Bases do Premio Blanco Amor de Novela 2012

24 Abril 2012

Bases_premios_literarios,Noticias,Premios

O Concello de Fene acaba de facer públicas as bases do Premio Blanco Amor de Novela. O prazo de admisión de orixinais remata o 28 de setembro.

As bases poden descargarse aquí en pdf.

APROBADAS AS BASES QUE REXERÁN O XXX PREMIO DE NOVELA LONGA EDUARDO BLANCO AMOR

O prazo para a recepción de orixinais rematará o vindeiro 28 de setembro

Poderán concorrer ao premio, dotado con 12.020 euros, todos os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.

As novelas a concurso terán que ser inéditas e cunha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos.

De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á concelleira de Cultura do Concello de Fene, Avenida de Naturais, 44, entrechán, 15500 Fene, facendo constar no exterior «Para o XXX Premio Blanco Amor». Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.

O xurado do premio, nomeado nesta convocatoria polo Concello de Fene, estará composto por cinco membros que serán: editores/as, libreiros/as, escritores/as ou críticos/as literarios/as da literatura galega. A composición do xurado darase a coñecer proximamente.

O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 28 de setembro de 2012. O ditame do xurado darase a coñecer no mes de novembro de 2012.

O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado. Neste caso, o importe destinarase a divulgar a obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.

A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada.

A entrega do premio terá lugar nos meses de novembro/decembro de 2012, nun acto público que se convocará oportunamente.

Podes seguir toda a información relativa ao Premio e á programación cultural relacionada dende a páxina web http://www.fenecidadan.net e tamén nas redes sociais Facebook e Twitter.

«Poema sinestésico para tres voces e un can», de Eva F. Ferreira, galardón do Xurado do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Premios,Radio

A Radio Galega informou do fallo do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que editará Xerais nas vindeiras semanas. O galardón do xurado foi para «Poema sinestésico para tres voces e un can», de Eva F. Ferreira, e o da audiencia para «Intercom-Baby», de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso.

 

«Poema sinestésico para tres voces e un can», de Eva F. Ferreira, galardón do Xurado do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

A audiencia escolle “Intercom-Baby”, de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, como mellor peza dramática para a radio

A entrega do premio e a presentación do libro-CD, editado por Xerais, coas catro obras finalistas farase o vindeiro 15 de maio nunha gala no Salón Teatro de Santiago

O certame está organizado pola Radio Galega, en colaboración co Centro Dramático Galego e patrocinado pola Agadic

Santiago, 20.04.2012.-   O xurado da sexta edición do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico decidiu por unanimidade outorgar o galardón á obra “Poema sinestésico para tres voces e un can”, escrita por Eva F. Ferreira. O Premio da Audiencia foi para “Intercom-baby”, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso.

O xurado subliñou da obra premiada a “utilización de materiais non convencionais no narrativo, a intensidade dramática de obra a súa intención de levar a quen escoita a unha paisaxe sonora pouco habitual nunha peza radiofónica”. Destaca tamén “o discurso provocador no fondo e na forma, o risco na procura de novos camiños da creación para a radio, a intención lúdica do texto que suscita a curiosidade e o xogo emocional co oínte e o formato da obra cunha feitura que engasta a xeito de collage as diferentes linguaxes artísticas. Poema Sinestésico para tres voces e un can indaga na actitude de quen escoita, e lonxe de asentarse no previsible provoca unha emoción inesperada”.

Os integrantes do xurado foron Evaristo Calvo, actor e director de teatro; Xosé Manuel Pacho Blanco, escritor, gañador da V edición; Camilo Franco, xornalista e crítico de teatro; Roberto Taboada, director artístico do Festival Alt de Vigo; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do “Diario Cultural”.

A autora de “Poema Sinestésico para tres voces e un can”, Eva F. Ferreira, é directora de escena e dramaturga. Formouse na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo, onde realizou estudos de Dirección de escena e dramaturxia. Foi artista en residencia para o CDG co proxecto de investigación Corpo-puta-vaca-berro no ano 2009. Publicou diversas pezas dramáticas en volumes colectivos e publicacións como Casahamlet. Foi finalista do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico noutras edicións coas obras de Como eliminar as manchas de vómito, O xou mas gou on e 1073. Na actualidade dirixe a obra “Edison” que se vai estrear no Teatro Ensalle de Vigo e coa que se presentará a compañía “Demolicións Ferreira e Compañía”.

Santiago Cortegoso e Marián Bañobre son co-autores de “Intercom-baby” a obra gañadora do Premio da Audiencia. Actor, director de escena e dramaturgo, Santiago Cortegoso traballou como actor e director en diversos proxectos escénicos. Autor das obras A  filla de Woody Allen (2010), 0’7% MOLOTOV (premio Rafael Dieste 2009), Os Comicos dell’Auto (2009) ou  Hámster (2009), crea en 2010 a Compañía Santiago Cortegoso. Pola súa parte, Marián Bañobre é actriz, traballou en diversos proxectos teatrais con compañías como Teatro de Ningures, Centro Dramático Galego, Teatro do Morcego e Nove Dous, ademais de formar a súa propia compañía xunto a Isabel Risco en 2009, Maquinaria Pesada, en que debutaron co espectáculo de clown “As vingadoras”.

Publicación dun libro-CD coas obras finalistas

Ademais das dúas obras gañadoras, as tamén finalistas “Ironías”, de Carlos Losada Galiñáns, e “Quendas”, de Zé Paredes, publicaranse nun libro-CD editado por Xerais. A presentación deste libro e a entrega do premio terá lugar o vindeiro 15 de maio nunha nova edición do Espazo Radioescénico no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Os premios da Audiencia e do Xurado están dotados, cada un, con 3.000 euros.

As catro obras finalistas emitíronse en diferentes programas da Radio Galega entre o 26  de marzo e o 13 de abril. Dirixidas por Evaristo Calvo, foron interpretadas por Víctor Mosqueira, Paula Buxán, Marcos Correa, Borja Fernández, Rocío González, Nuria Sanz, Laura Ponte, Pilar Pereira, José L. López Sacha. Iván Nogueira foi o responsable da realización sonora.

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega coa colaboración do Centro Dramático Galego e o patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais, procura fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico.

Novidades: «As rapazas de Xan», de Manuel Iglesias Turnes. Unha historia de amor na pobreza dunha aldea da posguerra

Narrativa,Novidades

As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, é unha das novidades da colección Narrativa.

De malla a malla desenvólvese a historia de amor, protagonizada por Carmela e Manuel durante os difíciles anos da posguerra en Cabanelas. Mais tamén é esta unha emocionante novela coral na que se describe o complexo tecido de relacións que compoñen a vida dunha aldea, marcada pola pobreza e a miseria, pola forte presenza da Igrexa que exerce unha notable influencia na vida cotiá, e pola ausencia de futuro na propia terra, cando a saída máis favorable para os seus habitantes máis novos é a emigración a Montevideo.