Consulta a unidade de mostra do novo «Libro en rede» de Xerais para Lingua e Literatura de 2º da ESO

23 Maio 2012

Didáctica,Educación,Libros_texto_ESO,Libro_electrónico,Libro_en_rede,Noticias,Novidades


Tal e como informamos onte, Xerais preparou para o vindeiro curso 2012/2013 o «Libro en rede», un innovador modelo de educación dixital para a área de Lingua e literatura de 2º de ESO.

Nestes momentos xa se pode consultar na web da editorial unha unidade completa de mostra, que dá idea do espírito da proposta, unha proposta que recolle tanto a experiencia de trinta anos na confección de materiais curriculares impresos para a aprendizaxe da lingua e literatura como as posibilidades de interactividade das actuais utilidades hipertextuais.

A proxecto de «Libro en rede» foi deseñado, desenvolvendo unha proposta curricular idéntica aos nosos materiais impresos de 2º de ESO, para ser utilizado polos centros participantes no programa ABALAR, con especial atención a aqueles que experimentan con contidos dixitais interactivos.

Se desexa recibir máis información sobre o proxecto «Libro en rede» de Xerais, non dubide en contactar con nós: xerais@xerais.es

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novidade: «O misterio do Faro Vello», de Fina Casalderrey, unha historia sorprendente

Infantil,Novidades,Sopa de Libros

O misterio do Faro Vello, de Fina Casalderrey, ilustrado  por Manolo Uhía é unha das novidades da colección Sopa de Libros.

Lorena e os seus amigos queren descubrir a orixe das misteriosas bólas de luz que, como pompas de xabón xigantes, flotan sobre o Faro Vello de cando en vez, sen que ningunha persoa maior semelle reparar nelas. O que non imaxinan é que hai un rapaz na vila disposto a evitar que desvelen o enigma, aínda que teña que empregar os medios máis perversos para conseguilo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O «Libro en rede» de Xerais

22 Maio 2012

Didáctica,Educación,Libros_texto_ESO,Libro_electrónico,Libro_en_rede,Lingua,Noticias,Novidades,Vídeos

Xerais propón para o vindeiro curso 2012/2013 un innovador modelo de educación dixital para a área de Lingua e literatura de 2º de ESO, o «Libro en rede».

Unha proposta que recolle tanto a experiencia de trinta anos na confección de materiais curriculares impresos para a aprendizaxe da lingua e literatura como as posibilidades de interactividade das actuais utilidades hipertextuais. Desenvolvendo unha proposta curricular idéntica aos nosos materiais impresos de 2º de ESO, foi deseñado para ser utilizado polos centros participantes no programa ABALAR, con especial atención a aqueles que experimentan con contidos dixitais interactivos.

Axiña poderá consultarse na web da editorial unha unidade completa de mostra. Se desexa recibir máis información sobre o proxecto «Libro en rede» de Xerais, non dubide en contactar con nós: xerais@xerais.es

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novidade: «Trampa de luz», de Agustín Agra. Unha novela de medo e fantasía

Fóra de Xogo,Novidades

Trampa de Luz, de Agustín Agra, é unha das novidades da colección Fóra de Xogo.

Unha das actividades favoritas de Irene é sacarlle fotos a canto animal ou planta atopa para logo tratar de recoñecer a súa identidade. É unha experta en fotografar avelaíñas cunha trampa de luz. Sabe que para collelas debe pórlles unha fonte luminosa e un pouco de auga azucrada e logo agardar a que as presas acudan ao reclamo. A presenza na vila do tanxedor de campás provocou que ocorrese algo fóra do normal. Co son das badaladas apareceron na praza uns paxaros de plumaxe maxestosa, unha especie descoñecida da que Irene non atopou referencia ningunha cando consultou nas guías de aves da biblioteca do seu pai, un territorio ideal para osmar nos segredos. Mais non será ese o único acontecemento estraño e inquietante que sucederá na vila. Algo inexplicable ocorre cos animais. Unha novela de medo e fantasía, na liña das mellores historias de H. P. Lovecraft, sobre a estremecedora procura dun segredo aniñado nas tebras da noite.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novidade: «As meigas de Lupa», de María Solar. Unha emocionante novela de intriga

18 Maio 2012

Fóra de Xogo,Novidades,Xuvenil

As Meigas de Lupa, de María Solar, é unha das novidades da colección Fóra de Xogo.

María colleu un avión a Santiago de Compostela, onde a esperan os seus curmáns Pablo e Martiño, para pasar unha semana de vacacións coa avoa Berta. Unha sorpresa agarda aos tres rapaces na casa de Santa Cruz de Ribadulla: deberán compartir a estancia con varias amigas da avoa, que veñen participar nun congreso de meigas. Tras a desaparición dunha vella chave da avoa e tras a presenza daquelas mulleres agóchase a historia dun segredo milenario, que foi gardado xeración tras xeración, que pasou de bocas a oídos, unha e outra vez, e que nunca se contou a quen non era merecedor de sabelo. Unha emocionante novela de intriga no século XXI. Unha trepidante viaxe no tempo á Galicia castrexa do primeiro século, cando chegaron aos territorios da raíña Lupa uns estranxeiros que traían o corpo do Apóstolo Santiago desde a afastada Palestina.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novidade: «Un niño no xardín», de Xoán Neira: un xardin de versos

Infantil,Novidades,Sopa de Libros

Un niño no xardín, de Xoán Neira, con ilustracións de Ánxeles Ferrer, é unha das novidades de Sopa de Libros.

Un niño no xardín dirixe unha ollada pausada e contemplativa a un xardín de versos que muda co paso das estacións, onde as flores cantan e falan as fontes; os paxaros sorrín e o xardineiro sementa palabras para recoller poemas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Proxecto de Xerais para a Diversificación Curricular na ESO: Ámbito Lingüístico-social 1 e 2

16 Maio 2012

Libros_texto_ESO,Novidades

Diversificación Curricular: Ámbito Lingüístico-social 1 e 2

O proxecto Xerais para Diversificación Curricular ESO: Os libros están formados por 6 unidades didácticas (que inclúen os apartados de Comunicación, Lingua e literatura galegas, Ciencias sociais e Lengua y literatura castellanas).
En cada unidade trabállanse as distintas materias, diferenciadas por cores, que compoñen o ámbito: Comunicación, Lingua e literatura galegas, Ciencias sociais e Lengua y literatura castellanas.
Comunicación. O bloque de Comunicación está organizado arredor dos seguintes apartados: Comprensión e expresión (lecturas para traballar a comprensión lectora e propostas de expresión escrita)e Tipoloxía textual (contidos vinculados á lectura inicial relacionados co traballo de tipoloxía textual).
Lingua e literatura galegas. Consta dos seguintes apartados: Gramática, Ortografía e Léxico (contidos e actividades da s ferramentas necesarias para adquirir as destrezas lingüísticas) e Literatura(aborda o estudo da literatura galega de forma cronolóxica desde a Idade Media ata o Rexurdimento, no nivel 1, e dende o XIX á actualidade, no nivel 2).
Ciencias sociais. Os contidos de Ciencias sociais preséntanse nun ámbito xeral para concretarse nun ámbito máis próximo. No nivel 1 trátanse os contidos de Xeografía e no 2, os de Historia.
Lengua y literatura castellanas. Consta dos apartados: Gramática, Ortografía e Léxico (contidos e actividades das ferramentas necesarias para adquirir as destrezas lingüísticas) e Literatura (aborda o estudo da literatura castelá de forma cronolóxica desde a Idade Media ata o século XVIII, no nivel 1, e dende o século XVIII á actualidade, no nivel 2).

AUTORAS:
Ana María del Pino Solana
Dolores Gómez Regalón

Máis información no Folleto en pdf adxunto.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Reeditado «Aire negro», de Agustín Fernández Paz, na colección Narrativa

Narrativa,Novidades

Xa está nas librerías a reedición, na colección Narrativa, de Aire negro, de Agustín Fernández Paz.

Cando o doutor Vítor Moldes comeza a traballar na clínica psiquiátrica Beira Verde, ten como primeira paciente a Laura Novo, unha muller coa memoria borrada, que ocupa as horas do día en escribir de xeito compulsivo o seu nome, aferrada a el coma se fose o único resto dalgún naufraxio emocional. Mediante unha terapia innovadora, o doutor consigue que a paciente abandoe a súa prisión interior e comece a lembrar o seu pasado. «Escríbao todo, reviva outra vez o que pasou. Escriba o que non é capaz de expresar con palabras en voz alta. Así irán collendo sentido as lembranzas que agora permanecen enmarañadas na súa memoria.» O doutor conseguirá que Laura rememore todo o que lle sucedeu nos meses anteriores, cando unha escura sombra parecía ameazar a súa vida. Ningún dos dous podía imaxinar que lle estaban abrindo a porta a unha realidade terrible, ao esqueceren que por baixo da tranquilizadora superficie da vida os terrores máis fondos agardan a ocasión propicia para destruírnos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novidade: «15.724», de Xesús Constela, unha novela de enorme poder metafórico

14 Maio 2012

Narrativa,Novidades

Xa está nas librerías a novela novela de Xesús Constela, que publica Xerais co título 15.724.

Cun enorme poder metafórico, 15.724, unha magnífica novela de Xesús Constela, trasládanos a unha Patria «asentada no lombo dunha ave durmida» que está presidida pola figura do Gran Mariscal e ten como símbolo intocable o armadillo da súa bandeira. A través dunha narrativa distanciada que nos amosa unha xeografía dominada polas Leis do Libro dos Protocolos, o código que «ditaba as pautas, contaba e clasificaba o tempo, sinalaba a velocidade, deseñaba metas e marcaba obxectivos», imos coñecendo esa Patria, na que se desencadea a traxedia de toda unha familia. En Vila Estrelecida, Mamá Monte coida dos seus netos Samuel R., Nube e Gordo. A partir da morte de Nube, o seu xemelgo, Gordo, cae nun estado de aletargamento que cambiará o destino da súa vida e obrigará a Samuel R. a afrontar unhas circunstancias terriblemente difíciles. E mentres Leo K. vai publicando na Gaceta do Val unha serie de artigos de opinión que marcan as pautas da boa ética dos habitantes da Patria, Gordo convértese no centro de atención de todas as olladas. Que pode facer Samuel R. para deter o reloxo e axudar o seu irmán?

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Formación e Orientación Laboral»: proxecto de Xerais para o curso 2012/13 Coñéceo!

Libros_texto_ciclos_formativos,Novidades

PROXECTO XERAIS PARA FORMACIÓN E ORIENTACIÓN LABORAL

(Novidade Curso 2012-2013)

CONTIDOS ADAPTADOS Á NOVA NORMATIVA LABORAL

O módulo de Formación e Orientación Laboral (FOL), catalogado como de carácter especial pola Lei Orgánica de Educación, forma parte do currículo de todos os ciclos formativos que integran a Formación Profesional regrada. Todos os alumnos e alumnas que pretenden converterse en futuros profesionais deben recibir unha formación básica xeral con independencia do seu perfil profesional. Deberán coñecer os seus dereitos e deberes como traballadores por conta allea, recibir formación básica en prevención de riscos laborais e adestrarse nas técnicas de busca de emprego que posibiliten a súa inserción laboral.
O currículo do módulo é común en todos os ciclos de Formación Profesional regrada, con independencia das cualificacións profesionais que se poidan adquirir coa obtención de cada título, e esta circunstancia posibilita a súa validación académica cando un alumno ou alumna superou este módulo noutro ciclo formativo, xa sexa de grao medio ou superior. Isto supón unha importante novidade no deseño curricular establecido pola LOE para este módulo.
O proxecto educativo de Edicións Xerais de Galicia para Formación e Orientación Laboral, ofrece uns contidos totalmente adecuados ao Deseño Curricular Base establecido por decreto da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, documento que foi manexado tamén para a elaboración da proposta didáctica. Ademais, os datos están actualizados con respecto á nova normativa laboral.
O libro do alumnado estrutúrase en 15 unidades didácticas onde se desenvolven en profundidade os contidos cunha presentación visual, moi clara, e cunha redacción sintética que facilita a comprensión por parte do alumnado. Ademais, proporciónase información adicional, casos prácticos resoltos e actividades de avaliación dos coñecementos adquiridos.

Descarga un folleto sobre o libro.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

A «Poesía completa», un renacemento para Valentín Paz Andrade

11 Maio 2012

Clásicos,Novidades,Poesía

Manuel Bragado, director de Xerais, comenta en Brétemas a chegada da imprenta da Poesía completa de Valentín Paz Andrade e a importancia que ten a publicación deste libro.

 

A poesía de Valentín

Chegaron os primeiros exemplares da Poesía completa de Valentín Paz Andrade, un groso volume (752 páxinas), preparado por Gregorio Ferreiro Fente, que triplica a obra poética publicada de Valentín. Sei que chegamos moi xustos á celebración do 17 de maio, mais tamén son consciente da importancia desta publicación que supón un auténtico renacemento para un poeta, ademais dunha das achegas e recuperacións máis significativas deste ano Paz Andrade, xa que até agora, mesmo para as persoas mellor informadas fora autor de tres poemarios e un pequeno monllo de composicións dispersas en xornais e revistas. A extraordinaria edición de Fente, unha proeza polo pouco tempo do que dispuxo, reconstrúe cronoloxicamente o itinerario poético de Paz Andrade dende o sue primeiro poemario do desterro (1937) até o Canto en catro ao Conde de Andrade (1985), de xeito que por vez primeira se publican os seus dez libros completos, ademais de dez poemas soltos, catro deles inéditos, ademais de dous libros fragmentarios como apéndice. Unha edición valiosa que permite descubrir a un poeta sólido que mantivo con empeño a súa escrita de forma ininterrompida ao longo de cinco décadas. Como sinala no limiar Gregorio “Valentín Paz Andrade non foi un avogado e home de negocios que pretendera pasar por poeta. Foi realmente un poeta que se fixera avogado e home de negocios”. O 17 celebramos merecidamente a un poeta.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xesús Constela, con «15.724» e Agustín Fernández Paz con «Aire negro» protagonizarán as próximas novidades de Narrativa

9 Maio 2012

Narrativa,Noticias,Novidades

As próximas novidades de Narrativa chegarán as librerías ao longo da vindeira semana, coa publicación de dous títulos e autores relevantes: Xesús Constela e Agustín Fernández Paz.

A primeira das novidades titúlase 15.724, de Xesús Constela, e é unha novela cun enorme poder metafórico que nos traslada a unha Patria «asentada no lombo dunha ave durmida» e presidida pola figura do Gran Mariscal.

A segunda é unha reedición, na colección Narrativa, de Aire negro, de Agustín Fernández Paz, que ata o de agora estaba publicada en Fóra de Xogo, e relata as pescudas no pasado dunha paciente do doutor Vítor Moldes no psiquiátrico Beira Verde.

A maiores dos dous libros que están a piques de saír este mes de maio, de Xesús Constela e Agustín Fernández Paz, e logo da recente publicación na colección Narrativa das novelas As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, e de Iria, de Anxo Angueira, a no próximo mes chegarán ás librarías outras dúas novas novelas.

As novas novelas irán asinadas por María Reimóndez (En vías de extinción), e por Manuel Lourenzo González (Alt), coa novela gañadora do Premio Blanco Amor 2011.

 

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novidades: «ruído de fondo», de Daniel Salgado. O poema como unha inscrición na época

27 Abril 2012

Novidades,Poesía

ruído de fondo, de Daniel Salgado, é unha das novidades da colección Poesía.

O poema é unha inscrición na época. Non renuncia ao rumor do mundo. Nin á violencia de todas as cousas. Pero é provisional, inútil, precario, tatexo, rebelde, desenfocado. ruído de fondo ensaia unha achega a consignar o nome e o enderezo dos criminais e aproxímase a este tempo salvaxe, ferido, cunha lingua rota. O poema funciona non como espello, senón como testemuño.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novidades: «O silencio», de Mario Regueira. Un punto de inflexión

26 Abril 2012

Novidades,Poesía

O silencio, de Mario Regueira, é unha das novidades da colección Poesía.

O silencio constrúese sobre a pausa que se crea entre dous bombardeos, no lugar no que a realidade se converte en distorsión e se borran os límites entre as palabras e o que designan realmente. É ademais unha xeografía tridimensional das guerras, cartografa a planicie na que se enfrontan os estados cos seus exércitos e descende aos abismos nos que os pobos, as minorías e as clases populares libran a súa particular batalla contra estes, espazos onde as fronteiras non existen ou se configuran dun xeito completamente diferente. O autor concibe este libro como unha estrema da súa propia produción poética, un punto de inflexión que deixa o camiño da súa escrita tocado e todas as posibilidades abertas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novidades: «As rapazas de Xan», de Manuel Iglesias Turnes. Unha historia de amor na pobreza dunha aldea da posguerra

24 Abril 2012

Narrativa,Novidades

As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, é unha das novidades da colección Narrativa.

De malla a malla desenvólvese a historia de amor, protagonizada por Carmela e Manuel durante os difíciles anos da posguerra en Cabanelas. Mais tamén é esta unha emocionante novela coral na que se describe o complexo tecido de relacións que compoñen a vida dunha aldea, marcada pola pobreza e a miseria, pola forte presenza da Igrexa que exerce unha notable influencia na vida cotiá, e pola ausencia de futuro na propia terra, cando a saída máis favorable para os seus habitantes máis novos é a emigración a Montevideo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Galicia como tarea, de Valentín Paz Andrade», reedición facsímile

23 Abril 2012

Noticias,Novidades

Manuel Bragado, director de Xerais, publica hoxe no Faro de Vigo un artigo sobre a reedición facsímile, en Xerais, de Galicia como tarea, o emblemático ensaio de Valentín Paz Andrade.

Galicia como tarea

Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro e co aniversario do nacemento de Valentín Paz Andrade este 23 de abril preséntase en Vigo a edición facsímile de Galicia como tarea, o libro alboral dos estudos socioeconómicos galegos, publicado en 1959, ao coidado de Luís Seoane, polas Ediciones Galicia do Centro Galego de Buenos Aires. Para Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, “é o grande manifesto político e económico do nacionalismo progresista”. Para Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, autor do brillante estudo introdutorio da nova edición de Xerais, “é un libro singular e pioneiro, que se adianta ao seu tempo, xa que combina a análise estatística precisa cunha concepción global e mesmo cultural de Galicia, entendida como ‘ser enterizo’ que precisa deseñar un destino. Esta é a ‘tarea’. […] Non hai lamentación nin doadas culpabilizacións, senón unha apelación clara á responsabilidade colectiva e á capacidade das elites para deseñar ese futuro como un destino” .

A orixe do texto de “Galicia como tarea” estivo nas conferencias que Paz Andrade pronunciou en Buenos Aires en 1957 sobre economía e cultura galega, cando fóra convidado polo Centro Galego con motivo das Xornadas Patrióticas do 25 de xullo. Intervencións que, en boa medida, compuxera na cadea da rúa do Príncipe durante os trinta días do mes de xuño que pasou preso por unha “leve falta de ligera irrespetuosidad a la autoridad de Marina”, pena que se lle aplicou por apenas catro liñas publicadas na revista Industrias Pesqueras, da que era director, en setembro de 1956 nas que se daba conta do cesamento dun comandante de Mariña. Non fora esa a primeira ocasión na que Valentín visitou as celas de Príncipe por problemas coa censura ou coas autoridades gobernativas. En 1924, xa pasara 15 días, tras negarse a pagar dúas multas de 250 pesetas por senllos artigos (“El tren del Pirineo” e “Justificando nuestro silencio”), que publicou no xornal “Galicia” opoñéndose ás ideas de reforzar as comunicacións só con Madrid e defendendo a construción dunha liña de ferrocarrril que unise Galicia coa fronteira francesa, o que permitiría converter o porto de Vigo en cabeceira de Europa.

Paz Andrade pretendía con Galicia como tarea presentar á comunidade galega en Arxentina unha nova interpretación de Galicia con fundamento económico, que desmontase moitos dos prexuízos existentes sobre o país e achegase argumentos para enxergar un futuro de prosperidade. Con esta intención, recaba os datos estatísticos dispoñibles (o título do manuscrito foi Galicia en números vivos) que lle permiten ofrecer diagnósticos novidosos de cuestións fulcrais como a estrutura da produción agraria ou as orixes do fenómeno migratorio, ao tempo que propoñer un horizonte de industrialización baseado no que denomina “meridiano da auga”, sexa a produción de enerxía hidroeléctrica ou fose o aproveitamento dos recursos pesqueiros e o desenvolvemento das industrias marítimas. Ademais, Valentín propón de forma tamén pioneira artellar en Galicia unha ligadura entre economía e cultura, dedicando especial atención ao papel do idioma galego, unha das catro linguas atlánticas que se estende aos catro continentes, o que para el nos permite unha capacidade de comunicación única, extraordinaria, cos millóns de persoas que falan portugués ou castelán.

A pesar das cinco décadas transcorridas dende a súa primeira publicación, o enfoque político de Galicia como tarea mantén a súa vixencia. O chamamento de Paz Andrade a asumir a corresponsabilidade colectiva, a abandonar calquera tipo de conformismo retórico e pasar á acción, a crear unha linguaxe nova sobre problemas vivos, a traballar pola renovación constante das ideas e dos xeitos de “facer e refacer todos os días o país” son hoxe ideas imprescindibles para recuperar o pulo perdido no proceso de construción nacional de Galicia. Cando vivimos un momento de emerxencia, derrotados polo conformismo centralista, cando sofrimos unha brutal sangría demográfica, cando a nosa mocidade volve emigrar de forma masiva, cando soportamos as taxas máis altas de desemprego da nosa historia ven ao caso recuperar as palabras de esperanza coas que Valentín Paz Andrade, o cabezaleiro do galeguismo inconformista que suma, remataba en 1931 un artigo n’ A Fouce: “Hai pois, un labor inaprazable, a loita e a capacitación á vez, que reclama o esforzo dos homes galegos. Unha xesta histórica que non pode ser eludida. Que todos veñan á obra con fe, cheos de azos e optimismo, mais con afán de crear, con inquedanza de traballo, con anceios de facer, aínda que sexa desfacendo”. O futuro de Galicia construímolo nós. Galicia continúa sendo a nosa ineludible tarefa.

Manuel Bragado

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Iria», a nova novela de Anxo Angueira, estará nas librarías a próxima semana

20 Abril 2012

Narrativa,Novidades

A nova novela de Anxo Angueira, titulada Iria, é unha das novidades que estará nas librerías a próxima semana. Anxo Angueira foi Premio Xerais en 1999 con Pensa nao.

Continuando no ronsel de Pensa nao, esta nova novela de Anxo Angueira lévanos agora a fins dos sesenta, ós anos en que se organiza a primeira resistencia activa antifranquista. E lévanos a bordo dun pequeno galeón a vela que lle dá o título, Iria, e que se converte no grande protagonista. As súas travesías pola Arousa e as súas remontadas polo Ulla, descritas co léxico náutico aínda vivo, parecen ás veces concibidas como unha dura proba de resistencia, de escritura e de lectura, na que o autor e o lector viven embarcados. Entretecido coas viaxes do galeón, o traballo na construción dun canal de regadío funciona como contrapunto obreiro e labrego que contrapesa o protagonismo do mundo mariñeiro. Pero tamén é toda unha metáfora social e política da época. Cosendo tódolos fíos, as entremesturadas historias de afogados semellan unha memoria polifónica do Ulla e mais da Arousa. Concibida e escrita sen concesións, Iria é un poderoso exercicio literario que nos leva a bordo, coma en Manoel Antonio, e nos emproa cara a horizontes nunca antes navegados. Unha novela memorable, un fito na narrativa galega contemporánea.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novidade: «A Torre das Lavercas», de Daniel Ameixeiro, na colección Merlín

13 Abril 2012

Infantil,Merlín,Novidades

A Torre das Lavercas, de Daniel Ameixeiro, é unha das novidades de Merlín para os lectores infantís.

A Torre das Lavercas era unha casa cunha cheminea moi grande e papá puxéralle ese nome porque había moitos niños de lavercas nos arredores. Eu tiña seis anos cando marcharamos dela, e dende aquela xa cambiaramos de casa outra vez máis. Agora estábamos a recoller as cousas para outro novo cambio, iamos a outro barrio da cidade. Xa na nova casa, o meu pensamento aquela primeira noite ía unha e outra vez á Torre das Lavercas; necesitaba volver, era coma se nela houbese algo importante para min. Ao final meu pai levoume ata a Torre. O meu cuarto seguía igual, pero algo xurdiu en min, supoño que había dores que levaba moi dentro e que necesitaba botar fóra, e comecei a chorar. Foi entón cando escoitei aquela voz: —Por favor, non chores. Un calafrío percorreu o meu corpo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novidade: «Valentín Paz Andrade. Vida e obra», de Charo Portela

12 Abril 2012

Letras_galegas,Novidades

Estes días está a chegar ás librerías Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela, un interesantísmo achegamento biográfico á vida de Valentín Paz Andrade.

Valentín Paz Andrade. Vida e obra pretende ofrecer un amplo percorrido pola vida do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2012 e pola súa inmensa obra. Xornalista e poeta, home de leis e político, economista, empresario, e persoa vencellada á política galeguista, Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1899 – Vigo, 1987) foi un loitador incansable cunha única tarefa: servir a Galicia desde todos os campos que abarcou o seu saber e o seu facer. A súa traxectoria vital foi de tal fondura que se converteu nun home clave na historia do século XX en Galicia e, segundo vai pasando o tempo, vemos medrar a súa verdadeira dimensión humana. Este libro explica e mostra a vida e a obra dun home que tentou sen acougo acadar o desenvolvemento da súa terra, tirar a Galicia da súa marxinación e que, tamén desde a utopía, traballou arreo tendo sempre Galicia como tarefa.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novidades: «Os fillos do mar» a novela de intriga coa que debuta o músico Pedro Feijoo

20 Marzo 2012

Narrativa,Novidades

Os fillos do mar, a novela coa que debuta o músico Pedro Feijoo, que foi finalista do Premio Xerais 2011, é unha das novidades que están a chegar estes días ás librerías. Unha novela para enganchar lectores cun marcado carácter de intriga.

Simón Varela é un mediocre arquitecto residente en Vigo. Un día recibe unha chamada dunha señora da alta sociedade viguesa, Isabel Llobet, para que lle faga unha reforma nunha fonte da súa propiedade, nun pazo de Canido. Aos poucos días de comezar a reforma, Simón atopa un cofre pechado. Simultaneamente, a señora, xa maior, morre en estrañas circunstancias. A partir de aquí, o arquitecto vese involucrado nunha intrigante trama na que tamén parece estar envolta a familia da muller morta. Novela de aventuras, novela de intriga, escrita con ton humorístico, a acción de Os fillos do mar condúcenos detalladamente a través do Vigo de hoxe, cidade que en boa medida protagoniza tamén a novela. Ao tempo, a trama cóbrese cun atractivo pano histórico que nos conduce ata 1702, na Batalla de Rande, aínda que deixa tamén os seus elos na Guerra Civil española e nos tempos do nazismo alemán. Os fillos do mar é unha novela trepidante, que viaxa constantemente no tempo para atopar as claves dun presente que o protagonista precisa desvelar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novidades: «Orlando pendurado», de Goretti Fariña, gañadora do «Premio III Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira»

16 Marzo 2012

Narrativa,Novidades

Orlando pendurado, de Goretti Fariña, é a novela gañadora do «Premio III Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira» 2011. A próxima semana chegará ás librarías.

A nove metros do chan e a sete do taboleiro onde escorregara dez minutos antes, o operario Orlando Valiñas planeaba na bruma da mañá. Pendurado dun incómodo arnés, que o unía á vida, pensaba en Alexandra, a compañeira que enchera a súa vida nos tres últimos anos. Orlando preguntábase como identificar os sinais que indican o modo de facer correcto na vida, a maneira de atopar o rumbo preciso para avanzar na boa dirección. Durante aquela situación límite, en boa medida froito do tempo de crise que vivimos, cruzáronselle na súa cabeza as decisións principais da súa vida, xusto cando se verá obrigado a tomar outra que orientará o seu futuro. Con Orlando pendurado, un protagonista argallante que principia namorado e remata furioso, a autora quixo trazar un relato entre existencial e costumista, cun resultado entre piadoso e retranqueiro.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Os fillos do mar»: unha historia de intriga con ambientación viguesa. A novela coa que debuta o músico e escritor Pedro Feijoo foi finalista do Premio Xerais

14 Marzo 2012

Blogs,Críticas,Narrativa,Novidades

Manuel Bragado, director de Xerais, comenta en Brétemas a lectura de Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, unha novela que estará nas librerías a partir da vindeira semana.

 

Os fillos do mar

Pasei boa parte da tarde lendo na novela coa que Pedro Feijoo debuta na narrativa galega. Tras o seu magnífico estudo sobre o xornal Galicia de Valentín Paz Andrade e Viva o Fu Remol!, o escritor e músico de Los Feliz e Lamatumbá ofrece unha novela trepidante sobre as pegadas da memoria na cidade de Vigo. Máis de catro centas páxinas dunha historia de intriga, escritas con grande elegancia e unha preciosa ambientación viguesa (nalgúns treitos chegou a emocionarme), nas que a historia dunha familia que procura atopar a súa identidade contribúe a facelo coa comunidade (un chisco desmemoriada) á que pertence. Os fillos do mar, finalista do premio Xerais de novela 2011, reivindica a volta da narración e o entretemento aos andeis das novidades da literatura galega. Un texto ben escrito, unha novela armada con solidez, un tema relevante, unha ambientación e documentación magníficas. Agardo que axude a incrementar o número de lectores e lectoras en galego nestes tempos de crise. Recoméndoa moi vivamente.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Dark butterfly», de Rexina Vega, é unha das novidades de Narrativa do mes de febreiro

23 Febreiro 2012

Narrativa,Novidades

Dark butterfly, de Rexina Vega, é unha das novidades de Narrativa do mes de febreiro.

A loucura como vivencia, a loucura como metáfora, como agudísima conciencia da dor de estar vivo. Esta é unha historia dura, triste, abrumadora, o relato da loita dunha corredora de marathon exhausta que procura o derradeiro alento para chegar á meta. Narrada nunha ambigua voz que camiña sobre o gume, que se amarra á linguaxe para non perderse, para exorcizar un mal que ameaza con esfarelar toda identidade, esta novela enfróntanos ao proceso da enfermidade mental como unha lenta e consciente deriva cara á escisión e a exclusión. Un literal descenso aos infernos ante o que a psiquiatría revela toda a súa impotencia. Dark butterfly é unha novela memorable, unha obra que deixa unha fonda pegada emotiva. A confirmación literaria dunha autora afouta que explora coa maior sutileza e profundidade unha das caras máis fráxiles e agochadas da condición humana.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Tras da Corda», de Carlos G. Reigosa, é unha das novidades de Narrativa do mes de febreiro

22 Febreiro 2012

Narrativa,Novidades

Tras da Corda, de Carlos G. Reigosa, é unha das novidades de Narrativa do mes de febreiro.

Estes relatos de Carlos G. Reigosa son unha realidade auténtica e constante.
Neles hai tensión narrativa, paixón levada ós límites, humanas cobizas e fraxilidades, temple de heroe ás veces…
Adivíñase ás claras o esforzo introspectivo do narrador, mentres vai burilando os personaxes e urdindo situacións, sen que a liberdade na inventiva estrague a coherencia ou a verosimilitude (…).
O narrador forxa unha prosa fluída de alta transparencia semántica, de autenticidade inobxectable.
VALENTÍN PAZ-ANDRADE

Admirable libro de narracións de Carlos G. Reigosa.
ÁNXEL FOLE

Libro de estilo directo no que Reigosa nos traslada á súa Corda natal para facernos copartícipes da vida e milagres duns personaxes que sen dúbida son os heroes e heroínas dunha mitoloxía tan persoal como entrañable e inesquecible.
ALFREDO BRYCE ECHENIQUE

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Catro amigos pillabáns», de Ramón Caride, novidade en Sopa de Libros

14 Febreiro 2012

Infantil,Novidades,Sopa de Libros

Catro amigos pillabáns, de Ramón Caride, é unha das novidades infantís da colección Sopa de libros.

A Manporquiño, Murrigato, Caracol Col e Murrato gustaríalles vivir aventuras como as dos personaxes das películas que ven no cine. E un día o seu desexo faise realidade. Grazas á aparición dun bastón máxico, iniciarán unha emocionante viaxe que os levará a cruzar o océano e chegar ata Australia, onde terán que atopar o xeito de regresar ás súas casas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Pan de ánimas», de Xoán Abeleira, unha das novidades de Poesía para o mes de febreiro

13 Febreiro 2012

Novidades,Poesía

Pan de ánimas, de Xoán Abeleira, é unha das novidades da colección Poesía para o mes de febreiro.

Pan de ánimas é unha ofrenda a todos os mortos: aos mortos que seguen vivos e aos vivos que existen mortos. Pan de ánimas é o son da moega que deita o sol da moenda. Pan de ánimas é a fariña do ollo que arela ver o seu ser. Pan de ánimas é o canto da roda que une o gran e a cinza. Pan de ánimas é un cántico á moa que ten a nada por centro. Pan de ánimas é estoutra maquía desa materia escura que chamamos poesía.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«transmuta», de Xabier Cordal, unha das novidades de Poesía do mes de febreiro

10 Febreiro 2012

Novidades,Poesía

transmuta, de Xabier Cordal, é unha das novidades da colección Poesía para o mes de febreiro.

A morte da nai é o punto de partida. Detrás da morte a mutilación da posguerra; a que incapacitou miles de corpos para comprender e xulgar a propia historia. Na viaxe que deliña este libro van confluíndo as palabras do pánico e do illamento, do silencio amoroso, as diversas caras da alienación, as do combate, e toman por fin terra. Logo de dez anos inédita, non deixamos de sentir a voz de Xabier Cordal: o brillo e a potencia da súa escrita xa o converteran nun dos nomes máis influentes na poesía galega do XXI. Abre transmuta unha porta azul ao tempo descoñecido, ao gume da intelixencia. E mostra a posibilidade de sermos libres, mesmo na época máis escura, cando se asume o poder de modificar todo discurso. De virar o corazón á herdanza.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Morgana a dos ollos verdes», de Pasqual Alapont, novo título do Club da Ciencia

9 Febreiro 2012

Infantil,Novidades,O Club da ciencia,Xuvenil

Morgana a dos ollos verdes, de Pasqual Alapont, novo título do Club da Ciencia.

Xa non sei como explicarllo á xente: non son a famosa Morgana, a fada de Merlín, senón Morgana, a dos ollos verdes. Acabo de comezar o terceiro trimestre do último curso de Primaria e xa vai sendo hora de decidir o que quero ser de maior. A avoa di que vou ser ministra, porque son moi espelida, pero iso é o que din todas as avoas. A min gustaríame ser xornalista deportiva, para poder entrar en todos os partidos de baloncesto. Aínda non teño mozo mozo, pero Berenguel escribiume unha cuarteta de amor. Non sei que pasa, pero cando nos atopamos, aos dous nos entra a desesperación amorosa e quedamos tesos coma un pau. A serie Morgana está formada polos títulos: O caderno laranxa de Morgana Quen lle ten medo a Morgana? Morgana a dos ollos verdes

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Vento galerno», de Antonio Yáñez Casal: novidade na colección Fóra de Xogo

8 Febreiro 2012

Fóra de Xogo,Novidades,Xuvenil

Vento galerno, de Antonio Yáñez Casal, é unha das novidades de Fóra de Xogo.

O vento e a corrente levaron mar adentro a chalana na que Miro quedou durmido. Cando espertou, o mozo comprendeu a súa situación de náufrago desorientado que, mentres agardaba ser rescatado, notaba o estómago máis e máis encollido. Tras dous días e as súas longas noites loitando contra a sede, cando preparaba a súa cana para unha nova lanzada, algo lle chamou a atención no horizonte. Aló, na parte máis baixa do ceo, confundíndose coas nubes, pareceulle ver terra. Aquilo fixo que Miro anovase a confianza no futuro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

As memorias de Xosé Fernández Ferreiro en «De Xente Nova a Brais Pinto», subtitulado «Memorias dun afiador rebelde», novidade da colección Crónica

6 Febreiro 2012

Crónica,Novidades

O libro de memorias De Xente Nova a Brais Pinto, subtitulado Memorias dun afiador rebelde, de Xosé Fernández Ferreiro, é unha das novidades da Colección Crónica do mes de febreiro.

A comezos da década de 1950 Xosé Fernández Ferreiro funda en Ourense, xunto a Víctor Campos e outros compañeiros, o efémero grupo literario Xente Nova, coa intención de «buscar camiños novos para unha Galicia sen complexos, máis aberta ó mundo e dona de si», como di o autor. En 1957, en Madrid, coñece a Méndez Ferrín e con outros traballadores e estudantes galegos crean o grupo Brais Pinto. Estes dous acontecementos enfían a narración de experiencias vitais do autor de Agosto do 36, que se converten nunha historia persoal da Galicia política e cultural da posguerra. «Brais Pinto foi un intento de poñer ó día a cultura galega nunha dirección de vangarda. Unha conxunción de intelixencias e sensibilidades que aspiraban a unha renovación total de Galicia, política, literaria e artística.» (X. L. Méndez Ferrín)

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O misterioso Dr. Saa», subtitulado «A historia do Conde de Waldemar, ilusionista, prestidixitador e telépata», novidade da colección Crónica

3 Febreiro 2012

Crónica,Novidades

O libro O misterioso Dr. Saa, subtitulado A historia do Conde de Waldemar, ilusionista, prestidixitador e telépata, de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán é unha das novidades de Crónica no mes de febreiro.

O misterioso Dr. Saa recupera a historia de Manuel Rodríguez Saa, un lucense de Portomarín que, no primeiro terzo do século XX, acadou sona internacional como ilusionista. Algúns dos persoeiros máis relevantes da súa época (da política, a cultura, a aristocracia) presenciaron as habilidades máxicas do Dr. Saa, tamén coñecido como Conde de Waldemar. O seu itinerario vital e profesional levouno polos confíns do mundo, sendo testemuña directa de boa parte dos relatos da historia do seu tempo e colleitando numerosos éxitos nos escenarios máis destacados. A través dos recordos de parentes e amigos do Dr. Saa, así como das múltiples referencias ás súas actuacións na prensa da época, Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán recompilaron a información necesaria para render con esta obra unha cumprida homenaxe á memoria e lenda do home e do artista.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A pomba dona Paz», de Ramón Caride e ilustrado por Pepe Carreiro, unha novidade da colección Merliño, que se presenta o Día Escolar pola Paz

25 Xaneiro 2012

Merlín,Novidades,Presentacións

A pomba dona Paz, de Ramón Caride e ilustrado por Pepe Carreiro, é unha das novidades do mes de xaneiro da colección Merliño. O libro será presentado o próximo 30 de xaneiro, Día Escolar pola Paz,  ás 12 horas na Escola Infantil A Pastora de Cambados. A información sobre o acto pode lerse no Diario de Arousa.

Dona Paz é unha pombiña que vive a rentes do ceo. Nunha casiña moi linda entre as torres dunha igrexa. En conto o día amañece vai pasear moi cediño, para ver que cousas pasan polas prazas e os camiños. O día 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar pola Paz en conmemoración da morte de Mahatma Gandhi, unha data que contribuíu nos centros educativos de xeito moi especial á difusión da Educación para a Paz. A pomba dona Paz é un relato concibido para que os lectores e lectoras máis novos participen tamén dos valores da construción pacífica da sociedade e da cidadanía democrática. Un libro que é un vieiro da esperanza cara a un mundo en paz e igualdade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os «Relatos de terror», de H. P: Lovecraft, un novo libro na colección Xabaril

24 Xaneiro 2012

Novidades,Xabaril,Xuvenil

A colección Xabaril acolle a reedición dun novo título, actualizado, entre as novidades de Xerais do mes de xaneiro: Relatos de terror, de H. P. Lovecraft.

Relatos de terror reúne oito contos de Lovecraft (“A tumba”, “Do máis alá”, “Herbert West, reanimador”, “O can”, “A ceremonia”, “El”, “A besta da cova” e “O alquimista”) que amosan como este xenial autor foi o inventor dun novo xénero, o conto materialista de terror, no que utiliza os símbolos que se manteñen no inconsciente das persoas para espertar eses terrores ancestrais que xacen dentro do noso cerebro. Trátase desa literatura de terror «cósmico» que se dirixe á parte máis fonda do cerebro, dominada polos instintos e emocións que están na orixe do xénero humano.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A illa do tesouro», de Stevenson, novidade do mes de xaneiro en Xabaril

23 Xaneiro 2012

Novidades,Xabaril,Xuvenil

A colección Xabaril acolle a reedición dun novo título, actualizado, entre as novidades de Xerais do mes de xaneiro: A illa do tesouro, de Stevenson.

Un mociño inglés do século XVIII vive e conta neste libro, clásico no seu xénero, unha aventura extraordinaria. Mesturados el e mais os seus amigos cunha grea de bucaneiros disfrazados de xente de ben, e norteados polo mapa que tirara o rapaz do cofre dun pirata finado na cativa pensión familiar, bótanse ao mar tras o engado do fabuloso tesouro soterrado por unha banda dos autodenominados cabaleiros de fortuna naquela afastada illa descrita no mapa. As peripecias de Jim Hawkins, do capitán Smollet, de John Silver o Longo e do resto dos tripulantes da Hispaniola significaron para varias xeracións non só a cristalización dos soños de mocidade de aventuras, senón tamén a realización literaria da ansia de escapismo que aniña en todo ser humano. Se ben a complexidade psicolóxica dalgúns personaxes, especialmente John Silver, amosa a característica preocupación de Robert Louis Stevenson pola ambigüidade moral das persoas, A Illa do Tesouro representa en estado puro a novela de aventuras na cal a procura mítica dun obxecto prezado actúa como móbil para a fuxida cara a escenarios exóticos onde a liberdade é posible.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Do Premio Xerais de Novela 2011 ao nacionalismo de Luís Soto, pasando polas tradicións galegas do Nadal. Repaso de novidades de D. Vilavedra

16 Decembro 2011

Críticas,Crónica,Narrativa,Novidades

Dolores Vilavedra realiza no suplemento Luces de El País o seu periódico repaso de novidades. Reproducimos os textos referidos aos libros de Xerais.

Extramunde, de Xavier Queipo

Tamén en capa dura chega a nós Extramunde de Xavier Queipo, un merecidísimo -xulgando sen saber cales foron as outras obras concursantes- Premio Xerais 2011. Con esta novela o autor demostra que a vontade de estilo non está rifada coa eficacia narrativa. Queipo é quen de enfiar unha historia que nos atrapa ata o final, que nos leva da Galicia inquisitorial ata Macao nunha viaxe marítima polos océanos Atlántico e Índico percorrendo terras remotas. Sendo como é unha novela de viaxes e de aventuras, Extramunde ofrécenos tamén un convite a tentar entender a nosa condición humana, a pescudar no que somos e en porque o somos, e a aceptar con humildade e afouteza o que hai nas nosas vidas de azar e continxencia. Organizada en catro partes, é na primeira delas, O santuario dos embruxados, onde Queipo acada as máis altas cotas de expresividade grazas a un singular e sobrio rexistro que agocha moitas horas de traballo na procura da palabra precisa. A partir de aí, a viaxe na nau dos tolos cobra outro ritmo, máis moroso, o da cotidianeidade dos periplos oceánicos, pero tanto ten: a lectora está xa entregada a personaxes e historia, e non hai volta atrás: avanza canda eles disposta a compartir o seu destino final, sexa este cal for.

O máis estraño, de Manuel Rivas

A edición en capa dura, cunha emocionante fotografía na portada, da contística completa de Manuel Rivas, baixo o suxestivo título de O máis estraño, é unha ocasión de ouro para obter unha visión de conxunto da produción de quen é xa un dos grandes contistas da historia da literatura galega. Organizada pola orde cronolóxica de aparición dos libros, bótase en falla unha maior minuciosidade editorial á hora de citar cando e onde se publicaron por vez primeira relatos como O partido de Reis, ou de explicar por que se despraza A barra de pan do seu lugar orixinal (formaba parte da primeira edición de Ela, maldita alma) a outra sección da colectánea. Estou a falar de miúnzas filolóxicas que non lle apoñen nada á obra para os lectores do común, pero que suporían un valor engadido pois cómpre non esquecer que Rivas é xa un clásico, aquén e alén nós, e como tal cómpre tratalo (polo menos de cando en vez….).

Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras

Para o público incondicional do policial, Diego Ameixeiras é un valor seguro, aínda que ás súas Historias de Oregón saiban a pouco, limitadas como están pola súa condición orixinal de seren pensadas como unha narración por entregas, que lle valería ao autor o Premio que La Voz de Galicia concede a este tipo de textos. Certa confusión no desenlace dalgunhas das tramas, e unha menor presenza dos achados que caracterizan adoito o estilo de Ameixeiras son os danos colaterais menores que o formato lle impón a este texto.

Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal, de Antonio Reigosa

Nadal é tempo de tradicións pero, como acontece noutras culturas, precisamos consolidar prácticas laicas que poidamos ir, ano a ano, convertendo en rituais. Unha das máis fermosas pode ser a lectura ou agasallo de libros navideños, deses tan ben editados que mesmo serven para decorar, e que podemos reler ano tras ano cos máis pequenos (ou non…) da casa. As editoras abren o camiño con dúas xoais: as Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal de Antonio Reigosa afonda nas orixes deste tempo mítico para ir achegándose aos costumes festivos de nós e poñer en evidencia, como lles dicía, que algunhas tradicións non o son tanto como cremos.

Luís Soto. A xeira pola unidade galega, de Xurxo Martínez González

E dende a nosa memoria colectiva, sepultada por tantas décadas de opresión e alienación, reaparece outra figura ben dispar, a de Luís Soto, sindicalista e figura destacada do nacionalismo galego de posguerra estudada por Xurxo Martínez González (outro xove investigador, deses que son presente certo e alentadora promesa de futuro) nunha documentadísima biografía (Luís Soto. A xeira pola unidade galega) chamada a ser dende xa unha obra de consulta imprescindible para o estudo da nosa historia máis recente.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Dicionario Xurídico Galego», un instrumento fundamental coordinado por Luciano Varela e Xosé X. Barreiro

25 Novembro 2011

Dicionarios,Novidades

O Dicionario Xurídico Galego, coordinado por Luciano Varela Castro e Xosé Xoán Barreiro Prado, é unha das novidades de Xerais do mes de Novembro.

O Dicionario Xurídico Galego recolle unha primeira e fundamental escolma de entradas (arredor de 2.000) nas que se presentan en galego normativo conceptos esenciais do Dereito, información crítica sobre a lexislación vixente en España e, de xeito especial, termos e institucións propias do Dereito Civil de Galicia. A obra foi redactada, baixo a coordinación de Luciano Varela Castro e Xosé Xoán Barreiro Prado, por 120 autoras e autores, organizados nas áreas de Dereito Administrativo, Dereito Civil común e de Galicia, Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Financeiro e Tributario, Internacional, Mercantil, Notarial e Rexistral, Penal, Procesual e Teoría do Dereito e Dereito Constitucional. Este Dicionario, coeditado por Xerais e a Xunta de Galicia, e que contou coa colaboración de Rexurga (Revista Xurídica Galega), pretende, en palabras de Luciano Varela, ser «útil para se entender entre eles, cando menos, os que traballan no ámbito xurídico, sen perda do significado especializado dos termos nin do sentido dos enunciados usados nos escritos e conversas».

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Fantasmas de luz», de Agustín Fernández, novidade do mes de novembro

Infantil,Novidades

Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz é unha das novidades do mes de novembro.

Desde hai trinta e cinco anos, Damián traballa como operador de cabina no mellor cine da cidade. Cando recibe a noticia de que a sala vai desaparecer e que todos os empregados serán despedidos, a súa vida experimenta un cambio extraordinario que tamén afecta a Marga, a súa dona. Dun xeito progresivo, os seus corpos comezan a se volver transparentes, invisibles aos ollos das persoas que viven ao seu redor. Empregando recursos da novela fantástica e combinando o suspense cunha delicada melancolía, Fantasmas de luz fálanos dun dos grandes dramas contemporáneos: o da exclusión e a invisibilidade a que se ve sometida unha parte da sociedade. Fantasmas de luz tamén quere ser unha homenaxe ao cine, tanto ás vellas salas que foron esmorecendo como ás grandes películas que, sen ser a vida mesma, «axudan a entendela e enchen de esperanza o corazón».

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Historias de Oregón», de Diego Ameixeiras, novidade do mes de novembro

24 Novembro 2011

Narrativa,Novidades

Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas, é unha das novidades de Narrativa do mes de novembro.

Diana Maroto, unha moza brasileira de vinte anos, desaparece en Oregón. A policía búscaa sen éxito ata que un equipo de mergulladores atopa o seu corpo a tres quilómetros da ponte do Bibei, desde onde fora tirada ao río tras ser apuñalada. A súa compañeira, Camelia V.P. encóntrase unha vez ao mes cun construtor no motel Trópico. A doutora Carme M. T. esfórzase por atopar as palabras axeitadas cando Rafael B.D. se presenta na súa casa cun ramo de rosas para expresarlle a súa admiración. Aurora P.G., unha doante cero positivo, sofre cada noite a violencia do seu home. Os membros da brigada antiinciendios enfróntanse a esa nube sucia que percorre a ladeira do monte. Eis algunhas das historias que se mesturan nos límites de Oregón, na cidade cero, ese lugar sombrío debuxado pola precariedade e os proxectos truncados pola sorte adversa. Vidas cruzadas de personaxes que viven nas marxes, tramas paralelas que conforman un mosaico incompleto, aínda que representativo das maiores inxustizas e contradicións das sociedades urbanas do noso tempo. Tras os éxitos rotundos obtidos por Asasinato no Consello Nacional e Dime algo sucio, premio da Semana Negra de Xixón, Diego Ameixeiras consolídase con Historias de Oregón, co seu característico estilo directo e conciso, como auténtico mestre do xénero negro máis contemporáneo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Meu pai vaite matar», de María Xosé Queizán, é unha das novidades do mes de novembro

23 Novembro 2011

Narrativa,Novidades

Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán, é unha das novidades da colección Narrativa no mes de novembro.

Tras rematar un máster de criminoloxía, Diana, a filla dunha parella de progresistas, ingresa na Brigada da Policía Xudicial, onde coñecerá a Mario, un mozo aleitado no rural, co que axiña ennoivará. A tía Lola, a irmá solteira da nai de Diana, agocha no seu caserío de pedra os vestixios do que fora unha familia de certo avoengo. Entre aquelas antigallas, Diana atopará algunhas pistas que a levarán a emprender unha viaxe ata Patagonia, na Arxentina, na procura do seu tío Moncho. Meu pai vaite matar é unha novela que esculca dende unha ollada antipatriarcal e racionalista os segredos máis ocultos dunha familia. Unha novela de intriga, aventura e viaxes na que se abordan as principais preocupacións dunha autora fundamental do pensamento feminista galego.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Cita en Fisterra», de Luís Rei Núñez, unha das novidades do mes de novembro

22 Novembro 2011

Narrativa,Novidades

Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez, unha das novidades de Narrativa do mes de novembro.

O viaxeiro destas páxinas é deses tipos pouco dados a conxugar en primeira persoa heroísmos e bravuras. No canto das xeografías da anaconda, o tigre ou as moscas tse-tse prefire a máis modesta, é un dicir, da centola. Así emprende a viaxe a unha terra mítica, que el quere despoxada de calquera clase de verniz espiritual: non se trata dun Xacobeo bis. Mais non por iso deixa fóra da mochila as preocupacións dunha alma que, ante as paisaxes do Atlántico, combina un agarimo infinito cun sentido crítico encirrado polas desfeitas do feísmo. Con todo, o que á fin prevalece é a proximidade á xente, a curiosidade polo lendario e un cultivo case obsesivo da memoria (colectiva e individual), ademais da ambición, nunca menor, de dar unha imaxe do tempo que vai pasando. Deste xeito trázase o rumbo dunha viaxe que será tamén a de cada lector. Con cita en Fisterra.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Vigo, a explosión dos ’80», de Víctor de las Heras, novidade do mes de novembro

18 Novembro 2011

Álbums,Fotografía,Novidades

Vigo, a explosión dos ’80, de Víctor de las Heras, é unha das novidades do mes de novembro.

Saíase das catacumbas da mobilización antifranquista e entrábase na «movida». Aquela década dos ‘80 –da que o fotógrafo Víctor de la Heras elixiu o que el considera o epicentro, entre 1983 e 1987, para nutrir visualmente este libro– foi un período de axitación preñado de día por sucesos políticos ou económicos de envergadura mentres pola noite unha tribo de modernos mesturaba euforia creativa cun desenfreado espírito lúdico entre concerto e concerto; foron os anos en que o naval saíu á rúa pero tamén os dos estragos da droga, cuxos efectos decimaban unha xeración de vigueses, ou os da sida que se coaba nos nosos cárceres. Foi unha fase eruptiva da historia local, anos de acelerada sucesión de acontecementos que a Víctor De Las Heras lle tocou vivir ao galope biográfico da súa cámara. Neses catro anos houbo dúas eleccións municipais gañadas polo socialista Manuel Soto, dous ascensos do Celta, o derrubamento do Scalextric ou, indo á anécdota substanciosa, unha provocadora Cicciolina paseando polas rúas cos peitos ao aire a bordo dun camión. A moda galega, con Vigo como eixe do que saían todas as decisións, sorprendía a toda España e convertía o sector téxtil en punta de lanza dunha nova imaxe para Galicia. Pola noite, Vigo era unha cidade raiada, atropelada, cachonda e encallada cunha produción intensa de bandas, as máis delas de efémera vida. Unha explosión de pelames e vestimentas coa música como expresión catártica. Foi todo un cóctel de política, deporte, cultura e sociedade. Franco Fernando

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Trece noites, trece lúas», de Antonio Reigosa, con ilustracións de Noemí López, novidade do mes de novembro

17 Novembro 2011

Álbums,Infantil,Novidades

Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa, con ilustracións de Noemí López, é unha das novidades do mes de novembro.

Síganos, se lle prace, nesta viaxe que lle propoñemos para percorrer este tempo mítico que vai desde o 25 de decembro, suposta data de nacemento de Xesús, ata o 6 de xaneiro, día do seu bautismo, outra forma de nacemento. Entremedias practicamos ritos, reunímonos para festexar, cantar, bailar e comer, tentamos a sorte, repoñemos enerxía e bos propósitos, e seguimos, ou cremos seguir fielmente tradicións que ao mellor non son tan «tradicionais» como cremos… No gran teatro das festas que se van sucedendo polo ano adiante, a escena que representamos colectivamente nos días de Nadal constitúe o clímax, a esencia e o resume de todas elas pois sendo, como é, un final, reverdece en cada un de nós unha ilusión e unha esperanza polo que se anuncia que vai comezar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Luís Soto. A xeira pola unidade galega», de Xurxo Martínez González, novidade da colección Crónica

Crónica,Novidades

Luís Soto. A xeira pola unidade galega, de Xurxo Martínez González, é unha das novidades de Crónica de novembro de 2011.

Luís Soto é apenas un descoñecido para a maioría da sociedade galega e con el vai parte do noso pasado. Esta obra afonda na súa vida e no seu tempo: o sindicalismo da ATEO e o PCE na II República, Castelao e a UXT na Guerra Civil; a Comisión Galega do PCE e a Internacional do Ensino na posguerra; o Consello de Galiza e a JSUN; o Padroado da Cultura Galega e Vieiros no exilio; a fundación da UPG, a súa teoría e pensamento; a crise do 76 na UPG e o nacemento do PGP. En todo isto, Luís Soto foi parte protagonista. O autor acudiu ao fondo Luís Soto (no Arquivo Histórico Provincial de Ourense), practicamente inédito, para realizar unha biografía que se botaba en falta. Xurxo Martínez González incorpora ao libro nova documentación sobre o exilio, o nacionalismo ou a revista Vieiros. Outros arquivos, co descubrimento de novos papeis, completaron unha obra necesaria para comprendermos mellor a esquerda, o exilio en México, a cultura e o nacionalismo galegos. Unha peza imprescindible para encaixar a historia máis recente.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Vigo a 80 revolucións por minuto», de Emilio Alonso, unha crónica da movida, xa nas librerías

14 Novembro 2011

Crónica,Novidades

Vigo a 80 revolucións por minuto, de Emilio Alonso, subtitulado «Unha crónica da movida», é unha das novidades do mes de novembro.

Vigo a 80 revolucións por minuto é unha crónica da movida viguesa da década de 1980 realizada por Emilio Alonso, colaborador activo deses acontecementos que supuxeron unha renovación conceptual das artes nunha época convulsa en Vigo, acabada a sociedade de saír dunha ditadura de corenta anos, con mobilizacións continuas de traballadores contra a reconversión do sector naval, con protestas estudantís en defensa dos seus dereitos, coa proliferación das drogas e as súas consecuencias… O 27 de decembro de 1981, no cine do Colexio Salesianos, celebrouse o que se pode considerar “acto fundacional” da movida viguesa: o primeiro concerto de Siniestro Total (con Julián Hernández, Miguel Costas, Alberto Torrado e Germán Coppini) prendeu a chama deste fenómeno que deixou unha forte pegada no desenvolvemento cultural de sucesivas xeracións. Nesta obra, cunha extensa e variada documentación gráfica e xornalística, ademais de falar da música, parte esencial da movida, concédeselle a relevancia que merecen a outras disciplinas como a poesía, a pintura, a moda e a estética, o teatro, a fotografía, o cine… E tamén ao xornalismo radiofónico e aos fanzines que difundían todo o que abrollaba na cidade atlántica que se chegou a converter por uns anos na referencia cultural da mocidade de toda a Península.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Xeografía de Galicia», unha obra fundamental cun enfoque do século XXI, importante novidade de Xerais

11 Novembro 2011

Monografías,Natureza,Novidades

Xeografía de Galicia, unha obra fundamental cun enfoque do século XXI, coordinada por Mª José Piñeira e Xosé Manuel Santos , é unha das novidades de Xerais para esta tempada.

Xeografía de Galicia afonda nunha ampla visión do país desde a perspectiva da análise territorial, partindo dun enfoque integral no que se investiga a complexa realidade que caracteriza as sociedades actuais cunha óptica xeográfica. Nesta obra abórdanse cuestións clásicas como as que fan referencia aos sectores da pesca, da agricultura, da poboación ou do comercio… pero tamén, cun punto de vista adaptado para entender os procesos globais que definen hoxe os lugares, outros aspectos como a multiplicación de centros comerciais, a nova concepción dos espazos urbanos, o tránsito desde a emigración á inmigración, ou as significativas transformacións do sector primario. Con esta nova Xeografía de Galicia realízase unha achega que actualiza a análise territorial no noso país, incorporando temas novidosos que, malia formaren parte do universo xeográfico, non sempre ocuparon o seu centro: o medio ambiente, o turismo, as relacións internacionais; ou aspectos tan relevantes da cultura como a lingua.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A movida viguesa chega ás bibliotecas: reportaxe sobre «Vigo a 80 revolucións por minuto», de Emilio Alonso

3 Novembro 2011

Crónica,Novidades,Reportaxes

Silvia R. Pontevedra publicou onte en El País unha reportaxe sobre o libro Vigo a 80 revolucións por minuto, de Emilio Alonso, que Xerais poñerá á venda nos próximos días dentro da colección Crónica.

La Movida llega a las bibliotecas

Xerais publica, pasados 30 años, el primer libro sobre el movimiento cultural vigués

En el Vigo de los 80, los músicos no se podían pagar los modelos que diseñaban los fundadores de Galicia Moda. Iban a comprar a la feria de Valença y a Zara, que no hacía mucho había abierto tienda en la calle Progreso. Se peinaban con imaginación y como podían, mostrando alguna foto de revista en las mismas peluquerías que cardaban y marcaban cabezas de respetables señoras. En Portugal también surgían grupos, y su “cultura musical era muy superior”, pero aquí “había un cierto racismo con respecto a ellos”. Y más que con las drogas, en los locales de moda se traficaba con maquetas cutremente grabadas, carátulas montadas con Letraset y fotocopias de canciones y fanzines. “Un gramo de coca costaba lo mismo que ahora, 10.000 pesetas; 60 euros”, recuerda Emilio Alonso Pimentel, autor del primer libro, aunque parezca mentira, que se publica sobre la movida viguesa. “Se consumía mucha más en O Areal, la zona del pijerío, que era donde había dinero”. En las calles de la Movida, los bares “estaban petados de gente, pero era una marcha de viernes y sábados, y el resto de los días se trabajaba para poder pagar las copas. Un gramo de coca se compraba, con suerte, en Fin de Año para repartir entre toda la pandilla”.

Vigo a 80 revolucións por minuto, unha crónica da movida saldrá a la venta a mediados del mes de Difuntos para desmontar unos cuantos mitos alimentados durante tres décadas. Porque ha pasado ya todo ese tiempo desde la que se considera “fecha fundacional” de un movimiento que no tenía conciencia de serlo. El 27 de diciembre de 1981, Siniestro tocaba en el escenario del cine Salesianos, allá donde la rúa Venezuela perdía su nombre para transformarse en División Azul, dando paso a la Cruz de los Caídos y la polémica casa consistorial promovida por el alcalde Ramilo.

Podía haberle tocado la fama, el golpe de éxito a A Coruña tanto como a Vigo, pero la ciudad del norte (con grupos emergentes como la del sur, de los que solo sobrevivió “el nombre de Radio Océano”) había “salido mucho” en la prensa y en el Nodo “durante el Franquismo” y había quedado marcada su imagen, explica el autor del libro que va a publicar Xerais. “Vigo era raro, gris, sucio”, andaba noqueado por la reconversión, y eso, en aquellos tiempos de hartazgo y huída de un pasado disciplinado, “atraía mucho”. La trascendencia más allá del llamado telón de grelos, a Vigo le llegó de la olivetti de María Xosé Porteiro, que con el tiempo se convertiría en edil de Cultura pero a la sazón ejercía de jefa de prensa en el Ayuntamiento. En abril de 1984, la asesora de Manuel Soto (un alcalde encaramado a la modernidad de aquellos días) publicó un artículo en EL PAÍS que se leyó en toda España.

El trabajo llevaba fotos de un desfile de moda en el Kremlin, cuartel de la Movida en la parroquia de Coruxo y sala heredera de aquel Satchmo primigenio que cerró por falta de espacio para tantos que querían estar. A partir de ahí, unos pocos entre el centenar de grupos que nacieron aquellos años se hicieron famosos, venía mucha gente de fuera a salir de noche y la movida de Vigo se tuteó sin traumas con la madrileña.

“Vigo era una mierda. En todo el año 84, en plena Movida, entre la ciudad y su comarca se celebraron 42 conciertos. Hoy, 40 los hay cualquier fin de semana”, comenta Alonso Pimentel. Pero entonces se produjo eso que no sucede casi nunca a lo largo de un siglo, una explosión de “espontaneidad” que en este caso, según el autor, tuvo más que ver con el túnel largo y oscuro del que se salía que con la recesión del momento. Hoy, sumidos en otra crisis, en opinión del escritor, articulista, presentador radiofónico, testigo y cronista de aquellos días no cabe esperar una nueva Movida. Los músicos van al conservatorio y saben muchos más acordes, los pintores estudian Bellas Artes y en Vigo hay Escuela Superior de Arte Dramático. La oferta cultural y estética es inmensa comparada con aquella, pero ya no hay nada tan nuevo bajo el sol.

Quizás, también, es que más que el sol era la sombra del Scalextric la que daba cobijo a tanta osadía. Aquel viaducto disparatado que atravesaba en vuelo rasante la calle Lepanto, casi rozando los edificios, refugiaba a los jóvenes que hoy pasan del medio siglo las noches de lluvia. “Era el icono” de la ciudad, defiende el escritor. “A un lado estaba El Manco [otro local mítico de la Movida] y al otro El Varón, una casa de citas. Con lo que costó demolerlo [en 1986], tendrían que haberlo dejado para hacer conciertos y desfiles”.

La Movida apareció porque tenía que aparecer y se desvaneció en los aledaños del 88 porque tenía que desvanecerse, por “aburrimiento de los medios” que venían todas las semanas a hacer reportajes y “porque todo se termina”. “También el Románico derivó en el Gótico y el Renacimiento acabó cuando acabó”, concluye Alonso. Entre los mejores grupos, elige tres que no tuvieron mucha suerte pero se la merecían: “Moncho e mailos Sapoconchos, Los Cafres y Bromea o qué?”.

Silva R. Pontevedra

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Vaia tropa», de Antón Cortizas, unha novidade da colección Merlín

Merlín,Novidades,Poesía

Vaia tropa!, un libro de poemas de Antón Cortizas ilustrado por Mª Reyes Guijarro, é unha das novidades da colección Merlín para o mes de novembro.

Vaia tropa! é un libro de poesía do absurdo, do sen sentido, e está pensado para ser lido de formas diversas. Hai poemas que terás que ler de esguello e noutros precisas usar un espello e así poder ler do verso o reflexo. Como non era cousa de poñer só letras alguén debuxou algunhas caretas. E como os debuxos están contrafeitos usarás o espello para velos con xeito. Ao final do libro convidámoste a que inventes algún compañeiro para toda esta xente. Trátase, xa que logo, dun libro xogo, no que a sorpresa da lectura e das ilustracións conforman un conxunto que non pasará desapercibido ao lector.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Vigo a 80 revolucións por minuto», de Emilio Alonso, en El Maketón

2 Novembro 2011

Crónica,Noticias,Novidades

O programa El Maketón da SER publica unha noticia sobre o libro libro Vigo a 80 revolucións por minuto, de Emilio Alonso, que Xerais publicará proximamente na colección Crónica.

La iniciativa del escritor y periodista vigués EMILIO ALONSO, apoyada por Edicións XERAIS, nos presenta “VIGO A 80 REVOLUCIÓNS POR MINUTO”

Desde el proyecto MAKETON podemos decir que hemos vivido aunque solo fuese durante su parte final, todo lo que ha sido la gran “movida” cultural de Vigo. La figura que desde los medios radiofónicos y telivisivos de los 80´s, ha sido EMILIO ALONSO PIMENTEL, un periodista que le tomaba el pulso a toda la efervescente y dinámica escena gallega de los ochenta, desde su programa de radio “A Trincheira”, que se emitia en ámbito local a través de R.C.E. (Radio Cadena Española) y posteriormente desde RADIO 4 (Radio Nacional de España en Galicia), con una cobertura autonómica. Paralelamente editaba el programa “Racha coas ondas”, en TVE-G (Televisión Española en Galicia). Por sus programas pasaron artistas y grupos que protagonizaron la década dorada, la más conocida y reconocida de la historia cultural de la ciudad de Vigo y por extensión de Galicia. VIGO A 80 REVOLUCIÓNS POR MINUTO, es un libro que verá la luz este mes de Noviembre de 2011. Una crónica de la “movida viguesa”, que incluye lo que los propios artistas mostraban en aquellos años. Paralelamente, Emilio ha creado un blog específico de VIGO A 80 REVOLUCIÓNS POR MINUTO, en el que se reflejará todo el material literario y gráfico que no se ha podido incluir en el la edición impresa y que como el mismo indica, no pretende ser un blog nostálgico, sino que el concepto es que sea una fuente de información y documentación para que todos aquellos interesados en aquella “década prigiosa” viguesa, bien por razones académicas o bien por curiosidad, puedan ser partícipes.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A caza do Ghazafello», un libro-disco con novela de Denís M. e música de Marcos Payno, reune a importantes músicos galegos

27 Outubro 2011

Infantil,Música,Novidades,Xuvenil

O libro disco A caza do Ghazafello é unha das novidades deste outono. Un libro de Denís M., música de Marcos Payno e ilustracións de Sara López, producido con Valentín Torrado cun excelente plantel de músicos no disco: Antón Reixa, Xurxo Souto, Ugia Pedreira, Pulpiño Viascón, Carcía MC, Ico Manolo Maseda,  Coralie Yap-Chin.

Este non vai ser un paseo para preguiceiros. Vai ter que esforzarse moito o teu tacto, o teu gusto –haberá comida a eito–, encherás o teu ouvido con imaxes marabillosas… E sobre todo vai ter que traballar a feito o músculo de pensar, ese sentido que non se ve, que lle chaman imaxinación. Espero que a teñas ben adestrada porque lle imos ofrecer en doses moi altas o alimento que máis a excita: os debuxos, a música e as palabras. (Xurxo Souto) Música interpretada pola Orquestra das Ánimas Coas voces de: Antón Reixa – Xurxo Souto – Ugia Pedreira Pulpiño Viascón – Carcía MC, Ico Manolo Maseda – Coralie Yap-Chine

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O máis estraño», os contos reunidos de Manuel Rivas, xa nas librerías

26 Outubro 2011

Narrativa,Novidades

O máis estraño, os contos reunidos de Manuel Rivas, que é unha das novidades do mes de outubro, xa está nas librerías.

Dise no coro de Antígona que hai moitas cousas estrañas no universo, pero que o máis estraño é o ser humano. A boca da literatura naceu para expresar iso que é o máis estraño. Manuel Rivas reúne todos os seus relatos nesta obra, que é tamén unha psicoxeografía, unha zona de rescate da memoria fronte á amnesia, onde o desexo loita contra a morte e a imaxinación levanta o voo. Así, emerxe un mundo que parecería estar á espreita da súa invención. En O máis estraño aparecen relatos xa célebres como «A barra de pan» ou «A lingua das bolboretas», contos extraordinarios por descubrir como «A chegada de Ingrid», e inéditos sorprendentes como «A sombra do soño». Os medos, as paixóns, a emigración, a guerra, os naufraxios, a relixión, a culpa, a depredación da natureza, a arte e a vida, o humor insurxente, o poder e as súas máscaras, a incomunicación, as fronteiras, a resistencia das voces baixas, o andar vagabundo do ser e as palabras á procura dunha segunda existencia… O máis estraño pescuda no enigma humano, cunha linguaxe incandescente e indócil.


Chuzame! A Facebook A Twitter

«Mil cousas poden pasar. Libro II», de Jacobo Fernández Serrano, xa está nas librerías

25 Outubro 2011

Blogs,Merlín,Novidades

Mil cousas poden pasar. Libro II, de Jacobo Fernández Serrano, é unha das novidades da colección Merlín deste outono. Ademais, lembramos que o autor mantén un blog sobre os libros de Mil cousas onde publica todos os días unha anotación: «curiosidades, debuxos a lapis, a veces poño algún video, falo dalgún persoaxe, anuncio algunha das sorpresas do libro, e ese tipo de cousas».

Mil cousas poden pasar. Libro I rematou con Lina e Pouco na praia, falando, durmindo, bicándose e comendo mazás. Que aventuras correrán na viaxe de regreso a Nil? Como atoparán a súa vila? Que será do neno Propicio, do cocho Isaías, do río Inrique e de todos os demais? E o máis importante: que será de Hedión? Unha cousa pódese adiantar: fixo novos amigos, e xente boa non son.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Quen lle ten medo a Morgana?», outra novidade do Club da Ciencia

24 Outubro 2011

Infantil,Novidades,O Club da ciencia,Xuvenil

Quen lle ten medo a Morgana? é o outro título do Club da Ciencia que é unha novidade neste mes de outubro.

Chámome Morgana e, segundo a miña avoa, teño simpatía a moreas. Paula, unha amiga, di que se puidese peitearme habíame converter nunha criatura adorable, pero Paula é unha pre-sumida, e a min non sei se me gustaría ser unha criatura adorable. Do resto de amigas: Lola, ben; Paula, un chisco presumida pero ben; Pili, moi ben; Uxía, ok, e Silvia, coitada, os seus pais acaban de divorciarse. Todas, menos Uxía, xogamos ao baloncesto. No primeiro trimestre gustábame Vítor, pero entón apareceu Xiana, chiscou os ollos e o moi parvo colgouse dela coma un papagaio. Durante un tempo estiven enferma de carraxe amorosa, pero agora gústa-me Berenguel, que fai poesías cun pouco de rima consoante.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O caderno laranxa de Morgana» novos títulos do Club da Ciencia

21 Outubro 2011

Infantil,Novidades,O Club da ciencia,Xuvenil

O caderno laranxa de Morgan de Pasqual Alapont, novo título do Club da Ciencia.

Teño 11 anos e 7 meses e puxéronme Morgana porque estaba de moda. Teño os ollos verdes, estudo sexto de Primaria e xogo ao baloncesto. O meu irmán Ricardo quere poñer un piercing no nariz, e por pouco non llo fai o meu pai sen anestesia nin nada. Na escola, din que vai vir unha mestra nativa de inglés e Silvia cre que unha nativa é alguén que vén de cando Colón descubriu América. Ademais, a Vítor cáenlle as cousas das mans cada vez que o miro, e toda a clase canta a copla: «A Vítor lle gusta Morgana, a Vítor lle gusta Morgana…» Lle gusta? Como que lle gusta? Aínda non sei como aprobaron lingua de quinto. Vaia, paréceme que este vai ser un curso difícil.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A chave da Atlántida», de Anxo Fariña, Premio Merlín 2011, novidade do mes de outubro

19 Outubro 2011

Merlín,Novidades

A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, Premio Merlín 2011, é unha das novidades do mes de outubro.

Os científicos do «Proxecto Prometeo» crearon A-cero, un ser humano artificial. Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos nos que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes. A chave da Atlántida é unha novela de ciencia ficción na que, a un ritmo trepidante, se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Extramunde», de Xavier Queipo, Premio Xerais de Novela 2011, unha das novidades do mes de outubro

Narrativa,Novidades

Extramunde, de Xavier Queipo, Premio Xerais de Novela 2011, é unha das novidades de Narrativa do mes de outubro.

Extramunde narra, co alento prendido nas entrañas, unha viaxe alucinada que vai da freguesía de San Andrés deica a illa de Borneo, pasando por Senegal, Camerún, o Cabo de Boa Esperanza, Mozambique, a illa de Madagascar, a badía de Trincomalee, as illas de Anamán e o estreito de Malaca. Unha novela que retrata o poder omnímodo da Igrexa nos tempos escuros da Inquisición e a navegación polos océanos Atlántico e Índico na procura de mundos afastados, para rematar nun poboado da tribo dos Dayaks, os cortadores de cabezas.

Extramunde, escrita nunha prosa coidada, engaiolante, por veces vertixinosa, supón a culminación dun soño: a negación da diferenza, a procura da liberdade. Dividida en catro seccións, cada unha cun ritmo e cun alento diferenciado, admite varios niveis de lectura, pois é, ao mesmo tempo, novela de aventuras, de viaxes e de pausada reflexión. Unha novela que non vai deixar indiferente a quen se adentre no proceloso mar da escrita de Queipo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O espírito do cabaleiro, de Cornelia Funke, novidade do mes de outubro

14 Outubro 2011

Novidades,Xuvenil

O espírito do cabaleiro, de Cornelia Funke, é unha das novidades do mes de outubro.

—Por favor! –oínme dicir. E as palabras chegaban por si mesmas–. Por favor, William Longspee. Axúdame. E de súpeto sentín pasos. Pasos conxelados, coma de zapatos de ferro. Vireime. Velaí estaba. Jon Whitcroft está a pasar por un mal momento. Súa nai e o seu novo mozo deciden envialo ao internado de Salisbury. Chuvias torrenciais, muros escuros, corredores estreitos, caras estrañas e un cuarto que terá que compartir con dous compañeiros de colexio. O que Jon non imaxina é que todo isto axiña se ha converter nun problema menor. Logo de seis noites no internado tres espíritos xorden de súpeto baixo a fiestra do seu cuarto. Mais, por sorte, hai unha persoa en Salisbury que sabe moito de pantasmas… Espíritos que ouvean na noite, valentes cabaleiros medievais, o espertar do amor. Unha historia de amizade nun internado. Un conto emocionante

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Ninguén», de Fran Alonso, unha das novidades de Narrativa do mes de outubro

11 Outubro 2011

Narrativa,Novidades

Ninguén, de Fran Alonso, é unha das novidades de Narrativa do mes de outubro.

Sara, unha muller que está farta dos ruídos da cidade, decide cambiar de estilo de vida. Un mozo vive obsesionado polas voces dos seus veciños, que lle impiden levar unha vida normal. Outra muller cítase nunha cafetería cun home ao que coñeceu a través de Internet. S. Lonely toma a decisión, por primeira vez na súa vida, de emprender unha pequena viaxe de vacacións para romper a rutina. Un escritor, que recibe correos dunha lista na que nunca se deu de alta, descobre a carga subversiva dos hoax, esas falsas cadeas que se envían a través do correo electrónico. Simultaneamente, diversos mails cruzan o ciberespazo deste libro singular. Estas son algunhas das historias e personaxes do novo libro de Fran Alonso.

Ninguén aborda os actuais xeitos de relación entre as persoas nas sociedades urbanas e o modo en que a cidade e a tecnoloxía inflúen para mudar os medios que empregamos para comunicarnos. O libro está centrado na convivencia entre os veciños dun edificio, pero tamén no uso da tecnoloxía como paradigma das formas de relación. Desde a presenza do teléfono móbil ata o contacto persoal a través das redes sociais, Ninguén explora esa nova condición que hoxe nos define aos cidadáns das comunidades contemporáneas, vencelladas, entre outras cousas, ao individualismo, á máquina, á soidade e ao ruído.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Poñente», de Pere Tobaruela, unha das novidades de Narrativa do mes de outubro

10 Outubro 2011

Narrativa,Novidades

Poñente, de Pere Tobaruela, unha das novidades de Narrativa do mes de outubro.

O poñente e a súa luz guían os dous protagonistas desta novela: Carme e Josep. Carme é unha muller de hoxe en día mergullada nun fondo proceso de cambio emocional. Para ela a luz do poñente ten un perfil concreto: unha galega chamada Sarela que, entre outras cousas, a obriga a cuestionarse a súa identidade sexual. Atendendo a coordenadas temporais diferentes, o poñente tamén constitúe o horizonte persoal de Josep Sadurní, un dos pioneiros cataláns do século XIX que emigraron cara a terras galegas e que asentaron aquí para sacar adiante con éxito a industria da salgadura, marcando para sempre o devir da poboación da beiramar deste país. Carme é unha profesora que, motivada por Sarela, comeza unha investigación sobre os industriais cataláns que se dedicaron á salga. Esta pescuda ábrenos unha fiestra ao coñecemento das relacións entre Cataluña e Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Febre», de Héctor Carré, Premio Fundación Nova Caixa Galicia-Claudio San Martín de Literatura Xuvenil 2011

4 Outubro 2011

Fóra de Xogo,Novidades

Febre, de Héctor Carré, Premio Fundación Nova Caixa Galicia-Claudio San Martín de Literatura Xuvenil 2011, é unha da novidades da colección fóra de Xogo, deste mes de outubro.

Carmucha, unha moza de dazasete anos, non ten medo de nada nin se amedrenta ante ninguén. Despois de coñecer as inxustizas que se cometen na mina de volframio, as atrocidades do corrupto e desapiadado cabo Marelo, e sendo consciente da actitude submisa daquelas mulleres, decide mudar o rumbo da súa vida de señorita e poñerse ao servizo das persoas máis humildes. Félix, o fillo dos caseiros da súa familia, será dende entón o seu gardacostas, máis tamén o seu máis leal conselleiro, a súa sombra… Carmucha, esta afouta heroína, terá que enfrontarse a un inimigo infinitamente máis forte ca ela para acadar a súa independencia e liberarse da tutela paterna. A represión, a inxustiza e a violencia daquel tempo do volframio, no inicio dos anos corenta, entrelázanse nesta páxinas coa esperanza, o amor e a loita pola liberdade e a igualdade. Un western moderno, onde a pesar de que a súa loita é xusta, os heroes non son perfectos nin están exentos de culpa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novidades de Xerais para a Reentrada de Outono e a Campaña de Nadal

23 Setembro 2011

Noticias,Novidades

Hoxe presentámoslles a todos os nosos lectores e lectoras o adianto do que serán algunhas das próximas novidades que Xerais publicará para esta reentrada do Outono e para a campaña de Nadal.

Narrativa

Crónica

Poesía

Infantil e xuvenil

Colección Merlín

Primeiros lectores. Libros de tapa dura

  • Facemos a maleta, Joan Carles Girbés
  • A festa de aniversario, Joan Carles Girbés
  • Un día atarefado, Joan Carles Girbés
  • Unha excursión redonda, Joan Carles Girbés

Club da Ciencia

Colección Fóra de Xogo

Xuvenil fóra de colección

Referencia

  • Xeografía de Galicia, Mª José Piñeira e Xosé Manuel Santos (coords.)
  • Dicionario Xurídico Galego, Luciano Varela Castro e Xosé Xoán Barreiro Prado (coords.)
  • O Vigo da movida, Víctor de las Heras
  • Axenda Xerais
Chuzame! A Facebook A Twitter
Older Posts »