Parlamento das letras: Entrevista de Armando Requeixo con Ramón Caride

23 Maio 2012

Autores,Blogs,Entrevistas

O blog Criticalia, de Armando Requeixo, publica unha entrevista con Ramón Caride. Reproducimos a primeira pregunta. A entrevista pode lerse completa aquí.

 

Parlamento das Letras

Ramón Caride Ogando

Ramón Caride Ogando é o noso miglior fabbro, o máis cómpito mestre de tafona literaria desta banda do Padornelo. E é que nacer en Cea imprime carácter, por máis que un, no mezzo del cammin della sua vita, ande xa afeito aos caldos de acios dourados do albariño cambadés.

Porque os de Cea cocen o que sexa mester e sempre con calidade de denominación de orixe literaria: tanto amasan o levedo poético en paisaxes de verde chuvia como enfariñan todo de novela negra e crónicas de sucesos, igual fermentan futuros de soños eléctricos que fantasían con pezas históricas de fríos azuis, o mesmo roxan o forno infantoxuvenil de aventureiros Saids e Sheilas que se lles dá polas roscas articulísticas defrontadas ao gume dos espellos todos.

Con Caride Ogando aprendemos das xeografías de sal e o cerne das labaradas, das criptografías que nos habitan e as complexas máscaras de Cronos que van configurándonos, pero tamén soubemos do lumefrío, do sangue que imos deixando polos camiños e dos infindos ollos da noite. Porque no universo de Sarou/Louzós todo é posible, incluso que un rapaz de Cea diga a súa palabra e un mundo abroche.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Publiquei o meu primeiro libro, Paisaxe de verde chuvia, en 1986, o mesmo ano no que naceu Uxía, a miña primeira filla, un ano moi especial para min, como ves. Foi unha autoedición, duns poucos centos de exemplares. Fíxeno nunha imprenta pequena do Porriño, e debeu ser un dos últimos libros da historia nos que a composición se fixo a man, tipo a tipo, con caixas metálicas. Daquela non pensaba facer máis libros, entre outras cousas porque o soldo non daba para moito máis e xa pateara unhas cantas editoriais, sen resultados. Ao cabo de tres anos, Isaac Alonso Estravíz deume a oportunidade de publicar outro libro de poesía, na normativa reintegracionista, que se chamou Tudo quanto hà no mundo, o título era unha cita de León Felipe, poeta agora moi esquecido, pero que daquela era un dos meus favoritos. Fixeron trescentos exemplares que non chegaron a distribuírse. Estes dous poemarios ían ilustrados polo meu amigo o pintor Miguel Karballo. Non os considero obras ben rematadas e por iso non os recompilei en As mascaras de Cronos (1992-2005), a miña poesía reunida no 2005.

As dúas primeiras recensións de prensa que conservo apareceron unha en La Voz de Galicia de Ourense, asinada por Camilo Franco, e outra en El Correo Gallego, nas páxinas culturais coordinadas por Helena Villar e Xesús Rábade. Esta segunda reproducía dous poemas. Falo de Paisaxe… pois Tudo… pasou desapercibida.

En paralelo xa publicaba cousas soltas, poemas ou contos no suplemento Revista das Letras de El Correo Gallego, na revista Animal de Positivas, en Dorna, no suplemento Mes a Mes da edición do Ribeiro de La Voz de Galicia etcétera. Nos oitenta, do que publiquei en prensa, hai pouca cousa que valla, pero seguramente me serviron para aprender. Unha escolla destes textos, xa dende os 90, ou sexa omitindo os primeirísimos anos, está no libro O gume dos espellos (2010) da editorial Toxosoutos, cousa que sempre lle agradecerei ao meu paisano David González Couso.

No 1990 publiquei o meu primeiro libro de contos, Os ollos da noite, relatos convictos e confesos de serie negra en Ir Indo. Modesto Hermida, paisano meu das terras de Cea e daquela profesor en Vigo coma min, foi quen fixo de embaixador na editora. E por fin entrei nun mercado editorial “normal”, dentro do que cabe. Este libro, Os ollos…, é moi irregular, pero nel hai algún conto interesante, que recuperei en libros máis recentes. Os ollos… tivo certo éxito durante dous anos, convidáronme á Semana Negra de Xixón e reeditouse. Isto facilitoume seguir publicando.

O meu cuarto libro, Crónica de Sucesos (1991) —que ti coñeces e valoras ben, Armando—, é sen dúbida o mellor dos meus libros iniciais e o primeiro no que realmente atopei a miña voz. Aínda o libro que teño arestora no prelo en Xerais, para saír neste 2012, Sarou/Louzós, ten moito de Crónica…

Curiosamente, este libro, Crónica…, no que tiña tantas esperanzas, pasou novamente desapercibido, en parte polo éxito de Soños eléctricos (1992), a miña primeira novela. Perdoa a extensión da resposta, pero é moi difícil resumir anos en poucas liñas.

(…)

A entrevista pode lerse completa aquí.

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.