O ameno e desenfado diario dunha rapaza. Crítica de María Navarro sobre «Morgana a dos ollos verdes», de Pascual Alapont

12 Abril 2012

Club da ciencia,Críticas,Infantil

María Navarro publicou no Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Morgana a dos ollos verdes, de Pasqual Alapont.

Amena e desenfadada

Cara á madurez

Xa coñecemos a Morgana, a rapaza de once anos protagonista da serie do mesmo nome que, incluída na colección O club da ciencia, preséntalles aos cativos contidos e conceptos propios do terceiro ciclo de Primaria dunha forma amena e desenfadada para que poidan dalgunha maneira actualizar aquilo que foron escoitando e traballando ao longo do curso.

A modo de diario, Pasqual Alapont fai falar á rapaza non só das clases e do colexio senón tamén das teimas dos mestres, do comportamento e intervencións dos compañeiros, da forma de actuar dos pais e, como non, das reflexións–pensamentos– sentimentos que lle van xurdindo á moza e que van conformando o camiño cara á madurez física e emocional de quen busca unha explicación practicamente a todo o que a rodea.

As explicacións sinxelas ás que asistimos ben sexan de matemáticas, coñecemento do medio ou lingua ofrecen unha idea máis ou menos axustada da forma de entender os conceptos que os mestres imparten e, ao mesmo tempo, indican que a interpretación que fan os alumnos, ás veces, distan moito do impartido.

Agora ben, para a nosa tranquilidade é sempre unha minoría a que non segue as explicacións, porque os seus centros de interese non coinciden co que se lles ofrece.

Por outra banda, a inclusión de elementos nos que actualmente se manexan os mozos, como as “xa non” novas tecnoloxías, fai se cabe máis atractivo o texto.

María Navarro

Chuzame! A Facebook A Twitter