Cando a poesía é unha bala. Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «transmuta», de Xabier Cordal

16 Maio 2012

Críticas,Poesía

Xosé Manuel Eyré publicou en Galicia confidencial unha recensión crítica sobre transmuta de Xabier Cordal.

 

Sintaxe de cando a poesía é unha bala

Xosé Manuel Eyré aborda esta semana de ‘Transmuta’, un poemario de Xabier Cordal, editado por Galaxia e que fala desa poesía que é unha batalla de todos os días.

O primeiro poema podería titularse “vin a primeira imaxe”, mais o certo é que, se nos deixamso guiar pola convención, tal título non excede da primeira. Porén, se a poesía é unha bala, de primeiras debemos ter en conta que non é poesía convencional senón tentativa de furar calquera convención. E esta dos títulos é unha. Que, se en realidade existe no poemario algo semellante, é simplemente pola necesidade de marcar cando comeza un novo poema, tendo moi en conta, porén, que unha bala non é distinta doutra seguida ou anterior xa que o obxectivo sobre o que se percuta tampouco semella ser diferente senón sempre a mesma soga arredor do pescozo da xente. De aí que o poema pretenda ser obxectivo, e polo tanto adopte estratexia descritiva, superpoñendo, sobre esa obxectividade un feito poético trascendental, que foxe de toda banalidade anecdótica e se volve autoreferencial porque el, o poema crea o seu propio mundo desde a súa necesidade expresiva.
Cando a poesía é unha bala, tal cousa pode parecer sorpresiva, mais a toda hora estamos a falar de poesía porque a batalla é de todos os días.
Cando a poesía é unha bala, se triras do anel a cervexa pode ser de salgueiro e a frialdade da atmosfera, a frialdade do mundo, a codia que hai que atravesar.
Desde o valor nutricio ou referencial do cotián, do cotián e a incompresnsión ou non doada asimilación do extraordinario. Porque, o certo é que somos, humanos, materia escura, cómpre sabelo, por natureza, mais o poeta sabe, por experiencia propia e tantas veces poética, que calquera mergullo nesta natureza real e lóxica tende ao infinito de non solucionar nada, de non solucionarlle nada á estirpe de entre a dolor e a lembranza (cantas veces todo pracer só é iso, lembranza!).
Cando a poesía é unha bala, non te sorprendas, lector, se é breve, obxectiva- unha bala é unha bala- e contundente,como a necesidade de botar fóra o cancro da desnaturalización que levamos dentro.
Cando a poesía é unha bala tamén é conveniente saber valorar o silencios. Porque cando a poesía é unha bala non falamos de poesía convencional e, polo tanto, debemos estar atentos a todo o que pareza a-literario, como, por exemplo os xogos cos títulos, que pode non habelos, literalmente non habelos, ou poden ser simples suxestións entre parénteses, do  mesmo xeito que o propio poema tamén vai mutando, porque como natureza verbal e viva e comunicativa transparenta a pulsión interior que o leva a fragmentarse e reconcentrarse nunha brutal tentativa expresiva.
Cando a poesía é unha bala tamén é sorpresa e xa estamos, encetada, na segunda das partes do pomeario. Si, mais a soidade segue a ser a soidade, como afastamento do mundo que nos penetrra desde a información, ou como autoafastamento a que leva a que a necesidade de autorecoñecemento no caos do mundo. E non pode facerse raro que o poema sexa a suma de dúas voces, a inteiror e a(s) exterior (es). Non, porque cando a poesía é unha bala… a poesía é unha proposta, unha proposta analítica, tan simple ou tan complexa como un(ha tentativa de) caligrama ou unha descrición que remate cunha onomatopea en inglés, porque a poesía, esta poesía, sempre é delirio ( a soidae, o amor, a incomprensión) como texto contraposto á razón (autora das atrocidades que nso rodean  e non nos asustan)
Cando a poesía é unha bala, é unha bala desesperada, e o teorema de Bell, cuántico teorema da imposibilidade, pode ser a terceira parte do poemario. E aínda que ninguén sabe xa dicilo…a liberade só existe de noite e constátase que os humanos somos constelacións de mundos diferentes/diverxentes. E en toda esa conxuntura imposibilista, o poema vólvese un pozo/gozo, retórcese visualmente, renaturalízase e baseándose en sensacións reais mesmo pode chegar a ser como un comentario sobre un filme, ou, a seguir, un making off parateatral, críptico ( coma sempre) retrato…Porque candoa poesía é como unha bala non deixa de ser oficio de beleza, nin o amor deixa de ser droga como outras formas de poder convencional. Así de brutal.
Cando a poesía é unha bala, o poeta non pode esquecer a Rosalía, “Do íntimo”.
Cando a poesía é unha bala, segue sendo necesario, e complicado, soñar. Soñar, por exemplo, cunha república. E segue violentando a descrición da(s) soidade(s).
A descrición da(s) soidade(s) humana(s), esa é a foto dos (nosos) días. Esa é a codia ( dos nosos días). E faise preciso que todo o poema se volva, se retorza nunha paréntese combativa e popular, unha paréntese combativa, popular e cultural. Porque o poema é resistencia, oposición á imposición (difrazada, ou non, de dádiva necesaria). Porque, sendo resistencia, o poema se (configura) como unha brutal crónica atemporal: mestura de pasado, de futuro e de presente, e de indiferenza e orgullo e a negrura dos que queren mal. Porque é como un poema nocturno, libre, simple e froito do traballo como os rulos do silo. Porque é a única maneria de penetrar os  círculos dantescos que nos rodean. Para o cal se reclama o auxilio da ficción, o auxilio do relato ficticio que pon en valor, e evidencia, as codias que nos (en)cerran.
Porque cando a poesía é unha bala, é unha bala libertaria.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Deixa un comentario