Sintaxe de cando a poesía é unha bala
Xosé Manuel Eyré aborda esta semana de ‘Transmuta’, un poemario de Xabier Cordal, editado por Galaxia e que fala desa poesía que é unha batalla de todos os días.
O primeiro poema podería titularse “vin a primeira imaxe”, mais o certo é que, se nos deixamso guiar pola convención, tal título non excede da primeira. Porén, se a poesía é unha bala, de primeiras debemos ter en conta que non é poesía convencional senón tentativa de furar calquera convención. E esta dos títulos é

unha. Que, se en realidade existe no poemario algo semellante, é simplemente pola necesidade de marcar cando comeza un novo poema, tendo moi en conta, porén, que unha bala non é distinta doutra seguida ou anterior xa que o obxectivo sobre o que se percuta tampouco semella ser diferente senón sempre a mesma soga arredor do pescozo da xente. De aí que o poema pretenda ser obxectivo, e polo tanto adopte estratexia descritiva, superpoñendo, sobre esa obxectividade un feito poético trascendental, que foxe de toda banalidade anecdótica e se volve autoreferencial porque el, o poema crea o seu propio mundo desde a súa necesidade expresiva.
Cando a poesía é unha bala, tal cousa pode parecer sorpresiva, mais a toda hora estamos a falar de poesía porque a batalla é de todos os días.
Cando a poesía é unha bala, se triras do anel a cervexa pode ser de salgueiro e a frialdade da atmosfera, a frialdade do mundo, a codia que hai que atravesar.
Desde o valor nutricio ou referencial do cotián, do cotián e a incompresnsión ou non doada asimilación do extraordinario. Porque, o certo é que somos, humanos, materia escura, cómpre sabelo, por natureza, mais o poeta sabe, por experiencia propia e tantas veces poética, que calquera mergullo nesta natureza real e lóxica tende ao infinito de non solucionar nada, de non solucionarlle nada á estirpe de entre a dolor e a lembranza (cantas veces todo pracer só é iso, lembranza!).
Cando a poesía é unha bala, non te sorprendas, lector, se é breve, obxectiva- unha bala é unha bala- e contundente,como a necesidade de botar fóra o cancro da desnaturalización que levamos dentro.
Cando a poesía é unha bala tamén é conveniente saber valorar o silencios. Porque cando a poesía é unha bala non falamos de poesía convencional e, polo tanto, debemos estar atentos a todo o que pareza a-literario, como, por exemplo os xogos cos títulos, que pode non habelos, literalmente non habelos, ou poden ser simples suxestións entre parénteses, do mesmo xeito que o propio poema tamén vai mutando, porque como natureza verbal e viva e comunicativa transparenta a pulsión interior que o leva a fragmentarse e reconcentrarse nunha brutal tentativa expresiva.
Cando a poesía é unha bala tamén é sorpresa e xa estamos, encetada, na segunda das partes do pomeario. Si, mais a soidade segue a ser a soidade, como afastamento do mundo que nos penetrra desde a información, ou como autoafastamento a que leva a que a necesidade de autorecoñecemento no caos do mundo. E non pode facerse raro que o poema sexa a suma de dúas voces, a inteiror e a(s) exterior (es). Non, porque cando a poesía é unha bala… a poesía é unha proposta, unha proposta analítica, tan simple ou tan complexa como un(ha tentativa de) caligrama ou unha descrición que remate cunha onomatopea en inglés, porque a poesía, esta poesía, sempre é delirio ( a soidae, o amor, a incomprensión) como texto contraposto á razón (autora das atrocidades que nso rodean e non nos asustan)
Cando a poesía é unha bala, é unha bala desesperada, e o teorema de Bell, cuántico teorema da imposibilidade, pode ser a terceira parte do poemario. E aínda que ninguén sabe xa dicilo…a liberade só existe de noite e constátase que os humanos somos constelacións de mundos diferentes/diverxentes. E en toda esa conxuntura imposibilista, o poema vólvese un pozo/gozo, retórcese visualmente, renaturalízase e baseándose en sensacións reais mesmo pode chegar a ser como un comentario sobre un filme, ou, a seguir, un making off parateatral, críptico ( coma sempre) retrato…Porque candoa poesía é como unha bala non deixa de ser oficio de beleza, nin o amor deixa de ser droga como outras formas de poder convencional. Así de brutal.
Cando a poesía é unha bala, o poeta non pode esquecer a Rosalía, “Do íntimo”.
Cando a poesía é unha bala, segue sendo necesario, e complicado, soñar. Soñar, por exemplo, cunha república. E segue violentando a descrición da(s) soidade(s).
A descrición da(s) soidade(s) humana(s), esa é a foto dos (nosos) días. Esa é a codia ( dos nosos días). E faise preciso que todo o poema se volva, se retorza nunha paréntese combativa e popular, unha paréntese combativa, popular e cultural. Porque o poema é resistencia, oposición á imposición (difrazada, ou non, de dádiva necesaria). Porque, sendo resistencia, o poema se (configura) como unha brutal crónica atemporal: mestura de pasado, de futuro e de presente, e de indiferenza e orgullo e a negrura dos que queren mal. Porque é como un poema nocturno, libre, simple e froito do traballo como os rulos do silo. Porque é a única maneria de penetrar os círculos dantescos que nos rodean. Para o cal se reclama o auxilio da ficción, o auxilio do relato ficticio que pon en valor, e evidencia, as codias que nos (en)cerran.
Porque cando a poesía é unha bala, é unha bala libertaria.