María Navarro publicou no Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Catro amigos pillabáns, de Ramón Caride.
Auténtica aventura
Surcando os mares
O gusto polos sucesos estraños e perigosos leva a pequenos e maiores a inventar realidades nas que é posible vivir fantásticas aventuras, similares ás que representan os actores da gran pantalla ou as que cadaquén crea no seu maxín. Todas válidas e todas apaixonantes se conseguen basicamente o obxectivo de disfrutar dos que nos acompañan o/ou do que temos ao noso redor.
E isto é o que lle sucede aos catro amigos que Ramón Caride lles presenta aos lectores mozos para que fagan dos seus días unha auténtica aventura. Manporquiño, Murrigato, Caracol Col e Murrato, isto é, un bacoriño,un gato, un caracol e un rato, respectivamente, aproveitan cada momento que poden para xogar ao aire libre ou para acudir ao cine. E de tanto intentalo un día grazas a aparición dun bastón máxico emprenden unha aventura que os leva a Australia,que lles permite traballar no circo ou surcar os mares xunto a unha balea e todo nun tempo elástico que non distorsiona en absoluto o seu quefacer cotiá.
De volta a casa contemplan a riqueza que lle outorga a imaxinación de explorar lugares descoñecidos e a fortuna de poder entablar relación con outros seres semellantes, botando man, iso si, de comportamentos humanos.
Manuel Uhía, pola súa parte, interpreta o texto e crea uns personaxes divertidos que, sen dúbida, acapararán a atención do público infantil.
María Navarro
