«Valentín Paz-Andrade: ¡poeta!», por Xesús Alonso Montero. Artigo sobre a «Poesía completa»

17 Maio 2012

Artigos literarios,Letras_galegas,Poesía

O profesor Xesús Alonso Montero publicou en La Voz de Galicia un artigo literario no que valora a aparición da Poesía completa de Valentín Paz Andrade.

 

Valentín Paz-Andrade: ¡poeta!

Antonte tiven o privilexio de ler a Poesía completa de don Valentín, a quen homenaxearemos, coas gabanzas debidas, o 17, día maior da República das Letras Galegas. Débolle a copia mecanográfica das 750 páxinas a Manuel Bragado, director de Xerais, que porá nas mans do común, en forma impresa, o próximo 14, este volume que vai sorprender e confortar aínda os lectores máis atentos da obra poética édita de Paz Andrade. O editor literario, prologuista e anotador deste volume é o profesor Gregorio Ferreiro Fente, que xa no ano 2001 fixera un útil e pioneiro achegamento dos “poemas escritos na guerra” polo polifacético escritor.

De don Valentín, os eruditos literarios (e, quizais, pouco máis) coñecen, e recoñecen, tres poemarios, os únicos publicados: Pranto matricial (1955), Sementeira do vento (1968) Cen chaves de sombra (1979). Teño a impresión de que o título máis gabado é Pranto matricial, un epicedio sobre Castelao construído con moita arte e digno de ser recitado por rapsodas un pouco épicos. Pois ben, Paz Andrade, moito antes, en 1937, escribiu tres libros de poemas que o día 14 deixarán de ser inéditos: A serra. Cantos do desterro branco, Sangue na neve. Etopea da serra e Cantos da aguia e do lobo. O que Paz Andrade conta e canta nestes tres poemarios é a xeografia e a antropoloxía cultural de Serra da Queixa, na que o autor estiro desterrado (ou confinado) en datas moi desacougantes da Guerra civil. Repárese nos títulos de moitas composicións: Claro sangue da terra, Paisaxe, 0 carro, A fouce, A fornada, As casas da serra son tobos da xente, 0 lobo, A partida, 0 cabalo, Noite de lobos… Don Ramón Otero Pedrayo, poeta da xeografía, gustaría destas composicións, moitas das cales ilustrarían moi axeitadamente os estudos do profesor Augusto Pérez Alberti sobre a Serra de Queixa. Hai, ás veces, romances, como Noile de sangue na aldea, nos que o autor non se subtrae dos modos poéticos de García Lorca.

O 17 lerei nos fastos literarios do día un breve estudo no que argumentarei que estes tres libros converten a Valentín Paz Andrade nun poeta de notable entidade, nun poeta superior do coñecido ata o de agora.

Xesús Alonso Montero

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Deixa un comentario