Exemplo de galeguismo progresista
Valentín Paz Andrade foi, ademais de escritor, xornalista, empresario, economista e, sobre todo, comprometido co país. Iso é alomenos o que conta Manuel Rodríguez Alonso na súa crítica literaria desta semana.

O pensamento neoconservador, do que é bo exemplo a ideoloxía do PP agora no goberno de España e de Galicia, tenta presentar o galeguismo ou incluso o propio galego como algo atrasado, que non está de acordo cos tempos actuais e que equivale a ruralismo ou mesmo a un idealismo edénico de escritores e intelectuais utópicos e pouco realistas, así como desprezadores do progreso e mais do desenvolvemento económico. Ese é, por exemplo, o espírito que anima o chamado coloquialmente Decreto de plurilingüismo. A biografía de Paz Andrade, que hoxe comentamos aquí, é o mellor desmentido para esta versión falsa, interesada e túzara do galeguismo.
Esa interpetación negativa do galeguismo só é produto da incultura e do que Manuel Rivas chamou acertadamente tuzarismo. Por iso, cremos que é un acerto que este Día das Letras se dedicase á figura de Valentín Paz Andrade. Quen queira achegarse ao que supuxo a figura de Paz Andrade na literatura galega, mais tamén na historia moderna de Galicia, debe ler a biografía que do homenaxeado deste ano publica Charo Portela e comentamos hoxe, porque Paz Andrade non só foi un escritor, senón tamén un gran xornalista, así como empresario e economista e todo iso sen esquecer nunca o seu galeguismo, que lles dá sentido a unha vida e obra que, como ben sinalou, o meu vello mestre do instituto vigués Santa Irene Méndez Ferrín –ese si que foi un verdadeiro profesor e non os Moreno, Bobes, García e compañía que soportamos despois en Compostela- é o grande manifesto político e económico do nacionalismo progresista.
A biógrafa estuda acertadamente o período de formación de Paz Andrade, en Pontevedra e mais na universidade compostelá, coa tutela do seu tío e poeta Xoán Bautista Andrade e tamén co maxisterio directo de Losada Diéguez ou o propio Castelao, na

Pontevedra dos primeiros vinte anos do século XX. Tras a experiencia da guerra de África, Paz Andrade dirixirá ese mito do xornalismo galego que foi o diario Galicia. A autora tamén reflicte o papel representado na política e no galeguismo por Paz Andrade nos anos da República. Sinala así mesmo nesta etapa o vencellamento do homenaxeado co mundo da pesca e da economía, que culminará non só coa dirección da revista Industrias Pesqueras (a partir de 1942), senón coa fundación de Pescanova (1960).
O proxecto vital de Paz Andrade, como o de tantos galeguistas e demócratas, vese crebado polo franquismo e sufrirá tres desterros, nun dos cales comezará a súa traxectoria como poeta. Mais na posguerra a autora describe axeitadamente como Paz Andrade se converte nun grande especialista en temas pesqueiros e no notable economista de Galicia como tarea ou La marginación de Galicia. Do mesmo xeito salienta a produción literaria do biografiado con obras rechamantes como o Pranto Matricial (1955), elexía a Castelao, ou con ese grande ensaio que é Castelao na luz e na sombra (1982). Por último, destaca o papel representado por Paz Andrade no posfranquismo como membro da Comisión dos Dez que, entre outras cousas, conseguirá que Galicia sexa considerada nacionalidade histórica, como Cataluña ou o País Vasco. Como colofón dálle o espazo debido á participación como orador de Paz Andrade na célebre manifestación do 4 de decembro de 1977 en Vigo a prol da autonomía.
Mais o gran mérito do libro é que a autora consegue incardinar a vida e os feitos de Paz no devir histórico e cultural de Galicia desde o ano do nacemento do escritor, o mítico 1898. Paz Andrade participou en grandes actos da nosa historia: a Celebración do Día de Galicia de 1930 no Teatro García Barbón vigués; colaborou estreitamente con Castelao na preguerra; foi un dos fundadores de Pescanova nos sesenta; como economista subliñou a marxinación de Galicia nos tempos do desarrollismo ; no eido cultural, ademais da súa produción poética e ensaística, tendeu lazos co exilio americano.
Segundo o lector vai avanzando nesa peripecia vital do homenaxeado deste ano no Día das Letras, revive a historia de Galicia desde o 98 ata o 19 de maio de 1987, ano en que falece Paz Andrade. As referencias a estes feitos históricos e culturais actúan sobre este lector como un aguillón para lembrar, se é unha persoa con certa formación galeguista, ou, no caso de non o ser, para informarse máis sobre eses eventos fundamentais na historia de Galicia.
Acerta a autora ao darnos a imaxe dun intelectual e economista galeguista, mais, como subliñabamos máis arriba, de talante claramente progresista. Fronte aos que ven o galeguismo e o galego como algo propio do pasado e mesmo localista e isolacionista, Paz defende un capitalismo moderno no que Galicia aproveita os seus recursos e non se deixa explotar polo capitalismo estatal ou de fóra. Desenvolve empresas que marcan un fito nos adiantos tecnolóxicos, como é o caso de Pescanova.
Cómpre así mesmo que non esquezamos as súas consideracións sobre o galego. Pola súa actividade como técnico da pesca, Paz Andrade tivo que viaxar por zonas de África do Sur, das antigas colonias portuguesas e tamén do Brasil. Alí decatouse de que o galego non era unha lingua pequena e illada, senón unha lingua universal, pois co seu galego entendía perfectamente os que falaban portugués en África ou tamén no Brasil.
Por iso, fronte ao isolacionismo en relación co portugués, defendido nos primeiros oitenta polos normativizadores do galego do ILG, propón non romper a primitiva relación co portugués e recuperar a unidade galego-portuguesa medieval, aínda que dun xeito realista e sen caer nun reintegracionismo que puider ser pouco efectivo. Esta postura seica, como sinala a autora, lle causou certa desconfianza por parte dos membros da Academia no remate dos setenta e nos primeiros oitenta. Foi mágoa que na normativización e normalización do galego non se tivesen en conta opinións coma estas de Paz Andrade e que todo se deixase nas mans dos filólogos do ILGa, pois como dixo alguén a propósito da guerra (a guerra era demasiado seria para deixala só nas mans dos militares), podemos dicir que a lingua é unha cousa demasiado seria para deixala só nas mans dos filólogos. E sobre todo se os filólogos se formaron na Escola Lingüística Española e españolista dos Pidal, Dámaso Alonso, Alvar, Consello de Investigaciones Científicas…, que adoitan considerar só o galego como unha lingua dialectal e lírica e sen tradición literaria.
En fin, no referente á obra literaria a autora analiza ben e valora a poesía e o ensaio de Paz Andrade e o espazo dedicado a este tema resulta suxestivo e move á lectura do homenaxeado, que os non profesionais da literatura poden comezar polo Pranto Matricial, continuar con algúns artigos sobre a marxinación económica de Galicia e, se gustan da historia, co maxistral ensaio sobre Castelao Castelao na luz e na sombra, que Valentín publicou hai agora trinta anos, no 82 e que acaba de reeditarse estes días.
É de salientar así mesmo a importancia dada pola autora á correspondencia de Paz Andrade e o coidado apéndice bibliográfico. Despois de ler este libro sobre Paz Andrade, xa non cabe, como fai o tuzarismo, considerar o galeguismo como unha cousa de intelectuais atrasados, localistas, enraizados no rural ou alleos á civilización moderna, senón como un movemento onde a arela de progreso e universalidade son valores supremos, sen por iso perder a identidade galega. E iso nestes tempos de globalización vale un mundo.
Para rematarmos, só nos queda engadir que se alguén quere acceder á figura de Paz Andrade dun xeito máis sinxelo e mesmo con antoloxía dos seus textos pode acudir a outras obras editadas nestes días como o volume que a mesma autora, Charo Portela, publicou na colección Merlín, tamén de Xerais, ou aos dous volumes tamén sobre Paz Andrade (biografía e antoloxía) que Xan Carballa deu ao prelo en Galaxia.