«Vigo a 80 revolucións por minuto», de Emilio Alonso: Que punkis eramos hai trinta anos!

O xornal El Progreso publicou unha reportaxe de Marta Veiga sobre de Vigo a 80 revolucións por minuto, de Emilio Alonso.

 

Que punkis eramos hai trinta anos!!!

Houbo un antes e un despois no planeta pop galego. Nalgún momento, a principios dos oitenta, Vigo focalizou o grande estertor. Foi o tempo da música feliz e de resistir no sector naval. De urxencia punk e da necesidade de contar cousas desde unha óptica que non tiña por que coincidir coa madrileñocentrista. Trinta anos despois de todo aquilo, os protagonistas da movida galega, da vía autóctona á música dos modernos, regresan aos titulares. Aerolíneas Federales vén de propiciar unha xuntanza «un poco casual», di desde Escairón Miguel Costas, un dos fundadores, e será un dos pratos fortes da música no Festival de Cans, o sábado 26 de maio; na cita de Porriño, por certo, estará tamén outro vigués da movida, Germán Coppini. E máis. Os Resentidos xuntan unha tribo multitudinaria mañá en Ourense (21.00 horas, Expourense) para festexar que vai para trinta anos desde que a palabra carallo moveu os marcos do telón de grelos e chegou aos grandes medios nun retrouso irrepetible. Javier Soto, que foi resentido, recoñece que fóra de Galicia a banda foi practicamente un grupo de ‘one hit wonder’, un único éxito marabilloso.O ‘Galicia caníbal’ viaxou de Monforte ao Nepal e fíxoo en galego, algo que non pasaba -e non é comparable- desde Andrés Dobarro. O de «fai un sol de carallo», co tempo, ten gañado mística de himno fundacional e identitario. Case nada. Do Padornelo para acó, Os Resentidos cantáronlle a cousas tan de andar pola casa naquela altura coma a economía sumerxida, os mediopensionistas ou rillar no churrasco e puxeron a pólvora para os centos de músicos que hoxe fan pop ou rock, en todas as súas familias, e en galego. Soto, lonxe da posición de dinosaurio do rock, reafírmase: «Agora tócase moitísimo mellor do que tocabamos nós nos oitenta». E é que eran tempos onde a actitude ía sempre por diante do virtuosismo instrumental. Isto xa o advertiu Antón Reixa, líder de Os Resentidos e que desde Nación Reixa leva uns anos lonxe dos micros, efemérides e datas de gardar mediante. «Sigo a cantar igual de mal que hai trinta anos e estou en moito peor forma».
E logo, volven os oitenta?
Miguel Costas, que ademais de en Aerolíneas estivo en Siniestro, apresúrase a dicir que el nunca marchou. «Yo he seguido haciendo música, con mis proyectos en solitario después de Siniestro». Hai case un ano que sacou un disco de duetos e está a preparar un «mucho más punki». Ademais, meteuse a produtor desde o seu estudo de Escairón, onde chegan bandas da Ribiera Sacra luguesa e de Galicia toda.Costas estará tamén mañá en Ourense na homenaxe a Os Resentidos. Fará ‘Alcólica de supermercado’, pero engade que a súa presenza no dos aniversarios é tanxencial. «Los del aniversario son Siniestro, el año pasado, y ahora Os Resentidos. Aerolíneas no celebramos ningún aniversario; es una reunión. También estarán algunas de mis canciones en el musical que prepara Reixa sobre la movida viguesa». Outro dos que non marchou é Javier Soto, que pasou a Siniestro Total, banda que compatibiliza con Transilvanians, ska de factura clásica para ‘rudeboys’. Está agora a ultimar o repertorio resentido para tocar mañá a carón de Rubén Losada e Antón Reixa. Soto ten por certo que agora hai «máis e moita mellor música en Galicia» que a principios dos oitenta. «Non era para tanto», afirma. «Eramos uns poucos grupos e había tres garitos para tocar, o Kremlin, o Ruralex, o Satchmo…». E é inevitable que saian os nomes de Golpes Bajos, de Pablo Novoa, de Teo Cardalda, de Semen Up ou de Los Cafres, «un grupazo que, por certo, tamén volve agora», avanza o vigués Soto, quen tamén reivindica os coruñeses Radio Océano. «Peinador y Alvedro, unidos por la autopista», que dicía a tonada.
Segundo Grandío, lugués reclutado por Siniestro Total en 1988 e agora xefe do estudo Casa de Tolos de Gondomar, cre que a música galega dos oitenta «ben merece unha homenaxe». El gravará o concerto de Os Resentidos en Ourense para a plataforma R e a operación repítese con Aerolíneas e Siniestro. «É estar no banquiño, de adestrador», engade. «É moi interesante que uns vexestorios volvan reivindicar algo que foi vangarda; ao mellor alimenta a falta de enxeño destes últimos anos e abre unha porta para os novos», incide. Mentres Vigo -a cidade máis nova e quizais a máis desclasada de Galicia, en plena reconversión industrial- vivía o seu momento, Grandío soñaba en Lugo con ser músico. «Empezara tres carreiras. Estaba en Veterinaria ao tempo que traballaba pola noite no Clavi…». No Lugo daquel tempo foron Los Contentos a banda local con máis tirón e o vigués Alberto Comesaña, antes de Amistades Peligrosas, fundara Semen Up, o grupo do inesquecible ‘Lo estás haciendo muy bien’. A Grandío chamouno un día Julián Hernández e tocou o baixo en Siniestro Total 14 anos. «A miña nai chamaba a Julián para que el me dixera que debía rematar a carreira», chancea. Pero a Segundo Grandío tocoulle «o máis gordo» de Siniestro. O primeiro disco de ouro con ‘En beneficio de todos’, o exitazo do recopilatorio ‘Ante todo mucha calma’, pero xa estamos nos noventa e esa é outra historia. O lugués coincide cos seus coetáneos Costas e Soto en que os rapaces que hoxe anceian facer música téñeno moi difícil, pero ve futuro en lembrar a movida galega: «Ao mellor axuda a quen non se atreve a dar o paso. Temos as ferramentas dende hai 30 anos e tócanos atopar a versión 2.0».
Do concerto do cine Salesianos ao teatro musical

Emilio Alonso publicou hai uns meses a súa crónica ‘Vigo a 80 revolucións por minuto’ (Xerais), que sitúa o acto fundacional da movida no concerto que ofreceu Siniestro Total no cine Salesianos da cidade olívica o 27 de decembro de 1981. Dos siniestros orixinais permanece unicamente na banda Julián Hernández, quen, segundo Javier Soto, incorporado algo máis adiante, «dálle continuidade ao grupo como principal responsable das letras».Foi tamén no primeiro ano da década dos 80 cando Miguel Costas xuntou os Aerolíneas Federales, banda que adquiriu a formación chamada «clásica» en 1984, coa incorporación de Rosa e Coral, responsables duns coros sen os que é imposible concibir ‘Soy una punk’ ou ‘No me beses en los labios’. Nese ano, rexistraron Os Resentidos as súas primeiras músicas no mítico EP ‘Surfin’ CCCP’, compartido con Siniestro. Estes días acaba de saír á venda o dobre CD tributo ‘A tribo toda baila’, con versións dos clásicos resentidos por bandas galegas do momento.

Mañá, en Ourense, 21.00 horas; moi organizado

Os vigueses retornan á orixe en Ourense e mañá Expourense acollerá «a reunión de vellos alumnos» de Os Resentidos, con máis de trinta convidados, coetáneos e non tanto. Estarán, por exemplo, os lugueses Luis Tosar e Piti Sanz, Xosé Manuel Pereiro, Tonhito de Poi, Uxía, Xurxo Souto ou Xosé Manuel Budiño, con Carlos Blanco como mestre de cerimonias.

‘Galicia caníbal’, o musical

Vigo estreará en xullo o musical ‘Galicia caníbal’, unha idea de Antón Reixa para reivindicar a movida galega. Máis de 250 persoas fixeron onte as probas en Santiago para integrar o elenco deste espectáculo, que terá como director de escea ao dramaturgo Quico Cadaval.Serán trinta cancións que escolmarán o que foi a música galega e, di Cadaval, «é un espectáculo interxeracional, e non unha operación nostalxia». O musical está producido por Filmanova e Estrella de Galicia e conta coa achega do Centro Dramático Galego. Logo da estrea en Vigo, o musical iniciará unha xira por escenarios de cidades galegas, para chegar en setembro ao Nuevo Teatro Alcalá de Madrid, e xa no ano 2013 visitar Barcelona, Zaragoza, Bilbao ou Santander.

 Muchos músicos de la movida gallega de los 80 siguen al pie del cañón y aprovechan la efeméride para reunir aquellas bandas míticas. Este 12 de mayo, Os Resentidos, la banda que lidera el flamante presidente de la SGAE, tocan en Ourense.

Chuzame! A Facebook A Twitter

14th Mai 12. Posted in Crónica, Reportaxes.

View or Post Comments.