Miguel Sande publicou no Culturas de La Voz de Galicia un artigo literario sobre transmuta, de Xabier Cordal.
Canso de ler textos moi correctos
Non sei que é o que contén e agocha o poema á nai morta co que se inicia o poemario; non son eu moito de adxectivar, para nada, pero nesta ocasión hei dicir que me parece extraordinario sobre todo por distinto, sendo como é ese un tema repetido. Debe ser por esa maneira simple, natural e estraña á vez (de tan normal e espontánea) de sentir. Ata resulta algo frío pero un
frío asentido, que queda como pouso e é o que nota o lector nesas palabras del. Só por ese poema a min xa me pagou a pena dar con este novo poemario de Xabier Cordal, Transmuta, editado por Xerais. A poesía é iso.
É tempo este de incerteza e desesperanza. De necesidades, ata das máis básicas, e desorientación; non é fácil falar de poesía ou cando menos debe facerse con certo tino. Hai xente que non chega a fi n de mes, moita; hai xente que ten un obxectivo fundamental: comer. Con fillos. Eu coñezo algunhas desas persoas e algunha le poesía. Tamén sei despois de manter varios encontros con clubs de lectura que quen le, por ampla, amplísima maioría, son as mulleres.
En fin, nesta difícil e complexa situación actual eu —non sei vostedes, vós— é cando máis preciso da alta literatura, non para que me entreteña, senón para que me axude a tratar de entender a vida, tamén a miña.
Que toda axuda é pouca. Canso de ler textos moi correctos, moi ben escritos e perfectamente ensarillados nos canons establecidos, opto por Dark Butterfl y (novela), Repeat to Fade, (ensaio), Caderno do mendigo (poesía) ou este Transmuta, de Xabier Cordal, que non é alleo a todo isto que veño de referir nunhas poucas liñas contidas. A discoteca do Hermo, o centro comercial As Termas, a reforma laboral, o posfranquismo, o maltrato, unha tertulia radiofónica nunha emisora da Conferencia Episcopal, as folgas, ata a Cidade da Cultura, para a que tamén propón uso, centran os poemas deste libro en apenas 75 páxinas. Volve despois de dez anos de silencio cunha presada de versos comprometidos e non sei, dígoo de verdade, se con iso rozamos o ridículo hoxe ou procuramos unha ousadía; xesto en calquera caso, ignorado probablemente de aquí a uns días, e non demasiados.
XERAIS