«Dark butterfly», de Rexina Vega: creatividade e doenza mental. Anotación de Fran P. Lorenzo

7 Maio 2012

Blogs,Críticas,Narrativa

Fran P. Lorenzo publica no seu blog, Un país en lata, unha longa anotación sobre sobre Dark butterfly, de Rexina Vega.

 

 

«Dark butterfly» de Rexina Vega: marxes da novela brut

Na prosa de Cardume, a primeira novela de Rexina Vega, gañadora do premio Xerais 2007, ficaba descrita con mestría e emoción a limpa esperanza republicana do Vigo prebélico. Cando lin ese libro fermoso, agora traducido ao castelán (Pendragón, 2011), dei en pensar nos emblemas daquel tempo luminoso; a viguesa Urania Mella, por exemplo, combatente antifascista, defensora dos dereitos das mulleres, activista social e cultural, mestra de piano, represaliada. Matinei nun posíbel encontro dela con Urbano R. Moledo, o dramaturgo galeguista que protagoniza Cardume. No teatro García Barbón, ou nun concerto na Escola de Artes e Oficios. Puido ser, antes de que o golpe militar o desfixera todo, naquel porto atlántico no que a xente se coñecía e se chamaba polo nome. Ela, en 1936, evitou in extremis a condea de morte, o seu home e compañeiro de loita, Humberto Solleiro, non, e Urbano tampouco. Urania exemplifica o entusiasmo daquela etapa republicana e Cardume cifra nas súas páxinas a arela dese tempo novo, abafado polo totalitarismo e a barbarie.

Urania Mella era filla do vigués  Ricardo Mella, un referente internacional do pensamento anarquista, autor dun libro, tamén publicado por Xerais, Lombroso e os anarquistas, en tradución de Valentín Arias, que desmonta as teorías bastante alucinadas de Cesare Lombroso, un médico e criminólogo italiano de finais do XIX que verqueu no título Os anarquistas unha presada de incongruencias seudocientíficas sobre a filiación criminosa e psicopatalóxica dos herdeiros de Bakunin. A tolemia como descualificación, como reducto do inservíbel, argumento de peso para a condea dun colectivo ou a recusación dun ideario. Iso fai parte da historia e non hai máis que lembrar aquelas estarrecedoras mostras de arte dexenerada, durante o nazismo, nas que se confrontaba a obra de enfermos mentais coa desenvolvida polos artistas de vangarda, moitos deles xudeus.

Vén isto ao caso porque o reaccionario Lombroso é o pioneiro no estudo das derivas estéticas da enfermidade mental. Pateou asilos, hospitais e manicomios colleitando mostras de arte alienada. Ese traballo meteuno nun libro, (Genio e Follia, 1864) que marcou camiños que máis tarde completarían autores como Paul Gaston Meunier, Hans Prinzhorn (cuxa fundamental Expresións da loucura. A arte dos enfermos mentais acaba de ser editada por Cátedra, en castelán), e Jean Dubuffet, xa depois da II Guerra Mundial.

Dubuffet recibe en 1945 un encargo da editorial Gallimard para escribir sobre a arte dos tolos, para o que acode ao fondo pictórico colleitado por Prinzhorn en Heidelberg. Foi Dubuffet, fillo dunha familia de adegueiros, o que trascendeu a etiqueta/construción de arte alienada para impor a de art brut, en referencia ao parecer á denominación empregada para o champagne brut, o máis puro, aquel que non está adulterado. Cito do limiar de Julia Ramírez a esta primeira edición da obra de Prinzhorn na colección Grandes Temas de Cátedra: “A art brut engloba aquelas formas de expresión instintivas, nadas dunha necesidade irrefreábel e realizadas por persoas libres das influencias culturais normais”.

Se no texto de Cardume Rexina Vega conseguira envorcar o complexo mecanismo que subxace nos fíos da memoria colectiva, en Dark butterfly, a súa segunda novela, que acaba de publicar en Xerais, a escritora transita os camiños dunha mente torturada pola doenza mental, na que a criatividade, a expresión plástica, musical e literaria desa desorde, achega unha das claves da historia. A autora adéntrase no mecanismo e na lóxica interior dese padecemento coa mesma naturalidade coa que o leitor avanza polas páxinas do libro. Unha empatía que desacouga a quen le e que converte as anotacións nun diario ou os informes médicos en pura brasa que queima nas mans.

Faino nunha dura, audaz e fragmentaria novela brut, pura, sen adulterar, que vai directa á torrenteira do sangue. E faino desde a consciencia dese mal, “ninguén está libre dunha caída”, e desde a demoledora certeza do abismo. Esa evidencia contamina a linguaxe. Precisamente ese é, ao meu ver, un dos grandes logros desta novela: a núa expresión do medo, a escrita en carne viva. Tanto que doe, intimamente, sen nunca perder o sentido, por moito que as voces narrativas vaian alternando ou se dilúan unhas nas outras.

A pantasma da soedade, “estou no centro da festa e aquí, xusto aquí, ninguén baila”, da incompresión e o combate contra esa normalidade uniformizadora que reclúe dobremente á protagonista fican neste descenso aos infernos que é Dark butterfly. Unha novela valente, digna, nada compracente, que fala do medo sen medo, sen falsos pudores, na que non hai xuízos morais, na que ninguén nos guía da man, introspectiva, e na que eu advirto seguido os ecos do pensamento do filósofo francés Michel Foucault.

A linguaxe dos tolos era, para Foucault, a linguaxe do que é en verdade a literatura. E esa linguaxe, a que a senrazón comparte coa nenez -como a Alicia que aquí, neste libro, asoma atrás do espello-, constrúese na exclusión da linguaxe institucional. Linguaxe literaria, pois, levada ás aforas, ao arrabaldo: fóra do tempo, da sintaxe, da razón. Dark butterfly está construída sobre esa fronteira e é, neste sentido, unha novela arraiana, estremeira, de límite, como poucas que eu coñeza na literatura galega. Unha novela francesa, por esa só aparente sinxeleza que desprega a literatura francesa contemporánea;  genetiana tamén; incómoda; rockeira; anti-malencónica; e brut; un roman brut deses aos que non estamos afeitos por aquí, que poida que non rebente nos andeis de novidades dunha gran superficie comercial, pero que Gallimard, acho, non dubidaría en incluír no seu catálogo editorial para a rentrée de 2012.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Deixa un comentario