Suso de Toro fala de «As rapazas de Xan» e de «Os fillos do mar» no seu artigo de El País

1 Xuño 2012

Artigos literarios,Narrativa

O escritor Suso de Toro aborda no seu artigo de El País a aparición en Xerais de dous libros de autores que publican por primeira vez: As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes,  e de Os fillos do mar, de Pedro Feijoo.

 

Literatura de aldea e ‘best sellers’?

(…)

Mais eu quería falar doutro libro e doutro escritor. Manuel Iglesias Turnes, que sabe ben de vacas leiteiras, apareceu de súpeto armado cunha novela enteira sen avisar a ninguén de que tamén sabía escribir. Coñecino hai ben anos, do sindicalismo agrario, e como o Balbino e Neira Vilas é un rapaz de aldea. A súa novela As rapazas de Xan é exactamente unha novela de aldea, a protagonista é a aldea galega nos anos cincuenta retratada sen idealización ningunha, mais con todo o cariño e lealdade. Protagonistas as mulleres sobre todo (cousa tan rosaliana). Outra protagonista é a lingua falada, a graza da fala. Literatura popular en todos os sentidos da palabra. Historias, emocións e os praceres da narración. A curiosidade miña é se aínda existen aqueles lectores que se emocionaron e se recoñeceron na historia do Balbino ou se xa secou aquela fontela que levaban dentro. Non existen xa aqueles lectores? É distinta a nosa literatura?

E pregúntome tamén se a nosa literatura é tan outra que pode xurdir nela un best seller. Tense dito veces dalgún libro que era un best seller, máis con ánimo de denigrar o seu valor estético que por recoñecer verdadeiramente un fenómeno literario que si existe en literaturas normalizadas. Os fillos do mar de Pedro Feijóo Barreiro é un verdadeiro artefacto best seller, cos mesmos ingredientes que La sombra del viento, O código Da Vinci, La catedral del mar… Un libro escrito en lingua galega que conscientemente procura ese gran público que non sei se existe na nosa literatura. E logo existirá? A xente que leu esoutros libros achegarase a el?

Suso de Toro

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Deixa un comentario