Carmen Ferreira Boo publicou en El Correo Gallego unha recensión crítica sobre os Relatos de terror, de H. P. Lovecraft.
O terror ao inexplicable
Edicións Xerais de Galicia ofrece ao lector mozo ‘Relatos de terror’, de H. P. Lovecraft na renovada colección Xabaril
Neste inicio de ano, coa intención de actualizar e ofrecer ao lectorado mozo obras de fronteira, Edicións Xerais de Galicia reedita na renovada colección Xabaril un conxunto de relatos de Howard Phillips Lovecraft (Providence, Rhode Island, 1890-1937) baixo o título Relatos de terror, traducido por Anxo Romero Louro.
Nesta ocasión, malia que se mantén a disposición dos relatos, prescíndese do iluminativo e necesario prólogo que Agustín Fernández Paz realizara para a edición do ano 1999 na colección Xabarín e no que trazaba a traxectoria vital e literaria de Lovecraft á vez que confesaba a súa admiración por este renovador da literatura de terror.
O volume ofrece sete relatos de extensión moi similar: “A tumba”, “Do máis alá”, “O can”, “A ceremonia”, “El”, “A besta da cova” e “O alquimista”, xunto ao relato en capítulos “Herbert West, reanimador”, que fora orixinariamente publicado por entregas en 1922.
Con eles achégase o lector a este mestre do denominado “terror cósmico materialista”, unha corrente que se afasta da temática tradicional do terror sobrenatural (satanismo, pantasmas, etc.) e que incorpora elementos da ficción científica (razas alieníxenas, viaxes no tempo, existencia doutras dimensións…).
É de salientar o relato “Herbert West, reanimador”, fonte de inspiración de varios filmes, no que se narran os resultados das investigacións do doutor Herbert West ao redor da morte e da reanimación dos corpos, desde que era estudante na ficticia Universidade Miskatonic ata pouco despois da Primera Guerra Mundial. E tamén dous relatos de xuventude, “A besta da cova” e “O alquimista”, uns exercicios literarios que imitan o conto gótico de Joseph Thomas Sheridan Le Fanu e Matthew Gregory Lewis.
En xeral os relatos, narrados en primeira persoa, ofrecen explicacións seudocientíficas para moitos dos sucesos estraños que acontecen nas súas historias e caracterízanse por reflectir o simbolismo do inconsciente colectivo, coa intención de espertar os terrores ancestrais que xacen na parte máis fonda do cerebro humano, dominada polos instintos e emocións, de xeito que o lectorado se embebe da presión psicolóxica á que están sometidos os protagonistas masculinos.
Para conseguir isto, Lovecraft bota man do medo ao descoñecido, que toma a forma de ignotas civilizacións aparentemente extinguidas, estrañas etnias, outras dimensións, vinganzas seculares, antigas estirpes, libros portadores de saberes máxicos…, e recorre ao tópico do manuscrito achado, á toponimia e onomástica exóticas, á incerteza sobre se os feitos extraordinarios narrados acontecen realmente ou só no maxín dos protagonistas, ás maldicións milenarias e ás criaturas fantásticas e habitualmente hostís.
Apaixonantes historias de terror que farán gozar o atrevido e intrépido lector.
XERAIS