Elena Gallego: «Construír o universo de Dragal foi unha experiencia fantástica». Entrevista de Lourdes Varela

3 Maio 2012

Autores,Entrevistas,Fóra de Xogo

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo publica unha entrevista de Lourdes Varela con Elena Gallego con motivo da concesión do VIII Premio Frei Martín Sarmiento á súa novela Dragal.

 

 

«O segredo da literatura fantástica é que teña un pouso de cultura»

Recén galardoada co premio Frei Martín Sarmiento (categoría de 1ºe 2ºda ESO) pola primeira entrega da súa saga de Dragal, publicada por Edicións Xerais, Elena Gallego Abad (Teruel, 1969) anúnciános a pronta saída do terceiro libro desta triloxía fantástica e mais a súa inmersión noutros xéneros literarios.

—O Premio Frei Martin Sarmiento ten de especial que é outorgado por escolares. Que sentiu Vde. cando lle comunicaron que millares de rapaces galegos elixiran a súa obra?

–Felicidade e moitísima ilusión. O máis bonito no oficio de escribir é chegar aos lectores, conseguir que a historia que escribiches entre a formar parte das súas vidas. Que os rapaces elixisen Dragal como o mellor libro do ano, superou as miñas expectativas. A felicidade foi ver o reflexo da maxia do meu dragón nos seus ollos.

–Dende o punto de vista do prestixio literario, cambiaría Vde. este premio por outro que fose outorgado por un xurado especializado?

–Son cousas ben distintas, mesmo compatibles. Este premio dos lectores é moi especial, porque foron millares de rapaces os que leron o libro e decidiron que era o seu favorito, fronte a outras propostas que tamén teñen moito nivel. Ademais, antes de chegar as súas mans, Dragal xa pasara unha primeira selección por parte do profesorado, de entre todos os libros que foran editados en galego no ano anterior. O premio Sarmiento convérteo no mellor libro do ano para profesores e alumnos, o que lle dá un prestixio moi grande. Dito isto, teño que lembrar que a triloxía de Dragal é unha realidade porque a primeira novela quedou finalista do Premio Fundación Caixagalicia de Literatura Xuvenil 2009. Era a miña primeira experiencia seria como escritora e, daquela, cando rematei a novela, ocorréuseme a feliz idea de enviala ao concurso porque non quería esquecela agochada nun caixón.A maxia do dragón conseguiu o resto.

–Na literatura galega de hoxe en día, o xénero fantástico non é precisamente o que máis prolifera. Que é o que a animou a escribir nesta liña?

–Houbo un tempo no que a miña casa estivo habitada por dragóns, os que o meu fillo Adrián coleccionaba nos andeis do seu cuarto, de todo tipo e condición.Os seus libros de cabeceira eran de sagas fantásticas como Harry Potter ou Eragon, e non había maneira de que lese outro tipo de literaturas, e menos na nosa lingua. Ocorréuseme que se non había un dragón galego, que satisfacese as inquedanzas lectoras de rapaces como o meu fillo, habería que inventalo.

–Para o verán anúnciase xa a terceira entrega desta saga. Cando empezou a escribir a primeira novela, xa tiña pensado que sería unha saga ou o da triloxía foi xurdindo debido, precisamente, ao bo recebimento que tivo a primeira entrega?

–Cando comecei a escribir, nin se me pasara pola cabeza que se chegaría a publicar aquela primeira novela. Eu só pretendía crear unha historia fantástica arredor da reencarnación do último dragón galego (houbo un moi importante na Idade Media, perfectamente documentado). A miña premisa era que acontecese na vida e tempo reais, que os protagonistas fosen rapaces como o meu fillo e que xogase coa historia e tradicións galegas. A primeira novela, Dragal, a herdanza do dragón, non recolle a historia completa,pero decidín presentala ao premio Fundación Caixagalicia de Literatura Xuvenil, a ver que pasaba. Cando quedou finalista, e o editor Manolo Bragado amosou o seu interese, decidín continuala. Así, cando a primeira entrega chegou ás librarías, eu xa escribira a segunda e, despois, cando se publicou Dragal II, a metamorfose do dragón, xa case rematara coa terceira, A Fraternide do dragón, da que xa podo adiantar que os seareiros de Dragal poderán ter nas súas mans no prazo dunhas semanas.

–En quen se inspirou para a creación de Hadrián, o personaxe protagonista?

–O protagonista é Hadrián porque eu teño un fillo que se chama Adrián. Quería que o meu rapaz se sentise identificado coa novela, mais, co xogo de galeguizar o nome do protagonista e incorporarlle o“h”, quixen marcar distancias entre o mozo da vida real e o da ficción, porque non teñen nada que ver (agás no xeito de comer galletas). Dragal está cheo de personaxes imaxinarios nos que podemos recoñecer persoas que existen na nosa vida real. Mónica, Brais,a vella profesora dona Ermitas, o párroco de San Pedro… son xente do común, como calquera de nós. E os espazos nos que se desenvolve a triloxía son os dunha vila da costa galega que non é real no seu conxunto, aínda que a Poza da Moura, as catacumbas e o dragón da cúpula de San Pedro poidan existir, por separado, en distintos lugares.

–A novelas como as súas, as editoriais adóitanas clasificar no apartado de “literatura infantil e xuvenil” cando, en realidade, hai moitos adultos que as len. Cando Vde. escribe, séntese condicionada por este feito?

–O segredo de Dragal é que non é necesario contar cunha idade determinada para que che goste, porque ten varios niveis de lectura diferenciados. Forma parte dunha colección de literatura xuvenil, pero conta xa con seareiros de todas as idades. Por unha banda, é unha novela de aventuras para rapaces, na que dous amigos do instituto teñen que investigar un misterio. Hai dragóns de pedra que falan, medallóns de metal en estado vivo,unhas catacumbas que conectan cun lugar máxico como a Poza da Moura… Mais a triloxía de Dragal tamén é unha serie para adultos con inquedanzas culturais, xa que ten os seus alicerces na historia medieval de Galicia, recolle tradicións celtas e bebe das fontes da alquimia. Ese é o segredo, facer realismo fantástico e unir nun mesmo texto aventuras e cultura.

–O feito de que se decantara polo xénero fantástico, ten que ver cos seus gustos literarios persoais?

–Os meus gustos literarios persoais van por outros rumbos moi diferentes e, de feito, cando comecei a escribir Dragal a miña familia sorprendeuse de que dedicase tanto tempo a un dragón. Recoñezo que as miñas lecturas de novelas fantásticas non foron máis aló da obra de Jules Verne. Porén, gusto da fantasía que agochan as nosas tradicións, deses demos,trasnos, diaños, mouras e meigas que explican o inexplicable. Da miña colección persoal de libros de historia, algún deles con máis dun século de antiguidade, mellor non falo.

–A súa traxectoria literaria desenvolverase sempre no xénero fantástico ou ten previsto mudar de rexistros xenéricos?

–Construír o universo de Dragal foi unha experiencia fantástica, en todos os sentidos. Talvez regrese algún día a ese mundo, pero agora estou en pleno proceso de experimentación con outros xéneros que nada teñen que ver coa triloxía.

–Vde. é xornalista e os xornalistas teñen prohibido “fantasiar”. Escribir literatura fantástica é o seu xeito de desconectar coa profesión?

–Aínda que moitas veces a realidade supere a ficción, o xornalismo é un mundo paralelo no que non existe espazo para a fantasía. Nin debe. A literatura foi sempre o meu xeito de evasión da realidade, dende cativa, como lectora e nos últimos anos tamén como autora. Cando escribo unha novela teño a facultade de crear un mundo a miña medida e deixar fóra a crise económica e os problemas persoais.

Lourdes Varela

Chuzame! A Facebook A Twitter

1 comentario »

  1. [...] a Elena Gallego en Faro de Vigo, desde Xerais: “(…) – Faro de Vigo (FdV): Na literatura galega de hoxe en día, o xénero [...]

    Pingback by Elena Gallego: “O segredo da literatura fantástica é que teña un pouso de cultura” | |Axenda cultural AELG| — 4 Maio 2012 @ 10:01 a.m.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Deixa un comentario