PROXECTO XERAIS PARA FORMACIÓN E ORIENTACIÓN LABORAL
(Novidade Curso 2012-2013)
CONTIDOS ADAPTADOS Á NOVA NORMATIVA LABORAL
O módulo de Formación e Orientación Laboral (FOL), catalogado como de carácter especial pola Lei Orgánica de Educación, forma parte do currículo de todos os ciclos formativos que integran a Formación Profesional regrada. Todos os alumnos e alumnas que pretenden converterse en futuros profesionais deben recibir unha formación básica xeral con independencia do seu perfil profesional. Deberán coñecer os seus dereitos e deberes como traballadores por conta allea, recibir formación básica en prevención de riscos laborais e adestrarse nas técnicas de busca de emprego que posibiliten a súa inserción laboral.
O currículo do módulo é común en todos os ciclos de Formación Profesional regrada, con independencia das cualificacións profesionais que se poidan adquirir coa obtención de cada título, e esta circunstancia posibilita a súa validación académica cando un alumno ou alumna superou este módulo noutro ciclo formativo, xa sexa de grao medio ou superior. Isto supón unha importante novidade no deseño curricular establecido pola LOE para este módulo.
O proxecto educativo de Edicións Xerais de Galicia para Formación e Orientación Laboral, ofrece uns contidos totalmente adecuados ao Deseño Curricular Base establecido por decreto da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, documento que foi manexado tamén para a elaboración da proposta didáctica. Ademais, os datos están actualizados con respecto á nova normativa laboral.
O libro do alumnado estrutúrase en 15 unidades didácticas onde se desenvolven en profundidade os contidos cunha presentación visual, moi clara, e cunha redacción sintética que facilita a comprensión por parte do alumnado. Ademais, proporciónase información adicional, casos prácticos resoltos e actividades de avaliación dos coñecementos adquiridos.
Descarga un folleto sobre o libro.
XERAIS