«Orlando pendurado», de Goretti Fariña: o humor e a beleza dunha escrita culta e elegante

23 Marzo 2012

Blogs,Narrativa,Noticias

Manuel Bragado, director de Xerais, comenta en Brétemas  a presentación e o espírito do libro Orlando pendurado, de Goretti Fariña, novela gañadora do Premio Cidade Centenaria.

 

Vindicación da noveliña

No serán viaxamos a Ribeira para presentar Orlando pendurado, a novela curta de Goretti Fariña gañadora do Premio Cidade Centenaria. Unha obra de apenas oitenta páxinas que aborda cuestión tan complexa para os seres humanos como é a do fracaso axudándose da piedade proporcionada polo humor e da beleza achegada por unha escrita culta e elegante . Unha homenaxe explícita ao Orlando furioso de Ludovico Ariosto, que amosa as enormes posibilidades literarias deste formato de narrativa breve (menos de 120.000 caracteres).

Unha narración para dúas horas de lectura intensa e engaiolante que precisa doses semellantes as utilizadas polos atletas de 400 metros valados:  potencia, precisión e resistencia. Certames como este de Ribeira ou o de Soutomaior reivindican  para a literatura galega este xénero narrativo, baixo diversas denominacións (novela curta, noveliña, nouvelle, micronovela), que ten achegado importantes obras ao noso catálogo. Retorno a Tagen Ata de Méndez Ferrín, Comedores de patacas de Manuel Rivas, O solpor da cupletista de María Xosé Queizán ou As mellores intencións de Begoña Paz (gañadora da primeira edición do certame de Ribeira) foron froitos moi logrados. Neste tempo de velocidade, vindicamos a noveliña como un xénero que achega un anaco de acougo e reflexión.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vídeo de «Luz verde», curtametraxe baseada en «Cemiterio de elefantes», de Fran Alonso

Cine,Narrativa,Vídeos

Baseada no relato «01 AM» de Cemiterio de elefantes, de Fran Alonso, a curtametraxe Luz Verde pode ser visionada xa na rede. Cun reparto protagonizado por Dorotea Bárcena, César Cambeiro, Miguel Llanderas, Susana Álvarez, Carmelo Abollo, Uxío Couto e Martín Martinez, Luz Verde relata a historia dunha muller de Cabral, en Vigo, que chega ao centro da cidade, de madrugada, para mercar un medicamento nunha farmacia. A curtametraxe está producida por Urban Pig Films e dirixida por Sara Casal.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os tempos da longa noite de pedra contados por Xosé Fernández Ferreiro. Crítica de Alfredo Iglesias sobre «De Xente Nova a Brais Pinto»

Críticas,Crónica,Memorias

Alfredo Iglesias Diéguez publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre o libro de memorias de Xosé Fernández Ferreiro, titulado  De Xente Nova a Brais Pinto, e subtitulado Memorias dun afiador rebelde.

 

Un afiador rebelde

Acaído retrato xeracional

Nos tempos escuros da longa noite de pedra unha pequena presada de homes fixo posible a apertura dun espazo no que, comomsinalou Méndez Ferrín, tiveron cabida diversas “intelixencias e sensibilidades que aspiraban a unha renovación total de Galicia, política, literaria e artística”.

Sobre ese espazo vangardista, do que tanto se ten escrito e que, por dereito propio, está presente en todos os manuais de literatura galega e nas nosas enciclopedias, vén de escribir unha necesaria obra memorialística Xosé Fernández Ferreiro, un dos seus promotores.

Precisamente por causa do abundante coñecemento que temos do grupo Brais Pinto semellaba que xa non había máis que dicir; porén,o autor é quen de relatar nun feixe de páxinas –escritas a partir dunha conferencia pronunciada nun acto de homenaxe que lle tributou o Pen Club en 2009–, numerosas circunstancias de interese: a razón do nome do Grupo; as actividades realizadas polos sete fundadores –Xosé Luís Méndez Ferrín, Reimundo Patiño, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo, Bautista Álvarez, César Arias e o propio autor, Xosé Fernández Ferreiro–: os lugares de xuntanza, os debates, as conversas… e, tamén, por que non nun relato memorialístico, a troula; a incorporación de Herminio Barreiro e Alexandre Cribeiro ás actividades do Grupo; as relacións con outros confrades, como Xavier Costa Clavell ou ‘Foz’; a relación con xentes como Ben–Cho–Sey, Novoneyra ou Piñeiro; as circunstancias que rodearon á publicación de cada un dos libros que editou o Grupo…

Neste sentido, o libro que nos presenta Xosé Fernández Ferreiro, De Xente Nova a Brais Pinto: memorias dun afiador rebelde constitúe un interesante exercicio de memoria que realiza un acaído retrato sociolóxico dun grupo xeracional que loitou por facer agromar, dende o fondo da infamia franquista, a vangarda cultural e política do noso país.

Un relato no que o autor incorpora, ademais, outros episodios da súa traxectoria vital tamén de grande interese histórico, como a andaina do grupo ourensán Xente Nova, a segunda etapa do grupo Brais Pinto da man de César Arias e Reimundo Patiño e numerosas lembranzas que profundan na, ás veces, descoñecida intrahistoria dunha historia coñecida.

Alfredo Iglesias Diéguez

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Educar para a paz. Crítica de Paula Fernández sobre «A pomba dona Paz», de Ramón Caride

Álbums,Críticas,Infantil

Paula Fernández publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre A pomba dona Paz de Ramón Caride.

 

Educando para a paz

Contra as inxustizas do mundo

A pomba dona Paz é un libro pensado para contribuír coa educación para a paz, para axudar nun contido trasversal cada vez máis tratado e favorecido nos currículos escolares e para transmitirlle mao alumnado máis novo unha mensaxe que o coloca como a esperanza para acadar un mundo sen desigualdades e sen inxustizas.

Dona Paz, a pomba branca, o símbolo da paz, sae voar e olla todo o malo que acontece no mundo: a fame dalgúns, dos que nada teñen, e dos que xogan a vida emigrando a outros países, enfrontada ao consumismo feroz dos máis ricos; a agresión constante ao medio produto de poderosos intereses económicos; o maltrato á muller e a explotación infantil. Situacións estas que levan a dona Paz a falar cos homes, mais ante a súa falta de atención decide levar a súa mensaxe de solidariedade á infancia, sabedora de que a inocencia das súas mentes será a unica que sexa quen de frear a barbarie.

Nos catro versos rimados de todas as estrofas do libro destacan a denuncia e o ton solemne e grave adaptado para os primeiros lectores, pero, sen dúbida, o máis importante e salientable desta apoloxía da paz é a demanda, a reclamación desesperada, da necesidade dunha educación sólida en valores que encha o planeta de individuos xustos que acaben con todo o que ten de inxusto o mundo.

Paula Fernández

Chuzame! A Facebook A Twitter

Antón Cortizas estará no Lendo Contigo, en Gondomar, mañá sábado con «Vaia tropa!»

Clubs_de_lectura,Infantil,Merlín,Poesía

O libro Vaia tropa! de Antón Cortizas, centrará este sábado 24 o Club Lendo Contigo, de Espazo Lectura, e contará coa presenza do autor na Biblioteca de Gondomar.

Antón Cortizas, no Lendo Contigo deste sábado

O sábado 24 de marzo, a partir das 12:00 horas, terá lugar na Biblioteca de Gondomar a sesión mensual do Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais.
Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é Vaia tropa!(Xerais, 2011), do escritor ferrolán Antón Cortizas.

Contaremos coa presenza do autor
Antón Cortizas estará con nós na Biblioteca de Gondomar para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.
O libro
Vaia tropa! é un libro de poesía do absurdo, do sen sentido, e está pensado para ser lido de formas diversas. Hai poemas que terás que ler de esguello e noutros precisas usar un espello e así poder ler do verso o reflexo. Como non era cousa de poñer só letras alguén debuxou algunhas caretas. E como os debuxos están contrafeitos usarás o espello para velos con xeito. Ao final do libro convidámoste a que inventes algún compañeiro para toda esta xente. Trátase, xa que logo, dun libro xogo, no que a sorpresa da lectura e das ilustracións conforman un conxunto que non pasará desapercibido ao lector.

O autor
Antón Cortizas Amado (Ferrol, 1954) é profesor. En 1986 gañou o premio Curuxa de Humor co relato A medio muller. Desde esa data, a súa dedicación á literatura infantil e xuvenil tenlle deparado moitos recoñecementos, como o premio Barco de Vapor por Memorias dun río (1988) e O conto dos sete medos (1991) e, tamén en dúas ocasións, o premio Xeración Nós de textos teatrais por O coleccionista de sombras (1990) e O incrible invento de Solfis a pianista (1994). Outros títulos publicados por Cortizas son Xiganano, ¿onde estás? (1990), O lapis de Rosalía (1992), A bruxa sen curuxa (1993), O merlo de ferro (1995), A merla de trapo (Premio Merlín 2001) ou ¡Cázame ese pensamento! (2001).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Manuel Rivas será nomeado hoxe Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña

Autores,Eventos,Noticias

O escritor Manuel Rivas será nomeado hoxe venres doutor honoris causa pola Universidade da Coruña, no transcurso dun acto no que tamén será nomeado o profesor John Rutherford. O acto, que se celebrará no Paraninfo, comezará ás 12.00 do mediodía e estará presidido polo reitor, Xosé Luis Armesto. O discurso do acto correponderalle ao catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa Carlos Paulo Martínez Pereiro, a quen responderá o propio Manuel Rivas.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter