Pedro Feijoo: «O que me está a pasar é como volver a empezar, como montar de novo na montaña rusa»

23 Maio 2012

Entrevistas,Narrativa

O Diario de Pontevedra publicou unha entrevista María Varela, de dúas páxinas, a Pedro Feijoo, polo seu éxito co libro Os fillos do mar. Reproducimos o inicio da entrevista. Pode lerse completa aquí.

 

Mudou o ritmo frenético das xiras con Lamatumbá por toda Europa pola tranquilidade da súa casiña en Gondomar. O ruído dos concertos polo silencio da ría de Vigo desde a ventá. Co Atlántico ó horizonte, Pedro Feijoo vai enchendo cadernos, pluma en man, de pequenas grandes historias que aprendeu a descubrir a través dos ollos do seu avó. “Eu non creo moito na inspiración, penso, como dicía Picasso, que se chega, mellor que te pille traballando. Cando quero contar unha historia vou moendo, moendo, moendo… ata que sae”, di.

—Síntome coma un neno en plena mañá de Reis”, confesa Pedro Feijoo cun sorriso que traspasa ó fío do teléfono. O autor de ‘Os fillos do mar’, finalista do Premio Xerais 2011, non oculta a súa sorpresa ante a excelente acollida que está a ter a súa primeira novela, que tras só un mes na rúa xa ten a segunda edición a piques de saír do prelo. “Non esperaba que pasase isto, aínda que no fondo sempre desexas que ocorra algo así”, di o escritor que o vindeiro 24 de maio estará en Pontevedra presentando o seu libro.

—Malia que xa ten outras publicacións está a vivir o fenómeno ‘Os fillos do mar’ coa ilusión dos primeirizos. Aínda non cansou das entrevistas?

—Que va! Estou contentísimo. Ti soñas con que pasen estas cousas pero sendo realista pensas que a ti non te van pasar. De neno eu pasei moitos anos desexando que os Reis me botasen o escalextric e nunca mo traían. A mañá que por fin apareceu o escalextric no salón da casa foi tremendo. Mi madriña! Pois isto é un pouco parecido así que estou disfrutando moitísimo. Ademais, ten en conta que botei oito anos en Lamatumbá, catro máis tocando en Los Feliz e xa non podía máis. E logo de toda esa dinámica, de tanto movemento, de súpeto, atópaste un día na casa, con esa vertixe de ‘e agora que vai pasar’, pensando que xa rematou todo… e é como volver a empezar, como montar de novo na montaña rusa.

—‘Os fillos do mar’ naceu nunha terraza de Gondomar con vistas ó mar de Vigo, as luces de Baiona e o solpor sobre ás Cíes, en metade dunha conversa coa súa muller.

—Si. Gústanos moito a última hora do día, cando tes rematado todo, sentar os dous tranquilamente na terraza e comentar o día ou falar do que sexa. Non sei que libro acababa de ler eu, Marta andaba ás voltas con algo de Mendoza, e estabamos falando de ambas lecturas. Era, por unha banda ese tipo de novela masiva e pola outra, literatura galega, e comezamos a falar de mesturar as dúas ideas. Tirando do fío fomos obtendo os argumentos para facer un best-sellercunha raíz moi galega. Coa ría diante eu contáballe á miña moza, que é catalana, a historia dos galegos de Rande, e falabamos de que iso daría para un montón de libros. Cando nos decatamos tiñamos un montón de claras de limón enriba da mesa e a trama completa.

—Á hora de escribir realizou tamén unha ardua tarea de investigación sobre a historia de Vigo malia que tamén deixa un gran espazo á imaxinación non si?

—A verdade é que é unha historia que xa coñecía pero cando nos metemos de cheo chamoume a atención a falta de información que hai dun momento tan importante da nosa historia. Dependendo do historiador que leas uns din que o ouro quedou no fondo, outros din que os ingleses arrasaron con todo… En realidade danche argumentos para defender calquera das dúas teorías. Pero tamén deixo moito espazo á imaxinación.

—Pregúntase: “Por que nos perdemos en divagacións sobre a beleza mentres contemplamos a lúa como paifocos , e non nos decatamos da muller que dorme ó noso carón?”. Na súa novela reivindica a beleza das cousas pequenas, ocercano…

—Efectivamente. Unha das reaccións que me van chegando estes días é que me fun descaradamente a por un texto de entretemento. Eu o que pretendía facer con esta novela, e aí declárome culpable de principio a fin, é entreter e que polo camiño leves algo aprendido para casa. A miña intención en ningún momento foi escribir a grande novela do século XXI. Penso que se nos obsesionamos moito con iso, – que é unha pandemia que temos os escritores galegos- igual nos despistamos e na procura desa grande novela perdemos as pequenas historias de cada día. A min interésame moitísimo máis isto. Parece que loce máis unha película que vemos no cine sobre as augas cristalinas do Pacífico mentres que na ría de Pontevedra hai unhas augas que xa quixeran moitos trópicos. Iso é o que busco. Non pretendo unha modelo despampanante, a miña parella é preciosa, a túa seguramente tamén. É iso o que vou buscando, que nos fixemos máis no que temos ó lado.

 

Continúa. Ler a entrevista completa en pdf.

 

 

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Deixa un comentario