Maio 2010

Música,Narrativa,Radio,Xerais_nos_medios

«lg3», o espazo literario de culturagalega.org tivo a idea brillante de publicar a que podería ser a «banda sonora» de Settecento, a novela que este serán presenta na Feira do Libro de Compostela Marcos Calveiro.

De Vivaldi e Bocherini a Coltrane e Neil Young. Detrás de Settecento, a última novela de Marcos Calveiro, agóchase moita música, e non toda está presente nas páxinas desta intriga histórica. De Venecia a Compostela, as grandes capitais europeas do século XVIII son escenarios dunha trama na que o autor de Festina lente emprega a estrutura dunha sinfonía para nos falar dos últimos anos de Vivaldi. Luthiers, músicos, personaxes históricos, Venecia e Compostela danse cita nestas páxinas. Agora, o autor achéganos unha selección de temas que están presentes na novela ou que tiveron un papel na elaboración da mesma.

De seguido, ofrecémosche a banda sonora de Settecento, seleccionada e comentada por Marcos Calveiro para culturagalega.org. Podes escoitala completa nesta lista de reprodución de Spotify ou ben de xeito individual en cada corte ao carón de cada comentario de Calveiro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

IVº Premio Diario Cultural de Teatro radiofónico, entrega de premios en Ourense

15 Abril 2010

Noticias,Premios,Radio,Teatro

Hoxe, xoves, 15 de abril, a partir das 20:00 horas, no Teatro Principal de Ourense celebrarse a gala de entrega do IVº Premio Diario Cultural de Teatro radiofónico organizado pola Radio Galega. No acto presentarase o libro cedé, editado por Xerais, que inclúe tres pezas, Indoor de Vanesa Martínez Soutelo, gañadora do Premio do Xurado; O vento da illa de Begoña García Ferreira, gañadora do Premio da Audiencia; e Nunca me esquecerei de ti de David Rodríguez Rodríguez, finalista.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Suso de Toro será entrevistado o martes en «Hoy por Hoy»

5 Abril 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Radio

Suso de Toro sera entrevistado por Carles Francino mañá, martes 6 de abril, a partir das 10:30 horas, dentro do programa «Hoy por Hoy» da Cadea SER. A entrevista coincide co inicio do lanzamento das edicións en castelán de Sete palabras e Trece badaladas, publicadas por Alianza Editorial.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Cid Cabido fala no «Diario Cultural» da Radio Galega

17 Febreiro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Radio,Xerais_nos_medios

Cid Cabido mantivo unha conversa cos responsables do «Diario Cultural» da Radio Galega (pode escoitarse aquí) a raíz da publicación d’ Unha historia que non vou contar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Convocado o IVº Premio «Diario Cultural» de Teatro Radiofónico

25 Novembro 2009

Noticias,Premios,Radio,Teatro

Acabamos de coñecer as bases do IVº Premio «Diario Cultural» de Teatro Radiofónico, organizado polo «Diario Cultural» da Radio Galega e o Centro Dramático Galego, co patrocinio de AGADIC. Un premio que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato do teatro radiofónico.

Como en nas tres edicións anteriores, outorgaranse dosuspremios, un do Xurado e outro da Audiencia, dotados cada un deles con 3.000 euros. As obras seleccionadas polo xurado eitiranse na Radio Galega e editarase un libro-cedé cos textos finalistas.

As obras participantes deberán facerse chegar por correo, antes do 31 de decembro de 2009, ao seguinte enderezo: Radio Galega. Diario Cultural. «IVº premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico», San Marcos. 15820 Santiago de Compostela.

O texto completo das bases pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Prostitución: clientes e outros homes"

27 Xullo 2009

Entrevistas,Radio,Socioloxía,Universitaria,Xerais_nos_medios

XG00164301Aquí pode escoitarse a conversa que os responsables do Diario Cultural da Radio Galega mantiveron coas sociólogas Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire, autoras da investigación recollida no libro Prostitución: clientes e outros homes.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Juan Blanco Valdés no «Diario Cultural»

1 Maio 2009

Entrevistas,Monografías,Radio,Xerais_nos_medios

juan_illa_arousaAquí pode escoitarse a entrevista que no Diario Cultural de Radio Galego fixeron a Juan Blanco Valdés, autor Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevistas aos gañadores dos Premios da Crítica

20 Abril 2009

Entrevistas,Narrativa,Poesía,Premios,Radio,Xerais_nos_medios

Aquí poden escoitarse as dúas entrevistas emitidas hoxe no Diario Cultural da Radio Galega con Chus Pato e Marcos Calveiro, gañadores dos Premios da Crítica 2008.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Espazo radioescénico: entrega do IIIº premio de Teatro Radiofónico

19 Abril 2009

Noticias,Premios,Radio,Teatro,Xerais_nos_medios

tr2-320x2001xg00166201Aquí pode escoitarse a hora de radio e teatro na radio, celebrada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña,  na que se entregou o IIIº Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. O libro cedé, que inclúe a peza gañadora, Peter Buckley de Rubén Ruibal e César Candelas, e as dúas finalistas Servizo de Urxencias de Paula Carballeira e O xou mas gou on de Eva Ferreira, estará nas librarías ao longo deste vindeira semana.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premio «Diario Cultural» de Teatro Radiofónico

13 Abril 2009

Noticias,Premios,Radio,Teatro

ImprimirO vindeiro mércores, 15 de abril, ás 20:30 horas, celebrarase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a gala de entrega da IIIª edición do Premio «Diario Cultural» de Teatro radiofónico. Será entón cando Rubén Ruibal e César Candelas reciban o premio por Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley, peza protagonizada polo boxeador britano Peter Buckley,un eterno perdedor. Esta peza foi a gañadora tanto no premio outorgado polo xurado como polo público. Dotados ambos premios con 3.000 euros, Xerais presentará na gala o libro-CD que  incluirá tanto a peza gañadora como as obras finalistas, O xou mas gou on de Eva Ferreira e Servizo de información de Paula Carballeira.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais, novidades de abril

7 Abril 2009

Crónica,Fóra_de_colección,Infantil,Merlín,Narrativa,Noticias,Radio,Teatro

xg00152001Neste mes, o abril dos libros, Xerais poñerá nas librarías once títulos.

Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas O’ Salto do Can de Jorge Llorca e Tempo de centeo de Xosé Fernández Ferreiro.

Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.

En colaboración coa Radio Galega e AGADIC o disco libro do IIIº Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.

En Xerais Crónica, Galicia solidaria, obra coordinada por Xulio Ríos e Carlos Teijo, membros do IGADI.

En Xerais Manuais Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés, que será presentado, o 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro.

xg00154401Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de choiva de Ánxela Gracián, ilustrado por Daniel Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé TomásDona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.

Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley», Premio Teatro Radiofónico

26 Marzo 2009

Noticias,Premios,Radio,Teatro

nota300_233799Rubén Ruibal e César Candelas foron os gañadores do IIIº Premio de Teatro Radiofónico «Diario Cultural« pola súa obra Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley, protagonizada polo boxeador britano peter Buckley,un eterno perdedor. A peza foi a gañadora tanto no premio outorgado polo xurado como polo público. Dotados ambos premios con 3.000 euros, Xerais editará a peza nun libro-CD que tamén incluirá as obras finalistas, O xou mas gou on de Eva Ferreira e Servizo de información de Paula Carballeira. O xurado, –formado por Cándido Pazó, Cristina Domínguez, Flor Maceiras, Camilo Franco e Ana Romaní–  destacou que a historia de Peter Buckley «emprega pautas do xénero negro, convertendo o relato nunha translación radiofónica dun ambiente cinematográfico» e con «personaxes ben perfilados». O premio será entregado o 15 de abril nunha gala, que se desenvolverá no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e na que será presentado o libro cedé. Entrevista cos autores en Galicia hoxe.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xelís de Toro entrevistado no «Diario Cultural»

24 Marzo 2009

Entrevistas,Narrativa,Radio,Xerais_nos_medios

xg00139401Aquí pode escoitarse a entrevista con Xelís de Toro emitida hoxe no «Diario Cultural» da Radio Galega con motivo da aparición de Riofero.

Chuzame! A Facebook A Twitter

F.X. Fernández Naval no «Diario Cultural»

21 Marzo 2009

Entrevistas,Narrativa,Radio,Xerais_nos_medios

fernandez-naval-300x229F.X. Fernández Naval, autor de Para seguir bailando, foi entrevistado onte no Diario Cultural da Radio Galega. Aquí pódese escoitar a entrevista.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Experiencia de animación á lectura en Radio Tui

5 Marzo 2009

Animación á lectura,Infantil,Merlín,Narrativa,Noticias,Opinións_lectores/as,Radio

fourseasons_logoDende o pasado mes de xaneiro alumnado do 3º ciclo de Educación Primaria do Colexio Público Pazos de Reis de Tui desenvolven durante as mañás dos martes un programa de animación á lectura na Radio Municipal de Tui. Os alumnos e alumnas analizan un libro, realizan unha pequena reseña do autor e recomendan a súa lectura.

Premendo en cada título podemos escoitar os programas dedicados a Cidades de Fran Alonso, A rebelión dos coellos máxicos de Ariel Dorfman, A lagoa das nenas mudas de Fina Casalderrey e Mal de escola de Daniel Pennac (programa no que participaron dous profesores do centro).

Os nosos parabéns ao alumnado participante e á comunidade educativa de Pazos de Reis por tan fermosa iniciativa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Jaureguizar entrevistado polo «Diario Cultural»

13 Febreiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Radio,Xerais_nos_medios

jaure-320x200jpegJaureguizar, autor d’ O Globo de Shakespeare, foi entrevistado hoxe no «Diario Cultural» da Radio Galega. A entrevista pode escoitarse aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter