«Sonetos de Shakespeare», traducido por Ramón G. Izquierdo, Premio AELG á mellor tradución

7 Maio 2012

Poesía,Premios,Traducións

O libro Sonetos de Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo, foi elixido na noite do sábado Premio AELG á mellor tradución durante a Cea das Letras que se celebrou en Santiago de Compostela.

Os Sonetos de Shakespeare son un dos cumios da poesía lírica de todos os tempos. As circunstancias que rodearon a súa publicación e a ambigüidade no relativo á identidade e ao sexo dos destinatarios teñen servido de escusa a múltiples conxecturas que, se ben non contribúen á comprensión dos sonetos, proban non obstante o continuo interese que desperta esta obra. Catrocentos anos despois de ver a luz, a modernidade destes textos segue resultando sorprendente, e o enfoque singular do bardo de Stratford fai que fique neles para sempre un halo de misterio. Nos sonetos asistimos a unha sorte de representación dramática onde unha voz meditativa vai debullando, en loita contra o tempo, os vaivéns do afecto e da paixón, da amizade e do amor, do anhelo e do desengano. Nesa percepción múltiple do teatro dos sentimentos danse cita os motivos máis diversos, desde a visión da natureza até a denuncia social ou a procura dunha trascendencia alén da morte. Ramón Gutiérrez Izquierdo presenta esta versión exemplar dos Shakespeare´s Sonnets acompañada de comentarios e notas sobre todos e cada un destes poemas, máscaras diversas do home das mil caras que foi William Shakespeare.

1 comentario

  1. [...] Edicións Xerais: “O libro Sonetos de Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo, foi elixido na noite do sábado Premio AELG á mellor tradución durante a Cea das Letras que se celebrou en Santiago de Compostela. Os Sonetos de Shakespeare son un dos cumios da poesía lírica de todos os tempos. As circunstancias que rodearon a súa publicación e a ambigüidade no relativo á identidade e ao sexo dos destinatarios teñen servido de escusa a múltiples conxecturas que, se ben non contribúen á comprensión dos sonetos, proban non obstante o continuo interese que desperta esta obra.” [...]

    Pingback by Premios AELG 2012 | O levantador de minas — 10 Maio 2012 @ 2:23 p.m.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.