«A terra de Iria é tan rica que dá para escribir historias infinitas»
O autor de Dodro ten nova novela marcada pola paisaxe da infancia
Angueira Viturro (Dodro, 1961) na súa aldea natal de Manselle, co río Ulla «enchendo e devalando polas Brañas de Laíño», volve a estar moi presente na última novela do profesor de secundaria e escritor que, ademais, elixiu o nome de Iria para o título do libro, nun intento de «reivindicar» unha terra —a súa— á que lle augura un grande futuro.
—Xa presentou a súa novela en varios sitios e vaino facer en Padrón. ¿Faille especial ilusión?
—Aínda non puxen data, pero faime moita ilusión porque Padrón é a capital da Terra de Iria e ambos son protagonistas especiais da miña novela.
—¿Por que se decidiu polo título de «Iria»?
—É o nome do galeón protagonista e elixino porque Iria é para min moitísimo na historia de Galicia, na historia política, xeográfica, cultural e literaria. É un nome que o paso do tempo, os milenios, non deron sepultado. É o epicentro do territorio no que vivo.
—Cando un lector de Vigo ou doutra cidade ve o título do seu libro, ¿que cre que lle di?
—Iria é un nome moi bonito, tanto que moita xente o escolleu para chamarlle as pícaras. E para aquelas persoas que coñecen algo de Historia saben que foi unha capital da Alta Idade Media. Cando non existía Santiago ou Pontevedra, existía Iria. O título é tamén un intento de reivindicar este nome, unha terra e un concepto, que é arcaico pero que sempre está vivo.
—Iria, o Ulla, a comarca… As súas raíces marcan a súa vida e parece que tamén a súa creación literaria. ¿É así?
—Iso pensei eu. Dende a miña aldea, Manselle, a paisaxe coa que eu me criei era o río Ulla polas Brañas de Laíño, surcado na remota infancia por embarcacións ás que eu non lle sabía o nome. Pero non é soamente unha paisaxe, é un camiño, un horizonte e é unha expectativa e iso axúdame moito na miña creación literaria, que está moi marcada por ese río.
—As personaxes da novela da comarca do Ulla e Arousa son xente loitadora. ¿Somos así hoxe en día?
—Hai de todo, pero penso que si. Eu non son tan escéptico a respecto da mobilización social. As persoas se lles das un proxecto, un horizonte que eles interpretan como de todos, móvense. A miña experiencia vital nesta comarca foi esa.
—Por certo, ¿son bos tempos para publicar?
—Non. Eu tiven a sorte de que Xerais, a miña editorial de referencia, acollese o meu proxecto. Son tempos difíciles, en xeral para a cultura e para o libro. Pero por outro lado tamén hai un foco de resistencia, un grupo de xente, sobre todo mulleres, que non deixa de ler e que está pendente das publicacións.
«É un reto novelar o fin da ditadura»
Iria, a última novela de Anxo Angueira enlaza coa anterior novela, Pensa Nao. Din que non hai dúas sen tres.
—¿Xa ten en mente algo?
—Si, gustaríame facelo. Cando estaba escribindo Iria xa pensaba nesa posibilidade. Pensa Nao está situada no inicio da Guerra Civil; Iria na resistencia organizada contra o franquismo e agora gustaríame novelar algo do final do franquismo, co que se completaría a cronoloxía dese período. É un reto que teño.
—Por tanto, a terra de Iria, o Ulla e todo ese escenario dan para máis historias.
—Para infinitas. Podería estar escribindo novelas e poemarios toda a vida. Iria é tan fecunda historicamente, tan rica culturalmente, tan excepcional, que dá para todo tipo de publicacións e espero que o recén creado Instituto de Estudos Irienses acepte o reto de traballar, de estudar, investigar e descubrir o qué e Iria na historia de Galicia.
—¿Como se ve a terra de Iria dende Vigo, cidade na que traballa?
¿Progresa?
—Progresa. Probablemente podería facelo mellor pero non hai que queixarse, hai que arrimar o ombreiro e organizarse. Volvo citar o caso do Instituto de Estudos Irienses no ámbito cultural, no que, nesta terra, está practicamente todo por facer. Pero en xeral esta é unha terra activa, que demograficamente non experimenta esa decadencia como outras de Galicia e eu creo que ten un futuro extraordinario por diante.
Uxía López