Mudámonos! Xerais actualiza a súa identidade dixital mudando o blog, a web e actualizando as redes sociais

4 Xuño 2012

Biblioteca_Dixital_Xerais,Blogs,E-books,Noticias

A partir de hoxe, o blog de Xerais terá novo enderezo. Estaremos aquí, cun anovado deseño no que estivemos a traballar intensamente ao longo dos últimos meses e do que é responsable a empresa Pumpúm Dixital, que coordinan Chiu Longina e Berio Molina. Xerais actualiza a súa identidade dixital mudando e redeseñando o blog, a web corporativa e actualizando as redes sociais (teremos presenza en google+), así como creando novas ferramentas dixitais, como a Axenda, o Catálogo, que amplían a nosa visibilidade e a dos nosos autores e autoras. Tamén o apartado de TV ofrece unha amplísima documentación en imaxes, á altura das demandas dos nosos lectores e lectoras. Ademais, Xerais Educación terá tamén un espazo diferenciado, dirixido a todos os docentes, con especial relevancia para o Libro en rede, unha esixencia pedagóxica da nova sociedade dixital.

O libro dixital vai ter tamén un espazo propio na nova web, moi especialmente a través da Biblioteca Dixital Xerais, que ofrece un amplo catálogo de libros de lectura gratuíta en rede para a que unicamente é necesario rexitrarse na web e dispoñer dun contrasinal. Nestes momentos pode accederse xa a 16 títulos das coleccións Ferros, Biblioteca das Letras Galegas, Materiais e Universitaria, títulos que se irán ampliando significativamente.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Pedro Feijoo estará mañá no Club de lectura Sete Vidas, de Espazo Lectura, en Gondomar, para falar de «Os fillos do mar»

Animación á lectura,Clubs_de_lectura,Narrativa,Noticias

O escritor Pedro Feijoo participará mañá martes no Club de Lectura Sete Vidas, que promove a asociación Espazo Lectura en Gondomar, para falar da súa novela Os fillos do mar, finalista do Premio Xerais 2011.

 

A novela «Os fillos do mar» no club Sete vidas

Este martes 5 de xuño o club de lectura Sete vidas pecha a tempada cunha sesión na que falaremos da novela Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, editada por Xerais. A actividade comeza coma sempre ás 20:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar. A partir das 21:00h Pedro Feijoo achegarase á biblioteca para conversar sobre a novela coas persoas que participen na sesión. Con esta proposta o club Sete vidas de Espazo Lectura despídese ata o mes de outubro.

O libro

A novela Os fillos do mar, finalista do Premio Xerais 2011, condúcenos polo Vigo de hoxe da man de Simón, un arquitecto mediocre que recibe un estraño encargo para realizar unha reforma nun pazo de Canido, propiedade de Isabel Llobet, unha muller da alta sociedade viguesa. A novela, de intriga e aventuras, proponnos tamén unha viaxe histórica ata a Batalla de Rande, a Guerra Civil española e os tempos do nazismo alemán. Unha novela trepidante que nos achega aos tesouros da cidade de Vigo, da súa arquitectura e da súa historia

O autor
Pedro Feijoo (Vigo, 1975) posúe unha formación filolóxica, pero exerceu profesionalmente como músico no grupo «Lamatumbá» durante algúns anos. Publicou un ensaio titulado Cousas do ‘Galicia’, por Castelao (1997) e Viva ou Fu Remol! (2005). Na actualidade traballa nun estudio musical e compaxina este labor coa creación literaria. Os fillos do mar é a súa primeira novela.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Iceberg poético: «Poesía completa», de Valentín Paz Andrade. Crítica de Armando Requeixo

Clásicos,Críticas,Letras_galegas,Poesía

Armando Requeixo publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, e en La Opinión, unha recensión crítica sobre a Poesía completa de Valentín Paz Andrade.

 

Iceberg poético

Todos os vesos de Valentín

Tras meses de espera, por fin veu luz a Poesía completa de Valentín Paz Andrade, distribuída por Xerais despois da efeméride que lle deu sentido á súa nacenza e cando xa o lectorado do país se cura da resaca posletrega como quen se pon a dieta tras dun nadal de empachos pazandradianos.

E, secasí, a publicación deste volume segue a ser substantiva e constitúe a achega de maior calado e transcendencia das non poucas interesantes este ano aparecidas ao redor da biobibliografía do pontevedrés.

A presente edición correu a cargo do estudoso e investigador Xosé Gregorio Ferreiro Fente, bo coñecedor da escrita de Paz Andrade por terse ocupado dela con anterioridade. Xustamente por iso, o seu labor resultou máis que satisfactorio, pois tanto a análise introdutoria como a coherente fixación textual e as oportunas notas de lectura incorporadas a estas páxinas fan da obra un texto excepcional.

O que esta Poesía completa ofrece é nada menos que os tres libros de versos éditos do autor a canda ata outros sete poemarios e/ou cadernos poéticos ata hoxe rigorosamente inéditos ou de circulación moi restrinxida.

Por tanto, é máis que evidente a importancia desta achega para o coñecemento integral da lírica de Paz Andrade, da que ata o de agora só se albiscara a punta dun iceberg, a fabulosa base do cal énos aquí revelada dilixentemente por Ferreiro Fente.

Agora ben, cómpre dicir que este novo caudal poético recuperado non fai senón confirmar as liñas temáticas e estilísticas xa coñecidas na escrita de Paz Andrade. Se acaso acentúan a súa presenza nestas planas composicións de raiceira telúrico-paisaxística e algunhas outras de xorne etnográfico. E se ben é indubidable a habelencia versificadora do de Pontevedra e o seu adestrado sentido musical, tamén o é que o seu estrofismo, a súa imaxinería e toda a arquitectura versal continúan a remitirnos a unha poesía de dourada medianía, herdeira do maxisterio das grandes voces de tempos ben recuados.

Endebén, segue a pagar a pena perderse polas follas desta Poesía completa de Valentín Paz Andrade, perfectamente editada por Xosé Gregorio Ferreiro Fente. Un título co que Xerais enriquece, e de que maneira, a súa xa imprescindible colección Clásicos

Armando Requeixo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Quedar sen durmir pola lectura: «Os fillos do mar», de Pedro Feijo. Artigo de Ramón Rozas

Artigos literarios,Críticas,Narrativa

Ramón Rozas publica no Diario de Pontevedra un artigo sobre Os fillos do mar de Pedro Feijoo.

 

Entre dous

Un só desexa pasar páxinas e máis páxinas para saber o que se agocha tras esa moeda de ouro atopada nunha caixiña, coñecer máis desas dúas persoas atrapadas nun vieiro inesperado da vida, asomarse a unha cidade como Vigo apalpando a súa forza, e rastrexar o que a historia, e a nosa memoria común, nos deixou como herdanza dos séculos pasados.

Un desexo que só a literatura é quen de ofrecer. Toda unha ledicia, e máis se falamos dunha novela galega, clave na miña falta de sono e abofé que tamén clave en moitas outras cousas das nosas letras.

‘Os fillos do mar’, escrita por Pedro Feijoo, fai latexar no seu interior todo aquilo que supón o goce da literatura. Unha lectura que non te deixa durmir pero, en troques, te leva a soñar, a sentir outras vidas; en definitiva, a non botar en falta toda unha noite de soños.

Ramón Rozas

Chuzame! A Facebook A Twitter