«Valentín Paz Andrade. Vida e obra», de Charo Portela. Para achegarse á figura do homenaxeado no 2012. Crítica de Armando Requeixo

7 Maio 2012

Biografía,Letras_galegas

O crítico Armando Requeixo publicou nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños unha recensión crítica sobre Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela.

 

Para ler a Paz Andrade

 

Agora que vai achegándose, paseniño, o Día das Letras Galegas, non estará de máis recomendar unha competente monografía na que informarse da vida, obra e milagres dese personaxe singular que Valentín Paz Andrade foi e a quen dedicamos este ano a honra da efeméride.

Ensaísta, periodista fundador de históricas cabeceiras, poeta de estro errático e empresario de éxito, Paz Andrade é un deses nomes sen os cales non pode comprenderse na súa integridade a historia do galeguismo cultural, político e socioeconómico do pasado século.

Por iso mesmo é tan de agradecer que a investigadora Charo Portela Yáñez puxera por xunto o seu saber sobre o autor no volume Valentín Paz Andrade. Vida e obra, que ve luz na indispensable colección Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia.

Non é esta a primeira vez que Portela Yáñez se achega á figura do pontevedrés e iso nótase. Lonxe deses libros de encarga para a ocasión, a que fora subdirectora de Ediciós do Castro amosa aquí o seu fondo coñecemento da biobibliografía do escritor, atesourado ao longo de anos de trato directo cos que foron os seus amigos máis próximos e, tamén si, coa súa familia e o seu arquivo documental.

O resultado de frecuentar por tanto tempo os textos e contextos do homenaxeado é un estudo que ofrece unha condensada pero exhaustiva biografía deste —que ten as súas raíces nunha obra anterior de Portela Yáñez, Valentín Paz Andrade, editada por Ir Indo hai xa catorce anos—, á que se amece unha completa panorámica da súa obra literaria (poesía e ensaio literario), xornalística (en cabeceiras como Galicia. Diario de Vigo, Industrias Pesqueras e outras), de ensaio económico e do sector pesqueiro e mais da escrita epistolar.

Quero salientar aquí unha virtude para min capital do traballo de Portela Yáñez: o seu rigor informativo e documental, que antepón a calquera tentación de nesgadas valoracións apreciativas. Neste sentido, a súa profesionalidade amósase exquisita ao falar da roma poesía de Paz Andrade, lucidísimo ensaísta, decisivo activo no eido periodístico e do tecido infraestrutural do país, pero que se amosou como un versificador ben discreto, por máis que a cita de certas voces amigas e prologuistas das súas obras por parte de Portela Yáñez adornen de consideracións abondo xenerosas unha poética meridiana.

O volume remata coa mellor das bibliografías de e sobre Paz Andrade que coñezo. Nela, o lectorado interesado atopará cumprida referencia non só dos libros escritos polo de Pontevedra, senón que tamén saberá da nómina detallada de limiares que asinou, de escolmas nas que foi antologado e de ensaios, colaboracións, discursos e artigos en revistas e xornais por el publicados. Así mesmo, tamén poderá informarse dos libros, homenaxes, entrevistas, artigos e recensións que suscitou a súa traxectoria.

Por remate, resístome a non chamar aquí a atención sobre outra agradecida achega deste moi interesante Valentín Paz Andrade. Vida e obra: a non pequena cantidade de instantáneas, caricaturas, documentos e outros materiais que son reproducidos fotograficamente no libro, o que fai del un volume se cabe aínda máis atractivo para estudosos e curiosos, que poderán completar o discurso analítico sobre a figura homenaxeada acudindo a estas oportunas engádegas gráficas, nalgúns casos coido que inéditas ou, en todo caso, moi pouco divulgadas.

Merecidos parabéns, por tanto, para Charo Portela Yáñez, quen nesta obra nos fai máis próxima e admirable a peripecia dun intelectual que por riba de todo amou a súa Terra e a Cultura que lle deu o sangue.

Armando Requeixo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Deixa un comentario