«O monstro das palabras» de María Reimóndez, crítica de María Navarro

12 marzo 2010

Críticas, Merlín, Xerais_nos_medios

CARÁCTER REIVINDICATIVO

A autora de Lía e as zapatillas de deporte ou Usha vén de publicar tamén na colección Merlí de Edicións Xerais de Galicia O monstro das palabras, un libro no que unhas rapazas descobren, axudadas pola súa mestra, que un ser perverso e maligno afánase cada certo tempo en comerlle as palabras á lingua e con iso evitar que a xente se relacione, pense e evolucione. Privando as persoas das verbas os nenos fican como aparvados, tatexando palabras sinxelas, e os maiores reclúense en si mesmos incapaces de expresarse.

A ficción leva a Alba e a Lela a seguir atentamente o relato da mestra que se confesa ser doutra época na que tamén a lingua se viu ameazada e necesitou dun grupo de mulleres que loitasen por ela. Agora parece que as elixidas son estas dúas rapazas que puideron escapar á influencia do monstro e que amosan unha sensibilidade especial para co que as rodea e,en especial, para coa lingua que queren e usan a cotío.

O seu asombro vai cada vez a máis, a súa perplexidade é cada vez maior e as súas ganas de mellorar a situación,directamente proporcional ao empeño que han poñer en coñecer, aprender e saber para actuar. A súa mestra élles de grande axuda e a avoa de Lela, un modelo a seguir. Se algo aprenden as nenas é a valorar que é importantísimo loitar por un ideal e que é preciso aunar esforzos, porque só así se escoitarán a súas voces.

Entre sentimentos, pensamentos e desexos vai avanzando a historia que non remata, un libro –o das palabras que aínda non acabou de escribirse,uns personaxes en constante evolución, porque así é a lingua, viva e dinámica. É cáseque unha constante na obra de María Reimóndez o carácter reivindicativo que aplica aos seus personaxes e que verque sobre a lingua e a condición das mulleres no mundo, aquí –máis no pasado ca agora– e nos chamados países subdesenvolvidos nestes momentos, convencida de que a educación integral ha de ser a chave que abra as portas a un mundo máis xusto e xeneroso para todos. María Navarro

texto publicado por María Navarro en «Faro da Cultura», suplemento de Faro de Vigo o xoves 11 de marzo de 2010. A páxina onde aparece pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Books Burn Badly», By Manuel Rivas trans. Jonathan Dunne

Autores, Críticas, Narrativa, Traducións, Xerais_nos_medios

[Un libro excepcional escrito por un autor excepcional]

Amanda Hopkinson

This is an exceptional book by an exceptional writer. Even among the near-industrial quantity of books now published on the Spanish Civil War, it is unusual. And within Manuel Rivas's own measured and exquisite output, not only does it attain the stature of a magnum opus, being roughly the combined length of his four preceding novels (all ably translated from Galician by Jonathan Dunne). It combines the folkloric lyricism of his In the Wilderness with the theme of the civil war already pursued by his first novel, The Carpenter's Pencil.

Essentially, this is the account of one day in the first year of the war, 19th August 1936, when pyres of books were assembled and abused by posses of Falangists on the beaches of Galicia, and its aftermath. Even Rivas, steeped in his native land, was formerly unaware of this event overlooked in previous histories. There can be little more emotive subject than for an author already absorbed by the legacy of the war to uncover the destruction of his literary antecedents.

Rivas's book has a cast of characters that includes a local boxer and a washerwoman, along with the matchgirls and the fishermen in the strategically vital port of La Coruna. But a subplot concerns the biography not of a person but of a unique copy of the New Testament. It the only book the British writer George Borrow ever dedicated: to the man who saved his life, Antonio de la Trava, "Valiente [musketeer] of Finisterra", in 1836. Borrow, an itinerant preacher, writer and translator, had been awarded the singular distinction of having his translation of von Klinger's Faust publicly burnt by Norfolk's Public Subscription Libraries.

De la Trava's New Testament, dedicated at the height of the Peninsular Wars, resurfaces in 1936, rescued from the pyres by the boxer, Vicente Curtis. Curtis is also known as Hercules, a name shared not simply with the most famous hero of Greek mythology but also with that of the La Coruna lighthouse, whose insignia involves an open book beaming out light. Hercules would have preferred to have been called Kid Kafka or Maxim: better for the ring, and inspired by names on the spines in the barrow-loads of books he transported from the station to the Faith bookshop in better days. It is Rivas's constant re-immersion of universal legend in local history which gives this complex novel its unique character.

For Rivas's and Borrow's books possess lives of their own. Their history bears witness as much as an inventory of survival as a catalogue of wanton death. "The book fires are not part of the city's memory. They're happening now... This is why the fire progresses slowly, because it has to overcome resistance, the arsonists' incompetence, the unusualness of burning books". At the same time, according to Hercules, "books are a kind of graft": they not only derive from trees but they grow and alter in the sharing and in the imagination. In La Coruna, they were also subversively distributed to coastal villages by a travelling library – a fishing boat.

In the first year of the civil war, the transformations were only just beginning. Names were changed, yes, as were professions, until everyone seemed to be using an alias. Books were used to excise encoded messages, concealed within matchboxes. Olinda, the matchgirl, risks her life to save others through unspoken words – until she and her 300 co-workers are summarily sacked from the factory, their union banned.

It reopens almost immediately, staffed with members of the Glorious Movement of the Falange, who start each day with the Roman salute. Olinda, now pregnant, changes elements - from fire to water - and becomes a laundress. With the disappearance of so many around her, she found herself obliged to hold a candle to their memory. And candles need a light, as do key comrades like the long-imprisoned Polka and the Catalan architect Joan Sert. When Polka opens his mouth and lets forth a stream of ants, introduced into his body through the open wounds of his torture, Sert declares: "You're a surrealist!"

Part real, like Sert or Borrow; part surreal, like Polka or Hercules; the characters, like the events, are only superficially fictitious. The book has an oneirically timeless quality that collapses past into present, and towards its end steers the reader back to England in 1968. The Odyssean journey is accomplished as the most "anthropomorphic" of artefacts returns. For books, like humans, can sometimes "survive the flames, the dampness of the dungeons, the robbers in the Palace of Justice". This tour de force comes full circle in a unique literary enterprise.

Amanda Hopkinson is professor of literary translation at the University of East Anglia. Her most recent translation (with Ros Schwartz) is of 'Affairs of State' by Dominique Manotti (Arcadia)

Texto aparecido en The Independent, venres 12 de marzo de 2010

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Unha novela excepcional escrita por un autor excepcional»

Autores, Críticas, Narrativa, Noticias, Traducións, Xerais_nos_medios

Hai apenas dúas semanas Manuel Rivas viaxaba até Londres para presentar a tradución ao inglés da novela Os libros arden mal (publicada en galego en 2006). As primeiras críticas non poden ser mellores. Un bo exemplo podémolo ler este venres no xornal The Independent, un dos xornais ingleses máis prestixiosos. Nas súas páxinas literarias, Amanda Hopkinson, profesora da Universidade de East Anglia, non dubida en cualificar a novela do escritor coruñés como «excepcional» e afirma que brilla con luz propia entre os innumerábeis textos literarios que teñen como asunto de fondo a Guerra Civil española.

Texto da noticia completa en Vieiros.

Algunhas das críticas aparecidas até o momento desta edición en inglés poden lerse na rede:

The Independent, Amanda Hopkinson.

News.scotmans.com, Tom Adair.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Valados na pel» por Lupe Gómez

Críticas, Merlín, Xerais_nos_medios

Inventamos valados que nos separan dos demais, ou levamos eses muros escritos e debuxados na pel. O escritor galego Agustín Fernández Paz conta moi ben unha historia de separacións dolorosas no seu libro Valados, publicado pola editorial Xerais. A man sincera e honesta do autor vaise pousando neste conto como se fose unha folerpiña de neve. O seu libro resulta moi entretido, moi animado. Conta con ilustracións divertidas e ensoñadoras de Xan López Domínguez. Un neno e unha nena son moi amigos e quérense moito, pero na súa amizade érguense valados que son como pantasmas. Eles seguen queréndose e buscándose para estar xuntos, xogar e escribir en avións de papel. Teñen un refuxio nunha árbore alta.

En Galicia estanse creando valados entre a xente por culpa dos políticos. Falar unha lingua tamén é un manifesto político. Amar ao galego é a raíz oculta que nos fai ser como somos, vivir como vivimos. Unha cultura nace, vive e medra con moitísimo esforzo e moitísimas dificultades. Se os políticos non apoian a nosa lingua, xorden guerras e valados. No conto de Agustín Fernández Paz, o neno e a nena que se querían tanto, tentan superar eses muros infranqueables para seguir queréndose e comunicándose. A identidade galega non se pode destruír porque, aínda que é algo moi delicado, tamén é unha muralla forte. Os valados están na pel, nos ollos, nas ideas, na ignorancia, na desigualdade. Helena e Xoel "xogaron a deixarse caer a rolos polo prado abaixo, cazaron grilos, tombáronse na herba para veren pasar as nubes por riba das súas cabezas e adiviñar as formas que tomaban... Xogaron como se nada raro ocorrese, coa mesma alegría e entusiasmo que calquera outro día". Lupe Gómez

Extracto do texto de Lupe Gómez publicado, baixo o título «O funambulista coxo», en «Lecer» suplemento de El Correo Gallego o 31 de xaneiro de 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Valados», crítica de Mª Jesús Fernández en «Clij»

Críticas, Merlín, Xerais_nos_medios

Valados, Agustín Fernández Paz

Helena e Xoel son dous nenos unidos por unha gran amizade. Non só comparten as horas de clase no colexio, senón que gozan xuntos máis alá do parque á sombra do grande carballo. Viven na mesma vila, mais os seus barrios son moi diferentes. Onde vive Helena, as casas teñen dúas bufardas e xardín traseiro; a rúa de Xoel está na parte baixa, alí as rúas son estreitas e as casas máis antigas.

Mais algo sucede no pobo que muda completamente a situación e pon a proba a amizade dos nenos. Dun día para outro aparecen pintadas ofensivas para algunhas persoas, as xentes empezan a mirarse con desconfianza, a escola deixa de ser o grato lugar que era, na propia casa de Helena os pais falan á nena da conveniencia de non seguir relacionándose con Xoel e, o peor de todo, algúen ergue unha reixa metálica que separa en dúas zonas aos habitantes da vila. Helena queda dunha banda e Xoel da outra. A partir deste momento, os dous amigos buscan todos os xeitos posibles para poder seguir en contacto, mais cada un dos seus intentos só consegue endurecer as medidas de separación. Aínda así, Helena e Xoel non deixan de intentalo unha e oura vez e, a pesar de todos os impedimentos, cada vez son máis as persoas que se unen nesta afán, dunha banda e outra do valado no que se converteu a reixa inicial.

Presentado como un conto de amizade e resistencia fronte ás imposicións inxustas, esta historia é unha fábula que denuncia todas as barreiras, unha visibles e outras invisibles, que na actualidade separan e discriminan aos seres humanos. O libro remata de xeito esperanzador, mais lembrando que os valados seguen aínda en pé.

Cun tratamento editorial especial, o libro enriquécese ademais coas notables ilustracións de Xan López Domínguez. María Jesús Fernández

Tradución para o galego do texto publicado por Mª Jesús Fernández na revista CLIJ correspondente aos meses xaneiro e febreiro de 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«A espiral no espello» de Anxo Angueira, crítica de Armando Requeixo

Críticas, Ensaio, Universitaria, Xerais_nos_medios

ESTUDO MODÉLICO

Anxo Angueira, poeta e narrador de relevo, acaba de publicar A espiral no espello, longa monografía froito da súa Tese de Doutoramento na que profunda naquilo que o seu subtítulo anuncia: a novela Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego.

Como non podía ser doutro xeito tratándose dun texto académico, o volume está inzado de abondoso material bibliográfico de apoio e usufrutúa teorías postestruturalistas –nomeadamente sistémicas– para achegarnos a fulcral significación sociopolítica e identitaria que agocha a narración de Méndez Ferrín, amálgama de novela fantástica e lírica, tamén simbólico-social, na que poden distinguirse diversos niveis de lectura e destinatarios internos da mensaxe que as súas páxinas tracexan.

A espiral no espello defende unha consideración de partida que é dificilmente obxectivable; velaí: “propuxémonos demostrar que a novela tivo vocación de intervir decididamente no sistema literario galego e mesmo de ocupar, cousa que para nós conseguiu, un lugar central dentro do mesmo en canto que, dito moi en liñas xerais, se pronunciaba con notoria personalidade sobre o campo político e o campo literario galegos”.

Que Bretaña, Esmeraldina tivo vocación de intervir decididamente no sistema literario galego e mesmo de ocupar un lugar central dentro do mesmo é innegable, entre outras cousas porque eu entendo que iso pretenden todas e todos os nosos autores cando dan ao prelo unha obra, pois é unha aspiración ben lexítima. Que Angueira considere que conseguiu ocupar un lugar central dentro do mesmo é defendible, pero só a realidade sistémica galega pode confirmar ou invalidar esa percepción. Porque está claro que aquí as interpretacións seguramente non sempre habían coincidir para todos coa aseveración de Angueira, e é que unha cousa é demostrar a valía (intra)textual da novela e outra moi diferente poder afirmar que extratextualmente esa obra foi recepcionada inseríndoa nun lugar de privilexio no centro mesmo do canon sistémico.

Ora ben, os estudosos das cuestións histórico literarias saben –sabemos– que os canons literarios están en constante reorganización, son variables e sensibles a factores moi diversos, entre eles,por suposto, que determinadas obras sexan reconsideradas con traballos académicos de impecable rigor na súa factura filolóxica e analítico-literaria, pois este tipo de atencións ensaísticas focalizan a atención neses títulos e devólvenos á comunidade iluminados, conseguindo transparentar neles valores e acertos que talvez pasaron no seu momento desapercibidos,pola causa que for, e que se cadra non deixaron estimalos convenientemente. Nesa liña cómpre inscribir este moi documentado e serio A espiral no espello de Anxo Angueira, sen dúbida modélico pola acuidade e fondura coa que se debruza nun dos textos narrativos dun clásicomoderno como é Xosé Luís Méndez Ferrín. Armando Requeixo.

Texto publicado por Armando Requeixo en «Faro da Cultura», suplemento de Faro de Vigo. A páxina onde aparece o texto pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«A táboa da hospitalidade», a segunda entrega da serie «O Brindo de Ouro», crítica de Pilar Ponte

11 marzo 2010

Críticas, Fóra de Xogo, Xerais_nos_medios, Xuvenil

PERDERSE NAS TERRAS OUTAS

Xesús Manuel Marcos López gañaba no ano 2004 o premio Merlín de literatura infantil e xuvenil coa obra O Brindo de Ouro I. A chamada do Brindo, que ao ano seguinte recibía tamén o premio internacional TheWhite Ravens. En marzo de 2006 Xesús Manuel Marcos estrea o seu blog Abellonenia, no que utiliza como pseudónimo Oluego (sóalles?) e onde avanza parte do primeiro capítulo desta segunda entrega da serie, pero aínda que hai que agardar tres anos máis, a calidade da obra ben paga a pena a espera. Mais este tempo non foi terreo ermo para o autor, que cultivou a novela e o relato con exitoso resultado. Momento prolífico para un escritor que vén de publicar a novela de intriga O esconxurador en Galaxia e que está a piques de presentar en Xerais O bebedor de rakia, protagonizada por un soldado galego en Bosnia.

Seguimos neste volume a historia do adolescente heroe Selmo, gardián do Brindo de Ouro, e do seu pobo os arxinas. Acompáñano Lombán (o lobo albino),o alobri Toimil, Oulego (o home salgueiro) e un mundo de personaxes lendarias (estrañas mulleres, animais extraordinarios...) que entroncan na súa natureza coa nosa tradición oral e coa “Galicia encantada” de Cunqueiro e Xosé Miranda. Os seus nomes de sonoridades evocadoras (Ildara, Morgaza, Oulego, Arvexa, Martul...) contribúen á creación dunha atmosfera atemporal e enigmática que fai crible a fantasía, e queda unha engaiolada de personaxes como as Barxas decididoras de todo canto acontece nas aldeas, durante longo tempo ocultadas mentres reciben o mestrado da sabedoría e da xustiza para ben administrar a vida dos arxinas.

E o libro é tamén unha novela de acción e aventuras, pero aínda que non pasase nada xustificaríase a súa existencia sópor ter a oportunidade de vivir a paisaxe recreada. Como manifesta o autor, o espazo do Brindo nace como un trasunto do Courel para logo medrar demaneiraindependente ata ser autónomo e contribúe a lle dar esa autonomía ao mundo da novela no sentido Tolkiano de mundo mitolóxico cunha entidade propia “real”. A obra entronca tamén coa xeografía da paisaxe oteriana, coa vivencia da paisaxe do de Trasalba. Épor istoque lugares como a Devesa da Rogueira, Abellonenia, Mogoxe, as Veigas de Valdavaraou o Pico de Bríoxa teñen pasado a formar parte da nosa xeografía fantástica común.

En canto á interpretación global, como xa ben sinalou Montse Pena Presas en LG3, o camiño dos protagonistas adolescentes non é senón unha metáfora do“camiñar de toda unha colectividade”, unha metáfora de nós mesmos no noso avanzar como pobo e onde Selmo tamén sente a presión da responsabilidade na súa condición de bardo guieiro. Este volume vén de ser declarado obra finalista para os premios 2010 da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) na categoría de literatura infantil e xuvenil. Unha convocatoria que este ano se presenta bastante discutida, pois a colleita de 2009 foi moi boa, e nela vai ter que competir coas Ás de bolboreta de Rosa Aneiros e con Agustín Fernández Paz que desta volta está nominado dobremente por Lúa do Senegal e por Valados, haberá que agardar ata a Cea das Letras do 17 de abril.

O libro catívanos en toda as súas páxinas e ao rematar, co comezo dese inverno aberto ao amor e á aventura onde se singulariza a soidade do heroe devécese esa terceira entrega xa no forno. Non desaproveiten a oportunidade de ler esta Táboa da Hospitalidade, unha obra de fantasía de grande altura “para aqueles que gustan das historias fermosas”. Pilar Ponte

Este texto de Pilar Ponte foi publicado en «Faro da Cultura», suplemento de Faro de Vigo, o xoves 11 de marzo de 2010. A páxina do suplemento onde aparece pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Unha historia que non vou contar», crítica de Manuel Rodríguez Alonso

8 marzo 2010

Críticas, Narrativa, Xerais nos blogs

CRÓNICA VIGUESA DO TARDOFRANQUISMO

A novela que nos ocupa ten o engado de ser unha investigación sobre o Vigo do tardofranquismo a partir da pescuda sobre un asasinato, que conmocionou non só esta cidade, senón a Galicia do ano 72, o que a fai sumamente entretida para o lector, especialmente para o que supera os corenta anos, pois lembra aqueles feitos. Pero é, así mesmo, un exercicio metanarrativo, pois o novelista, que recrea o asasinato, vai amosando ao longo da novela o proceso de elaboración do relato.

O autor, dun xeito posmoderno, tenta amosar o proceso de creación da novela. O narrador, en primeira persoa, é o propio escritor que presenta o proceso investigador en que tenta reconstruír en toda a súa complexidade o asasinato do famoso industrial conserveiro Alfarem. Xa que logo, estamos no terreo da metaficción ou metanovela, que tanto éxito e predicamento ten na chamada novela posmoderna. Con todo, esta figura do narrador é, ao noso ver, tremendamente tópica e ata un pouco soño erótico de adolescente, pola atracción irresistible que exerce sobre as mulleres que entran en contacto con el. Aínda que se agradeza o propósito de estar ao día con isto da metanarración, moitas veces dá a sensación de que é un postizo para quedar a ben coa crítica posmoderna. Con todo, benvidos sexan estes intentos anovadores.

Onde máis acerta o autor é na recreación do ambiente do Vigo do tardofranquismo, especialmente ao amosar este Vigo desde a perspectiva de persoas tan diferentes como xornalistas, señoras de clase media, o propio autor da morte de Alfarem, a súa, a través de entrevistas que transcribe nun intento de fidelidade documental. Mesmo a análise do pasado que realizan estes personaxes permite recrear a vida viguesa desde o comezo do século XX.

[...]

Xa que logo, novela interesante pola análise da cidade viguesa do tardofranquismo e tamén polo intento posmoderno de meditar sobre a propio proceso de creación do relato, aínda que este último aspecto pareza un chisco tópico e o desexo postizo de estar ao día e de presentarse como posmoderno. O personaxe do narrador-novelista  resulta tópico e pretensioso, como xa dixemos, e claramente mellorable. Sen ser a obra mestra que algúns proclaman por aí, é unha novela moi interesante, ambiciosa e digna de ser lida, especialmente por aqueles que queiran lembrar como foi de verdade o tardofranquismo, tan noxento, corrupto e represor coma o dos anos corenta e cincuenta, e coñecer ben a historia recente de Galicia dun xeito entretido.

[...]

Fragmentos do texto publicado por Manuel Rodríguez Alonso no seu blog Bouvard e Pécuchet o 7 de marzo de 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Unha historia que non vou contar», crítica completa de Xosé Manuel Eyré

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Os ratos deixaron o texto publicado en ANT sen parte do seu contido. Por exemplo no inicio, onde salientaba que a historia si se conta, o que pasa é que se conta de maneira que ao autor lle permita sentirse a salvo. E outro tanto pasa no remate. Reivindicar isto, no 2010...Pois si, hai que facelo! Van subliñados e en cursiva, os bocados dos ratos.

O PERIGO DA MEMORIA

Título: Unha historia que non vou contar

Autor: Cid Cabido

Editorial: Xerais

Non teña medo, que a historia si se conta. Cóntase daquela maneira que sabemos contar os galegos,  contando sen contar, dando datos pertientes para que non haxa que contar. E razóns para iso hainas, non se trata dun simple e oportuno xogo.

A nova novela de Cid Cabido conta tres historias, tres historias que son unha porque a estas alturas ninguén cre xa en que as historias individuais non estean conectadas…agás que aniñen detrás intereses políticos concretos para os cales iso representa un perigo. Na primeira historia aparecen o caso do aceite e Reace ( aquel caso de corupción, fraude e mortes derivadas que constituíu un dos escándalos máis berrantes do franquismo cando estoupou, alá polo 1972,e que, como conviña, nunca se deu deu esclarecido como de xustiza era) e o caso do asasinato de Antonio Alfageme (do 1974 outro misterioso asunto, do que si se atopou culpábel, porén fica a dúbida de que fora realmente el e polos motivos expostos…en lugar doutra xente e por motivos político-económicos ligados ao caso anterior, hai que lembrar que Antonio Alfageme, na novela Antonio Alfarem, era o mandamáis da Asociación de Conserveiros); ambos e dous casos parecen, de primeiras illados, mais ficou viva, en forma de lenda urbana, a vinculación entre eles. A segunda é a historia dun trío amoroso, un curioso trío formado por CC ( Cid Cabido? Non se aclara na narración, fai falta aclaralo?), Paula e Rebeca (irmás, loiras, Paula: a máis vella, Beba; a máis nova; son os dous motores, as dúas belidas e explosivas forzas motrices que evitan o abandono de CC…vista a súa preguiza existencial). E a terceira historia pode considerarse como a historia da elaboración da novela que se está a ler, na que se integran á perfección as dúas anteriores.

Evidentemente poden acharse concomitancias coa súa obra anterior. Así, o propio CC semella saído daquel grupo abeliano (2000), un ser tendente á abulia existencial, vividor preto do antiheroe, amante do Rioja , durmidor de libros, que se move grazas a impulsos externos, é un exemplo ben acaído da destrución da personalidade individual de que tanto se fala na posmodernidade,e tamén un presioco exemplo de cómo esa mesma personalidade nos é imprescindíbel porque é desde ela desde como somos recoñecidos polos demais. Por outra banda, esa crónica de cómo se vai construíndo a novela, lembra inequivocamente o Blúmsdei (2006) e considerámolo unha depuración, moito máis chea de contido, daquela experiencia. Dous títulos, do mesmo autor, para reivindicar a faciana posmoderna dun Cid Cabido que sempre se preocupou pola renovación formal da novela e nos ensina,  con este título, que esa actitude tan vangardista (contar sen contar, subir sen subir e baixar sen baixar) non é nada novo entre nós. Non debe, isto, pasar por alto, sobre todo a quen pense que a actitude posmoderna é cousa de xentes que non teñen  outra cousa que facer.

Igual que O Cabo do Mundo (Xabier Quiroga) anoaba, nunha única historia, a actualidade e os comezos da Guerra Civil, a novela de Cid Cabido interpretátase tamén no grupo daqueles títulos que se insiren na corrente de recuperación da memoria histórica. Deixando ben claro que as coincidencias coas “novelas da Guerra Civil” son inevitábeis, mais non sempre nesas novelas da guerra se acha implícita a vontade de recuperación da memoria histórica, feito dos nosos días. Unha historia que non vou contar, para esa finalidade bota man dos anos finais do franquismo, dun fenómeno tan popular como é a lenda urbana e da permanencia dos feitos na memoria colectiva (inclusive das/nas cousas, para quen queira) de xeito que logra unha novela que achega un discurso integrador no cal as diferentes perspectivas (actitude non determinada pola mentalidade moderna, elitista, se se quer, e outra que ben se pode considerar popular ) conviven harmonicamente alimentándose unha á outra. E o nó apreta con máis intensidade á hora de comprobar como no propio CC convercen, narrador, autor, protagonista, realidade e ficción, diacronía e sincronía, e tamén cultura ( co que ten de elitismo) e popularidade.

O discurso procura en todo momento un ritmo lector marcado por unha discursividade que proporciona unha lectura agradábel e intensa. Nun ton marcado polas constantes referencias a filmes de serie B, correlato ficticio da vida real, ou ao revés, recordatorio permanente na procura de reflexionar a razón desa dualidade ( ficción, realidade) que non é tan antagónica como moita veces se pensa, sobre todo se se tenen conta como aquí se bota man da ficción para ilustrar/reivindicar/recrear o real. Tal ten despréndese tamén da convivencia entre un léxico culto ( sen extremismos, doadamente comprensíbel) con outro de raigame vulgar, popularizante e que constitúe o único aspecto desta novela a falar en negativo, pois bótase man, non poucas veces, de calcos semánticos e castelanismos absolutamente desnecesarios cando a lingua galega posúe os suficientes recursos ( e máis ) para dar conta desa realidade sen ter que recorrer ao hiperrealismo ficticio.

Como consecuencia, e tamén como instrumento, como estratexia narrativa, a novela tamén consiste nunha moi notábel recreación da sociedade viguesa nos estertores do franquismo, unha sociedade de nivel acomodado ou alto, corrupta e pretensiosa (a de Mercatil, do Náutico, do Aeroclub, do Club de Campo), e quen queira interpretar a realidade do actual acontecer sociopolítico á luz desta novela, ben pode facelo, que a historia cóntase, se se conta é por e para algo, e, por certo, que para contala non houbo que recorrer a ningún extremismo. ASDO.: Xosé M. Eyré

Este texto foi publicado por Xosé Manuel Eyré no seu blog o 7 de marzo de 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O maquinista Antón» de An Alfaya, crítica de Paula Fernández

5 marzo 2010

Críticas, Infantil, Merlín, Teatro, Xerais_nos_medios

En 1991, An Alfaya (Vigo, 1964) chegou ao universo literario infantil cunha peza teatral dun único acto, O maquinista Antón, que lle valeu daquela o Premio de Teatro Xeración Nós e amosaba o compromiso da autora co teatro, en galego e para nenos, xa dende o comezo da súa obra.

Un compromiso que non lle impediu probar outros xéneros, no eido infantil, xuvenil e para adultos, nos que tamén acadou un recoñecemento notable avalado pola obtención dos máis prestixiosos premios, entre os cales se atopan o Merlín, o Lazarillo, o frei Martín Sarmiento ou o Fundación Caixa Galicia.

Agora, dezanove anos despois daquel primeiro achegamento triunfante, edicións Xerais vén de recuperar esa súa primeira obra para a colección Merlín, onde xa figuran outros títulos da autora como a A encontadora, O caderno azul e Sireno, Sireno.

O maquinista Antón é unha peza teatral artellada nun único acto malia estar protagonizada por multitude de personaxes, os viaxeiros dun tren que non se pode poñer en marcha porque non ten maquinista. Este non aparece e cando o fai xoga a fuxir de todos.

O xogo, a compoñente lúdica, é o trazo fundamental desta peza onde, partindo dunha situación caótica, ás veces case histérica, a autora recrea un ambiente circense, entrañable e romántico, nunha estación de tren ocupada polos máis excéntricos personaxes: o home dos globos, o pescador de soños, unha vella, un mozo tatexo e unha moza que fala co i. Moi diferentes todos eles malia teren un obxectivo común, conseguir que o maquinista volva ao seu posto, poña en marcha a máquina e os leve ao seu destino. No transcurso desa empresa destacan os momentos de desorde e loucura mais sobre todo o xogo, que se fai evidente nas adiviñas e nas cantigas que adobían o texto e, xunto ás alusións que se fan ao público, fan que quen le se sinta tamén participe do que nas páxinas do libro acontece.

Unha pezaa onde non faltan tampouco as referencias ao onírico, e ao que cada un dos personaxes soña ser. Antón acadou o seu soño que relata para todos nunha fermosa historia dentro da peza que convirte aos viaxeiros e aos lectores en público improvisado.

Xa que logo, quen le participa e goza penetrando nun ambiente fantástico, que reproduce Santy Rodríguez con mestría nas súas ilustracións, ao tempo que experimenta diferentes sensacións movido polo ritmo marcado pola autora mediante os personaxes excéntricos e os diálogos delirantes que dinamizan a peza. Paula Fernández

Texto de Paula Fernández publicado en «Faro da Cultura», suplemento de Faro de Vigo, o 4 de agosto de 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Episodios galegos», crítica de Manuel Rodríguez Alonso

1 marzo 2010

Críticas, Crónica, Xerais nos blogs, xornalismo

CONTRA O PENSAMENTO TÚZARO

Rivas reúne neste novo libro os artigos que publicou durante un ano na edición galega do xornal El País. O atractivo destes artigos é que non son só, a maior partes deles, de opinión, senón ao mesmo tempo literarios, pois o comentario da actualidade galega faise empregando técnicas propias da escrita literaria como a metáfora, a ironía ou, especialmente, o esperpento, para dar unha radiografía do que o autor chama o pensamento túzaro.

Ao xeito de Valle, no sintagma pensamento túzaro Rivas xunta dúas palabras que nunca antes se xuntaran e que ademais parece imposible xuntar. O pensamento é a capacidade de razoar e someter todo á luz da razón. O túzaro é quen nunca razoa, quen parte das súas ideas e non as analiza nin discute e ata, se alguén llas somete a crítica, reacciona de forma bruta e sen educación.

Os artigos de Rivas van presentando, con grande ironía e sentido do humor, as claves e persoeiros do pensamento túzaro, que xermolaron especialmente na campaña electoral das eleccións do 11 de marzo de 2009 e despois delas. Segundo o autor grandes ideas deste tuzarismo, que non analiza a realidade senón que berra tópicos e descualificacións gratuítas, son a mentira da imposición do galego e expulsión do castelán, a subvención da cultura galega (coma se o Estado non subvencionase bastante máis o Instituto Cervantes, as fábricas de coches ou a Banca), a falacia de que os defensores do galego son xente oposta ao progreso, o estereotipo de que as persoas que procuran a recuperación da memoria histórica son uns frustrados que só buscan un desquite político… Xa que logo, quen queira entrar en contacto coas ideas básicas do tuzarismo (neoloxismo acertado que inventa Rivas para este non-pensamento) ten que ler este feixe de artigos.

Mais, como xa dixemos, o libro non só analiza o tuzarismo senón que aparecen tamén os seus persoeiros: Corina Porro, Feijoo, Francisco Vázquez… Espazo á parte merecen voceiros do tuzarismo como Jiménez Losantos, Pedro J. Ramírez ou os medios que dirixen e lles dan acollida, cuxa opinión tanto preocupa ao actual presidente da Xunta. Tamén entran neste tuzarismo medios galegos, que o autor non cita polo seu nome, pero todos pensamos en La Voz de Galicia ou no Faro de Vigo, coas súas políticas claramente contrarias á normalización do galego.

Como xa dixemos, o libro engaiola o lector non só polo que di, senón por como o di. Acerta no emprego da caricatura esperpéntica e na sátira humorística. Ademais Rivas dá no albo ao empregar neoloxismos para caracterizar este tuzarismo: a non-Galicia, a Neo-Galicia, o decremento sostible/sustentable do galego que propón o goberno galego actual, a deconstrución de Galicia, a decota de Galicia… Son todos eles achados neolóxicos que atraen o lector e que provocan nel un sorriso, mais un sorriso agre e crítico.

Polo libro pasa ademais gran parte da vida da Galicia destes dous últimos anos: a súa cultura, a figura de Piñeiro despois do ano a el dedicado, libros que impresionaron ao xornalista…, en fin, a Galicia verdadeira e que nada ten que ver coa Galicia túzara.

Cómpre ler este libro para entenderemos mellor as declaracións que non deixan de aparecer na prensa nos últimos días, como a do conselleiro que di que a cultura galega vive ensimesmeda (se algo ten a cultura galega é a apertura cara ao exterior e debe lembrar o conselleiro en que lingua peninsular se fixo a primeira tradución do Ulises, por exemplo, ou comparar, estes días en que saíu Ferrín presidente da RAG, o que escribían os novelistas casteláns nos cincuenta e a xeración de Ferrín por estes mesmos anos), ou do Conselleiro de Eduación, que afirma que coñecer o galego é desprezar o resto de linguas… En fin, tuzarismo puro e duro, como o das reaccións da prensa madrileña perante a manifestación do xoves 21 de xaneiro. Manuel Rodríguez Alonso

Texto publicado no blog Bouvard e Pécuchet o 25 de febreiro de 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O Cabo do Mundo», crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Críticas, Narrativa, Xerais nos blogs

A MEMORIA QUE NON CESA

Dentro da novela galega contemporánea podemos establecer un subxénero que foi definido hai pouco de forma certeira polo profesor estadounidense John Thomson como novelas da memoria, é dicir, novelas que tentan reconstruír a sublevación franquista e a represión que orixinou, mais que non quedan na pura análise da sublevación do 36, senón que se mergullan tamén nos anos da República e na análise dos corenta anos de represión do franquismo. Esta nova achega narrativa de Xabier Quiroga é un exemplo acaído deste subxénero de novela, tan vital hoxe na literatura galega.

O novelista, sabémolo pola nota final, opta polo recurso do manuscrito encontrado, pois o texto novelesco é a narración en primeira persoa do protagonista, que tenta reconstruír o pasado do seu pai –posiblemente un membro das patrullas do mencer, que paseaban republicanos– e que edita o seu amigo e axudante nesta pescuda Xosé Manuel Reina.

A investigación do protagonista-narrador é suscitada porque, no enterro do seu pai, “un velliño moi vello” lle berra ao cadáver do pai: ”Adeus, asasino”. O protagonista, un profesor e novelista, na mellor liña do personaxe intelectual rico e conflitivo, tentará descubrir o significado destas palabras. Por outra banda, emprende esta pescuda desde unha situación límite, pois padece un cancro, que será causa da sua morte. Mais, antes de morrer e por consello-imposición do seu amigo e axudante Reina, escribirá a xeito de narración en primeira persoa o proceso desta investigación sobre o pai.

Xa que logo, estamos perante unha novela da memoria histórica. O autor utiliza fontes históricas, mesmo fala con historiadores reais que escribiron libros e artigos sobre a represión franquista, especialmente no concello do Saviñao, lugar onde actuou o pai. Por todas as partes atopa con muros de silencio, mesmo nas institucións. A novela é deste xeito unha boa reflexión sobre os atrancos que sofre a recuperación desta memoria histórica entre as que cómpre citar a actitude negativa das propias autoridades, o pacto que se fixo na Transición de evitar estes temas, a posición dos propios historiadores afectos ao poder que non queren tocar o asunto ou mesmo que na Transición e na actualidade os represores e os seus fillos seguen a ocupar postos de importancia na política, na economía ou na sociedade. Neste sentido a investigación sobre a figura do xefe da patrulla do mencer, o alcalde perpetuo do Saviñao D. Evaristo Moreiras, na ficción, así como sobre o seu fillo, importante empresario na actualidade, atopa todo tipo de obstáculos que o protagonista, coa axuda de Reina, irá superando.

A novela pode entenderse deste xeito como unha novela ensaio sobre as dificultades que se achan na recuperación da memoria histórica. Ás aludidas no parágrafo anterior hai que unir principalmente o medo que o franquismo meteu no corpo das propias vítimas da represión e nas súas familias. Cómpre calar para non ter novos problemas e ata na actualidade os netos teñen que gardar silencio, pois os herdeiros dos represores son, ás veces, poderosos abondo e non se sabe nunca como se poden vingar.

Como adoita acontecer nestas novelas da memoria, a falta de datos fai que o novelista teña que imaxinar moitas veces como foron os feitos, de tal xeito que se mesturan realidade e ficción. Tamén o mesmo proceso de pescuda se converte nunha aventura persoal e mesmo enfronta o investigador coa súa propia realidade persoal. Desta forma o narrador-protagonista Carlos Pereiro, a partir da investigación da vida do pai, enfróntanse coa súa propia vida, a súa infancia, a súa adolescencia, o seu fracaso matrimonial ou a súa derradeira relación amorosa cunha antiga alumna brasileira.

A novela, como adoita acontecer con outras deste subxénero, convértese en sucedáneo da historia. Entra onde os historiadores non se atreven a entrar: as figuras dos represores e non dos reprimidos. Nas investigacións históricas adoita falarse dos reprimidos e asasinados con nomes e apelidos, mais cálanse moitas veces, polos motivos devanditos, os nomes, actividades e cargos dos represores.

Esta novela afonda non nos reprimidos, aínda que tamén o fai, senón nos represores. Aí reside outro acerto. Na figura do alcalde asasino e xefe das patrullas do mencer moitos dos que xa temos algúns anos estamos a ver persoeiros dos franquismo da nosa infancia e das nosas bisbarras, dos que todos sospeitabamos que fixeran cousas horribles, mais ninguén falaba diso porque o medo non deixaba abrir a boca. E hoxe, o que tenta recuperar esta memoria da infamia, segundo moitos medios de comunicación, é alguén que busca o desquite, quere vinganza e ata os herdeiros dos represores poden levalos aos tribunais. De aí o acerto da novela ao centrarse fundamentalmente nos represores.

O desenlace é un tanto folletinesco, mais é posible que ata na realidade acontecesen cousas así, pois a represión na Arxentina xa nos afixo a ver como os asasinos quedaban cos fillos cativos dos asasinados. Na novela, dous da patrulla que asasinan o matrimonio Pepe-Estrela acaban recollendo as súas fillas, cóidanas e ata rematan casando con elas. Soa a folletín, mais todo é posible e verosímil despois das terribles experiencias históricas vistas na Guerra Civil española, en Chile ou na Arxentina das ditaduras militares. O lector, no final da novela, non sabe distinguir, xa que logo, que hai de ficción e realidade nestes casos, pois a realidade, por dura que sexa, supera ás veces a ficción. É outro dos méritos da novela.

Outro aspecto engaiolante desta obra é o personaxe Gumersindo, o home que vive coma un Robinson, só na natureza, ao xeito dun home prehistórico, que practicamente se sustenta co que el mesmo caza ou recolle. Na mesma liña, dentro neste caso da ironía, hai que salientar a figura do xefe de estudos do instituto onde traballa o protagonista, así como a presentación acertada do ambiente de moitos dos nosos centros de ensino secundario, que tamén ofrece a novela a partir da descrición do devandito instituto.

Así mesmo, como acontece noutras novelas da memoria, e como ben salientou o estudoso estadounidense John Thompson, hai unha valoración altamente positiva do período da II República como un espazo de liberdade, federalismo e xustiza, como comprende mesmo alguén tan primario e afastado da política como o propio Gumersindo. Cómpre subliñar igualmente a presentación da Galicia rural e dos campesiños como persoas solidarias, embarcadas en proxectos sindicalistas e progresistas, que desbotan o tópico dereitista do mundo rural conservador, antimoderno e individualista, que é outro dos tópicos forxados polo franquismo e que segue aínda vixente hoxe na dereita galega e asimilados.

En canto á lingua, Quiroga é posiblemente un dos novelistas actuais que mellor manexa o galego. Así manifesta un bo uso do infinitivo conxugado, emprega o artigo diante dos nomes propios de persoa (como é habitual na lingua falada da maior parte de Galicia) ou usa formas de superlativo como “un velliño moi vello” (páx. 15), que remiten á enxebreza da súa sintaxe. Non obstante, advertimos algúns erros como o emprego do comparativo que diante de min no canto de ca (“Mellor que a min”, páx. 193), o emprego de rir sen pronominalizar con complemento de réxime (“rían da propia miseria –páx. 145–, cando tanto o DRAG como o recente Gran Xerais establecen a pronominalización obrigada nesta acepción) ou a eliminación da preposición a, ao xeito castelanista, ante os adverbios comezados por a (“de arriba abaixo”, páx. 259; nestes casos, os DRAG, a partir da chamada información agochada dun dicionario, impón o emprego de a).

Achamos erros léxicos, que máis ca ao autor, hai que atribuír á falta de lectura dos textos por correctores profesionais, como o emprego de “lentes” como masculino, o castelanismo “finca” (páx. 191), “mimos” (por mecos, páx. 20), “apartado” (como substantivo, por sección ou outro substantivo sinónimo), “modais” (páx. 56) por modos ou educación.

Como conclusión, aconsellamos a lectura desta novela para así comprendermos o noso pasado recente, así como os atrancos que atopa a recuperación da memoria histórica, máxime nestes tempos en que o goberno autonómico lle retira as axudas e subvencións á recuperación desta memoria. Manuel Rodríguez Alonso

Texto publicado no blog Bouverd e Pécuchet o sábado 27 de febreiro de 2010

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O Cabo do Mundo», crítica de Ramón Nicolás

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

XABIER QUIROGA ENSAIA UN CONVINCENTE EXERCICIO DE SEDUCIÓN NARRATIVA CUNHA NOVELA INTENSA, DRAMÁTICA E ALICERZADA NAS REGAÑAS DA MEMORIA

Nominada como unha das mellores novelas para o premio de narrativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega, xunto coas propostas máis recentes de Cid Cabido e Luís Rei, ambas as dúas comentadas nestas páxinas, O Cabo do Mundo é, sen dubidalo, unha gran peza novelística que recomendamos vivamente. Quiroga retorna, dalgún xeito, ao Bouzuás das súas primeiras obras para ofrecernos outro territorio parello, desde agora incorporado ao imaxinario literario galego, como é o do Cabo do Mundo: lugar onde o Miño dá unha volta entre Escairón e Chantada. É alí onde se desenvolve boa parte da trama da súa proposta e, ao meu parecer, é aí onde circulan as páxinas máis brillantes pola súa transparencia e verismo, e porque nese lugar todo cobra un claro significado alén da metáfora: aí é onde o protagonista, cunha grave enfermidade ao seu lombo, persevera na procura teimosa da súa propia identidade persoal nun pasado ao que non lle ten medo pero no que é incapaz de penetrar; aí é onde intenta ver que pode haber ao final, que é a propia condición humana e cales son os seus límites, para o que atopa un personaxe de memoria imperecedoira no lector como é Gumersindo: indómito como a terra que o rodea, franco e leal, cheo de vellos saberes mais tamén depositario de grandes misterios para quen o silencio é tan elocuente como a palabra.

Se algún elemento cómpre destacar desta novela, alén do logrado verismo que a domina desde a primeira até a derradeira liña, é a conseguida tensión dramática a través da cal o lector quere seguir a evolución do protagonista nesa situación extrema que vive, debilitado fisicamente mais tamén animicamente ao procurar sen sosego unha resposta que explique de vez de onde vén, resposta que se vai desvelando a través da esculca que afonda nos convulsos acontecementos do ano 36, nomeadamente na represión que se operou singularmente nun lugar como O Saviñao, de xeito que o drama persoal avanza parello ao seu declive físico, pero que ademais se proxecta polos carreiros das grandes preguntas do ser humano cuestionando todo aquilo que se asoma ao abismo do descoñecido... Velaí como o devezo por saber, o desexo por coñecer a auténtica verdade move ao protagonista, e diría eu que ao lector, transparentando a crueldade duns días ignominiosos que nunca está de máis lembrar, devorcando historias reais, "carne viva", vinganzas e represalias motivadas por motivos políticos, mais tamén por razóns asentadas na paixón e no desexo; sen esquecer ese fío suxestivo que reflexiona sobre a eliminación da documentación oficial da que se puidesen derivar funestas consecuencias. Neste contexto, o único operativo para reconstruír a propia identidade, a persoal e a dalgún xeito a colectiva era e é a memoria, á que se apela sen pausa, unha e outra vez.

Ben se poden engadir, ao sinalado, outros méritos da novela como son tanto o rexistro expresivo que Quiroga emprega e que resulta extraordinariamente brillante, case me atrevería a cualificar como gozoso, como a tonalidade se se quer detectivesca –apoiada pola presenza final do intuitivo Reina, alcumado como un novo Holmes- ou a acaída arquitectura da peza, que retarda ou remansa a acción cando cómpre para logo acelerala outorgándolle un ritmo trepidante que turra, inevitablemente, do ánimo do lector.

Xabier Quiroga reafírmase así como un excelente novelista con esta novela: tiroulle partido a un argumento, artellou unha excelente historia e, ao tempo, soubo moi ben como contala. O Cabo do Mundo non debería, abofé, pasar desapercibida. Ramón Nicolás

Texto publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o sábado 27 de febreiro de 2010

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Unha historia que non vou contar», crítica en «El Correo Gallego»

22 febreiro 2010

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Recomendamos o texto que José Manuel Estévez Saá publica en El Correo Gallego unha crítica sobre a novela de Cid Cabido Unha historia que non vou contar.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«A Táboa da Hospitalidade», crítica en «lg3»

Críticas, Fóra de Xogo, Xerais_nos_medios, Xuvenil

Montse Pena Presas publica nas páxinas de crítica de «lg3» un traballo sobre A Táboa da Hospitalidade, a segunda entrega d`O Brindo de ouro, a serie de novelas de fantasía épica de Xesús Manuel Marcos. Recuperamos algúns parágrafos dun texto moi interesante:

As lectoras que limos entusiasmadas a primeira novela, vimos que tanto o título como o final deixaban a porta aberta para a continuación da triloxía. Porén, O Brindo de ouro. II. A Táboa da Hospitalidade tardou cinco anos, seguramente demasiado para un lectorado esvaradío como é o xuvenil (tendo en conta que o habitual é que os primeiros tempos en que se considera superada esa fase non se adoita volver os libros lidos nela. Iso sucede máis tarde). Aínda así, a saída do prelo da segunda aventura de Selmo é unha boa nova para a literatura galega xuvenil e unha oportunidade para que o público mozo de hogano se achegue a esta fascinante recreación do espazo courelá e dos seus símbolos literarios máis comúns (algúns de clara orixe novoneiriá).

[...]

A táboa da hospitalidade insírese perfectamente na triloxía. Atopamos de novo o recurso ao mundo mítico e oral como perigo, coma fonte de inquedanza e coma arela. Porén, Marcos reafirma a súa capacidade para crear a referencialidade, as crenzas, e mesmo os ditos de toda unha sociedade revisitando símbolos pagás que nos son coñecidos de orixe galega e europea. Os alumantes e os andaregos volven para asustar aos vivos e gañar adeptos entre eles; o mundo somerxido nunha lagoa convértese nunha caixa de Pandora de seres fantásticos (de mulleres xigantes, de mulleres con medio corpo de píntega e de mulleres-deusas con poderes sobrenaturais); unha curuxa, a Churiña, trae agoiros sobre os mortos; e o cervo Aio é o particular Caronte dos arxinas, chega para acompañalos na última viaxe. A relación cos elementos naturais tórnase máis estreita ca nunca: se non se escoitan estes, as esencias conxuntas pérdense.

[...]

Con A táboa da hospitalidade, Xesús Manuel Marcos volve sorprender. Os seus textos non inventan nada novo, mais á vez reinvéntano todo: a concepción do mundo, o subxénero da fantasía épica, as tradicións e ata os espazos.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Trafegando ronseis recomenda «Dime algo sucio»

15 febreiro 2010

Críticas, Narrativa, Opinións_lectores/as, Xerais nos blogs

Gustoume esta última novela de Diego Ameixeiras, Dime algo sucio, novela coral con estrutura circular na que imos desfiañando anacos de vidas que nada teñen que ver entre si e que acabarán mesturándose por esas razóns que o destino ás veces nos ofrece, cunha lixeira (moi lixeira, a verdade) nota de esperanza ao final a pesar da violencia dalgunhas das súas páxinas. De fondo, a cidade de Oregón, facilmente identificable, que nos levará de paseo pola nosa cidade ourensá, polas súas rúas e calellas, mentres a vida e a morte vanse sucedendo nunha novela «case-negra», áxil, de lectura rápida polos seus minúsculos capítulos. Personaxes insatisfeitos que case rematan coa súa vida ou que aínda a estarían a iniciar se non fose truncada violentamente. Xente da rúa, taxitas, médicos, vendedores ambulantes, adolescentes... mestúranse nunha cidade fría onde a violencia convive connosco sen apenas decatarnos. Soidade, adolescencia, desexo, sexo, amor, enfermidade... barállanse anarquicamente para achegarnos unha visión real da sociedade na que nos movemos decote nun ritmo marcado enfaticamente por eses pequenos capítulos. Unha novela a ter moi en conta no panorama da literatura negra galega.

Texto publicado no blog Trafegando ronseis.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O Cabo do Mundo» de Xabier Qurioga, crítica de Xosé Manuel Eyré

14 febreiro 2010

Críticas, Narrativa, Xerais nos blogs, Xerais_nos_medios

No número de 11 a 17 de febreiro, 1393, de ANT, debería saír publicada a crítica que de O Cabo do Mundo enviei. No seu lugar vén un texto rillado deses famosos ratos que ameazan, mesmo na era dixital, os medios impresos. Tan rillado que nel malamente dou recoñecido o por min escrito. Velaquí teñen a crítica enteira:

OS CANS E A RABIA

A experiencia en carne propia contradí a afirmación segundo o cal “morto o can, acabouse a rabia”. O can xa morreu hai máis de 30 anos, porén a rabia, o fascismo intolerante, segue a manifestarse cunha virulencia abraiante. Non hai nada que roldaron e ameazaron a Dionisio Pereira, só por querer esclarecer anos escuros. Menciónoo por ser un caso ben coñecido, mais todos sabemos que non é único, como non imos saber se mesmo está a ameazar a nosa lingua cunha contundencia, aleivosía, nocturnidade e premeditación nunca vistas! Informa o almanaque que 1936 pasou, informa, e que este é o século XXI. Infórmanos a vida de que a rabia adoecida segue impaciente por trabar en nós. Ese é o pecado, ser nós porque sendo nós estorbamos os negocios dos de fóra. Non hai máis voltas, a cousa é así de simple. E como non hai máis voltas, avisamos que confundir a última de Xabier Quiroga con “outra maldita novela sobre a Guerra Civil” só é posíbel desde ópticas contaminadas por intereses espúreos.

Ou que se opina da novela sen chegar a lela. Porque O Cabo do Mundo é unha novela moi actual. E non é actual só por estar atenta á recuperación da Memoria Histórica. O que pasa n´O Cabo do Mundo pasa hoxe, certamente. Mais o que pasa hoxe ten as raíces no onte porque nalgún lado as ha ter e no mañá non pode ser, claro que o onte non é a folla do almanaque que arrincamos esta máñá, senón un pozo moito máis fondo que segue manando auga ao brañal da vida. Bouzuás, o brañal identitario de Xabier Quiroga que tamén aquí aparece, lugar duro, inhóspito, salvaxe, ben pode ser considerado como metáfora da vida, logo hai quen sabe vivir os valores da civilización e quen non dá pousado o estigma rancoreño e primario do brañal. Velaí a diferenza entre  o Carlos e Ramón ou o Evaristo, dous que non deron desapegado a roña canalla. Que en definitiva niso consiste a civilización, en chegar ao humanismo desfacéndose, polo camiño, da cotra dos comportamentos animais e primarios.

No enterro do pai de Carlos, alguén lle chama asasino ao finado. Cando a Carlos lle diagnostican unha enfermidade que logo o consumirá, entón, abandonada toda esperanza, decide indagar se é o fillo dun asasino ou non. Tarefa que o  levará de volta ás terras d´O Saviñao (as novelas de Xabier sempre son un reencontro coas raíces) onde pouco a pouco irá destapando as lousas debaixo das cales agocha un misterio que o abalará con tanta intensidade como a lectura desta novela ao lector. Ese proceso de búsqueda é o miolo, é a novela. Porén non continuaremos sen sinalar que tal reencontro coas raíces, igual que o proceso de búsqueda e desapegamento da roña canalla, exercen de convincentes metáforas nas cales o ser humano atopa esperanza, e azos para vivir, cando se decide a limpar o pasado dos fantasmas que abafan o pesente.

Respondendo ás expectativas xurdidas a partir da iniciativa de recuperación da Memoria Histórica, Xabier Quiroga propón nesta nova novela unha mestura entre ficción e realidade moi a ter en conta. Partindo da base de que a trama é pura creación, o feito de botar man de personaxes reais (en situacións ficticias, caso de Henrique Sampil) ou de que personaxes de ficción reivindiquen outras reais ás que dalgunha maneira se homenaxea (caso de Reina), confire ás personaxes puramente ficticias (e situacións) un extraordinario empaque de verismo. E por demais esta estratexia contribúe, de segundas e de maneira moi efectiva, á hora da reconciliación entre a lectura e o lector, pois refórzanse un  ao outro entre os dous efectos. É o xeito de render homenaxe a unha terra, enchéndoa de vida inmorredoira, que se desfai en abandono, a un modo de vida propio e peculiar que con esas xentes desaparece, lembrando que riqueza procurada nos obxectos é circunstancial, perecedoira, individual e ilusoria, mentres a que proporcionan a lingua e a cultura é consecuencia da interacción e polo tanto colectiva e perenne sen deixar se ser nosa.

E se a este atractivo sumanos que as personaxes, indiferentemente do seu estatuto, están rexamente confuguradas, o resultado é o dun discurso que se apega ás mans e no cal o narrador pasa a un segundo plano, o da discreción e efectividade. Malia que, por veces, o discurso cheaga a manifestarse en períodos sintácticos entrecortados, esfaragullados, iso máis que como vontade de estilo (que noutras ocasións non atende de todo a puntuación) interpretámolo como petición ao lector para que non desvíe a atención. De xeito que o convite á reflexión é constante, nunca deixa de estar operativo desde que, pouco a pouco e de maneira convencida e convincente, foi instalando no lector unha porposta na cal personaxes reais acoden á ficción e para actualizala, na cal personaxes ficticias lembran que a ficción só son acontecementos non actuais sen que iso diga que non é real. E, no medio, unha trama, o desencadeamento dunha acción que non sendo real tampouco deixa de selo, que tampouco é o que máis interesa pois o que máis interesa é a natureza dos comportamentos humanos e como neles nace a barbarie.

Fica por mencionar, aínda, a lingua, esa vizosa lingua que transporta os matices propios creados pola xente de´O Saviñao. E que non é menos literaria por ser lingua do pobo, senón, que, pola contra, por iso mesmo é mais importante.

Os cans poden ladrar e morder, si, porén é coa rabia co que hai que acabar.

ASDO: Xosé M. Eyré

Se se comparan ambos textos resulta que os ratos foron rillar xustamente alí onde orixinal afonda nas raíces da escrita de Xabier Quiroga –que por certo é unha das mellores novelas do ano pasado, senón a mellor–, que non son raíces abstractas e individuais senón concretas e manadas do acontecer social.

Aí e mais en como a novela de Xabier enche de vida unha zona que está ficando despoboada, no xeito en que esta novela contribúe a encher de vida ese abandono.

Por demais de roeren título e conclusión.

Non deixa de ser raro. Os medios quérennos rebeldes, non submisos. Porén ollánnos de esguello cada vez que inserimos os nosos textos no devir do acontecer social, como denuncie este verán pasado na miña intervención no seo do IX Congreso Internacional da AIEG. É froito da miña experiencia. Deste xeito a lectura fica reducida a un hábito individual, sen conexión coa sociedade e polo tanto inócuo. Os lectores desta Ferradura saben que partillamos xustamente a a opinión contraria.

Texto publicado no blog de Xosé Manuel Eyre.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Ameixeiras Neo-polar, por Manuel Rivas

5 febreiro 2010

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Penso que a mellor novela policial escrita en Galicia é un ensaio titulado xustamente A novela policial: unha historia política, da autoría de Xesús González Gómez (Laiovento, 2002). Alí dise de xeito fulminante, como corresponde: "A novela policial galega naceu mal (...) porque (os autores) non sabían que a novela negra era a literatura moral do noso tempo". Na literatura, de que falamos cando falamos, en serio, de moral? Da escritura que abre gabias. Do gabiar. E se o fai con ironía, mellor é o gabiar. Mesmo semella un gabear! Nese gabiar/gabear eu teño un preferido, o Jim Thompson de 1280 almas, unha das grandes novelas breves da literatura universal, e doutras 20 alfaias negras que abren en canal a América (USA) dos anos 50. Del escribe XGG: "Se ben é un moralista, a súa escritura só describe feitos e acontecementos, máis nada". Por suposto, Thompson foi perseguido polo macarthismo. Era amigo de Woody Guthrie, o cantor revolucionario que tanto inspirou a Dylan .e ao mellor Lennon (tamén de orixe obreira: Working class hero). Unha escrita que, sendo moral, só describe feitos e acontecementos. Máis nada. E nada menos. Coido que desa escola é Dime algo sucio (Xerais), de Diego Ameixeiras. Non é doado que alí onde chegue a ollada chegue a linguaxe. Ameixeiras acada esa sincronía arqueolóxica nas catas. A frialdade conmovedora de quen escribe a gume. E ten a arte das redeiras, que son quen de ganduxar as cachizas do baleiro. Miro arredor e non encontro en castelán vitela desta calidade, a que ten tamén a última de Cid Cabido: Unha historia que non vou contar (Úrxeme chamar a XGG, a ver que conta). Manuel Rivas

Fragmento extraído do artigo de Manuel Rivas «O "desmilagre" de Adolfo Domínguez» publicado no suplemento «Luces» de El País Galicia, 5 de febreiro de 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Delimvois», crítica de Armando Requeixo

4 febreiro 2010

Críticas, Teatro, Xerais_nos_medios

LITERATURA VISIONARIA. ZAMIATÍN EN RIBADEO

Rubén Ruibal é un dos autores teatrais galegos máis sólidos dos últimos anos. Incorporado á escrita pública non hai tanto (a súa primeira peza, Limpeza de sangue, apareceu aínda no 2007), as súas obras figuran xa como referentes do noso teatro recente, no que a súa traxectoria se perfila como unha das máis valiosas e orixinais.

O escritor de Ribadeo regresa á actualidade editorial coa publicación de Delimvois, obra que fora xa estreada con éxito pola compañía Teatro A Oficina de Guimarães no maio pasado en Santiago. Daquela versión dirixida por Marcos Barbosa nace o drama distópico que ve luz agora na Biblioteca Dramática Galega de Edicións Xerais, constituíndo unha das máis refrescantes novidades da temporada teatral.

De como Ruibal é capaz de coctelizar nunha peza dun cento escaso de páxinas os cronopios e famas de Cortázar cos gravados satíricos de William Hogarth, de cómo o teatro de Juan Mayorga marida cos monólogos de Jacobo Paz e, sobre todo, de como a escrita ácida e antisistema de Ievgueni Ivánovich Zamiatin enraíza nesta utopía invertida que é Delimvois é do que me prestaría dicir agora dúas palabras.

Porque Ruibal se amosa neste seu novo título máis decididamente debruzado na crítica desapiadada contra os sistemas sociopolíticos e as súas trelas e falsidades mil. Zamiatin e o seu nunca suficientemente gabado Nós (1921) están na base da sociedade totalitaria que Delimvois describe, cunha economía de medios, por certo admirable: tres personaxes (fortemente simbólicos), apenas un par de escenarios e moito e moi bo diálogo plurisignificativo, metaliteraturizado, repregado nunha espiral significante na que van espellando o tratamento crítico do pensamento único e a denuncia dos sistemas autoconsistentes, a anulación das liberdades individuais e da disidencia ideolóxica, a supresión da universo emotivo e intuitivo e a erradicación da felicidade humana en aras dese “Estado Único” do escritor ruso que Orwell calcou no Grande Irmán para debuxar un futuro de control gobernamental absoluto, de xélida e deshumanizadora enxeñería social totalitaria.

Delimvois é outro acabado exemplo de literatura visionaria dun porvir caótico, opresivo, indesexable e por veces mesmo apocalíptico que, no fondo, non quere senón facernos repensar as lacras do noso presente, deste mundo globalizadamente estupidizado polas autoridades, lexatinizado polas esmolas patronais, orfidolizado polos mass media vendidos ao capitalismo feroz.

Aviso para navegantes: ler a Ruibal é unha experiencia dolorosa; nunca é bocado agradable descubrir que se nos está tentando arrastrar á lobotomización da fantasía, á aniquilación da paixón a favor da razón das ecuacións do Poder, a un mundo onde o falible e o soñado non teñen cabida, porque a Máquina do Poder, engrenaxe de devastación perfecta, nunca se equivoca e só procura perpetuarse indefinidamente. Armando Requeixo

Texto da crítica de Armando Requeixo publicada no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 4 de febreiro de 2010. A páxina onde aparece pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Unha historia que non vou contar», crítica de Arume dos Piñeiros

3 febreiro 2010

Críticas, Narrativa, Xerais nos blogs

Non o lera antes. Sabía apenas da súa existencia polas portadas dos libros e polos comentarios que de cando en vez xurdían na conversa. Pero nunca lera nada de Cid Cabido, antes ca proceder eu a lectura vertixinosa do seu último Unha historia que non vou a contar. Por iso, pido desculpas polo comentario exento desta novela, sen ter en consideración anteriores mostras da súa traxectoria. Tratarei de subsanar tal lagoa, sobre todo despois de ler esta que se devora en pouco tempo e tira do lector desde o principio ata o final.

Devórase porque, entre outras cousas, o narrador da historia e protagonista dela, de iniciais CC, proponse desde o comezo narrar con retranca a súas propias indagacións na procura de información sobre un asasinato ocorrido en Vigo en plenos setenta, xusto antes da morte de Franco. O libro narra o proceso previo á narración, e mesmo ao estado de calquera rascuño de texto. A narración dese ondulante e tatexante periplo constitúe a propia novela. O título, aínda que enganoso e paradoxal, remite a esa metaconstrucción narrativa, neste caso negada e discutida pero ao cabo resolta. Pode semellar algo innovadora esta proposta (non sei se a intermediación editorial pode levar a certo engano coa indicación dunha aposta novidosa), pero parece asentarse na esencia da teoría narrativa aristotélica que afirma a condición mentireira da literatura baixo a especie de verdade. A suspensión de calquera certidume coloca o punto final ao libro.

O máis interesante da novela de CC, desde o meu punto de vista, é a súa vontade de non estilo: ou sexa unha sofisticada vontade de evitar estilo, malia o seu aparente desleixo o displicencia narradora. O relato desmañado (non sempre, por certo) ten achádegos sobresaíntes, pero non deixa de ser unha aposta artificiosa (moi gorentosa, xaora), por moito alonxamento que un procure do que se dá en chamar linguaxe poética. O humor na narración da propia vida (retranca que, tamén, por certo, vai remitindo a medida que vai avanzando a historia, en paralelo á disminución, por fortuna, creo eu, de anécdotas ou comentarios chistosos ocasionais e pouco relevantes) enriquece ese relato, como resultado da moi ben tratada distancia irónica que o narrador impón ao seu protagonista, un nugallán de comportamento errático, que, a pesar diso, ten un éxito notable entre as mulleres que habitualmente atopa nas barras dos bares. A presencia destas localizacións (ou directamente de locais, algúns deles moi queridos para este comentarista) nocturnos favorece un nivel de simpatía (ás veces empatía: non é o meu caso) entre o lector (e lectora) e o narrador (cun rol moi masculino, creo eu) que Cid Cabido crea.

A aventura pesquisidora do protagonista enlea (máis ca tece) os fíos da historia que se pretende (con pouco afán) contar. Esta –que ten que ver cun crime, algo escuro, propiciado por unha incerta combinación de ciumes ou de axuste de contas– aparece contada desde distintos puntos de vista, baixo a fórmula documental de entrevistas cos protagonistas máis próximos ao crime. As declaracións destes personaxes configuran boa parte do relato e constitúen, ao meu xuízo, o mellor da novela, cunha composición de diálogos moi fieis ao rexistros coloquiais (mesmo na súa demora ou na súa dispersión: se non fose por procura de fidelidade diría eu que semellan guións de Tarantino) e cheos de subtiles modulacións da verdade da historia. As contradiccións, as diferencias, as distintas perspectivas dunha mesma historia ofrecen ao lector a liberdade de elixir ou de recrear a historia que se supón verdadeira e que non é máis que a suma (incluso acoutada, xa que resultan inesgotables as posibles fontes) das varias visións sobre o mesmo feito. Unha suma, que, ao cabo, resulta insatisfactoria. Como non podía ser menos.

Pero a novela non queda na (non) aclaración do sucedido, senón que afonda no contexto histórico de crise previa ao final do franquismo, cos ecos de Reace e doutros escándalos financeiros e coa inevitable sensación de decadencia dun modo de dominar unha cidade. Así, Vigo constitúese nesta novela de CC nun protagonista máis, moi atractivo e propio dunha novela que se reclame plenamente contemporánea. Non vemos, como en tantas outras novelas, unha cidade telón, un mero esceario que outorga costumismo ou rango amable ao relato: CC prefire a análise da intrahistoria dun tempo e dunha sociedade xa rematados, non só a partir da voz do protagonista narrador, senón dos excursos perspicaces que as personaxes entrevistadas pronuncian a propósito dun detalle calquera da historia. A memoria deles é como unha cámara de Magar apostada nas casas ou nas pensións do Vigo de 1974.

Para os que vivimos en Vigo, algunhas pequenas chiscadelas son moi de agradecer, pero para os que non viven aquí esta poderosa narración convida a pensar que hai en Vigo cidade para (grandes) novelas. Que hai moita cidade para narrar. E que CC soubo con este libro narrala, collendo un crime como pretexto, un ghicho algo perralleiro (non sei se é moi viguesa esta palabra como di CC) para lembrala e unha deliberadísima vontade de non estilo para poñela por escrito.

Nota: se Salinger dá, aínda que sexa un pouco, en Vargas, arrasa nas librerías.

Texto da anotación publicada no seu blog por Arume dos Piñeiros.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Xosé Carlos Caneiro: «”O Brindo de ouro II” é unha novela arriscada e poderosa»

1 febreiro 2010

Críticas, Fóra de Xogo, Xerais_nos_medios, Xuvenil

Unha novela que continua no mundo fantástico e ben trazado do autor: Xesús Manuel Marcos e á A táboa da hospitalidade, segunda entrega d' O Brindo de ouro, relato co que autor gañara un premio Merlín. O autor amosa o seu diferenciado mundo marabilloso, na liña de Tolkien, ambicioso e pleno de movemento narrativo. Hai moitos anos que non encontro unha entrega en literatura xuvenil tan arriscada e poderosa. Un libro como este, traducido a calquera lingua, sería sen dúbida éxito libresco: aventura, intriga, acción sen cese... e unha prosa que acompaña substantivamente a narración. Hai demasiados nomes, certo. ¿Pero en que gran novela non os hai? Este libro é dos que teñen que ler os mozos para alimentar a súa imaxinación, desnutrida entre tantas historias de amores rotos e frustracións adolescentes. Xosé Carlos Caneiro

Fragmento do artigo publicado por Xosé Carlos Caneiro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, sábado, 30 de xaneiro de 2010

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

No país das vacas, por Miguel Anxo Fernán Vello

29 xaneiro 2010

Críticas, Fotografía, Fóra_de_colección, Xerais_nos_medios

No país das vacas é o título do último libro de Xurxo Lobato, publicado por Edicións Xerais de Galicia. E xa o título, digámolo de entrada, xunto co seguimento da obra do autor, alimenta o noso interese. Ao amplo panorama fotográfico que a obra exhibe, con imaxes memorábeis –sempre a vaca como "centro", ou talmente diría Lois Diéguez, como "ónfalos"–, únenselle 35 textos breves de 35 autores, ben acompañados por un limiar de Ramón Villares, un estudo de Lourenzo Fernández Prieto e senllos textos de apoio de Xosé Turnes Paredes e de Julián Rodríguez. Sobra dicir, porque semella obvio, que estamos diante dun libro extraordinario, e non só pola súa beleza visual –Lobato sempre dá o mellor no plano da súa moi particular arte fotográfica: unha fina poética realista– senón tamén pola concepción xeral da obra, que combina textos de, entre outros e outras, Teresa Moure e Rosalía Mera, Fausto Galdo e Méndez Ferrín, Fátima Otero e Blanca Guerrero, pasando por un Luís Manuel García Mañá, Antón Losada, Xosé M. Pereiro, Antón Patiño, Xosé A. Perozo ou Suso de Toro, toda unha pléiade de colaboradores textuais que van "narrando" ou achegando reflexións sobre "a raíña do reino animal no agro galego contemporáneo" (Fernández Prieto). O primeiro documento latino conservado onde aparece a palabra "vaca" –conta Miguel Anxo Seixas, outro dos colaboradores– está no mosteiro de Carboeiro, datado no ano 788. Despois entraría por primeira vez na literatura medieval, e xa en galego, co poeta nicrariense Eanes de Cotón. O país das vacas, como ven vostedes, ten raiceiras ben fixadas no tempo. Mais falándomos de vacas é inescusábel a cita ou designio de Castelao, que figura, madia leva, a xeito de pórtico, no libro de Lobato: "O día que nós emitamos papel moeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estamparíamos, somentes, a figura dunha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuída". Palabras entrañábeis postas ao pé dun libro entrañábel e fermoso. Recoméndollelo. Miguel Anxo Fernán Vello

Artigo de Miguel Anxo Fernán Vello publicado en Galicia hoxe o 28 de xaneiro de 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Dolores Vilavedra valora «Unha historia que non vou contar» de Cid Cabido

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

O FRANQUISMO CORRUPTO

Cid Cabido consegue en Unha historia que non vou contar aproveitar a fondo o que a priori era só, nin máis nin menos, unha boa historia: o asasinato nos anos 70 dun coñecido empresario da conserva, e as hipotéticas conexións do crime co sonado caso Reace. Como Capote no seu día, Cid tira da realidade historia e personaxes e revélanos unha vez máis (xa o fixera en Panificadora) o potencial literario de Vigo. Protagonizada por un personaxe doadamente identificable cun trasunto do autor empírico que nos resulta simpático pola desenvoltura irónica e pouco compracente con que o trata (¿se retrata?) o escritor, Unha historia que non vou contar artella unha trama de intriga, adubiada coas pingas xustas de humor, e canaliza con habelencia a curiosidade que esperta o suceso histórico, tanto nos que conservamos unha lembranza daqueles tempos coma dos que nin naceran aínda. Outrosí, Unha historia que non vou contar é moito máis ca unha boa anécdota ben narrada: é tamén un paseo polo Vigo da época do que, sen socioloxismos impostados, se nos ofrece un retrato plenamente convincente.

Pero sobre todo o texto se nos revela como un espazo polifónico no que escoitamos en directo diversas voces que nos enfrontan cos límites e posibilidades da lingua como instrumento de comunicación, de información e de construcción da realidade e que, de camiño, permiten poñer en evidencia o relativo da verdade: non chegamos a saber que foi o que verdadeiramente pasou e mesmo, ao remate, concordamos co protagonista en que ningunha das versións que se nos foron proporcionando resulta convincente. O que importa é a viaxe, pois a novela desenvólvese como un work in progress abortado, como un proceso en marcha que non leva a ningures, só ao cerne do relato, ao propio pulo fabulador, sen que en ningún momento o autor tente asoballarnos con alardes metaliterarios: aquí só hai praxe ficcional e discursiva. Dolores Vilavedra

Texto extraído do artigo «A memoria ocmo materia poética» publicada por Dolores Vilavedra no suplemento «Luces» de El País Galicia o 29 de aneiro de 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«A dama da luz», crítica de Paula Fernández

28 xaneiro 2010

Críticas, Xerais_nos_medios, Álbums

A beleza que presaxian as tapas d’A dama da luz faise patente no momento que comezamos a súa lectura e pasamos a visualizar a fermosura das súas detallistas ilustracións e a deleitármonos coa súa prosa; ambas as dúas compoñentes imprescindibles deste álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz que parte dunha rapaza, Marta, ao tempo protagonista e narrataria, e o seu avó, tamén protagonista e narrador dunha historia onde se mestura o real co marabilloso nunha loitaentre estacións ambientada nun Vigo antigo, unha vila mariñeira hoxe desaparecida, que tingue de melancolía o relato.

A sempiterna pelexa entre a Primavera e o Inverno,a dicotómica e desigual loita tantas veces feita literatura, que representa as arelas do frío, forte e cruel, que quere dominar a calor escurecendo a paisaxe e cubríndoa de neve; apresenza dun ser fantástico, a dama da luz, feble e fráxil coma a Primavera que precisa atopar de volta o seu lugar e a súa función; un personaxe xa vello, un avó entrañable que garda historias e sabedoría,que ten saudade do pasado e que pasa á súa neta, símbolo dofuturo, a responsabilidade de resolver o conflito da conservación da Natureza.Todo o devandito, á beira do proceso madurativo da meniña,son algúns dos trazos máis salientables desta historia. Un conto onde a narración e o seu clásico desenvolvemento tripartito nos conducen a un desenlace simbólico que evoca esperanza para o futuro e,malia o fantástico da aparición da flor no asfalto, proporciona tamén verosimilitude, pois leva ao mundo real o resultado da pelexa, ademais de evidenciar unha vitoria.

Represéntanse xa que logo dous mundos, o noso, o da realidade, e un marabilloso. Contrarios mais perfectamente conxugados e recoñecibles, sen empregar para isto descricións excesivas pois é o dominio da arte da evocación do autor do texto a que nos pasea por un e por outro sen apenas percibir a transición.

Unha historia redonda, simbólica, de suxerente escrita e lectura amena que se engrandece coas ilustracións de Magutis que, dende a súa calidez tonal, a súa delicadeza á hora de reflectir o texto e a súa destreza cando mestura real e irreal, fan posible este álbum e que non entendamos o literario separado do plástico e ao revés. Paula Fernández

Texto da crítica de Paula Fernández publicada en «Faro da Cultura» de Faro de Vigo, xoves, 28 de xaneiro de 2010-

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Mais que ben que a contou», unha crítica de Vicente Araguas

26 xaneiro 2010

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

A CRÍTICA CONSIDÉRAO UN DOS MELLORES LIBROS DO ANO PASADO

Cid Cabido é unha «rara avis» na nosa literatura. Un nachiño que xa non é que omita a súa foto nas lapelas dos seus libros (nun deles aparecía ao lonxe, figuriña mínima nunha paisaxe portuaria) senón que ás veces, así a novela que teño diante miña, nin sequera se nos di quen é e onde vai este escritor que se apelida Cid e máis Cabido.

Iso si, o libro que me ocupa (que me segue a ocupar desde que o lin, entrando o Nadal, e fiquei ben fascinado co seu contido) informa que este autor leva publicado en Xerais uns cantos títulos, dos que eu sobrancearía Días contados, relatos, premiado no extinto Cidade de Lugo, o ano no que eu fora xuri (disimulen polo lexítimo orgullo, pois é un libro brillante, brillante), é grupo abeliano, así, en minuscula tamén o «grupo«, lembranzas máis de Lars Von Triers que de Sam Peckimpah, e en todo caso unha das nosas novelas en verdade importantes.

Agora Cid Cabido volve ao redondel con Unha historia que non vou contar (Xerais 2009). Un libro que resucita un suceso tremebundo acaecido en Vigo o 20 de abril de 1974 cando un cidadán dera cabo ao presunto amante da súa dona. O interfecto era un moi coñecido conserveiro, presidente ademais da Asociación Galega do ramo, e un home de bragueta moi ceibe como semella deducirse da minuciosa reconstrución que do feito, tamén dos seus arredores, leva adiante Cid Cabido. Quen , no libro hai un «private joke» alusivo a A sangue frío, tomou unha pluma semellante á de Truman Capote, para contarnos o que pasara no despacho do dono de Conservas Mau (no libro, que na realidade os tres gatos fan: Miau). semellante, pero non cuspidiña, que Cid Cabido dramatiza desde uns elementos en verdade de ficción a reconstrución do suceso.

Doadamente atopable na prensa da época (mesmo na portada da Hoja del lunes de Cádiz, onde fora portada) con especial atención para El Caso, hebdomario da España máis tráxica e fonda (isto é un evidente pleonasmo), que agacha na súa colecciónunha chea de novelas.

Dous meses antes da morte do empresario ( a mans dun tal «Melitón», quen se despacha a gusto no libro de Cid Cabido) diante do silencio dos xornais, fora El Caso o que máis ifnormara do agarrotamento de Puig Antich e Heinz Chez, claro que tinguido de acentos ben fachosos.

A novela de Cid Cabido, en fin, dramatiza con distanciamento evidencialista da historia. Como demostra xa o propio título dela. Pero non nos fiemos, aquí fala todo o mundo, comenzando polo propio morto. Con voz que lle toman emprestada os outros membros deste retábulo de monicreques. Manexados con singular mestría pr un Cid Cabido en estado de graza. Que para desgraza abonda a do pobre conserveiro que coñeceu a Cristina e comezou a cavar a súa propia cova (no de Pereiró, Vigo, onde tamén está soterrada Doña Concepción Arenal, a de «odia el delito e compadece al delicuente«). Ou algo así. Vicente Araguas.

Texto publicado nas páxinas literarias de El Ideal Gallego e Diario de Ferrol o pasado domingo, 24 de xaneiro de 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cabanillas revisado

Autores, BLG, Clásicos, Críticas, Xerais_nos_medios

Os catedráticos Xosé R. Pena e Xosé María Dobarro foron os responsables dun proxecto necesario que felizmente se levou a bo termo como é a compilación e ordenación do inxente material poético que Ramón Cabanillas foi ofrecendo ao longo da súa vida. No ronsel das obras completas que xustificaban tal denominación, iniciado coa edición do Centro Galego de Bos Aires, do ano 1959, e continuado polo esforzo da editorial Akal, que viu a luz a finais dos anos setenta e comezos dos oitenta da man do profesor Xesús Alonso Montero, chega agora este novo volume que, como novidades fundamentais, establece un índice novo de poemas, ofrece unha útil táboa de correspondencias -de inestimable valor para moverse con eficiencia entre a maraña textual que constitúen os seus poemas e permitindo, asemade, realizar unha lectura cronóloxica daqueles-, alén de incorporar diversa información sobre onde viron a luz gran parte dos seus exercicios creativos. Unha «ópera omnia», así pois, que respecta ao tempo a métrica e mais a lingua orixinal do autor e que permite revisitar composicións que van desde No desterro ata Samos –das que axiña se publicarán novas edicións exentas e anotadas–, sen esquecer unha nova achega que contén poemas descoñecidos até o de hoxe. O Cabanillas combativo, o intimista, aquel magmatizado polo influxo modernista e o que apostaba pola reconstrución dun pasado lendario e mítico, todo e aquí, por xunto. Ramón Nicolás

Crítica de Ramón Nicolás publicada no suplemento «Culturas« de La Voz de Galicia o pasado sábado, 23 de xaneiro de 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Valados» recomendado por Trafegando Ronseis

23 xaneiro 2010

Blogs, Críticas, Infantil, Merlín

Agustín Fernández Paz demostra en Valados que non son necesarias grandilocuencias nin rimbombancias para denunciar a realidade do noso mundo; ese que nós, os humanos, nos empeñamos en empozoñar cada día, construíndo valados arredor nosa: coa indiferencia, co odio, co medo, co silencio. Cal é a explicación a tanta destrución? Falamos estes días e horrorizámonos coa traxedia de Haití, un valado máis, produto da destrución do home cara á natureza. Lembramos de cando en vez o que supuxo o nazismo e a construción do muro de Berlín. Aprendemos cada día sobre valados vergoñentos que ninguén quere destruír en tantos lugares do mundo: Palestina, Sáhara, Ceuta... Sobre todos estes en conxunto e ningún en particular escribe Agustín, unha lección de emoción sobre uns nenos que, afastados por un valado, inventan mil e un xeitos de destrozar ese muro. Por que non deixar paso ao optimismo? Seremos quen de erguernos un día e descubrir que por fin comprendemos que tod@s somos iguais e alzarnos da man para derrubar todos os valados -reais e imaxinarios- que existen? Serán eses nenos capaces de medrar coa intención de loitar contra as pantasmas dos adultos?

Un libro especial que o noso alumnado debe ler e traballar, para que a educación sexa tamén esa pinga de sentido común que a sociedade do futuro necesita.
As ilustracións de Xan López Domínguez, un dos nosos mellores ilustradores, son esenciais acompañantes neste texto fermoso e profundo que deixa paso á esperanza.

Texto publicado no blog Trafegando ronseis.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Á sombra de Capote», crítica de Ramón Nicolás sobre «Unha historia que non vou contar»

18 xaneiro 2010

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

CID CABIDO OFRECE UNHA NOVELA QUE PESCUDA NA MEMORIA RECENTE DA SOCIEDADE VIGUESA DOS ANOS SETENTA

Tras Blúmsdei (2006),  e logo da recente tradución ao castelán dunha antoloxía de relatos titulada Oralmente por la boca (2009), retorna o escritor limiao Cid Cabido ao xénero novelesco, e faino cunha proposta que afianza o seu lugar entre os narradores máis salientables que comezaron a súa andaina de xeito máis recoñecible nos anos noventa.

Contra o que se poida crer non hai neste libro unha única historia que Cid Cabido afirme que non vai contar. Sen dúbida, o fío argumental de maior peso nestas páxinas abofé que se conta, mais dunha maneira diferente, tanto porque talvez poida xa ser coñecido polo lector –o asasinato dun coñecido industrial conserveiro vigués ao inicio da década dos setenta en Vigo, unha sorte de crime pseudo-pasional– como porque a focalización do interese se despraza cara ao ámbito sociolóxico daquela época e ao propio proceso de pescuda  sobre o acontecemento, facendo abstracción, todo hai que dicilo, das peripecias e do labirinto persoal do narrador-protagonista-escritor, nesta ocasión fortemente abeirado a un imaxinario cinematográfico, e que entendo máis como «marca da casa» que outra cousa.

Así e todo, na novela descóbrense, e póñense enriba da mesa, boa parte das engrenaxes da ficción construída a partir do que ofrece a historia, neste caso recente, ou a propia memoria, seguindo o fío do que Truman Capote denominou «non-fiction-novel», e que mesmo aparece citado nesta proposta. Paréceme que Cid asume esta perspectiva desde o alicerce do proxecto creativo: momentos de tensión, abondosos datos, mesmo algúns contraditorios, co obxectivo de procurar a información a través da ficción, rescatando así un suceso cando este deixa de ser noticia. Velaí, ao tempo, a aparición dunha enxurrada de recursos, por veces envoltos nunha tonalidade de narrativa filo-policial, como son as reproducións de noticias xornalísticas da época, envorcado de entrevistas –algunha delas talvez de extensión excesiva–realizadas ad hoc aos protagonistas ou informantes, etc., elementos que serven para reconstruír xa non só as claves do asasinato senón o que talvez constitúa o obxectivo máis salientable da novela: o retrato ou deseño do ambiente social que se vivía nunha cidade como Vigo nos anos finais da ditadura franquista.

Engádase no haber desta novela que esta historia “non contada” resulta operativa, ademais, para reflexionar sobre tres elementos: redimensiona as posibilidades que certa práctica do xornalismo, entendido como forza motriz para acadar conclusións, pode ofrecer en ocasións como esta; fainos ver o peso da ficción na perspectiva cotiá que todos temos sobre os acontecementos e, finalmente, amosa o funcionamento da memoria, precisa ou imprecisa, particular e colectiva. Ramón Nicolás

Texto da crítica de Ramón Nicolás sobre Unha historia que non vou contar publicada no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia (16-01-2010)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Vento de Cabanillas», crítica sobre a edición da «Poesía galega completa» do poeta da raza

Clásicos, Críticas, Poesía, Xerais_nos_medios

Que Ramón Cabanillas é un dos poetas de raza e de refencia da poesía e da literatura galega ninguén o pon en dúbida, así como que foi o herdeiro e continuador natural das tres senlleiras figuras das nosas letras: Rosalía, Curros e Pondal, pois conseguiu darlle continuidade ao Rexurdimento do XIX, que deixara un baleiro, sen imitalo e conectado coas correntes europeas da época. Que, ademais, Cabanillas foi plenamente aceptado por todo o abano galeguista é tamén innegable, a pesar das diferenzas do seu credo con personalidades destacadas despois da Guerra Civil, da súa permanencia en España e da adaptación á vida cotiá. Non é extraño, neste sentido,que, ao pouco de morrer, o propio grupo Brais Pinto (berce, entre outras,doutra innegable figura das letras galegas, Xosé Luís Méndez Ferrín) fose quen lle rendese a primeira homenaxe que se lle fixo. Sendo así, a súa obra contou con numerosas edicións, entres elas dúas edicións da súa poesía completa: a primeira en 1959, publicada polo centro galegode BosAires, e a segunda de 1979-1981, preparada polo profesor Xesús Alonso Montero.

Agora, ao se cumpriren cincuenta anos do seu pasamento, Edicións Xerais vén de publicar unha terceira e cuase definitiva edición, preparada polos profesores Xosé Ramón Pena e Xosé María Dobarro. E dicimos cuase definitiva porque pouco máis se poderá achegar a esta edición concienzudamente preparada, en parte debedora, como é lóxico, dos esforzos previos feitos no seu día por Carballo Calero, Fernández del Riego e Alonso Montero.En efecto, agora están practicamente apuntados todos os textos na súa primeira aparición, fose en libro ou publicación periódica, permitindo así a correcta cronoloxía da creación poética e a inequívoca análise da súa evolución. Figuran ademais, nesta edición, certo número de poemas que nunca antes foran recollidos en libro ningún. E, por último, adáptase a lingua orixinal á actual,respectando sempre, como non podía ser doutra maneira, a métrica e o galego orixinal do cambadés.

Isto, que dito así podería parecer un labor sinxelo, tratándose de Cabanillas, debeu supoñer un esforzo enorme para os editores, pois o poeta, e máis nos tres primeiros poemarios (No desterro, Vento mareiro –libro variado no que pode enxergarse todo Cabanillas– e Da Terra asoballada), moveu moitos poemas dun libro para outro. Por iso,de engadido, é de agradecer a Táboa de Correspondencias que determina a cronoloxía de cada composición. Nesta excelente edición poderemos percorrer pois, con seguridade,as creacións desta figura senlleira da poesía galega que plasmou as bases do galeguismo histórico. Na súa obra están artisticamente impresas as preocupacións das Irmandades da Fala,de Antón Villar  Ponte e de Vicente Risco,do nacionalismo nacente e do movemento agrarista de Basilio Álvarez. Poderemos gozar,pausadamente, do mundo mítico- patriótico que maxinou, do seu particular intimismo saudosista,e do seu retrato das condicións de vida das clases populares. Resulta superfluo engadir que se trata dun libro imprescindible en cada fogar. Xosé Feixó

Texto da crítica María Navarro publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo (14-010-2010). A páxina orixinal pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«De como cheguei á marabilliña», anotación de Xosé Manuel Eyré

17 xaneiro 2010

Críticas, Infantil, Merlín, Premios_Xerais, Xerais nos blogs

Transcribimos a anotación de Xosé Manuel Eyré publicada no seu blog sobre Mil cousas poden pasar. Libro I de Jacobo Fernández Serrano, premio Merlín de Literatura Infantil 2009.

Unha pequena marabilla, ía falar diso.

Defino así a lectura que estou facendo estes días. Defínoa así, moi traballosamente porque non é nada doado, nada.

Primeiramente. Non quero renunciar a "pequena". Porén hai que ter en conta que son, afortunadamente, máis de 200 páqxinas. E tamén que promete continuación,  outrosí afortunadamente. "Pequena" podría estra xustificado po vir publicada esta obra na colección Merlín, ou por levar un premio de Literatura Infantil. Podería, mais a estas alturas a esas etiquetas non lles pido gran cousa máis que sexan un referente que axude á horta de efectuar unha compra. Iso de fraccionar a lectura, ou os lectores, por tramos de idade, é unha solemne bobería que, dáme por pensar, inclusive pode ser  contraproducente á hora de vender xa que ben puidera afastar a adultos de lecturas que, se se atreveran, lles ían resultar ben proveitosas e gozosas. "Pequena" tamén pode estar xustificado porque as personaxes son das que se din do universo infantil ( o que non quere dicir que non haxa adultos). E pois non. Eu emprego aquí "pequena" nun senso afectivo. Non me dou explicado moi ben a razón, mais cando algo me prace moito tendo a aplicarlle esa denominación, nunha tentativa, quizá, de expresar que a sinto moi miña.

Jacobo  Fernández Serrano é o autor deste apaixonante e marabilloso proxecto. Marabilloso, en toda extensión da palabra. Non só porque recrea un fantástico mundo marabilloso. No que se mesturan ilustración e literatura, de maneira moi calculada e artisticamente sobresaliente.

Falolles de Mil cousas poden pasar. Libro I Achégense a el desde estas atinadas palabras de Isabel Soto.

Eu, o primeiro ( teño prevista outra anotación, polo menos) que lles quero comentar é verbo da fronteira realidade/ficción. Unha fronteira en principio áspera, dura, transcendente, que, pola  contra, Jacobo Fernández difumina cunha facilidade, sinxeleza, naturalidade ( si, si,  naturalidade ) e inclusive lóxica, que me fan lembara ao mellor Cunqueiro. Un exempliño para iso da lóxica e da naturalidade. A ver, imaxinen un exercito, xa non hai guerra, en que reconvertirían os soldados. Jacobo Fernández recíclaos en músicos de banda, total o uniforme xa o teñen, están haituados a desfilar e o resto ben se aprende.

Unha apaixonante marabilla. Quen me queira meter nun compromiso que me pida que recomende esta lectura para unha idade. Son incapaz. Non sei como  a acollerán os rapaces, mais eu, desde a miña carga idosa, saúdo este título con moita ledicia, estouno gozando intensamente.

A Jacobo Fernández lémbroo daquel Archimboldo Roque do Golfiño. Hai moito daquel mundo do Archimboldo. De feito as de aquí son personaxes ás que se lles creou un mundo á medida, mellor dito: personaxes que crean un mundo á medida. Á medida da sensibilidade e dos soños, duns soños e dunha sensibilidade na cal a razón perde peso porque as personaxes achan razóns, para se moveren e xustufucaren, en aberta confrontación co mundo real, logrando unha dinámica racional alternativa desafiante e moi atraente.

Desde aquí pódese pensar que a rapazada dificilmente poida acceder a tal mensaxe, que estaría vaios chanzos por riba das súas posibilidades. Poderá. Eu non estou completamente seguro diso. Dubídoo, e moito. Igual o que pasa é que non lles sabemos ensinar o valor desa posición ideolóxica, á que eles chegarían de xeito moi natural e sen estridencias. Iugual o que pasa é que os adultos non saben conservar a maxia que provoca esa facilidade, cegados por unha trincheira falsaria de racionalidade.

E velaí unha das virtualidades que máis me apaixonan deste tipo de literatura: o feito de que me obrigan a repensar niso. Repensar o mundo desde os intereses ou perspectivas da rapazada non equivale a tirar pola ventá a bagaxe acumulada pola racionalidade discursiva predominante. Iso só certo para os que lle teñen medo, para os apóstolos da razón moderna, esa aborrecida e falsaria razón. Saint-Exupéry volve, a visión de. Por dar un exemplo ilustrante.

Resulta paradoxalmente hipócrita marabillarnos co Principiño ou con estas Mil cousas poden pasar, e seguir aferrados á moral discursiva adulta como única forma válida de entender e explicar o mundo. Covarde e hipócrita.

Teño Mil cousas poden pasar por un dos mellores títulos publicados no 2009. E nese aserto non afío diferenzas xenéricas ou doutro estilo.

Ás veces teño a impresión, constantemente, de que os diversos Quixotes que  a humanidade foi parindo foron en balde, non se aprendeu nada deles.

Iso, unha marabilliña. Terán máis noticias.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«”Valados”: fermosa historia de sentimentos encontrados», crítica de María Navarro

15 xaneiro 2010

Críticas, Infantil, Merlín, Xerais_nos_medios

TENRO E DELICADO. UN MEIGO DA PALABRA

A existencia de valados físicos e imaxinarios é hoxe en día unha realidade espallada por case todo o mundo e somos nós, as persoas, os que os construímos con táboas, formigón armado ou prexuízos do máis diverso. Nun momento dado non se sabe –ou si– por que alguén decide erguer unha fronteira e impedir o trafego de vida, preservando ideas, modos de vida, mesturas.

Da mesma forma que imaxinar un mundo sen ataduras, sen lindes, sen barreiras é posible se falamos en termos de ficción, tamén tender á utopía pode converterse nun plantexamento vital e nun xeito de educar a través de nobres comportamentos. Neste sentido ficción e realidade, ilusión e existencia converxen nun punto no que o imposible chega a realizarse, o improbable se efectúa e o desexo devén en auténtico e efectivo.

En Valados, un texto tenro e delicado de Agustín Fernández Paz que Edicións Xerais de Galicia vén de publicar na colección «Merlín», os personaxes amósannos a parte máis amable da relación entre iguais e tamén como a maioría das situacións teñen unha compoñente de vontade moi importante. Se existe vontade chegaremos a acadar aquilo que nos propoñamos, se hai vontade a utopía é posible. Da man de Helena e Xoel sabemos da existencia dunha vila, a máis fermosa do mundo, na que os seus habitantes en aparencia viven en harmonía, mais só en aparencia, porque o xerme da discordia prende nunha parte da poboación que, considerándose superior, pretende marcar e visualizar a diferenza erguendo un muro que separe vidas. Quizais a constancia e o empeño que nenos como os protagonistas da historia poñen en negar a segregación, conseguen que alá no ceo, «guiados por unha brisa alegre, porque o aire non sabe de valados», voen os desexos felices de atopárense todos xuntos.A dualidade que vertebra o texto -nena/neno, branco/ cor, dentro/fóra- vaise diluíndo ata o final cando se fala de humanidade e harmonía.

Bo coñecedor do público infantil e da capacidade que estes presentan de aprehender a realidade,o escritor agasalla os seus lectores cunha fermosa historia de sentimentos encontrados e amosa unha vez máis ser un meigo da palabra. María Navarro

Texto da crítica María Navarro publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo (14-010-2010). A páxina orixinal pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«”Unha historia que non vou contar”: unha novela cen por cen viguesa»

14 xaneiro 2010

Críticas, Narrativa, Xerais nos blogs

METAFICCIÓN. UN RICO TERRITORIO

A estas alturas da sesión non resulta novidoso para ninguén,achegado as nosas letras,nin desacougante para o mesmo autor,a constatación de que Cid Cabido é seguramente o narrador máis singular, insólito e inclasificable do sistema literario galego. Pouco ou nada visible nin adicto aos aparatos e afagos extraliterarios, deixase ver unicamente a través das súas obras, desde Días contados e Panificadora ata Blúmsdei, sen esquecernos daquela novela tan transgresora como é Grupo abeliano. Na mesma dirección sorprendente alíñase a súa última entrega, Unha historia que non vou contar, que non é certamente unha historia de colmos nin de evidencias primarias ou seres marxinais e surrealistas, senón unha verdadeira trama, unha diexese, malia o que di o título, pero cunha forma interna rachadora e experimental en boa medida. Por iso, os receptores deben de ser fieis ao pacto narrativo co autor para a cabal comprensión desta obra,entremedias entre o xénero detectivesco e a novela negra,pero que se permite os luxos dunha construción literaria que pon en cuestión os mesmos lindes da ficción.

A novela abéiranos ás figura dun escritor,un tipo raro,“incomunicativo” e cun alto nivel de nugalla que, a finais do 2005, comeza a investigar un crime cometido en Vigo e que circulou como lenda urbana no ano 1974. Pártese, xa que logo, dun caso real,o asasinato do conserveiro Antonio Alfageme –na novela Antonio Alfaren– relátanse así mesmo as grandes liñas do caso Reace, no que todo quedou tapado e ben tapado e que serve como contexto social e político deste crime pseudo-pasional, para completar un puzzle no que a maioría das interpretacións que xerou, seguen a ser nesgadas e inconsistentes. Mais a investigación permítelle ao escritor confirmar algunhas certezas, nomeadamente as do carácter corrupto do franquismo que provoca formas de vida anquilosadas, sordidez e mediocridade que nin as persoas máis poderosas dunha cidade comoVigo eran capaces de superar.

Cid Cabido dispón da rara habilidade de suturar no desenvolvemento dunha intriga que sen dúbida tira do lector, materiais moi diversos: narracións puramente ficcionais xunto con outros que están antes ou despois dos lindes da ficción: relatos de feitos reais, testemuñas, conversas, noticias dos xornais, pequenos esbozos gráficos e mesmo reflexións sobre o propio acto creativo. Metaficción en definitiva. Un universo literario pois selvático e polifónico, con abondosas pegadas do cinema, que conforma unha novela cen por cen viguesa. Un rexistro coloquial baseado na oralidade é unha vez máis o instrumental deste provocador iconoclasta das nosas letras,dono dun territorio literario persoal, rico e moi especial. Francisco Martínez Bouzas

Texto do crítico Francisco Martínez Bouzas pubicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo (14-010-2010). A páxina orixinal pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«”Dime algo sucio”: axexados polo veciño», crítica de Sandra Faginas

12 xaneiro 2010

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

AMEIXEIRAS VÉN DE PUBLICAR UNHA HISTORIA DE VIOLENCIA E INTRIGA DE VIDAS CRUZADAS QUE BEBE DAS NOVELAS POLICIAIS DE QUIOSCO

Sempre persoal, a mirada de Diego Ameixeiras (Lausanne, 1976) tenos afeitos nesta curta e destacada carreira literaria a disparos acertados en forma de obras tan distintas como as primeiras Baixo mínimos (2004) e O cidadán do mes (2006), co detective Horacio Dopico como protagonista, e Tres segundos de memoria (2006), a novela xeracional dos nacidos nos oitenta, que acadou eses mesmo ano o premio Xerais.

Agora, como última novidade do 2009 acaba de publicar (tamén en formato e-book) Dime algo sucio, un texto forzadamente diferente, no que desaparecen o humor e a parodia e regresa o fío condutor da intriga, tan de moda ultimamente en toda a literatura coetánea do éxito larssiano, tamén no ámbito galego (aí están os magníficos resultados que seguen acadando entre os lectores as novelas de Domigo Villar).

A Ameixeiras agradéceselle o esforzo de cadrar unha obra complexa en canto á posta en escena, tamén no cinematográfico, con múltiples personaxes que se van enmarañando como en calquera vecindario urbano par arrastranos cara a unha historia violenta, tamén na forma. É un acerto a súa representación en minúsculos capítulos de apenas dúas páxinas que permiten seguir mellor o cruzamento vital dos personaxes, ao estilo Smoke, aquela de Paul Auster, pero sen chisco de esperanza no caso de Ameixeiras, e que axilizan unhas historietas enleadas ás que custa seguir a pista sobre todo na primeira parte da novela. Supera o escritor o simple exercicio de estilo enfiar a un grupo de lamas unidas pola estrañeza e o desamparo da cidade, que neste caso está contextualizado en Oregón, trasunto de Ourense.

Xente de a pé, proletariado urbano, grafiteiros, taxistas, adolescentes, mesturados todos baixo a maxistral prosa, áxil, directa, que atrapa pola súa capacidade de xerar lirismo da esencial realidade, non de acumulación incómoda de adxectivos sinéstésicos: «Cando a avoa Asunción xa está metida na cama e consegue conciliar o sono, os pais de Laura tardan pouco en quedar durmidos diante da televisión. Ao pai péchanselle os ollos cos auriculares nas orellas (...) A nai sempre acaba arrimando a cabeza no seu ombro, querería saber en que queda ese esperpéntico careo entre as ex amantes dun coñecido bailarín...»

Dime algo sucio rebusca nas vidas dos criminais pero no sentido literal do termo, na rutina de quen se cruza a diario con persoas capaces de facer dano e que como calquera de nós toman o autobús, beben cervexa, están enganchados ao televisor ou a algunha historia de amor, pero de quen sobre todo repsiran insatsifacción como calquera de nós, tamén no planos sexual, outro dos puntos claves da novela. De aí que o lector sucumba antes os poucos –e agradecidos– acenos de inocencia –«Cando se quere coa imaxinación leva tempo desengancharse»– dalgúns personaxes.

Dime algo sucio prende por iso que unha vez mías manexa con acerto Ameiexeiras, os diálogos cun estilo nunca vergoñento, que transpora serena limpeza e modernidade nas que entre chamadas perdidas sobrancea o impulso irremediable da caída que leva incoporada sempre o sentimento.

Unha obra esta de madurez narrativa na que se achega a violencia do desamor e da marxinalidade afectiva, en forma de imaxes sempre lúcidas e brillantes, desprovistas da incómoda adulación ao lector que levan incoporados outros escritores: «O home da cicatriz observa, vixía, calibra corpos. Camiña pola Avenida de Portugal e aceler ao paso das construcións que van cegando os camiños ata Portocarreiro, esquecidos entre hortas defuntas, silveiros clausurados pola maquinaria e casas doentes que case non están».

Desta vez apegado á parte escura do real, nunha ficción que bebe daquelas novelas policiais de quiosco, como as de Goodis, de portadas rechamantes e vistosas proclamas, Diego Ameixeiras apunta e dispara con precisión traballada, se ben desta vez acertou no oficio e na técnica e faltoulle unha miga da imprecisa voráxine desa escrita arroutada que abrolla do ventre, mesmo para dicir algo sucio. Sandra Faginas

Texto publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 9 de xaneiro de 2010.

Foto de Xurxo Lobato.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Xesús Alonso Montero: falando de Dostoiewski»

11 xaneiro 2010

Críticas, Crónica, Historia, Xerais_nos_medios

O profesor de filosofía Sergio Vences Fernández publicou onte en La Opinión da Coruña un moi interesante artigo sobre o libro de Xesús Alonso Montero Cartas de republicanos Galegos condenados a morte (1936-1948). Baixo o título «Xesús Alonso Montero. hablando de Dostoiewski», o profesor Vences percorre os contidos dun libro, que califica de «estremecedor», e que non dubida en recomendar coa maior admiración.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«”Dime algo sucio”: unha novela que se le de dúas sentadas»

8 xaneiro 2010

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

«Bajos instintos» é o título da crítica, asinada por A.M. Pedrosa, publicada nas páxinas galegas do suplemento «A&L» de ABC, de Dime algo sucio, a cuarta novela de Diego Ameixeiras. Traducimos do castelán o primeiro parágrafo do texto:

É un solombo, é dicir, literatura. En Dime algo sucio, ficción de intriga que pretende descubrir o enigma que une as vidas cruzadas de persoas moi diferentes, a trama non se antolla lenta, coma un río de infinitos meandros desa veciñanza de Oregón, identificado con Ourense. Diego Ameixeiras (Lausanne, 1976) –aínda contando todo o que está pasando– é dilixente e directo cando escribe; é o seu xeito de concibir esta arte, un modus operandi que lembra vagamente a intencionalidade da escritura automática e vangardista e o fluír libre das ideas. A súa novela lese de dúas sentadas. A recomendación máis común con este libro é non ofrecer demasiadas pistas sobre o seu argumento. Por iso, agardan atopar a alguén que, desde fóra, traia a tan cobizada solución para o seu abrumador desespero.

O texto completo da crítica pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Sol de inverno» ou «o bico dunha cereixa»

7 xaneiro 2010

Críticas, Narrativa, Premios_Xerais, Xerais_nos_medios

Baixo o título «O bico dunha cereixa», P. Abet publicou nas páxinas galegas do suplemento «A&L» de ABC unha crítica de Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009. Recollemos o derradeiro parágrafo dun texto moi interesante:

A Guerra Civil, os duros bombardeos, a revolución castrista, as revoltas de maio do 68 en París ou a cruel posguerra funcionarán como escenarios de paso no percorrer da narración. Acontecementos que cambiaron o discorrer do mundo e tamén dos que nel habitan. Pero chegados a este punto, a autora advirte. Sol de Inverno dista moito de ser unha novela histórica. A realidade trazada non é máis que o sostén no que se apoiarán todas as pequenas historias –mínimas, como diría o director Carlos Sorín– que conforman a obra. Son as estradas a través das cales esta premiada historia atravesará boa parte da realide social de comezos e metade do século pasado. O relato dunha vida que comezou co saboroso e prometedor bico dunha cereixa, baixo o reconfortante sol de verán.

O texto completo da crítica poode lerse ou baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«”Mil cousas poden pasar”: viaxes polos vieiros da imaxinación»

5 xaneiro 2010

Críticas, Infantil, Merlín, Premios_Xerais, Xerais_nos_medios

Baixo o título «Vieiros polos camiños da imaxinación», Héitor Mera publica no «Cartafol de Libros« de Vieiros unha crítica de Mil cousas poden pasar. Libro I, a obra de Jacobo Fernández Serrano gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2009. Reproducimos o texto na súa totalidade:

Falabamos nunha recensión anterior de tres variables que se deberían de dar nun libro concibido para lectores infantes. A saber: imaxinación, entretemento e aprendizaxe. Neste libro de Jacobo Fernández, ao seu xeito, non se dan estas tres variables, senón que ademais hai unha nova varible fundamental que é o humor, o humor en clave galega, esa retranca que sempre caracterizou a nosa maneira de ser. Poderíamos falar de outras moitas virtudes deste libro, gañador, por certo, do Premio Merlín de Literatura Infantil do ano 2009, mais por non abranguer máis do que toca nunha recensión coma esta, dicir que todo o que vimos de citar nestas primeiras palabras, aparecen en Mil cousas poden pasar no grao de sublime.

Había tempo que non quedaba tan cativado por un libro infantil, e hai moitos e moi bos neste noso país, mais esta primeira entrega de Mil cousas poden pasar fai que xa esteamos devezosos de continuar coas andanzas de Neda, Mercurín e todo o coro de personaxes que se van aproximando ao longo da historia, cada un coas súas aventuras e particular predisposición ao disparate e ao humor.

A partir da necesidade dos fillos do rei Pindo IV, o Tratable, de conseguir unha coroa para o seu pai como agasallo no seu aniversario teñen, que saír do fondo dos mares para buscala na tola e surrealista cidade de Nil, comezan a fluír as historias dos diferentes personaxes que crean múltiples historias enganduxadas as unhas coas outras por obra e graza da relación causa-efecto.
As diferentes situacións que se van presentando ao longo dos pequenos capítulos que en número de 54 se van superpoñendo van acompañadas dunhas ilustracións a cargo do propio autor que son complemento ideal e que cargan de maior significación a historia.

Retranca, imaxinación, disparate, risadas a esgalla son algunhas das posibilidades que nos dan esta historia que desde un punto devista formal, conceptual e mesmo estético é simplemente xenial. A condición de ilustrador do autor non pasa inadvertida, mais non asoballa o texto. A complementación é ideal. Escritor e ilustrador nunha única persoa que consegue o equilibrio ideal para unha historia digna de tal distinción.

No eido literario, dicir que Jacobo Fernández posúe unha narrativa sólida, axeitada para os máis pequenos e os maiores. A medida que van avanzando as páxinas máis queda un prendado desta obra que é dunha calidade extraordinaria. Envolve e satisfai ao lector máis esixente. Creo que estamos ante un dos títulos máis interesantes da nosa literatura neste ano que remata. Héitor Mera

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«”Mercurio”: crime sen castigo», crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Baixo o título «Crime sen castigo», Manuel Rodríguez Alonso publica no «Cartafol de Libros« de Vieiros unha crítica de Mercurio, a primeira novela de Emilio Alonso. Reproducimos o texto na súa totalidade:

Emilio Alonso, na súa primeira novela, dentro do xénero policial, ou aínda mellor da novela negra, presenta un crime que non acaba sendo castigado, pois o asasinado era un impresentable que, segundo a frase con que remata este relato, pertencía ao grupo dos "mortos que están moi ben matados".

O protagonista da novela –un criminalista-investigador privado de sona e antigo policía- descobre o misterio da morte do promotor inmobiliario lugués, mais tamén fabricante-mercador de explosivos, Pancho Figueiredo. Isto permítelle ao narrador-protagonista en primeira persoa recrear a vida non só do Lugo actual, senón tamén do Lugo do tardofranquismo, onde se criou o devandito criminólogo. Lugo é unha Vetusta en pequeno. O narrador ofrécenos a imaxe dun Lugo ultraconservador e hipócrita, dentro da mellor tradición da cidade provinciana, na liña da Orbajosa de Galdós, aínda que aquí dona Perfecta é Pancho Figueiredo e mais o seu círculo.

Mais hai un engado que ten este tratamento de Lugo. Lugo pode ser noxento para o narrador, pero é a súa patria, entendida a patria como o lugar onde sempre se quere volver, porque está unida non só ao paraíso perdido da infancia, senón ao descubrimento do mundo que supoñen a adolescencia e a primeira xuventude, coas primeiras amizades de verdade e así mesmo co descubrimento do amor. Lugo, xa que logo, pode ser todo o noxento, hipócrita e porcallento que se queira para o narrador-protagonista, mesmo ata dicir que as murallas non protexen Lugo do mundo, senón o mundo de Lugo, mais é o lugar onde se criou e tamén, como sinalamos enriba, a cidade do descubrimento da amizade e do amor. Esta ambivalencia na valoración de Lugo é, xa que logo, un dos engados da novela, máxime cando este narrador, que parece que odia tanto a súa cidade, acaba dicindo que a patria nunca a traizoan os nativos dela, por moi mal que a traten, senón os estranxeiros.

Por outra banda, a historia do asasinato de Pancho está moi ben levada, con enxeño abondo, así como o seu desenlace. O investigador, como non podía ser menos, descobre quen foi o asasino de Pancho –mellor asasina, pero non imos esmagar a novela explicando o desenlace, mais nunca contará o seu achado á policía, de tal xeito que se converte nun crime sen castigo, e a oración lapidaria con que Emilio Alonso remata o seu relato é un logro expresivo evidente, pois Pancho pertencía ao grupo dos "mortos que están moi ben matados".

O enxeño aparece tamén noutros casos que o protagonista resolveu, como o do home conxelado ou o do mozo que aparece morto nun monte queimado.

Acerta o autor na recreación do Lugo actual e sobre todo no Lugo do tardofranquismo, manexando técnicas caricaturescas e mesmo esperpénticas (o banquete da primeira comuñón é un esperpento), mais sobre todo coa parodia da linguaxe propia do tardofranquismo. Emprega con efectos esperpénticos e caricaturescos sintagmas e termos da linguaxe tardofranquista como revolución pendente; familia, estado e municipio como esteos da sociedade; o parte; señora de…; asalto-baile…. Esta parodia lingüística ofrécenos unha especie de historia sentimental do noxento tardofranquismo dos sesenta e comezos dos setenta.

Malia ser un escritor que publica agora a súa primeira novela, consegue un galego coloquial urbano que soa moi natural nos oídos do lector. Aparecen expresións axeitadas e mesmo termos galegos que lle dan á lingua unha cor de autenticidade: botar a lingua a pacer, aseñorar, encher o bandullo, coa auga ao pescozo… Manexa termos de grande expresividade para caricaturizar como hominicaco, furafollas ou ata tenta algunha creación neolóxica evidentemente acertada como telepeideira para referirse a unha das raíñas do telelixo. Móvese na mesma liña a lingua dos diálogos.

Advertimos, non obstante, algúns erros na lingua que cumpriría que o autor corrixise para futuras edicións como o hiperenxebrismo veterán (páx. 45), prenda no canto de peza de roupa ou o emprego de cara como preposición, cando sabido é que en galego só existe con valor preposicional cara a, mais non cara.

Xa que logo, novela de extensión curta (podemos dicir que o relato entra dentro do subxénero da novela curta), de doada lectura e que, polo tema, a lingua e esta extensión, resulta moi adecuada para ser recomendada como lectura aos rapaces da ESO, mais tamén para ser lida neses momentos en que a lectura é compañeira inseparable de moitas persoas como son viaxes, esperas en estacións e aeroportos e, por suposto, no salón da casa nestas días de vacacións que se aproximan. Manuel Rodríguez Alonso

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«”Sete palabras”: na procura das orixes», crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Baixo o título «Na procura das orixes», Manuel Rodríguez Alonso publica no «Cartafol de Libros« de Vieiros unha crítica de Sete palabras, a novela máis recente de Suso de Toro. Reproducimos o texto na súa totalidade:

Nesta nova entrega de Suso de Toro un narrador autorreflexivo en segunda persoa que se identifica co propio novelista realiza a reconstrución das orixes paternas da súa familia a partir das investigación sobre a vida do avó abandonado no hospicio de Zamora, sen ningún dato sobre a identidade do seu pai e da súa nai. Se as orixes do avó están na néboa, tamén a súa vida posterior á voda transita polo misterio, pois decide marchar para América, para gañar un cartos como emigrante, e nunca máis se sabe del. A novela, nesta reconstrución histórica, combina a historiografía (a través de fontes tradicionais e escritas, mais tamén por medio da historia oral de posibles testemuñas dos feitos) coa imaxinación propia da ficción, pois a imaxinación deste narrador autorreflexivo, cando non hai datos ou a partir de datos moi cativos, elabora posibles vidas deste avó descoñecido.

Por outra banda, como adoita acontecer nas novelas actuais da memoria, o mesmo proceso de investigación histórica convértese en tema e argumento por si mesmo, o que é un dos acertos estruturais deste relato.

Como xa dixemos, o autor manexa nesta reconstrución da posible vida e historia do avó hospiciano fontes históricas (partidas de nacemento ou de bautismo, censos, libros de arquivos etc.), mais tamén técnicas da ficción, pois imaxina como sería a vida dun neno pastor (o pai ou o avó) no frío páramo zamorano da comarca do Saiago nos primeiro terzo do século XX ou como a súa avoa Valentina, que espera noticias do home de América que nunca chegarán, lles fai unha foto aos dous fillos para mandarlla ao pai ausente, como era a costume daquela entre as familias dos emigrados. Mesmo imaxina a vida dese avó nos corredores do hospicio zamorano, hoxe reconvertido en comodísimo parador de turismo, do que goza o neto investigador-novelista ao hospedarse nel, en clara e machadiana superposición temporal.

Os datos que ofrecen os documentos escritos devanditos e as ficcións sobre a posible vida dos devanceiros que articula o narrador, complétanse coas historias orais que contan familiares ou veciños de máis ou menos idade sobre o avó hospiciano Faustino, a súa muller Valentina ou os seus dous fillos, Antonio e Miguel. Cada un dá unha versión de seu dos feitos ou dos personaxes investigados. Para uns Faustino foi un de tantos que marchou e esqueceu a muller; para outros, sempre os quixo e se non volveu é porque o guindaron ao mar ao ir de polisón nun barco para entrar nos Estados Unidos. Miguel, o fillo de Faustino e Valentina, que traballou nos saltos de auga e seica se fixo comunista para uns era un atravesado, mais para outros tiña a xenerosidade e candidez dun cativo. Marchou tamén, tras a Guerra, para o Brasil, e, como no caso do avó Faustino, perdeuse a súa pista, aínda que hai quen di que o viu por alá. Esta ambigüidade e mesmo testemuños contrapostos sobre os personaxes investigados son un dos grandes encantos desta novela.

Outros dos engados do libro é que podemos lelo mesmo como un libro de viaxes. A recreación que fai dos lugares percorridos para investigar a vida de Faustino reconstrúen ámbitos espaciais como os de Zamora, a comarca do Saiago, A Habana ou mesmo Madrid cunha acaída mestura de análise histórico-sociolóxica mais así mesmo de subxectivismo e imaxinación cunha linguaxe literaria de alta calidade. A partir dos datos da investigación recrea tamén as angueiras da emigración a América nos comezos de século XX ou a dura vida do rural, neste caso no agro zamorano, pero que ben podería ser o galego.

En certo xeito a novela é así mesmo un fresco ou mural do noso século XX, pois o avó Faustino naceu e entrou no hospicio en 1894 e o neto investiga desde o momento actual. Pasan diante de nós, por medio de indicios, é dicir, información non elaborada pero que o lector procesa con facilidade, a pobreza física e espiritual dos últimos anos da Restauración, a ilusión da República, mais tamén a longa noite de pedra do franquismo (ese Miguel do que alguén di que posiblemente nos anos da República se fixo comunista e que na posguerra non se sabe se por motivos económicos ou doutro tipo parte ás présas para o Brasil). Mesmo as ilusións de certa xuventude contestaria dos anos cincuenta ou sesenta, como o castrismo, aparecen tratadas e desmitificadas na novela, mais non por iso desprezadas e sen valorar o que de bo tiveron ou aínda teñen. A interpretación, non só sociolóxica, senón tamén literaria, da Cuba e da Habana de Fidel Castro é unha pequena xoia.

É tamén unha novela de intriga moi ben levada. O lector implícase na procura de datos do avó descoñecido que fai o narrador autorreflexivo en segunda persoa, quere tamén saber máis datos sobre o avó. O desenlace aberto –nunca se dá realmente co avó en América- é unha chamada cara ao optimismo, pois o narrador considera que o seu avó se non volveu, non foi porque fose un desleigado cara á muller e aos fillos, como pensa o seu propio pai Antonio, senón que foi, como din outros, mesmo a testemuña final do relato, porque non puido volver. E xa non hai máis datos. Foi, segundo a testemuña final que acepta o narrador, un de tantos que non só fracasou na emigración, senón que mesmo acabou afogado no mar. O normal non é que os emigrantes volvan convertidos en indianos ricos. Xa que logo o final é unha especie de epopea do "emigrante descoñecido" para o narrador, polo que, intuitivamente, os lectores conectamos con tantos que hoxe morren nas súas viaxes en patera cara a Europa ou coa figura tópica do emigrante fracasado, que tan ben trazou Castelao nunha das súas Cousas.

Por outra banda, a memoria tamén é esquecemento e todos, ao lembrarmos a vida dos nosos devanceiros ou da propia familia, esquecemos o que non nos gusta. Ninguen quere ter un devanceiro que abandonou a muller e os fillos e tendemos a aceptar a versión dos feitos menos dolorosa. Iso fai o narrador. Cada lector pode elixir o que máis lle guste: Faustino foi un emigrante desleixado que abandonou a muller e os fillos ou teñen razón a última testemuña e o narrador ao pensar que o guindaron ao mar por ir de polisón. Mais non hai datos certos que nos convenzan nin dunha cousa nin da outra. Ten que ser o lector quen decida.

En canto á lingua, o autor amosa un encomiable empeño por un galego identificado de xeito que emprega con xenerosidade o infintivo conxugado, incluso cando depende de verbos de orde ou mandato, coma en portugués, aínda que sexa un uso este do infinitivo prescrito polas gramáticas da liña ILG. Non obstante, ás veces usa o infinitivo conxugado de xeito hiperenxebrista nas perífrases verbais (están a analizárente, páx. 229). Opta, como xa dixemos, por formas non comúns co castelán como a forma –aría (pastalaría), Galiza, -bel (razoábel), até, e mesmo incopora lusismos léxicos que aínda hoxe non acepta o VOLGa como naipelo, predio… Un erro que aparece abundantemente na obra é o cheísmo (iso incomódache, páx. 48; levas algo na cara que che fai distinto, páx. 50; iso que che atrae, páx. 55 etc.). Así mesmo aparecen castelanismos léxicos como reanudar, remite, libreta, reanudar, recén chegados, derrame… Coidamos que hai erros como o do cheísmo ou do infinitivo conxugado en perífrase que un autor tan veterano como De Toro non debería ter. Por outra banda, os castelanismos léxicos volven lembrarnos a falta de atención á lingua dos editores galegos. Cumpriría que os textos, antes de seren publicados, fosen lidos por un corrector solvente, que mesmo podería, non censurar, mais informar ao autor sobre os seus erros, especialmente os moi rechamantes, como o devandito cheísmo.

Como remate, é de xustiza sinalar que esta novela é unha lectura acaída para estes días das vacacións do Nadal que se nos achegan e mesmo como agasallo nestas festas. É moi superior a tanta quincallada que anda por aí nas listas de vendas de moitos xornais e mesmo nos andeis dos centros comerciais que recollen os libros máis vendidos, onde, por certo, nunca aparecen os galegos. Cómpre, xa que logo, regalar neste Nadal estes bos libros galegos. Manuel Rodríguez Alonso

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Historia Social da Guerra da Independencia en Galicia» no «Cartafol»

Críticas, Historia, Monografías, Universitaria, Xerais_nos_medios

Baixo o título «Para comprendermos Galicia», Manuel Rodríguez Alonso publicou en «Cartafol de Libros» de Vieiros unha crítica de Historia Social da Guerra da Independencia en Galicia de Xosé Ramón Barreiro Fernández. Un libro que Rodríguez Alonso considera de lectura imprescindible tanto «para todos os que queiran coñecer o pasado recente de Galicia e debe estar ao dispor de todos escolares galegos en todas as bibliotecas de Galicia» como para « todos aqueles, de Galicia e de fóra de Galicia, que cren que a Guerra da Independencia só foi cousa de Madrid ou das Cortes de Cádiz e para os que pensan que non sabemos gobernarnos sen a titoría de Madrid ou mesmo que non temos unha historia de noso.»

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Xosé Carlos Caneiro: «’O home do traxe branco’ é a sorpresa máis evidente da tempada»

30 decembro 2009

Críticas, Fóra_de_colección, Xerais_nos_medios, Xuvenil

Outra novela que, sinceramente, xulgo como a sorpresa da tempada: pola súa orixinalidade, fundamentalmente, inusual en todos os territorios literarios. Estou a falar d' O home do traxe branco de Herikberto M. Quesada. Un cúmulo de imaxinación, arte (inclúe tamén os debuxos do propio autor) e fascinación. Quizá algúns xulguen esta entrega como unha obra de xénero fantástico extraterrestre, pero é moito máis. Obra profundamente didáctica, que afonda nos valores educativos que esquecemos. Obra que nos introduce nun mundo particular francamente prodixioso. Só teño palabras de eloxio para ela. Eloxio e admiración por un sistema literario capaz de producir libros contra a moda das modas. Libros como este: libro de marabillas, simplemente. Xosé Carlos Caneiro

Comentario extraído do artigo «De marabillas», publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia (19-12-2009)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Mil cousas poden pasar»: contador de fantasías, crítica de Isabel Soto

29 decembro 2009

Críticas, Infantil, Merlín, Premios_Xerais, Xerais_nos_medios

Isabel Soto publica no espazo crítico de «lg3» unha fermosa crítica de Mil cousas poden pasar. Libro I, a obra de Jacobo Fernández Serrano gañadora do premio Merlín 2009. Baixo o título de «Contador de fantasía», Soto rastrexa na obra de Jacobo Fernández Serrano, descubrindo nela algúns dos antecedentes presentes na historia protagonizada por Lina e Pouco. Recollemos algúns dos parágrafos dun texto que moito recomendamos:

Mil cousas poden pasar. Libro I supón un novo chanzo na carreira deste contador de fantasías e unha achega máis aos trazos que definen as súas creacións, desta vez avalado polo importante Premio Merlín. A historia retoma, con ampliacións e modificacións, as entregas publicadas nos que se converterían nos tres últimos números de Golfiño –87, 88 e 89–, que coa súa repentina desaparición nos privou daquela da conclusión d’O conto de Lina e Pouco. Non deixa de resultar curioso que a portada do nº 87 da revista anunciase o comezo da miniserie cunha ilustración na que destaca un libro de tapas duras, moi semellante ao que hoxe temos nas mans. Semella unha premonición ou un soño cumprido.

O título do libro, o retrouso que adoita empregar Mercurín, convértese se cadra na esencia que mellor resume a historia. Tras a lectura, certamente, descubrimos que mil cousas, ou moitas máis, poden pasar no ámbito dun universo ficcional tan ben artellado, que estimula o adulto polas súas calidades plurisignificativas e se adapta á lóxica infantil, afeita aos saltos e ás explicacións máxicas e que goza cos detalles e a transgresión do racional. Unha literatura libre na que a ficción suspende a realidade ordinaria e invita a quen le a vivir outra non menos real.

[...]

Unha historia de aventuras, de amor, de azares, de viaxes, de desexos íntimos, de liberdade e de fantasía conducida con naturalidade e retocada con surrealismo, nunha liña que evoca a lembranza de clásicos como Roald Dahl, Carroll, Astrid Lindgren, Rodari ou mesmo os seres inadaptados e enigmáticos de Tim Burton. Cando chegamos aos tres capítulos finais, só nos consola un conxunto de interrogantes que prometen ter resposta nun segundo libro que xa nos tarda.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

As mellores obras de 2009 para a crítica de «lg3» o portal literario de culturagalega.org

Críticas, Infantil, Narrativa, Premios, Sopa de Libros, Teatro, Xerais_nos_medios

Varias obras publicadas pola editorial son citadas polas persoas encargadas da sección de crítica de «lg3», o portal literario de culturagalega.org, entre as mellores das publicadas en galego ao longo do ano 2009.

Inma López Silva, encargada da crítica en artes escénicas, salienta Sempre quixen bailar un tango, de Teresa González Costa, destacando que «Este Premio Álvaro Cunqueiro destaca pola súa elegancia, pola súa capacidade evocativa e pola súa corrección dramatúrxica.»

Isabel Soto escolle entre as propostas narrativas do ano Monte Louro de Luís Rei Núñez, para ela «unha boa novela que percorre os tempos da República, a chegada da Guerra Civil, a posguerra e a emigración galega a Bos Aires. Conta cunha esmerada escrita, coidada construción e con personaxes ben caracterizados e cribles. Unha lectura amena que engancha o lector.»

Anxos García Fonte escolle Monbars o exterminador de Hixinio Puentes: «É unha novela de aventuras vibrante, moi ben ambientada histórica e espacialmente, cunha lingua rica perfectamente adaptada ao tema e ao contexto histórico.»

No eido da literatura infantil e xuvenil, Isabel Soto escolle Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, xa que «Esta narración conmove pola súa beleza ao abordar os procesos de emigración desde a perspectiva íntima dunha nena senegalesa de dez anos e que conta cunha orixinal técnica construtiva.»

Soto, tamén destaca o premiado Mil cousas poden pasar. Libro I, de Jacobo Fernández Serrano. «Un libro divertido e intelixente no que o autor recorre aos personaxes insólitos que adoita crear e a unha trama que non deixa de sorprender até o final», conclúe Soto.

Pola súa banda, Montse Pena destaca outra obra publicada por Xerais. Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros é para ela «un libro que elude tópicos, tanto na súa  temática, o multiculturalismo (unha das máis recorridas polos autores de infantil e xuvenil nos últimos tempos), como na propia concepción do que é considerado normalmente coma literatura xuvenil», lembra. «Aneiros consegue que o bar Luzada, o punto de encontro no que se entretecen os seus personaxes, se convirta nun crisol de culturas en que o pulso do cotiá e o arrecendo a café se mestura co amor, a traxedia e as ilusións», conclúe Pena.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O Cabo no Mundo» ou «Contra os señores do olvido»

24 decembro 2009

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Francisco Martínez Bouzas publica hoxe no «Faro da Cultura» a que constitúe a primeira crítica d' O Cabo do Mundo, a novela de Xabier Quiroga. Baixo o título «Terror no Cabo» e o subtítulo «Contra os señores do olvido», Martínez Bouzas contextualiza esta obra dentro do esforzo da literatura galega de contribuír dende a ficción a reconstrución da Memoria Histórica. «A este propósito súmase hoxe, dun xeito orixinal e disimétrico, ao que soe ser esta narrativa de tipo social, a última novela de Xabier Quiroga, O Cabo do Mundo.» A continuación, o crítico salienta que o «o autor agasállanos cunha historia e unha trama narrativa que, desde o presente e de xeito nada maniqueo, tentan pescudar naqueles desgarradores días do ano trinta e seis nos que a barbarie represiva acabaou sendo tapada polo andazo dunha guerra sen frontes bélicas en Galicia, pero marcada polo terror nunha dupla vertente: a dos xulgamentos farsa, aragallados a xeito de vinganza, e a que o autor chama "paralegal", exercida polos escuadróns da morte de falanxistas e asimilados a través de "paseos", "sacas" e a actuación das "patrullas do amencer".» Tras debullar o desenvolvemento doutros elementos estruturais da novela, o crítica remata do seguinte xeito: «Unha arquitectura fcailmente habitable polo lector e que fai avanzar a acción dosificadamente, unha verdadeira inmersión na Galicia profunda e un estilo de prosa elaborado, pero que reproduce cando cómpre o galego oral por veces moi basto é expresivo, contribúen a darlle verosimilutede a esta historia de terror no Cabo do Mundo.»

A páxina do «Faro da Cultura», onde aparece o texto completo da crítica, pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Dolores Vilavedra: «é urxente atopar o que Maalouf chama ‘humanismo mobilizador’»

19 decembro 2009

Críticas, Ensaio, Traducións, Xerais_nos_medios

E por se alguén non se decatara, chega a nós para proclamalo a voz lúcida, firme e, ao tempo, fondamente consoladora, de Amin Maalouf, a quen xa botabamos de menos en galego dende que o descubrimos grazas a Xerais no 2000 en A viaxe de Baldassare; por certo, unha novela que non perdeu un chisco de actualidade e que pode resultar iluminadora no inaprazabe debate do que deberían agromar fórmulas axeitadas para a convivencia entre oriente e occidente. Maalouf volta ao noso idioma co ensaio A deleiba do mundo. Sen ostentar de erudición, mais sen dúbida con moitas lecturas subxacentes, Maalouf fala dende a identificación co mundo árabe e co europeo, e dende a vontade de non renunciara ningún deles, e faino movéndose "entre a extrema inquietude e a esperanza", para dicir "que é tarde, mais non demasiado tarde" e que polo tanto o que cómpre predicar "non é a desesperanza, senón a urxencia". A urxencia de atopar o que Maalouf chama "un humanismo mobilizador" que nos permita poñerlle freo á regresión que se aveciña, unha tarefa á que todos os que estamos a vivir este estraño comezo de século estamos convocados.

Comentario extraído do traballo titulado «Receitas varias para tempos de crise», publicado no suplemento «Luces» de El País Galicia (18-12-2009)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Dolores Vilavedra: «Ameixeiras segue a madurar como narrador»

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Diego Ameixeiras amosa en Dime algo sucio que segue a madurar como narrador, versátil sen deixar de ser el mesmo. Cunha trama menos efectista do que viña adoitando, aínda que sen renunciar á intriga, Ameixeiras achégase ás dificultades do amor adolescente, á soidade do desamor, á particular forma de non-ser que implica a marxinalidade, ás distintas formas de exercer e padecer a violencia... no marco dunha cidade embelecida pola súa prosa e pola súa capacidade para crear imaxes contundentes. Todo isto, en cen capítulos de non máis de tres páxinas, nin de menos de dúas, que marcan o ritmo dunha lectura á que non se permite a voracidade da precipitación. Voces como a de Ameixeiras confirman que a renovación xeracional da nosa narrativa está asegurada. Dolores Vilavedra

Comentario extraído do traballo titulado «Receitas varias para tempos de crise», publicado no suplemento «Luces» de El País Galicia (18-12-2009)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Dolores Vilavedra: «’Sete palabras’ é un chamamento á reconciliación con nós mesmos»

18 decembro 2009

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Suso de Toro fálanos en Sete palabras dende o alén, sobre todo dende ese alén xeracional do home que se atopa na metade do camiño e que, antes de seguir adiante, precisa facer unha pausa e mirar atrás, ordenar o seu pasado para que non se lle esboroe ese futuro que pasou a vida tentando construír. Sete palabras é un chamamento á reconciliación con nós mesmos, un convite a escoitar as voces que ecoan no noso interior, esas que o balbordo cotiá non nos permite escoitar e que explican o que somos. Avanza o escritor na liña espiritual das súas mellores obras cun título de fortes reminiscencias relixiosas: lembremos que na cultura xudeocristiana as sete palabras son as que Cristo pronunciou na cruz, aquel dramático "perdóaos porque non saben o que fan". Pero Suso de Toro dalle unha revirivolta final ao significado de tan epilogais verbas para convertela no colofón da vida dun home resumida ao cabo tamén en sete palabras: "e el, que era tan boa persoa". Hai tempo que o escritor viña anunciando unha obra sobre as súas orixes familiares, que parecía apuntar máis cara ao memorialístico biografico, e sobre a que pairaba o risco de verse finalmente reducida a unha guía de viaxes. Pero Sete palabras, sendo todo iso, é moito máis: unha ficción moi ben ensarillada, na que non sabemos moi ben canto hai de realidade e canto de invención pero tampouco importa, un convite á catarse, un esconxuro, un chamamento á procura incondicional da verdade. Superouse a si mesmo o escritor nunha obra que sinala un antes e un despois na súa andaina literaria (e, sospeito, tamén vital). Dolores Vilavedra

Comentario extraído do traballo titulado «Receitas varias para tempos de crise», publicado no suplemento «Luces» de El País Galicia (18-12-2009)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«A vida do outro»: A novela dun xornalista na Transición

16 decembro 2009

Críticas, Narrativa, Premios, Xerais_nos_medios

Dicía Álvaro Cunqueiro que non hai nada máis real que a fantasía. Unha afirmación que acada cumprida confirmación na última novela do xornalista, ensaísta e narrador, Carlos G. Reigosa, A vida do outro, recentemente editada en Xerais e gañadora do Premio Torrente Ballester, un dos máis importantes da narrativa en galego e en español convocados no noso país. A novela debulla ante o lector, nunha narración en primeira persoa, a memoria dun xornalista, o periplo existencial dun personaxe que, na lindeira dos seus sesenta anos, se decata de que a súa vida é a dun monicreque que se engana constantemente a si mesmo, non é o que el desexaría ser, senón outro perdido na néboa mesta das urxencias da súa profesión. Desde esa fronteira existencial e cando o desencanto non lle permite seguir sendo o outro e atopa as súas raíces definitivas, escribe as súas memorias, un espello no que descobre o seu propio rostro, a súa evolución persoal e os efectos dos grandes acontecementos culturais e políticos da Transición nel mesmo e en todos nós, desde os anos sesenta ata a actualidade.

A vontade soberana do autor e quizais tamén certas querenzas autobiográficas ¿ficcionais? fixeron que este personaxe agónico sexa un xornalista, o director dun grande xornal de tirada nacional. En poucas ocasións como nesta, a ficción nos ten mergullado aos lectores na cerna máis recóndita e problemática desa profesión, aparentemente ateigada de luzadas e fulgores externos, que é a xeira de dirixir un xornal. Porque os monólogos interiores, as reflexións e as batallas que nos refire este actante ficcional, chamado Miguel Cano Goiriz, permítennos esculcar as interioridades dun xornal nun período no que se está a producir unha revolución copernicana no mesmo concepto de medios de comunicación e teñen fiel cumprimento os vellos conceptos de "aldea global" e "idade da información" que oficiara Mc Luhan.

Mais os seus actores, por moito que esteamos na era cibernética, seguen sendo seres humanos, ateigados de grandezas, pero tamén de miserias, infelicidade e mesquindades lamacentas. As tirapuxas co consello de administración, a dura dificultade de non caer na tentación de facer un xornalismo amarelo, as confrontacións no consello de dirección, as coiteladas inesperadas dos compañeiros nos que máis se confiaba, as bendicións do partido político que se supón está detrás do periódico, a necesidade de medrar e converterse nunha empresa multimedia, os momentos nos que non se pode ter piedade, cómpre apertar o acelerador e ensinar os cairos máis retorcidos, as manobras non sempre limpas e arrainas a pactos conspiradores para conseguir certos relevos... teñen un puntual reflexo que, polo menos desde fóra e para nós, os pagáns, semella fiel e verdadeiro, nas páxinas desta ficción biográfica de Carlos Reigosa. Unha ficción que, ademais dos espellismos, engados e nefastas consecuencias da outridade fai presente para os seus lectores a insá conversión dun xornalista de verdade nun periodista profesional. Francisco Martínez Bouzas

Crítica publicada en El Correo Gallego, 02-12-2009

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Sol de inverno», crítica de Oriana Méndez en «Protexta»

15 decembro 2009

Críticas, Narrativa, Premios_Xerais, Xerais_nos_medios

Baixo o título «A magnitude do inverno» e o subtítulo «Epopea romántica con feitos históricos como fío», Oriana Méndez publica en Protexta 12 unha extensa crítica de Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do premio Xerais 2009. Oriana Méndez salienta que o conxunto deste relato «é unha loita incondicional pola conitnuidade: a supervivencia é o único camiño. Con esa bandeira a autora ergue, ao longo de algo máis de 500 páxinas, un edificio sólido que resiste sucesivas guerras ou éxodos e que, finalmente, está construído para a defensa da liberdade, da vida ousada dos seus hóspedes.»

A páxina onde aparece o texto da crítica pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Sete palabras» de Suso de Toro ou a oración do escravo, crítica de Iago Martínez en «Protexta»

14 decembro 2009

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Baixo o título «A oración do escravo», Iago Martínez publica no «Protexta» nº 12, o suplemento de libros de Tempos Novos, unha extensa crítica sobre Sete palabras, a máis recente novela de Suso de Toro.

O texto, do que recomendamos moi vivamente a súa lectura, pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O recendo das mimosas» ou a fascinación dos labirintos

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Lorena Domínguez Mallo publica en Lg3 unha crítica sobre O recendo das mimosas, o libro de relatos de Agustín Agra. Baixo o título «A fascinación dos labirintos» e tras repasar devariño cada unha das pezas do volume a autor conclúe que este libro é «Unha ducia de relatos para meterse no labirinto do que somos, dos nosos medos máis profundos, da emotividade do cotián, da arte como (auto)coñecemento, da mitoloxía como macrorrelato sobre o ser humano, dos nosos crimes como constatación da non impunidade, da memoria como necesidade. E no centro do labirinto as mimosas, porque elas son o máis accesible e o máis inaccesible na espiral das nosas vidas.»

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Ás de bolboreta» mensaxe nunha botella

Críticas, Fóra de Xogo, Premios_Xerais, Xerais_nos_medios, Xuvenil

A edición 2009 dos Premios Xerais viña con sorpresa, e grande: a dobre condición de gañadora de Rosa Aneiros en dúas categorías, a de novela con Sol de Inverno e o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil con Ás de bolboreta. Visto coa perspectiva dos meses o que máis chama a atención é que neste último vencese co acordo unánime do xurado, que destacou a súa obra con claridade por riba das outras cun nivel de consenso que non se producira en edicións anteriores.

Boa parte da maxia do texto de Rosa Aneiros para cativar coa mesma eficacia a adultos e mozos reside no seu carácter caleidoscópico e plural. O escenario principal é unha cafetería de Santiago de Compostela, o Luzada, rexentado por Patricia, unha muller que se fixo cargo do local nun momento no que vía inviábel proseguir coa súa formación académica. No Luzada conflúen unha morea de personaxes cuxas vidas iremos descubrindo ou máis ben intuíndo a través de estampas impresionistas e conversas collidas ao voo que revelan verdades entre liñas. Coñeceremos así a Eusebio e Lola, os anteriores donos do bar, que loitan en soidade contra as dificultades que se derivan da vellez e da perda progresiva de saúde e mobilidade. A Iqbal, un mozo inglés de orixe paquistaní que marchou de Londres tralos atentados no metro en xullo de 2005 e que bota horas e horas no Luzada conectado a Internet, no mesmo ordenador que Mohamed mira de cando en cando con medo de que as palabras se convirtan en ferramentas de transmisión do odio. Saberemos da señora Filomena, cuxo fillo está en misión humanitaria co exército en Darfur e que sofre ao ver nos xornais os froitos da violencia e da guerra. De Manuel, un neno africano que non superou a morte da súa nai adoptiva e que ten no seu avó a súa principal compañía. Tamén dunha muller que agarda por unha chamada que non chega, a dos sobriños que intentan entrar en España cruzando o valado da vergoña que separa mundos en Melilla, ou de Aysel, vítima do amor e da indiferenza que Occidente amosa ante a represión do pobo kurdo polo goberno turco.

Rosa Aneiros constrúe con eles un puzzle que pode reordenarse de diferentes maneiras. Estrutura o libro en capítulos breves que admiten unha lectura independente, pero que se reforzan os uns aos outros e gañan en complexidade igual que están conectadas entre si as vidas das persoas. Na sociedade global na que vivimos calquera historia quédanos a uns poucos graos de separación e os grandes sucesos que ocupan a atención dos medios acaban por ter repercusións concretas na experiencia cotiá daqueles cos que compartimos a hora do café; de aí o urxente que é desbotarmos os prexuízos e a desconfianza e a necesidade de comprender o outro. A escritora manexa con oficio distintos rexistros, do naturalismo dos diálogos entre un avó e o seu neto ao apaixonado lirismo que asoma en moitas páxinas; como na canción brasileira, é consciente de que a tristeza non ten fin mais a felicidade si, e por iso o ton xeral vén marcado por unha certa amargura, aínda sen negarlle espazo á esperanza. Rosa Aneiros fixo un libro con mensaxe, dito sexa sen ánimo pexorativo: unha mensaxe de solidariedade e amor polo ser humano. Desas aínda temos moita falta. Martín Pawley

Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 12, outono 2009. Descarga os números anteriores aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«O home do traxe branco» en «Culturas»

9 decembro 2009

Críticas, Entrevistas, Noticias, Xerais_nos_medios

O suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia do pasado sábado, 5 de decembro, dedicou a súa portada e dúas das súas páxinas á aparición da primeira novela de Herikberto M. Quesada, O home do traxe branco. No texto inclúese unha entrevista co autor ourensán e unha crítica da novela. Aquí pode lerse ou baixarse o pdf.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Historia Social da Guerra da Independencia en Galicia», crítica en «Faro da Cultura»

8 decembro 2009

Críticas, Historia, Monografías, Xerais_nos_medios

Alfredo Iglesias Diéguez publicou no suplemento «Faro da Cultura» do pasado 3 de decembro, unha crítica sobre a Historia Social da Guerra da Independencia en Galicia, o libro máis recente de Xosé Ramón Barreiro Fernández. Baixo o título «Un pobo en guerra», Iglesias anima abertamente á lectura dun libro que considera «unha obra de investigación fundamental para coñecer e comprender un período histórico de gran importancia para entender a Guerra da Independencia.»

A páxina do suplemento onde ler a crítica completa pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Sete palabras», primeira crítica, «La Voz de Galicia»

5 decembro 2009

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Ramón Nicolás publica hoxe no suplemento «Culturas»de La Voz de Galicia a primeira crítica de Sete palabras, a novela máis recente de Suso de Toro.

O texto publicado pode lerse [baixarse] aquí en pdf.

UN MERGULLO NOS NAUFRAXIOS
Recoñezo que comecei esta lectura de Sete palabras cun plus de curiosidade de carácter particular pois a novela preséntase ao público como un exercicio que afonda na memoria persoal do autor a través dunha esculca arredor das orixes dun familiar situadas nas terras zamoranas de Toro. Abofé que a historia esencial ben pode  reducirse a esa liña argumental que amosa un novo Percival, se se quere un Ulises contemporáneo disfrazado de cazador de datos e biografías en continuo tránsito; liña, por outra parte, deseñada coa habelencia e fluidez que a un autor da traxectoria de Suso de Toro se lle supón; mais hai tamén outras cousas nesta novela que fan dela, ao meu xuízo, unha moi destacada e recomendable proposta.
En primeiro lugar pola salientable e moi efectiva opción que solventa o problema de literaturizar as peripecias dun protagonista que, ao tempo, resulta ser a instancia autorial; e isto faise mercé unha voz externa, poderosa, omnisciente, activa, mesmo inquisitiva, que por veces actúa como unha cámara cinematógrafica e que outras permite desvelar, coma se simbolizase ese “outro” que paira por estas páxinas, aquilo máis recóndito que hai no protagonista, posibilitando, en suma, reconstruír pensamentos, actitudes e condutas e evidenciando en consecuencia que esta sexa unha das novelas en que o autor revela máis cousas de si mesmo.
Non se pode obviar tampouco a axilidade e a frescura que permite compartir a emoción dunha busca, por veces infrutuosa, en ocasións colmada de éxitos, das orixes dese devanceiro difuminado cuxos perfís van adquirindo forma entre as tebras, que se esvae e que se invisibiliza tantas veces porque se mergulla en raíces fracturadas, en soños e fracasos ancorados nun tempo de privacións e pobreza, de exilios obrigados, de fuxidas sen volta que se reconstrúen a través da memoria, en tantas ocasións fragmentada, en tantas ocasións penduradas dun fío case invisible.
Mais, con todo, non sei se aínda maior interese repousa nas reflexións,  deitadas aquí e acolá, sobre a dignidade, sobre o que hai de dor na vida mercé ás biografías esgazadas, sobre o traballo e as competencias do novelista ou sobre a función da literatura. Suso de Toro remexeu coa man no cesto da memoria e saíu esta novela que se condensa en sete palabras clave: só cómpre que os lectores cheguen a elas. Ramón Nicolás

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«A deleiba do mundo» por Miguel Anxo Fernán Vello

2 decembro 2009

Críticas, Crónica, Ensaio, Opinións_lectores/as, Socioloxía, Traducións, Xerais_nos_medios

Con este título, A deleiba do mundo, viu a luz recentemente, traducido ao galego e publicado por Edicións Xerais de Galicia, un ensaio do escritor libanés Amin Maalouf, antigo director do xornal Al-Nahar e actualmente residente, como refuxiado, en París. Maalouf escribe na actualidade case sempre en francés e este último ensaio do autor luciu por primeira vez o título Le dérèglement du monde, trasladándonos aí -dérèglement- a idea de "desarranxo" ou "desleixo", tamén "desorde", e, xa nun plano figurado, "inmoralidade". A versión española da obra de Maalouf titulouse El desajuste del mundo e a tradución galega, realizada por Mª Dolores Torres París, optou por deleiba, termo este que significando "desfeita" ou "desastre", ou "desgraza", non é moeda corrente nos dicionarios. Mais todo é válido, e que as palabras vivan ou revivan sempre é unha regalía; e no caso que nos ocupa, ademais, importa moito o subtítulo da obra, inequívoco: Cando as nosas civilizacións esmorecen. Maalouf, que foi galardoado este mesmo ano, por certo, co XIII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, denuncia no seu ensaio a deleiba intelectual, financeira, climática, xeopolítica e mesmo ética que, dende os primeiros meses do século XXI, deu en coñecer -"acontecementos desacougantes"- o mundo. O intelectual libanés ve -vémolo moitos-, como as Luces enfeblecen na sociedade actual, tan pouco preocupada polo cultivo da intelixencia; como a idea e a materialización da liberdade cotiza á baixa no conxunto do planeta e como en vez de debuxarse unha "diversidade harmoniosa" triúnfa o fanatismo, a violencia e a exclusión. ¿E que "facer", vella pregunta? Maalouf deixa no ar un interrogante: ¿será que a humanidade xa atinxiu o teito da súa incompetencia moral? E o autor navega entre dúas tensións: a intelixencia do pesimismo e o desexo real dunha esperanza. En todo caso, o importante é a lectura do libro -a tradución galega roza a perfección-, algo que, sen dúbida, activará o noso pensamento e o noso compromiso. Miguel Anxo Fernán Vello

Artigo publicado por Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia hoxe.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«TSC Diario da noite» de Alfonso Armada, crítica de Ramón Nicolás

30 novembro 2009

Críticas, Poesía, Xerais_nos_medios

Calquera crítica non deixa de ser, por parte de quen a asina, un comentario subxectivo, de   pousos, de sedimentos... Lin TSC. Diario da noite hai xa un par de meses e estes días volvín a el e aquelas sensacións iniciais retornaron,  se couber, con máis intensidade. Alfonso Armada, que xa ofrecera na nosa lingua libros como Escuma dos dentros, Pita velenosa, porta dos azares ou Haikús da Costa da Morte, ofrece arestora un libro singular, compacto, nesa rara forma, por pouco habitual, de diario poético. Antes como agora, TSC provocou que quedase no padal un certo aquel melancólico polo que se foi e xa non volverá; polo que se cadra se quere de novo apreixar cando se sabe, de certo, que xa non pode ser. Esta é unha das lecturas, abofé, mais esa acedume pola distancia, da que non sei se é o autor foi consciente de ir debullando, que traduce en palabras e transloce por veces en silencios, con todo, non deixo de xulgala como un inestimable valor xunto coa afouteza ou convicción de Armada no seu propio quefacer lírico ao dar a coñecer un diario poético máis de vinte anos despois desde a súa redacción, co que o libro gaña tamén no ámbito testemuñal, malia perdérense referentes contextuais, por outro lado de doada reconstrución.

Deste xeito, penso que TSC Diario da noite é un exercicio catárquico que, alén de iluminar unha zona moi concreta do pasado –os anos oitenta- e uns espazos tamén singulares –Compostela, Sevilla, Tánxer, Madrid, mais sobre todo a cidade de Vigo-, deita unha ollada ás claves daquel tempo cunha visión máis globalizadora, sen esquecer que se trata a súa dunha escrita persoal, única, un tanto illada do que se facía naquel momento e que transloce un universo de obsesións particulares. A opción de incorporar un corpo salientable de material iconográfico –fotografías, reproducións pictóricas, material visual de toda índole: etiquetas, billetes, follas de árbores, selos ou tíckets- contribúe a fixar o libro como experiencia persoal e íntima, alén de outorgarlle un aire de revisión visual dunha época e do que nela aconteceu, sen obviar que este libro é  un testemuño que apunta á colectividade, onde agroma unha ollada, sen dúbida, xornalística, crítica, en ocasións informativa, coma se o lector se dispuxese á lectura dun artigo de opinión. A iniciativa experimental do diario poético, deste xeito, cobra aquí cabal sentido formando parte dunha espiral onde en cada verso renace a idea do movemento, de nunca ficar quedo, de tránsito recorrente cara a algures.

Dialoga tamén o autor, como non podía ser doutra maneira, cos seus tótems, coas súas pantasmas persoais  aquí e acolá, coas palabras de Joyce e Kafka, de Gide e Raimbaud, de Borges e Mann que o precederon no tempo..., dese diálogo nace unha esculca que afonda no tempo, na memoria e na escrita. Malia a acedume, tamén hai que consignalo, ao lonxe albíscase tamén  unha luzada de esperanza, aínda que sexa só para contalo. Ramón Nicolás

Texto publicado o sábado 28 de novembro de 2009 por Ramón Nicolás no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Pingueiras e tarteiras», crítica de Paula Fernández

27 novembro 2009

Críticas, Infantil, Teatro, Xerais_nos_medios

Sobre Pingueiras e Tarteiras

A compañía do Circo do Paraugas chega ao palacio Grisallo na procura dun lugar onde poder exhibir o seu espectáculo. A tarefa non é doada e as malas interpretacións e as conversas e situacións caóticas sucédense, mais o que realmente acontece é unha inundación de fantasía, da maxia e do colorido do espectáculo circense, nun espazo gris que lles dá a volta aos tópicos e que valeu para que Teresa González Costa se fixese co III Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil en 2008 e, ademais, atraese a atención do Teatro do Andamio para realizar a súa representación.
Uns personaxes dicotómicos que se enfrontan e fan que o desenvolvemento do acto sexa continuamente interrompido. Por unha banda a raíña con todo o seu protocolo -polo menos en aparencia- e pola outra os membros do Circo do Paraugas; Chapeu Torto -director-, Culleriña -funambulista-, Pelo Teso -mimo- e Zapatóns -pallaso- co seu espectáculo, que se ben noutro tempo fora esplendoroso agora se converteu nalgo decadente e cheo de pingueiras igual ca o castelo da raíña.
Cómpre salientar varios aspectos desta obra que, amais da orixinalidade e vivacidade -o ritmo do único acto que a compón é frenético-, transmite e recrea momentos musicais e especialmente máxicos cando a auga entra polas fendas e as pingueiras producen música ao caeren nas tarteiras, un son, mais ben un efecto, que dunha maneira abraiante é reproducido na lectura e que dende logo debe ser extraordinario de escoitármolo nunha boa representación, un algo semellante ao recurso musical da factoría do filme Dancing in the dark  de Lars Von Trier.
Á beira desta sonoridade resultan tamén rechamantes e divertidos os lapsus linguae da raíña que provocan a mofa do resto dos personaxes, e tamén de quen le, no intre que escoitan cousas como insolvente en lugar de insolente ou desenmascarado no canto de descarado. Esta tendencia ao disparate enriquece o texto e incide nese camiño cara á recreación do caos.
É tamén salientable a caracterización dos personaxes que, lonxe de caer no exceso, amosa tópicos -coma o do maimiño erguido- que describen dende a súa sinxeleza caracteres sociais doados de identificar, ou fermosas imaxes como a da funambulista na cunca e a da carpa paraugas.
Caos e desorde perfectamente ordenados nun texto divertido para rapaces e rapazas. Paula Fernández

Texto publicado en «Faro das Letras», suplemento de Faro de Vigo, 26-11-2009

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

A novela «Os días ocultos» de Daniel Ameixeiro recomendada por Antón Baamonde

25 novembro 2009

Blogs, Críticas, Narrativa, Opinións_lectores/as

Ramón Piñeiro. Os días ocultos ( Ed. Xerais, 2009) é o título dunha pequena novela de Daniel Ameixeiro. Lese con moito agrado e de corrido -eu fíxeno no tren Santiago-Vigo- e constitúe unha pequena e magnífica lección de historia de Galicia.
Quen o lea terá nese texto unha especie de retrato dun período e dunhas xentes que talvez se equivocaron, ou non fixeron o que se supoñía que tiñan que facer -eu cóntome entre os que supoñen iso- pero que estiveron aí cando poucos tiñan o valor e a coraxe de facelo.
Os días ocultos intentan retratar a atmosfera de posguerra no ambiente do galeguismo do momento. É unha novela escrita con moita simpatía e cariño por Ramón Piñeiro e Victor Campio, os dous protagonistas. So iso fai do libro unha circunstancia rara porque, como todo o mundo sabe, Piñeiro en particular esta fora do Panteón e non se merece comprensión algunha. Só ira e reprobación.
Ira e reprobación que, na maior parte dos casos, provén de xente sentada no seu sofá e que non ten nin idea xa non de en qué podía consistir a represión franquista senón outra cousa menor, pero talvez moralmente máis importante: o baleiro en torno a sí dos que intentaban facer algo.
Agora podemos saber exactamente o período que pasou Piñeiro no cárcere http://www.xornal.com/artigo/2009/11/20/... o que non podemos saber é canta xente lle dixo “non”, o reducido dos vimbios cos que intentou facer primeiro un cesto. Non hai que enganarse, nese período o medo era grande, e as persoas que estaban dispostas a xogarse o tipo ou a profesión eran máis que escasas.
A Xaime Illa Couto oínlle dicir un día de alguén que facía fachenda do seu nacionalismo, unha vez morto Franco, lonxe os perigos “!Quen o soubera ¡”.
Como todos sabemos, e meu pai repetía, “O falar non ten cancelas”. Antón Baamonde

Texto publicado no blog «O café na trincheira» de Antón Baamonde.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Mercurio» de Emilio Alonso, crítica de Ramón Nicolás en «Culturas»

24 novembro 2009

Críticas, Narrativa, Premios, Xerais_nos_medios

UN THRILLER SATÍRICO

Creo que foi o propio autor da novela, Emilio Alonso, quen definiu esta peza narrativa coma un “thriller satírico”. Confeso que nunca oíra falar dunha definición semellante, mais o certo é que, logo de achegarse a este Mercurio, cómpre darlle a razón a quen iso afirmou.
A novela sitúase, sen dúbida, dentro dese ámbito xenérico da ficción detectivesca, aínda que neste caso o protagonismo policial se substitúa polo dun reputado e mediático criminólogo e o conflito –no que non falta a presenza de corruptelas empresariais,  especulacións inmobiliarias, relacións sentimentais, vontades compradas  e, loxicamente, algún cadáver con incógnita- se resolva dun xeito que non sei se é moi canónico pero que resulta claramente efectivo. E o de “satírico” enténdase, se se quer, como “irónico” pois  que un dos méritos deste libro, a meu entender, é ese o pouso acedo que deitan as opinións do protagonista, espalladas aquí a acolá, mais que ispen conscientemente o espazo, e tamén a atmosfera, na que o conflito se deseña, isto é, a cidade de Lugo, que xa non é o necesario pano de fondo da intriga senón que adquire categoría protagónica.
Velaí como Lugo non é só a estrutura urbanística que rodea o fío argumental, antes ben os seus espazos públicos e privados, as súas xentes e os hábitos que a sombra da muralla parece proxectar nos propios personaxes de ficción e nas situacións que se crean ocupan, agora, o foco de interese que por veces despraza o detectivesco. E desde aí este criminólogo innomeado, dotado dun especial espírito crítico e analítico, malia recoñecer que Lugo, ou Lola -personaxe que é o contrapunto feminino da novela-, é a súa patria e a unha patria non se traizoa nunca, recrea para os lectores as singularidades da cidade e das súas xentes, o peso da tradición, os costumes inveterados..., adoptando un punto de vista un chisco acedo, afastado da hipocrisía e sempre retranqueiro para artellar unha visión crítica, por veces feroz, contra os prexuízos, convencións, compromisos, segredos ou “silencios cómplices”, tal e como o protagonista sinala, isto é, dando forma a unha reacción contra os convencionalismos vixentes que talvez cumpra entender como unha metáfora que vai máis alá da propia cidade e que se espalla, con forza propia, a outras sociedades, a outros tempos, a outros lugares...
Emilio Alonso, que optou por disfrazar ou desfigurar en ocasións nomes de persoas, xornais ou institucións e que noutros casos aparecen identificados claramente,  adáptase con soltura e habelencia no corsé espacial que esixe o galardón, medindo con acerto a dosificación da intriga. Por todo isto, Mercurio é unha novela ben recomendable que merecería ser a primeira doutras que deberían chegar ás mans dos lectores. Ramón Nicolás

Texto publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o 21 de novembro de 2009.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Anotacións máis antigas »