Ficción científica a ritmo trepidante: «Os megatoxos e o aprendiz de druída», de Anxo Fariña. Crítica de Paula Fernández

31 Maio 2012

Críticas,Infantil,Megatoxos,Xuvenil

Paula Fernández publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Os megatoxos e o aprendiz de druída, de Anxo Fariña.

 

Ficción científica

Con ritmo trepidante

Os Megatoxos e o aprendiz de druída é a primeira das aventuras de Faísca, Ninfa, Ruxe e Lúa –os personaxes que Anxo Fariña (Vigo, 1977) creou para esta saga que tan bos momentos fixo pasar aos seus lectores e tanto éxito acadou– que Edicións Xerais vén de reeditar revisada e mellorada polo seu autor.

No inicio deste volume, comeza o curso e os catro rapaces aínda non se coñecen, mais debido aos efectos dunha picadura, dunha flor de toxo, que lles dará poderes verán como se volven inseparables.

Unha picadura que, ligada á inestabilidade xenética e ás mutacións, provoca o lóxico descontrol inicial, para deixarlle ver a quen le que Ninfa poderá facer que medren as plantas,o corpo de Faísca xerará calor, Lúa será quen de facer esconxuros e Ruxe empatizará cos animais até poder comportarse ou sentir coma eles.

A procura de respostas fará que os catro protagonistas viaxen no tempo,3000 anos atrás a unha aldea celta onde, tras coñecer a Gael –o aprendiz de druída– comezará a auténtica acción que culmina coa loita contra o diaño Drunxel.

Esta historia de ficción científica de ritmo trepidante, cuxa organización en pequenos capítulos favorece a velocidade narrativa e a recreación das situacións na mente dos lectores, está gobernada pola fantasía pero non perde a coherencia e a verosimilitude imprescindibles para mergullarse no relato e sentilo así real.

Paula Fernández

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.