O desconcerto social e individual en «Orlando pendurado», de Goretti Fariña. Crítica de Xosé Manuel Eyré

30 Maio 2012

Críticas,Narrativa

Xosé Manuel Eyré publicou en Galicia confidencial unha recensión crítica sobre Orlando pendurado, de Goretti Fariña, novela gañadora do Premio Cidade Centenaria.

 

A toupa e a luz pendente

 

Chámanlle “mercado” ao que non é senón un cúmulo (compra, venda, financiamento…) de actividades a redor da especulación. Chámanlles “axustes” ao que son recurtamentos, desenvestimentos para afogar o estado de benestar; e aínda por riba din que son “necesarios”, “imprescindíbeis”, e que a “austeridade” será a fonte da que mane a futura riqueza ( cando son imprescindíbeis para o capital, necesarios para eles, os políticos gobernantes, e, se da austeridade nacera riqueza xa seriamos todo ricos…). Semellante é a perversidade aboiando na atmosfera que nos alimenta. E non se faga raro, pois, que este Orlando recuperado non estea namorado (Matteo Maria Boiardo) nin se manifeste furioso (Ariosto) senón pendurado dun arnés, boca abaixo, aínda que no remate o total desquiciamento o empurre á canella da violencia froito da cegadora luz da impotencia.
Porque así é o Orlando pendurado de Goretti Fariña, tan simple e á vez tan complexo. Premio Cidade Centenaria de Riveira 2011.
Preséntase baixo a fórmula da novela breve e constitúe unha desculpa para explorar as relacións entre dúas personaxes que confluiron os seus destinos a pesar da dispar natureza de ambos. Orlando e Alexandra son dous caracteres opostos. El, Orlando, nado na montaña, renunciou ao seminario e preferiu deixarse arrastrar pola proximidade dos praceres mundanos porque non é quen de non facer caso aos avisos, eses sinais que a vida ofrece para que guiemos os nosos paso, mais non é bon lector seu. Ela, encarnación da mundanidade melosa que o atraeu a el, evoluíu deica converterse nunha creadora de conceptos, soubo desapegarse do concreto e elevarse nun mundo máis puro, ambicioso e descontaminado da curtedade mundana, na procura do alimento definitivo.
E, como tal novela breve, mandan os cánones que debería contar cun número reducido de personaxes. Cousa que aquí non sucede, hai moitas, mais non pasan de decorado humano preciso na exploración das relacións entre Orlando e Alexandra, e tamén axudan na caracterización das personaxes así como na creación de ambientes humanos ( o alcalde construtor; a voraz reporteira da tv. local; o padre Bernaldino; a proximidade con Karim, un emigrado, e non cos coterráneos…)
O comezo da novela non é do mellor, formalmente falando, e dá a impresión de que non se tiveron en conta os precedentes clásicos. Mais todo cambia, todo muda, e na mudanza está a explicación da vida. Velaí que, desde a segunda ocasión en que as personaxes dialogan, a novela ten outro ar e os diálogos constitúen o principal recurso; uns diálogos intelixentes, profundos, naturais (malia todo) e áxiles, onde a adxectivación está moi estudada. Aínda que, xa andada a novela, rebaixen nalgunha ocasión as caractrísticas antes expostas, será puntualmente, como un aviso, como os avisos que Orlando cre observar e o levan a equivocarse. Uns diálogos, que, curiosamente e, se se quer, loxicamente despois do dito deles, teñen un claro pouso de novela negra, se cadra a única novela que aos tempos de hoxe fai xustiza, como portadora do desconcerto, do desnortamento social e individual.
Por iso Orlando está pendurado, boca abaixo, como unha forma de subverter a posición normal das persoas e obrigalo a contemplar(se) desde arriba. En tentativa de botar luz sobre a vida, sobre ese espazo de tempo e lugar e tamén da non esperanza.Tamén cun chisco de humor, que sempre vén ben nestes trances serios. Que a vida non entende de bromas. Dá avisos mais hai que saber lelos, como non soubo facer Orlando, como non soubo facer tampouco Alexandra ou non remataría sendo agredida, cada un desde o seu particular xeito de se enfrontar á vida ( o concreto e conformista, o abstracto e inconformista, un pouco como os Pedriño e Rañolas de Castelao) fracasan ( tamén como Rañolas, Alexandra non ten fe no futuro, velaí a súa condena).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Deixa un comentario