Anxo Fariña, entrevista en «Faro de Vigo»: «A lectura é para divertirse»

18 Xuño 2011

2011,Adiantos_para_ler,Autores,Descargas,Entrevistas,Merlín,Premios,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Agatha de Santos entrevista na última páxina da edición impresa de Faro de Vigo de hoxe a Anxo Fariña, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2011. Un entrevista moi recomendable.

Aquí pode baixarse en pdf un fragmento do texto da obra gañadora.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Adianto dun capítulo do orixinal do Premio Merlín 2011, «A chave da Atlántida», de Anxo Fariña, para descargar en pdf

17 Xuño 2011

Adiantos_para_ler,Autores,Descargas,Merlín,Premios,Premios_Xerais

Hoxe poñemos a disposición dos lectores e lectoras un adianto dun capítulo do orixinal, aínda sen maquetar, do Premio Merlín 2011, A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, que pode descargarse en pdf.

Descargar aquí o capítulo 3 de A chave da Atántida

A chave da Atlántida, a obra gañadora da 26ª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, recupera o mito da busca da Atlántida, o continente perdido, asolagado, esa civilización antiga dos atalantes da que non se sabía en que parte do planeta quedou agochada.

Foron os científicos do chamado «Proxecto Prometeo» os que crearon A-cero, un ser humano artificial, un organismo sintético de silicio, un robot capaz de amosar curiosidade polos sentimentos humanos. Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa de Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos no que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes.

A chave da Atlántida é unha novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Escribir en nome propio», discurso de María Xosé Queizán

12 Xuño 2011

2011,Adiantos_para_ler,Autores,Discursos,Ensaio,Feminismo,Noticias,Poesía,Premios_Xerais

RECLAMOU COMO CLAVES PARA UNHA ESCRITORA DAR VISIBILIDADE Á PROPIA IDENTIDADE,FACER DO SEU SEXO OCULTO O VISIBLE, E CAPITALIZAR O DESEXO

A escritora María Xosé Queizán, como mantedora literaria dos Premios Xerais 2011, rememorou no seu discurso as trobairitz (o texto pode baixarse en pdf) as donas occitanas que no s. XII compuxeron cantigas na lírica medieval, unha xoia literaria que tería repercusión na cantiga de amor galega.

A autora de Amor de tango sinalou que «o asombroso da lírica occitana é que haxa estas mulleres compositoras. Produce estrañeza porque o Parnaso, dirixido polo patriarcado, está ocupado por homes que consideraron o Falo e o Logos como indicadores fundamentais da cultura universal. Negadas como suxeitas, as mulleres foron obxectas da literatura, e a fantasía masculina. Os poetas e escritores crearon o imaxinario. Por iso, que as mulleres deixen de ser obxectas de adoración do trobador e cheguen a tomar a palabra é, non so unha ousadía, senón un cambio radical na concepción de si mesmas. Abonda con asomarse á historia da literatura galega para ver a escaseza de escritoras até a época actual.»

A escritora viguesa reclamou como claves para unha escritora dar visibilidade á propia identidade, facer do seu sexo oculto, o visible, e capitalizar o desexo. «Na sociedade patriarcal o desexo é patrimonio masculino. Ao feminino correspóndelle a pasividade, a debilidade, a submisión, a beleza idealizada. Repasen a literatura galega, e poden comprobar que a inmensa maioría do protagonismo nos contos, nas novelas, téñeno os homes e os nenos. Poucas son as mulleres que asoman nos textos, e cando o fan, ou están idealizadas, ou son inferiores e nais sacrificadas. Nesta concepción do feminino, o desexo das mulleres é seren desexadas.»

María Xosé Queizán rematou a súa intervención lendo dúas das traducións destas trobairitz que ela traduciu para o galego e cantando a capela a cantiga de mendinho, o que constituíu un dos momentos máis emocionantes do serán.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Lois Pereiro. Breve encontro», adianto da novela gráfica de Jacobo Fernández Serrano

16 Maio 2011

Adiantos_para_ler,Cómic,Noticias,Novela gráfica,Novidades


Coincidindo coa celebración do 17 de maio, Xerais adianta 24 páxinas de Lois Pereiro. Breve encontro. Un achegamento comiqueiro á obra e vida do poeta, novela gráfica da que é autor Jacobo Fernández Serrano. Tras un demorado traballo de documentación, Jacobo ofrece un volume de 160 páxinas nas que percorre a biografía e a obra literaria de Lois Pereiro.

A edición da novela gráfica é froito dunha coedición de Xerais e da Consellaría de Cultura.

O libro chegará ás librarías a comezos do vindeiro mes de xuño.

O adianto da novela gráfica Lois Pereiro. Breve encontro pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O 1º capítulo de “Non hai noite tan longa” lido por Agustín Fernández Paz

9 Maio 2011

Adiantos_para_ler,Audios,Narrativa,Novidades

Podes escoitar aqui a lectura que Agustín Fernández Paz fai do primeiro capítulo de Non hai noite tan longa, a súa novela máis recente que chega hoxe ás librarías. Ademais, se é a túa preferencia lelo, podes baixar o texto en pdf.

Podes escoitalo aqui:  Escoitar o mp3

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xa se pode descargar o primeiro capítulo de «Resurrección», de Lea Tobery

4 Marzo 2011

Adiantos_para_ler,Autores,Noticias

Desde hoxe, pódese descargar o primeiro capítulo da novela Resurrección, de Lea Tobery, que Xerais publicará en galego simultaneamente a que o faga Ediciones B en castelán. A novela da autora de Alburquerque chegará ás librerías en dúas semanas.

Resurrección conta a historia de Emma, que aos seus dezasete anos, viviu unha experiencia próxima á morte. Nela non viu túneles luminosos nin nada semellante: pola contra, coñeceu un ser fascinante, Ethan, con quen axiña sentiu unha conexión especial, coma se por fin atopase a súa alma xemelga, o amor da súa vida… Pero, unha vez de volta á realidade, Ethan desaparece sen deixar rastro. ¿Era un anxo? ¿Unha ilusión? ¿Un soño?¿Ou alguén que lle traía unha mensaxe que podería cambiar a súa vida para sempre?

Lea Tobery criouse e vive en Alburquerque co seu marido. Ten 29 anos. Graduouse en Saúde e Servizos Sociais na New México State University. O seu interese polo máis alá e a súa paixón pola lectura das novelas de amor clásicas levouna a escribir Resurrección.

Descargar o primeiro capítulo de Resurección.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Rivas e o capitalismo máxico

1 Outubro 2010

Adiantos_para_ler,Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

A edición galega de El País inclúe hoxe unha extensa entrevista a dúas páxinas de Daniel Salgado con Manuel Rivas, con motivo da aparición, a próxima semana, da súa última novela Todo é silencio, da que se inclúe tamén o primeiro capítulo: «Manuel Rivas regresa á novela, con Todo é silencio. E faino para esculcar en como o narcotráfico condicionou a vida do litoral atlántico. ‘Con John Ford, gústame dicir que todo é facción, mais todo é verdade’, explica. Reproducimos algúns fragmentos entrevista:

“Non é un libro documental, como os grandes grandes traballos de Perfecto Conde ou Felipe Suárez sobre o tema, ou o traballo xornalístico de Elisa Lois ou Julio Fariñas”, argúe, “pero eu quería escribir unha boa historia, e iso implica verosimilitude”. Non hai referentes concretos en Todo é silencio e, porén, nada é mentira: “O mesmo escenario está prendido da realidade”.

“Brétema realmente está feita con anacos, con cachizas de diferentes paisaxes e trazos de diferentes lugares; é a cidade atlántica”, define, “e hai unha intención intemporal”.

O primeiro thriller de Manuel Rivas detense, 274 páxinas despois, xusto no minuto anterior á caída dos grandes capos arousanos da cocaína.

Primeiro foron as mulleres que cruzaban a fronteira portuguesa coas cadeiras engordadas polas bolsas de sal -”ían preñadas e volvían xa paridas”, ri Rivas. A internacionalización do mercado ilegal sucedeu durante a Segunda Guerra Mundial, no episodio do volframio común a Os libros arden mal e Todo é silencio. “Mariscal [o patriarca que domina a trama da novela] ironiza sobre o seu pai, de quen afirma que era autenticamente neutral”, relata, “porque vendía o mesmo volframio a ingleses e a alemáns”. Logo aparece o glamour do tabaco e o joni güolker que non pagaba xuros. Para o autor, aquilo foi un asunto de empaque, “case fashion“, nun país que apenas saía da pobreza ditatorial. “Pero a gran globalización represéntaa a cocaína”, conclúe.

Esta cronoloxía apurada do capitalismo totalmente desregulado opera na base da novela de Manuel Rivas. “Con todo, o importante non é a historia da mercadoría, senón como este proceso cambia e condiciona a vida das persoas”, explica, “e produce eses hábitos do capitalismo impaciente, un capitalismo máxico que se contrapón co que fai a maioría da xente”. Ao fondo dos traficantes de Brétema, as mariscadoras laboran metidas na auga até a cintura e algúns mariñeiros prefiren non empregar dinamita para acumular cartos máis rápido. O propio Mariscal resume a filosofía contrabandista: “Mentres se traballa, non se gaña diñeiro”.

“Tamén imos vendo o carácter destrutivo dese capitalismo delitivo, como vai penetrando, como vai manchando todo”, engade. E as primeiras vítimas, segundo a versión de Todo é silencio, chámanse Leda, Brinco, Chelín, Fins, os rapaces que ao longo dos 45 capítulos sintetizan os estragos dun modo específico de circulación da riqueza. O seu fado diverxe, aínda que sempre en relación ao corrupto becerro de ouro: a lei e a orde, o ionqui, a consorte do narco, o narco… “O importante é o que pasa con eles. Parece que os personaxes acaban dedicándose a iso porque o destino está neles”, describe.

Pero Galicia, ao cabo, non foi Sicilia. “Preguntouse moitas veces por que non”, di, “e houbo varias causas; a decisoria é porque a xente rompeu o silencio. Como as nais de maio, aquí foron unhas nais as que o fixeron. En Arxentina chamábanlles as tolas, aquí, as borrachas. Elas acabaron coa omertá“. Malia que este episodio xa conforma o fóra de campo da novela, é central para explicar o propósito de Manuel Rivas. Toda a obra xorde do silencio e a relación con el dos habitantes de Brétema.

“A literatura, para min, é destruír eses símbolos, tentar ver o que non se pode ver, unha maneira de conxurar o medo”. Tamén este fío cose Todo é silencio con Os libros arden mal e materialízase, por veces, na denuncia do eufemismo. Ese que leva a un policía da PIDE portuguesa a definir a tortura como “a procura de ausencia de conforto” no preso.

O ambiente colectivo que favoreceu o xurdimento do narcotráfico tamén ten a ver, segundo o escritor, co período que abranxe a súa anterior novela. “A banalización do mal, o queime ético, derivada de que un pobo viva nunha situación de sometemento, de humillación, como unha ditadura provoca un clima de inmoralidade pública”, esténdese, “e a delincuencia organizada que chamamos mafia é o resultado da inmoralidade pública. Velaí o hábitat ideal para que funcione a corrupción na alma dos personaxes”.

Rivas inventa sobre a marcha unha etiqueta e menciona “unha ecoloxía de serie negra”. “A paisaxe tampouco se libra da desfeita e iso vese ben no urbanismo”, comenta, ou nas técnicas ilegais de pesca ao comezo da novela. E non lle estraña o éxito de lectores do xénero policíaco que demostra a vaga nórdica de novelistas, os estadounidenses post-Ellroy ou, en Galicia, Diego Ameixeiras e, sobre todo, Domingo Villar. “A xente precisa esculcar e todos temos a sensación de que algo está oculto”, sinala, “nunha época que define un grafiti: ‘Tiñamos as respostas pero cambiáranos as preguntas”.

Manuel Rivas advirte, malia todo, contra a moda. “Tamén podemos ler hoxe o Quijote como serie negra, ou La Regenta, ou La Tribuna e Los pazos de Ulloa de Emilia Pardo Bazán”, asegura, “porque se adentran nas tebras, loitan contra ese poder que vira máis forte cando emprega a ocultación”. Só que na escrita de Todo é silencio actúa un matiz: o mecanismo do humor, da ironía. “A ironía permítenos exceder esa fronteira do inaccesíbel que atopas ao escribir e ir un pasiño máis alá”, aventúrase.

Daniel Salgado

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Randea do alento», a ferocidade do século XX na obra dunha Premio Nobel

28 Setembro 2010

Adiantos_para_ler,Narrativa,Premios,Traducións,Xerais_nos_medios

As páxinas de cultura do Galicia Hoxe recollen a publicación de Randea do alento, de Herta Müller, a segunda novela da Premio Nobel alemá que publica Xerais. Traducida ao galego por Marga do Val, Randea do alento relata a deportación da minoría alemá en Romanía aos campos de traballos forzados en Ucraína en xaneiro de 1945 a través das vivencias dun mozo de 17 anos, Leo Auberg. A pasada semana, Xerais adiantou a posibilidade de ler o primeiro capítulo da obra, así como a introdución da tradutora. O libro está xa nas librarías.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Asasinato no Consello Nacional» primeiro capítulo para ler

24 Setembro 2010

Adiantos_para_ler,Autores,Narrativa

Pódese baixar en pdf o primeiro capítulo de Asasinato no Consello Nacional, a próxima novela de Diego Ameixeiras, que tanta expectación está a levantar e que se centra no asasinato de Mario Dacosta, parlamentario do BNG, o día en que todo o Consello Nacional presenta a súa dimisión logo do resultado electoral no que o bipartito perde as eleccións. Asasinato no Consello Nacional chegará ás librarías na próxima semana.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Todo é silencio» de Manuel Rivas, adianto do segundo capítulo

19 Setembro 2010

Adiantos_para_ler,Autores,Narrativa,Noticias,Xerais_nos_medios

Faro de Vigo e La Opinión da Coruña adiantan hoxe o segundo capítulo de Todo é silencio, a novela de Manuel Rivas que aparecerá nas librarías galegas o vindeiro 14 de outubro. Unha novela profundamente fermosa chamada a ampliar a base de lectoras e lectores da novela galega.  Boa lectura deste adianto.

A páxina en pdf de Faro de Vigo pode baixarse aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Randea do alento» de Herta Müller, primeiro capítulo para ler

3 Setembro 2010

Adiantos_para_ler,Narrativa,Premios,Traducións

Pódense baixar en pdf as primeiras páxinas de Randea do alento, a novela máis recente de Herta Müller, Premio Nobel de Literatura 2009. O adianto inclúe a introdución de Marga do Val, a tradutora, e o primeiro capítulo da obra. Randea do alento chegará ás librarías na derradeira semana de setembro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Reckless. Carne de pedra» de Cornelia Funke, adianto dos dous primeiros capítulos

29 Xullo 2010

Adiantos_para_ler,Traducións,Xuvenil

Aquí poden baixarse en pdf os dous primeiros capítulos da fermosa tradución galega preparada por María Xesús Bello Rivas de Reckless. Carne de pedra de Cornelia Funke. Como adiantabamos hai dous días, a edición en galego de Xerais, aparecerá como o resto das que participan no lanzamento mundial, o vindeiro 14 de setembro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Chove prata en San Simón», discurso de Fina Casalderrey

13 Xuño 2010

Adiantos_para_ler,Autores,Noticias,Premios_Xerais,Vídeos

Foto de Pilar Ponte

«QUE NON SE BORRE A FALA QUE HERDAMOS EN CALQUERA RECUNCHO DO PLANETA ONDE NOS ATOPEMOS»

A escritora Fina Casalderrey, como mantedora literaria da velada dos Premios Xerais 2010, na que se celebraban os vinte e cinco anos dos Premios Merlín de Literatura Infantil, leu o discurso titulado «Chove prata en San Simón» (pódese baixar aquí en pdf) no que abordou a importancia da literatura infantil en Galicia e ás achegas que para o seu desenvolvemento supuxeron tanto o Premio Merlín como a colección Merlín de Xerais, tras máis de douscentos títulos editados. Utilizando o fío dunha conversa co mago Merlín, que dá nome a este Premio Literaria, Fina Casalderrey rematou a súa fermosa intervención con estas palabras:

Merlín, ti que coñeces os segredos dos silencios, pinta con tinta permanente a fala que herdamos dos nosos devanceiros para que ninguén nos borre, en calquera recuncho do planeta no que nos atopemos, a luz retroactiva da memoria e así poidamos seguir aprehendendo e soñando o mundo. Líbranos, definitivamente, dos eclipses dos días escuros, das albas de mentira e de discursos de auga bendita en cestos de vimbio; queremos solsticios de luz sen salvaxes pexas nos cabalos do monte, sen incendios provocados, sen corvos mariños de chapapote, sen emigrantes oprimidos, sen traficantes de palabras, sen traficantes, sen ditadores que sementen o terror, sen terroristas, sen violencia de xénero, sen violencia… Inunda os océanos e a terra toda dunha luz potente de verbas ateigadas de verdade que nos nutran de cordura e de tenrura, de respecto e de afecto, de xustiza sen días de sol frío e, sobre todo, pídoche que sigas a contribuír en devolvernos a fábula rota para que nunha explosión de xúbilo, individualmente, poidamos recuperar esas sereas da alma que son os soños que por dereito nos pertencen.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Denso recendo a salgado», primeira novela de Manuel Portas

3 Maio 2010

Adiantos_para_ler,Descargas,Narrativa,Noticias,Presentacións

O vindeiro xoves, 6 de abril, chegará ás casetas da Feira do Libro de Compostela os primeiros exemplares de Denso recendo a salgado, a novela coa que debuta en Xerais Narrativa o profesor Manuel Portas. Ese mesmo día, ás 20:00 horas na carpa da Feira presentarase a obra nun acto no que acompañarán ao autor Aurora Marco, Xosé A. Sánchez Bugallo, Manuel Bragado. Ao remate, a música Clara Pino (integrante de Cobalblue), tocará coa Harpa Celta o tema «Alalá do viquingo».

Denso recendo a salgado son os fragmentos dun espello escachado por un golpe; as páxinas dunha intensa novela con moitas novelas dentro; unha historia de historias fragmentarias e ocasionais, tecida con fíos multicolores de personaxes que se entrelazan dende unha aparente desconexión inicial para acabar nunha frenética sinfonía vital, tráxica e vibrante, trepidante, delicada, por veces romántica, e a un tempo crúa e dura como a realidade que lle serve de marco de referencia.

Ao longo da novela, aparecen vidas anónimas e singulares que teñen en común a pertenza a unha xeración de mozos e mozas nados nunha vila mariñeira que podería ser calquera das que se deitan na Ría de Arousa. Coas súas mudanzas de ritmo, cos panos de fondo das bateas, do narcotráfico e de Compostela, Denso recendo a salgado e como unha montaña rusa que nos fai sentir a vertixe da existencia.

O primeiro capítulo desta sorprendente novela pode baixarse en pdf aquí. Boa lectura!

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A intervención», nova novela de Teresa Moure, primeiro capítulo

27 Abril 2010

Adiantos_para_ler,Descargas,Narrativa,Presentacións

Tras a aclamadísima Herba moura, pola que obtivera o Premio Xerais de novela 2005, Benquerida catástrofe e Unha primavera para Aldara, volve aos andeis das librarías Teresa Moure con A intervención, unha novela na que aborda as relacións entre as artes e a natureza, cuestión que xa esculcara no seu ensaio máis recente O natural é político. Empregando unha coidadísima técnica de múltiple perspectiva, nesta súa cuarta novela Teresa Moure reúne a cinco persoas para formar un comando artístico que ten como obxectivo argallar unha performance nas montañas do Courel que sensibilice á cidadanía sobre as relacións entre a arte e natureza. Mentres levan a cabo o seu escrupuloso plano, a chegada inesperada dunha nova personaxe, unha psiquiatra vienesa, obrígaos a rexistrar por escrito as súas actividades clandestinas. Desde a múltipla perspectiva que emana dos seus diarios, os membros do grupo van dando as súas respectivas versións, que conforman unha historia colectiva, e que conectan a paixón creativa co pasado remoto de cadaquén, coa súa infancia e cos seus medos máis agochados.

A intervención será presentada o vindeiro 4 de maio, martes, ás 20:00 horas na Feira do Libro de Santiago. No acto acompañarán á autora a académica e catedrática Margarita Ledo e o editor Manuel Bragado.

O primeiro capítulo desta magnífica novela pode baixarse en en pdf aquí. Feliz lectura!

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Settecento» de Marcos Calveiro, primeiro capítulo

23 Abril 2010

Adiantos_para_ler,Descargas,Narrativa,Noticias,Presentacións

Tras o éxito que obtivera con Festina lente, Marcos Calveiro volve con Settecento visitar a Compostela doutrora, desta volta da man do mesmísimo Antonio Vivaldi, unha novela que constitúe un intrigante e vertixinoso relato que o confirma como un dos novelistas primeiros do noso tempo.

Settecento será presentada no Auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, o vindeiro martes, 27 de abril, a partir das 19:30 horas, nun acto que contará coa participación do autor, de Manuel Candelas (Arume dos piñeiros) e da Orquestra de Corda «CMUS Profesional de Vigo», dirixida por Edita Shulman, que interpretará o concerto «Alla Rustica» de Antonio Vivaldi.

O Primeiro de maio, Calveiro pronunciará ás 13:00 horas o pregón que abre a Feira do Libro de Santiago, que se celebrará do 1 ao 9 de maio no Paseo central da Alameda compostelá. O mesmo día, ás 20:00 horas, presentarase Settecento nun acto no que Martín Pawley conversará sobre a novela con Marcos Calveiro.

O primeiro capítulo desta formidable novela pode baixarse en pdf aquí. Boa lectura e bo Día do Libro!

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Bilbao-New York-Bilbao», adianto do primeiro capítulo

2 Marzo 2010

Adiantos_para_ler,Narrativa,Noticias,Premios,Traducións,Xerais_nos_medios

El Correo Gallego publicou no seu suplemento dominical unha entrevista con Isaac Xubín, o tradutor dnede o éuscaro de Bilbao-New York-Bilbao, a novela pola que Kirmen Uribe obtivo o Premio Nacional de Narrativa en 2009, ademais dun adianto das súas primeiras páxinas.

Capítulo 1

OS PEIXES e as árbores parécense.

Perecénse nos aneis. As árbores téñenos no tronco. De facermos un corte horizontal a unha árbore veriamos no tronco os seus aneis. Un anel por cada ano, é así como se sabe cal é a idade da árbore. Os peixes tamén teñen aneis, pero nas escamas. E como acontece coas árbores, grazas a estes aneis sabemos cal é a idade do animal.

Os peixes sempre están a medrar. Nós non, nós minguamos dende a chegada da madureza. O noso crecemento detense e os ósos comezan a xuntárense. A persoa encolle. Os peixes, pola contra, crecen até morreren. Máis rápido cando son novos e máis lentamente co paso dos anos, pero sempre están a medrar os peixes. E por iso teñen aneis nas escamas.

O anel dos peixes orixínao o inverno. O inverno é o tempo durante o cal o peixe come menos e este momento de fame deixa unha pegada escura nas súas escamas. Porque crecen menos durante a época do inverno. No verán non. Cando os peixes non pasan fame non queda marca ningunha nas escamas.

O anel dos peixes é microscópico, non se ve de primeiras, pero velaí está. Coma se fose unha ferida. Unha ferida sen pechar ben.

E coma os aneis dos peixes, os momentos máis difíciles fican na nosa memoria, fan marca nas nosas vidas, até convertérense en medida do noso tempo. Os días felices, pola contra, pasan lixeiros, rápido de máis, e axiña os esquecemos.

O que para os peixes é o inverno, para as persoas é a perda. A perda delimita o noso tempo: o final dunha relación, a morte dun ser querido.

Cada perda, un escuro anel no interior.

O DÍA que lle dixeron que lle quedaban poucos meses de vida, o meu avó non quixo volver á casa. A miña nai, a súa nora aínda moza, acompañouno ao médico aquela mañá. O avó escoitou con serenidade o que dicía o médico. Escoitouno todo sen dicir ren e, despois, deulle a man ao médico e despediuse con amabilidade.

Ao saíren da consulta miña nai non sabía que dicir. Despois dun longo silencio preguntoulle ao avó se ían cara ao autobús. El respondeu que non.

Díxolle «Non imos volver aínda. Pasaremos o día en Bilbo. Quero ensinarche unha cousa» e tentou sorrir.

O avó levou a miña nai ao museo de Belas Artes de Bilbo.

A miña nai non esquecería endexamais aquel día, que a mesma mañá que lle anunciaron que ía morrer, o avó levouna a un museo. De que xeito tentou que a beleza se mantivese por riba da morte, en balde. Como se esforzou para que miña nai gardase outra lembranza daquel día tanacedo. Miña nai sempre tería na lembranza aquel xesto do avó.

Era a primeira vez que entraba nun museo.

CORENTA E CINCO anos máis tarde era eu quen entraba no museo. Precisaba información sobre un cadro e aló fun. Andaba tras o rastro dunha obra do pintor Aurelio Arteta coma quen segue unha pista medio borrada, dun xeito totalmente intuitivo. Pero unha voz interior dicíame que ese cadro era importante, que sería unha peza fundamental na novela que estaba a escribir.

O cadro era en orixe un mural, pintado, concretamente, no chalé de Ondarroa onde pasaba o verán o arquitecto Ricardo Bastida. Arteta pintouno no salón da casa durante o verán de 1922. Na década dos sesenta, porén, algúns anos despois de morrer Bastida, a familia vendeu o chalé. Botaron a casa abaixo para construír pisos. Pero, por sorte, o mural salvouse. Tiraron da parede a obra de Arteta e levárona ao museo de Bilbo. Dende entón está exposta no museo, nunha das salas do primeiro andar.

José Julián Bakedano, un dos responsables do museo, amosoume o mural. Daquela ocupaba tres paredes do salón do chalé. Na fachada estaba a galería, para mirar o mar. Nomuseo, pola contra, colocárano coma se fose un tríptico. No centro, na peza máis grande, aparece a representación dunha romaría. E nos laterais os outros dous fragmentos. Nun deles móstrase unha muller da época coas feituras dunha Venus do renacemento. No outro hai unha parella nova falando baixo dunha árbore. Á primeira vista chaman a atención as cores do mural. Arteta utiliza unhas cores moi vivas para retratar os mozos que van á romaría dunha aldea da montaña: verdes, azuis, lilas. Antes, endexamais se utilizaran deste xeito.

«Ao principio, algúns críticos non viron con bos ollos a obra de Arteta. Dicían, burlándose, que semellaba que utilizara lentes de cores para pintar» comentoume Bakedano. «A Arteta notábanselle os anos que estivera a estudar pintura en París. Viviu en Montmartre e alí ficou namorado dos traballos de Toulouse-Lautrec e de Cézanne. Pero non quixo nunca romper completamente coa tradición. Por iso, os seus cadros, lémbranme as vellas tabernas pintadas con cores moi vivas, son modernos pero sen perderen o feitizo».

No mural represéntanse dous mundos, os dous ao mesmo tempo. Por unha parte áchase o rural e pola outra o mundo urbano. As mozas do casarío visten de xeito tradicional. A saia chégalles até o nortello, pano na cabeza e sen escote. Pola contra, as mozas de cidade visten con outro aire. Os seus vestidos son lixeiros, móveos a brisa. Levan saias máis curtas, deixan os xeonllos ao descuberto e amplos escotes. No peito, amais, levan colares. Ao lado das aldeás, as mulleres da cidade teñen unha actitude atractiva, coma se estivesen a facerlle as beiras ao espectador. Na pintura é moi evidente a influencia do Art-Decó, transmite ese optimismo dos anos vinte.

Este cadro mostra o salto do mundo antigo ao novo e o contraste entre as mozas do casarío e as da cidade incrementa o erotismo das segundas» precisoume Bakedano. O certo é que o mural da casa de Bastida non era senón un ensaio. Aurelio Arteta non dominaba axeitadamente a técnica do mural e o arquitecto deixoulle o salón da súa casa para que fixese probas. A auténtica obra chegaría un pouco máis tarde. Ricardo Bastida deseñara a que sería a sede do Banco de Bilbao en Madrid. O edificio que construirían na mesma rúa Alcalá converteríase na súa obra máis importante até o momento. A sede, en resumo, debía ser símbolo non só do banco, tamén da cidade de Bilbo. Símbolo de fortaleza e de modernidade. Aquel traballo consolidaría as traxectorias de Bastida e de Arteta, faríaos coñecidos fóra do País Vasco.

Bastida quería que Aurelio Arteta pintase os murais do recibidor do banco. Coñecíanse dende cativos e as vidas de ambos os dous transcorreran paralelas, a dun polo camiño da arquitectura e a do outro polo da pintura. Na sala circular de entrada ao banco Arteta pintaría unha alegoría de Bilbo. Aparecerían os traballadores do porto, os dos altos fornos, a xente do campo, as vendedoras de peixe etcétera. Aquel era un labor inmenso, máis de dez murais, e ademais sobre unha superficie irregular.

Arteta aceptou o encargo pero antes quería adestrarse. Era moi esixente consigo mesmo, custáballe moito dar un traballo por finalizado. Nunha ocasión, anos despois, no seu exilio mexicano, un comprador, retirando a cobertura, tentou mirar un cadro que aínda non estaba rematado e que se atopaba tapado por un pano. Cando Arteta o viu, encolerizado, feriu o curioso na cara cunha espátula. Seica era a única cousa que o puña fóra de si.

A edición en galego de Bilbao-New York-Bilbao chegará ás librarías a finais da vindeira semana.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Gran Dicionario Xerais da Lingua», baixa as primeiras páxinas

4 Novembro 2009

Adiantos_para_ler,Descargas,Dicionarios,Noticias,Ofertas

O anuncio realizado onte da publicación do Gran Dicionario Xerais da Lingua tivo unha magnífica acollida.

Ademais de poder baixar o pdf do díptico, onde aparecen as características da obra e a oferta de lanzamento, hoxe ofrecemos a posibilidade da lectura das primeiras páxinas do primeiro volume, incluíndo as introducións, a guía do usuario e a primeira páxina do dicionario.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Viaxe ao centro de Suso de Toro

23 Outubro 2009

Adiantos_para_ler,Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

A edición galega de El País publica no suplemento «Luces» unha longa entrevista de Daniel Salgado con Suso de Toro, a raíz da próxima aparición de Sete palabras, a súa novela máis recente. Baixo o título de «Viaxe ao centro de Suso de Toro», Salgado e de Toro conversan sobre unha obra chamada a cruzar unha nova fronteira literaria. Recollemos algúns parágrafos dun texto que recomendamos moi vivamente:

Saldar débedas. Recuperar memorias. Investigar que materia conforma o individuo. Descoser os xéneros literarios. Os combates que se libran dentro de Sete palabras, a última aposta narrativa de Suso de Toro, resultan múltiples. Pero o campo de batalla presenta derrregas concretas: “Hai autores que teñen un tema, outros teñen dous ou tres. O meu é a identidade e está todo aquí”. O autor compostelán remexe, a un tempo descarnado e amábel, no propio faiado á procura do seu pasado. “A pregunta, realmente, é quen é un, quen son eu”, di. Co ermo zamorano, o Caribe ou Santiago de Compostela como teatro de operacións, en Sete palabras cóntase o traxecto dun escritor á procura material do seu avó. De Toro explícase: “Tamén se trata dunha viaxe ao centro de min mesmo”.

O narrador do volume que Xerais colocará nas librarías a primeiros de novembro, simultaneamente en e-book, confúndese co autor. De Toro (Santiago de Compostela, 1956) non desfai equívocos. “Hai que lembrar sempre que o autor di que é ficción”, afirma divertido, “e que o escritor é ese dobre, o anxo da garda que o acompaña”. E que o traballo que desemboca en Sete palabras arrincou en xaneiro de 2008, cando o escritor decide enfrontarse “de maneira radical” ao seu pasado familiar. “Todo coincide cos últimos anos de meu pai e ten que ver coa idade; nese intre realizo a primeira anotación para o libro”, lembra. A curiosidade polos devanceiros empuxou a De Toro cara a un proxecto, finalmente literario, adiado durante anos. “Cando o meu pai [falecido o 24 de decembro de 2008] perdeu a memoria, formuleime de novo a cuesión; xa había unha parte da miña historia á que non podía acceder”.
[...]
O asedio ao que se somete o concepto de identidade -”penso que esgotei os ángulos do tema, individual e colectivamente”, sorrí- desemboca nos seus estigmas. Eses que para o escritor se relacionan, antes de máis, coa pobreza. A desposesión material, a opresión sociopolítica, o analfabetismo, e a conseguinte emigración, marcaron a xínea da familia De Toro explorada en Sete palabras. E o autor abre o foco: “A sociedade galega, tamén a española, ten unha visión estúpida sobre si mesma, que ignora a pobreza como unha das forzas que fixo de nós o que somos”. “O 90% de nós eramos traballadores e agora tan guapos e tan modernos”, ironiza, non sen certo remorso colectivo. “Hai 40 anos emigrabamos todos e agora crémonos mellores que os alemáns”. Unha ollada sobre o desclasamento análoga, dalgún xeito, á deitada polo poeta Antonio Gamoneda cando recibiu o premio Cervantes: “Unha sociedade que censura a memoria da pobreza vira parva porque non lle dá valor a nada”.
[...]
É este o Suso de Toro que se desprazou da escrita como mecanismo de desmitificación, contundentemente empregado en Polaroid (1986) ou no joyceano Tic-tac (1993), ao libro como pescuda no mito. “Con este libro verifiquei que a literatura pode traballar como curación, non unicamente como coñecemento”, di quen describe a súa relación cos libros como “dialéctica”, que avanza e retrocede. “Escribir Sete palabras resultoume psicoloxicamente duro, pero gozoso a un tempo, unha escrita de vivencia”. E nese movemento constátase a viraxe operada entre a súa anterior novela, Home sen nome (2006) “na que se probaba a forza da literatura para romper tabús e trazar os nomes dos asasinos [da Guerra Civil]“, e as Sete palabras.
[...]
Mais a obsesión que atrapou ao escritor nos últimos tempos retorna. “Ao cabo, Sete palabras é case unha oración, un réquiem”. Esa é a pregaria dun Suso de Toro que marcou neste libro un cabo de Fornos na súa traxectoria. “Hai autores que teñen un tema; outros apenas dous ou tres”, considera, “e o meu é a identidade; está todo aquí, neste libro”. E cun pouso melancólico, ese aire cadora máis presente no seu método operativo, reflexiona: “Esta mañá aínda me divertía pensando que en Toro haberá quen se imite a min, fisicamente, alguén que abandonou a un neno que logo foi o meu avó”.

O suplemento »Luces» publica un adianto dun dos capítulos da novela, «Insomnio en Toro».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Suso de Toro relata a historia de «Sete palabras»

22 Outubro 2009

Adiantos_para_ler,Autores,Entrevistas,Narrativa,Noticias,Xerais_nos_medios

A edición galega de El Pais adiantou esta tarde que mañá no suplemento «Luces» Suso de Toro relata a historia de Sete palabras, a súa novela máis recente.

Sete palabras estará nas librarías na primeira semana de novembro, sendo publicada ao tempo en edición impresa como en edición dixital para e-ebook, o que constitúe un fito pioneiro na edición galega e peninsular.

Aquí pode descargarse o adianto do capitulo «Insomnio en Toro».

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Sol de Inverno»: memoria, lirismo e emoción

5 Outubro 2009

Adiantos_para_ler,Críticas,Narrativa,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado, 3 de outubro, nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, a primeira crítica de Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009.

Baixo o título de «Memoria, lirismo e emoción», Nicolás comeza o seu texto expresando que é «unha novela de amplo alento, esplendidamente elaborada e que se defende por si mesma», salientando no seu remate que «o deseño rotundo dos personaxes han ficar na memoria de quen os queira coñecer».

Polo seu grande interese, reproducimos completo o texto do crítico vigués:

Memoria, lirismo e emoción

As decisións dun xurado constituído por lectores pode ter, para ben e para mal, probablemente coma se doutro xurado máis profesional se tratase, as súas vantaxes e inconvenientes. O Xerais de novela réxese polo primeiro criterio amentado e, como ocorre con outros galardóns, hai casos en que se acerta máis, e talvez outros menos. Nesta ocasión teño para min que o xurado gozou cunha novela que quixo converter en premio e presentarlla con esta bitola aos seus potenciais lectores.
Rosa Aneiros, así pois, subscribe con este Sol de Inverno unha novela de amplo alento, esplendidamente elaborada e que se defende por si mesma; unha novela de personaxe mais tamén  de protagonismo coral; unha novela que conxuga a emoción na que alentan a totalidade dos personaxes cun coidado escenario histórico e espacial recoñecible e máis ou menos próximo que permite percorrer, a través da memoria, os socalcos da vida de Inverno,  desde a súa infancia e mocidade ata a chegada da guerra civil, desde a fuxida a Barcelona, pasando pola estadía en Francia ata o embarque cara a México no coñecido “Ipanema” e concluír nas vivencias dos días cubanos xunto coa volta á vella Europa…
Todo isto mercé a máis de cincuenta fragmentos narrativos que constrúen e anoan a historia dunha vida pola que camiñamos desde o lugar de “Antes”, onde sempre se configurará a necesidade da memoria e no que se debulla algo máis ca o espazo no que uns personaxes botan a andar e a vivir, coa traxedia a lles golpear na cara. É en Antes onde agroma a silueta dunha nena que entende a morte, tamén a traxedia, como algo co que cómpre convivir á forza. Desde eses tempos, previos á guerra civil, trázase unha liña vital tortuosa en moitas ocasións, esperanzada noutras, mais sempre alimentada por numerosas historias de percorrido máis sintético ou breve constituíndo unha sorte de fervenza narrativa: mil e un meandros que vai deixando, sempre, un pouso permanente.
Ao meu ver, a novela goza de dous momentos moi destacados como son, por un lado, os capítulos referidos á estadía de Inverno e a súa familia na Barcelona resistente en plena guerra civil pois este cadra co madurecer definitivo da protagonista a un mundo no que vai, finalmente, coñecerse a si mesma e coñecer o seu pai, man a man con Félix Muriel (homenaxe nada agochada a Dieste), Líster, Castelao ou Ian, aquel brigadista internacional… Por outra banda, as odiseas familiares e persoais vividas na posguerra, conducen a outra sección, especialmente coidada e intensa tanto polo excepcional do traballo de ambientación e descrición que nel se advirte como pola paixón que aquí latexa por espellar con limpeza un universo como é o da Cuba e da Habana dos anos corenta.
Para finalizar cómpre non esquecer o exquisito coidado depositado no ritmo e na expresión, que esvara cando é preciso no ámbito de certo lirismo, suturado con solvencia e pericia no rexistro narrativo. Unha proposta, en fin, que desenguedella con naturalidade ese novelo que é o pasado mercé ao deseño rotundo e intenso duns personaxes que han ficar na memoria de quen os queira coñecer. Ramón Nicolás

Pódese ler un adianto de Sol de Inverno aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Ás de bolboreta", Premio Caixa Galicia 2009, un capítulo para descargar

26 Xuño 2009

Adiantos_para_ler,Descargas,Fóra de Xogo,Premios_Xerais,Xuvenil

Descarga dende aquí un capítulo en pdf da novela de Rosa Aneiros, Ás de bolboreta, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2009. Boa lectura!

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Sol de Inverno", Premio Xerais de novela 2009, avance dun capítulo

19 Xuño 2009

Adiantos_para_ler,Descargas,Narrativa,Premios_Xerais

Aquí pode descargarse en pdf un capítulo das primeiras probas de Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009. Boa lectura!

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Transhumantes», un conto inédito de Iolanda Zúñiga en «Luces»

13 Febreiro 2009

Adiantos_para_ler,Autores,Xerais_nos_medios

10001967013O suplemento «Luces» de El País Galicia inaugura a súa sección de «Inéditos» con «Transhumantes», un relato de Iolanda Zúñiga, a autora do libro de relatos Vidas pos-it e do recente poemario Amor amén. Os nosos parabéns para Iolanda.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Riofero», espazo web e blog para a novela

29 Xaneiro 2009

Adiantos_para_ler,Narrativa,Noticias

10000536013Xelís de Toro con motivo da aparición de Riofero acaba de abrir un espazo web para a novela, onde se pode baixar o primeiro capítulo, escoitar sete temas musicais (gravados polo autor en colaboración con outros artistas como Narf, Johny Rabbs, e The Vitamin B12) ou deixar comentarios no blog. Os nosos parabéns a Xelís.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O Globo de Shakespeare», adianto de lectura

14 Outubro 2008

Adiantos_para_ler,Narrativa,Premios

Xa pode baixarse un fragmento de lectura d’ O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar premiada co Terra de Melide 2008.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Outra Galiza", adianto

25 Xuño 2008

Adiantos_para_ler,Crónica,Descargas,Presentacións

Aquí poden descargarse vinte páxinas do novo libro de xornalismo de Suso de Toro, Outra Galiza. Este documento pdf inclúe o limiar do libro e dous traballos correspondentes ás dúas partes da obra: “o traxe non vale” (primeiro traballo do capítulo “O tempo aberto”) e “Outras ideas, outro galeguismo” (un dos textos da segunda parte “Saíndo ao día”). Outra Galiza será presentada aos medios de comunicación o luns 30 de xuño, ás 12:00 horas, no Club Internacional de Prensa de Santiago e o autor asinará exemplares na Feira do Libro de Vigo no serán do venres 4 de xullo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Os Grouchos", adianto

24 Xuño 2008

Adiantos_para_ler,Crónica,Descargas

Aquí poden descargarse as primeiras páxinas d’ Os Grouchos. O documento pdf inclúe a presentación do libro (“Ir de grouchos”) e o primeiro dos traballos xornalísticos (“Decálogo do galego”).

Chuzame! A Facebook A Twitter

"O xardín das pedras flotantes" de Manuel Lourenzo González, adianto

12 Xuño 2008

Adiantos_para_ler,Descargas,Narrativa,Premios_Xerais

Aquí poden baixarse en pdf cinco páxinas do orixinal d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do XXVº Premio Xerais de Novela. O texto corresponde ao capítulo 48, da terceira parte, “O amor”.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Xenaro e o misterio da mochilota verde" de Mar Guerra, adianto

Adiantos_para_ler,Descargas,Infantil,Merlín,Premios_Xerais

Aquí pode lerse o pdf dun capítulo do orixinal de Xenaro e o misterio da mochilota verde, a novela de Mar Guerra gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"A cabeza de Medusa" de Marilar Aleixandre, adianto

10 Xuño 2008

Adiantos_para_ler,Descargas,Fóra de Xogo,Premios_Xerais,Xuvenil

Xa se pode ler o capítulo 9, que leva por título “Mordendo as uñas”, d’ A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, novela gañadora do III Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Festina lente", adianto primeiras páxinas

30 Maio 2008

Adiantos_para_ler,Descargas,Narrativa

Estes días chega as librarías Festina lente, a novela de Marcos S. Calveiro. Aquí poden lerse ou descargarse as dez primeiras páxinas. O autor acaba de abrir un blog da novela. Boa lectura!

Chuzame! A Facebook A Twitter