Iceberg poético: «Poesía completa», de Valentín Paz Andrade. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, e en La Opinión, unha recensión crítica sobre a Poesía completa de Valentín Paz Andrade.

 

Iceberg poético

Todos os vesos de Valentín

Tras meses de espera, por fin veu luz a Poesía completa de Valentín Paz Andrade, distribuída por Xerais despois da efeméride que lle deu sentido á súa nacenza e cando xa o lectorado do país se cura da resaca posletrega como quen se pon a dieta tras dun nadal de empachos pazandradianos.

E, secasí, a publicación deste volume segue a ser substantiva e constitúe a achega de maior calado e transcendencia das non poucas interesantes este ano aparecidas ao redor da biobibliografía do pontevedrés.

A presente edición correu a cargo do estudoso e investigador Xosé Gregorio Ferreiro Fente, bo coñecedor da escrita de Paz Andrade por terse ocupado dela con anterioridade. Xustamente por iso, o seu labor resultou máis que satisfactorio, pois tanto a análise introdutoria como a coherente fixación textual e as oportunas notas de lectura incorporadas a estas páxinas fan da obra un texto excepcional.

O que esta Poesía completa ofrece é nada menos que os tres libros de versos éditos do autor a canda ata outros sete poemarios e/ou cadernos poéticos ata hoxe rigorosamente inéditos ou de circulación moi restrinxida.

Por tanto, é máis que evidente a importancia desta achega para o coñecemento integral da lírica de Paz Andrade, da que ata o de agora só se albiscara a punta dun iceberg, a fabulosa base do cal énos aquí revelada dilixentemente por Ferreiro Fente.

Agora ben, cómpre dicir que este novo caudal poético recuperado non fai senón confirmar as liñas temáticas e estilísticas xa coñecidas na escrita de Paz Andrade. Se acaso acentúan a súa presenza nestas planas composicións de raiceira telúrico-paisaxística e algunhas outras de xorne etnográfico. E se ben é indubidable a habelencia versificadora do de Pontevedra e o seu adestrado sentido musical, tamén o é que o seu estrofismo, a súa imaxinería e toda a arquitectura versal continúan a remitirnos a unha poesía de dourada medianía, herdeira do maxisterio das grandes voces de tempos ben recuados.

Endebén, segue a pagar a pena perderse polas follas desta Poesía completa de Valentín Paz Andrade, perfectamente editada por Xosé Gregorio Ferreiro Fente. Un título co que Xerais enriquece, e de que maneira, a súa xa imprescindible colección Clásicos

Armando Requeixo

Chuzame! A Facebook A Twitter

4th Xuñ 12. Posted in Clásicos, Críticas, Letras_galegas, Poesía.

View or Post Comments.