Entrevista con Elvira Riveiro Tobío en Parlamento das Letras, de Armando Requeixo

30 Maio 2012

Entrevistas,Merlín,Poesía

O blog Criticalia, de Armando Requeixo, publica unha entrevista con Elvira Riveiro Tobío. Reproducimos as primeiras preguntas. A entrevista pode lerse completa aquí.

 

Parlamento das Letras

Elvira Riveiro Tobío

Elvira Riveiro Tobío pertence á vella tribo de Cerponzóns, estirpe antiga que en tempos formou parte do moi literario concello de Alba, hoxe anexionado pola veciña Boa Vila.

De por parte, esta poeta, ensaísta e ocasional narradora tomou corpo na excelente colleita do 71, o que a converte en natural compañeira de angueiras dunha xeración de autoras e autores que constitúen o melloriño da nosa escrita última de entre séculos.

Indócil por definición, a biopoética de Riveiro Tobío —Naia Oubel para os sabedores— non desairou nunca o compromiso da voz entregue ás nobres causas, agromasen estas da Burla Negra chapapotemáquica ou das libertarias e subversivas Redes Escarlata. E tanto soubo darse ao enxeñoso ludismo monovocálico das PAlAbrAs brAncAs como ao erotismo máis matérico dos Carnia Haikai.

Agora ben, alén destas fías e aínda doutras que anoaron no poético visual e obxectual e mesmo na textualidade cibernética e a videocreación, ata o de agora o máis substantivo da súa produción cómpre descubrilo en títulos como Andar ao leu, Arxilosa ou Biografía da Multitude, este último en coautoría con Silvia Penas. É nestas obras onde desprega as mellores bazas dunha estética do sensual a carón doutros versos xenericamente identificados e civicamente solidarios, onde o intimismo da revelación convive coa reflexión metapoética, todo nunha formulística multiforme que igual ancora na sonetística máis clásica que no verso graficamente máis arrichado e transharmónico, amalgamando o mítico e o onírico, o filosófico e o (neo)surreal, o ínfimo e o transcendente.

Ousada, independente e transgresora, a palabra de Elvira Riveiro Tobío respira en ardentías de clarividencia que convén non desoír.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Se conta a publicación dixital, os primeiros poemas difundinos en diferentes páxinas web (andar21, Biblioteca Virtual Galega, Redes Escarlata etc). A publicación en papel veu da man de Luís Rei Núñez, que estaba ao cargo da colección Tambo e, por outra parte, de Sabino Torres, editor de Hipocampo Amigo. En ambas as dúas coleccións viron a luz os meus primeiros poemas impresos ao xeito tradicional. Foron dous libros de poemas no mesmo ano: 2005.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

A obra máis difundida e máis coñecida dáme que é PAlAbrAs brAncAs, un libro de poesía para crianzas. Creo que isto ten que ver probablemente con que foi finalista do Premio Merlín, publicouno unha editorial prestixiosa que conta cunha distribución moi boa dos seus títulos, e supoño que tamén influiría o feito de tratarse dun libro para cativos/as.

En cambio, sorprendeume un pouco o silencio que houbo arredor de Biografía da Multitude, un conxunto de textos escritos a catro mans xunto coa poeta Silvia Penas. Tal silencio pode deberse a que a publicación levouna a cabo unha entidade cultural, coas eivas na distribución que leva consigo. Tamén con que Silvia e eu non nos preocupamos demasiado (mellor dito, nada) de ir “paseando” o libro por aí (non fixemos presentacións, nin llo enviamos a ninguén, nin lle fixemos ningún tipo de publicidade). É o único libro que publiquei do que non vin ningunha recensión nin crítica na prensa, non houbo tampouco ningunha entrevista en ningún medio de comunicación: nada. Só o esforzado labor do Instituto de Estudos Miñoranos, cuxas notas de prensa relativas ao certame de poesía Victoriano Taibo de 2009 aínda se poden rastrexar na Rede. Tampouco é que me preocupe moito isto, o libro está aí para quen o queira ler, pasar desapercibido non lle quita nin dá valor aos textos, aínda que tamén é certo que sempre che pica a curiosidade de saber como se reciben entre os lectores, sexan críticos literarios ou non.

(…)

A entrevista pode lerse completa aquí.

 

«Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía», de Charo Portela, para os máis novos. Un labor exemplar. Crítica de María Navarro

24 Maio 2012

Biografía,Críticas,Infantil,Letras_galegas,Merlín

María Navarro publicou no Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela, ilustrado por Jaime Asensi.

 

Un labor exemplar

Paz–Andrade paraos máis novos

No 25º aniversario do seu pasamento homenaxéase a V. Paz– Andrade no Día das Letras Galegas. A súa personalidade cautiva dende o comezo, o seu espírito incansable fai do seu traballo un valiosísimo legado para toda Galicia.

Ao abeiro deste recoñecemento Charo Portela Yáñez publica na colección “Merlín” de Xerais un libro que divide en dúas partes; unha primeira que vén ser un percorrido polos momentos significativos da vida do pontevedrés e unha segunda, onde se recollen oito mostras dos seus textos máis representativos. Exemplos de Pranto matricial (1955), Sementeira do vento (1968), Cen chaves de sombra (1979) ou A galecidade na obra de Guimarães Rosa (1978) aparecen aludidos neste apartado para que os lectores mozos se acheguen á figura de Paz- Andrade de forma amena, coñezan retallos do seu dilatado quefacer literario e avalíen non só o puramente artístico, senón tamén aspectos como o tempo e o espazo no que se desenvolveron os acontecementos narrados como parte da historia do País e, se é o caso, os poñan en relación coa situación actual da nosa Terra, feito que lles permitirá, quizais, entender un pouco mellor as claves que rexen o funcionamento do mundo.

Pola súa parte, as imaxes que Jaime Asensi elixe para ilustrar o texto de momentos da vida do escritor homenaxeado e de portadas de libros revelan un testemuño da época certamente interesante.

María Navarro

Amena e detallada biografía: «Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía», de Charo Portela. Crítica de Carmen Ferreira

18 Maio 2012

Infantil,Letras_galegas,Merlín

Carmen Ferreira Boo publicou en El Correo Gallego unha recensión crítica sobre Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela, ilustrado por Jaime Asensi.

 

Valentín Paz Andrade e o labor a prol do galeguismo

Edicións Xerais de Galicia ofrece unha obra para o lectorado mozo sobre o homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012

Neste ano Edicións Xerais de Galicia, con motivo do Día das Letras Galegas 2012, sacou do prelo unha obra que se achega á figura homenaxeada, Valentín Paz Andrade (Lérez, Pontevedra, 23 abril 1898-Vigo, 19 maio 1987) quen tamén está de aniversario polo seu vinte e cinco cabodano.

Esta proposta presenta unha interesante biografía, unha ampla cronoloxía e unha pequena antoloxía, baixo o título Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, realizada por Charo Portela Yáñez (Pontevedra, 1963) e con ilustracións figurativas de Jaime Asensi (Vilagarcía de Arousa, 1957).

 

ESTRUTURA DA OBRA.

A obra estrutúrase en tres partes ben diferenciadas. Na primeira ofrécese unha amena e detallada biografía dividida en apartados nos que se desenvolven os primeiros anos da súa infancia en Pontevedra, os anos de estudante en Santiago, o seu activismo político, as súas actividades xornalísticas e empresariais e as súas achegas literarias e ensaísticas que permiten construír unha ollada multidisciplinar deste galeguista comprometido no seu labor como avogado, empresario, especialista en temas pesqueiros, político, poeta e xornalista.

Este percorrido biográfico, que se ilustra con interesantes materiais documentais e gráficos como fotografías, debuxos, cubertas de obras e fragmentos de poemas, discursos e cartas, reflicte o galeguismo de Paz Andrade, presente non só na súa obra literaria e nas súas achegas xornalísticas, que incluso o levou a fundar Galicia. Diario de Vigo, senón tamén na súa actividade empresarial en xeral, neste caso cómpre salientar a posta en marcha da factoría industrial de Pescanova.

A segunda parte ofrece unha completa cronoloxía que esquematiza a biografía anteriormente presentada. E, finalmente, a terceira é unha antoloxía na que se escollen seis composicións poéticas, publicadas en Pranto matricial (1955), Sementeira do vento (1968), Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986): “O que todo galego choraría”, que fala do amor a Galicia; “Cando ti volvas” que chora a morte do seu amigo Castelao; “Boas-vinces, mariñeiros” onde retrata a vida dos mariñeiros; o soneto “Catorce versos no liño”; e os poemas en homenaxe a Ramón Otero Pedrayo “A outra Trasalva” e “Agora…”.

 

TEXTO ENSAÍSTICO. Tamén se reproducen un texto ensaístico, “O tesouro esquecido”, tirado do ensaio bio-literario A galecidade na obra de Guimarães Rosa (1978) no que reflexiona sobre a expansión ultramarina do galego; e o texto xornalístico ‘Sentimento e ideal’ (A Fouce, Bos Aires, 1 abril 1931) no que fala de converter o sentimento de amor por Galicia en ideal e acción dinámica que atope na loita autonomista o seu cauce de actuación.

Unha obra interesante e imprescindible para que o lectorado mozo coñeza o polifacético Valentín Paz Andrade, ponte entre a emigración e a Galicia interior.

Carmen Ferreira Boo

«Xoa», de Antonio Yáñez Casal, e «A filla do ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa, Premios Frei Martín Sarmiento

8 Maio 2012

Infantil,Merlín,Premios

Logo de que Dragal, de Elena Gallego resultase gañadora do Premio VIII Premio Frei Martín Sarmiento nas categorías de 1º e 2º da ESO, dous novos libros de Xerais acaban de ser distinguidos co premio.

Xoa, de Antonio Yáñez Casal, fíxose co galardón na categoría de 3º e 4º de Primaria, e A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, fíxose co galardón  na categoría de 5º e 6º e Primaria. Ambos os dous premios foron entregados esta pasada fin de semana no Museo da Cidade da Cultura coa presenza do Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Xoa conta a historia dunha xoaniña. Cando Xoa naceu, houbo festa rachada. Ninguén acordaba outra igual no campeiro. Os seus habitantes bailaron e bailaron ata non poder máis, contentos coma carricantas. E é que había tempo que naquel lugar non viña ao mundo unha xoaniña. Os veciños foron un por un darlle os parabéns á nai, que acoleiraba a Xoa con dozura. Todos coincidiron en que nunca unha xoaniña tan feita e tan garbosa adornara o campeiro, e iso celebrárono rillando nuns pulgóns moi sabedeiros escollidos para a ocasión.

A filla do ladrón de bicicletas conta a historia de Serafina, que é filla dun ladrón de bicicletas e vive coa súa tía, dona Perfecta, nunha vila mariñeira. A súa máxima aspiración é ser equilibrista nun circo con Celerífera, a bicicleta coa que consegue abraiar, e cara a iso van enfocados todos os seus esforzos, aos que non serán alleos nin a axuda do vello Elías nin as dificultades que lle ocasionan a panda de Martiño o Bravo. O xurado da XXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil outorgou o seu recoñecemento a esta primeira novela de Teresa Gonzalez Costa salientando “a perfecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia o desenvolvemento da historia”. A filla do ladrón de bicicletas foi ilustrada por Jacobo Fernández Serrano e recomendada para lectores de 11 anos en diante.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

«Vaia tropa» de Antón Cortizas e «Vento galerno», de Antonio Yáñez, presentados en Ferrol

23 Abril 2012

Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Infantil,Merlín,Presentacións,Xuvenil

Manuel Bragado, director de Xerais, comenta en Brétemas  o acto de presentación dos libros  Vaia tropa!, de Antón Cortizas, e Vento galerno, de Antonio Yáñez Casal, na Feira do Libro de Ferrol.

 

En Ferrol con Cortizas e Yáñez

Iniciamos en Ferrol o periplo anual polas Feiras do Libro de Galicia, unha andaina para min moi traballosa, aínda que imprescindible, coa que dende a editorial intentamos aumentar a visibilidade das nosas novidades editoriais.

A primeira presentación da xeira foi un acto moi singular no que Antón Cortizas e Antonio Yáñez Casal,  dous autores da Ferrolterra, presentaron cada un o libro do seu veciño. A experiencia resultou extraordinaria.

Yáñez debullou de forma moi enxeñosa e irónica Vaia tropa!, o poemario de limericks de Cortizas, salientando que cada unha destas páxinas «era un auténtico fervor», no que estaba moi presente a nosa tradición oral, transformada e anovada polo xogo verbal até outros rexistros. Cortizas sinalou que Vento galerno, a novela de Antonio Yáñez, estaba escrita cun triple cariño: o de ter ganas de escribir unha historia que antes non existía; o Cariño de Ortegal, presente nun libro mariñeiro a tope, escrito por alguén que chantou as súas raíces no mar; o cariño da nai, identificable nas expresións e no fermoso xeito de contar. Cortizas salientou que nesta novela preséntase un mundo no que a vida pode verse doutra maneira, onde hai outros oficios e outra forma de organizarse diferente do da sociedade na que vivimos.

A pesar do tremendo ballón, regresamos pola autoestrada moi animados do resultado desta primeira etapa. A vindeira estación será a Feira do Libro de Compostela, que se celebrará do 28 de abril ao 6 de maio.

Novidade: «A Torre das Lavercas», de Daniel Ameixeiro, na colección Merlín

13 Abril 2012

Infantil,Merlín,Novidades

A Torre das Lavercas, de Daniel Ameixeiro, é unha das novidades de Merlín para os lectores infantís.

A Torre das Lavercas era unha casa cunha cheminea moi grande e papá puxéralle ese nome porque había moitos niños de lavercas nos arredores. Eu tiña seis anos cando marcharamos dela, e dende aquela xa cambiaramos de casa outra vez máis. Agora estábamos a recoller as cousas para outro novo cambio, iamos a outro barrio da cidade. Xa na nova casa, o meu pensamento aquela primeira noite ía unha e outra vez á Torre das Lavercas; necesitaba volver, era coma se nela houbese algo importante para min. Ao final meu pai levoume ata a Torre. O meu cuarto seguía igual, pero algo xurdiu en min, supoño que había dores que levaba moi dentro e que necesitaba botar fóra, e comecei a chorar. Foi entón cando escoitei aquela voz: —Por favor, non chores. Un calafrío percorreu o meu corpo.

Reedición anovada de «A nena de auga e o príncipe de lume», de Xabier P. Docampo»

12 Abril 2012

Infantil,Merlín,Reedicións

A nena de auga e o príncipe de lume, de Xabier P. Docampo, reedítase nunha edición anovada, revisada polo autor e con novas ilustracións a cargo de Xosé Cobas.

¿Como se fai un conto? Primeiro tes que ter a quen llo contar e, logo inventalo. ¿Ti cres que coa auga e o lume pode facerse un conto? Proba a ver se es capaz. Verás que non é tan fácil xuntar a auga e o lume. Esta nova edición de A nena de auga e o príncipe de lume,integramente correxida polo autor ofrece dous contos inéditos e presenta finais adicionais en cada un deles. Así mesmo, todas as ilustracións foron realizadas de novo para esta edición.

A biografía de Valentín Paz Andrade contada aos nenos e nenas por Charo Portela

9 Abril 2012

Biografía,Merlín,Presentacións

A presentación de Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela, ilustrado por Jaime Asensi, protagonizou o Día do Libro Infatil. Diversos medios de comunicación informaron sobre o acto. Reproducimos a información de El Correo Gallego e, a continuación, a de La Voz de Galicia.

 

Paz Andrade foi o protagonista do Día do Libro Infantil

Cultura e Xerais presentan unha biografía para o público máis novo, asinada por Charo Portela

A Consellería de Educación e Cultura quixo conmemorar onte a celebración do Día do Libro Infantil coa presentación dunha nova publicación Valentín Paz Andrade. Biografía e Antoloxía(Xerais), un volume de Charo Portela sobre a vida e obra do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012 destinada aos lectores máis novos.

Eminente polígrafo galeguista, Paz Andrade será esta ano o protagonista das celebracións coas que a Real Academia Galega distingue cada 17 de maio unha autor ou autor en lingua galega. O libro, que inclúe un relato “ameno e detallado” sobre o escritor, intelectual e empresario galego, foi presentado onte luns polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, pola autora, Charo Portela, e polo editor, Manuel Bragado. Sobre a obra, Anxo Lorenzo destacou que ofrece unha “visión global” sobre a vida de Valentín Paz Andrade así como sobre a súa obra, tanto na súa faceta como poeta coma nos labores de ensaísta e xornalista, que desenvolveu ao longo da súa vida.

Da “apaixonante aventura biográfica” de Valentín Paz Andrade, que nesta obra se conta aos máis pequenos, a autora do libro destacou “por riba de todo” o “compromiso” do intelectual con Galicia.

Charo Portela defende a intensidade da vida de Paz Andrade

É o primeiro achegamento da autora qu publica Xerais sobre o homenaxeado deste ano nas Letras Galegas

 

Enfocado aos máis novos, Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía é o primeiro achegamento de Charo Portela que publica Edicións Xerais sobre a vida de quen este ano será homenaxeado no Día das Letras Galegas.

O volume, presentado onte en Santiago, ofrece unha visión sintética «das moitas tarefas que realizou na súa vida Valentín Paz Andrade». A autora apuntou que ten ultimada unha biografía para adultos que tamén será publicada por Edicións Xerais e que profundiza «máis na vida e na obra».

Ademais de contar os principais feitos vitais de Paz Andrade, o libro de Portela ofrece unha escolma dos principais textos en todos os xéneros, desde a poesía ao ensaio ou o xornalismo.

Antón Cortizas estará no Lendo Contigo, en Gondomar, mañá sábado con «Vaia tropa!»

23 Marzo 2012

Clubs_de_lectura,Infantil,Merlín,Poesía

O libro Vaia tropa! de Antón Cortizas, centrará este sábado 24 o Club Lendo Contigo, de Espazo Lectura, e contará coa presenza do autor na Biblioteca de Gondomar.

Antón Cortizas, no Lendo Contigo deste sábado

O sábado 24 de marzo, a partir das 12:00 horas, terá lugar na Biblioteca de Gondomar a sesión mensual do Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais.
Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é Vaia tropa!(Xerais, 2011), do escritor ferrolán Antón Cortizas.

Contaremos coa presenza do autor
Antón Cortizas estará con nós na Biblioteca de Gondomar para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.
O libro
Vaia tropa! é un libro de poesía do absurdo, do sen sentido, e está pensado para ser lido de formas diversas. Hai poemas que terás que ler de esguello e noutros precisas usar un espello e así poder ler do verso o reflexo. Como non era cousa de poñer só letras alguén debuxou algunhas caretas. E como os debuxos están contrafeitos usarás o espello para velos con xeito. Ao final do libro convidámoste a que inventes algún compañeiro para toda esta xente. Trátase, xa que logo, dun libro xogo, no que a sorpresa da lectura e das ilustracións conforman un conxunto que non pasará desapercibido ao lector.

O autor
Antón Cortizas Amado (Ferrol, 1954) é profesor. En 1986 gañou o premio Curuxa de Humor co relato A medio muller. Desde esa data, a súa dedicación á literatura infantil e xuvenil tenlle deparado moitos recoñecementos, como o premio Barco de Vapor por Memorias dun río (1988) e O conto dos sete medos (1991) e, tamén en dúas ocasións, o premio Xeración Nós de textos teatrais por O coleccionista de sombras (1990) e O incrible invento de Solfis a pianista (1994). Outros títulos publicados por Cortizas son Xiganano, ¿onde estás? (1990), O lapis de Rosalía (1992), A bruxa sen curuxa (1993), O merlo de ferro (1995), A merla de trapo (Premio Merlín 2001) ou ¡Cázame ese pensamento! (2001).

«Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía», de Charo Portela: unha lectura moi proveitosa. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

20 Marzo 2012

Blogs,Críticas,Infantil,Merlín

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre de Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela, ilustrado por Jaime Asensi.

 

Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía

Charo Portela Yáñez

O Día das Letras Galegas 2012 dedicouse a Paz Andrade. Mais este ano é un ano de aniversarios (o centenario de Celso Emilio, o décimo cabodano do pasamento de Casares…) e a figura do homenaxeado está a pasar un chisco desapercibida. Esta biografía e antoloxía da obra de Paz Andrade, dirixida en principio a un público escolar, chega deste xeito nun momento oportuno para que se espalle a obra do avogado, economista e mais escritor pontevedrés. Por outra banda, a obra, aínda que dirixida inicialmente a un lector xuvenil e escolar, é de lectura moi proveitosa para calquera persoa, da idade que sexa, que queira coñecer cal foi o labor de Paz Andrade que o fixo acredor a esta homenaxe da RAG.

A autora sitúa acertadamente os anos mozos de Paz Andrade (nado en 1898, o ano do famoso Desastre) no ámbito das Irmandades da Fala, do galeguismo da universidade compostelá onde se licencia en Dereito en 1921 e na Pontevedra de Castelao e Losada Diéguez.

A década dos anos vinte vén marcada para Paz Andrade, como ben sinala a autora, pola experiencia do xornal Galicia. Diario de Vigo. A biógrafa sintetiza moi ben o que supuxo este xornal na cultura galega, así como o que foron os tempos da Ditadura de Primo de Rivera. Xa nesta década comeza a dedicación de Paz Andrade ao mundo do mar, da pesca, pois en 1927 inicia a súa colaboración na revista Industrias Pesqueras. A autora, con moi boa capacidade de síntese, estudará a dedicación do homenaxeado das Letras Galegas deste ano ás industrias pesqueiras e derivadas do mar, que culminarán coa fundación de Pescanova en 1960, da que Paza Andrade será vicepresidente. Xa daquela era o grande especialista en temas pesqueiros e de economía do mar e colaborado habitual da FAO, a organización das Nacións Unidas para a agricultura e a alimentación.

A autora tamén analiza o labor como poeta de Paz Andrade e mesmo como ensaísta de economía, tanto en galego como en castelán. Dá a debida importancia a esa gran biografía sobre Castelao da que é autor Paz Andrade: Castelao na luz e na sombra (1982). Non pasa por alto tampouco o labor político de Paz Andrade na República, no franquismo e mais na Transición e o papel que tivo para que a Galicia se lle recoñecese a categoría de comunidade histórica, a carón do País Vasco e Cataluña.

Non menos interesante resulta a exposición, mesmo con textos acaídos antoloxizados pola autora, das ideas lingüísticas de Paz Andrade, precisamente cando neste ano se cumpren trinta anos da publicación das NOMIG (Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego). Paz Andrade xa en Galicia como tarea (1957) defendía o achegamento do galego ao portugués, porque era a forma en que o galego se podía converter nunha lingua internacional. Tras a súa experiencia en Mozambique ou Sudáfrica con Pescanova comproba a importancia nesta zona do portugués como lingua internacional, como ben lle sinala nunha carta a Díaz Pardo de 1960, convenientemente antoloxizada pola autora. Na súa obra A galecidade na obra de Guimaraes Rosa volve insistir no tema ou na súa derradeira contribución en libro Galiza lavra a sua imagen (1985). Paz Andrade relata gozoso que o seu galego lle permitía entenderse nestas zonas tan illadas de Galicia con xentes que coñecían o portugués, mesmo en Sudáfrica.

Ben é certo que naqueles anos en que o ILGa, inspirado polas teorías isolacionistas de C. García González e R. Lorenzo Vázquez, perseguía con xenreira todo contacto co portugués, non tiñan moita acollida ideas como as de Paz Andrade. Tanto é así que nas devanditas NOMIG de 1982 se afirmaba o seguinte: Valorar o aporte do portugués peninsular e brasileiro, pero excluír solucións que aínda sendo apropiadas para esa lingua, sexan contrarias á estructura lingüística do galego. O punto de partida e de chegada  en calquera escolla normativa ha de ser sempre o galego, que non debe sacrifica-las súas características propias e relevantes en beneficio das dunha lingua irmá, pero diferente (NOMIG 1982, páx. 8).

Fixémonos no remate deste texto, onde galego e portugués son definidos como linguas diferentes. Ben é certo que anos despois o ILGa, ante as opinións adversas, entre as que temos que incluír as xa vistas de Paz Andrade, cambiou esta consideración e algúns dos seus membros comezaron a espallar a teoría da diferenciación de linguas por distanciamento e elaboración, polo que o galego actual era lingua por elaboración en relación co portugués, mais os dous proceden dun galego-portugués medieval ou mesmo galego medieval que era lingua por distancia en relación co castelán. Este cambio teórico aparece institucionalizado na obra de varios membros do ILGa, onde xa non participan García nin Lorenzo, publicada en 1995 Estudios de sociolingüística galega. Sobre a norma do galego culto (Galaxia).

Que as posturas lingüísticas como as de Paz Andrade, que tan ben salienta a autora desta biografía, foron consideradas é que no punto 4 da Introducción das NOMIG na edición de 2003 xa se engade: Para o arrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental.

O punto 3 da páxina 8 Introducción de 1982 aparece totalmente reelaborado nas NOMIG de 2003 (páx. 12), nunha liña que vai máis polo que pedía o homenaxeado Paz Andrade ou incluso o anatemizado e esquecido Carballo Calero, onde desaparece por completo a consideración do galego como lingua diferente (páx. 12, NOMIG de 2003).

En fin, libro moi bo non só para os escolares, senón para todos aqueles que desexen acceder dunha forma sinxela, mais completa e documentada á obra de Paz Andrade. A autora, ademais, salienta sempre dun modo moi acertado o galeguismo de Paz Andrade compatible cun capitalismo moderno e ata sustentable, emprendedor e cunha Galicia industrial e moderna mais enraizada na súa tradición e desfai o tópico da Galicia rural e campesiña, para presentarnos a imaxe dunha Galicia moderna e innovadora, mais que conserva as raíces, lingua e cultura de seu. Ser galeguista non supón ser antimoderno, rural e campesiño. A autora consegue dar esta imaxe de Galicia que desfai tópicos que aínda hoxe andan por aí e ata penetran no ideario supostamente progresista (véxase o artigo en El País de Galicia do 19-03-2012 de A. Baamonde  onde volve caracterizar o galego pola retranca. Desde aquí recomendámoslle a este autor e a todos que lean o artigo de Rafael Chacón sobre a retranca na web de X.A. Durán La cueva de Zaratustra).

A través da biografía de Paz Andrade dános Portela Yáñez, e ese é para min o mellor mérito deste libro, a imaxe dunha Galicia moderna e emprendedora e duns galegos abertos ao mundo moderno, confiados, emprendedores e lonxe dos tópicos da morriña, das néboas e mesmo da retranca, que só son en moitos casos formas de agochar complexos de inferioridade e de facerlles o xogo aos que nos cren inferiores ou parvos. Como símbolo de todo isto Portela elixe moi ben o orgullo que expresaba Paz Andrade de ter cambiado os hábitos alimentarios modernos coa introdución do consumo do peixe conxelado na década dos sesenta. É un mundo o da Galicia que deixa ver esta biografía moderno, sen complexos, sen néboas e sen retranca. Nestes momentos en que tanto se fala da inutilidade do galego, do conservadorismo da cultura galega, de falta de adaptación ao mundo moderno castelán-anglófilo, que non deixan de predicar os neocon de Feijoo e do PP, mais tamén os falsos modernizadores do PSOE,  cómpre reivindicar figuras como as de Paz Andrade e obras como a de Portela Yáñez.

No eido das ilustracións acerta Jaime Asensi, así como tamén resulta moi ilustrativa toda a información gráfica do libro (cabeceiras de xornas, caricaturas, portadas de libros, fotografías etc.).

Manuel Rodríguez Alonso

Os libros infantís de Ramón Caride. Recensión de Armando Requeixo

12 Marzo 2012

Infantil,Merlín,Sopa de Libros

Armando Requeixo, publicou nos xornais  El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños unha recensión na que fala dos últimos libros de Ramón Caride: Catro amigos pillabáns, na colección Sopa de Libros, e A pomba dona Paz, en Merliño.

 

O ‘hat trick’ de Ramón Caride Ogando

Co temporal que atravesamos, ter un libro novo nas librerías é para case calquera autor motivo de celebración, ter dous é un auténtico luxo, pero ver tres títulos dun mesmo creador como novidades literarias da tempada é un privilexio só ao alcance dos benamados pola deusa Fortuna.

Entre ese escolleito grupo de elixidos cóntase Ramón Caride Ogando, quen acaba de pór en circulación un pequeno álbum para primeiros lectores autónomos (A pomba dona Paz), un relato para lectorado de cursos medios de Primaria (Catro amigos pillabáns) e mais un poemario para público adulto (A chuvia humana), todos tres, como se verá, textos de interese e apostas literarias que resultan enriquecedoramente complementarias.

A pomba dona Paz é unha emotiva e comprometida historia ilustrada por Pepe Carreiro. Nela, a través dos ollos da pomba Paz, téntase concienciar os máis pequenos da necesidade de ser solidarios, o inxusto das desigualdades sociais, do perigoso urbanismo antiecolóxico, do desastre da biodegradación planetaria, da loucura de morte e destrución que arrastran os conflitos armados, da dureza da emigración, do terrible da discriminación sexual e o maltrato e explotación infantís e, sobre todo, este libro deposita nas nenas e nenos do mundo a esperanza de que sexan eles os que consigan no futuro mellorar este caos global que crearon os seus maiores.

Máis alá das mensaxes benintencionadas e literariamente abondo coñecidas do volume anterior, Catro amigos pillabáns ofrécenos unha narración aventureira na que, a xeito de moderna fábula, catro –logo cinco– amigos inician unha fantástica viaxe na que irán descubrindo seres e salvando obstáculos.

Deste xeito, Mamporquiño (un suíno), Murrigato (un gato), Caracol Col (un cosco) e Murrato (un roedor) –cal novos Winnie Pooh e compañía– van coñecendo territorios e experiencias que os farán medrar na súa amizade e capacidade de superación.

(…)

Armando Requeixo

Guía de lectura de «Vaia tropa!», de Antón Cortizas, elaborada por Espazo Lectura

9 Marzo 2012

Animación á lectura,Infantil,Merlín,Poesía

O sábado 24 de marzo Espazo Lectura celebrará na Biblioteca Municipal de Gondomar a súa sesión mensual do club de lectura compartida Lendo Contido, dedicada ao poemario Vaia tropa! de Antón Cortizas, durante a que estará presente o autor.

Con tal fin, os responsables da asociación elaboraron unha guía de lectura do libro, que reproducimos.

 

Poeta, avogado, xornalista, empresario: Paz Andrade explicado para escolares. Entrevista con Charo Portela en Radiofusión

20 Febreiro 2012

Audios,Entrevistas,Infantil,Letras_galegas,Merlín

Radiofusión publica unha entrevista en audio con Charo Portela, sobre o libro Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, ilustrado por Jaime Asensi.

A entrevista a Charo Portela pode escoitarse aquí.

 

Charo Portela explica a vida de Paz Andrade aos escolares

O libro repasa as distintas facetas do homenaxeado nas Letras 2012

Relatar unha vida tan complexa como a de Valentín Paz Andrade de xeito accesible para o público infantil e xuvenil foi o reto que se marcou Charo Portela. “Quixen abarcar todas as súas facetas”, explica autora de Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, quen asegura que o protagonista do Día das Letras Galegas 2012 “pode e debe ser un exemplo” tanto para pequenos como para maiores.

Cultura • 19/02/2012 • Autor: Redacción

A obra, que acaba de chegar ás librarías da man de Xerais, repasa o labor de Paz Andrade como avogado, empresario, especialista en temas pesqueiros, político, poeta ou xornalista. Charo Portela apóiase para iso en distintos documentos, fotografías e nunha cronoloxía. As ilustracións corren a cargo de Jaime Asensi e o volume complétase cunha antoloxía de poemas e artigos do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012.

 En 1997 Charo Portela publicou, en colaboración con Isaac Díaz Pardo, Epistolario de Valentín Paz Andrade, e, segundo explicou nos micrófonos de Radiofusión, está xa a traballar noutra obra centrada na mesma figura.

Unha biografía documentada e fluída. Crítica de Ramón Nicolás sobre «Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía», de Charo Portela

17 Febreiro 2012

Biografía,Crónica,Infantil,Letras_galegas,Merlín

Ramón Nicolás publica no seu blog, Caderno da crítica, unha recensión de Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela, ilustrado por Jaime Asensi.

 

Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela Yáñez

Chegoume onte este ensaio  e non puiden evitar a tentación de priorizar a súa lectura tanto polas expectativas depositadas neste traballo que sabía ía realizar Charo Portela como pola revisión biográfica de Paz Andrade, en clave sintética e divulgativa, que agardaba. E o certo é que non me defraudou en absoluto, tal e como sospeitaba dunha investigadora e ensaísta como Portela, que xa posuía unha traxectoria fecunda e solvente no ámbito das investigacións e exhumacións textuais vinculadas coa figura de VPA.

     Tendo sempre presente que o este traballo concreto -agárdase outro estudo da súa autoría de maiores dimensións na mesma casa editora- está orientado cara a un lectorado fundamentalmente novo mais tamén cara a aquel que pouco ou nada coñece arredor da figura á que se lle dedica o Día das Letras Galegas, coido que a autora chega a un acaído punto medio que redimensiona con xeito os diferentes focos de interese que unha biografía como a de VPA pode ofrecer, porque este libro é,  sobre todo, un exercicio biográfico moi documentado e construído cun discurso expresivo efectivo e fluído que permite, ademais, asomarse a algunhas facetas do escritor pontevedrés que até o de agora resultaban pouco difundidas ou coñecidas.

    O fío cronolóxico, así pois, que se emprega como criterio desta biografía é o que posibilita viaxar no tempo desde os primeiros anos de VPA ata o seu labor na chamada transición; desde a súa valoración e perspectivas respecto da lingua galega ata o seu traballo político;  das vivencias experimentadas na guerra á súa relación con Castelao ou desde o seu traballo a prol da modernización da pesca galega a iniciativas proxectadas en traballos de corte literario ou creativo, avanzando sempre  con soltura e apoiándose, cando é preciso, tanto na reprodución dun apreciable corpus fotográfico e documental, incluíndo neste último grupo fragmentos epistolares, poéticos, ensaísticos, xornalísticos ou doutra índole que serven para iluminar socalcos vitais e profesionais que revelan a intensidade dunha vida.

     O libro de Charo Portela, acompañado das atractivas ilustracións de Jaime Asensi, deixa ás claras ese perfil integrador de VPA, que desenvolveu tarefas como avogado, político, empresario e literato dominado por un incuestionable compromiso co país como sinala a biógrafa. Ademais, é Portela quen se  responsabiliza dunha equilibrada e representativa escolma textual do propio VPA recollendo textos poéticos, xornalísticos ou ensaísticos, de moita utilidade tanto no ámbito docente como noutros territorios que estean dominados pola curiosidade e o coñecemento.

Ramón Nicolás

Charo Portela: «A vida de Valentín Paz Andrade é apaixonante». Entrevista no Diario Cultural da Radio Galega

15 Febreiro 2012

Audios,Biografía,Entrevistas,Infantil,Merlín,Radio

O programa Diario Cultural, da Radio Galega, realizou onte unha entrevista de Anxo Quintela con Charo Portela, sobre o libro Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, ilustrado por Jaime Asensi. Publicado na colección Merlín, é a primeira biografía sobre o autor das Letras Galegas 2012, dirixida ao público escolar, que ve a luz.

A entrevista con Charo Portela pode escoitarse aquí.

«Vaia tropa!», de Antón Cortizas: intelixencia e enxeño. Crítica de Ramón Nicolás

14 Febreiro 2012

Blogs,Críticas,Infantil,Merlín,Poesía

Ramón Nicolás publica no seu blog, Caderno da crítica, unha recensión de Vaia tropa!, o libro de poemas de Antón Cortizas ilustrado por Mª Reyes Guijarro.

 

Había xa certo tempo que quería deixar aquí as miñas impresións sobre Vaia tropa! de Antón Cortizas, un libro que hai que inserir, por dereito propio, nese camiño que pretende vivificar o discurso poético dirixido a primeiros lectores e que o fai optando por un camiño que non é doado, isto é,  abeirándose a unha estética raiana cos denominados «nonsenses» e con aquilo considerado rotundamente absurdo.

     A súa proposta, desprexuizada e heterodoxa, paréceme traballada desde a intelixencia e o enxeño. Promove ademais, desde un ricaz espírito lúdico, o achegamento á linguaxe poética con suxestións e achados en ocasións moi sorprendentes e efectivos, instalándose tamén nas proximidades dos chamados limericks, deitando un resultado global máis que satisfactorio sobre todo, ao meu xuízo, porque o autor nada ademais entre as augas do humor e a ironía, sen deixar entrever outras preocupacións temáticas que o lector deberá ir descubrindo segundo as súas propias capacidades.

    Vaia tropa!, por outro lado e talvez aí resida un dos seus encantos, permite pero desaconsella, unha lectura plana e acougada; moi ao contrario é este un libro que cómpre xiralo, erguelo ao nivel dos ollos ou baixalo para atopar a perspectiva axeitada e poder ler algunhas composicións…, cómpre ler de dereita a esquerda e de esquerda a dereita, cómpre axudarse dun espello que o libro inclúe para ler cabalmente algúns poemas e posibilita, en fin,  que cadaquén entenda como queira as metáforas ou descubra o que é un caligrama… Non é pouca cousa, abofé, o que esa proposta vitalista e divertida encerra.

Ramón Nicolás

«Honorato, o rato namorado», de Antonio García Teijeiro, na Casa da Lectura de Gondomar

Animación á lectura,Infantil,Merlín

Na Casa da Lectura, en Gondomar, contarase esta tarde Honorato o rato namorado, de Antonio García Teijeiro.

 

Este mércores na Casa da Lectura temos unha sesión de dinamización lectora protagonizada por ratos poetas. A partir da lectura dos contos Frederik, de Leo Lionni (Kalandraka), e Honorato o rato namorado, de García Teijeiro (Xerais), vannos medrar bigotes e orelliñas e, transformados en roedores, imos saír ao xardín da Casa para recitarlle poemas á lúa.
A actividade comeza a partir das 18:30 horas.
Estas imaxes recollen varios momentos da sesión do mércores pasado, cando se musicaron e cantaron poemas do libro Recendos de aire sonoro despois de que cada neno e nena contruíse o seu propio instrumento de percusión.

Novidade infantil: «Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía», de Charo Portela, na colección Merlín

7 Febreiro 2012

Biografía,Infantil,Merlín

Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela, ilustrado por Jaime Asensi, é unha das novidades da colección Merlín do mes de febreiro.

Este libro relata de forma amena e detallada a vida de Valentín Paz Andrade. As súas actividades como avogado, empresario, especialista en temas pesqueiros, político, poeta ou xornalista son presentadas por medio de documentos, fotografías e unha completa cronoloxía Unha aventura biográfica apaixonante dun home clave na historia do século XX, que concebiu Galicia como a súa tarefa. Completa o volume unha antoloxía de poemas e artigos do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012

O xogo poético, lúdico, do sen sentido, preside «Vaia Tropa!», de Antón Cortizas. Crítica de Paula Fernández

2 Febreiro 2012

Críticas,Infantil,Merlín,Poesía

Paula Fernández publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica de Vaia tropa!, o libro de poemas de Antón Cortizas ilustrado por Mª Reyes Guijarro.

 

Xogo poético

Humor fundamental

Vaia tropa! é un xogo poético do sen sentido, do lúdico que ten o absurdo, plasmado en pequenos poemas de formas diversas acompañados das singulares ilustracións de Mª Reyes Guijarro (Sevilla, 1975). É un poemario que Antón Cortizas (Ferrol, 1954) pensou con acerto para os nenos, para que estes interactúen e collan o libro, para que o lean ou o canten, para que lle dean voltas e lean do revés, en vertical ou caligramas ao tempo que descubren, grazas ao espello que achega o propio libro, o que agochan as súas ilustracións anamórficas. É entón un xogo para ler poemas rimados de ritmo e musicalidade moi marcados.

Son setenta poemas inspirados nos limericks irlandeses, con variacións formais e temáticas que amosan o estilo do autor. A maioría son de cinco versos e veñen precedidos dun prólogo en verso que xa adianta o que vai chegar e cal é o seu obxectivo. Preséntanse nese prólogo as peculiaridades dos extravagantes protagonistas deses poemas que queren acadar que a xente lea poesía, unha manía do autor, son personaxes tolos e raros que navegan pola xeografía galega, ou pola estranxeira, deixando imaxes fantásticas e situacións moi divertidas.

Aínda que o humor é fundamental, cómpre salientar o segundo nivel de lectura,pois alén do xogo están Galicia –o país das merendas– e a lingua.Por esta banda é un libro maduro, non desbota o social dentro desa atmosfera lúdica e respecta a quen le, un lector que o autor sabe cualificado para entender as metáforas e todo o que dá a poesía.

Paula Fernández

Humanos e raposos. Anotación en Trafegando Ronseis sobre «Memorias dun raposo», de Antonio Reigosa

27 Xaneiro 2012

Blogs,Críticas,Infantil,Merlín

O blog Tragefando Ronseis publica unha anotación de Gracia Santorum sobre Memorias dun raposo, de Antonio Reigosa.

Memorias dun raposo

Despois de recibir un tremendo paquete, a miña primeira lectura foi para Memorias dun raposo, con ilustracións de Manolo Uhía, publicado pola editorial Xerais. O autor, claro, Antonio Reigosa: o “enviador”.
É difícil non estar predisposta á lectura coñecendo ao seu autor e o seu sentido do humor, un humor do que fai gala ao longo do libro, que por certo xa está na súa undécima edición. Por algo será!
Un libro que, ademais, foi Premio Merlín no ano 1998. Xa choveu! Pero eu, que agora ando a buscar lecturas axeitadas para os máis pequechos, teño que me poñer ao día.
E falando de lecturas axeitadas, vaia se o é! Sei que a rapazallada máis nova vai gozar destas memorias dun raposo que as sabe todas e que nolas conta para que os humanos vaiamos aprendendo das súas artes e da súa intelixencia, se é que damos. Que o dubido.
Buscar comida e lograr a supervivencia son as características básicas dos raposos, pero os outros animais tamén estarán presentes, posto que convivir con lobos, galos, ovellas ou homes non é doado e as artimañas deben ser cada vez máis complexas.

«A pomba dona Paz», de Ramón Caride e ilustrado por Pepe Carreiro, unha novidade da colección Merliño, que se presenta o Día Escolar pola Paz

25 Xaneiro 2012

Merlín,Novidades,Presentacións

A pomba dona Paz, de Ramón Caride e ilustrado por Pepe Carreiro, é unha das novidades do mes de xaneiro da colección Merliño. O libro será presentado o próximo 30 de xaneiro, Día Escolar pola Paz,  ás 12 horas na Escola Infantil A Pastora de Cambados. A información sobre o acto pode lerse no Diario de Arousa.

Dona Paz é unha pombiña que vive a rentes do ceo. Nunha casiña moi linda entre as torres dunha igrexa. En conto o día amañece vai pasear moi cediño, para ver que cousas pasan polas prazas e os camiños. O día 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar pola Paz en conmemoración da morte de Mahatma Gandhi, unha data que contribuíu nos centros educativos de xeito moi especial á difusión da Educación para a Paz. A pomba dona Paz é un relato concibido para que os lectores e lectoras máis novos participen tamén dos valores da construción pacífica da sociedade e da cidadanía democrática. Un libro que é un vieiro da esperanza cara a un mundo en paz e igualdade.

Ritmo frenético e moito humor en «Mil cousas poden pasar. Libro II», de Jacobo Fernández Serrano. Crítica de Paula Fernández

19 Xaneiro 2012

Críticas,Infantil,Merlín

Paula Fernández publica no Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Mil cousas poden pasar. Libro II, de Jacobo Fernández Serrano.

 

Novela experimental

 Con ben pensada fantasía

A segunda parte da que fora a gañadora do Premio Merlín de literatura infantil no ano 2009 volve agora para non decepcionar o seu público e resolver,xa que logo, todos os asuntos que quedaran pendentes naquela primeira entrega.

Este Libro II de Mil cousas poden pasar, que poderiamos definir como unha novela experimental infantil, comeza lembrando retallos do primeiro e do que lles acontecera aos seus personaxes protagonistas, para meterse de volta nunha historia na que as aventuras se recrean nun mundo de fantasía perfectamente pensado e articulado, tan perfecto que penetramos nel crendo,e entendendo real, a narración duns sucesos incribles.

Agora Hedión ten un plan perverso para acabar con Pouco, en Nil acontecen moitas cousas mentres Lina e Pouco non están, e a viaxe de volta destes dous á vila estará chea de aventuras. E todo isto con pequenas historias que se introducen na principal, á beira de valores fundamentais na educación dos nenos e das nenas e seres marabillosos e sorprendentes que enriquecen aínda máis o universo creado por Jacobo Fernández Serrano (Vigo, 1971). E humor, moito humor, para chegar a un bo desenlace.

Todo acompañado do ritmo, frenético, que xa caracterizara a primeira parte e das ilustracións, inconfundibles, do autor.

De seguro esta lectura fará agromar nos lectores os mesmos sentimentos ca o Libro I. Abraio e divertimento. Gozar cunha novela dende a primeira páxina é difícil e, se cadra, no eido infantil aínda máis. Jacobo conségueo, outra vez.

Paula Fernández

Entrevista con Antón Cortizas sobre «Vaia tropa!»: «Algúns versos lense do revés, do dereito, de arriba a abaixo ou de esguello»

10 Xaneiro 2012

Autores,Entrevistas,Merlín

O Diario de Ferrol publicou unha entrevista de M. J. Rico con Antón Cortizas sobre Vaia tropa!.

 

«Ós nenos gústalles a poesía, entenden as metáforas e os ritmos»

Antónb Cortizas publica Vaia tropa!, un libro de poemas e xogos visuais inspirado nos limericks

—Vaia tropa!, é un proxecto recente?
—Este libro leva feito dez ou once anos pero non sei que fado ocorreu que quedou así, sen editar.., foi un traspapeleo destes que se dá. Ultimamente, pegueille un repaso.

—É poesía para nenos.
—Son poemas moi breves todos eles, de cinco versos, aínda que longos, de situacións absurdas, do “nonsense”. Pretendía que provocase unha maneira diferente de poñerse a ler. Por iso interprétase tamén como un xogo.

 —Que teñen en común?
—A liña que os une é a estrutura do verso. 0 verso é ó estilo dos limericks, que son uns poemas de tradición oral populares en Irlanda. Proveñen desa cidade e divulgounos moito Edward Lear no século XIX. Non coinciden exactamente porque os limerieks son cinco versos de menos sílabas, e os últimos, algúns, son de pé quebrado. Estes non, fíxenos todos iguais. Son poemas do absurdo e moitos deles situaban en idades ou localidades a tipos curiosos, cun detalle bárbaro, estraño. Os meus, en común con eles teñen que vai sendo así, personaxes que viven nalgún sitio. E ese sitio procurei que fose o noso país. E log teñen algún transfondo, evidentemente, entre liñas hai lecturas claras.

—Por exemplo? Algunha referencia social?
—Pois entre elas, algunha referencia vai á lingua. Tamén hai un que fala do país das merendas, que é o noso: “Coñezo unha terra, un país de lenda, que chea de festas ten a súa axenda”…. Son dese estilo, cunha dobre lectura.

 —As ilustracións, de María Reyes Guijarro, axudan ó xogo.
—A miña idea, cando presentei o proxecto, era que algúns destes limericks fosen ilustrados de forma anamórfica. Son ilustracións que se teñen que mirar a través dun espello cilíndrico, están deformadas de tal maneira que ó colocar un espello cilíndrico en determinado lugar na páxina vense ben. É unha técnica pictórica que existe desde hai séculos e que lle dá tamén unha certa variación. E outras ilustracións van acompañadas de peculiaridades do propio texto. Unhas en curva, outras ó revés, hai que lelas a través do espello tamén. Hai propostas de lectura diferentes porque tamén os versos lense ó revés, outros ó dereito, outros de arriba a abaixo, outros hai que lelos de esguello, é dicir, poñendoo libro en horizontal e poñendo os ollos ó nivel da páxina.

Hai déficit de poesía para os nenos?
—O déficit vén dado polo que se edita e polo que non se edita, nada máis. O que sobra é poesía, e teatro e narrativa. Se hai oportunidade de editar e a xente le, a capacidade creativa de calquera lugar do mundo desenvólvese. Foi o que nos pasou a nós. En canto a lingua, tenta lograr o estatus que merece e que lle corresponde por natureza, empeza a desenvolverse a literatura e outras cousas máis. A lingua é unha riqueza que non podemos negar ninguén, crea postos de traballo, permite exportar os autores, tradficense os libros.., en tódolos aspectos é unha riqueza a nosa lingua, é unha pena que a xente non o comprenda así e a destrúa. Pero, como dicía, se hai a oportunidade de editar a xente escribe. En poesía, o problema é que se vende menos, non sei cal é a razón pero a xente le máis narrativa. Ó ser máis difícil editar, pois hai menos. Co teatro pasa outro tanto, aínda hai menos. Pero cando hai concursos literarios de teatro preséntase xente. 0 que pasa é que logo, ó mellor, dese certame edítase unha obra, dúas ou ningunha. Ó mellor é iso da oferta e da demanda.

—Porén, a poesía semella moi axeitada para lerlles ós henos ou para que canten e lean contigo.
—Ós nenos gústalles a poesía, e son moi capaces de comprender as metáforas e os ritmos. A poesía é ritmo sobre todo e iso entra mol bcn para a lectura, a lectura con ritmo é preciosa.

 —Agora mesmo, ten algún proxecto editorial pendente?
—Eu espero que para o próximo ano sala o libro que se vai chamar Tastarabás, que ten Xerais en maquetación.

—¿Tastarabás?
–É o nome da carraca na zona norte de Cedeira e por aí. É un libro sobre o xoguete e o brinquedo tradicional que máis bcn van ser dous ou tres tomos. Levo trabaliando nel desde o ano 2004, que foi cando empecei a sistematizar e a organizar. Estendeuse, estenacuse, estendeuse.., para ser necesarios varios volumes. Levará moitísimas fotografías, máis de 2.000. E tamén a descrición de como se fabrican, algúns xogos que se fan con eles, referencias literarias que hai sobre ese tipo de brinquedo.

 —Polo que comenta, sería como unha referencia para o xogo tradicional, case unha enciclopedia.
—Si, por aí vai a cousa. Entre unhas cousas e outras sobrepasa as mil entradas. É que dentro dunha mesma entrada hai variantes ou varias posibilidades de fabricación.

—Que ámbito abarca, Ferrolterra?
—Toda Galicia, dentro das miñas posibilidades. Houbo moita colaboración e moita axuda de compañeiros do traballo, da escola. A algúns lugares ós que fun por isto da literatura presenteilles unhas fichas para ver se me facían o favor de que os nenos preguntasen na casa e iso enriqueceu moito o traballo. E logo hai tamén moita bibliografía, eu creo que da que está publicada no noso país, case toda, porque toda nunca o podes dicir. E logo, comparando con outros países e con outros lugares, hai bibliografía do noso ámbito cultural europeo. Ó final, a conclusión é que todos temos a mesma cultura lúdica e todos.

M. J. Rico

 

«Vaia tropa!», de Antón Cortizas: poemas para ler de esguello ou que precisan dun espello

14 Decembro 2011

Críticas,Infantil,Merlín,Poesía

El Correo Gallego inclúe hoxe unha recensión de Isabel Soto sobre Vaia tropa! de Antón Cortizas.

Poemas para ler de esguello ou que precisan dun espello

A sorprendente lectura e as ilustracións converten ‘Vaia tropa!’ nunha orixinal proposta para xogar, viaxar e imaxinar

O ano 2011 deixará un balance de poemarios destacables por incidiren na dimensión máis lúdica da poesía, un xénero sempre necesitado de amparo na LIX galega. Camiñando por esta verea, Xerais presenta na colección “Merlín”, Vaia tropa!, volume que asina Antón Cortizas (Ferrol, 1954) na compaña da ilustradora Mª Reyes Guijarro (Sevilla, 1975).

Nel atopamos setenta poemas precedidos dunha dedicatoria que adianta os seus habitantes: unha cumprida e particular tropa de tolos e tolas que, no entanto, sofren dunha especial rama da doenza que os sitúa ben lonxe do convencional, espertando sorrisos a través dos xogos con palabras e sons e das reviravoltas da realidade. Neste sentido, o poemario dialoga co absurdo, como é sabido, un dos ingredientes na LIX de todos os tempos e latitudes e, se cadra, a liña temática que ten achegado realizacións máis acaídas e universais.

Porén, Cortizas amplía os límites da súa proposta engadindo poemas que nos obrigan a realizar unha inédita ximnasia libresca, pois nuns cómpre afastar o libro, pegalo a rentes dos ollos, darlle a volta ou mesmo xiralo, mentres que noutros debemos aguzar a vista para descubrir o que as liñas riscadas ocultan ou incluso ler en vertical.

Para algunhas destas actividades precisaremos a cartolina en cor prata que fai de espello e que acompaña o libro, necesaria tamén para descubrir a maxia das imaxes anamórficas e as súas ilusións ópticas, que abraian cando se despregan e nas que se intúe a complexidade de realización. O resto de imaxes salientan a dimensión absurda dos poemas ou conceden protagonismo a determinados detalles e, neste sentido, constitúen un complemento perfecto dos textos.

Antón Cortizas dialoga coa tradición poética empapando os seus versos con recursos de base popular, tales como rimas absurdas, palabras inventadas ou aliteracións fonéticas e silábicas constantes, situando, a carón de referencias á xeografía galega, outras que nos fan viaxar a lugares como Rusia, China, Porto, Lisboa, Sevilla ou Marsella, onde viven personaxes igualmente interesantes e insólitos. Todos eles dispoñen de cadanseu retrato versificado no que se adoita incluír a súa profesión e/ou a característica que os singulariza.

Deste xeito, nun molde que vén de vello caen condutas actuais enfocadas desde un humor moi serio, sen renunciar á narratividade nin a inserir espazos baleiros nos que o lectorado debe asumir un papel activo e empregar a imaxinación para descubrir o tolo protagonista.

O retranqueiro prólogo que se antepón aos poemas funciona como axeitada entrada á obra, ao tempo que enuncia a poética dun autor para o cal non deixa de ser como unha manía, pretender que lea a xente poesía. Nel atopamos, ademais, as instrucións para achegarse a esta divertidísima e literaria tropa.

Isabel Soto

O ritmo trepidante de «A chave da Atlántida», de Anxo Fariña

13 Decembro 2011

Críticas,Infantil,Merlín,Premios_Xerais

A Escola do Faro publica unha recensión sobre e A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, libro que gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil 2011.

 

A chave da Atlántida

Esta novela de Anxo Fariña (Vigo, 1977) logró el Premio Merlín de Literatura Infantil 2011 y es una obra de ciencia ficción en la que, en un ritmo trepidante, se mezclan los mitos de una civilación antigua con las posibilidades ofrecidas por las biotecnologías y la robótica del futuro.

Es una aventura que no da trehua en la que no faltan ni el amor ni las persecuciones, ni las pruebas fantásticas, en la que se somete a indagación de los lectores más jóvenes uno de los tópicos de la mitología clásica.

Los científicos del proyecto Prometeo crearon un A-cero, un ser humano artificial, que los bioingenieros de una empresa desarrollaron a partir de la lectura de unos pergaminos encontrados en una fosa marina cuando investigaban sobre la ciudda sumergida de la Atlántida. Aquellos pergaminos dejaban ver unos planos en los que se identificaban secretos ocultos y capaces de construir un nuevo futuro para la ciencia y la humanidad. La huida de A-cero desencadenará una búsqueda de la Atlántida.

«Contos por palabras», de Agustín Fernández Paz. Recensión no suplemento Babelia de El País

12 Decembro 2011

Críticas,Infantil,Merlín

O suplemento Babelia, de El País, acollía o pasado sábado unha pequena recensión de Contos por palabras, de Agustín Fernández Paz, asinado por Víctoria Fernández.

 

Contos por palabras

Obra ganadora del Premio Lazarillo 1990, se trata de un original conjunto de ocho cuentos breves, de temática variada, pero con un nexo común: todos ellos están basados en los “anuncios por palabras” que aparecen en la prensa. Partiendo de frases tan escuetas como “¿desea usted encontrar su pareja?”, “urge manicura” o “necesítase limpiacristales profesionales”, y demostrando su gran capacidad de fabulación y su gusto por subvertir la “normalidad” cotidiana, Fernández Paz ha urdido una estupenda serie de cuentos –fantásticos, divertidos o misteriosos, que de todo hay en el conjunto– que primero provocan la curiosidad, luego sorprenden y, finalmente, complacen al lector.

V. F.

Adiantarse ao futuro cunha narración atractiva: crítica de María Navarro sobre «A chave da Atlántida», de Anxo Fariña

9 Decembro 2011

Críticas,Infantil,Merlín,Premios_Xerais

María Navarro publicou no Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica de de A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, libro que gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil 2011.

 

Acción atractiva

Da ciencia e da ficción

Se definimos a ciencia como o conxunto de coñecementos caracterizados pola capacidade para facer precisións exactas sobre unha parte da realidade e mais a ficción, o produto da imaxinación e da fantasía, daquela a ciencia ficción viría ser o resultado de aplicarmos e sistematizarmos uns acontecementos posibles, desenvolvidos nun marco espazo–temporal puramente imaxinario.

Pois ben, iso é precisamente o leva a cabo Anxo Fariña na súa obra A chave da Atlántida. Toma uns personaxes reais cos que fundamenta narrativamente a versomilitude do relato, introduce a figura dun humano artificial, que traspasa as fronteiras da pura creación, bota man do pasado, porque sempre resulta atractivo indagar sobre mitos e adiántase ao futuro polas múltiples posibilidades queofrecen a biotecnoloxía e a robótica á hora de deseñar sucesos extraordinarios.

O resultado é unha novela que, sen esquecer os tempos que vivimos, nos sitúa nunha época que zuga do pasado aquilo que foi positivo e ensoña o futuro nun porvir ditoso para a humanidade. E como as notas discordantes son as que activan os resortes da animación, non faltan tampouco os enganos e as trampas que calmen a sede de poder para proporcionarlle intriga ao relato.

O texto,que ben podería ser o guión dunha película polo deseño dos personaxes, polo atractivo da acción e pola configuración dos acontecementos, é digno gañador da vixésimo sexta edición do Premio Merlín de literatura infantil, fallado en xuño de 2011 e fai ao seu autor merecente do recoñcemento que, sen dúbida, lle farán os lectores mozos.

María Navarro

«Restaurante Farruco», de Chus Pereiro: anotación no blog Trafegando ronseis

7 Decembro 2011

Blogs,Críticas,Infantil,Merlín

O blog Trafegando ronseis publica unha anotación de sobre Restaurante Farruco, de Chus Pereiro.

 

Chus Pereiro é a autora de Restaurante Farruco, texto teatral infantil publicado pola editorial Xerais con ilustracións de Xan López Domínguez. Utilizando o verso rimado, a autora constrúe unha peza disparatada nun só acto, nun só día, nun só espazo. Neste espazo, o restaurante, onde os comensais falan do prezo esaxerado -ao mesmo tempo que se deixan entrever as diferenzas de clase ante un rei ao que non lle importa gastar-, hai algo que semella misión imposible: comer. E o porqué atopámolo na serie de animais vivos que deberían agardar a seren cociñados pero que non se amosarán dispostos ao sacrificio. Normal, por outro lado!
Iso si, nun restaurante de luxo hai que pagar, pase o que pase. E aí reside o timo do restaurante.
Así que poderiamos dicir que estamos ante o teatro do absurdo infantil, ben convertido e dirixido a nen@s que o pasarán en grande ou ben lendo ou ben representado esta obra.

Reivindicando as historias: Entrevista de Lourdes Varela con Anxo Fariña: «palabras e imaxes xórdenme ao tempo»

1 Decembro 2011

Autores,Entrevistas,Infantil,Merlín,Premios_Xerais

Lourdes Varela publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha entrevista con Anxo Fariña, sobre o seu libro  A chave da Atlántida, Premio Merlín 2011.

«Cando conto unha historia, palabras e imaxes xorden ao tempo»

 Anxo Fariña (Vigo, 1977), licenciado en Belas Artes, escritor, ilustrador e director de arte, gañou este ano o Premio Merlín con A chave da Atlántida: unha obra que, ademais, sae do prelo con ilustracións súas. Fariña é o creadordos “Megatoxos”, unha colección que se converteu xa en referente da nova literatura infantil e xuvenil feita en Galicia.

-Lectura, escritura, debuxo… Que vocación foi a primeira que xurdiu en vostede?
-Sen dúbida, xurdiu primeiro a da lectura. De neno devoraba libros, revistas, xornais… todo o que caía nas miñas mans. A vocación pola escritura chegou despois. De neno encantábame inventar historias, mais non as escribía. Co tempo sentín esa necesidade de plasmar esas narracións, e así xurdiu o meu primeiro conto “Xabi non pode durmir”: un álbum ilustrado que narra as aventuras de Xabi polo mundo dos pesadelos.

-A figura do escritor-ilustrador (sobre todo, se é bo en ambas cousas) é unha rara avis, e non só en Galicia; hai que estar moi seguro dun mesmo de que se están a facer as dúas cousas ben. Vostede terma da súa calidade nas dúas facetas ou coida que destaca nomeadamente nalgunha delas?
-En primeiro lugar, gustaríame dicir que me considero afortunado por poder combinar as dúas actividades creativas. Respondendo á pregunta, eu son o meu maior crítico co meu traballo. Intento dar o mellor de min mesmo en cada libro. Iso non quere dicir que non trate de mellorar e evoluír cada día no meu labor. Antes pensaba que debuxaba mellor do que escribía, mais hoxe en día penso que estou moito máis equilibrado e atópome igual de cómodo nas dúas disciplinas. Este ano as valoracións externas chegaron polas dúas canles, concedéronme o Merlín de literatura infantil, por un texto,e tamén quedei seleccionado na prestixiosa bienal de Bratislava por unhas ilustracións. Un pouco de cada.

-Cando un lector le a descrición dun escritor, imaxina como son ese tal persoaxe, paisaxe, lugar… do que está lendo. Nos libros nos que vostede é o ilustrador doutro escritor, que parte hai do que lle di (ou “aconsella”) e que parte é a que vostede aporta como “lector ilustrador? É dicir, que tipo de diálogo mantén co escritor ao que vai ilustrar?
-Nas ocasións nas que só son ilustrador, procuro buscar un enfoque particular ao libro e complementar o texto. Dependendo do que me inspire este, procuro a técnica axeitada,a gama de cores.O que intento evitar é unha transcrición literal e repetir en imaxes o que xa explica o texto.Tamén depende do autor, da editorial…

 -Cales son os seus referentes como escritor e cales como ilustrador?
-Cando preciso inspiración, prefiro buscar noutras disciplinas diferentes ás que practico, como a música ou a arquitectura. As viaxes tamén me serven como fonte de referencias, tanto visuais como narrativas.

-Considera un libro escrito por vostede, pero ilustrado por outro debuxante?
-Non é algo que desbote, pois hai tantos ilustradores fantásticos que resultaría moi interesante o experimento. Polo de agora, prefiro eu ocuparme de texto e ilustracións. Deste xeito podo narrar con maior liberdade, xa que o que non explico con palabras podo facelo mediante imaxes.

-Se, por esixencias da editorial, vostede fose o autor só do texto, non das ilustracións, que tipo de relación mantería co ilustrador?
-Depende moito do ilustrador… Pero penso que faría o que me gusta que fagan conmigo, que me deixen liberdade creativa.Eu daríalle unhas liñas xerais de estilo e, a partir de aí, deixaríame sorprender.

-Se falamos agora xa non só da literatura adulta, senón da gran literatura universal, vostede atreveríase a ilustrar libros como, por exemplo, Cen anos de soidade de García Márquez ou o Ulises de Joyce? Pregúntollo porque moitos lectores consideraríano toda unha ousadía.
-Un reto de tamaña magnitude supón unha gran responsabilidade. Precisamente por este motivo, encantaríame formar parte dun proxecto semellante. Poida que para moitos lectores supoña unha ousadía, mais, ás veces, de ideas aloucadas poden agromar resultados incribles. No seu momento, Miquel Barceló realizou unhas magníficas ilustracións para unha edición especial da Divina Comedia de Dante Alighieri. Supoño que tería críticas do máis diverso, pero cando fas arte non podes contentar a todo o público por igual.

 -Do cómic estáse a pasar agora ao que se deu en chamar a “novela gráfica”. Atráelle este xénero ou pensa que o seu xeito de escribir e ilustrar non ten nada que ver coa novela gráfica?
-Ultimamente temos algúns exemplos de gran calidade deste xénero e sempre me gustou a banda deseñada. Hoxe en día hai cabida para todo tipo de estilos de narración e temáticas.A medio prazo non desboto arriscar e embarcarme nalgún proxecto. Pero polo de agora estou máis centrado na literatura.

 -Hoxendía os ilustradores están moi viculados ao deseño informático. Ata que punto é iso arte?
-A arte non depende do medio co cal se realice, senón da idea que transmite ou das sensacións que pode producir no espectador. Pódese producir arte cun lapis, cunha cámara fotográfica, ou cun programa de deseño dixital. Lembremos que un ordenador só é unha ferramenta ás ordes dun creador que o manexa. Un exemplo: se Leonardo da Vinci vivise hoxe en día,dado o seu carácter innovador e experimentador, de certo que traballaría coas novas tecnoloxías. Nomeu caso particular, son un autor de nova xeración, e como tal gústame traballar con todos os medios que teña ao meu alcance. Ás veces mesturo técnicas tradicionais con técnicas dixitais.Cada caso é particular e procuro enfocar cada ilustración tendo en conta as súas necesidades comunicativas.

-Cando afronta o comezo dunha obra súa, por onde comeza: polas ilustracións ou o polo texto?
-O proceso é mixto. Na miña mente aparecen imaxes e palabras a un tempo. No meu caderno de apuntamentos, aparecen frases ao tempo que bosquexos. Mais, nalgún caso, un bosquexo realizado ao azar acabou converténdose nunha historia.

 -Do seu xeito de traballar, que se podería dicir: Escribe o que debuxa ou debuxa o que escribe?
-Curiosamente, algúns críticos definiron a miña escrita como“moi visual”. Depende se fago un álbum ilustrado o un libro. No primeiro caso adoito ter máis matizadas as ilustracións que o texto. E, no outro caso,ao contrario.

-Que vale máis: unha boa ilustración ou mil palabras?
-Unha historia. Se es un bo narrador, podes contar esa mesma historia cunha ilustración ou con mil palabras.

Lourdes Varela

 

Anotación sobre «Cidades», de Fran Alonso, en Trafegando Ronseis

29 Novembro 2011

Blogs,Críticas,Merlín,Poesía

Trafegando ronseis publica unha anotación sobre Cidades, de Fran Alonso.

 

Na procura dun libro de poesía axeitado para o meu alumnado de 2º de ESO cheguei -por recomendación de Carlos Negro- a Cidades, de Fran Alonso, publicado por Xerais, con ilustracións de Pablo Otero. Encantoume o poemario, pero veño de saber que está esgotado e por tanto é inútil falarlle del aos rapaces e rapazas, xa que nin sequera o hai na biblioteca do centro. Unha verdadeira lástima!
Resulta difícil escoller libros para esta franxa de idade, na que nin son tan maiores como eles cren nin tan pequenos como nós adoitamos pensar. Non están maduros, normalmente, para lectura máis “xuvenís” pero arrédanse das lecturas “infantís”. E se falamos de poesía temos aínda un problema maior. Un xénero no que pretendemos motivalos, pero non podemos facelo con poemarios que se lles quedan “pequenos” nin con poemarios complexos que os afastaríasn do amor polo xénero. Por iso, cando lin este libro pareceume tan axeitado. Fran Alonso deita unha fermosa mirada poética sobre as cidades, mergullándose nelas e ofrecéndonos as súas cores, os seus olores, a súa vida cotiá, que inclúe sensacións, pensamentos, nostalxias, amores, medos… Un mundo de cidades ou unha cidade feita mundo.

«Ti non xogas», de Silvestre Gómez Xurxo, no Club Lendo Contigo de Espazo Lectura

24 Novembro 2011

Animación á lectura,Clubs_de_lectura,Infantil,Merlín

O libro Ti non xogas!, de Silvestre Gómez Xurxo, centrará este sábado 26 o Club Lendo Contigo, de Espazo Lectura, e contará coa presenza do autor na Biblioteca de Gondomar.

O Lendo Contigo recibe a Silvestre Gómez Xurxo para falar de «Ti non xogas»

O sábado 26 de novembro, a partir das 12.00 horas, terá lugar na Biblioteca de Gondomar a sesión mensual do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais.

Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é Ti non xogas!, do escritor Silvestre Gómez Xurxo (Xerais, 2011). Se aínda non tes a guía de lectura para esta sesión, podes consultala picando aquí.

Contaremos coa presenza do autor

Silvestre Gómez Xurxo estará con nós na Biblioteca de Gondomar para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.

O libro

Durante unha semana enteira non parou de chover e hoxe por fin saíu un sol radiante. Pero Suso, en vez de estar a xogar ao fútbol co resto dos rapaces, está sentado nun chanzo da escaleira do patio da escola. Está aburrido e amolado. O peor é estar amolado, e estao, porque cando quería xogar Róber chimpoulle: —Ti non xogas! Non houbo ninguén que lle dixese a Róber que iso non se podía facer, que todos poden xogar e ninguén ten dereito sobre os demais. Por iso Suso está amolado, porque non soubo que facer.

O autor

Silvestre Gómez Xurxo (Beba, Mazaricos 1951) é mestre, licenciado en Xeografía e Historia e Psicopedagoxía. Director da Escola de Formación Social de Vigo. Autor de numerosos materiais educativos destinados ao ensino da lingua galega, do coñecemento do medio e de matemáticas na Educación Primaria. Coautor, xunto con Ana María Llanes, do método de aprendizaxe da lectura en lingua galega De Vagar (2003). O seu primeiro libro foi Conversas do Pai Seixas (1985). Ten publicadas as seguintes obras de literatura infantil e xuvenil: Déixao medrar (2000), novela; Ith (2001), novela Todo vai ir ben (2005) e Ti non xogas! (2011).

Entrevista de Elena Ocampo a Anxo Fariña en “Faro de Vigo”

10 Novembro 2011

Entrevistas,Merlín,Premios_Xerais

Elena Ocampo publicou no Faro de Vigo unha entrevista con Anxo Fariña, con motivo da presentación de A chave da Atlántida, Premio Merlín, 2011

“Vi en mi libreta cómo la Atlántida se parece mucho a los laberintos celtas”

El autor de “Os megatoxos” presenta un libro inspirado en la zona de Vigo

Anxo Fariña (Vigo, 1977), licenciado en Bellas Artes, escritor e ilustrador, presenta mañana a las 20.00 en la Casa do Libro de Vigo su última obra “A chave da Atlántida”, Premio Merlín de Literatura Infantil.

–¿De dónde nace la idea de entrar en “la Atlántida”?

–Nace de un lugar en concreto: en las Islas Cíes. En concreto, en un mirador natural donde se ubica la llamada “A pedra da campá”. Esa piedra tiene una oquedad que es como un ojo y se te metes ahí es como un portal mágico. La primera vez que estuve allí creí que desde allí podrías teletransportarte a cualquier lugar del mundo. A un mundo mágico o perdido. Y ahí, estando frente al Atlántico, pensé que podría ser la llave de entrada al continente perdido..

–Los científicos del “Proyecto Prometeo” crean A-cero en su libro, un ser humano artificial. ¿Esto tiene algo de la ciencia ficción de Ridley Scott o de la mitología clásica?

–Creo que el sueño de crear un ser humano artificial, no una réplica, viene de la antigüedad. Ahora me apoyo en la tecnología para darle credibilidad a que pudiese crearse; se hace con silicio. Conozco muchos libros de ciencia ficción, pero más que basarme en un concepto que ya esté planteado en libros, lo veo como el sueño de la humanidad de replicarse a sí mismo. La primera pregunta que se hace es ¿por qué replicar a un ser humano si hay miles?

–Y recupera el mito de la ciudad perdida, siguiendo con los clásicos.

–En la lectura de Platón, en los escritos sobre la Atlántida, describía una ciudad con canales circulares en donde había cantidad de barcos. A partir de ahí, escribiendo en una libreta me di cuenta de que se parecía mucho a un laberinto celta. Y pensé ¿por qué no podría ser?. Hay unos grabados que encuentran en el libro y que están basados en un laberinto celta.

–¿Es una forma de adentrar a los más pequeños en el mundo de la mitología o de hacer que abran su mente a la creatividad?

–Más bien es lo segundo. Es una forma de que vean las posibilidades que pueden tener, porque ellos son los ingenieros del futuro. Pero que quedan muchos mundos por descubrir. Lo que les planteo es ¿por qué no se descubrió antes la Atlántida si estaba ahí tan cerca? Una simple piedra puede ser la salida a otras ideas. Me gusta pensar que aún existe magia en el mundo, que no todo es crisis, política y especulación.

–¿Son los niños como lectores críticos?

–Son los primeros en decir si algo les gusta o no les gusta, sin miramientos. Si no les gusta, no lo leerán. Escribir para niños es un reto, porque son muy exigentes y tienen mucho donde elegir. Creo que leen mucho.

–Deme un truco que desarrolle la creatividad por 0 euros.

–Desde la literatura, pensar ¿qué más podría ser? Un ejercicio de dejar volar la imaginación; cosas en las que pensar. Que las mentes de los niños sean libres.

Elena Ocampo

Anxo Fariña: “Gústame a fantasía coherente”. Entrevista de Jorge Lamas en “La Voz de Galicia”

Entrevistas,Merlín,Premios_Xerais

«Gústame a fantasía coherente»

O creador vigués presenta mañá «A chave da Atlántida», unha novela coa que gañou o Premio Merlín de Xerais

Jorge Lamas publicou en La Voz de Galicia unha entrevista con Anxo Fariña, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil, 2011, coa obra A chave da Atlántida.

A pedra da campá, nas illas Cíes, é a porta á cidade asolagada da Atlántida. A viaxe é unha proposta de Anxo Fariña no libro A chave da Atlántida (Premios Xerais Merlín 2011). Na figura de Fariña concorren as facetas de escritor (é o creador da saga Megatoxos), ilustrador, deseñador e director de arte. Moitas facianas todas elas vencelladas co mundo infantil e xuvenil e, sobre todo, coa creación.

-¿Casan ben a ciencia ficción e a literatura infantil?

-Si porque os nenos son quen van construír o futuro. Eles teñen certo gusto polo xénero e a min gústame que sexa futurible, que as cousas poidan chegar a ser posibles, aínda que é fantasía. Gústame facer fantasía coherente.

-¿En que tarefa séntese máis a gusto?

-A min encántame desfrutar con todo o proceso creativo, incluso penso no que non vai saír nos libros. Penso en imaxes, en palabras e se soubera de música tamén a empregaría. Gústame a globalidade dunha idea, que poida ter moita pólas.

-¿É o mesmo construír unha personaxe literaria que unha gráfica?

-Todos os libros que escribo son ilustrados por min, aínda que si que ilustrei para outras persoas. Eu sei como respiran os meus personaxes, e aínda que faga uns debuxos moi sinxelos, si que reflicten todo o que eu penso.

-¿Hai mecanismos especiais para dirixirse aos rapaces?

-Penso que non hai unha receita, e quen mestura cousas pensando en que pode valer sáelle mal. Este libro é para todas as idades porque mestura a imaxinación e a emoción. Ademais, gústame tratar aos rapaces como rapaces, e dicir, teñen a idade que teñen pero non son tontos e entenden as cousas moi ben, por iso non me gusta sobreexplicarme.

-Os Megatoxos son un fenómeno. ¿Sente presión de manter unha saga de tanto éxito?

-Teño fans que me escriben e me din cousas dos Megatoxos, por iso é unha responsabilidade, pero tamén un pracer. Eu prantei unha semente co primeiro libro da serie e xa vou polo cuarto. Os personaxes evolucionaron e eu tamén. O bo dos Megatoxos é o universo que creei porque ademais está en expansión. É a posibilidade que che pode dar unha saga. Agora tamén van ser reeditados por Xerais.

-¿Que supuxo para vostede obter o Merlín?

-Estou contentísimo porque é o primeiro que me dan. Ben é certo que non me presentei antes a ningún. Escribín moi rápido pero saíu ben feitiña.

Jorge Lamas

Presentación en Vigo de “A chave da Atlántida” de Anxo Fariña. Premio Merlín, 2011

9 Novembro 2011

Merlín,Premios_Xerais,Presentacións

O venres, 11 de novembro, ás 20:00 horas, terá lugar, na Casa do Libro de Vigo, rúa Velázquez Moreno , 27 a presentación de A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, obra gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil, 2011. Neste acto, Anxo Fariña, autor tamén da serie d’ Os Megatoxos, fará debuxos en directo e algunha sorpresa máis. Ás primeiras persoas que soliciten a sinatura do libro, o autor as agasallará cunha ilustración especial de tiraxe limitada.

Para máis información: http://www.megatoxos.blogspot.com/

Crítica sobre «A chave da Atlántida», de Anxo Fariña

3 Novembro 2011

Críticas,Infantil,Merlín,Premios_Xerais

O Atlántico Diario publicou unha recensión sobre A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, Premio Merlín de Literatura Infantil 2011.

En  Edicións Xerais de Galicia, 143 páxinas. Anxo Fariña (Vigo, 1977), obtivo con este texto o Premio Merlín de Literatura Infantil 2011, e xa van aló 25 anos dende que o primeiro Merlín (1986) foi, con todo merecemento, para a nosa amiga Ursula Heinze. O libro que hoxe brevemente recensionamos, é unha eficaz, entretida e bonita singradura de Anxo Fariña, un autor xa coñecido entre nós, e que non é a primeira vez que é galardoado polo seu labor artístico e literario. El propón que a enigmática e suxerente Atlántida da antigüidade ten porta e chave de aceso dende algún hgar das nosas illas Cíes. Trátase dunha historia que engaiola a calquera lector ou lectora que se achegue a ela. Polo cal, sen levar de conta a idadepara os que aparentemente foi elaborada, cabo de todo, convén reflexionar se é acertado ou non esta denominación de literatura infantil. Coidamos que non, e mesmo en todo caso convimos en que é un libro a cuxa lectura pódese adscribir calquera home ou muller, como o son outros relatorios da literatura universal que habita na memoria de todos nós. Os nosos parabéns ao autor pola súa aportación á literatura galega, e mesmo polas estupendas ilustracións que acompañanan o libro A Chave da Atlántica.

«Vaia tropa», de Antón Cortizas, unha novidade da colección Merlín

Merlín,Novidades,Poesía

Vaia tropa!, un libro de poemas de Antón Cortizas ilustrado por Mª Reyes Guijarro, é unha das novidades da colección Merlín para o mes de novembro.

Vaia tropa! é un libro de poesía do absurdo, do sen sentido, e está pensado para ser lido de formas diversas. Hai poemas que terás que ler de esguello e noutros precisas usar un espello e así poder ler do verso o reflexo. Como non era cousa de poñer só letras alguén debuxou algunhas caretas. E como os debuxos están contrafeitos usarás o espello para velos con xeito. Ao final do libro convidámoste a que inventes algún compañeiro para toda esta xente. Trátase, xa que logo, dun libro xogo, no que a sorpresa da lectura e das ilustracións conforman un conxunto que non pasará desapercibido ao lector.

«A chave da Atlántida», de Anxo Fariña, Premio Merlín 2011, en Trafegando Ronseis

2 Novembro 2011

Críticas,Merlín,Premios_Xerais
O blog Trafegando ronseis publica unha recensión crítica de A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, libro que gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil 2011. Gracia Santorum, de Trafegando Ronseis, foi membro do xurado.
Xa podo “toquetear” este libro que ten un significado especial para min, por formar parte do xurado que lle concedeu o premio Merlín. Un libro que estou segura vai encantar ao noso alumnado máis novo e que vai gozar coa súa lectura aventureira. Estou a falar de A chave da Atlántida de Anxo Fariña, publicado pola editorial Xerais.
Un libro co que viaxaremos na procura da Atlántida e nesa viaxe comprenderemos que o que criamos máis afastado está tan preto que, ás veces, nin nos percatamos. Ademais, a novela pescuda a inxerencia do antigo co moderno, a biotecnoloxía únese á mitoloxía para crear un ritmo trepidante que os lectores devorarán; e todo isto adobiado con esas magníficas ilustracións ás que nos ten acostumad@s Anxo Fariña e que tan ben nos soubo explicar no seu paso polos centros de ensino. Porque non hai que esquecer que este autor paseou entre nós para darnos a coñecer o seu xeito de traballar, axudando a crear novos mundo entre o noso alumnado, algo que sempre é tan útil.

Un libro que, ademais, fala de amor e respecto, tan necesarios que son quen de “humanizar” ou “deshumanizar” a quen os utilice ou non. Porque o que nos fai covardes e presuntuosos é o desexo. O desexo de ser -ou de posuír- máis que os demais.

«Mil cousas poden pasar. Libro II», de Jacobo Fernández Serrano, xa está nas librerías

25 Outubro 2011

Blogs,Merlín,Novidades

Mil cousas poden pasar. Libro II, de Jacobo Fernández Serrano, é unha das novidades da colección Merlín deste outono. Ademais, lembramos que o autor mantén un blog sobre os libros de Mil cousas onde publica todos os días unha anotación: «curiosidades, debuxos a lapis, a veces poño algún video, falo dalgún persoaxe, anuncio algunha das sorpresas do libro, e ese tipo de cousas».

Mil cousas poden pasar. Libro I rematou con Lina e Pouco na praia, falando, durmindo, bicándose e comendo mazás. Que aventuras correrán na viaxe de regreso a Nil? Como atoparán a súa vila? Que será do neno Propicio, do cocho Isaías, do río Inrique e de todos os demais? E o máis importante: que será de Hedión? Unha cousa pódese adiantar: fixo novos amigos, e xente boa non son.

«A chave da Atlántida», de Anxo Fariña, Premio Merlín 2011, novidade do mes de outubro

19 Outubro 2011

Merlín,Novidades

A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, Premio Merlín 2011, é unha das novidades do mes de outubro.

Os científicos do «Proxecto Prometeo» crearon A-cero, un ser humano artificial. Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos nos que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes. A chave da Atlántida é unha novela de ciencia ficción na que, a un ritmo trepidante, se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica.

Crítica de Mar Fernández Vázquez sobre «Verbas de sal», de Antonio García Teijeiro

19 Xullo 2011

Críticas,Infantil,Merlín

El Correo Gallego publica nas súas páxinas de cultura unha recensión de Mar Fernández Vázquez sobre Verbas de sal, de Antonio García Teijeiro. Reproducímola a continuación:

Ao se cumpriren dez anos da colectánea Un saquiño de contos, na que participaban Antonio García Teijeiro, Xoán Babarro, Fina Casalderrey e Gloria Sánchez, Edicións Xerais de Galicia reedita en edición exenta, actualizada á normativa vixente, Verbas de sal, de García Teijeiro (Vigo, 1952), como xa fixo cos contos dos outros autores.

Un saquiño de contos, Contos para levar no peto e Historias para calquera lugar foron os volumes colectivos publicados en 2001 para conmemorar que a colección “Merlín” chegaba ao número 100, un feito salientable xa que esta colección deu a coñecer moitos autores galegos ao lectorado infantil e xuvenil, en distintas series para a franxa etaria á que se recomenda cada obra. Verbas de sal exemplifica o bo facer prosístico e poético deste recoñecido profesor, editor, crítico e escritor. Prosa poética e tamén un breve poema de (Don) Evaristo, un “tolo” para os veciños de Villamollada agás para Xulieta e os seus amigos. Este conto fantástico-realista posúe tenrura, ritmo, sonoridade e luz, e presenta dous niveis de lectura: o lectorado infantil entra na historia da man do texto e das ilustracións, respondendo así ás preguntas retóricas que formula o autor; mentres o lectorado adulto reflexiona sobre temas recorrentes na escrita de García Teijeiro: o seu interese pola esencia da “palabra” e por “contaxiar” e “filtrar” a necesidade da lectura e da poesía na vida cotiá, e por lle achegar ao lectorado valores como o amor, a amizade, o compañeirismo, o respecto e a solidariedade.

Sumándonos ao xogo deste autor rescatamos seis “verbas de sal”, presentes no seu macrouniverso literario e nas súas reflexións como profesor, editor e crítico literario:

Xogo, textual e visual de Antonio García Teijeiro e Alberto Vázquez para conectar co lectorado agardado. Villamollada, espazo onde se sitúa a historia, imaxe dunha típica vila mariñeira galega.

Personaxes, tres principais: Don Evaristo, Xulieta e Pinturo, aínda que a trama e o desenlace da historia parten das accións que emprende a nena; e secundarios: o mar personificado, que achega datos cos que Xulieta descobre o segredo do tolo poeta; e a familia de Xulieta, uns pais que traballan, traballan, traballan todo o día mentres a nena e a avoa se axudan e se fan compañía mutua.

Escola, unha biblioteca abandonada onde Don Evaristo escribe, e un encerado onde vive só Pinturo; símbolo da despreocupación social pola cultura e polos seus axentes.

Palabra, en esencia, coa que capta o lectorado dirixíndolle frases directas, coa que presenta Villamollada, relata a historia, e apunta fondas reflexións sobre a soidade do escritor e a necesidade de ser oído. Amizade, un dos valores primordiais que permite a unión dos personaxes principais, antes sós e afastados da vila que os rodea.

Mar Fernández Vázquez

«O misterio das badaladas», de Xabier P. DoCampo, na sección Un libro para cada día

15 Xullo 2011

Críticas,Infantil,Merlín

O misterio das badaladas, de Xabier P. DoCampo.na sección Un libro para cada día, de A Nosa Terra.

Reedítase un gran clásico da literatura infantil

‘O misterio das badaladas’ estrea colección e editora. Xerais publica o gran clásico infantil de Xabier P. DoCampo 25 anos despois da súa primeira edición.

O misterio das badaladas foi un dos títulos máis identificativos da editora Vía Láctea na década do 1980. Publicado no 1986, o libro foi converténdose, ano tras ano, nunha referencia obrigada para os cativos que se achegaban ás súas primeiras novelas en galego.

Xabier P. DoCampo actualiza a edición desta obra nunha nova versión que publica a colección ‘Merlín’ de Xerais.

A historia vai de misterio. O reloxo do campanario da igrexa de Eiranova, cada medianoite, dá 13 badaladas en vez de 12. Os protagonistas, cativos da vila, irán desembrullando o enigma até encontrar por que soa a campá máis do debido e a quen lle interesa que iso ocorra.

Para nenos a partir de 11 anos.

Crítica de María Navarro sobre «Tucho despistes», de Ana Santiso

7 Xullo 2011

Críticas,Merlín

María Navarro publica no Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica de Tucho Despistes, de Ana Santiso.

Intensa aventura

Aceptar os despistes

Quere ser esta historia unha homenaxe a todos os Tuchos despistados que recorren á fantasía para enmascarar o medo, a pena e a rabia que senten por non ter feito ben os recados, ben sexa porque se confunden ou porque na súa falta de atención non lembran onde deixan as cousas.
O protagonista de Tucho Despistes perde a chaqueta, non sabe onde deixou a bicicleta, merca o que non lle mandan e por iso decide pedir axuda o peixe Pirucho e visitar no fondo do río os monstros causantes de tales desaguisados. Unha vez reunidos os datos ou indicios que o conducen ao descubrimento e/ou solución do problema queda tranquilo, volta á realidade e na súa casa reina unha felicidade dende hai tempo agardada.
Os primeiros lectores teñen nunha das últimas achegas que Edicións Xerais   de Galicia publica na colección “Merliño” de Ana Santiso ao panorama literario actual un referente á hora de analizar as condutas dos pequenos, tendentes, case sempre, a poñer escusas cando non actúan como deben, sobre todo, diante dos pais que son os que neste caso exercen de censores. E máis aló dun simple despiste mencionar as notas escolares que, se non son positivas, convértense nun motivo de preocupación para pais e fillos e Tucho que non é alleo a esta consideración afánase en buscar  o camiño máis longo para amosar os seus resultados académicos, ata que cheo de valor e logo de percorrer unha intensa aventura acepta a realidade e todo comeza a circular polos vieiros da normalidade.
Xa se sabe: se un sae da pista, despístase e, ás veces, iso incomoda, pero hai que aceptalo.

María Navarro

Anxo Fariña (Premio Merlín 2011) e Héctor Carré (Premio Fundación CaixaGalicia 2011), hoxe protagonistas en El Correo Gallego

28 Xuño 2011

Autores,Fóra de Xogo,Merlín,Noticias

Anxo Fariña (Premio Merlín 2011) e Héctor Carré (Premio Fundación CaixaGalicia 2011), son hoxe protagonistas en El Correo Gallego.

PROTAGONISTAS ELIXIDOS
Anxo Fariña (Vigo, 1977) e Héctor Carré (A Coruña, 1960). Son hoxe os nosos protagonistas estes dous escritores por seren merecentes do Premio Merlín de Literatura Infantil 2011 e do Premio Fundación Novacaixagalicia-Claudio San Martín de Literatura Xuvenil 2011, convocados por Edicións Xerais de Galicia e outorgados o pasado 11 de xuño na Illa de San Simón. O escritor e ilustrador Anxo Fariña, coñecido sobre todo polas súas coleccións “Os Pelelliños” e “Os Megatoxos” e que acaba de sacar do prelo Os Megatoxos e a cara oculta de Lúa (2011), conseguiu o galardón por A chave da Atlántida, unha novela de ficción científica sobre o mito do continente perdido da Atlántida na que “os mitos dunha civilización antiga se misturan coas posibilidades das biotecnoloxías e a robótica”. Pola súa parte, o director de cine e escritor Héctor Carré abéirase por primeira vez á LIX con Febre, unha novela de temática histórica que acontece na comarca de Noia nun tempo en que o wolframio era o ouro galego.

«Contos por palabras», de Agustín Fernández Paz, no blog de Ramón Nicolás

23 Xuño 2011

Críticas,Infantil,Merlín

Ramón Nicolás publica no seu blog unha breve recensión sobre Contos por palabras, de Agustín Fernández Paz. Reproducímola a continuación:

Afirmar algo novo, a estas alturas, dun clásico da nosa literatura infantil e xuvenil como Contos por palabras, Premio Lazarillo en 1990, incluído na Lista de Honra do IBBY en 1992, Premio lecturas Galix no  2003 e elixido como un dos dez títulos imprescindibles da LIX española do século XX, é labor ben complexo e só significaría reiterar o que a crítica e o favor dos lectores veñen testemuñando desde hai xa vinte anos. Por esta razón aplaudo esta nova e especial edición que, ademais, vén acompañada tanto dun epílogo do autor como do galano que representa un novo relato.

O epílogo, titulado “Vinte anos de anuncios”, exposto en clave evocativa e literaria, resulta operativo para percorrer as principais razóns que levaron a Fernández Paz a idear este libro, a dinámica seguida no proceso de creación e mesmo algúns elementos de filiación biográfica que o autor confesa ver espellados nestas páxinas. Por outro lado, o novo relato que se  rescata da mesma época en que os restantes contos se escribiron, xúntase con acerto aos anteriores. Neste “Un león en apuros” reaparece aquel Doutor Nogueira que protagonizara algún libro do autor e que nos achega, nun exercicio tecido con fina ironía e fluidez narrativa, a un universo en que a homenaxe ao mundo do circo resulta ben palmaria…., universo tan precisado por certo deste tipo de recoñecementos, aínda que só sexan por plasmar o que significaba aquel espectáculo para os que o viviamos con ilusión. Sen dubidalo deséxolle mil primaveras máis a estes Contos por palabras, ben as merecen.

Ramón Nicolás

Crítica de «O souto escuro e perigoso», de Miguel Vázquez Freire, en Trafegando ronseis

21 Xuño 2011

Álbums,Blogs,Críticas,Infantil,Merlín

O blog Trafegando ronseis publica unha recensión crítica sobre O souto escuro e perigoso, de Miguel Vázquez Freire, ilustrado por Xosé Tomás.

Publica Xerais este orixinal libro con texto de Miguel Vázquez Freire e ilustracións de Xosé Tomás: O souto escuro e perigoso dentro da colección Merliño. E digo orixinal porque o primeiro que chama a atención son as ilustracións: un libro absolutamente negro onde destaca o gris do debuxo e as letras do texto en branco, todo isto posto en función do medo que debe provocar o relato. Un texto que nos fala dos perigos aparentes do bosque porque alí moran animais moi, moi grandes e perigosos; tanto, que nada poden facer contra animais pequenos e nada perigosos que amosan a súa intelixencia: e é que máis vale maña que forza!
Por certo, encantoume o coelliño no seu tobo papando a cenoria tan tranquilo: é absolutamente adorable.

Anxo Fariña, entrevista en «Faro de Vigo»: «A lectura é para divertirse»

18 Xuño 2011

2011,Adiantos_para_ler,Autores,Descargas,Entrevistas,Merlín,Premios,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Agatha de Santos entrevista na última páxina da edición impresa de Faro de Vigo de hoxe a Anxo Fariña, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2011. Un entrevista moi recomendable.

Aquí pode baixarse en pdf un fragmento do texto da obra gañadora.

Adianto dun capítulo do orixinal do Premio Merlín 2011, «A chave da Atlántida», de Anxo Fariña, para descargar en pdf

17 Xuño 2011

Adiantos_para_ler,Autores,Descargas,Merlín,Premios,Premios_Xerais

Hoxe poñemos a disposición dos lectores e lectoras un adianto dun capítulo do orixinal, aínda sen maquetar, do Premio Merlín 2011, A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, que pode descargarse en pdf.

Descargar aquí o capítulo 3 de A chave da Atántida

A chave da Atlántida, a obra gañadora da 26ª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, recupera o mito da busca da Atlántida, o continente perdido, asolagado, esa civilización antiga dos atalantes da que non se sabía en que parte do planeta quedou agochada.

Foron os científicos do chamado «Proxecto Prometeo» os que crearon A-cero, un ser humano artificial, un organismo sintético de silicio, un robot capaz de amosar curiosidade polos sentimentos humanos. Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa de Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos no que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes.

A chave da Atlántida é unha novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica.

Premios Xerais 2011, intervencións dos premiados no acto de entrega

2011,Autores,Fóra de Xogo,Lingua,Merlín,Narrativa,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais,Xuvenil

Entrevista con Anxo Fariña, Premio Merlín 2011: «’A chave da Atlántida’ explora as posibilidades da biotecnoloxía»

16 Xuño 2011

Entrevistas,Merlín,Premios_Xerais

Xornal de Galicia publica unha entrevista de Héctor J. Pena con Anxo Fariña, Premio Merlín 2011, sobre a súa novela A chave da Atlántida. Reproducímola a continuación:

Anxo Fariña: «É máis difícil facer literatura infantil»

Fariña gañou o Merlín na primeira ocasión en que se presentou a un Premio Literario

Anxo Fariña (Vigo, 1977) vén de facerse co Premio Merlín de Literatura Infantil 2011 pola súa novela A chave da Atlántida. Ilustrador ademais de escritor, cunha longa traxectoria avalada por máis de 30 títulos publicados, o éxito no concurso chégalle na primeira ocasión na que se presenta a este tipo de certames literarios.

Que supón para vostede o Merlín?

A nivel persoal chega nun momento excepcional, un deses intres nos que necesitas un empurrón. A nivel profesional supón un gran recoñecemento, pois é a primeira vez que me presento a un premio e a primeira que o gaño. É a confirmación de que non só lle gusto aos rapaces, tamén á crítica.

Di que este libro non só lle gusta aos rapaces. Os adultos tamén poderán gozar coa lectura do seu texto?

Si. Curiosamente é unha das cousas que valoraron no xurado, e ademais é unha tónica que veño seguindo nos meus libros, que son nun principio para rapaces, porque eles son os protagonistas, pero enganchan aos pais. Este libro trata temas como as posibilidades da biotecnoloxía, xunto co mito da Atlántida, que son capaces de satisfacer tamén os adultos.

Pasa un pouco como con Harry Potter, que transcendeu o seu público obxectivo e converteuse en algo universal…

Si, é un pouco así. Tamén me comentaron algo parecido en referencia ás películas de superheroes que agora poboan os cines, pensadas para un público adolescente pero que chega tamén aos adultos. Ao final todos os temas que teñen que ver coas persoas son universais, e poden enganchar teñas a idade que teñas.

Que achega de novo a súa perspectiva sobre un tema que no mundo da literatura non é nin moito menos novo, pois leva falándose da Atlántida dende os tempos da antiga Grecia?

Exacto, e de feito eu baséome na descrición de Platón para a miña interpretación da Atlántida. Logo doulle unha volta e fago que a xente se dea conta de que hai moitas posibilidades. Entón, o que eu formulo é que pasaría se hoxe en día alguén tivese a oportunidade de atopar a Atlántida, que no fondo está vinculada con Galicia e coas costas galegas, e penso que a historia está moi ben.

Na novela hai certos factores, como o uso da tecnoloxía, a explotación dos recursos… Que mensaxe quere transmitir aos lectores?

Hai varias mensaxes transmitidas a través de varias personaxes, que teñen varias procuras. A do ser artificial, que se busca a si mesmo, porque non entende como habendo varios millóns de persoas na terra o constrúen a el. E logo está a busca da Atlántida, onde están implicados moitos personaxes que a buscan polos seus propios motivos. Non son mensaxes directas, pois o meu obxectivo non é adoutrinar a ninguén, pero si pretendo que se reflexione un pouco sobre que pasaría se. Logo, tamén está a cuestión de, se un mesmo tivese na man algo tan importante como é o descubrimento da Atlántida, por que renunciaría?

É dos que reivindica a dignidade da literatura infantil e xuvenil?

Por suposto. Eu penso que a literatura infantil é máis difícil de facer que a de adultos, sobre todo hoxe en día. Un rapaz é máis esixente ca un adulto, e subvalorizar a literatura infantil porque se tocan temas máis sinxelos é unha falacia. Eu acabo de gañar o Premio Merlín cunha novela que ten como tema central a busca dun ser de si mesmo. É un exemplo de que é moito máis complexa do que se cre.

Héctor J. Pena

Premios Xerais 2011, as entrevistas a gañadores, membros do xurado e participantes

15 Xuño 2011

2011,Autores,Entrevistas,Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Blogaliza.tv realizou unha magnífica cobertura dos Premios Xerais 2011. No blog de Xerais podemos atopar todas as entrevistas que Alfredo Ferreiro fixo aos gañadores, membros do xurados e algúns dos asistentes. Un material documental ben interesante.

Eis a relación e os seus enlaces:

cid

Antonio Reigosa, membro do xurado do Premio Merlín de Literatura Infantil 2011

2011,Autores,Merlín,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Anxo Fariña, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2011 por “A chave da Atlántida”

14 Xuño 2011

2011,Autores,Entrevistas,Merlín,Premios,Premios_Xerais,Vídeos

Crítica de Vanessa Regina Ferreira sobre «O misterio das badaladas», de Xabier P. DoCampo

Críticas,Infantil,Merlín

El Correo Gallego publica hoxe unha ampla información crítica de Vanessa Regina Ferreira da Silva sobre O misterio das badaladas, de Xabier P. DoCampo. Reproducímola integramente:

O misterio das badaladas

Sobre un toque de campá de máis, un xogo de interpretación textual e unha reflexión ao redor da funcionalidade do tempo

En 1986 Xabier P. Docampo (Rábade, 1946) estréase na Literatura Infantil e Xuvenil galega coa publicación de O misterio das badaladas
pola editorial Vía Láctea textos. Esta obra foi moi ben recibida polo potencial público ao que se dirixe, converténdose no primeiro libro do escritor cun número de vendas inusual para este tipo de obras, tendo en conta os parámetros socio-literarios que rexían neste momento.

No que se refire ao contexto mundial da produción literaria para a nenez, a década dos anos 80 presentou concepcións estéticas importantes para a súa evolución, dende o afastamento do didactismo á incorporación de novas sistematizacións como, por exemplo, as expostas por Gianni Rodari en Grammatica della fantaosia (1973). No que se refire a Galicia, esa década foi moi vizosa, pois nela producíronse factores socio-político-culturais que propiciaron a consolidación da LIX como foi o caso da aprobación do Estatuto de Autonomía (1981) e da Lei de Normalización Lingüística (1983), que posibilitaron un lectorado en lingua galega ata agora case inexistente. Feitos que animaron a escritores como Xabier P. Docampo a crear unha LIX de calidade.

A obra deste autor lugués estrutúrase de forma orixinal tanto en relación ao desenvolvemento e final da trama, converténdose nunha lectura de referencia. Por isto, non pode pasar desapercibida a súa reedición, publicada agora por Edicións Xerais de Galicia, na colección Merlín, con revisións do autor e modernas ilustracións de Xosé Cobas.

Como o propio título da obra xa insinúa, estamos ante un enigma para desvelar. Tras a instalación dun reloxo na igrexa de Eiranova, ocorre un feito que desperta a atención da pequena cidade: o badalo, en vez de dar doce badaladas pola noite, dá trece. Se observamos a trama, o lector pode deducir que se trata dunha obra ao estilo da narrativa detectivesca porque o libro presenta unha estrutura narrativa na que o escritor recorre ao xénero policial, un caso a desvelar, que é acollido por unha panda de nenos que inicia a investigación a partir de mensaxes, que funcionan como pistas, que pouco a pouco levan os nenos e nenas a descubrir o culpable. É de salientar o modo creativo que o autor encontrou para configurar as pistas pois, tanto os personaxes coma o lector empírico da obra, só poden comprendelas, tras a interpretación do xogo textual.

Ese xogo interno e externo de interpretación ofrece unha lectura estimulante e participativa, un recurso moi presente na estética contemporánea. Pero, para aqueles que non se interesan nin polo ludismo nin pola estruturación participativa entre texto e lector, o desenlace da obra e o desvelamento do porqué dunha badalada de máis, ofrece unha reflexión sobre a funcionalidade do tempo, cando xa non se necesita.

Vanessa Regina Ferreira da Silva

Anxo Fariña, Premio Merlín de Literatura Infantil, primeiras entrevistas

13 Xuño 2011

2011,Entrevistas,Merlín,Premios,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Aparecen as primeiras entrevistas a Anxo Fariña, autor d’ A chave da Atlántida, novela gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2011:

Premios Xerais 2011 nos blogs

12 Xuño 2011

2011,Autores,Eventos,Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Premios,Premios_Xerais,Xerais nos blogs,Xuvenil

Varios blogueiros e blogueiras comezan a publicar as súas crónicas e comentarios sobre os Premios Xerais 2011. A todos eles a maior gratitude de Xerais.

Premios Xerais 2011 nos medios

2011,Autores,Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Noticias,Premios,Premios_Xerais,Xerais,Xerais_nos_medios,Xuvenil

Foron numerosas as referencias na prensa galega, tanto impresa como dixital, ao fallo dos Premios Xerais 2011.

  • «Os Xerais distinguen obras de aventuras mariñas e de intriga» (Camilo Franco, La Voz de Galicia).
  • «Xavier Queipo, Héctor Carré y Anxo Fariña se alzan con los Premios Xerais 2011» (E. Ocampo, Faro de Vigo).
  • «Xavier Queipo gaña o Xerais de Novela con “Extramunde”« (Xornal de Galicia).
  • «Queipo gaña o Xerais cunha novela de aventuras ambientada no s. XVI» (Koro Martínez, El Correo Gallego).
  • «O poder omnímodo» (Maré, Galicia hoxe).
  • «Xavier Queipo gana el Xerais con una novela de viajes sobre la conquista de la libertad» (Teresa Cuíñas, El País Galicia).
  • «Xavier Queipo, Héctor Carré y Anxo Fariña se alzan con los Xerais 2011» (E. Ocampo, La Opinión da Coruña).
  • «Xavier Queipo gaña o Xerais de Novela con “Extramunde”» (Diario de Pontevedra).
  • «Xavier Queipo Premio Xerais cunha novela de “viaxe alucinada”» (A Nosa Terra).
  • «Premios Xerais 2011: Galardoados Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña» (Europa Press).
  • «Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña son os gañadores dos Premios Xerais 2011) (Axenda AELG).
  • «Los Premios Xerais 2011 reconocen a Xavier Queipo, Héctor Carré y Anxo Fariña» (El Mundo Galicia).
  • «Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Friña, Premios Xerais 2011» (ABC).
  • «Los Premios Xerais 2011 reconocen a Xavier Queipo, Héctor Carré y Anxo Fariña» (El economista).
  • «O santiagués Xavier Queipo gaña o Xerais coa novela de aventuras Extramunde» (El Progreso).
  • «Xavier Queipo, Anxo Fariña e Héctor Carré, novos Premios Xerais» (Atlántico Diario).
  • «Xavier Queipo gana el Xerais de Novela con Extramunde» (La Región).
  • «Os gañadores do Xerais infantil e xuvenil abren as fronteiras do xénero» (La Voz de Galicia).
  • «Novelas escritas seguindo o guión e que poderían ser de cine» (La Voz de Galicia).
  • «Unha nave de tolos con interpretación metafórica« (La Voz de Galicia).
  • “Uns premios Xerais de mar, volframio e mitos” (Cultura Galega.org).
  • «Tres historias, tres premios literarios» (Atlántico Diario)

«A chave da Atlántida» de Anxo Fariña, Premio Merlín de Literatura Infantil 2011

2011,Autores,Ciencia_ficción,Merlín,Noticias,Premios,Premios_Xerais

O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas «O carreiro das formigas», «Prometeo» e «Trampa de luz». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Prometeo», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Anxo Fariña e corresponde ao título A chave da Atlántida.

A chave da Atlántida, a obra gañadora da 26ª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, presentada baixo o lema «Prometeo», recupera o mito da busca da Atlántida, o continente perdido, asolagado, esa civilización antiga dos atalantes da que non se sabía en que parte do planeta quedou agochada.

Foron os científicos do chamado «Proxecto Prometeo» os que crearon A-cero, un ser humano artificial, un organismo sintético de silicio, un robot capaz de amosar curiosidade polos sentimentos humanos. Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa de Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos no que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes.

A chave da Atlántida é unha novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica.

Anxo Fariña declarou cando coñeceu a noticia da concesión do Premio Merlín que cando era un neno duns cinco anos tiña bastante claro que quería ser de maior: pirata. No seu sexto aniversario, o seu soño mudou, quería viaxar ás estrelas. «Ser astronauta semellaba unha incrible ocupación para cando fose grande. Aos poucos meses, acadei a solución definitiva: pirata espacial. Co paso do tempo, pódese pensar que non cumprín os meus soños infantís, mais todo o contrario. Podo ser pirata espacial e moito máis. Grazas aos libros. Agora me conceden o premio Merlín, e o único que podo dicir é que este galardón supón un marabilloso impulso para ese foguete co que atravesar o espazo e vivir mil aventuras.»

Xavier Queipo, Hector Carré e Anxo Fariña, Premios Xerais 2011

2011,Autores,Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Noticias,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xuvenil

O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorreron corenta obras formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas «Extramunde», «O caso Ocaso» e «Todo home é coma a lúa». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Extramunde» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Xavier Queipo (Francisco Xavier Vázquez Álvarez) e corresponde ao título Extramunde.

O xurado da Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e tres obras formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas «Ánxela», «Gabirro» e «Pelouro». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Pelouro», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Carré e corresponde ao título Febre.

O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas «O carreiro das formigas», «Prometeo» e «Trampa de luz». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Prometeo», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Anxo Fariña e corresponde ao título A chave da Atlántida.

«Tucho Despistes», de Ana Santiso, novidade da colección Merliño do mes de xuño

6 Xuño 2011

Merlín,Novidades

Tucho Despistes, de Ana Santiso, é unha das novidades da colección Merliño do mes de xuño.

Tucho Despistes sempre anda despistado, fai os recados mal, perde as cousas e non sabe onde as deixa… A súa nai enfádase cada vez que se confunde e a el dálle medo, pero tamén rabia e pena. Coa axuda do peixe Pirucho, da Monstra Pena, da Monstra Rabia e do Monstro Medo, todo cambiará.

Finalistas dos Premios Xerais 2011

3 Xuño 2011

2011,Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Premios,Premios_Xerais,Xerais,Xuvenil

Reunidos hoxe 3 de xuño de 2011 no Castelo de Soutomaior, os xurados dos Premios Xerais 2011 elixiron os finalistas de cada unha das modalidades.

O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorreron corenta obras formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas “Extramunde”, “O caso Ocaso” e “Todo home é coma a lúa”.

O xurado da V edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e tres obras formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas “Ánxela”, “Gabirro” e “Pelouro”.

O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas “O carreiro das formigas”, “Prometeo” e “Trampa de luz”.

O fallo de cada un dos premios darase a coñecer no serán do sábado, 11 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de San Simón e no que a escritora María Xosé Queizán actuará como mantedora literaria. Como en edicións anteriores o acto será transmitido en directo por internet por Blogaliza.tv.

Older Posts »