«Papeliños. Educación Infantil 3, 4 e 5 anos». Cadernos de vacacións

18 Abril 2012

Didáctica,Educación,Educación Infantil

«PAPELIÑOS. EDUCACIÓN INFANTIL»

3-4 E 5 ANOS

 

CADERNOS DE VACACIÓNS PARA TRABALLAR EN FAMILIA

O verán é a mellor época do ano para que os nenos e as nenas vivan novas experiencias. Durante este período permanecen moito tempo no ámbito familiar, sen horarios ríxidos, sen présas, e non sempre resulta doado organizar o tempo libre. Ademais, cambian os hábitos, as rutinas, coñecen novas persoas, ambientes, lugares…
Este caderno de vacacións pode ser o motivo para sentar con eles e elas un anaquiño ao día. Conversade sobre os conceptos que trata, que eles vos expresen as súas opinións, e animádeos a que os traballen. Cómpre que non perdan o hábito de traballo escolar tan recentemente adquirido.
Este material didáctico ten como finalidade:

  • Favorecer a vosa implicación na educación dos pequenos e das pequenas.
  • Reforzar e repasar os coñecementos adquiridos durante o curso.
  • Fomentar o traballo autónomo dos vosos fillos e fillas.
  • Exercitar aptitudes como: a memoria, a atención, a percepción, a coordinación, o razoamento lóxico, a comprensión e expresión oral…
  • Fomentar a comunicación e o diálogo con eles e con elas.
  • Reforzar hábitos adquiridos na escola (hixiene, alimentación, descanso, seguridade persoal…).
  • Desenvolver a creatividade.
  • Reforzar a aprendizaxe da lectoescritura.


Contén actividades sinxelas, amenas, divertidas, entretidas, axeitadas ás características, capacidades e intereses dos vosos fillos e fillas, variadas e flexibles para asegurar a súa motivación e interese. De forma lúdica, abordan contidos das tres áreas curriculares traballadas durante o curso: Coñecemento de si mesmo/a e autonomía persoal, Coñecemento do contorno (medio físico, natural, social e cultural) e Linguaxes: comunicación e representación.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Paula Fernández sobre «Amaranta, a carteira saramaganta», de Mau e Pin

26 Maio 2011

Educación Infantil,Infantil

Paula Fernández publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Amaranta, a carteira saramaganta, de Mau e Pin. Reproducímola integramente:

Carteira saramaganta
Enriquecemento e inquedanzas

Despois dunha andoriña, un teixugo, un xurelo,unha centola,un porquiño e unha bolboreta, agora o novo número da colección “Polo correo do vento,” ideada por Mau e Pin, achéganos aos réptiles,
concretamente a unha saramaganta.Unha carteira, con nome rimado coma os anteriores, Amaranta, leva as cartas pola xeografía galega aproveitando a súa viaxe para nos amosar unha parte da fauna do país. Unha viaxes especial na que leva novas para sapoconchos, píntegas ou miñocas que serven tamén para que os lectores e lectoras coñezan lugares como Padrón, Ponteceso e Mondoñedo entre outros.
Outra vez unha maneira divertida de coñecer Galicia, espertando interese por lugares e animais.
O libro conta unha historia, o percorrido que fai a carteira para entregar as súas cartas e os amigos que atopa, mais ao tempo é tamén unha sorte de guía turística para quen le,máis axeitada para a idade dos cativos ca as tradicionais.
Como nos exemplares anteriores, unha serie de actividades que traballan dende a comprensión lectora ao enriquecemento do léxico e as inquedanzas artísticas, sempre dunha maneira lúdica, completa o volume, colorido e rechamante en todas as súas páxinas, cheo de animaliños e ocorrentes e orixinais referencias literarias, que engrandecen aínda máis o contido desta serie agachado baixo una aparente sinxeleza.

Paula Fernández

Chuzame! A Facebook A Twitter

Antón Cortizas: «A escola debe recuperar o xogo tradicional»

15 Novembro 2010

Autores,Educación Infantil,Entrevistas,Literatura_tradición_oral

O xornal Galicia Hoxe do pasado sábado publica unha entrevista con Antón Cortizas, asinada por M. J. Cebro, na que o autor de Chirlosmirlos. Enciclopedia do xogo popular se manifesta partidario de que a escola recupere o patrimonio do xogo tradicional. Reproducimos integramente a entrevista con Antón Cortizas, de quen Xerais deu á luz recentemente o libro Ao pé da Laxa da Moa, sobre literatura de tradición oral:

Antón Cortizas: «A escola debe recuperar o patrimonio do xogo tradicional»

O brinquedo foi a escola da natureza, do aire libre, da comunicaciín e da identidade do grupo ó que pertencemos. Unha enorme riqueza cultural adurmiñada que Antón Cortizas esperta como vehículo de ensino.

Antón Cortizas, docente e escritor leva anos, ou toda a súa vida, indagando sobre o xogo tradicional galego e levándoo á súa práctica docente cos nenos. Hoxe no marco do Congreso de Materiais e Recursos Didácticos Innovadores que oraganiza Nova Escola Galega, co Concello de Santiago e a USC, exporá a tipoloxía do brinquedo tradicional e como se pode sacar proveito didáctico deste patrimonio.

Como se leva á aula a riqueza do xogo tradicional?

Todos e cada un deles encerra unha riquísima cultura lúdica que se está perdendo e cómpre recuperar a través da escola. Sempre que podo tento meter os aspectos lúdicos nas aulas, porque amais de ser cultura, motiva moitísimo. No meu caso, que dou Ciencias da Natureza a nenos de 1º e 2º da ESO, as posibilidades son inmensas. Unha simple saída ós arredores para ver a vexetación podería servir para ver que especies das que están ó noso arredor teñen finalidade lúdica. Pódense facer chifres, brincos, asubíos, colares, xoguetes para outtos xogos regrados… as posibilidades son inmensas. Pode aplicarse calquera xoguete, o curso pasado fixemos unha actividade que consistía nunha serie de experiencias coa auga, a través duns traballos prácticos realizados entre as materias de Ciencias de Natureza e Tecnoloxía. Tratábase de trebellos que funcionaban con auga. Un deles é un enredo lúdico, un xoguete que se fai con canas e auga, que asubía e imita o canto do merlo, é un exemplo. A consecución dese enredo supón buscar os materiais, traballar a lingua, as descricións, coñecer especies botánicas, traballar a habelencia manual e a psicomotricidade fina, utilización de ferramentas… un abano moi grande.

Na época das tecnoloxías da información e da comunicación, os rapaces descoñecen esta tradición.

Está moi perdida, mesmo entre os nenos que veñen das aldeas, porque entre outras cousas, poucos nenos hai no rural e non hai posibilidade de transmisión. Pero é moi grato comprobar que aínda aparecen pola aula enredos cos que se xogou sempre, e mesmo lle temos que chamar a atención, por lanzar avións de papel, facer asubíos coas mans ou facer tirabalas de papel. Aínda hai cousas que están vivas. Pero a cantidade está moi minguada. E unha misión que ten a escola é a de transmisión deste extraordinario patrimonio lúdico.

Responden os rapaces a estes contidos?

Falta o que antes era normal, o afán de xogar, de enredar e de construír parte do rapaz. Hoxe hai que empurralos, porque falta a transmisión e polo tanto non saben que se pode xogar cunha corda, un pau ou unha goma.

Calquera materia se pode aproveitar destes recursos?

O ensino pode recorrer a esta sabedoría sempre. É máis, un dos mandatos da Unión Europea é traballar por competencias básicas e iso quere dicir desenvolver as habilidades que o individuo debe densenvolver para poder desenvolverse na vida. Con calquera disciplina e calquera enredo pódese traballar iso. Cando ensinas ciencias naturais tamén estás ensinando lingua e se temos que tomar medidas utilizamos matemáticas, é unha globalidade, que tamén é o que suxire as competencias, no sentido de traballar desde distintos eidos da aprendizaxe. O brinquedo foi unha escola, a escola da natureza e do aire libre, a escola da tradición e da comunicación era unha forma de endoculturación, de absorber a forma de vida e de ser do grupo ó que se pertence e de aproveitamento do contorno. Xa que logo, a construción e uso do xogo tradicional son válidos para calquera materia, nivel e tipos de nenos. A escola ten que ser o máis lúdica posible, porque iso é cultura.

Como é o proceso de documentación sobre este patrimonio ?

Teño un libro publicado en Xerais, Chirlosmirlos. Enciclopedia do xogo popular, e agora traballo en Tastarabás, que sairá o ano que vén e é un catálogo do brinquedo tradicional e uso lúdido da natureza, no que se recollen case mil enredos realizados con materias que temos ó noso redor e materiais de reciclado. A documentación vén da miña propia experiencia de cativo, os recordos dos meus amigos e compañeiros de profesión que me axudaron a pescudar por distintas zonas de Galicia e polas que eu mesmo preguntei. E tamén hai moita información bibliográfica sobre xogos e enredos.

M. J. Cebro

Chuzame! A Facebook A Twitter

Programacións de Educación Infantil 2010

13 Abril 2010

Descargas,Educación Infantil,Infantil,Programacións_didácticas

Xa están dispoñibles para a súa descarga as novas programacións didácticas para a segunda etapa de Educación Infantil. Os documentos están adaptados tanto ao Decreto 330/2009 de 4 de xuño polo que se establece o currículum da Educación Infantil como á Orde de 25 de xuño de 2009 pola que se regula a implantación, o desenvolvemento e a avaliación do segundo ciclo da educación infantil en Galicia.

Os textos foron preparados por un equipo de profesoras de Educación Infantil do CEIP A Valenzá de Barbadás, Ourense, formado por María Mercedes Gómez Rodríguez, Rosa María Gómez Couceiro, Concepción Reza Salgado e María Rodríguez Fernández, a quen dende Xerais queremos agradecer o seu esforzo e felicitar pola calidade do seu traballo.

Cada un dos documentos poden ser descargado no formato de preferencia da usuaria: pdf ou odt.

  • Programación do nivel 3 anos (pdf) (odt)
  • Programación da aula 3 anos (pdf) (odt)
  • Programación do nivel 4 anos (pdf) (odt)
  • Programación da aula 4 anos (pdf)  (odt)
  • Programación do nivel 5 anos (pdf) (odt)
  • Programación da aula 5 anos (pdf) (odt)

Aquelas usuarias que utilicen o formato (doc) deben solicitar o envío destes documentos ao correo electrónico da editorial: xerais@xerais.es

Estes documentos están dispoñibles tamén en papel e en cedé. Poden ser solicitados aos compañeiros e compañeiras do noso Equipo Comercial.

Quedamos abertos ás suxestións de todos as usuarias dos nosos métodos de Educación Infantil, sempre coa intención de mellorar a calidade destes materiais.

Chuzame! A Facebook A Twitter