Traballo co dicionario 1
Iniciamos hoxe unha nova sección de periocidade semanal neste noso blog onde proporemos exercicios para mellorar o uso da lingua no alumnado de Primaria e do primeiro ciclo da ESO partindo do emprego do dicionario.
Tomaremos como base para a formulación dos exercicios e mais para a súa resolución a utilización do Dicionario Xerais de Primaria, do que somos coautor. Por iso aludiremos sempre a este instrumento de consulta coas siglas DXP.
Non todos os dicionarios son iguais
O dicionario é o libro dos libros, posto que está pensado para axudar a comprender todos os demais libros. Mais non todos os dicionarios son iguais.
Non imos entrar agora a examinar os diferentes tipos de dicionarios que podemos atopar. Non obstante, hai un dicionario que nos interesa aquí: o dicionario escolar.
Moitos coidan que un dicionario escolar é simplemente unha redución ou resumo dos dicionarios xerais. Un dicionario escolar (por outros denominado didáctico) non é un dicionario reducido ou resumido, senón un dicionario pensado para os estudantes.
A partir de terceiro de Primaria comeza a aconsellarse aos alumnos que empreguen o dicionario. Nós, tendo isto en conta, elaboramos un dicionario de 14 000 entradas e máis de 26 000 definicións. Para elaborarmos as entradas e as definicións, tivemos en conta o que consideramos que debe saber un alumno ao rematar Primaria. Como o dicionario non é só para usar na materia de Lingua, tivemos moi en conta tratar o léxico que aparece habitualmente nos libros de texto que emprega o noso alumnado. Así mesmo tivemos especial coidado en que no dicionario se reflectise a realidade galega.
O dicionario, como todos sabemos, é o gran libro creador de identidades, pois nel atópase a lingua toda a lingua, e a lingua é a mellor expresión dunha comunidade posto que nas súas palabras se atesoura todo o saber e todas as arelas e características da devandita comunidade.
Por iso, queremos facer unha serie de reflexións para que se poida usar mellor o dicionario, especialmente o dicionario escolar.
O coñecemento do dicionario
Antes de nada, os alumnos e alumnas han de coñecer o que é un dicionario. O dicionario é un libro de consulta que vale non só para lingua, senón para todas as materias e mesmo para a vida en xeral.
No dicionario as palabras aparecen ordenadas alfabeticamente. Isto supón que os alumnos han de manexar ben e con rapidez o dicionario. Por iso, cómpre realizar exercicios de motricidade co dicionario (pasar as páxinas, cálculo aproximado de por onde cae cada letra etc.). Debemos dicirlle ao alumnado que as palabras van ordenadas por columnas e que aprendan a beneficiarse das palabras guía.
Mais o dicionario, non só serve para buscar o significado das palabras, senón que nos permite clasificalas morfoloxicamente, coñecer as formas máis correctas ou aconsellables etc. Imos presentar aquí, unha vez á semana, exercicios para o alumnado e mesmo comentarios para o profesorado que permitan tirar máis proveito do dicionario.
Así mesmo, explicaremos as razóns que nos levaron a optar por unhas formas e non por outras, que mesmo poden estrañar aos profesores que lean este dicionario (penso, por exemplo, no xénero de lentes ou nada, na inclusión de brote como forma correcta etc.)
Xa que logo imos comezar, posto que o movemento hai que demostralo andando.
Coñece o teu DXP ou dicionario escolar.
Para que te vaias familiarizando, propoñémosche que abras o teu DXP ou o teu dicionario escolar polo comezo da letra A.
Mira a páxina 1, mais devagar. Observa que non son iguais todas as letras.
Responde o seguinte, tras observar con atención esta devandita páxina 1.
1.Por que aparece no medio e medio da páxina a letra A tan grande e cunha cor diferente?
2.Que letras son de igual cor á deste A?
3.Por que cres que teñen a mesma cor?
4.Nalgunhas palabras, como nos casos de á1 e á2 aparecen uns números na mesma cor dos casos anteriores? Para que cres que serven estes números?
5.Non obstante, a maior parte do texto da páxina do dicionario aparece escrito en dous tipos de letra que os que se dedican á tipografía denominan letra normal e cursiva? Explica para que se emprega, ao teu parecer, no dicionario a letra normal e máis a cursiva.
6.Que significa a abreviatura OBS, que aparece en catro ocasións nesta páxina.