Muxía, coa narrativa mariña de López Abente

28 Maio 2012

Biblioteca das Letras Galegas,Blogs,Presentacións

Tanto Manuel Bragado, director de Xerais, en Brétemas como Ramón Nicolás no seu blog, Caderno da crítica, realizan unha crónica da presentación en Muxía de A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, en edición de Suso Sambade e en colaboración coa Fundación López Abente.

En Muxía con López Abente

Viaxei a Muxía con Ramón Nicolás para participarmos na presentación d’ A narrativa mariña de Gonzalo López Abente que preparou Suso Sambade. O acto celebrouse nas instalacións da magnífica Biblioteca Municipal, un edificio cedido por Santiago Rey Fernández Latorre. É modélico o traballo dos membros da Fundación Gonzalo López Abente para poñer en valor e redimensionar a obra do primeiro escritor muxián, sempre fiel ao espírito das Irmandades da Fala. Rivadulla Corcón anunciou na súa intervención os proxectos da Fundación para celebrar en 2013 o 50 aniversario do pasamento do autor de Buserana, entre os que destacan a edición dunha unidade didáctica e a publicación da Poesía Completa por parte de Edicións Espiral Maior. Pola súa banda Sambade salientou a importancia da prosa de López Abente escrita para dignificar a lingua, as xentes e a paisaxe. Excelente serán literario.

Manuel Bragado

Onte en Muxía, da man de López Abente

Deixo aquí a ligazón a dúas completas crónicas  -a de Manuel Bragado e mais a de Miro Villar-  ás que eu teño ben pouco que engadir pois  que recollen acaidamente o que aconteceu no acto da presentación d´A narrativa mariñade Gonzalo López Abente,  desenvolta  onte nun magnífico espazo como é a Biblioteca Municipal de Muxía, lugar que acolleu a un bo número de persoas interesadas en saber máis de López Abente e desta publicación.

Desde aquí a miña gratitude a toda a xente de Muxía que asistiu ao acto e á garimosa atención que nos dispensaron aos viaxeiros desde a Fundación Gonzalo López Abente (a foto superior, de Viki Rivadulla, corresponde a un momento do acto). Beizóns, parabéns ao responsable da edición, Suso Sambade, e moita sorte cos proxectos!

Ramón Nicolás

Así mesmo, tamén o poeta Miro Villar publicou no seu blog unha anotación en que dá noticia do acto.

A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente (edición literaria de Xesús Sambade). Crónica da presentación

(Cuberta do libro e imaxes da presentación, coa Biblioteca Municipal ateigada e coa mesa, onde fala Suso Sambade, a quen acompañan de esquerda a dereita, Manuel Bragado, Ramón Nicolás e Rivadulla Corcón. As fotografías son de Viki Rivadulla, secretaria da entidade. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Estivo abondo concorrido o importante acto literario organizado pola Fundación López Abente onte, día 26 de maio, na Biblioteca Municipal de Muxía. Sucedeu na presentación do volume A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, en edición literaria do profesor muxián Xesús Sambade e que se inclúe na prestixiosa colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais.

Desculpada a asistencia por motivos familiares de Félix Porto, alcalde de Muxía e presidente da Fundación López Abente, foi o vicepresidente X. H. Rivadulla Corcón quen pronunciou as palabras de benvida e saúda. Repasou máis unha vez os obxectivos da Fundación (da que fago parte), entre os que sobrancea o de reeditarmos a obra de Gonzalo López Abente e lembrou o compromiso do escritor muxián coa nosa lingua (velaí o seu monolingüismo na práctica totalidade da súa obra, agás  o uso do castelán nalgúns, moi poucos, textos de menor entidade), coa paisaxe atlántica da Costa da Morte e coa muxiá en particular e tamén coa xente que habita este territorio. Tamén adiantou os próximos proxectos editoriais: unha guía didáctica para uso escolar, que está a ultimar Xan Fernández Carrera, e a obra poética completa na que eu ando enguedellado para bastante tempo.

Deseguida, Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, sinalou como desde o seu proxecto editorial están a revalorizar a moitas autoras e autores que hoxe podemos considerar clásicos (nun excelente labor de recuperación, e este subliñado é noso) que é unha das varias liñas editoriais que conforman o catálogo deste selo xa histórico na literatura galega moderna. Ao tempo incardinou o labor editorial dentro dunha angueira que ten como norte a defensa da nosa lingua e da nosa cultura, coa mesma forza identitaria dos proxectos creados na época das Irmandades da Fala e logo de Nós, etapas nas que Gonzalo López Abente tivo moito protagonismo, malia vivir sempre en Muxía. Na bitácora brétemas, notas do traballo de edición do propio Manuel Bragado, xa se podía ler onte a súa crónica persoal.

Por parte, o profesor e crítico literario Ramón Nicolás, director da Biblioteca das Letras Galegas, lembrou a importancia desta colección, da que A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, fai o número 67, pois nela está publicada a obra case completa de autores fundamentais coma Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros, e ao tempo serve para recuperar a obra doutros menos coñecidos ou divulgados coma o poeta Manuel Luís Acuña ou o narrador Manuel Lueiro Rey. Eu propio podo dar testemuño deste último obxectivo porque nesa mesma colección xa preparei as edicións literarias de Orballo da media noite, de Roberto Blanco Torres (1998); Indo para máis perto. A señardade no puño, de Xosé Alexandre Cribeiro (2004) e Poesía galega completa e textos en prosa, de Emilio Álvarez Blázquez (2005).

Xa logo, Ramón Nicolás dixo falar como crítico literario (colaborador de varias publicacións especializadas, de xornais e cunha moi interesante bitácora denominada cadernodacrítica) para situar a narrativa breve de Gonzalo López Abente no contexto da literatura galega de preguerra e lembrar a anécdota persoal de que en 1995, nun traballo sobre o tempo das Irmandades da Fala, elaborado para Hércules Ediciones, non lle sería doado atopar os títulos abentianos (non o é para ninguén) se non existisen os fondos históricos da viguesa Biblioteca da Fundación Penzol, que garda moitas xoias da nosa literatura, e que nese mesmo ano tamén se achegou á súa poesía
através da Antoloxía poética que preparei e que editou Espiral Maior.

O profesor muxián Xesús Sambade, editor literario e autor da excelente Introdución que acompaña A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, explicou na fala dialectal muxiá as razóns de reeditar estas cinco inencontrables novelas curtas do autor muxián: O diputado por Veiramar (1918); O escándalo (1920); O novo xuez (1922); Buserana (1925) e Fuxidos (1926), xustificando a escolla do título para o conxunto (que recolle unha proposta miña) pola ligazón que todas as obras teñen co ambiente mariñeiro, non só na descrición da paisaxe senón tamén no deseño dos seus personaxes protagónicos. Fixo un breve percorrido polo nó argumental de cada un dos textos e rematou convidando á súa lectura, nomeadamente pola xente de Muxía e mesmo de toda a Costa da Morte, xa que os ambientes e os personaxes teñen moito a ver coa nosa idiosincrasia.

Miro Villar

1 comentario

  1. […] E a propia Edicións Xerais recolle estas dúas e a miña no seu blogue. […]

    Pingback by As crebas » A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente (edición de Suso Sambade). Outras crónicas da presentación — 28 Maio 2012 @ 9:17 p.m.

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.