«Chegamos despois a unha terra gris», de Raúl Dans, Premio AELG ao mellor texto teatral

7 Maio 2012

Biblioteca Dramática Galega,Premios

Chegamos despois a unha terra gris, de Raúl Dans, foi elixido na noite do sábado Premio AELG ao mellor texto teatral durante a Cea das Letras que se celebrou en Santiago de Compostela.

Raúl Dans fai un retrato desapiadado dun núcleo familiar en descomposición, en cuxo centro está Helena, esposa e nai, presa da insatisfacción e a amargura, ante o reto de afrontar unha batalla contra o destino mentres todo o seu universo se derruba. Teatro de personaxes, da palabra como arma, da trama como revelación. Velaquí un drama de feitura clásica poboado de perdedores e antiheroes modernos, mulleres e homes na busca do obxectivo máis lexítimo do ser humano: a conquista da felicidade. As relacións de parella, entre pais e fillos, os vencellos que nos unen ás persoas, a natureza deses vínculos e as súas escravitudes, o inexorable paso do tempo, as frustracións, o fracaso e as débiles esperanzas que nos manteñen con vida. En Chegamos despois a unha terra gris hai tamén unha reflexión sobre a verdadeira identidade das persoas, sobre ese ser desprezable que aniña en cada un de nós, ese ser que nos emperramos en negar, pero que somos, en realidade, máis que aquel outro que quixeramos ser ou aparentamos ser ante os demais. Algunhas historias pretenden iluminar as zonas escuras da alma humana. En palabras do propio autor, Chegamos despois a unha terra gris penetra nesas zonas escuras para perderse nelas.

O fallo dos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María de teatro para Marcos Abalde e Paula Carballeira crean expetación

12 Decembro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Noticias,Premios,Teatro

É moi significativa a notoriedade que tivo nos medios de comunicación o fallo do XX Premio Álvaro Cunqueiro e do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, que publicará Xerais nos vindeiros meses, tal e como pode verse neste pequeno dosier en pdf, así como as expectación que espertaron. O primeiro gañouno Marcos Abalde, coa obra A cegueira, e o segundo gañouno Paula Carballeira coa obra O refugallo.

Reproducimos a nova publicada en LG3, Culturagalega.org, onde, ademais, pódese escoitar a voz dos autores falando das súas propias obras.

 

PAULA CARBALLEIRA FAISE CO MANUEL MARíA MENTRES O BARRIGA VERDE QUEDOU DESERTO

Marcos Abalde gaña o Álvaro Cunqueiro cun texto poético situado nun contexto bélico

“Un texto moi pouco complacente, situado nun contexto de guerra onde se desenvolve unha cerimonia eucarística” así explicou Marcos Abalde (Vigo, 1982) o ambiente no que se sitúa o seu texto, A cegueira, elixido por maioría como o gañador do XX Premio Álvaro Cunqueiro. O premio está dotado de 6.000 euros máis a “posibilidade” (se existe orzamento) de publicar o texto dentro da colección Biblioteca Dramática Galega que a Agadic, convocante do premio, coedita con Edicións Xerais de Galicia. O texto será publicado en catro meses, tal e como comentaron fontes de Agadic. Paula Carballeira gañou o Manuel María de literatura dramática infantil, mentes o xurado declarou desertas “por unanimidade” as dúas modalidades do premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques. 

O premio de teatro Manuel María de literatura dramática infantil recaeu “por maioría” na autora Paula Carballeira sobre un texto que, en palabras da gañadora, “fala do que se prescinde e se tira, como pode ser a cultura ou o teatro nestes tempos.. que se reconstrúe a través da capacidade que teñen os nenos de imaxinar”. Para a autora, os 6.000 euros de premio “serviranlle á miña compañía, Berrobambán, poder facer os nosos textos e asumir outros proxectos máis arriscados, polo que estou moi contenta”.

Pola contra, Anxo Abuín, profesor da Universidade de Santiago e presidente do xurado, asegurou que “por unanimidade” decidiron declarar desertos os textos presentados ao Premio Barriga Verde de Monicreques nas súas modalidades. “o xurado tomou esta decisión porque as obras non tiñan calidade literaria e a viabilidade escénica.

«Os reloxos preguiceiros de Néboa», de Xavier Lama: anotación en Trafegando ronseis

7 Decembro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Blogs,Críticas,Teatro

O blog Trafegando ronseis publica unha anotación de sobre Os reloxos preguiceiros de Néboa, de Xavier Lama.

 

Na miña procura de textos teatrais para o meu alumnado chego a este Os reloxos preguiceiros da néboa de Xavier Lama, publicado pola editorial Xerais, V Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2010. Un libro que me gusta xa dende o propio título, tan suxestivo, e que nos ofrece un divertido texto sobre unha cidade, Néboa, que vive no caos máis absoluto porque os reloxos non funcionan e porque unha brétema absoluta non deixa orientarse aos seus cidadáns. Como boa cidade que se precie, a súa alcaldesa é a máis preocupada coa situación, polo que decide buscar unha detective que lle axude a resolver o enigma. E así procúrase unha atmosfera intrigante.

Ten dende o meu punto de vista un fallo final ao utilizar unha frase moralina que adoitamos atopar na literatura infantil e xuvenil:
“En realidade, para sobrevivir necesitamos que os nenos e os maiores non dediquen algún tempo da súa imaxinación. Desculpe o que lle vou dicir, pero as videoconsolas, os ordenadores, a televisión e as súas series animadas con personaxes de fantasía coleccionables, os xogos de ordenadores… todo iso xa imaxina por eles. Pero nós necesitamos que alguén conte un conto ou lea un libro e que nos imaxinen, cada un ao seu xeito, para que poidamos seguir vivindo”.
Non esquezamos falar das ilustracións de Xosé Tomás que acompañan o texto, axudantes de dirección desta obra teatral.

«Os reloxos preguiceiros da néboa», de Xavier Lama, selo de calidade de Gálix

21 Outubro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Infantil,Noticias

Os reloxos preguiceiros da néboa, de Xavier Lama, foi recoñecido co selo de calidade de Gálix.

V Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2010
Os reloxos preguiceiros da cidade de Néboa deixaron de calcular o tempo. Este suceso desorienta aos habitantes da cidade onde unha brétema constante case non deixa ver o sol. A alcadesa Sabela Depresa, xunto coa súa colega detective Lupita Grande, tentará resolver este misterio e chegar á orixe deste extraño caso.

Mediante unha sucesión de peculiares personaxes coma Hipócrates Verruga, Baldomero Ninsesabe e o cociñeiro Chung Pataching créase unha atmosfera chea de intriga que se desenvolve en dez escenas, introducidas por un “Achegamento Argumental” dende o que queda patente o carácter dramático da obra e a súa idoneidade para ser representada.

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Chegamos despois a unha terra gris», de Raúl Dans

5 Outubro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Blogs,Críticas

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica de Chegamos despois a unha terra gris, de Raúl Dans.

A importancia da palabra no drama

Hai obras teatrais onde a palabra é fundamental. Fronte aos ensaios do teatro contemporáneo en que a montaxe ou os efectos escénicos son básicos, hai un tipo de teatro que se basea no diálogo dos personaxes, que ispen as súas almas fronte ao espectador. Esta obra de Raúl Dans é un bo exemplo deste tipo de teatro baseado na palabra.

Dans é xa un clásico do teatro galego, especialmente desde que escribiu Lugar (1994). Por certo, Lugar é elixida como unha das obras básicas por esa grande obra canonizadora da literatura galega que é o Diccionario da literatura galega. Obras (de Galaxia. Paradoxalmente, Dans non figura neste mesmo dicionario no tomo dedicado a Autores. Así de rigorosa é a nosa filoloxía académica). Agora con esta obra que comentamos, como xa fixera con Lugar, volve gañar o Premio Álvaro Cunqueiro 2010. E a fe que, tras a lectura da obra, non foi mala a elección do xurado, senón moi acaída.

Chegamos despois a unha terra gris inscríbise dentro dese teatro en que é fundamental o diálogo dos personaxes. Articulada en dous actos asistimos basicamente á vida de tres xeracións de mulleres (avoa, nai e neta) que viven de xeito insatisfactorio. Fronte ao tópico de que a maternidade realiza plenamente as mulleres, as tres mulleres de Chegamos despois a unha terra gris viven a experiencia de seren nais como algo traumático, pois as relacións nai-filla nunca son doadas, malia o cariño e amor que hai, iso é indubidable, entre nais e fillas.

Dun xeito acertado, o prologuista Xerardo Couto sinala que, como fan os personaxes do estadounidense Robert Frost, os personaxes desta obra de Dans, sobre todo as tres mulleres, atópanse ante un fracaso vital e pensan como podería ter sido a súa vida se nun determinado momento elixisen outra ou outras alternativas vitais. Helena decidiu coidar a filla e abandonou a pintura. Mais como sería a vida de Helena, se optase seguir coa pintura? Ben é certo que o amigo que optou por ser pintor tampouco parece feliz… Xa que logo, Dans ponnos ante o tema universal da angustia existencial que causa nas persoas a liberdade, a posibilidade de elixirmos o que queremos ser, pois non sabemos se acertaremos ou non. Por outra banda, se tivésemos elixido unha opción distinta, ao mellor tampouco conseguiriamos ser felices…

Tema que atravesa toda a obra é a dificultade das relacións en parella, que son vistas desde a perspectiva de catro mulleres: a avoa Pura, a nai Helena, a neta Luísa e mais a amante do marido de Helena, Raquel. Todas fracasan na súa relación amorosa, porque non coincide a imaxe que tiñan do home amado co que este era na realidade. Ou tamén, porque todos cambiamos ao longo do tempo e Andrés (o marido de Helena) no é xa o mesmo de cando era estudante revolucionario ao de agora, executivo dunha multinacional.

Por outra banda, a maternidade non é en ningún caso unha fonte de satisfaccións. Pura e Helena manteñen unha relación difícil, que se reproduce en Helena-Luísa. Pola súa banda, a maternidade en Luísa máis ca unha fonte de pracer é unha angustia que a leva ao consumo de tranquilizantes, mentres o seu marido Iván tarda en asumir a súa homosexualidade.

Os personaxes péchanse dentro de si mesmos e non se comunican cos outros. Entre marido-muller, amantes ou nais-fillas levántase o muro da incomunicación e todos pensan en como podería ser a súa vida máis feliz de ter elixido doutro xeito e non pensan no outro. Pero non porque sexan egoístas, senón porque a súa propia angustia non os deixa saír de si mesmos.

Na obra priman as mulleres. Realmente é un drama de mulleres e o espectador-lector sae coa conclusión de que, malia os esforzos feitos pola igualdade, os fillos e os vellos seguen a ser tarefas exclusivas das mulleres. Helena coida a filla e deixa a pintura, mentres o marido progresista se converte en executivo dunha multinacional. Pura e Helena coidan non só os fillos, senón tamén os anciáns dependentes. A neta Luísa asume, como a nai e a avoa, o coidado da súa filla, aínda bebé, Uxía, mentres o marido Iván tenta vivir pola súa conta… A historia da submisión feminina repítese, aínda que pasen os anos.

Hai que salientar tamén a mestría dos diálogos, escritos nun galego estándar coloquial, que resulta dunha gran verosimilitude.

Nestes tempos en que se representa tan pouco teatro, esta obra resulta doada de representar por basearse, como xa dixemos, no diálogo, por presentar moi poucos personaxes e mesmo por necesitar de moi poucos cambios de decorado. Tamén resulta doada para ser utilizada como teatro lido nas nosas clases de segundo ciclo de Secundaria e mais de Bacharelato. Os temas que trata e mesmo as teimas dos personaxes son adecuados para seren tratados nas clases non só de Lingua, senón de Historia, Filosofía ou Cidadanía (a falta de comunicación, a angustia existencial que provoca a liberdade e ter que elixir que vida queremos, o abandono do mundo rural, o problema social do coidado dos bebés e dos anciáns dependentes na nosa sociedade…) a partir da lectura en teatro lido por parte do alumnado.

En fin, obra ben feita de quen se ve que coñece o teatro por dentro e, especialmente, o teatro galego pois non require de grandes medios técnicos nin económicos para ser representada. Tamén é doada para ser usada como texto no ensino na variante de teatro lido.

Manuel Rodríguez Alonso

Crítica de Pilar Bendoiro sobre «Os reloxos preguiceiros de Néboa», de Xavier Lama

13 Setembro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Críticas

Pilar Bendoiro Mariño publica en El Correo Gallego unha recensión sobre sobre Os reloxos preguiceiros de Néboa, de Xavier Lama.

‘Os reloxos preguiceiros de Néboa’, un texto imaxinativo e cargado de intriga, recibiu o quinto premio á creación literaria

Francisco Xavier Lama López (Guntín, Lugo, 1962) é un autor cuxa produción literaria abarca tanto a literatura institucionalizada ou de adultos, pola que ten recibido galardóns como o Camiño de Santiago-Premio Xacobeo de teatro 1993, entre outros, como a Literatura Infantil e Xuvenil, na que non é menos destacado.

Así, Lama vén de recibir o V Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2010 por Os reloxos preguiceiros de Néboa (Xerais/Xunta de Galicia/Agadic, 2011), un galardón anual co que a Axencia Galega das Industrias Culturais promove a creación literaria de textos teatrais para o público máis novo orientados cara á representación, audiencia pola que ademais convoca o Premio Barriga Verde na súa modalidade de Infantil.

Cidade de néboa. Os reloxos preguiceiros de Néboa achega a historia caótica da cidade de Néboa por non poder calcular o tempo xa que os seus reloxos deixaron de contar as horas, un estraño suceso que lles quita o sono aos habitantes ao perderen por completo a orientación nun emprazamento onde unha brétema constante case non deixa ver o sol. A máis desacougada dos personaxes é a alcaldesa, Sabela Depresa, a quen as queixas dos veciños a fan acudir ao enxeño da detective Lupita Grande para tentar resolver o misterio, mais na súa procura da verdade atópanse co estraño comportamento do encargado do sistema dos reloxos, Cuco Campá, Superreloxeiro Experto no Cómputo do Tempo Todo.

Mediante unha sucesión de personaxes, tan intrigantes e peculiares como os mencionados, aos que se lles suman o eminente Doutor de homes e máquinas Hipócrates Verruga, o dono dun pazo Don Baldomero Ninsesabe de máis de trescentos anos de idade e o cociñeiro-adiviño Chung Pataching, desenfíase unha historia na que dimensións paralelas, seres estraños e enganos se mesturan para crear unha atmosfera chea de intriga.

As dez escenas que compoñen a peza veñen introducidas por un “Achegamento argumental” desde o que queda patente o seu carácter de texto dramático para ser representado dado que mediante el se contextualiza a historia, elemento principalmente útil de cara a crear a ambientación escénica precisa.

Peculiaridades. A este respecto contribúen tamén a relación de personaxes que se mencionan a seguir, na que se explican as peculiaridades das súas personalidades, as suxestións escénicas para o reparto de actores, a disposición dos elementos no escenario e a ambientación musical que acompaña o texto, cuxa melodía se ve ás veces potenciada polos moitos diálogos rimados.

Para rematar son de salientar as ilustracións de Xosé Tomás (Betanzos, A Coruña, 1971), de tons pasteis escuros e liñas redondeadas, que retratan os personaxes e escenarios de xeito esaxerado pero con certo dinamismo, e axudan a que o lector cree a imaxe mental duns elementos facilmente representables.

Pilar Bendoiro Mariño

Crítica de MF Vieites sobre «Chegamos despois a unha terra gris», de Raúl Dans

9 Setembro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Críticas

MF Vieites publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Chegamos despois a unha terra gris, de Raúl Dans.


Poética do desacougo e da derrota

A Galicia gris de Raúl Dans

Seguindo un pouco a estela de dramaturgos notables coma David Mamet (velaí Verdadero y falso, editado por Alba,en 2011), Raúl Dans (A Coruña, 1964), tamén quixo no seu día ofrecer unha sorte de compendio da súa tentativa poética, nun volume feito de retallos e traballos diversos, con finalidades varias, pero coa ineludible urxencia de explicar, xustificar, cuestionar ou debater aspectos centrais na creación dramática.
Confesións dun practicante, editada en 2004, leva o expresivo subtitulo de “As aventuras dun dramaturgo en Galicia”, e contén moitas claves para desentrañar a súa obra e considerar liñas e teimas nos planos temático e formal.
Tamén para entender o que implica escribir textos dramáticos nunha terra gris onde o teatro xa constitúe un artefacto cultural en perigo de extinción, pero onde é necesario como lugar no que escoitar algunhas agres verdades sobre nós mesmos. Mamet pertence a unha tradición dramática moi marcada polo realismo psicolóxico cunha orientación crítica, pois foi nese paradigma no que escribiron os seus mellores textos dramaturgos coma Eugene O’Neill, Arthur Miller, Tennessee Williams ou Sam Shepard, pezas cheas de seres marcados pola derrota, pola perda, pola ausencia. Pero na obra de Mamet tamén se deixa sentir a influencia da narración cinematográfica, que nos Estados Unidos de América está tan abeirada a un realismo que pode coller moitas direccións, entre elas esa crítica permanente a un soño americano inalcanzable para a maioría.
Aquí, nesta nova peza de Dans, tamén se fala de soños, só que o soño galego xamais foi de esperanza senón de derrota, marcada por uns camiños da vida que só agochan tebras das que con cabe fuxir, como lembra Xerardo Couto na presentación.
Dans recolleu en 2008 boa parte da súa dramática breve nun volume titulado, precisamente, Nun mundo hostil, onde presenta textos diversos, escritos en rexistros diferentes, con liñas argumentais dispares, pero informados coa mesma mirada crítica, con ese profundo desacougo existencial que arrefría o sangue dos derrotados. Tal vez Raúl Dans teña unha conciencia certa, coma tantas outras persoas, de habitar un país onde para as xentes do común, para os galegos e galegas de a pé, só é posible ese desacougo que adormece as conciencias, sabedoras de que a derrota nos acompaña desde sempre e para sempre. Xustamente un dos seus textos máis interesantes, co que gaña o prestixioso Premio Born, titúlase Derrota.
Como se sinala na capa deste novo volume que contén a peza titulada Chegamos despois a unha terra gris, estamos ante un retrato desapiadado e esfiañado de todos e todas nós, construído con esa sólida carpintería do mellor realismo e facendo da palabra xusta e precisa, e do diálogo fluído pero aberto a todo tipo de elipses, as ferramentas básicas no tratamento dunha materia dramática que nos sitúa ante os innúmeros camiños que levan á soedade máis absoluta. Unha terra gris que mostra todas esas zonas escuras que habitamos e polas que transitamos un día si e ao outro tamén, pois coma sinala Luísa case rematando a peza, “hai cousas que un non pode controlar”, porque, insiste, “nin sequera é posible ser quen queres ser”.
As palabras case últimas de Luísa, dan conta dese soño imposible que nin paga a pena soñar pois, mesmo soñando, os mundos oníricos se tornan grises, escuros, agres.
Dan conta tamén do afundimento de toda esperanza, mentres por todas partes agroman eses lamentos longos e atormentados que emerxen do máis profundo das tebras e que día a día tinxen esta terra gris da máis mesta negrume. Realismo acedo, e crítico.
Historias persoais que dan conta dunha enorme derrota colectiva, e do absurda que se pode tornar a existencia.

Sen esperanza, sen futuro

A figura central deste retablo de derrota é Helena, unha muller que padece un cancro que a come por dentro e por fóra, ás presas, e que lle fai lembrar unha vida chea de penalidades e renuncias,de silencios e mentiras. Unha vida ben semellante á que viviu súa nai e á que sofre a súa filla, poderoso triángulo feminino que tamén dá conta das relacións non sempre doadas entre persoas que curiosamente padecen os mesmos padecementos, e que refiren unhas relacións de familia cheas de paradoxos e patoloxías.
Coma tantas outras mulleres, Helena abandona todo polo home e pola familia, sacrifica a súa carreira pola carreira dos demais, tal e como o fixo súa nai, e tal e como o está a facer a súa filla, que se inicia na maternidade coa mesma indefensión e inseguridade
de tantas e tantas mulleres, que afirman así, sen querelo ou sen se poder rebelar, a súa dependencia e submisión. Ao remate, da vida, só lles queda unha presa de area que voa co vento. Polo medio hai outras derrotas, outros personaxes igualmente feridos, algunhas situacións dunha violencia extrema. Como acontece todos os días a todas as horas neste terra ferida. Non hai futuro, certamente, non o hai para os máis.

MF Vieites

Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «Chegamos despois a unha terra gris», de Raúl Dans

23 Agosto 2011

Biblioteca Dramática Galega,Blogs,Críticas,Teatro

Xosé Manuel Eyré publica no seu blog unha recensión crítica sobre sobre Chegamos despois a unha terra gris, de Raúl Dans.

OS AFECTOS, A VIDA E A POESÍA: TEATRO PARA HOXE

Imos falar do texto vencedor do  Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2010.

Un texto que propón unha vigorosa posta en esecena, pois é unha traxedia envolvente da que o espectador/lector non pode fuxir. Sempre se cuestionará até que punto o que está lendo/vendo é  só un caso exemplificante e hipotético. Porque o espectador/lector entra na obra, nesta representación da vida, desde os primeiros diálogos, malia estes non seren nada amábeis senón todo o contrario, pois achegan unha realidade dura, repleta de enfrontamentos. Onde máis que o que din as personaxes, máis que o que fan, importa a razón, o porqué do que fan e din. E velaí xeito de estimular a participación do espectador/lector, unha estimulación que resulta moi efectiva á par de que é imprescindíbel para un texto teatral cosolidar o seu achegamento á vida, de inserirse xa non só como interlocutor ( que é algo máis que espello) da vida senón como parte súa. A vida, único escenario onde pasa todo, o que se ve, o que se sente, o que se pensa, e o que non se ve mais fai sentir, mais fai ( ou debe facer) pensar

A peza presenta dúas, unha urbana e outra rural, partes baixo un único título. Volveremos despois sobre iso. E non é anecdótico este repartimento aínda que, digámolo xa, tampouco resulta decisivo. Na primeira aparece unha Helena nada amábel nin con quen con ela o é, nin con estranos nin con familiares ( marido, filla, neta), unha personaxe envolta nun caparazón de dureza, de imexpugnabilidade e dolor, unha personaxe que padece cancro, esa enfermidade terminal, que che pon diante a derradeira estación, esa que non podes evitar e te obriga a repensar o mundo, un mundo onde non estás cómodo. Significativamentem esta parte remata cunha conversa con Antón, vello amigo de Helena, pintor ( a pintura era unha das ansias motrices da vida anterior de Helena), onde a arte aparece ao lado da vida, como prolongación súa, facendo parte do mundo dos afectos das perosas, o mundo relacional das persoas non se esgota na inter-relación entre elas senón que a arte tamém forma parte.

Logo, na segunda parte, Helena aparece en ambiente rural. É como unha volta ás orixes…tentando ir cara adiante, indo cara adiante. Dous ambientes para a universalidade, o urbano e o rural, nesta orde. O rural como retorno. E esta Helena da segunda parte tampouco logra conxeniar nin coa nai, nin cos vecinos.

Helena é unha personaxe que leva o conflito consigo, notoriamente, desde o inicio.Mais non é única. O conflito está instalado tamén nas demais personaxes, na do marido (Andrés, realmente namorado doutra muller), na de Luísa ( filla, que deixou atrás un amor frustrado), na da nai (Pura, que viviu unhavida dura, e nela os desafectos da segunda nai), na de Raquel ( que sufriu un abandono e ten ánimo de venganza xustificativa), na de Martín ( veciño, obxecto de desexo do que pouco se coñecen os desexos, misterioso), sendo Iván e Antón que mellor parados ( mais que tampouco se libran, tamén son atinxidos).

Deste xeito a peza organízase a redor dunha serie de conceptos temáticos. A vida, o amor, as oportunidades e asfixia, a liberdade e a arte. Que están sempre presentes, e non ten  porque ser obrigatoriamente nesa orde. Os conceptos desde os que se logra, ou non, a realización persoal.

Xerardo Couto, no limiar, lembra The Road Not Taken, e Robert Frost. Unha cousa é imoprtante, xa o dixemos, a capacidade de porlongación que o lector/espectador sexa quen de proxectar/sentir a proxección. Porque é, en definitiva, o que distingue aqueles textos que valen a pena. E que xa está, no texto de Raúl Dans, desde o mesmo comezo. No título. Un título que non se refire a parte da trama senón que a englona toda e ten sentido metafórico. Igual que toda a proposta en si, e sendo desnecesario recuncar, polos recovecos do texto, nela.

Unha cousa máis a mencionar. O remate. Non hai un remate conclusivo. Non hai unha mensaxe definíbel, enunciábel, fóra de reclamar reflexión sobre o que facemos e dicimos, porque iso, a fin de contas, é o que somos, o que abre os camiños que somos.

Teatro para hoxe. Para sempre o teatro. Ás veces hai máis vida no teatro que na rúa.

Xosé Manuel Eyré

«Limpeza de sangue», de Rubén Ruibal, será levada ao cine por Filmanova

Biblioteca Dramática Galega,Cine,Noticias,Teatro

Limpeza de sangue, a obra de teatro de Rubén Ruibal que fora galadardoada co Premio Álvaro Cunqueiro e posteriormente co Premio Nacional de Teatro, será levada ao cine por Filmanova, segundo informa Alberto Ramos no Xornal de Galicia: «A produtora Filmanova está a desenvolver o proxecto para que a obra teatral escrita por Ruibal chegue á gran pantalla. Polo momento, a futura película está nunha fase inicial e estase a levar a cabo a adaptación do guión. “Jacobo Paz está a traballar no guión e imos a facer todo co máximo respecto á historia do texto orixinal. Imos facer unha película cuxa produción sexa 100% galega”, explica Antón Reixa, de Filmanova, que engade que a intención da produtora é comezar a rodaxe “en 2012 ou en 2013, como moi tarde». Máis información aquí.

Crítica de Armando Requeixo sobre «Os reloxos preguiceiros de Néboa», de Xavier Lama

Biblioteca Dramática Galega,Crónica,Infantil,Teatro

O crítico Armando Requeixo publicou no seu blog unha recensión crítica sobre Os reloxos preguiceiros de Néboa, de Xavier Lama.

Tempo de soños

Os reloxos preguiceiros de Néboa é o título co que o escritor guntinés Xavier Lama gañou o V Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2010 e que agora ve luz da man de Edicións Xerais e a AGADIC.

A peza, formalmente moi dúctil e con didascalias e introito especialmente deseñados para facilitar a posible posta en escena, ofrece un retablo non moi extenso de personaxes que sostén unha trama divertidísima na que a intriga, o misterio e o humor se alían para conformar un enredo de impedimenta fantástica e moralizante mensaxe final.

Inseríndose na mellor tradición paneuropea de arquetipos do marabilloso literaturizado, Lama consegue recrear unha moi entretida historia onde os diálogos van tecendo complicidades co elemento musical —que na obra se concreta en letras de raps, hip hops e rocks entoados por diversos personaxes— e, sobre todo, coas moi suxestivas ilustracións de Xosé Tomás, quen plasmou tan acaidamente o mundo tracexado na escrita por Lama que, logo de contemplalas, se fai máis que difícil visualizar mentalmente o mundo recreado sen poñerlle as cores, os rostros, a luz dos seus debuxos.

Para os cativos da casa e para os grandes que aínda non perderon a inocencia de vivir os soños, este Os reloxos preguiceiros de Néboa de Xavier Lama é un galano que aledará coa súa lectura e que, se algunha compañía se anima a representala —o que sería grande nova e non menor acerto—, de seguro cativaría os seus espectadores.

Armando Requeixo

Crítica de Paula Fernández sobre «Os reloxos preguiceiros», de Xavier Lama

1 Xullo 2011

Biblioteca Dramática Galega,Críticas,Infantil,Teatro

Paula Fernández publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Os reloxos preguiceiros de Néboa, de Xavier Lama,

Sorprendente desenlace

Humor e axilidade

Coa publicación de Os reloxos preguiceiros de Néboa, Xavier Lama (Santa Euxea, Guntín, 1962) conseguiu acadar o V Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. Lama atinxiu semellante galardón grazas á orixinalidade que conquistou o xurado, e que parte dunha situación caótica na cidade de Néboa: unha confusión tal que obriga a un ritmo frenético para quen le dende o comezo até o fin.
O orixinal argumento deste texto gobernado pola fantasía –que vén acompañado, ademais, das ilustracións da man de José Tomás nas cales predomina un austero, pero ben intenso xogo cromático– preséntanos, entón,a Néboa: unha cidade na que reina o caos,un espazo onde os reloxos deixaron de funcionar,ninguén sabe por que, pero cuxos efectos sobre alcaldesa e mais no conxunto da poboación se manifestan en forma de furia e pesadelos.A procura da solución a este problema levará de cabeza a Lupita Grande e a Hipócrates Verruga, até chegarmos a un desenlace sorprendente que amosa unha reivindicación aínda máis incrible que a que parecía existir no comezo.
O misterio dende o aparente absurdo e os característicos e numerosos personaxes, cativadores pola súa extravagancia, enchen a obra dun ton humorístico que non desapareceen ningunha escena. Un ton que ligado ao ritmo áxil dos diálogos, dos versos recitados no medio destes e damúsica proposta fan desta unha lectura moi divertida merecedora sen dúbida do recoñecemento acadado.Os lectores de certo que haberían de gozar tamén coa súa representació: todo un reto para quen se atreva!

Crítica de Miguel Sande sobre «Chegamos despois a unha terra gris», de Raúl Dans

14 Xuño 2011

Biblioteca Dramática Galega,Críticas

Miguel Sande publicou a pasada fin de semana nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, unha recensión crítica sobre Chegamos despois a unha terra gris, de Raúl Dans, publicado na Biblioteca Dramática Galega. Publicamos algúns parágrafos:

Hai libros de teatro que se deixan ler mellor que moitas novelas. Gústame quen intenta saltar por riba dos xéneros en cada texto. Para min que este de Raúl Dans é un deses libros de teatro que se le con interese e ata con facilidade. Que ninguén se asuste, nin que sexa teatro.

Dise na contracapa que Raúl Dans fai un retrato despiadado dun núcleo familiar en descomposición, e é certo. Para que vou tentar dicilo doutra maneira se mo dan feito e ademais con acerto. Ten dureza este texto, un texto que pretende con palabras con efecto barrena afondar nas convencións e, en particular, na cabeza de cada lector. Os grandes textos literarios tamén poden ser de teatro, por que non.

Aquí o que importa de verdade son as relacións entre os personaxes, as relacións de familia, as súas frustracións, a hipocrisía. Dans ofrece un texto coidado, non me canso de dicilo, literario, con diálogos directos, duros, que manteñen a pulsión no texto e no lector. Nada, que xa tiña ganas de escribir sobre teatro.

Miguel Sande

Pódese ler a recensión completa aquí.

«Os reloxos preguiceiros de Néboa», de Xavier Lama, novidade do mes de xuño

10 Xuño 2011

Biblioteca Dramática Galega,Novidades

Os reloxos preguiceiros de Néboa, de Xavier Lama, Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2010, é unha das novidades de Xerais para o mes de xuño.

Na cidade de Néboa vívese unha aparente rebelión de todos os reloxos, que deixan de contar o tempo. A alcaldesa Sabela Depresa e centos dos seus concidadáns teñen pesadelos cos reloxos, con moreas de reloxos que se lles aparecen nas noites invernais, mentres dormen, reivindicando a súa galbana ou a súa rebeldía. O Superreloxeiro Experto no Cómputo do Tempo Todo, don Cuco Campá, é o encargado de todo o sistema que mide o tempo en Néboa e ten un trato especial cos seus reloxos parlantes. A través del comezamos a intuír todo un mundo de misterios e segredos marabillosos. A detective Lupita Grande e o doutor Hipócrates Verruga contribuirán a desvelar que alguén está manipulando os reloxos co fin de impedirlles contar o tempo. Detrás desa situación albíscase un boicot de grandes dimensións sobre o que converxen moitos misterios. A partir de aí van xurdindo personaxes, digamos… especiais, ou mellor sería dicir moi especiais. É o caso do cociñeiro chinés Chung Pataching, ou do propietario do pazo señorial de Néboa, o tricentenario don Baldomero Ninsesabe, que axudarán a desentoldar claves aparentemente incomprensibles.

Xavier Lama (Santa Euxea-Guntín, 1962). Estudou Ciencias da Información en Madrid e foi un rostros coñecidos dos informativos da Televisión de Galicia. O seu labor xornalístico ten sido recoñecido con diversos galardóns, entre os que figura o Mirador de la Complutense, Air France para novos periodistas, o Premio Galicia de Comunicación en 1989 e a Pluma de Ouro do I Premio Borobó en 2009. Como poeta ten publicadas: O fotógrafo Helmut Newton ten unha visión da eternidade (2003); Tigres como Fausto con ollos de bruma (2006). Accésit Premio Esquío; Melancolía líquida da idade das vacas (2008). Premio Esquío e Cabalos do Alén. Premio Miguel González Garcés. Como narrador gañou o Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa coa novela Os moradores da nada (1995). Como autor dramático ten publicados: O peregrino errante que cansou ó demo (1994). Premio Camiño de Santiago; O serodio remordemento do amor (1996). Premio Rafael Dieste; Memoria de Antígona con Quico Cadaval (1998) e Os reloxos preguiceiros de Néboa (Xerais, 2011). Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil en 2010.

Crítica de Armando Requeixo sobre «Chegamos despois a unha terra gris», de Raúl Dans

26 Maio 2011

Biblioteca Dramática Galega,Críticas

O crítico Armando Requeixo publica hoxe no seu blog unha recensión sobre Chegamos despois a unha terra gris, de Raúl Dans, publicado na Biblioteca Dramática Galega. Reproducímola integramente:

Familias grises

A estas alturas, no mundo da dramaturxia galega o nome de Raúl Dans non necesita de presentación. Recoñecido por público e crítica, multipremiado e distinguido, a súa traxectoria aválao como un verdadeiro factótum do eido escénico no que se ten atrevido practicamente con todo: a elaboración de guións para cine e televisión, o labor de actor, a dobraxe, a escrita de diálogos e argumentos para series e longametraxes…

A última das propostas teatrais de Dans é Chegamos despois a unha terra gris, peza de crúa realidade onde o abafo do infortunio o asolaga todo: o cancro, a incomprensión, o desamor, o alzheimer, a traizón ou a incomunicación son outros tantos estigmas que ulceran as almas dos personaxes, inmobilizados polas trapelas que eles mesmos crearon para si ou apresados nas trampas ás que o destino os condenou.

Os diálogos de Chegamos despois a unha terra gris son todo un exercicio de radiación ultrarreal, como se uns raios X atravesasen a derme hipócrita dos personaxes ata espir no máis íntimo a horrible imaxe do seu interior, ese retrato wildeano que todos ocultamos e que latexa, ao asexo, como un tabeirón famento.

Hai moito de moderno fatum nestas planas, representables, por suposto, pero esixentes na textualidade a oralizar e fortemente simbólicas na escenarística a dispor.

Desapiadada, amargue e antiheroica, esta sátira dos vincallos familiares e as súas escravitudes ofrece un doloroso retrato do universo relacional humano e as miserias que o escurecen.

Armando Requeixo

«Chegamos despois a unha terra gris», de Raúl Dans, novidade do mes de marzo

21 Marzo 2011

Biblioteca Dramática Galega,Novidades,Teatro

O libro Chegamos despois a unha terra grisi, de Raúl Dans é unha das novidades de Xerais do mes de marzo. Trátase do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2010, que Xerais coedita con AGADIC.

Raúl Dans fai un retrato desapiadado dun núcleo familiar en descomposición, en cuxo centro está Helena, esposa e nai, presa da insatisfacción e a amargura, ante o reto de afrontar unha batalla contra o destino mentres todo o seu universo se derruba.
Teatro de personaxes, da palabra como arma, da trama como revelación. Velaquí un drama de feitura clásica poboado de perdedores e antiheroes modernos, mulleres e homes na busca do obxectivo máis lexítimo do ser humano: a conquista da felicidade.
As relacións de parella, entre pais e fillos, os vencellos que nos unen ás persoas, a natureza deses vínculos e as súas escravitudes, o inexorable paso do tempo, as frustracións, o fracaso e as débiles esperanzas que nos manteñen con vida.

En Chegamos despois a unha terra gris hai tamén unha reflexión sobre a verdadeira identidade das persoas, sobre ese ser desprezable que aniña en cada un de nós, ese ser que nos emperramos en negar, pero que somos, en realidade, máis que aquel outro que quixeramos ser ou aparentamos ser ante os demais.
Algunhas historias pretenden iluminar as zonas escuras da alma humana.

En palabras do propio autor, Chegamos despois a unha terra gris penetra nesas zonas escuras para perderse nelas.

«Limpeza de sangue», de Rubén Ruibal, represéntase mañá en Vigo a cargo de Espello Cóncavo

11 Febreiro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Premios,Teatro

Limpeza de sangue, a obra de Rubén Ruibal, publicada por Xerais, represéntase mañá en Vigo no Teatro Novacaixagalicia, ás 20,00 horas. A obra fora Premio Nacional de Literatura Dramática en 2006 e a súa posta en escena está a cargo da compañía Espello Cóncavo.
Limpeza de sangue merecera tamén o XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e está publicada na colección Biblioteca Dramátaica Galega, que a editorial coedita con AGADIC.

Artigo de Craig Patterson sobre «Limpeza de sangue», de Rubén Ruibal

21 Xaneiro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Premios

O xornal Galicia Hoxe publicou un artigo de opinión de Craig Patterson sobre o libro Limpeza de sangue, de Rubén Ruibal,  que reproducimos integramente:

Limpeza de sangue

Asistimos o sábado pasado con grande ánimo e ilusión á representación Limpeza de sangue no Teatro Rosalía de Castro na Coruña. Gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática en 2007, a obra supón un triunfo persoal do seu autor, Rubén Ruibal, e unha poderosa achegada á dramaturxia galega.

Comeza a obra cunha conversa entre ionquis, e remata cunha alusión ao enterro de Valle-Inclán e ás obras de Bolaño. A mestura de crítica social e humor negro non deixa de ser eficaz. Ese humor que transcende toda a obra é o que non a converte nunca en traxedia, senón unha ollada aos trasfondos sociais. Un humor moi galego, e moi coruñés en tanto se circunscribe nunha contorna claramente identificada coa Coruña. Porén, e ao mesmo tempo, acada universalidade. Ademais dunha crítica á corrupción e ás dobres varas de medir dunha sociedade hipócrita, a obra fala sobre todo do poder terríbel do azar, encarnado aquí na saúde. A analoxía que centra gran parte da posta en escena é a diálise en referencia á constante necesidade de achegármonos con novas perspectivas á realidade, tanto á nosa como á allea. A necesidade que teñen os dous protagonistas principais de limpar o sangue con incómoda frecuencia convértese nunha metáfora da nosa vulnerabilidade persoal e colectiva, onde a saúde é unha lotaría, do mesmo xeito que a clase social en que nacemos.

A diálise non che mellora a vida; é un parche que só che permite continuar nela. O personaxe non muda, ou non pode mudar, por moito que lle limpen o sangue. O individuo segue a estar condicionado pola contorna: os individuos que forman parte dela sempre lle van lembrar cun dediño cal é o seu sitio. A obra non deixa de ser pesimista ao non deixar ningunha saída positiva, agás a dura reflexión que nos fai ver que todos somos pezas dunha engrenaxe. Nese sentido, o sangue que flúe polas veas da obra de Rubén Ruibal si que fai ruído, moito ruído que nos compensa escoitar. A visión de Ruibal suxire un determinismo onde a saúde nos escolle a nós, e unha cosmovisión que plasma un mundo onde é difícil rebelarse contra as definicións, autodefinicións e estereotipos cos que nos marcan. Xa vai sendo hora de que lle outorguemos a Rubén Ruibal o lugar que lle corresponde no máis alto do teatro galego.

Craig Patterson

«Limpeza de sangue», de Rubén Ruibal, represéntase na Coruña a cargo de Espello Cóncavo

13 Xaneiro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Premios,Teatro

Limpeza de sangue, a obra de Rubén Ruibal, publicada por Xerais, represéntase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña mañá mércores e o próximo sábado, ás 20, 30 horas, tal e como informan algúns xornais. A obra fora Premio Nacional de Literatura Dramática en 2006 e a súa posta en escena está a cargo da compañía Espello Cóncavo.

Limpeza de sangue merecera tamén o XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e está publicada na colección Biblioteca Dramátaica Galega, que a editorial coedita con AGADIC.

Crítica de Paula Fernández sobre «Sopa de xarope de amora», de Xosé A. Neira Cruz

22 Novembro 2010

Biblioteca Dramática Galega,Infantil,Teatro

Paula Fernández publicou o pasado xoves no suplemento literario Faro da Cultura, do Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Sopa de xarope de amora, de Xosé A. Neira Cruz, baixo o título de «Divertida comedia» e o lema «Modernizando os contos clásicos»:

…Neira Cruz lle dá unha reviravolta modernizadora a personaxes e argumentos típicos dos contos clásicos para construír unha comedia disparata e, sen dúbida, divertida.

(…)

A obra apresenta moitas indicacións para unha representación que podería quedar completa e fermosa de empregar todos os recursos visuais e sonoros especificados nas acoutacións.

Pódese ler a recensión completa aquí.

Raúl Dans e Xavier Lama, premios Álvaro Cunqueiro de teatro e Manuel María de literatura dramática infantil

19 Outubro 2010

Biblioteca Dramática Galega,Noticias,Premios,Teatro

Os autores Raúl Dans e Xavier Lama resultaron galardoados onte cos premios Álvaro Cunqueiro de teatro e Manuel María de literatura dramática infantil. Tanto o texto de Raúl Dans, Chegamos despois a unha terra gris, como o de Xavier Lama, Os reloxos preguiceiros de Néboa, serán publicados por Xerais, en coedición con AGADIC, na colección Biblioteca Dramática Galega.

Chegamos despois a unha terra gris, a obra de Raúl Dans que mereceu o Álvaro Cunqueiro,  aborda as circunstancias dun núcleo familiar en descomposición, e está protragonizada por mulleres de diferentes idades. O xurado subliñou desta obra a súa «singular xenealoxía de mulleres de todas as idades», resaltando a actualidade do tema, que se contextualiza nun conflito de identidade. A maiores, o xurado resaltou a eficacia da sobriedade e a verosimilitude dos diálogos. A obra gañadora concédelle grande importancia á memoria como núcleo central da identidade dos individuos. En palabras do autor, esta obra fala «dos medos e das frustacións» peneirando as zonas escuras do ser humano.

Raúl Dans (A Coruña, 1964) xa publicara con Xerais a súa obra Nachtmahr, así como o texto premiado no I Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.

Os reloxos preguiceiros de Néboa, a obra Xavier Lama que mereceu o V Manuel María de Literatura Dramática Infantil, desenvólvese na cidade de Néboa durante unha «aparente rebelión» de todos os reloxos, que deixan de contar o tempo, ocasionando graves trastornos para os cidadáns. Ante esa situación, don Cuco Campá, o Superreloxeiro Experto no Cómputo do Tempo Todo, buscará a solución ao problema, que é un misterio, descubrindo unha morea de segredos. Trátase dunha obra marcada polo humor, que concidiona os diálogos e a acción, da que o xurado destacou «a orixinalidade do tema, a fantasía na concepción dos personaxes, o alto grao de elaboración literaria e a singularidade do mundo creado, entre outros aspectos». En palabras do autor, a súa obra fala «do concepto do tempo, dunha autoestrada infinita cara ao nunca máis».

Xavier Lama é xornalista, escritor e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

Estrea de «Limpeza de sangue», Premio Nacional de Literatura Dramática 2006

1 Outubro 2010

Autores,Biblioteca Dramática Galega,Premios,Teatro

Limpeza de sangue, a obra de Rubén Ruibal, publicada por Xerais, que fora Premio Nacional de Literatura Dramática en 2006 estréase este sábado ás 20:00 horas no Pazo da Cultura de Narón a cargo da compañía Espello Cóncavo. Limpeza de sangue merecera tamén o XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e está publicada na colección Biblioteca Dramátaica Galega, que a editorial coedita con AGADIC. Xornal de Galicia informa hoxe das dificultades que perseguiron a posta en escena desta obra.